O loureiro na cultura popular galega

Na cultura popular galega, o loureiro ten tres grandes aplicacións: como planta medicinal, como condimento e como protector contra as tormentas, os meigallos e outras desgrazas. Este último aspecto é o que se desenvolve neste artigo.

Tamén é fonte de numerosos topónimos galegos.

Apollon daphnephoros Musei Capitolini MC2045
O deus Apolo, coroado de loureiro

O loureiro, protector

O loureiro estaba dedicado ó deus Apolo e os emperadores coroábanse cunha coroa de loureiro [1]. De feito, o loureiro é árbore de folla perenne, que nunca seca, o que o converte en símbolo da supervivencia. Quizais sexa consecuencia desta crenza o costume galego de colocar no máis alto da casa acabada de construír, un ramo de loureiro como desexo de protección e ventura para a vivenda e os seus habitantes. Este ramo de loureiro, que xa pasa a designarse simplemente como o ramo, dá nome tamén ó convite ou albaroque que se fai ó remata-la obra.

Lightning NOAA
O loureiro considérase protector contra o raio.
BayLeaves
Follas secas de loureiro.

Tamén é ancestral a crenza de que onde medrara un loureiro non caería un raio [2]. Moi estendida tivo que estar esta crenza cando tivo que ser prohibida por Martiño de Dumio no século VI na súa obra De correctione rusticorum, onde condenou como superstición pagá rodea-las casas con loureiros.

Quizais por iso é costume xeral, segundo di Eladio Rodríguez, colgar ramas nas casas e nas cortes, como medida precautoria contra calquera enfermidade ou desgraza na xente ou no gando, ou queimar follas de loureiro bendito o domingo de Ramos durante as tormentas, para conxura-lo raio.

O fume do loureiro é especialmente protector e purificador de malas presenzas. Cando o campesino galego sospeitaba que algunha mala cousa lle entrara na casa, queimaba pólas de loureiro e esparexía o fume na casa ou na corte. En Cangas (Pontevedra), para protexe-la familia do mal de ollo, queimaban nunha tella romeu, lavanda, loureiro que mire ó mar e tres dentes de allo, coa que percorrían sufumigando a casa toda, coas portas e ventás pechadas.

Do mesmo xeito, o loureiro utilizouse adoito nos rituais para protexerse contra o mal de ollo. Así, Mariño Ferro conta como, en Pontevedra capital, realizaban este ritual para curar un meniño enfermo por esta causa: dous rapaces virxes, un meniño e unha meniña, teñen que saír das súas casas cara a casa do enfermo levando unha póla de loureiro. Durante o camiño non poden falar con ninguén e deben entrar os dous á par na casa. Unha vez na casa, pousan o loureiro no chan da habitación do enfermo e préndenlle lume, e o rapaz colle o meniño enfermo en brazos e pásao sobre o fume á vez que reza esta oración: Loureiro que fuches nacido/ e non fuches prantado,/ sácalle o aire.

En Loureses (Aguís, Os Blancos, Ourense) colocaban ó lado do corpo dos mortos, no velorio, un caldeiro con auga bendita e unha rama de loureiro para protexe-los visitantes do aire de defunto. Outro costume relacionado con isto era o de pasa-la roupa por riba do lume ó regreso do velorio, lume no que se adoitaba queimar follas de loureiro para purificarse co fume.

O loureiro tamén se usou como protector do gando, ó que se lle ataba ó pescozo un ramo de loureiro bendito o Domingo de Ramos. Na corte, queimaban nunha tixola un corno de carneiro, loureiro bendito e xofre. Como tratamento tradicional contra a mamite das vacas recorríase ós fumazos ou fumaghes producidos ó queimar loureiro, oliveira, bieiteiro e allo, e dirixindo o fume directamente sobre o ubre enfermo.

Finalmente, para abenzoa-las leiras espetábanse nos lindes pólas de loureiro ou de oliveira benditas.

Na literatura popular

Refraneiro
  • Queimemos o loureiro no mes de xaneiro.
Cantigueiro
  • A aldeia da Atalaia/ rodeada de loureiros/ non a pasean casados/ que a pasean solteiros [3].
  • Aparta, loureiro verde,/ deixa clarea-la lúa;/ se non vexo á miña nena/ non vexo cousa ningunha [4].
  • Arrimácheste ó loureiro/ por lle dar gusto ó corpiño:/ agora estás na gaiola,/ ten pacencia, paxariño [5].
  • Arrimeime a ti, loureiro,/ coidando que eras calado./ Loureiro, lengoareteiro,/ lévalo lengoaretado [6].
  • Esta casa está faiada,/ faiadiña de loureiro;/ que por moitos anos vivan/ os señores que están dentro [7].
  • Eu arrimeime ó loureiro/ pensando que era calado:/ loureiro langoreteiro,/ todo o tras avergoñado [8].
  • Eu ben vin esta-lo cuco,/ por debaixo dun loureiro,/ eu non me caso contigo,/ demonio de lacaceiro [9].
  • Loureiro, verde loureiro,/ loureiro da folla ancha,/ canta rapaza se perde/ pola moita confianza! [10].
  • Non te encostes ao loureiro/ qué verde e pode quedrar;/ encóstate ao meu peitiño/ que te pode asegurar [11].
  • O loureiro bate, bate,/ coa folliña no balcón;/ tamén os meus ollos baten,/ nena, no teu corazón [12].
  • O melro canta na viña,/ o reiseñol no loureiro,/ os cregos cantan na igrexa/ serven a Dios por diñeiro [13].
  • Ramos de loureiro verde/ botan follas ó desdén;/ palabra de casamento/ non lla días a ninguén [14].
  • Subinme ó loureiro verde/ e cortei unha polastra;/ ó amor que ha de ser firme/ unha palabra lle basta [15].
  • Teño unha casa no monte,/ nun pinar, antre loureiros,/ teño paz e teño amores,/ estou vivindo no ceo [16].
  • Teño unha casiña branca,/ na Mariña, antre loureiros,/ teño paz e teño amores,/ estou vivindo no ceo [17].
  • Tes o loureiro á porta,/ tes a sombra regalada,/ es delgada de cintura,/ tu de fea non tes nada [18].

