O piollo na cultura popular galega

Tradicionalmente, os piollos combatíanse buscándoos directamente entre os pelos e esmagándoos entre as uñas: catar ou cachea-los piollos. De aí vén o nome popular de matapiollos para o dedo polgar, coas variantes cachapiollos, escachapiollos, escochapiollos, escutapiollos, matapollos ou trincapiollos.

Este é o miudiño / meniño,
este é o seu sobriño,
este é o maior de todos,
este é o furabolos
e este é o matapiollos.

Medicina popular

A tricia (ictericia) curábase con piollos fritidos con ovos. No Concello de Cotobade dábanlle ó enfermo durante nove días e en xexún, un vaso de viño con nove piollos. En Verín dábanlle os nove piollos en leite ou chocolate.

A anemia curábase comendo, tamén en xexún, varios piollos que antes picaran a alguén.

Para cura-las belidas (cataratas) introducen no pelo do enfermo un piollo, coa intención de que lle zugase os malos humores.

Para mata-los piollos hai que botar na cabeza coca moída (po dos cocos ou bugallos do carballo) ou sementes de herba dos lazarosos (que non puidemos identificar).

Refraneiro

  • Cando a semana está de piollos, no val mudar a camisa [1].
  • Cando o ano é de piollos, non vale mudar camisa.
  • Cando se pon a pardela a espiollar non tarda un día o vendaval.
  • Cando se pon a pardela a espiollar venta o vendaval.
  • Díxolle o peite ó tiñoso: tírate alá, piolloso.
  • O piollo, des que se ve na camisa lavada, corre que rabea.
  • O piollo en camisa lavada corre que rabea.
  • Os días medran o batacú do piollo cada día dende o Nadal.

Cantigas

  • Algús homes, as morenas/ dín que non lles enchen os ollos;/ non saben que as roxas sempre/ andan cheas de piollos [2].
  • Caséime cunha señora/ coidando que tiña don:/ tiña piollos da libra/ e pulgas da cuarterón.
  • Haber, heiche mandar unha,/ por detrás dun pau de toxo/ ¡e non me has de negar/ que es filla dun piolloso! [3].
  • Miña sogra morreu onte,/ Diola leva ó ceo dos lobos;/ deixoume unha manta vella/ toda chea de piollos [4].
  • Na camisa teño pulgas/ no xibón teño piollos,/ ¡e téñenme moita invidia!/ ¡inda lles caian os ollos!
  • O piollo e maila pulga/ andan no monte a rozar;/ alá vai o carrapato/ derreado co xantar [5].
  • O piollo estaba malo,/ a pulga estaba parida;/ o ladrón do escarrapacho/ tiña a espenilla caída.
  • Pola falda da camisa/ vinche subir un piollo,/ era de Sierra Morena,/ levaba un parche nun ollo [6].
  • Polo cuello da camisa/ ben che vexo ir un piollo,/ venche da sega da Ambroa/ trai un fachico nun ollo.
  • Rapaciña, non te quero,/ porque tes moitos piollos/ e fai falta máis dun ano/ para chos catare todos [7].
  • Tírate de esa ventana,/ garrafina de piollos:/ se vén unha onda de aire/ gáfasnos de iles a todos [8].
  • Vaia que traes fachenda/ con esas catro guedellas/ todo cheo de piollos/ que che furan as orellas.
  • Vaite á merda, vaite á merda,/ por riba dun pau de toxo/ que anda decindo a xente/ que eres fillo dun piolloso [9].

Locucións

  • Coma piollo en costura: estar todos xuntos, apertados, amontoados, incómodos.
  • Correr como o piollo pola cinza: ser lento en face-las cousas, non ser dilixente.
  • Meterse como piollo por costura: ser quen de meterse nun sitio estreito, de onde vai resultar difícil removelo.
  • Ruín coma os piollos: ser moi ruín, molesto.
  • Verse un coma un piollo en camisa lavada: fachendoso, orgulloso, altivo.

