O mar na cultura popular galega

A seguir recóllese a presenza do mar na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.

Solpor, A Lanzada (Sanxenxo)
O mar, como morada do Mal

Crenzas

Os mariñeiros cren que o mar está vivo e que hai que telo contento para que estea da parte dun. Por iso os pontevedreses, cando saen pescar fóra da ría, botábanlle un pan de millo a modo de pago.

Nunca sobra utilizar distintos signos e amuletos para protexe-lo barco e os propios mariñeiros dos perigos que corren no mar, así como para propiciar unha boa pesca. Así, hai quen grava na madeira da barca ou dos remos (mesmo na porta da casa) o risco de Salomón ou a estrela de David, estrelas de cinco ou seis puntas respectivamente. Entre os amuletos utilizados no mar están os coñecidos cornos de carneiro ou ferraduras, cun número impar de buratos; tamén ramas de ruda ou de aceviño.

Andando no mar non se pode falar de cregos nin de raposas [1]; outros etnógrafos inclúen entre os temas tabú as cobras, os zapateiros e mailos xastres. Tampouco se pode asubiar a bordo, porque disque atrae a treboada.

Outra crenza recollida nos portos de mar é que cando sobe a marea recolle as almas dos mariñeiros que están a morrer. Estas almas embárcanse para cruza-lo mar, mesmo se fala dun mar subterráneo, para iren ó alén.

O mar na medicina popular

Xa na Apocalipse se designaba o mar como morada do Mal, e de aí vén o recurso dos menciñeiros galegos de botar ó mar as enfermidades (o Mal que provoca as enfermidades). Mariño Ferro recolleu moitos ensalmos para distintas enfermidades que remataban ordenando ó Mal que marche ó mar [2]:

Praia da Frouxeira
Osipla, osiplón, lobo roedor, lobo comedor, vaite ó mar.
  • Aquí te desterro para o mar coallado.
  • Que te vaias ós mares altos.
  • Vaite aló ás ondas do mar.
  • Que se vaia ó fondo do mar.

Noutros casos, a curación pasa por realizar diferentes rituais e recolle-los obxectos utilizados ou os restos para botalos ó mar, na crenza de que con eles se elimina a causa do mal. Así, para cura-lo mal de aire préndese lume e afúmase a persoa enferma, e logo recóllese ben a cinsa toda e bótase ó mar.

Cando a curación se fai no interior, lonxe do mar, hai quen asegura maior efectividade se o ritual se realiza nun lugar desde o que se vexa o mar [3]. Por Fisterra admiten un mal de aire causado polo pai tras deitarse coa nai: para curalo hai que leva-lo meniño ó cume dun monte desde onde se vexa o mar, deitalo no chan e sacha-la herba que delimite o seu corpo. Logo lévanse os terróns á casa e quéimanse.

Locucións

  • ¡Con que xente me metín ao mar!: comenta a pouca valía ou malas calidades da persoas coas que traballamos.
  • Meter o barco nas pedras: facer algo mal, meterse en dificultades