O loureiro, símbolo identificativo dos furanchos

Loureiro Dena 01-01
Un ramallo de loureiro á porta dun furancho.

Os furanchos, esas adegas particulares que abren as portas ó público para vende-lo viño excedente, identifícanse tradicionalmente colocando un ramallo de loureiro á porta. Este ramo pasou a da-lo propio nome de loureiros a estes locais.

Notas

  1. El laurel, por su belleza, y por sus emanaciones balsamicas, fue consagrado al Dios de la Poesia, á ceñir la frente de los vencedores. Se plantaba al rededor de los palacios de los Cesares y Pontifices; se creia libre del rayo la cabeza coronada con él, y los mismos Emperadores se acogian á él en tiempo de tempestad” (Vocabulario de Francisco Javier Rodríguez Gil (1825?-1855).
  2. Lémbrese a oración castelá coa que se pide protección contras a chispa durante as tormentas: Santa Bárbara bendita,/ que en cielo estás escrita,/ con laurel y agua bendita.
  3. A Atalaia é un lugar da parroquia de Santa María de Asados (Rianxo). Fonte: Fermín Bouza Brey 1929, 203. No orixinal: Atalaya, non-a.
  4. Xaquín Lorenzo Fernández, 42. No orixinal: clareala lua.
  5. Xaquín Lorenzo Fernández, 45.
  6. Fermín Bouza Brey 1929, 199.
  7. Xaquín Lorenzo Fernández, 76.
  8. Xaquín Lorenzo Fernández, 79.
  9. Xaquín Lorenzo Fernández, 79. No orixinal: estalo, de un.
  10. Xaquín Lorenzo Fernández, 91.
  11. Xaquín Lorenzo Fernández, 112.
  12. Xaquín Lorenzo Fernández, 119.
  13. Xaquín Lorenzo Fernández, 120.
  14. Xaquín Lorenzo Fernández, 139.
  15. Xaquín Lorenzo Fernández, 149.
  16. Xaquín Lorenzo Fernández, 274. Recollida en Muros.
  17. Xaquín Lorenzo Fernández, 274. Recollida nas Mariñas de Betanzos.
  18. Xaquín Lorenzo Fernández, 154. No orixinal: és.

Véxase tamén

Bibliografía

As árbores na cultura popular galega

As plantas teñen un significado primordial na cultura galega sendo as árbores e os bosques e as fragas os máximos expoñentes.

Castelao dicía : O albre é o símbolo do señorío espritual de Galiza.O albre é un engado dos ollos, pola súa fremosura; é unha ledicia dos ouvidos, porque nel cantan os paxaros; é un arrolador do esprito, porque nas súas ponlas conta contos o vento.O albre pídelle auga ao ceo para que a terra teña sangue, vida e bonitura.

Galería de imaxes da etnografía de Galicia

Galería de imaxes da etnografía de Galicia.

Loureiro

O loureiro (Laurus nobilis) é unha árbore do xénero Laurus da familia botánica das Lauraceae ou lauráceas. É orixinaria do Mediterráneo oriental, varía entre 5 e 10 metros de alto, mais pode atinxir até 20 m de altura. As súas follas son vistosas, coriáceas e cun recendo moi característico. Por iso son moi usadas en condimentos na culinaria en xeral. O seu froito é do tipo baga e cando está maduro ten cor negra. Alén diso, a madeira desta árbore é de excelente calidade. Hai aínda algunhas propiedades medicinais para reumatismo, estómago etc.

Na Grecia Antiga as coroas confeccionadas con ramos de loureiro eran o símbolo da vitoria para os atletas e heroes nacionais. Ese costume tamén se herdou na Roma na época dos Césares. Por iso o termo laureado deriva xustamente do xénero Laurus.

En Galicia ademais do seu cultivo forma parte da vexetación espontánea, xeralmente en lugares húmidos, noiros, socalcos e pretos dos regos. Recibe tamén o nome de gamallo. Un estudo recente encontrou que as estacións nativas clasificadas como L. nobilis no norte de España (en Galicia por exemplo) estaban máis preto xenética e morfoloxicamente de L. azorica que da poboación de L. nobilis nativa en Francia e Italia É certo que en Galicia os loureiros adoitan medrar en ambientes moi húmidos, moito máis ca nos que medra o loureiro común mediterráneo.

Etnografía galega
Meses do ano
Cores
Animais
Alimentos
Vexetais
Outros

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.