O gato na cultura popular galega

A seguir recóllese a pegada do gato na cultura popular galega a través das crenzas, refráns, cantigas, etc. recollidas de enciclopedias, vocabularios, refraneiros e outra bibliografía de ámbito xeral ou localizado.

Crenzas e supersiticións

065-Barcelona-Cat-2
Criar un gato negro dá boa sorte na casa
Can e gato, Santiago de Compostela
Levarse coma o can e o gato

É común a crenza de que dá mala sorte que un gato negro se cruce diante nosa pero, pola contra, criar un gato negro na casa trae boa sorte [1]; en Cambados engaden que, para ben ser, o tal gato debe ser regalado [2].

Para curar o mal de aire din que é bo afumar o paciente con romeu, oliveira e loureiro, ademais dunha pluma de galiña e pelos de gato [3].

Locucións

  • Acedo como o rabo dun gato: dise do alimento que se avinagra [4].
  • Andar á xaneira, andar de xaneira/ xaneiro: estar unha gata en celo [5]. Por extensión, dise dos mozos que andan pola noite buscando aventuras amorosas, como os gatos en celo.
    • Andar ás celeiras coma as gatas xaneiras.
    • Andar como os gatos en xaneiro.
  • Coma cans e gatos: ver levarse coma o can e o gato.
  • Levarse como o can e o gato: estar rifando permanentemente, levarse mal con outro [6].
  • Ser á boa fe, coma os gatos pequenos: non ter mala intención [7].

Refraneiro

Santiago 14-40, Fontiñas
...uñas de gato
  • A muller que non sabe cociñar, é coma gata que non sabe ratear [8].
  • Aí vén febreiro cos seus vinteoito: si tivera máis catro non deixaba can nin gato.
  • Cara de beato, e unllas de gato [9].
  • Chuvia en maio, a mexadiña dun gato [10].
  • Chuvia en marzo, como a mexeira dun gato [11].
  • Chuvia en marzo, nin a mexadura dun gato [10].
  • Chuvia en marzo, nin o mexo dun gato [12].
  • Coa axuda dos veciños, sóbense os gatos os touciños [13].
  • Dixo no monte unha vella: "Vaite febreiriño corto cos teus días vinteoito, que si tiveras máis catro non quedaba can nin gato". Febreiriño contestou: "Os teus becerriños oito, deixa que meu irmán marzo hachos de volver en catro".
  • En marzo auga que non molle o rabo do gato [12].
  • En marzo nin o rabo do gato mollado [12].
  • Febreiriño corto, cos seus días vinteoito; se duras máis catro, non queda can nin gato, nin ratiño no burato, nin ovella rabela, nin pastor pra ir co ela, nin cornos no carneiro, nin orellas ó pregoeiro.
  • Febreiriño corto, cos teus días vinteoito, si duraras máis catro, non paraba can nin gato [14].
  • Febreiriño curto, cos seus días vinteoito, se duraras máis catro non deixabas can nin gato.
  • Febreriño curto, cos teus días vinteoito, se tuveras outros catro, non quedaba can nin gato, nin orellas ó pigureiro, nin can tras do palleiro [15].
  • Febreiro corto, cos seus días vinteoito, se durara máis catro, non quedaba can nin gato, nin rato no seu burato [16].
  • Febreiro curto, cos teus días vinteoito, se duraras máis catro, non quedaba can nin gato. Pois deixa, que agora vén meu irmau abril que che ha de matar o porco dun ano no cubil [4].
  • Fillo de gata, ratos mata [17].
  • Gato do mes de xaneiro vale un carneiro.
  • Gato escaldado da auga fría fuge [18].
  • Maio tolo, nin bo gato nin bo polo.
  • Máis val ser cabeza de rato, que rabo de gato [19].
  • Marzo, marzaco, cabeza de gato, de oito bois que tiña deixáchesme catro.
  • Marzo, nin rabo de gato mollado.
  • Nin mozo dormidor, nin gato maiador [20].
  • Nin mozo farrento, nin gato cincento [20].
  • O can i o gato comen o mal gardado [21].
  • O fillo do gato mata ó rato [17].
  • Ó probe, a muller e a gata; ó rico, a pocha e a vaca [22].
  • Polo rabo da culler entra o gato na ola [23].
  • Polo rabo da culler sobe o gato a ola [24].
  • Polo rabo da culler vai o gato á ola [25].
Gato malpica
Sardiña que leva o gato, tarde o nunca volve ó prato
  • San Adrián, nin bo gato nin bo can [26].
  • Santo San Xoán de Arruxo/ déalle salú ó raposo/ os gatos de Maldonado/ rabuñáronlle o pescozo [27].
  • Sardiña que leva o gato, tarde o nunca volve ó prato [28].
  • Sardiña que o gato leva, ben lambidiña vai [28].
  • Sardiña que o gato leva, perdida está [28].
  • Sogra e nora, can e gato, non comen no mesmo prato [29].
  • Un ollo ó prato, e outro ó gato [30].
  • Vaite febreiriño corto, cos teus días vinteoito, que se tiveras máis catro non quedaba can nin gato.
  • Vaite febreiro cos teus vinteoito que se duras máis catro non queda can nin gato.
  • Vaite febreiro cos teus vinteoito que se duras máis catro non queda can nin gato. Deixa que aí vén meu irmán marzo que vos ha de poñe-los cornos no regazo.
  • Vaite febreiro cos teus vinteoito, que si duras máis catro non queda can nin gato. Deixa que aí vén meu irmán marzo que vos ha de poñe-los cornos no regazo.

