Obesidade

A obesidade (do latín obesitāte) é unha condición médica producida pola acumulación excesiva de graxa no organismo. Isto pode provocar efectos adversos na saúde, como a redución da esperanza de vida e o aumento de problemas derivados.[1][2] Unha persoa é considerada obesa cando o seu índice de masa corporal (IMC), un indicador que se obtén ó dividir o peso da persoa en quilos entre o cadrado da altura en metros, excede 30 os kg/m2.[3] Considerado dun xeito técnico, sempre que se dea unha inxestión de calorías (a través dos alimentos) maior que o gasto enerxético do corpo haberá un cúmulo de calorías en forma de graxa. O corpo humano almacena calorías extras nesta forma porque é o medio máis eficaz, almacenando o dobre de calorías no mesmo peso do que se almacenaría como carbohidratos ou proteína.

A obesidade incrementa a probabilidade de padecer diversas doenzas, particularmente doenzas do corazón, diabetes tipo 2, certos tipos de cancro, e artrose.[2] A causa máis común da obesidade é a combinación do consumo excesivo de comida, falta de actividade física e a susceptibilidade xenética. Malia isto, algúns casos son causados polos xenes, desordes endócrinos, fármacos ou enfermidades mentais. As probas que apoian que hai persoas obesas que aínda comendo pouco gañan peso son limitadas; de media, as persoas obesas teñen un gasto enerxético maior que as que non o son debido á enerxía necesaria para manter un incremento de masa corporal.[4][5]

A dieta e o exercicio físico son os piares do tratamento da obesidade. A calidade da dieta pode mellorar reducindo o consumo de alimentos con altos niveis de graxa ou azucre, e incrementando o consumo de fibra alimentaria. Os medicamentos anti-obesidade poden ser tomadas para reducir o apetito ou inhibir a absorción de graxa xunto cunha dieta saudable. Se a dieta, o exercicio e a medicación non son efectivos, os balóns gástricos poden axudar na perda de peso e tamén existe a posibilidade de recorrer á cirurxía para minguar o volume do estómago e lonxitude do intestino, o que supón unha redución da sensación de fame e da capacidade para absorber os nutrientes da comida.[6][7]

A obesidade é a principal causa de mortes previsibles en todo o mundo, e está a ter un incremento da incidencia tanto en adultos coma en nenos. Para as autoridades é un dos máis serios problemas de saúde pública do século XXI.[8] Socialmente, está estigmatizada na meirande parte do mundo (particularmente no occidente), malia ser vista como un símbolo de saúde e fertilidade noutras épocas da historia, como segue a ser nalgunhas partes do mundo.[2][9] No 2013, a "Asociación Médica Americana" clasificou a obesidade como unha doenza.[10][11]

Obesidade
Clasificación e recursos externos
upright=1.06}}}}}
Peso normal, sobrepeso e obesidade.
ICD-10E66
ICD-9278
OMIM601665
DiseasesDB9099
MedlinePlus007297
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Obesity6
Persoa obesa cun IMC de 47 kg/m2.

Índice de Masa Corporal - IMC

O IMC (índice de masa corporal ou corpórea dunha persoa) é un indicador usado para avaliar cuantitativamente a obesidade. Obtense ó dividir o peso (en quilos) polo cadrado da altura (en metros). O IMC considérase normal cando o resultado é de 18 a 24,9; mentres que se está entre 25 a 29,9 considérase sobrepeso. De 30 a 34,9 é obesidade grao I; de 35 a 39,9, obesidade grao II e, por riba de 40, obesidade grao III ou obesidade mórbida. Por riba de 50 chámase super-obesidade.

Segundo a Enquisa Nacional de Saúde 2011-2012, presentada polo Ministerio de Sanidade o 14 de marzo de 2013, a obesidade afecta o 17% da poboación española de 18 anos ou máis (16% entre as mulleres e 18% entre os homes) e o sobrepeso ó 37% da poboación (33,5% e 45,3%, respectivamente). Facendo un estudo histórico obsérvase como estas porcentaxes van crecendo ano tras ano: en 1987 a obesidade afectaba o 7,9% das mulleres e o 6,9% dos homes, e en 2003, o 13,9% e o 13,3% respectivamente.

Na poboación infantil (entre 2 e 18 anos), as porcentaxes de obesidade son do 9,6% da poboación.