Refraneiro

Waves mediterranean sea
Gaba o mar, e vive na terra
  • A áncora non sabe nadar e sempre anda na auga.
  • A barco novo, capitán vello [4].
  • A barco vello, madeiras novas [4].
  • A formiga foi mexar ó mar e dixo que era unha axuda.
  • A lancha pró mariñeiro é como a leira pró labrego.
  • Á lancha rota calquera vento lle vén en contra [5].
  • A muller á vela e o home ó timón.
  • A muller do mariñeiro, cando hai peixe ten diñeiro [4].
  • A onde vai o mar vaian as ondas.
  • Acedo é o mar de Galicia polas moitas despedidas.
  • Áncoras ó fondo, que chega San Simón.
  • Andar barquiñas, andar axiña, non vos colla o cordonazo de santa Catalina [6].
  • Ardora na mar, borrasca a entrar [7].
  • As estrelas a brillar, mariñeiros para o mar [8].
  • Ás artes non te mates. Ás vetas non te metas [9].
  • Auga do mar, vento da ría, chuvia pra todo o día.
  • Barca parada non gana soldada [8].
  • Barco grande, ande ou non ande [10].
  • Barco sen cuberta, sepultura aberta [10].
  • Bo mariñeiro sempre naufraga [10].
  • Borrasca polo mar, vellos a asollar [11].
  • Botar pelos ó mar pra non volver.
  • Cando a garza vai pró mar, colle os bois e ponte a arar.
  • Cando ó mariñeiro lle dan de beber, ou está fodido ou vanno foder [10].
  • Cando o patrón ben manda, nin o mar pode coa lancha[10].
  • Do mar, o mero, e da terra, o carneiro.
  • Do mar, o salmón, e da terra, o lacón.
  • En martes nin te cases nin te embarques[12].
  • En martes nin te cases nin te embarques nin o teu porquiño mates [12].
  • En martes non te cases, nin te embarques, ni o teu porquiño mates [13].
  • En martes non te cases nin te embarques, nin o teu cocho mates, nin o teu pan cozas, nin a túa tea urdas, nin a túa filla cases, nin dos da túa casa te apartes.
  • Gaba o mar, e vive na terra.
  • Gaba-lo mar, e nel non entrar.
  • Golfiños a choutar, acaba o calmo no mar.
  • Mar con remuíños, virade a porto, barquiños.
  • Mar de andazo, cuspe argazo.
  • Mar de andazo, non che faltará argazo.
  • Na terra e no mar, afoga o que non sabe nadar.
  • Navegar e casar, non se poden aconsellar[14].
  • Nin en agosto camiñar, nin en decembro navegar.
  • Ó chinchorro fai o zorro[15].
  • O home e a pesca ós tres días apesta[16].
  • O mar e a muller hanse de lonxe ver.
  • O mar o dá, o mar o leva[17].
  • O mar ó máis amigo logo o pon en perigo.
  • O mar que se desfai, regachos fai.
  • O mellor mariñeiro morre no mar, onde ninguén se pode descoidar[18].
  • O que non se aventura, non pasa o mar.
  • O que o mar dá, o mar quita.
  • O que pasou a Marola, pasou a mar toda [19].
  • O que queira medrar, que viva en porto de mar [20].
  • O xeito quere xeito, a rapeta quere seca, o bou quere ocasión [21].
  • Onde hai patrón non manda mariñeiro [22].
  • Paxaros do mar na terra, sinal de vendaval.
  • Polo san Simón, áncoras ó fondón.
  • Por San Simón, camiñar si, navegar non.
  • Pra novos aparellos, mariñeiros vellos.
  • Quen non entra no mar, nel non se pode afogar.
  • Quen non sabe de mar, non sabe de marear.
  • Quen pasou a Marola pasou a mar toda.
  • Vento en popa é medio porto.