Cantigueiro

Kitties!!
  • Á porta de cas te mordan,/ malos gatos te rabuñen,/ que veña un boi que te escorne/ i a morte que te apatule [31].
  • Ai, miña nai, que caldo me ten./ Ai, miña filla, sábeche ben;/ verciñas poucas, fabiñas catro,/ carniña tanta coma a lengoa dun gato [32].
  • As garelas [33] de Betanzos/ cando van para o muíño/ levan un gato esfolado/ para comer no camiño.
  • Cálate, vaite calando,/ cara de caracandil,/ ollos de gato raxado,/ fuciños de tamboril [34].
  • Cantiguiña que eu dixer/ non a tornes a decer,/ que teño un gato esfolado/ para che dar a comer [35].
  • Chamáchesme ollos rasgados, tamén os meu noivo os ten/ e non los fumos roubar/ ao gatiño de ninguién [36].
  • De ise lado do río/ anda un gato dando voces/ que lle cortaron o rabo/ para bigotes dos homes [37]
  • Eu subín por unha viña/ e baixei por un chantón./ Quen che ha de querer a ti/ cara de gato ladrón [38].
  • Manoel, Manoeliño/pernas de gato monteiro/pensas enganar as nenas/engánast'a ti primeiro [39].
  • Manuel, caga mel, / I as abellas c... para el / A gata c... nata / i o Manuel todo lapa.
  • Miña nai pariume ó lume/ por baixo dunha tixela/ e veu o gato e levoume/ pensando que era vitela [40].
  • Miña nai, cando peneira,/ báteme cunha variña;/ dime que fuxa dos homes/ coma o gato da sardiña [41].
  • Pensas que te quero moito/ trapo de tódalas rollas;/ tanta ansia teño por ti/ como o gato por cebolas [42].
  • Sardiña que o gato leva,/ aquela galdida vai;/ heite de sacar, meniña,/ dos brazos da túa nai [43].
  • Sardiña que o gato leva,/ aquela gandida vai;/ heite de sacar, meniña,/ do poder da túa nai [44].
  • Se tu viras o que eu vin/ na feira dos maragatos:/ vintecatro cabaleiros/ dacabalo de dous gatos [45].
  • Se vírades o que eu vin/ fuxírades como eu fixín:/ un gato nunha ventana/ tocando nun violín [46].
  • Voulles contar a vostedes/ o que enganan as mulleres,/ que ó probe do Farruquiño/ déronlles gatos por lebres [47].

Adiviñas

  • Fun á romaría de san Benitiño,/a un pai e sete fillas crucei no camiño,/cada filla levaba sete sacas,/en cada saca ían sete gatas/e en cada gata sete gatiños./Gatiños, gatas, sacas,/homes e mulleres no camiño,/¿cantos ían ó san Benitiño? [48].

Notas

  1. Eladio Rodríguez González, s. v. negro.
  2. Adela Leiro, 120.
  3. Mariño Ferro (1985), 227.
  4. 4,0 4,1 Elixio Rivas Quintas (1978).
  5. Eladio Rodríguez González, s. v. xaneira.
  6. Real Academia Galega 1913, s. v. can.
  7. Victoria Cerviño Ferrín 2013.
  8. Eladio Rodríguez González, s. v. muller.
  9. Eladio Rodríguez González, s. v. cara.
  10. 10,0 10,1 Eladio Rodríguez González, s. v. chuvia.
  11. Rosario Soto Arias 2013.
  12. 12,0 12,1 12,2 Eladio Rodríguez González, s. v. marzo.
  13. Eladio Rodríguez González, s. v. touciño.
  14. Saudade nº 3, maio 1943, 24-25. No orixinal: mais.
  15. Elixio Rivas Quintas (1978). No orixinal: ghato, pighureiro.
  16. Eladio Rodríguez González, s. v. febreiro. No orixinal: corzo, sic por corto.
  17. 17,0 17,1 Eladio Rodríguez González, s. v. fillo.
  18. Real Academia Galega 1913, s. v. auga.
  19. Eladio Rodríguez González, s. v. cabeza.
  20. 20,0 20,1 Eladio Rodríguez González, s. v. mozo.
  21. Eladio Rodríguez González, s. v. can.
  22. Sobreenténdese que unhas paren ó pobre e outras ó rico.
  23. Juan Sobreira Salgado: "Papeletas.
  24. Eladio Rodríguez González, s. v. rabo.
  25. José María Pereda Álvarez (1953).
  26. San Adrián mártir celébrase o 4 de setembro, pero en Galicia tamén se celebra este santo en marzo, en xuño e en agosto.
  27. José Crespo Pozo I:199,23. No orixinal: d'Arruxo, rabuñáronll'o pescozo.
  28. 28,0 28,1 28,2 Lino Lema Bouzas, 9.
  29. Miguel Rubinos Conde 2013.
  30. Eladio Rodríguez González, s. v. ollo.
  31. Xaquín Lorenzo Fernández, 43.
  32. Xaquín Lorenzo Fernández, 33. No orixinal: berciñas, de un gato.
  33. Aplícase o alcume de garelas ás mozas desvergonzadas e atrevidas, pero tamén ás naturais de Betanzos, en xeral.
  34. Xaquín Lorenzo Fernández, 55.
  35. Xaquín Lorenzo Fernández, 59. No orixinal: nona.
  36. Xaquín Lorenzo Fernández, 62.
  37. Xaquín Lorenzo Fernández, 67.
  38. Chantón é o pé de pedra que levanta a viña. Fermín Bouza Brey 1929, 188. No orixinal: .
  39. José Pérez Ballesteros II:60,39.
  40. Xaquín Lorenzo Fernández, 100. No orixinal: de unha. Vitela é tanto a becerra como a carne que se saca dela.
  41. Xaquín Lorenzo Fernández, 98.
  42. Xaquín Lorenzo Fernández, 133.
  43. Xaquín Lorenzo Fernández, 142.
  44. Xaquín Lorenzo Fernández, 267. Recollida na comarca do Ulla.
  45. Xaquín Lorenzo Fernández, 147. No orixinal: vín.
  46. Xaquín Lorenzo Fernández, 148. No orixinal: virades, vin, fuxirades.
  47. Xaquín Lorenzo Fernández, 163. Semella a introdución dun cantar máis longo.
  48. Gárfer e Fernández, 245; a solución: eu só. No orixinal: romería, crucéi, iban, i, cántos.

