O millo na cultura popular galega

Artigo principal: Millo.
Véxase tamén: O pan na cultura popular galega.

O millo (Zea mays), malia ser orixinario das Américas, é unha gramínea fundamental na cultura galega pois xogou un papel fundamental na alimentación do pobo nos últimos séculos. O principal pan do país facíase con millo, a paisaxe enchouse de leiras de millo, os hórreos foron agrandados e mellorados, e en xeral a poboación de Galicia aumentou coa chegada deste cereal. A primeira referencia do seu cultivo en Galiza data de 1610, na zona do Barbanza. Refraneiros e cántigas deixan pegada da súa importancia.

Millo Galiza Oroso
Millo en Oroso

O nome

O millo tamén recibe en Galicia os nomes de maínzo e de milleiro segundo a zona. O nome de millo vén da denominación que recibía outra especie anterior á chegada do cereal do Novo Mundo: o millo miúdo ou paínzo, outra gramínea, orixinaria de Oriente (Setaria italica), de talo máis groso ca o trigo e grans redondos de cor amarela, que era común na Europa antiga e medieval. O millo actual susbtituiu o paínzo. Etimoloxicamente a verba galega millo (antiga denominación do millo miúdo) vén do latín: milĭum.

O termo maínzo, ao igual que o termo castelán maíz ou o francés maïs, virían das linguas amerindias, exactamente do taíno: mahís.

No agro galego tamén se distinguen as variedades a seguir:

  • Millo miúdo.
  • Millo da revoltiza: millo que constitúe a colleita de outono. O millo da revoltiza dáselle ao gando.
  • Millo pego, millo que se dá en mazarocas con algúns grans doutras cores.
  • Millo rei, millo que se dá en mazarocas de cor entre a do viño e a encarnada.

Na literatura

A importancia que rapidamente adquiriu o seu cultivo e uso alimentario levárono a un espallamento social só comparable ao da pataca. Un síntoma da súa omnipresenza é o famoso poema Adiós ríos, adiós fontes de Rosalía de Castro, onde se laia da paisaxe que vai deixar atrás por ir á emigración, paisaxe onde aparece o millo:

Adiós, ríos; adiós fontes:
adiós regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos,
non sei cando nos veremos.

Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei.

Prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento.

Muíño dos castañares,
noites claras de luar,
campaniñas timbradoiras
da igrexiña do lugar.

Amoriñas das silveiras
que eu lle daba o meu amor,
caminiños entre o millo,
¡adiós, para sempre adiós!

¡Adiós, gloria! ¡adiós, contento!
¡Deixo á casa onde nacín,
deixo a aldea que conozo,
por um mundo que non vin!

Deixo amigos por extraños,
deixo á veiga polo mar,
deixo em fin, canto ben quero...
¡Qué pudera non o deixar!...

(Fragmento de "Adiós ríos, adiós fontes",
de Rosalía de Castro)

Etnografía

A seguir recóllese a pegada do millo na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.

Millo
Campo de millo no Porto do Son
Mais fg01
Millo plantado en fileira
CornShocksForestvilleMinnesota2006

Locucións

  • ¿Seica me queres come-la broa?: resposta de incredulidade a quen intenta tomarnos o pelo, tomarnos por parvos [1]'