Cantigueiro

  • A do refaixo amarelo/ vai na popa do navío,/ téndeme conta con ela,/ que non se caia no río.
  • Á lancha de Maripepa/ éntralle o mar pola popa./ Non te embarques, Maripepa,/ mételle esta pouca estopa.
  • A muller do mariñeiro/ cando el sae para o mar/ se viúda non queda/ viúda pode quedar [23].
  • A muller do mariñeiro/ pódese chamar viúda,/ cando o home vai ao mar/ vaille para a sepultura [24].
  • Cambadesa, por te ver,/ pasei o mar de Cambados/ a pique de me perder.
  • Cando veño do axexo,/ cando vou para a luzada/ quérote ver rianxeira/ sempre no muelle sentada [25].
  • Como canta, como canta/ la sirenita en el mare,/ mi navío diera vuelta/ solo por la oir cantare.
  • De onde vés, Carmela?/ Veño do regueiro/ de lava-la roupa/ do meu mariñeiro.
  • Deprendéronme a cantar/ as neniñas de Rianxo,/ deprendéronme a cantar/ indo polo mar abaixo.
  • Dous amores no meu peito/ viven para o meu pesar:/ o da mociña que quero/ e o do traballo no mar [26].
  • Eu namorar, namorar, namoreime,/ namoreime na beira do mar,/ eu namorar, namorar, namoreime/ e non me puiden desenamorar.
  • Eu emborrachar, emborrachar, emborracheime,/ emborracheime na beira do mar,/ eu emborrachar, emborrachar, emborracheime,/ e non me puiden desemborrachar.
  • Ferrolana, por te ver,/ pasei o mar da Marola/ a pique de me perder.
  • Gracias a Dios que chegamos/ eiquí a esta población,/ que viñamos de arribada/ sin velas e sin timón [27].
  • Indo polo mar embaixo/ o aire rifoume a vela:/ nosa Señora da Creba/ deume o pano para ela [28].
  • Levas o sombreiro baixo,/ lévalo baixo baixeiro,/ levas o sombreiro baixo/ a estilo de mariñeiro.
  • Mariñeiriño do mar/ ten asegurada a vida,/ mira que vas embarcado/ en unha táboa podrida [29].
  • Mariñeiriño non,/ que vai e non vén,/ un carreteiriño/ que carrete ben.
  • Mariñeiro quero, madre,/ mariñeiro me han de dar,/ se non me dan mariñeiro/ solteiriña hei de quedar.
  • Miña Virxe dos Milagros/ vive no alto do Chan,/ para ver os mariñeiros/ como bogan polo mar [30]
  • Nas ondas do teu cabelo/ quixérame eu afogar/ para que a xente soupera/ que hai máis ondas que as do mar.
  • Non te cases cun ferreiro/ que ten moito que lavar,/ cásate cun mariñeiro/ que vén lavado do mar.
  • O divino San Andrés/ mandou empedrar o mar/ para que os seus romeiriños/ o foran a visitar.
Ría de arousa01
Pasei a ría de Arousa/ nunha lanchiña de vela...
  • O mar che sirva de cama,/ o ceo de cobertor,/ a lúa de cabeceira/ para que durmas mellor [31].
  • O mar tamén ten amores,/ o mar tamén ten muller,/ está casado coa area,/ dalle bicos cando quer [32].
  • O mariñeiro ao domingo/ bo zapato e boa media;/ o luns pola mañán/ vai descalzo pola areia [33].
  • Para ser bo mariñeiro/ tres cousas has de saber:/ coñece-lo mar e os barcos/ e non ter medo a morrer [34].
  • Pasei a ría de Arousa/ nunha barquiña de vela,/ non vin cousa máis bonita/ nin penso volver a vela [35].
  • Polo mar abaixo, polo mar arriba,/ polo mar abaixo vai unha sardiña,/ vai unha sardiña, vai un pexegueiro/ que leva pexegos no mes de xaneiro.
  • Polo mar abaixo vai/ unha sardiña a nadar,/ quen a poidera coller,/ quen a poidera pillar,/ quen a poidera pillar,/ quen a poidera coller,/ polo mar abaixo vai/ unha sardiña a correr.
  • Quíxente moito, meniña,/ heite volver a querer/ cando o mar sea de pedra/ e as pedras leña de arder.
  • Rema barqueiriño, rema,/ non deixes que o mar me leve,/ que quero ver o meu amor/ denantes que a noite cerre [36].
  • Teño lanchas, teño redes/ e teño peixes no mar,/ teño unha moza bonita,/ xa non quero traballar.
  • Teño un amor en Rianxo/ outro en Vilagarcía./ Para ver os meus amores/ teño que cruza-la ría.
  • Teño un amor mariñeiro,/ un mariñeiro do mar,/ que tamén hai mariñeiros/ que andan en terra a pescar [37].
  • Un mariñeiro me dixo/ se me quería casar./ Eu lle dixen: mariñeiro/ outro ano e nada máis.
  • Vente ventiño do mar,/ vente, non che teño medo/ que anque me leve-la gorra/ tamén sei andar en pelo [38].
  • Vente ventiño do mar,/ vente ventiño mareiro,/ vente ventiño do mar/ tráeme o meu mariñeiro.
  • Vente ventiño do norte,/ vente ventiño mareiro,/ vente ventiño do norte,/ sera-lo meu compañeiro [39].
  • Veñan os barcos,/ veñan as redes,/ veñan os barcos/ anque non veñan eles [40].
  • Virxe do Carme, querida,/ ós mariñeiros non deixes,/ dalles bo vento de popa,/ dalles tamén moitos peixes [41].
  • Xa fun a Marín,/ xa pasei o mar,/ xa comín laranxas/ do teu laranxal.