Insatisfacción co peso corporal

Wide Chair
Nalgunhas situacións debe atenderse ós obesos con equipos especiais como cadeiras máis anchas.

A obesidade caracterízase tamén como un problema de natureza estética e psicolóxica, alén de ser un gran risco para a saúde.

Sabemos que a relación dun individuo cos demais parte do xeito no que os nosos sentidos actúan e espertan en nós sensacións de atracción ou de rexeitamento. Sendo a visión un destes sentidos, a imaxe corporal que a persoa posúe é indispensábel para unha vida saudábel. A importancia da mesma leva a que a persoa se prece consigo, sabendo que a positividade deste factor contribúe, non só ao desenvolvemento de relacións coa sociedade, senón tamén coa autoestima e carisma presente en cada un de nós.

Esta imaxe corporal reflicte como vemos e o que vemos no mundo. A través das interaccións cos outros, modificamos a nosa imaxe, en función do que gustamos e do ambiente no que vivimos. Recollendo todos estes datos, podemos afirmar que a imaxe corporal está directamente influenciada por factores fisiolóxicos, psicolóxicos e sociolóxicos.

E aquí chega o conflito. O peso corporal está relacionado coa imaxe corporal que damos. Dentro das posibilidades do peso corporal dunha persoa, existe unha clase na que a persoa excede o peso ideal que debería ter, sendo chamada persoa obesa. Así, o peso corporal tamén se ve influenciado polos factores antes indicados e consecuentemente a obesidade é un problema derivado do mesmo.

Cando se sente un descontento grande coa imaxe corporal, hai unha tendencia ó comezo de dietas inadecuadas, inxestión emocional e compulsiva, disturbios na alimentación que poden xerar problemas aínda máis graves (anorexia, bulimia), exercicio excesivo e diminución da capacidade cognitiva.

Son cada vez máis as persoas que fican descontentas coa súa imaxe corporal debido a factores desta natureza. É por iso que a imaxe corporal é tamén cada vez máis coñecida como un problema médico e psicolóxico.

A referencia a comportamentos perante a insatisfacción co peso corporal pode tender a un aumento excesivo de peso (cando a persoa é ou coida que é magra) ou a unha diminución drástica de peso (cando a persoa é ou coida que é gorda). Neste momento, son moitas máis as persoas que tenden a comportamentos de perda de peso que as outras. Porén, é de salientar que aínda que moitas persoas o tenten, son poucas aquelas que realmente conseguen atinxir plenamente os obxectivos propostos.

A consciencia de que é necesario mudar é dos puntos máis importantes nesta área. Se a persoa está insatisfeita ou está mesmo con problemas graves de saúde, a iniciativa persoal é esencial. Só así se pode tornar unha persoa receptiva á posta en funcionamento de programas e tratamentos adecuados á doenza en cuestión.

Obesidade mórbida

A obesidade mórbida é así chamada por ser unha condición causante de morbideza ou doenza por si soa. Os obesos mórbidos teñen máis tendencia ao diabetes mellitus (azucre no sangue), á hipertensión arterial (presión alta) e a problemas cardíacos e pulmonares.

O tratamento é con dietas e medicamentos inhibidores do apetito, podendo ata culminar coa necesidade de cirurxías para os obesos mórbidos refractarios ao tratamento medicamentoso e dietoterápico. Estes procedementos cirúrxicos son en xeral coñecidos como gastroplastias e só se deben facer despois da avaliación dun clínico, un nutrólogo, un psicólogo e un fisioterapeuta, alén do cirurxián. Equipos ben formados poden tamén contar con enfermeiros, asistentes sociais, profesionais de educación física e outros.

