O home de Vitruvio

O home de Vitruvio é un famoso debuxo acompañado de notas anatómicas de Leonardo da Vinci realizado ao redor do ano 1492 nun dos seus diarios. Representa unha figura masculina espida en dúas posicións sobreimpresas de brazos e pernas e inscrita nun círculo e un cadrado. Trátase dun estudo das proporcións do corpo humano, realizado a partir dos textos de arquitectura de Vitruvio, arquitecto da antiga Roma, do cal o debuxo toma o seu nome.

Tamén se coñece como o Canon das proporcións humanas.

Da Vinci Vitruve Luc Viatour
Fotografía do manuscrito.

Análise do debuxo

O debuxo está realizado en lapis e tinta e mide 34,2 x 24,5 cm. Na actualidade forma parte da colección da Galería da Academia de Venecia.

O cadrado está centrado nos xenitais, e o círculo no embigo. A relación entre o lado do cadrado e o raio do círculo é a razón áurea. Para Vitruvio o corpo humano está dividido en dúas metades polos órganos sexuais, mentres que o embigo determina a sección áurea. No recentemente nado, o embigo ocupa unha posición media e co crecemento migra ata a súa posición definitiva no adulto.

De acordo coas notas do propio Leonardo n' O home de Vitruvio danse outras relacións:

  • Unha palma equivale ao ancho de catro dedos.
  • Un equivale ao ancho de catro palmas (12 polgadas).
  • Un antebrazo equivale ao ancho de seis palmas.
  • A altura dun home son catro antebrazos (24 palmas).
  • Un paso é igual a un antebrazo.
  • A lonxitude dos brazos estendidos (envergadura) dun home é igual á súa altura.
  • A distancia entre o nacemento do pelo e o queixo é un décimo da altura dun home.
  • A altura da cabeza ata o queixo é un oitavo da altura dun home.
  • A distancia entre o nacemento do pelo á parte superior do peito é un sétimo da altura dun home.
  • A altura da cabeza ata o final das costelas é un cuarto da altura dun home.
  • A anchura máxima dos ombreiros é un cuarto da altura dun home.
  • A distancia do cóbado ao extremo da man é un quinto da altura dun home.
  • A distancia do cóbado á axila é un oitavo da altura dun home.
  • A lonxitude da man é un décimo da altura dun home.
  • A distancia do queixo ao nariz é un terzo da lonxitude da face.
  • A distancia entre o nacemento do pelo e as cellas é un terzo da lonxitude da cara.
  • A altura da orella é un terzo da lonxitude da cara.
  • A distancia desde a planta do pé ata debaixo do xeonllo é a cuarta parte do home.
  • A distancia desde debaixo do xeonllo ata o inicio dos xenitais é a cuarta parte do home.
  • O inicio dos xenitais marca a metade da altura do home.

O redescubrimento das proporcións matemáticas do corpo humano no século XV por Leonardo e outros autores, está considerado como un dos grandes logros do Renacemento.

O debuxo tamén é a miúdo considerado como un símbolo da simetría básica do corpo humano e, por extensión, do universo no seu conxunto.

Examinando o debuxo pode notarse que a combinación das posicións dos brazos e pernas crea realmente dezaseis posicións distintas. A posición cos brazos en cruz e os pés xuntos vese inscrita no cadrado sobreimpreso. Por outra banda, a posición superior dos brazos e as dúas das pernas vese inscrita no círculo sobreimpreso. Isto ilustra o principio de que no cambio entre as dúas posicións, o centro aparente da figura parece moverse, pero en realidade o embigo da figura, que é o centro de gravidade verdadeiro, permanece inmóbil.

Este debuxo aparece no reverso da moeda de euro de Italia.

A dama do armiño

A dama do armiño (en italiano La dama con l'ermellino) é un cadro do pintor renacentista italiano Leonardo da Vinci. Está pintado ao óleo sobre táboa que mide 54,8 cm. de alto e 40,3 cm de ancho e data do período 1488-1490. Consérvase no Museo Czartoryski de Cracovia (Polonia), onde se exhibe co título de Dama z gronostajem.