Notas

  1. Se se daba o caso de que era necesario citalos no curso dun conto ou dalgún sucedido, recorríase a denominacións eufemísticas do estilo de "o xa me entendes", "que ti xa sabes", "o das mañas" etc.
  2. A crenza é xeral e tamén se din fórmulas semellantes en Portugal, Asturias, Valencia, Andalucía, Canarias. A crenza de que o mar é a casa do Mal explica que no País Vasco non se mostran as feridas diante do mar, porque disque se marean (é dicir, inféctanse)
  3. Así, por exemplo, no Concello de Cotobade ou Xeve (Pontevedra) ou en Arteixo (A Coruña).
  4. 4,0 4,1 4,2 Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 1.
  5. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 1. No orixinal: ven.
  6. Santa Catarina celébrase o 25 de novembro. Cordonazo é o temporal de borrascas, tiempo aturbonado y revuelto que en el equinocio de otoño suele presentarse en las costas de España, Francia e Inglaterra, atravesando a veces el océano Atlántico, y que se conoce comúnmente por cordonazo de San Francisco (Eladio Rodríguez González).
  7. Chámase ardora ou ardentía a fosforescencia ou luminosidade do mar producida polos movementos dos peixes ou doutros organismos mariños. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 2.
  8. 8,0 8,1 Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 2.
  9. Chámanse artes (de pesca) os trebellos ou ferramentas que utilizan os mariñeiros para pescar. A veta é unha rede fixa, rectangular e fixada verticalmente ó fondo. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 2. No orixinal: betas.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 3.
  11. Sentados ó sol. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 3.
  12. 12,0 12,1 Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 4.
  13. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958-1961), s. v. martes.
  14. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 5.
  15. Chámase chinchorro ó bote auxiliar, de remos, para servizo dentro do porto; facer o zorro significaría disimular e non esforzarse remando. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 6.
  16. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 6.
  17. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 6. No orixinal: da.
  18. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 6.
  19. A Marola é un pequeno illote fronte á costa de Dexo-Serantes, no concello de Oleiros. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 7.
  20. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 7.
  21. Son diferentes artes de pesca. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 7.
  22. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 7.
  23. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 13.
  24. Álvaro das Casas (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 94, 15.10.1931, 193. No orixinal: váille.
  25. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 13. No orixinal: asexo. Pescar ó axexo é facelo desde o solpor ata que se fai noite; e pescar á luzada é facelo ó mencer.
  26. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 13.
  27. Álvaro das Casas (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 94, 15.10.1931, 192.
  28. A illa da Creba pertence ó concello de Muros. Álvaro das Casas (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 94, 15.10.1931, 193. No orixinal: pol-o, rifóume, díume.
  29. Álvaro das Casas (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 94, 15.10.1931, 192. No orixinal: taboa.
  30. Copla dedicada á Virxe de Amil (Moraña).
  31. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 14.
  32. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 15. No orixinal: dálle.
  33. Álvaro das Casas (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 94, 15.10.1931, 192. No orixinal: , pol-a.
  34. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 13.
  35. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 13.
  36. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 14.
  37. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 15. No orixinal: dálle.
  38. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 13.
  39. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 13.
  40. Álvaro das Casas (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 94, 15.10.1931, 192.
  41. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 14. No orixinal: dálles.