Refraneiro

  • A choiva no abril dá millo e dá pan.
  • A mazorca, no muíño; e no bolso, o diñeiriño.
  • Á porta do rezador, non botes o millo ó sol.
  • Aí vén o mes de Nadal, que non deixe o millo sin apañar.
  • Alá vai serodio con temporao, mais non na palla nin no grao [2].
  • Ala vai, vela alá vai, a raposa polo millo: ela comer non o come, pero vaino destruíndo.
  • As escrouchiñas do millo non fan porveito a ninguén. Mandei a muller a elas; adormeceu e non vén.
  • Ata a folliña do millo sabe tamén picardía. Garda o orballo da noite para beber polo día.
  • Cando as gaivotas bailan a muiñeira, hai que garda-lo millo na eira [3].
  • Cando o ano entrare en domingo, vende o boi e merca millo [4].
  • Cando o ano entrare en domingo, vende os boiciños e merca milliño.
  • Cando o ano entrare en domingo, vende os bois e merca millo [5].
  • Cava, labor e barbeito, en maio han de estar feitos.
  • De milleiro a milleiro, o salto dun carneiro [6].
  • Díxolle o millo á liñaza: "Ándate tí, espepitada, que ós tres días estás nada". E a liñaza respondeulle: "Seica coma tí, borrón, que tardas sete semanas en salires do torrón".
  • Díxolle o millo á terra: "decrúame tarde, arréndame cedo, e pagareiche o que che debo".
  • En maio, millo sementado, cal enxoito, cal mollado [7].
  • En marzo, abrigo, mozas e pan de millo.
  • En marzo abrigo, noces e pan de millo.
  • "¡Erte, dormiñón, que pasas un mes sen saír a ve-lo sol!", díxolle a liñaza ó millo. "¡Cala trigudilla: pola mañán sementada e pola noite nascida!", díxolle o millo á liñaza [8].
  • Espigas en marzo; catro; espigas en abril, mil [9].
  • "¡Lavada, aos tres días nada!", díxolle o millo á liñaza. "¡Nugallán" –díxolle ela-, "un mes baixo o torrón e aínda se vou non vou!" [10].
  • "Lavada: ¡ós tres días nada!", díxolle o millo a liñaza; i ela respondeu: "nugallón, un mes debaixo do terrón, e inda se vou ou non!".
  • Millo ralo na leira e non no carro.
  • Nin millo engrolado, nin millo queimado [2].
  • O cuco a cucar, a rola a rolar, colle o cestiño e vai sementar [11].
  • O millo de san Bartolomeu nin é meu nin é teu [12]
  • O millo mesto, no cesto; o millo raro, na leira e non no carro.
  • O millo polo San Marcos nin nado, nin no saco [13].
  • O millo por san Marcos nin no saco nin nado.
  • O millo que barbea dinantes de San Bartolomeu é o meu; o que barbea dispois é dos bois [14].
  • O millo rascado enche a cesta e o ferrado.
  • O pan de trigo fíxoo Dios, e o de millo mandouno facer.
  • O pantrigo fíxoo Deus; a broa mandouna facer [15].
  • O pantrigo fíxoo Dios, e o de millo mandouno facer.
  • O primeiro millo é dos páxaros [16].
  • O primeiro millo é prós paxaros.
  • O que en marzo non fende, en abril non estende [17]
  • O temperán, ou en palla ou en gran.
  • Pan de millo nono deas ó teu fillo [18].
  • Polo san Cristovo, xa o millo lle tapa a ala ó corvo [19].
  • Por san Pedro, o millo cúbrelle a á ó corvo.
  • Quen ós paxaros recea, millo miudo non semea [20].
  • Se o millo fose pouco, mudalo dun saco noutro, dixo a galiña cando falou.
  • Treboada no Miño, pan e millo.