Notas

  1. WHO 2000 p.6
  2. 2,0 2,1 2,2 Haslam DW, James WP (2005). "Obesity". Lancet 366 (9492): 1197–209. PMID 16198769. doi:10.1016/S0140-6736(05)67483-1.
  3. WHO 2000 p.9
  4. Kushner, Robert (2007). Humana Press, ed. Treatment of the Obese Patient (Contemporary Endocrinology). Totowa, NJ. p. 158. ISBN 1-59745-400-1. Consultado o 5 de abril de 2009.
  5. Adams JP, Murphy PG (2000). "Obesity in anaesthesia and intensive care". Br J Anaesth 85 (1): 91–108. PMID 10927998. doi:10.1093/bja/85.1.91.
  6. NICE 2006 p.10–11
  7. Imaz I, Martínez-Cervell C, García-Alvarez EE, Sendra-Gutiérrez JM, González-Enríquez J (2008). "Safety and effectiveness of the intragastric balloon for obesity. A meta-analysis". Obes Surg 18 (7): 841–6. PMID 18459025. doi:10.1007/s11695-007-9331-8.
  8. Barness LA, Opitz JM, Gilbert-Barness E (2007). "Obesity: genetic, molecular, and environmental aspects". American Journal of Medical Genetics 143A (24): 3016–34. PMID 18000969. doi:10.1002/ajmg.a.32035.
  9. Woodhouse R (2008). "Obesity in art: A brief overview". Front Horm Res. Frontiers of Hormone Research 36: 271–86. ISBN 978-3-8055-8429-6. PMID 18230908. doi:10.1159/000115370.
  10. Pollack, Andrew (18 de xuño de 2013). "A.M.A. Recognizes Obesity as a Disease". The New York Times. Arquivado dende o orixinal o 18 de xuño de 2013.
  11. Weinstock, Matthew (21 de xuño de 2013). American Hospital Association, ed. "The Facts About Obesity". H&HN. Consultado o 24 de xuño de 2013.

Véxase tamén

Artigos relacionados

Ligazóns externas

Adiponectina

A adiponectina (tamén denominada coas siglas GBP-28, apM1, AdipoQ e Acrp30) é unha proteína que nos humanos está codificada polo xene ADIPOQ situado no cromosoma 3. Prodúcese nos adultos no tecido adiposo. Está implicada na regulación dos niveis de glicosa e na degradación de ácidos graxos.

Alimentación

A alimentación consiste na obtención, preparación e inxestión dos alimentos. A nutrición é o proceso mediante o cal os alimentos inxeridos se transforman e se asimilan, é dicir, incorpóranse ó organismo dos seres vivos, que deben comer san e observando a nutrición. Por extensión, chámase tamén alimentación á subministración de enerxía ou materia prima necesarias para o funcionamento de certas máquinas.

Aterosclerose

A aterosclerose é unha enfermidade vascular crónica e progresiva que adoita manifestarse na idade adulta ou na idade avanzada. A aterosclerose é unha forma de arteriosclerose caracterizada pola inflamación crónica da túnica íntima (a capa máis interna das arterias que está en contacto directo co sangue) das arterias de grande e medio calibre; inflamación que se debe esencialmente, pero non só, á acumulación e oxidación das lipoproteínas na parede arterial (chronic lipid-driven inflammatory disease) e que produce un conxunto dinámico de lesións multifocais, cuxa máis común é a placa aterosclerótica.

A aterosclerose é causada pola combinación de múltiples factores (etioloxía multifactorial e factores de risco cardiovascular (CV): factores xenéticos (familiaridade), fume, hipercolesterolemia, síndrome metabólica, diabetes mellitus, hipertensión, obesidade, hiperhomocisteinemia, sedentarismo. A estes engádense outros factores para os cales as evidencias adoitan ser menos estritas: alcohol, axentes infecciosos (especialmente Chlamydophila pneumoniae), periodontite, algunhas doenzas inflamatorias crónicas coma broncopneumopatía crónica obstrutiva, a artrite reumatoide, as doenzas renais crónicas. A multiplicidade de posibles axentes etiolóxicos e a longa evolución de décadas das lesións reflíctense na extrema complexidade do proceso de formación patolóxica (patoxénese).

Dado que é impensable restaurar a integridade nas paredes vasculares de todo o sistema arterial, a intervención terapéutica debe dirixirse principalmente á prevención primaria (prevención da doenza aterosclerótica) a través do control dos factores de risco "CV", con medidas comportamentais (dieta, exercicio físico e hábitos de vida) e farmacolóxicos (ex. antidislipidémicos, antihipertensivos, hipoglicemiantes, ácidos graxos omega-3, ácido acetilsalicilico). A terapia farmacolóxica é indispensable na prevención secundaria (prevención de eventos 'CV' na aterosclerose sintomática): os fármacos antiagregantes plaquetarios son esenciais para impedir a formación de trombos; a acción da estatina e dos inhibidores de ACE van moito máis alá dos seus efectos sobre o colesterol e a presión arterial. Non obstante, a eficacia máxima dos distintos tratamentos farmacolóxicos nos ensaios clínicos non supera o 30-40% da redución das ocorrencias de CV. A estenose severa das arterias pódese tratar cirúrxicamente (por exemplo, endoarterectomía, stent, bypass).A intensa pescuda ten como obxecto o estudo de fenómenos autoinmunes na aterosclerose e preparación de vacinas. Espérase con estas investigacións poder limitar o estrago da parede do vaso arterial. Outro campo da nova exploración é a busca de terapias eficaces para lesións lesion-targeted, isto é, medicamentos que poden ser dirixidos de forma selectiva cara as áreas das lesións.

