Orquestra de Cámara Galega

A Orquestra de Cámara Galega (OCGa) é unha orquestra de cámara fundada en 1995 na cidade da Coruña. Está dirixida dende a súa creación polo violinista Rogelio Groba Otero, que realiza tamén a función de concertino segundo o modelo de dirección do século XVIII.

Historia

A Orquestra de Cámara Galega (OCGa) naceu en 1995 grazas á inquietude dun grupo de músicos galegos formados no Conservatorio Superior de Música da Coruña e en diversos conservatorios europeos. A OCGa realizou o seu debut no "XLIV Festival de Ópera da Coruña". A orquestra ten desenvolvido unha intensa actividade que a levou a interpretar un amplo repertorio que abrangue as principais épocas e estilos, dende o Barroco temperán ata a música contemporánea, incluíndo a difusión e estrea das obras de compositores galegos e facendo especial fincapé na obra do compositor Rogelio Groba, do cal levaron a cabo numerosas estreas.

Participou habitualmente nos "Premios Anuais de Composición Andrés Gaos", así como no "XLIV Festival de Ópera da Coruña", "Xóvenes Intérpretes da Fundación Barrié" etc.

Con esta finalidade, a OCGa ten realizado a súa actividade musical polas principais salas de concertos de Galiza (Pazo da Ópera, Auditorio de Galicia etc) e do Estado español (entre as cómpre salientar o Auditorio Reina Sofía de Madrid, o Palau de la Música de Barcelona, a Sala Mozart do Auditorio de Zaragoza, a Real Maestranza de Sevilla, ou o Teatro Jovellanos de Xixón entre outros).

No ámbito internacional, a OCGa actuou en Viena durante a "Spanien Modern Musikfestival", Nova York, no Merkin Hall da Fundación Kaufman, en Buenos Aires, no Teatro Metropolitan, en varios auditorios de diversas cidades neerlandesas (Utrech, Ámsterdam ou Rotterdam), así como en diversos auditorios da xeografía portuguesa.

Ten colaborado con profesionais do talle de Teresa Berganza, Anthony Pay, Cecilia Lavilla, Ara Malikian, Juan de Udaeta, José Ramón Méndez, Juan Lomba, José Núñez, ou José Luis Estellés.

Discografía

Ademais das súa gravacións en directo para TVE, TVG e Radio Clásica, a OCGa gravou catro CDs:

  • Orquestra de Cámara Galega, Boanergies (2000), con obras de Rakov, Elgar, Rogelio Groba, Rogelio Groba Otero. Recibiu boas críticas da prensa especializada, salientando as cinco estrelas ao mellor son concedidas pola revista Amadeus.
  • Rogelio Groba, Autor (2003), monográfico do compositor galego coa primeira gravación do Concerto nº2 para violonchelo e orquestra interpretado por Clara Groba.
  • Don Chisciotte de Manuel García, selo Almaviva do Centro de Documentación Musical da Xunta de Andalucía, trátase da primeira gravación en directo desta ópera e foi gravado na Real Maestranza de Sevilla.
  • GOBA 80 Aniversario, escolma de obras e movementos do compositor galego.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre música é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.
A Coruña

A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia e bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 244.850 habitantes (2018); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².

A Coruña é sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, da Delegación do Goberno en Galicia, da Real Academia Galega, do Arquivo do Reino de Galicia e da Forza Loxística Operativa. Dende 1563 foi sede da Real Audiencia de Galicia (permanentemente dende 1612) e foi capital de Rexión Militar ata a súa desaparición en 2002.A cidade érguese sobre un promontorio na entrada dunha ría nun amplo golfo, o Portus Magnus Artabrorum dos xeógrafos clásicos. O centro da zona urbana espállase sobre unha península unida a terra firme por un estreito istmo, no que presenta dúas fachadas marítimas distintas: a portuaria (cara á ría da Coruña), de augas tranquilas, e outra de mar aberto, cara á enseada do Orzán, onde se atopan as praias urbanas de Riazor e o Orzán.

Unha das características máis notables que identifican A Coruña constitúena as múltiples e variadas galerías ou miradoiros que presentan nas súas fachadas numerosas casas do século XIX, que deron á Coruña o sobrenome de Cidade de Cristal, sen esquecer as súas numerosas praias, así como o contorno rural, que ofrece múltiples posibilidades de lecer.

Carballo

Carballo é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Bergantiños. É un concello grande (186,8 km²) que segundo o IGE en 2015 tiña 31.283 habitantes segundo o IGE (31.358 no 2012, 31.303 no 2011, 31.149 no 2010). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é carballés/carballesa.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.