O rato na cultura popular galega

Apodemus sylvaticus bosmuis
Sapos e ratos, bruxas e meigas, fóra das miñas veigas.

Crenzas e supersticións

Os ratos de campo constitúen unha praga para as colleitas. Por tal motivo forman parte dun ensalmo que utilizaban os labregos para bendeci-las leiras e escorrenta-las meigas (Antón Fraguas, 72). Deben salpicarse as lindes da leira con auga bendita e unha póla de oliveira bendita o domingo de Ramos, á vez que se recita:

Sapos e ratos,
bruxas e meigas,
fóra das miñas veigas

Para esconxurar eficazmente os ratos cómpre sinalar ó lugar ó que deben ir e onde poidan manterse (Terra de Melide, 452). Risco conta que un cura de Amandi, que tal facía contra 1932 por terras de Sober (Lemos), mandaba os ratos ó monte de Oroso (Vicente Risco, 394).

En Riós (Ourense), para libra-la casa de ratos compría poñer trala porta unha pola de sabugueiro en flor.

Os mariñeiros de Cambados, cando tiñan ratos no barco, mallábano con estrugas. O mesmo castigo servía para cando non pescaba abondo (Adela Leiro, 32).

Crese tamén que cando lles saen os dentes deformes ós meniños, é porque ratos ou galiñas comeron algún dos dentes que previamente lles caeran [1]. Por iso, para conseguir que os dentes saian sans e non sexan deformes, hai que botar na cinza da cociña os dentes que lles vaian caendo ós cativos [2].

Medicina popular

O caldo de rato forma parte da medicina popular galega para cura-la tiña, o tifo ou a tose ferina (Lis Quibén, 307, Jesús Rodríguez López, 141, Terra de Melide, 452). O tal caldo de rato faise botando un rato sen tripas nunha pota de caldo de verdura.

Tamén se usa en forma de aceite de rato, feito deixando macerar varios ratos acabados de nacer nunha botella de aceite. Unha vez completamente disoltos, este aceite serve para curar cortes e diversas feridas (Adela Leiro, 91). Tamén cura a dor de oídos dos meniños (José Curt, 317).

Léxico

Polygonatum odoratum1
Herba do rato Polygonatum odoratum

Rato forma parte de diversos sintagmas que designan diferentes plantas e animais:

  • Herba do rato: herba fina e dura que medra entre o toxo.
  • Herba do rato: Polygonatum odoratum, chamada normalmente soldaconsolda ou selo de Salomón.
  • Herba rateira: Euphorbia lathyris.
  • Orella de rato: Asperugo procumbens, planta de flores brancas e pequenas, tamén chamada ás veces muruxa (non confundir con Stellaria media, chamada vulgarmente muruxa, maruxa ou herba paxareira).
  • Cola de rato, rabo de rato: planta, Myosurus minumus [3][4].
  • Rato do mar, rata ou peixe rato: denominacións populares de diversas especies de peixes selacios (Alopias vulpes, Etmopterus spinax, Oxynotus centrina) e doutros tipos (agulla, Belone belone; alcrique, Scomberesox saurus, Dasyatis pastinaca, Chimaera monstruosa) [5].
  • Pelo de rato: tipo de alga vermella, Ceranium rubrum, de talos pardos e filamentosos.

E tamén outros conceptos:

  • Rata: vulva [6].
  • Dous ratas: moeda de dous reais (50 céntimos de peseta) [6].
  • Enratoar: empachar. Non quero máis, que me enratoa o touciño.

Locucións

  • Andar un rato na barriga: comezar a ter fame.
  • Calar coma un rato: non contestar, quedarse calado.
  • Coma mexo de rato: no sentido literal, aplicado a líquidos, moi fluído, nada concentrado. Aplicado á xente, ser un tipo raro, excéntrico.
  • Entender tanto de algo como de albardar ratos: non ter idea de como se fai algo.
  • Esperto como un rato: espelido, listo coma un allo.
  • Estar amurado: alicaído, murcho, triste, desanimado.
  • Ser/ estar pobre coma as ratas: moi pobre.