Benzfetamina

A Benzphetamine é unha droga con propiedades aneroxíxenas (anti-obesidade) comercializada nos Estados Unidos baixo a marca Didrex®. Trátase dun fármaco estimulante moderado do sistema nervioso central da familia das anfetaminas.

A benzfetamina está normalmente indicada para o tratamento a curto prazo (8 a 12 semanas) da obesidade exóxena. É unha fenetilamina estreitamente relacionada coa anfetamina. En varios países hispanos utilízase como monodroga xenérica, incluída en fórmulas maxistrais prescritas para a redución de peso (asociada a unha dieta hipocalórica). Atópase na listaxe de substancias controladas, concretamente na listaxe III, de acordo coa Convención Internacional de Psicotrópicos de 1971.

Cirurxía bariátrica

Cirurxía bariátrica é un eido cirúrxico que abrangue as técnicas e procedementos empregados para tratar a obesidade. O obxectivo da cirurxía bariátrica é a diminución do peso e do índice de masa corporal, así como a mellora das doenzas relacionadas con esta, en especial a dislipemia e a hipertensión arterial.

Cromosoma 16

O cromosoma 16 humano é un cromosoma pertencente a un dos 23 pares de cromosomas humanos. Temos normalmente dúas copias deste cromosoma nas nosas células diploides (as somáticas) e só un nas células haploides (espermatozoides e óvulos). Pola posición do seu centrómero o cromosoma 16 é un cromosoma submetacéntrico. O cromosoma 16 comprende uns 89 millóns de pares de bases , o que representa un 3 % do total de ADN da célula.

A identificación de xenes nun cromosoma é unha área activa da investigación xenética. Como os investigadores utilizan diferentes enfoques para predicir o número de xenes, as distintas estimacións poden variar algo. Tendo en conta isto, o número estimado de xenes do cromosoma 16 está probablemente entre 850 e 1.200 xenes.

Entre os descubrimentos recentes sobre o cromosoma 16 está un realizado en 2010, no que se atopou unha nova causa de obesidade debida a unha microdeleción no cromosoma 16, que afecta ao 1% dos casos de obesidade. Este defecto foi identificado utilizando micromatrices de ADN e orixina a supresión duns 30 xenes nunha rexión do cromosoma 16. As investigacións mostran que esta microdeleción é relativamente común na xente obesa pero falta na maior parte da xente non obesa.

Diabetes mellitus

A diabetes mellitus é un grupo de enfermidades metabólicas caracterizadas por hiperglicemia (aumento dos niveis de glicosa no sangue), causada por deficiencias na secreción de insulina ou na súa acción ou por ambas as causas. Trátase dunha complexa doenza na cal coexiste un trastorno global do metabolismo dos carbohidratos, dos lípidos e das proteínas. É multifactorial pola existencia de múltiplos factores implicados na súa patoxénese. Estímase que a padece un 7,4% da poboación adulta (1995), cun valor esperado ao redor do 9% para 2025.

Doenza cardiovascular

As doenzas cardiovasculares son unha clase de doenzas que afectan o corazón ou os vasos sanguíneos. Entre estas doenzas están as doenzas arteriais coronarias, como a anxina de peito e o infarto agudo de miocardio, accidentes vasculares cerebrais (AVC), cardiopatía hipertensiva, febre reumática, miocardiopatía, arritmia cardíaca, cardiopatía conxénita, valvulopatias, cardite, aneurisma da aorta, doenza arterial periférica e trombose venosa.

Os mecanismos subxacentes varían de acordo coa doenza en cuestión. A doenza arterial coronaria, os accidentes vasculares cerebrais e a doenza arterial periférica prodúcense por aterosclerose, que pode ser causada por hipertensión arterial, tabaquismo, diabetes, falta de exercicio físico, obesidade, colesterol elevado, dieta pouco axeitada e consumo excesivo de bebidas alcohólicas. A hipertensión arterial é a causa do 13% das mortes por doenzas cardiovasculares, o tabaco do 9%, a diabetes do 6%, a falta de exercicio do 6% e a obesidade do 5%. A febre reumática cardíaca pode ter orixe nunha farinxite estreptocócica que non fose tratada.