Cantigueiro

  • A galiña pon o ovo/ pra o proveito da muller:/ o home vai pra o monte/ ¡come broa si a quer! [21].
  • A vella perdeu o vello/ por entre a palla do millo;/ a vella queda chorando/ polo seu agarimiño [22].
  • As esfolladas de noite/ non dan porveito a ninguén;/ mandei a muller a unha/ i esfolláronma tamén [23].
  • As esfolladas do millo/ non dan porveito a ninguén;/ miña muller foi a ela/ i esfolláronma tamén [24].
  • Este ano hai moito millo,/ tamén hai moitos carozos./ As rapazas de Palmeira/ arrabean polos mozos [25].
  • Hoxe teño que ir a Barro/ pola colleita de millo,/ hoxe teño que ir a Barro,/ de Barro non me despido [26].
  • Miña Virxe de Xurés/ baixaivos ao areal/ que lle leva o millo a seca/ ás calaceiras do val [27].
  • Mociños de alá de baixo,/ vinde rondar a Facós,/ que anque vos hai pouca auga/ os millos háivolos bos [28].
  • Onde vas, millo miúdo?/ Vou a pór do temperau./ Co temperau no-has chegar/ nin na palla nin no grau [29].
  • Sementei millo miúdo/ e non me quixo nacer;/ cálate, millo miúdo,/ inda me has de conocer [30].
  • Sementei millo miúdo/ no colo dunha rapaza,/ queira Dios de hoxe nun ano/ o millo miúdo naza [31].
  • Si todo o mar fora leite/ e Monte Louro boroa,/ xa terían que comer/ os tramalleiros de Boa [32][33].
  • Todo se me dá na man/ se non a sacha do millo/ e mais a sega do pan [34].
  • Voume por eiquí embaixo/ pillando moscas cun pondón/ e veu meu pai a correr/ e deume cun terrón nas costas [35].

Notas

  1. Eladio Rodríguez González, s. v. broa.
  2. 2,0 2,1 Saudade nº 3, maio 1943, 24-25.
  3. Lino Lema Bouzas, 3.
  4. Real Academia Galega 1913, s. v. ano.
  5. Eladio Rodríguez González, s. v. ano.
  6. Refírese á distancia que deben ter os regos nos que se sementa o millo.
  7. Eladio Rodríguez González, s. v. maio.
  8. Saudade nº 3, maio 1943, 24-25. No orixinal: vel-o, o millo, a liñanza (sic).
  9. Eladio Rodríguez González, s. v. espiga.
  10. Saudade nº 3, maio 1943, 24-25. No orixinal: éla, ainda.
  11. Miguel Rubinos Conde 2013.
  12. San Bertomeu, 24 de agosto. Rosario Soto Arias 2013.
  13. San Marcos, 25 de abril.
  14. José Santiago Crespo Pozo, s. v. espigar.
  15. Eladio Rodríguez González, s. v. pantrigo.
  16. José María Pereda Álvarez (1953).
  17. Quere dicir que se en marzo non se aran e se preparan ben as terras, cando chega o momento de sementa-lo millo, en abril, mal se poderá facer este labor. Refrán recollido en Meis.
  18. Eladio Rodríguez González, s. v. pan.
  19. San Cristovo celébrase o 10 e o 25 de xullo.
  20. Eladio Rodríguez González, s. v. paxaro.
  21. Saudade nº 4, xullo 1943, 30. No orixinal: pón, pr’a, par’o monte.
  22. Saudade nº 4, xullo 1943, 28.
  23. Xaquín Lorenzo Fernández, 47. A esfollada era a xuntanza para arrincar as follas da mazaroca do millo antes de almacenalas no piorno.
  24. Xaquín Lorenzo Fernández, 212.
  25. No texto: pol-os. Fermín Bouza-Brey 1929, 178.
  26. Santa Cristina de Barro é unha parroquia do concello de Noia. Álvaro das Casas, en Nós 94, 15.10.1931, 192. No orixinal: oxe, pol-a.
  27. Xaquín Lorenzo Fernández, 103. Para implorar pola chuvia báixase a imaxe da Virxe do Xurés á parroquia de Santa María de Rio Caldo, situada no val. A Virxe do Xurés e Rio Caldo localízanse en Lobios.
  28. Xaquín Lorenzo Fernández, 104. Facós é lugar da parroquia de San Vicente de Lobeira.
  29. Xaquín Lorenzo Fernández, 121. A mesma idea está recollida no refraneiro: “Alá vai serodio con temperán, mais na palla, non no gran”.
  30. No orixinal: miudo, no-me, m'as.
  31. Xaquín Lorenzo Fernández, 144.
  32. Boa é a parroquia máis occidental do concello coruñés de Noia, lindando con Porto do Son. Tramalleiros son os que pescan ó tramallo, unha arte de pesca formada por tres redes superpostas. Álvaro das Casas, en Nós 94, 15.10.1931, 192; No orixinal: Montelouro,
  33. Lino Lema Bouzas, 15.
  34. Fermín Bouza-Brey, en Nós 96, 15.12.1931, 236. No orixinal: mán, senón.
  35. Xaquín Lorenzo Fernández, 163. O pondón, ou pendón, é a flor masculina do millo.