Adiviñas

  • Ando nas altas montañas,/ miña nai xa é falecida,/ dez me procuran/ e dous me tiran a vida. (o piollo)
  • Dez cazadores na mata,/ só dous que matan a caza. (os dedos das mans catando piollos)
  • Moura por cima do ceo,/ nunha mata escondida,/ son dez os que me procuran/ e dous os que me tiran a vida. (o piollo)
  • No monte nace,/ no monte se cría/ e baixa o gado/ do coto da guía. (o peite das lendias)
  • O meu pai vai de caza;/ o que caza déixao aló/ e o que non caza traino pra acó. (o peite das lendias)
  • ¿Que será unha cousiña cousa/ que sobe á serra e baixa o gado?. (o peite das lendias)
  • Un conventiño con moitas monxas,/ a maestra está vestida de colorado/ e as rapazas de branco;/ máis arriba dúas ventanas,/ máis arriba dous luceiros,/ máis arriba a alameda/ onde pasean os cabaleiros. (o conventiño é a boca; as monxas, os dentes; a mestra, a lingua; as ventás, o nariz; os luceiros, os ollos; a alameda, o pelo; os cabaleiros, os piollos).
Jan Siberechts "Cour de ferme" détail Scène d'épouillage
Muller espolgando ao fillo

Notas

  1. Eladio Rodríguez González, s. v. semana.
  2. Xaquín Lorenzo Fernández, 36.
  3. Xaquín Lorenzo Fernández, 86. No orixinal: de un, és.
  4. Xaquín Lorenzo Fernández, 101. No orixinal: Diola leva.
  5. Xaquín Lorenzo Fernández, 122.
  6. Álvaro das Casas, 216. No texto: pol-a.
  7. Xaquín Lorenzo Fernández, 139. No orixinal: de un.
  8. Xaquín Lorenzo Fernández, 154. No orixinal: de esa, ven.
  9. Fermín Bouza-Brey, 182. No orixinal: â m... (por eufemismo), de un.

Véxase tamén

Bibliografía

  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
  • CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 95, 15.11.1931.* ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008
  • LIS QUIBÉN, V. (1949): La medicina popular en Galicia. Reed. Akal, Pontevedra, 1980.
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
  • MARIÑO FERRO, X.R.: La medicina popular interpretada.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • RODRÍGUEZ LÓPEZ, J. (1985): Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Reedición Ed. Celta, Lugo 1974.
  • VARIOS (1986): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo-Cambados.
Pediculose

A pediculose é a infestación por piollos, que son insectos parasitos que se alimentan de sangue da orde dos Phthiraptera (ou Psocodea). A pediculose pode darse en case todas as especies de animais de sangue quente, é dicir mamíferos, incluídos os humanos, e aves. Aínda que a pediculose en humanos pode referirse propiamente á infestación de piollos en diversas partes do corpo realizada, segundo os casos, por algún dos tres tipos de piollos humanos (piollo da cabeza, do corpo e púbico), este termo utilízase frecuentemente de forma menos ampla para referirse máis especificamente, aínda que con menor precisión, á infestación polo piollo da cabeza ou pediculosis capitis, que afecta á zona da cabeza. No directorio oficial de nomes de enfermidades ICE10 no apartado "B.85. Pediculose e Phthiríase" inclúense varios tipos de pediculose.A pediculose humana pode dividirse nos seguintes tres tipos:

Pediculose da cabeza (pediculosis capitis ou infestación polo piollo da cabeza).

Pediculose do corpo (pediculosis corporis ou da roupa ou infestación polo piollo do corpo).

Pediculose púbica (pediculosis pubis, phthiríase ou ftiríase, causada polo piollo pato).