Estímase que 90% dos casos de doenzas cardiovasculares poden ser evitados con medidas de prevención. A prevención da aterosclerose pode facerse diminuíndo os factores de risco, a través de medidas como seguir unha alimentación saudábel, practicar exercicio físico, evitar a exposición ó fume de tabaco e limitando o consumo de alcohol. O tratamento da hipertensión arterial e da diabetes tamén é benéfico. O tratamento das persoas con farinxite estreptocócica con antibióticos pode diminuír o risco de febre reumática. Aínda non é claro o beneficio do uso de aspirina en persoas doutra forma saudábeis. O United States Preventive Services Task Force recomenda que a aspirina non sexa usada como medida de prevención en mulleres con menos de 55 e homes con menos de 45 anos de idade, aínda que sexa recomendada nalgúns individuos máis anciáns. O tratamento de persoas con doenzas cardiovasculares mellora o prognóstico.

Ghrelina

A ghrelina é unha hormona peptídica de 28 aminoácidos que estimula o apetito, producida polas células do tracto gastrointestinal, principalmente polas células P/D1 do revestimento interno do fundus do estómago e polas células epsilon do páncreas. Orixínase a partir da clivaxe ou corte dun prepropéptido codificado no xene GHRL situado no cromosoma 3 humano.

Os niveis de ghrelina increméntanse antes das comidas e diminúen despois. Considérase que cotrarresta á hormona leptina, producida polo tecido adiposo, a cal induce a sensación de saciedade cando está presente en niveis altos. Nalgúns tratamentos da obesidade, redúcese o nivel de ghrelina dos pacientes, para así causar a saciedade bastante antes de que esta se produza de forma normal.

A ghrelina é un potente estimulador da hormona do crecemento na adenohipófise. O receptor da ghrelina é un receptor acoplado á proteína G, coñecido como o receptor secretagogo da hormona do crecemento. A ghrelina únese á variante de splicing GHSR1a deste receptor, o cal está presente en gran cantidade no hipotálamo, hipófise e nos corpos das células aferentes vagais e nas terminacións aferentes vagais por todo o tracto gastrointestinal A ghrelina xoga un papel significativo na neurotrofia (desenvolvemento e funcionamento neuronal), especialmente no hipocampo, e é esencial para a adaptación cognitiva ao cambio de ambientes e no proceso da aprendizaxe. Recentemente, viuse que a ghrelina activa a isoforma endotelial da óxido nítrico sintase nunha ruta que depende de varias quinases, como a Akt.A diferenza de moitos outros péptidos endóxenos, a ghrelina pode cruzar a barreira hematoencefálica, o que lle dá á ghrelina administrada exoxenamente un gran potencial para o seu uso clínico.

Hormona concentradora da melanina

A hormona concentradora da melanina (MCH) é unha hormona peptídica cíclica de 19 aminoácidos producida polo hipotálamo, que regula o apetito (función orexixénica). Orixinalmente foi illada na hipófise ou pituitaria dos peixes teleósteos , nos cales controla a pigmentación da pel, favorecendo a concentración da melanina, do cal provén o seu nome. Existe tamén noutros animais, incluído o home.

As neuronas que expresan a MCH están localizadas predominantemente no hipotálamo lateral, pero tamén se detecta MCH noutras partes do sistema nervioso central e periférico. Malia a súa distribución restrinxida as neuronas produtoras de MCH envían proxeccións a moitas partes do cerebro .

Está codificada polo xene PMCH do cromosoma 12 humano (locus 12q23.2) en forma dun precursor longo (pro-MCH), que se corta en tres péptidos: neuropéptido-glicina-ácido glutámico (NGE), neuropéptido-ácido glutámico-isoleucina (NEI), e hormona concentradora da melanina (MCH) A MCH únese a receptores específicos MCHR.

Nos mamíferos a MCH está implicada na regulación do comportamento alimenticio, estado de ánimo e balance enerxético. Os ratos knockout para o xene da MCH son hipofáxicos (comen pouco) e delgados, o que indica a implicación da hormona no control da alimentación . Cando se administra centralmente incrementa o consumo do alimento e a ganancia de peso, e nos ratos transxénicos con sobreexpresión de MCH produce obesidade .

