Organización Republicana Gallega Autónoma

A Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) foi un partido político galego, de carácter republicano e autonomista que se fundou no outono de 1929 na Coruña coa participación das Irmandades da Fala locais e o Casino Republicano dirixido por Santiago Casares Quiroga, quen se converteu no seu principal dirixente a pesar de seren maioritarios os galeguistas nun primeiro momento, o que explica que no seu primeiro manifesto a ORGA reclamara unha república federal e que cando o sector galeguista quedou en minoría a ORGA defenda o autonomismo, inda que mornamente.

Traxectoria

C1931
Resultado das eleccións ás Cortes Constituíntes, celebradas o 28 de xuño de 1931. A ORGA, en azul moi escuro, sacou 14 escanos.

A ORGA organizábase en comités, partindo do local, o provincial e o máximo órgano directo era o Comité Executivo Rexional elixido pola Asemblea Rexional. Aínda que a maior parte da súa militancia procedía das clases medias urbanas, a ORGA conseguiu atraerse varias sociedades agrarias esparexidas por todo o país que constituíron a Organización Agraria Gallega.

En marzo de 1930 organizou a Federación Republicana Gallega, na que se integraron partidos republicanos como o Partido Radical e o Partido Republicano Radical Socialista. Tras a proclamación da República deixan a FRG o PR e o PRR-S, aínda que a FRG seguiu existindo ata abril de 1932.
A ORGA formou parte do primeiro goberno da república por medio de Santiago Casares Quiroga e converteuse na primeira forza política de Galicia nas eleccións a Cortes Constituíntes ao obter 14 escanos, inda que se presentase como FRG, formando no Congreso o grupo da Minoría Gallega na que se integrou Castelao e Ramón Otero Pedrayo.

En maio de 1932 a ORGA pasou a denominarse Partido Republicano Gallego (PRG), en outubro dese ano o partido entrou en crise ao integrarse a dirección da provincia de Pontevedra en Acción Republicana e nas eleccións de 1933 tan só sacou cinco escanos e en 1934 uniuse a Acción Republicana e Partido Republicano Radical Socialista Independiente para formar Izquierda Republicana

Estatuto

A ORGA contaba cun sector galeguista que pulou por facer da ORGA un partido comprometido coa realidade nacional galega e que asumise o autogoberno como un referente político, máis tamén contaba cun outro sector desinteresado da consecución de calquera autonomía para Galicia. Con todo tras a proclamación da república foi a ORGA a que tomou a iniciativa convocando o 4 de xuño de 1931 unha asemblea pro-Estatuto da que saiu un primeiro proxecto de estatuto, que resultou frustrado. Tras outro proxecto fracasado a fins de ano, o alcalde de Santiago de Compostela, militante da ORGA convocou unha asemblea de municipios en 1932 do que saiu un proxecto de estatuto e un Comité Central de Autonomía de Galicia presidido por Osorio Tafall, así e todo o principal valedor deste proxecto non foi a ORGA senón o Partido Galeguista, debido en parte a que o sector galeguista tiña cada vez menos peso no seo da ORGA e os atrancos que o propio Casares Quiroga como ministro da Gobernación lle puxo. Progresivamente o sector galeguista da ORGA foise distanciando do partido e acabou maioritariamente integrándose no Partido Galeguista, o último dirixente galeguista da ORGA en integrarse o PG foi Antón Vilar Ponte a comezos de 1934.

Prensa

A ORGA nun primeiro momento non contou cun órgano oficial de prensa para difundir o seu ideario, intentou sen éxito mercar algún xornal coruñés e entre xuño de 1931 e xullo de 1932 El Orzán converteuse no seu voceiro oficioso; en abril de 1932 apareceu El País, que fixo defensa explítica da política da ORGA, pero durou pouco tempo. Tamén recibiu o apoio de El País de Pontevedra ata novembro de 1932. En 1933 a dirección do partido acorda editar de novo un antigo xornal que dirixira Casares Quiroga, Tierra Gallega, o novo xornal sae á luz o 25 de xaneiro pero non consegue consolidarse e pecha o 4 de xuño dese ano.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Alfonso Bozzo, Alfonso (1976). Los partidos políticos y la autonomía en Galicia, 1931-1936. Madrid: Akal. ISBN 84-7339-135-7.
AGIR

Agir é unha organización de estudantes de esquerda independentista. Unha organización que conta con presenza en distintas comarcas de Galiza.

Agir defende un ensino público, en galego, non patriarcal, democrático e de calidade. Loita contra a privatización e por un ensino pensado para Galiza e en galego, en contra do machismo nas aulas. Esta ligado a Nós-UP. Contan cun representante na USC.