A Última Cea (Leonardo)

A Última Cea (en italiano: Il cenacolo ou L'ultima cena) é unha pintura mural orixinal de Leonardo da Vinci executada entre 1495 e 1497, atópase na parede sobre a que se pintou orixinariamente, no refectorio (comedor) do convento dominico de Santa Maria delle Grazie en Milán (Italia). Este representa a escena da Última Cea de Xesús como se anuncia no Evanxeo de Xoán 13:21, cando Xesús anuncia que un dos seus Doce Discípulos traizoaríao. A pintura foi elaborada, para o seu patrón, o duque Ludovico Sforza de Milán. Non é un fresco tradicional, senón un mural executado ao témpera e óleo sobre dúas capas de preparación de xeso estendidas sobre enlucido. Mide 460 cm. de alto por 880 cm. de ancho. Moitos expertos e historiadores da arte, consideran a A Última Cea como unha das mellores obras pictóricas do mundo.

Anatomía humana

A anatomía humana é a ciencia —de carácter práctico e morfolóxico principalmente— dedicada ao estudo das estruturas macroscópicas do corpo humano, de maneira que se deixa o estudo dos tecidos á histoloxía e das células á citoloxía e bioloxía celular. A anatomía humana é un campo especializado dentro da anatomía xeral (animal).

Baixo unha visión sistemática, o corpo humano —como os corpos dos animais—, está organizado en diferentes niveis segundo unha xerarquía. Así, está composto de aparellos, integrados por sistemas, que á súa vez están compostos por órganos, que están compostos por tecidos, que están formados por células, que están formados por moléculas etc. Outras visións (funcional, morfoxenética, clínica etc.), baixo outros criterios, entenden o corpo humano dunha maneira algo distinta.

Anunciación (Leonardo, Uffizi)

A Anunciación (Annunciazione, en italiano) é un óleo sobre panel de Leonardo da Vinci, pintado entre 1472 e 1475, cunhas medidas de 98,4 × 217 cm.

Representa o arcanxo Gabriel no momento que anunciaba a María que fora escollida polo Señor para ser a nai de Xesús, de acordo co evanxeo de Lucas 1:26.

A obra permaneceu oculta até 1867, cando foi transferida desde un convento próximo a Florencia á Galería Uffizi, tamén en Florencia.

Desde entón, algúns investigadores mostraron a pintura como o primeiro traballo de Leonardo da Vinci, pero outros atribúena a outros pintores, como Ghirlandaio ou Verrocchio.

As ás do anxo foron pintadas con precisión naturalista, un exemplo da curiosidade científica típica da carreira de Leonardo. Usou o seu coñecemento sobre as ás dos paxaros para facer as do anxo. No primeiro plano, o pintor representa un tipo de tapete en flor no que todas as flores foron pintadas con precisión.

Autorretrato (Leonardo)

Este Autorretrato (en italiano, Autoritratto) é un dos debuxos máis coñecidos do pintor italiano Leonardo da Vinci. Foi pintado en torno ao ano 1513 e atópase na Biblioteca Real de Turín. Está realizado en xiz vermella e mide 33 centímetros de alto e 21,6 cm. de ancho.

Bautismo de Cristo (Verrocchio)

O bautismo de Cristo (en italiano, Battesimo di Cristo), é un cadro do taller do pintor renacentista italiano Verrocchio, algunhas de cuxas partes se atribúen a Leonardo da Vinci. Está realizado ó óleo e témpera sobre táboa. Mide 177 cm de alto e 171 cm de ancho (151 cm segundo outras fontes). Foi pintado cara a 1475-1478, atopándose actualmente na Galería Uffizi, Florencia (Italia).

Corpo humano

Para outros homónimos véxase Corpo (homónimos).O corpo humano é a estrutura física e material do organismo humano.

Debuxo

O debuxo, máis ca unha técnica gráfica baseada no uso da liña, é a expresión dunha imaxe que se fai de forma manual, e dicir, usase a man para realizalo. Os materiais que se poden usar son moitos, coma tamén a superficie onde se pode facer. Os máis usados son o papel como soporte e o lapis como instrumento, e actualmente usase o ordenador cun lapiseiro óptico ou un rato.

Leonardo da Vinci

Leonardo da Vinci ( Leonardo di ser Piero da Vinci ), nado en Anchiano, Toscana, (República de Florencia), preto de Vinci, o 15 de abril de 1452 e finado en Amboise (Francia) o 2 de maio de 1519, foi un artista florentino destacado polímata en diferentes eidos: pintor, arquitecto, enxeñeiro, científico, escultor, inventor, urbanista, matemático, escritor e músico icona do Renacemento italiano.