A MCH ten efectos opostos aos da alfa-MSH en canto ao comportamento alimenticio e a resposta ao estrés .

A MCH parece estar implicada no sono paradoxal ou fase REM

Leptina

A leptina (do grego λεπτός leptos 'delgado') é unha hormona polipeptídica de 16 kDa que desempeña un importante papel na regulación da captación e consumo de enerxía no organismo, incluíndo a regulación do apetito e o metabolismo. É unha das hormonas máis importantes segregadas polo tecido adiposo. Nos humanos o xene da leptina é o Ob(Lep) (Ob de obeso, Lep de leptina), que está localizado no cromosoma 7.

Peso

En física, o peso dun corpo é unha magnitude vectorial, o cal defínese como a forza coa cal un corpo actúa sobre un punto de apoio, por mor da atracción deste corpo pola forza da gravidade.

A situación máis corrente, é a do peso dos corpos nas proximidades da superficie dun planeta como a Terra, ou dun satélite.

O peso dun corpo depende da intensidade do campo gravitatorio e da masa do corpo.

Nas proximidades da Terra, todos os obxectos materiais son atraídos polo campo gravitatorio terrestre, estando sometidos a unha forza (peso no caso de que estean sobre un punto de apoio) que lles imprime un movemento acelerado, a menos que outras forzas actúen sobre o corpo.

Proopiomelanocortina

A proopiomelanocortina (POMC) é un polipéptido precursor de 241 aminoácidos a partir do que se orixinan diversas hormonas. Á súa vez o POMC deriva doutro polipéptido precursor máis grande de 285 aminoácidos chamado pre-proopiomelanocortina (pre-POMC), do que se elimina o péptido sinal de 44 aminoácidos durante a tradución.

O xene que codifica o POMC está localizado no cromosoma 2 locus 2p23.3. O xene POMC exprésase nos lóbulos anterior e intermedio da hipófise ou pituitaria. O xene codifica un péptido de 285 aminoácidos precursor de hormonas que sofre un intenso procesamento postraducional específico do tecido, no que é cortado polos encimas similares á subtilisina chamados prohormona convertases. A proteína codificada sintetízase principalmente nas células corticotropas da adenohipófise, onde pode ser cortada en catro puntos. Os principais produtos orixinados son a hormona adrenocorticotropa (ACTH), esencial para unha esteroidoxénese normal e o mantemento do peso adrenal normal, e a β-lipotropina. Porén, hai polo menos oito sitios potenciais de corte no polipéptido precursor e, dependendo do tecido e da convertase dispoñible, o procesamento pode orixinar ata dez péptidos bioloxicamente activos implicados en diversas funcións celulares. Os sitios de corte teñen as secuencias, Arg-Lys, Lys-Arg ou Lys-Lys. Entre os encimas responsables do procesamento dos péptidos do POMC están a prohormona convertase 1 (PC1), prohormone convertase 2 (PC2), carboxipeptidase E (CPE), peptidil α-amidante monooxixenase (PAM), N-acetiltrasferase (N-AT), e prolilcarboxipeptidase (PRCP).

O procesamento do POMC implica glicosilacións, acetilacións, e cortes proteolíticos en sitios que conteñen rexións con secuencias básicas. Porén, as proteases que recoñecen estes sitios de corte son específicas de cada tecido. Nalgúns tecidos, como o hipotálamo, placenta, e epitelio, poden utilizarse todos os sitios de corte proteolítico, dando lugar a péptidos con funcións na homeostase da enerxía e dor, estimulación dos melanocitos, e modulaciñon inmunitaria. Entre eles están diversas melanotropinas, lipotropinas, e endorfinas, que están contidas na secuencia dos péptidos β-lipotropina e ACTH.

As mutacións neste xene foron asociadas co inicio temperán da obesidade, insuficiencia adrenal, e pigmentación vermella do pelo (ver roxo e cor do pelo). Foron descritas variantes alternativas orixinadas por splicing alternativo dos transcritos que codifican as mesmas proteínas.