O órgano central e básico de Agir son os distintos Comités de centro de cada facultade ou centro de secundaria no que teñen presenza.

Acción Republicana

Acción Republicana foi unha agrupación política progresista e republicana fundada por Manuel Azaña en 1925 que se constituíu en partido político en 1930. Entre os acenos de identidade do partido, destacaban o autonomismo, o compromiso coa reforma agraria e a reforma do Exército.

Como grupo integrado na Alianza Republicana, participou no Pacto de San Sebastián para derrocar a Monarquía de Afonso XIII, e implicouse na construción e consolidación da II República. Formou parte do Goberno Provisional que se fixo cargo do país tras a saída de España do Rei.

Obtivo 30 deputados nas eleccións xerais de 1931, e enseguida converteuse, a pesar da súa relativamente escasa forza parlamentaria, nunha formación central dos Gobernos da República ata 1933, liderados polo seu presidente, Manuel Azaña.

Tras a derrota dos republicanos de esquerda nas eleccións dese ano, nas que Acción Republicana só obtivo 10 escanos, o partido fusionouse con outros grupos republicanos (como a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e o Partido Republicano Radical Socialista en 1934) para formar Izquierda Republicana, baixo o liderado de Azaña.

Asemblea Nacional-Popular Galega

A Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) foi unha organización suprapartidaria de coordinación de diversas frontes creada en 1975.

Bloque Nacional Popular Galego

O Bloque Nacional Popular Galego (BNPG ou BN-PG) foi unha organización política constituída en abril de 1977 pola Unión do Povo Galego e a Asemblea Nacional-Popular Galega. Tiña un obxectivo soberanista para Galiza, presentándose como alternativa ao autonomismo.

Colectivo Socialista

O Colectivo Socialista é unha organización política que forma parte do BNG. Conta con arredor de 150 militantes (2002). Os seus dirixentes son Mario López Rico e Francisco Trigo Durán.

Cando o Partido Socialista Galego decidiu saír do BNG no congreso extraordinario do 15 de xaneiro de 1983 un grupo de militantes desconformes formaron o Colectivo Socialista, ingresando no seo do BNG.

Confederación Xeral de Traballadores Galegos

A Confederación Xeral de Traballadores Galegos (CXTG) foi un sindicato nacionalista galego que se formou en 1985 como unha escisión da INTG. En outubro celebrou o seu primeiro congreso, no que Fernando Acuña foi elixido secretario xeral. Nas eleccións sindicais de 1986 conseguiu 1.087 delegados.

Editou a revista Adiante entre 1987 e 1993.

En 1990 formou coa INTG a Converxencia Intersindical Galega para concorreren as dúas en coalición ás eleccións sindicais. En 1994, ao se fusionaren as dúas organizacións, a Converxencia Intersindical Galega deu paso á Confederación Intersindical Galega (CIG).

Esquerda Galega

Esquerda Galega (EG) foi un partido nacionalista galego de esquerdas.

Intersindical Nacional Galega

A Intersindical Nacional Galega (ING) foi un sindicato nacionalista galego que se formou en marzo de 1977 da unión do Sindicato Obreiro Galego, UTEG, UTSG, UTBG e o SGTM. Francisco García Montes foi o seu secretario xeral. Celebrou o seu primeiro Congreso en outubro de 1977.

Nas primeiras eleccións sindicais de 1978 a ING converteuse no terceiro sindicato de Galicia con 722 delegados (13'5%). En setembro de 1980 fusionouse coa Central de Traballadores Galegos, co que a finais de ano conseguiron o status de sindicato máis representativo ao superar o 15% e obteren 1.679 delegados (17'5%). Denominouse Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG) a partir de 1981.

Inzar

Inzar foi unha formación política galega de esquerdas que estivo activa entre 1991 e 2012.

Izquierda Republicana

Izquierda Republicana (IR) é un partido político español republicano de esquerdas formado o 3 de abril de 1934 pola unión da Acción Republicana, Acción Socialista, o sector esquerdista do Partido Republicano Radical Socialista e a Organización Republicana Gallega Autónoma.

Liga Gallega (Santiago de Compostela)

A Liga Gallega foi unha organización rexionalista católico tradicionalista fundada en Santiago de Compostela. Activa entre 1898 e 1900. Presidida por Alfredo Brañas e con Salvador Cabeza de León na secretaría. Tivo escasa actividade.