Pediculose da cabeza

A pediculose da cabeza (chamada oficialmente no CIE10 pediculose debida a Pediculus humanus capitis e infestación da cabeza debida a piollos), tamén chamada pediculosis capitis, é a infestación dos cabelos e coiro cabeludo polo piollo da cabeza (Pediculus humanus capitis). O seu síntoma máis común é o proído debido ás picaduras que fai o piollo para alimentarse de sangue humano. Durante a primeira infección dunha persoa, o proído pode tardar en aparecer ata seis semanas. Se a persoa é infestada de novo, os síntomas empezan moito máis rapidamente. O proído pode causar problemas para durmir. Porén, xeralmente esta pediculose non é un problema grave. O piollo da cabeza, a diferenza do piollo do corpo, non transmite outras doenzas, polo menos en Europa.O piollo da cabeza transmítese por contacto directo co cabelo doutra persoa infectada. A causa das infestacións polo piollo da cabeza non está relacionada coa falta de hixiene. Outros animais, como cans e gatos non interveñen na transmisión. O piollo da cabeza aliméntase só de sangue humano e só pode sobrevivir no cabelo humano. Cando chegan a adultos miden 2 ou 3 mm de longo. Cando non está adherido ao cabelo humano, só pode sobrevifir uns dous ou tres días. Os humanos tamén poden ser infectados polo piollo do corpo e o piollo pato, que orixinan outras variedades de pediculose. Para facer a diagnose , deben encontrarse piollos vivos no pelo. O uso dun peite especial é de gran axuda para a detección. A presenza de ovos (lendias) baleiras non é suficiente para diagnosticar esta pediculose.Entre os posibles tratamentos están: peitear o pelo frecuentemente cun peite de dentes finos ou afeitar a cabeza completamente, usar varios medicamentos tópicos, como malatión, ivermectina, e dimeticona. A dimeticona, que é un aceite de silicona, ten un baixo risco de efectos secundarios. Os piretroides como a permetrina tamén se teñen usado moito; porén, fixéronse menos efectivos debido á aparición de resistencias. Hai poucas probas sobre a efectividade de medicinas alternativas.As infestacións polo piollo da cabeza son comúns, especialmente en nenos. En Europa, segundo algunhas estimacións afectan do 1 ao 20% de diferentes grupos de persoas estudados. Nos Estados Unidos entre 6 e 12 millóns de nenos inféstanse cada ano. É máis común en nenas. Suxeriuse que historicamente, a infestación polo piollo da cabeza podía ser beneficiosa, xa que protexía contra o máis perigoso piollo do corpo. Ás veces, as infestacións poden estigmatizar á persoa afectada, sen unha razón lóxica.

Pediculus humanus

Pediculus humanus é unha especie de insecto da orde Phthiraptera (ou Psocodea), piollos, que parasita ao ser humano e comprende os piollos humanos da cabeza e do corpo (pero non o púbico ou piollo pato). A súa infestación chámase pediculose. Ao contrario da pulga, esta especie non presentou ningunha recesión, polo que a súa distribución segue sendo mundial. Recoñécense dúas subespecies:

Pediculus humanus capitis De Geer, 1778. É o piollo da cabeza, que é inofensivo. Causa a pediculose da cabeza.

Pediculus humanus humanus Linnaeus, 1758, tamén chamado Pediculus humanus corporis. É o piollo do corpo. Causa a pediculose do corpo. Ademais, pode transmitir doenzas infecciosas bacterianas.

Piollo

Os piollos son insectos parasitos sen ás (cando adultos), pertencentes á orde Phthiraptera, composta dunhas 3.000 especies diferentes. Todos son ectoparasitos obrigados de mamíferos e aves, excluíndo os monotremos (o ornitorrinco e o equidna) e os morcegos.

A orde Phthiraptera foi considerada tradicionalmente en dúas ordes distintas ou dúas subordes: os piollos chuchadores (Anoplura) e os piollos mastigadores (Mallophaga). Na actualidade, os Mallophaga son considerados parafiléticos e hoxe recoñécense catro subordes:

Anoplura: piollos chuchadores, incluíndo o piollo da testa e da roupa (Pediculus humanus) e o da pube (Pthirus pubis, denominado comunmente piollo pato: nótese a grafía do xénero con pth, non con phth como a orde) (véxase tamén pediculose).

Rhyncophthirina: parasitos dos elefantes e xabaríns.

Ischnocera: piollos aviares (antes Mallophaga).

Amblycera: piollos mastigadores, unha orde primitiva de piollos (antes Mallophaga).Os piollos son moi específicos co seu hospedador, e moitas especies incluso prefiren partes específicas do corpo deste. Os piollos pasan a súa vida enteira sobre o hospedador, desenvolvendo adaptacións que lles permiten manter un contacto moi estreito. Estas adaptacións reflíctense no seu tamaño (de 0,5 a 8 mm), patas e garras fortes para se agarraren fortememente ao pelo, pel e plumas e ausencia de ás. Aliméntanse de restos da pel (alimentación epidermal), partes de plumas, secrecións sebáceas e sangue.

A súa cor varía de castaño claro a gris escuro. No caso de se alimentaren de sangue, poden ser moito máis escuros. Non se afogan na auga, xa que poden infrar, mantendo ar e así flotan. Os piollos non saltan, mais poden ser transmitidos por contacto, forma na que adoitan

trasladarse dun hospedador a outro.

Os piollos fixan os seus ovos ao pelo do seu hospedador, denominados comunmente lendias ou miúdas. Para eliminalos utilízase un peite especial cuns dentes moi finos e apertados que arrastran as lendias do cabelo.