Véxase tamén

Bibliografía

Galería de imaxes da etnografía de Galicia

Galería de imaxes da etnografía de Galicia.

Galería de imaxes de Galicia

Galería de imaxes de Galicia.

Mar

O mar é un gran corpo de auga salgada rodeado por terra en parte ou na súa totalidade. Máis amplamente, mar - como un artigo definido - é o sistema interconectado de augas dos océanos, considerando estes un océano global e o conxunto das varias divisións oceánicas principais. O mar modera o clima da Terra e desempeña importante papel nos ciclos da auga, do carbono e do nitróxeno. Aínda que foi canle para viaxes e exploracións desde a prehistoria, o seu estudio científico contemporáneo, a oceanografía, data da expedición Challenger británica, durante a década de 1870. O mar está, por convención, dividido en cinco grandes seccións oceánicas, entre elas as catro instituídas pola OHI, que son o Atlántico, Pacífico, Índico e Ártico, máis o Antártico, seccións menores de segunda orde, como o Mediterráneo, son coñecidos como mares, así mesmo o termo tamén se usa para grandes lagos salinos que non teñen saída natural, como o mar Caspio, o mar de Aral e máis o mar Morto.

Debido o actual estado da deriva continental, o hemisferio norte configúrase cunha división equitativa entre a terra e o mar (con unha proporción de 2:3), mentres que no hemisferio sur é predominantemente oceánico (1:4,7). A salinidade en alta mar é, en xeral, de aproximadamente o 3.5% da masa, non obstante iso varia en augas pechadas, na proximidade da desembocadura de grandes ríos ou a grandes profundidades. Preto do 85% dos sólidos en mar aberto son cloruro de sodio. As correntes de augas profundas xorden a partir de diferenzas salinas e de temperatura; as correntes de superficie, á súa vez, están formadas polo rozamento das ondas producidas polos ventos e mareas. Os cambios na altura do nivel do mar orixínanse a partir da gravidade da Lúa e do Sol. As correntes mariñas son atribuída ás masas de terra de superficie e submarinas así como a rotación da Terra (Forza de Coriolis).

Antigos cambios nos niveis mariños provocaron a formación de plataformas continentais, áreas planas próximas á terra. Estas augas son ricas en nutrientes, e abundantes en vida, provendo aos humanos de materias esenciais para a súa alimentación -sobre todo peixes, pero tamén mariscos, mamíferos e macroalgas, por exemplo- que se recollen tanto en estado salvaxe como cultivados en viveiros. En áreas tropicais moi diversas os mares rodean grandes arrecifes de coral. A caza de baleas foi unha actividade moi común, pero a redución das cifras destes animais induciu a aparición de esforzos internacionais de conservación e unha consecuente moratoria á maior parte da caza comercial. A oceanografía estableceu que non toda a forma de vida marítima está restrinxida a augas de superficie iluminada polo Sol; mesmo a grandes profundidades e presión, os nutrientes que flúen de fontes hidrotermais manteñen o seu propio e único ecosistema. A vida pode que comezara alí neses lugares, xa que os microorganismos acuáticos están xeralmente acreditados como o grande evento de osixenación da atmosfera terrestre. Crese que tanto vexetais como animais terían evolucionado a partir dos mares.

O mar é un dos elementos esenciais do comercio, do transporte, da extracción mineral, de xeración de enerxía. Isto tamén fai que sexa esencial para as guerras, ademais, e é un factor determinante na exposición de grandes cidades e poboacións a terremotos e volcáns debido a fallas xeolóxicas próximas que poden producir grandes ondas e tsunamis; así como dos ciclóns e furacáns producidos nas zonas tropicais.

Etnografía galega
Meses do ano
Cores
Animais
Alimentos
Vexetais
Outros

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.