Foi unha das correntes nas que se bifurcou a Asociación Regionalista Gallega, presidida por Manuel Murguía. A Liga Gallega de Santiago tivo unha inspiración conservadora, fronte á Liga Gallega da Coruña, máis liberal.

Partido Galeguista (1978)

O Partido Galeguista foi un partido galego fundado en 1978, reclamándose herdeiro histórico do Partido Galeguista da Segunda República Española.

Partido Galeguista Demócrata

O Partido Galeguista Demócrata actual é un partido político galego de centro, constituído no ano 2004 con Manuel Soto como secretario xeral e Xabier González como presidente. Autodefínense como galeguista, nacionalista, demócrata e europeísta. O PGD presentou candidaturas en 33 concellos nas eleccións municipais de 2007.

Partido Republicano Radical Socialista

O Partido Republicano Radical Socialista (PRRS), máis coñecido como Partido Radical Socialista foi un partido republicano xurdido en España en 1929 froito da escisión da tendencia de esquerdas do Partido Republicano Radical. Os principais líderes deste novo partido foron Marcelino Domingo, Álvaro de Albornoz e Félix Gordón de Ordás. O partido acadou un importante éxito nas eleccións de 1931, con 54 escanos. Nas eleccións de 1933 só obtivo cinco. A ideoloxía era republicana de esquerdas, defensora dun estado laico, fondamente anticlerical; reformista en aspectos fiscais, agrarios e do exército. O PRRS participou nos gobernos de esquerdas do Primeiro Bienio (1931-1933) so o liderado de Manuel Azaña, que incluía a republicanos de esquerda e a socialistas. Álvaro de Albornoz foi un dos principais ideólogos da lexislación laica da Segunda República desde o seu posto de ministro de Xustiza. O Partido Republicano Radical Socialista viuse afectado por numerosas crises ao longo da súa existencia. En 1932, Botella Asensi marchou do PRRS para fundar Izquierda Radical-Socialista (IRS). Ao ano seguinte, profundas discrepancias sobre a colaboración cos socialistas no seo do goberno abriron unha grave fenda no seo do partido, os sectores máis á esquerda, liderados por Marcelino Domingo e Álvaro de Albornoz, partidarios de manter a coalición co PSOE, enfrontáronse ao sector máis á dereita, encabezado por Félix Gordón de Ordás, defensor do achegamento ao Partido Radical de Alejandro Lerroux e que habería de confluír coa Izquierda Radical-Socialista e unha escisión da esquerda do Partido Radical na Unión Republicana. A finais dese ano, o sector progresista abandonou o partido para fundar o Partido Republicano Radical Socialista Independiente, que se fusionaría con Acción Republicana e a Organización Republicana Gallega Autónoma para dar lugar a Izquierda Republicana, o 3 de abril de 1934.

Partido Socialista Galego-Esquerda Galega

O Partido Socialista Galego-Esquerda Galega (PSG-EG) foi un partido nacionalista galego de esquerdas.

Sindicato Obreiro Galego

O Sindicato Obreiro Galego (SOG) foi un sindicato galego de orientación nacionalista e de esquerdas. O seu voceiro era O Eixo e editaba outros voceiros comarcais e sectoriais.

Solidaridad Gallega

Solidaridad Gallega foi unha organización política rexionalista galega activa entre 1907 e 1912.

Unidade Galega (coalición)

Para o partido político formado en 1991, vexa Unidade Galega (partido)

Unidade Galega (UG), foi unha coalición formada polo Partido Obreiro Galego, o Partido Socialista Galego e o Partido Galeguista en 1979.

A fin da coalición era a defensa dunha autonomía semellante á de Cataluña e o País Vasco e a consecución dun grupo nacionalista no Congreso dos Deputados para negociar o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981. Aínda que nas eleccións xerais de 1979 obtivo 58.391 votos (5'35 %) non conseguiu representación parlamentaria. Nas eleccións municipais de 1979 tivo 68.759 votos (6'35 %) e conseguiu 141 concelleiros e a alcaldía da Coruña para Domingos Merino.

As diferenzas no seo da Unidade Galega sobre a estratexia a seguir no proceso autonómico e a diferente postura dos partidos integrantes sobre a conveniencia de entrar na Comisión dos 16 (encargada de elaborar o proxecto de Estatuto) levaron á desaparición da coalición a finais de 1980.

Vangarda Nazonalista Galega

Vangarda Nazonalista Galega foi un partido independentista galego que actuou no ano 1933.

Partidos políticos
Sindicatos
Organizacións armadas
Asociacións xuvenís e de estudantes
Movementos sociais

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.