Refraneiro

Artigo principal: Refraneiro galego sobre o rato.
Mouse vermin
Mal lle vai ó rato que soilo ten un burato
  • A bo gato, bo rato.
  • A muller que non sabe cociñar é coma gata que non sabe ratear.
  • Cada moucho ó seu souto e cada rato ó seu burato.
  • Cada rato para o seu burato.
  • Cada rato ten o seu burato.
  • Cada rato ten o seu niño, e cada muller o seu abrigo.
  • Chuvia en maio, a mexadiña dun rato.
  • Con fillos, o gato ben caza ó rato.
  • En marzo nin o mexo dun rato.
  • Entre o rato e o león, non hai comparación.
  • Entrou o rato no meu celeiro e fíxose o meu herdeiro.

Cantigueiro

  • Aquela vella do deño,/ atentada do pecado/ botou un rato no pote/ pensando quera un pescado.
  • Así é que de hoxe en día,/ rapaces, tende coidado/ se non queredes levar/ a muller roída dos ratos.
  • Benitiño pequeniño/ non vaias polo camiño,/ que hai un rato coma un demo/ metido nun buratiño [7].
  • Fun unha noite ó muíño/ fixen un pouco de bolo/ púxeno no tremiñado/ rilláronm’os ratos todo.
  • Funme casar á montaña/ en terra de maragatos,/ déronme unha muller vella/ toda comesta dos ratos.
  • Funme casar á montaña/ que é terra dos maragatos;/ déronme unha muller vella/ toda roída dos ratos [8],
  • Meu sogro ten dous piornos/ e miña sogra ten tres,/ en ningún deles os ratos/ topan un grau que roer.
  • Na miña vida tal vin:/ na terra dos maragatos/ unha vella piquiniña/ toda rillada dos ratos.
  • Non armes o garamelo/ que non me gusta o touciño,/ o que foi rato algún día/ sabe onde mete o fuciño.
  • O muíño no’é muíño,/ que é a capela dos ratos/ onde se daban os bicos/ e se daban os abrazos [9].
  • Os ratos coa fariña/ ten un bo divertimento:/ eu tamén che me adivirto/ traguéndote no pensamento [10].
  • Pasei por Rio de Quintas/ caladiño com’un rato/ para que non me pegasen/ as neniñas do Portazgo.
  • Pensas que por ti me morro,/ que por ti rompo zapatos,/ miña cara de boneca,/ toda rillada dos ratos ([11].
  • Pico, pico/ ¿quen che deu tamaño bico?/ deumo o noso Señorito/ para picar no muíño,/ o muíño a moer/ e os ratos a comer.
  • Quen te me dera na ucha/ coa chave na faltriqueira/ que te había de pillar/ como o rato na rateira.
  • Señor Alcalde Maior,/ poña xusticia nos ratos,/ que fun á noite ó muíño/ e rilláronme os zapatos ([12].
  • Si vírades o que eu vín/ na terra das maragatos:/ unha muller pequeniña/ toda comida dos ratos.

Adiviñas

Мышь 2
...o rato
  • Catro patas enriba de catro patas agarda a catro patas, catro patas non veu, catro patas marchou e catro patas quedou.[13]
  • Catro pés/ esperando catro pés;/ catro pés non veu/ e catro pés marchou/ e catro pés quedou/ en cima dunha arca.[14]
  • Este rato ten un nome,/ chámanlle Pillabanciño./ ¿Cantas letras ten o nome/ deste rato pequeniño?
  • Fandunguete fandungaba/ e rabilón miraba:/ ¿como lle iría a Fandunguete/ se non fora o bugarete? [15]
  • Foliquiño andaba buscando,/ e rabo largo estaba mirando/ e se non fora polo buratiño/ que sería do pobre Foliquiño.[15]
  • O morto está enterrado,/ o preso atado;/ vén o vivo soltar ó preso/ e érguese o morto/ e mata ó vivo.[16]

Notas

  1. Leandro Carré recolle o nome popular de dentes de rato para designar os dentes cando son moi pequenos.
  2. Lis Quibén, 267.
  3. Losada, Castro e Niño (1992).
  4. Eladio Rodríguez González, s. v. rabo.
  5. Carmo Ríos Panisse (1977).
  6. 6,0 6,1 Constantino García González, s. v. rata.
  7. Xaquín Lorenzo Fernández, 53.
  8. Saudade nº 4, xullo 1943, 27. No texto: Funm’a, qu’é, déronm’unha.
  9. Xaquín Lorenzo Fernández, 121. No orixinal: muiño, no-é.
  10. Xaquín Lorenzo Fernández, 126.
  11. Xaquín Lorenzo Fernández, 132.
  12. Xaquín Lorenzo Fernández, 145.
  13. O gato, a cadeira e o rato.
  14. O gato e o rato.
  15. 15,0 15,1 O rato e o gato.
  16. A rateira.