Frecuentemente descrito como un arquetipo e símbolo do home do Renacemento, xenio universal, ademais de filósofo humanista cuxa curiosidade infinita só pode ser equiparable á súa capacidade inventiva, Leonardo da Vinci é considerado como un dos máis grandes pintores de tódolos tempos e, probablemente, é a persoa co maior número de coñecemento en múltiples disciplinas que xamais existiu.É máis coñecido como pintor e dúas das súas obras máis soadas son a Mona Lisa, tamén coñecida como A Gioconda, e A Última Cea, copiadas e parodiadas en múltiples ocasións, do mesmo xeito que o seu debuxo do Home de Vitruvio, que chegaría a ser retomado en numerosos traballos derivados. Porén, só se coñecen unha vintena das súas obras, debido principalmente aos seus constantes (e ás veces desastrosos) experimentos con novas técnicas e á súa inconstancia crónica. Este reducido número de creacións, xunto cos seus cadernos que conteñen debuxos, diagramas científicos e reflexións sobre a natureza da pintura, constitúen un legado para as sucesivas xeracións de artistas, só igualado, salvando as distancias, unicamente por Michelangelo.

A pegada de Leonardo na historia da arte europea é bastante profunda. Algunhas técnicas desenvolvidas por el, destacadamente o sfumato e o clarescuro, tornáronse unha regra para a pintura dos séculos vindeiros.

Como enxeñeiro e inventor, Leonardo desenvolveu ideas moi adiantadas ao seu tempo, tales como o helicóptero, o carro de combate, o submarino e o automóbil. Moi poucos dos seus proxectos chegaron a construírse (entre eles a máquina para medir o límite elástico dun cable), xa que a maioría aínda non eran realizables nesa época. Como científico, Leonardo da Vinci fixo progresar moito o coñecemento nas áreas da anatomía, a enxeñaría civil, a óptica e a hidrodinámica.

No ano 2008 foi elixido, nunha enquisa elaborada co motivo da celebración do Día de Europa en 50 países europeos, o personaxe máis influente na sociedade europea actual. Nun estudo realizado en 1926 o seu cociente intelectual (CI) foi estimado en cerca de 180.

Madonna Dreyfus

Madonna Dreyfus, tamén coñecida como A Virxe da granada, é unha pequena pintura ao óleo sobre taboa do renacemento italiano, atribuída ata agora ao pintor Lorenzo di Credi, aínda que máis recentemente foi reconsiderada como obra de Leonardo da Vinci. Atopase na Galería Nacional de Arte de Washington, D.C.

Medusa (Leonardo da Vinci)

A Medusa é un dos dous cadros desaparecidos que Giorgio Vasari atribúe a Leonardo da Vinci.

Mona Lisa

A Mona Lisa (tamén coñecida como a Monna Lisa; Italiano La Gioconda; francés La Joconde), é unha pintura feita polo artista italiano Leonardo da Vinci mostrando unha muller cunha expresión introspectiva, lixeiramente sorrinte. É probabelmente o retrato máis famoso na historia da arte. Poucos outros traballos de arte son así conmemorados ou reproducidos.

O cadro foi pintado entre 1503 e 1519 . A pintura ao óleo en madeira exposta agora no Museo do Louvre en París é a maior atracción do museo.

Número áureo

O número áureo ou número de ouro (tamén chamado número prateado, razón extrema e media, razón áurea, razón dourada, media áurea, proporción áurea e divina proporción) representado pola letra grega φ (fi) (en honor ao escultor grego Fidias), é o número irracional:

Trátase dun número alxébrico que posúe moitas propiedades interesantes e que foi descuberto na antigüidade, non como “unidade” senón como relación ou proporción entre segmentos de rectas. Esta proporción encóntrase tanto nalgunhas figuras xeométricas como na natureza en elementos tales como caracois, nervios das follas dalgunhas árbores, o grosor das ramas etc.

Así mesmo, atribúeselle un carácter estético especial aos obxectos que seguen a razón áurea, así como unha importancia mística. Ao largo da historia, atribuíuselle importancia en diversas obras de arquitectura e outras artes, aínda que algúns de estes casos foron obxectables para as matemáticas e a arqueoloxía.