Véxase tamén

Bibliografía

  • ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008.
  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
  • Fermín Bouza-Brey (colector): "Literatura popular da parroquia de Paradela, concello da Estrada, na terra da Ulla", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós.
  • CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 1931.
  • CRESPO POZO, José Santiago: Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego con indicación de fuentes e inclusión del gallego literario (galaico-portugués). 1 (La Región, Orense 1972); 2,3,4 (Ed. do Castro, Sada, 1979/1982/1985).
  • LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
  • PEREDA ÁLVAREZ, José María: "Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega", en Douro Litoral 1953, 5ª série, VII-VIII, pp. 19-52.
  • REAL ACADEMIA GALEGA: Diccionario gallego-castellano, 1913-1928.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • RUBINOS CONDE, Miguel: "Da roda para a piola: refráns e frases do sur de Galicia", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 487-502.
  • SOTO ARIAS, Mª Rosario: "Notas para un estudo dos refráns haxiocronolóxicos", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 347-370.

Outros artigos

Galería de imaxes da etnografía de Galicia

Galería de imaxes da etnografía de Galicia.

Malla

A malla é a operación de bater nun cereal coa finalidade de separar a semente ou grans da palla. Aínda que no pasado era unha operación manual na que se facía uso dun sinxelo aparello denominado mallo e mais dun solo preparado para a malla, chamado aira ou eira, esta tarefa é realizada na actualidade por máquinas que reciben o nome xenérico de malladoras.

A malla é un dos labores do conxunto de traballos que conforma a seitura ou colleita dos cereais, xunto coa sega da planta e o limpado dos grans. Malia que a malla serve para separar a puxa ou gluma do gran, non serve para desprendela doutra envoltura, o farelo, que se efectúa despois da muiñaxe, peneirando a muiñada.

Millo

O millo ou maínzo (Zea mays) é unha planta gramínea anual e na mesma planta (monoica) atópanse as súas inflorescencias masculinas (nos extremos terminais) e femininas (nas vaíñas axilares). Ten un crecemento rápido, chegando aos 2,5 metros de altura nun ano, que é a súa quenda de colleita. As follas teñen forma alongada saíndo do talo cun lixeiro ángulo e coa punta caída cara abaixo. As mazarocas están cubertas por filas de grans.

A especie forma parte do xénero Zea, que non ten conxéneres achegados. As flores masculinas e femininas aparecen en inflorescencias separadas pero dentro do mesmo pé. Esta característica permite a obtención do millo híbrido, hoxe en día tan estendido. É tal a variabilidade do gran verbo da forma e cor, na mazaroca ou na mesma planta, que aínda non se acadou a clasificación científica de tódalas súas variedades. Ademais da híbrida, as variedades máis importantes son "dente marelo", "Krug" e "dentalla marela de Reid" [Cómpre referencia].

O pan na cultura popular galega

O que segue recolle unicamente información diversa sobre a pegada do pan na cultura popular e na literatura oral galegas. Toda esta información recóllese de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc. Recóllese non só a información referida expresamente ó pan, senón tamén a referida á fariña e a actividades directamente relacionadas, como sementar, segar, etc.; as referidas ó millo e á broa recóllense no artigo o millo na cultura popular galega.

Ademais do seu significado recto (alimento elaborado con fariña, auga, sal e lévedo, fermentado e cocido no forno), a palabra pan designa especificamente o centeo ou un cereal en xeral; segundo Eladio Rodríguez, tamén denomina o millo aínda na terra. Pero ademais é un elemento de referencia para designar moitas outras realidades.

Etnografía galega
Meses do ano
Cores
Animais
Alimentos
Vexetais
Outros

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.