Véxase tamén

Bibliografía

Rato doméstico

O rato doméstico ou rato caseiro (Mus musculus) é unha especie de roedor miomorfo da familia Muridae. É a especie máis frecuente de rato. Crese que é a segunda especie de mamíferos con maior número de individuos, despois de Homo sapiens. Habita sempre preto do home, co que mantén unha relación de comensalismo. O rato de laboratorio pertence a esta especie, polo que é tamén o mamífero máis utilizado en experimentos de laboratorio como organismo modelo e existen multitude de variantes transxénicas que simulan doenzas xenéticas humanas. Está incluído na lista das 100 das especies exóticas invasoras máis daniñas do mundo da Unión Internacional para a Conservación da Natureza.

Refraneiro galego sobre o rato

A bo gato, bo rato.

A muller que non sabe cociñar é coma gata que non sabe ratear.

Cada moucho ó seu souto e cada rato ó seu burato .

Cada rato para o seu burato.

Cada rato ten o seu burato.

Cada rato ten o seu niño, e cada muller o seu abrigo.

Chuvia en maio, a mexadiña dun rato.

Chuvia en marzo, nin o mexo dun rato .

Con fillos, o gato ben caza ó rato.

En marzo nin o mexo dun rato.

Entre o rato e o león, non hai comparación.

Entrou o rato no meu celeiro e fíxose o meu herdeiro.

Febreiriño corto cos seus días vinteoito, se dura máis catro non queda nin can nin gato, nin ratiño no burato, nin ovella na cortella, nin pastor para ir co ela, nin cornos no carneiro nin orellas ó pregoeiro.

Febreiro corto, cos seus días vinteoito, se durara máis catro, non quedaba can nin gato, nin rato no seu burato .

Fillo de gata, ratos mata .

Fillo de gato caza rato.

Gato con guantes non pilla ratos.

Gato maiador, nunca bo cazador.

Gato miañador, nunca foi rateador.

Gato que moito miaña, nunca moito caza.

Gato que moito miaña, poucos ratos caza.

Máis come o gato dunha vez que o rato nun mes.

Máis val ser cabeza de rato que rabo de gato .

Máis vale flaco no mato ca gordo no cu dun gato.

Mal anda o rato que non sabe máis dun burato.

Mal lle vai ó rato que soilo ten un burato.

Malia o rato que non sai do burato.

Moito sabe o rato, pero máis o gato.

Mórrense os gatos e alégranse os ratos.

Muller que non sabe cociñar e gata que non sabe ratear, nada vale.

Na casa en que non hai gatos, campan os ratos.

Na casa en que non hai gatos, non faltan ratos.

O dente do rato é bo dente que sempre deixa a semente.

O fillo da gata ós ratos mata.

O fillo do gato mata ó rato .

O gato berrador non é mal rateador.

O oficio do gato é mata-lo rato.

O que ha de come-lo rato, que o coma o gato.

O que has de dar ó rato, dállo ó gato.

O que lle has dar ó rato, dallo ó gato, anque máis come un gato dunha vez, que un rato en tres.

O rato da casa, un día ou outro se caza.

O rato e o gato non comen nun mesmo prato.

O rato non se fía dun soilo burato.

O rato que non sabe máis dun furado, cóllese axiña, se está tapado.

O rato que non sabe máis dun burato, logo o pilla o gato.

O rato que non sabe máis dun burato non é bo rato.

O rato que soilo sabe dun burato, axiña o apaña o gato.

O rato que soilo ten un burato, logo cai nas unllas do gato.

O rato vello non cai na rateira.

Onde non hai pan non o comen os ratos .

Polo rabo da coller vai o rato á ola.

Polo rabo da culler vai o rato ó pote .

Ratos arriba, que todo o branco é fariña.

Tarde se arrepinte o rato cando xa está na boca do gato.

Vale máis manta lavada de merda do gato que roída do rato.

Vale máis rato fraco que gordo no cu do gato.

Vale máis ser cabeza de rato que rabo de gato.

Etnografía galega
Meses do ano
Cores
Animais
Alimentos
Vexetais
Outros

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.