O morcego na cultura popular galega

Os morcegos, aínda que de hábitos nocturnos e moi esquivos, non deixaron de estar presentes na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.

Un dos xogos de rapaces de hai anos era cazar morcegos. Para iso lanzábase ó aire unha pucha na liña de voo dun morcego, de xeito que este entrara na pucha e caera ó chan; tamén abonda con lanzar un farrapo ou cerello calquera. Unha vez apreixado era vítima de falcatruadas tales coma obrigalo a fumar meténdolle un cigarro na boca ou mesmo crucificalo nunha porta.

En Ardán (Marín) intentan collelos mediante un pau untado con touciño, mentres din: Morceguiño, date a pau, que ten sebiño (RIVAS QUINTAS).

En Melide crese que se se ata un morcego á man dereita dun home, este non durmirá en toda a noite. Aínda máis: se se lle dá a beber sangue de morcego, non durmirá nunca máis (Terra de Melide:452) [1].

Sobre os efectos de beber sangue de morcego hai discrepancias: mentres unhas fontes aseguran que o sangue de morcego é mortal: se se bota no viño e se lle dá a beber a alguén, este morre ou tolea (CURT); outros etnógrafos recollen o seu uso como soado bebedizo para namorar, útil para calquera dos dous sexos (RISCO).

Crese que os morcegos beben o aceite das lámpadas das igrexas e que é moi mal agoiro que entren na casa. En realidade, o seu único interese son os insectos que voan ó redor das luces.

Pipistrellus flight2
Morcego común

Sinonimia

Nomes populares do morcego son os seguintes: busabello, espertello, moncego, monicego, morcexo, moricego, morricego, morxego, municego, muracego, murcego, muricego[2], murocego, murucego, musabello.

Cantigueiro

  • Tes un corpo medio torto/ i unha cara de morcego;/ pensaches que che quería,/ sabe que negras non quero.

Adiviñas

  • Estudiante de Santiago/ que estudás na estudaría:/ ¿cal é a ave do ar/ que con leite seus fillos cría?
  • Estudiante que estudias/ por de noite e por de día,/ dime: ¿que ave é aquela/ que ten peitos e cría?
  • Estudiante que estudias/ por de noite e por de día,/ dime: ¿cal é aquela/ que ten peitos e cría?
  • Veña acá señor doutor/ que aprende na doutoría,/ ¿cal é o paxaro no ar/ que dá leite cando cría?

Notas

  1. Trátase dun exemplo de maxia simpática: o morcego é un animal nocturno, que pasa a noite esperto.
  2. Recoñecida no DRAG como forma menos recomendable. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para muricego.

Véxase tamén

Bibliografía

Morcegos

Os quirópteros ou morcegos (Chiroptera) son unha orde de mamíferos placentarios cuxas extremidades superiores se desenvolveron como ás. Con aproximadamente 1.100 especies, representan aproximadamente un 20% de todas as especies de mamíferos, o que os converte na segunda orde máis numerosa desta clase (tras os roedores). Están presentes en todos os continentes, agás na Antártida.Son os únicos mamíferos capaces de voar, espalláronse por case todo o mundo e ocuparon unha gran variedade de nichos ecolóxicos diferentes. Desempeñan un papel ecolóxico vital como polinizadores e tamén desenvolven un importante papel na dispersión de sementes; moitas plantas tropicais dependen por completo dos morcegos. Teñen as patas anteriores transformadas en ás e a maioría guíanse e cazan por ecolocación. Preto dun 70% das especies son insectívoras e a maior parte do resto fruxívoras; algunhas aliméntanse de pequenos vertebrados como ras, roedores, aves, peixes, outros morcegos ou, como no caso dos vampiros (subfamilia Desmodontinae), de sangue.

O seu tamaño varía dende os 29-33 mm de lonxitude e 2 g de peso do morcego moscardón (Craseonycteris thonglongyai), aos máis de 1,5 m de lonxitude e 1,2 kg de peso do raposo voador filipino (Acerodon jubatus).

Por mor dos hábitos nocturnos da maioría das súas especies e a ancestral incomprensión sobre como podían «ver» na escuridade, considerábaselles e aínda se lles considera a miúdo como habitantes sinistros da noite, e con poucas excepcións (como na China, onde son símbolo de felicidade e proveito) na maior parte do mundo os morcegos causaron temor entre os humanos ao longo da historia; iconas imprescindibles no cinema de terror, aparecen en multitude de mitos e lendas e, aínda que en realidade só tres especies son hematófagas, a miúdo son vencelladas cos mitolóxicos vampiros.

En Galicia rexistrouse a presenza de 19 das 40 especies de morcegos que viven en Europa o que fai de Galicia un paraíso para os quirópteros europeos.

Etnografía galega
Meses do ano
Cores
Animais
Alimentos
Vexetais
Outros

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.