Paisaxe do Val do Arno (Leonardo)

A Paisaxe do Val do Arno, é un debuxo (19 x 28,5 cm), feito con pluma e tinta autenticada de escritura empregada por Leonardo da Vinci. Sinalou, el mesmo na esquina superior esquerda, o día en que o deseño foi executado o 5 de agosto de 1473, o día da festa de Santa María das Neves (di di Santa Maria delle Neve addi 5 daghosto 1473).

Renacemento

O concepto Renacemento aplícase á época artística que dá comezo á Idade Moderna en Europa (finais do século XV e todo o século XVI).

Chamouse "Renacemento" en virtude da redescuberta e revalorización das referencias culturais da antigüidade clásica, que orientaron as mudanzas deste período en dirección a un ideal humanista e naturalista. O termo foi rexistrado por primeira vez por Giorgio Vasari xa no século XVI, mais a noción de Renacemento tal e como hoxe o entendemos xurdiu a partir da publicación do libro de Jacob Burckhardt A cultura do Renacemento en Italia (1867), onde el definía o período como unha época de "descubrimento do mundo e do home"..

De feito o Renacemento racha, conscientemente, coa tradición artística da Idade Media, á que cualifica, con desprezo, como un estilo de bárbaros ou de godos. E coa mesma consciencia oponse á arte contemporánea da Europa do norte.

O Renacemento cultural manifestouse primeiro na rexión italiana da Toscana, tendo como principais centros as cidades de Florencia e Siena, de onde se espallou cara ó resto de Italia e despois cara a practicamente todos os países da Europa occidental. Italia permaneceu sempre como o lugar onde o movemento presentou un maior apoxeo, porén manifestacións renacentistas de grande importancia tamén terían lugar en Inglaterra, Alemaña, Países Baixos e, menos intensamente, en Portugal e España, e nas súas colonias americanas.

Dende unha perspectiva da evolución artística xeral de Europa, o Renacemento significa unha separación da unidade estilística que ata ese momento fora supranacional.

(Á dereita, O home de Vitruvio de Leonardo da Vinci. Aprox. 1492.)

Retrato de Xenebra de Benci

Este Retrato de muller, chamado de Xenebra de Benci é un cadro atribuído a Leonardo da Vinci, datado cara a 1474-76. Está realizado ao témpera e óleo sobre táboa (madeira de álamo). Mide 38,8 cm. de alto e 36,7 cm. de ancho. Foi adquirido pola National Gallery of Art de Washington en 1967 por 5 millóns de dólares pagos á Casa Real de Liechtenstein, un prezo récord para ese tempo.

Crese que é un retrato de Xenebra de Benci (Ginevra de' Benci), o que explicaría a representación do enebro ás súas costas. De feito, tamén se coñece como Retrato de muller nova ante un enebro, aínda que actualmente é máis común o outro nome. Foi unha dama da clase aristocrática do século XV de Florencia, admirada pola súa excepcional intelixencia polos seus contemporáneos florentinos. A Xenebra Benci lémbrase hoxe en día só por ser o tema dunha das 17 pinturas atribuídas a Leonardo da Vinci. Posiblemente no pasado fose máis grande, acurtándose pola parte inferior.

Considérase que é obra do mesmo autor de A dama do armiño do Museo Czartoryski, e en xeral considérase que o autor de ambas foi Leonardo, pero non sen voces disidentes dentro da crítica[Cómpre referencia]. Podería ser feito con motivo do matrimonio de Xenebra, en 1474 ou, dado que ela aparenta máis de 18 anos, puido ser un encargo de anos posteriores do embaixador veneciano Bernardo Bembo, que tiña coa dama unha amizade platónica. Pijoán considera que está datada cara a 1504, cando Xenebra tería trinta anos.

Destaca pola súa estraña luminosidade, e a atención prestada ao detalle. Hai toques de luz no cabelo, ao modo da pintura flamenca. A mirada da modelo mostra seriedade e á súa vez unha beleza excepcional, modelo clásico renacentista. O pintor estendeu a pintura, nalgúns lugares, cos dedos, deixando así marcadas as súas impresións dixitais.

No reverso está representada unha grilanda, cunha rama de loureiro e outra de palma, atada por unha cartela na que pon " VIRTUTEM FORMA DECORAT" (a beleza adorna a virtude). A pintura do reverso podería aludir á castidade do sentimento amoroso que Xenebra inspirou.