Psicosa

A psicosa ou alulosa é un monosacárido de seis carbonos (hexosa) cun grupo cetona (cetosa), polo que pertence ao grupo das cetohexosas. A psicosa é epímero da D-frutosa no carbono 3, a partir da cal pode producirse psicosa . Considérase un azucre raro, xa que é pouco común na natureza, onde aparece en pequenas cantidades en produtos agrícolas ; tamén está presente en certos preparados comerciais de carbohidratos. A metabolización da D-psicosa só produce un 0,3% da enerxía que produciría unha cantidade equivalente de sacarosa.

O seu nome deriva do antibiótico psicofuranina, a partir do cal foi illada. Actualmente, estase a investigar sobre as propiedades da psicosa da dieta para combater trastornos como a hiperglicemia, a hiperlipidemia e a obesidade.

Péptido YY

O péptido YY ou PYY é unha pequena proteína de 36 aminoácidos con función hormonal liberada polas células do íleo e colon en resposta á alimentación. Nos humanos a forma YY3-36 parece reducir o apetito.

Outros nomes cos que se coñece o péptido YY son: péptido tirosina tirosina, ou péptido pancreático YY3-36.

Resistina

A resistina, tamén chamada factor secretor específico do tecido adiposo (ADSF), é unha proteína rica en cisteína codificada nos humanos no xene RETN do cromosoma 19. A resistina é unha citocina que ten un papel fisiolóxico moi controvertido en relación coa súa influencia na obesidade e na diabetes mellitus tipo II.Nos primates, porcos, e cans, a resistina segrégase polas células inmunes e epiteliais, e nos roedores segrégase polo tecido adiposo. A lonxitude do pre-péptido de resistina humano é de 108 residuos de aminoácidos e no rato e rata é de 114 aminoácidos; o seu peso molecular é de ~12,5 kDa.

Saúde

Saúde é definida pola Constitución de 1996 da Organización Mundial da Saúde coma o estado de completo benestar físico, mental e social, e non soamente a ausencia de afeccións ou enfermidades . Tamén pode definirse coma o nivel de eficacia funcional e/ou metabólica dun organismo tanto a nivel micro (celular) coma no macro (social).

..."A saúde mídese polo shock que unha persoa poida recibir sen comprometer o seu sistema de vida. Así, o sistema de vida convértese en criterio de saúde. "Unha persoa sa é aquela que pode vivir os seus soños non confesados plenamente"... Moshé Feldenkrais

Sobrepeso

O sobrepeso é o aumento de peso corporal por riba dun padrón dado. Para avaliar se unha persoa presenta sobrepeso, os expertos empregan unha fórmula chamada índice de masa corporal (IMC), que calcula o nivel de graxa corporal en relación co peso, estatura e talle.Considérase normal un IMC entre 18,5 a 24,9.

Os adultos cun IMC de 25 a 29,9 considéranse con sobrepeso. No entanto, algunhas persoas neste grupo poden ter moito peso muscular e por tanto non tanta graxa, como é o caso dos atletas. Nestas persoas o seu peso non representa un aumento asociado do risco de problemas de saúde.

Os adultos cun IMC de 30 a 39,9 considéranse obesos e cun IMC igual ou superior a 40, extremadamente obesos. Calquera persoa con máis de 45 kg de sobrepeso considérase que sofre de obesidade mórbida.

Índice de masa corporal

O Índice de Masa Corporal (ou corpórea, IMC, siglas én inglés: BMI -Body Mass Index-), tamén coñecido como índice de Quetelet (Lambert Adolphe Jacques Quételet), é un número que pretende determinar, a partir da estatura e o peso, o rango máis saudable de peso dunha persoa. Utilízase como indicador nutricional desde principios de 1980. O IMC resulta da división da masa en quilogramos entre o cadrado da estatura expresada en metros.

Por exemplo, se alguén ten unha masa ('pesa') 70 kg e mide 1.7 m, o IMC será:

En adultos acostuma establecerse un rango de 18-25 como saudable (O IMC en nenos é específico para idade e sexo, ver táboas CDC-2000). Un IMC por baixo de 18,5 indica desnutrición ou algún problema de saúde, mentres que un IMC superior a 25 indica sobrepeso. Máis de 30 considérase obesidade leve, e por riba de 40 hai 'obesidade mórbida' podendo requirir unha operación cirúrxica.

Estes rangos aplícanse a persoas entre 25 e 34 anos, e aumentan nun punto por cada dez anos por riba de 25. Así, un IMC de 28 é normal para persoas de 55-65 anos.

(A notar que tódalas clasificacións deste estilo son relativas, e pode haber lixeiras diferenzas entre elas.)

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.