O mellor xeito de eliminar os piollos do pelo, sen empregar substancias químicas (que poden producir resistencias posteriores), é afogalos en aceite para cativos, xa que a súa viscosidade os afoga.

Piollo da cabeza

O piollo da cabeza humano, que pertence á subespecie Pediculus humanus capitis, é un insecto ectoparasito obrigado dos humanos, que vive no coiro cabeludo e causa a pediculose da cabeza ou pediculosis capitis.

Son insectos que carecen de ás, que pasan toda a súa vida no coiro cabeludo humano alimentándose exclusivamente de sangue humano. Os humanos son os únicos hóspedes coñecidos deste animal, xa que o chimpancé, por exemplo, hospeda outra especie de piollos estreitamente emparentados co humano, da especie Pediculus schaeffi. Outras especies de piollos infestan á maioría das ordes de mamíferos e a todas as ordes de aves.Como todos os piollos, os piollos da cabeza humanos diferéncianse doutros ectoparasitos hematófagos, como as pulgas, en que os piollos pasan todo o seu ciclo vital vivindo sobre o seu hóspede. Os piollos da cabeza non poden voar, e ademais as súas curtas e grosas patas fan que lles sexa imposible choutar, ou mesmo andar eficientemente sobre superficies planas.O piollo da cabeza (Pediculus humanus capitis) ten unha subespecie irmá, que é o piollo do corpo (Pediculus humanus humanus). O piollo da cabeza non transmite enfermidades, a diferenza do piollo do corpo, e prefire adherir os seus ovos aos cabelos en vez de á roupa. As dúas subespecies son morfoloxicamente case idénticas pero normalmente non se hibridan, aínda que se observou que o fan en condicións de laboratorio. Desde un punto de vista xenético, crese que diverxiron como subespecies hai uns 30.000–110.000 anos, cando moitas poboacións humanas empezaron a usar cantidades significativas de roupa. Unha especie moito máis distantemente relacionada co piollo da cabeza é o piollo púbico (Pthirus pubis, piollo pato), que tamén infesta aos humanos, pero é morfoloxicamente diferente e está moito máis próximo en aparencia aos piollos doutros primates. A infestación por piollos en calquera parte do corpo chámase pediculose, e a infestación na cabeza chámase pediculose da cabeza ou pediculosis capitis.

Como o piollo da cabeza non transmite outras enfermidades, a non ser as pequenas infeccións que se poden orixinar ao rañarse o hóspede nas súas picaduras, pode dicirse que son inofensivos, e máis que un problema médico son unha molestia ou un problema cosmético. Mesmo se suxeriu que as infestacións por piollos da cabeza poderían ser beneficiosas para adquirir inmunidade contra o, máis perigoso, piollo do corpo, que pode transmiitr enfermidades perigosas.

Piollo do corpo

O piollo do corpo humano, que pertence á subespecie Pediculus humanus humanus (tamén chamada Pediculus humanus corporis), é un piollo (insecto da orde Phthiraptera ou Psocodea) que infesta aos humanos e vive no seu corpo. Tamén se lle chama ás veces piollo da roupa. A infestación por piollos (piollos da cabeza, o do corpo ou o púbico) chámase en xeral pediculose e a infestación polo piollo do corpo denomínase pediculose do corpo ou pediculosis corporis. A secuencia do xenoma do piollo do corpo foi publicada en 2010. A diferenza do piollo da cabeza, que é inofensivo, o piollo do corpo pode transmitir efermidades infecciosas (de orixe bacteriana) como o tifo exantemático, (causado por Rickettsia prowazekii) febre das trincheiras (por Bartonella quintana) e febres recorrentes (por Borrelia recurrentis).

Piollo pato

O piollo pato ou piollo púbico (Pthirus pubis, ás veces escrito Phthirus pubis) é un insecto da orde Phthiraptera (ou Psocodea), piollos, que é un ectoparasito obrigado dos humanos, alimentándose de sangue. Xeralmente vive entre os pelos da zona pubiana humana. Aínda que o piollo non pode brincar, pode tamén desprazarse e vivir noutras partes do corpo que estean cubertas de pelos duros, como as pestanas. Os humanos son os únicos hóspedes desta especie, mais outras especies relacionadas, como Pthirus gorillae, infectan os gorilas. Crese que o parasito humano diverxeu de Pthirus gorillae hai aproximadamente 3,3 millóns de anos.

Etnografía galega
Meses do ano
Cores
Animais
Alimentos
Vexetais
Outros

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.