Salvator Mundi (Leonardo)

Salvator Mundi é unha pintura de Cristo como Salvator Mundi («Cristo como salvador do mundo») que foi atribuída pola maioría dos eruditos como obra de Leonardo da Vinci desde o seu redescubrimento en 2005. Esta atribución foi rexeitada por outros especialistas. Longamente perdida, foi restaurada e exhibida en 2011. A pintura mostra a Cristo, cun vestido renacentista, dando unha bendición coa man dereita levantada e dedos cruzados mentres sostén unha esfera de cristal na súa man esquerda. A pintura foi vendida en poxa por Christie's en Nova York, o 15 de novembro de 2017, por 7008450312500000000450.312.500 USD o que a converte na pintura máis cara xamais vendida.

Ser humano

Os seres humanos, tamén chamados xenericamente humanos ou homes (Homo sapiens), son unha especie da orde dos primates e da familia dos homínidos. H. sapiens é o único representante vivente do xénero Homo e, ademais, só ten unha subespecie vivente, o H. s. sapiens. Diversas probas baseadas na comparación do ADN fan pensar que os humanos modernos se orixinaron en África hai arredor de 200 000 anos.Os algoritmos xenéticos determinan unha diferenza dun 0,2% do material xenético entre os diferentes individuos desta especie, que ten como algunhas ds características máis destacadas a súa intelixencia, o desenvolvemento da linguaxe e a cultura. Os humanos teñen un cerebro altamente desenvolvido, quen de realizar un tipo de razoamento abstracto, de consciencia e de emocións complexas. Esta capacidade mental, combinada cunha posición erecta do corpo que libera os brazos e as mans, dalle unha gran capacidade de manipular obxectos e utilizar ferramentas con máis efectividade que calquera outra especie da terra.

Como a maioría de primates, os humanos son sociais por natureza, pero tamén son quen de empregar sistemas de comunicación moi elaborados para facer posible a expresión e intercambio de ideas, así como a organización social. Crean estruturas complexas de convivencia, dende familias até nacións e estableceron unha enorme variedade de tradicións, rituais, éticas, valores, normas e leis que forman a base da sociedade humana. Tamén teñen unha predisposición destacada para a estética e a beleza, que provocou fenómenos como son a cultura, a arte, a literatura e a música.

Os seres humanos destacan polo seu desexo de entender o mundo que os rodea, sobre o cal inflúen e que queren comprender. Tamén intentan coñecer e controlar os fenómenos naturais, que tratan a través da ciencia, a filosofía, a mitoloxía e a relixión. Esta curiosidade natural permitiulle desenvolver ferramentas, e nun senso máis xeral, a tecnoloxía. Os humanos son a única especie coñecida capaz de encender lume, cocer os alimentos e vestirse; ademais, transmiten as súas habilidades e coñecementos ás seguintes xeracións a través da educación.

De xeito habitual emprégase o termo «home» para designar todos os humanos xenericamente, malia que no seu sentido máis específico, esta palabra se aplica ós individuos de sexo masculino. Así, o termo «homes» pódese aplicar tanto a tódolos individuos da especie como ós de sexo masculino, mentres que os de sexo feminino teñen a denominación exclusiva de «muller».

Simetría

O termo simetría (do grego συμμετρία symmetría "medida conxunta") ten xeralmente dous significados. O primeiro fai referencia a un concepto impreciso de harmonía ou estética que resulta agradábel e pracenteiro aos sentidos Así o escultor grego Policleto, nun libro seu sobre as proporcións, ligaba a simetría coa beleza. O segundo significado é máis preciso e está relacionado con certas propiedades xeométricas que denotan patróns de autosimilitude ou de repetición que posúen algúns corpos, como ocorre, por exemplo, na simetría bilateral.

Aínda que ambos significados son distinguíbeis nalgúns contextos, na maioría das ocasións aparecen intimamente ligados.

O concepto de simetría aparece en infinidade de situacións. Así, pode ser observada:

con respecto ao paso do tempo;

como unha relación espacial;

en transformacións xeométricas como homotecias, reflexións e rotacións;

a través doutras clases de transformacións funcionais como, por exemplo, na repetición regular dun patrón no pavimento, en transformacións complexas de ecuacións, ou na maneira en que se executa unha peza musical.

como unha característica de obxectos abstractos, de teorías científicas, da linguaxe, da música e, mesmo, do coñecemento en si.O contrario da simetría é a asimetría.

Pinturas
Escultura
Debuxos
Manuscritos
Inventos

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.