Véxase tamén

Bibliografía

  • ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008.
  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
  • Mª Victoria Cerviño Ferrín: "Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 2", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 441-462.
  • GÁRFER, J.L. e FERNÁNDEZ, C.: Adivinancero popular gallego. Taurus Ed., Madrid 1984.
  • LEIRO LOIS, Adela (dir.): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo. Cambados 1986.* FERRO RUIBAL, Xesús (dir.) e outros: Diccionario dos nomes galegos, Ir Indo, Vigo 1992.
  • LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
  • MARIÑO FERRO, Xosé Ramón: La medicina popular interpretada I. Xerais, Vigo 1985.
  • REAL ACADEMIA GALEGA: Diccionario gallego-castellano, 1913-1928.
  • RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca 1978.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • RUBINOS CONDE, Miguel: "Da roda para a piola: refráns e frases do sur de Galicia", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 487-502.
  • SOBREIRA, Juan: Papeletas de un diccionario gallego (1792-1797), ed. de J. L. Pensado Tomé, Instituto de Estudios Orensanos, Ourense 1979.
  • SOTO ARIAS, Mª Rosario: "Notas para un estudo dos refráns haxiocronolóxicos", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 347-370.
Galería de imaxes da etnografía de Galicia

Galería de imaxes da etnografía de Galicia.

Gato

O gato ou gato doméstico (Felis silvestris catus ou Felis catus), chamado familiarmente micho ou mico, é un mamífero doméstico da familia dos felinos, con unllas retráctiles, carnívoro, de pelaxe espesa e suave. Os humanos adoitan valorar estes animais pola súa compañía e pola súa capacidade de cazar pequenos animais coma os ratos. Existen máis de setenta razas de gatos recoñecidas por varios rexistros.

Os gatos posúen unha anatomía semellante á doutros félidos, cun corpo forte e flexible, rápidos reflexos, unllas retráctiles afiadas e dentes adaptados para a caza de pequenas presas. Os sentidos de gato entran dentro dun nicho ecolóxico crepuscular e predatorio. Estes animais poden escoitar sons demasiado leves ou cunha frecuencia demasiado alta para o oído humano, como os que emiten os ratos e outros pequenos animais, e poden ver en condicións de escuridade. Ó igual que a maioría de mamíferos, os gatos teñen unha peor visión en cor e un mellor sentido do olfacto que os humanos. Malia ser cazadores solitarios, os gatos son unha especie social, e a súa comunicación inclúe o uso dunha variedade de vocalizacións (por exemplo ronronando ou miañando) ademais da emisión de feromonas e da linguaxe corporal específica.Debido á veneración polos gatos no antigo Exipto, a crenza popular máis común foi a de atribuír a súa domesticación a esta época e lugar, mais coñécense instancias de domesticación máis temperás que datan do Neolítico, ó redor do ano 7500 a.C. Un estudo xenético de 2007 concluíu que tódolos gatos domésticos descenden de gatos salvaxes do Oriente Medio, diverxendo destes ó redor do ano 8000 a.C. no propio Oriente Medio, e outro estudo de 2017 confirmou que os gatos domésticos descenden destes primeriros gatos domesticados no Oriente Medio. Por outra banda, un estudo de 2016 concluíu que o Prionailurus bengalensis pasara por un proceso de domesticación independente na China ó redor do ano 5500 a.C., malia que esta liña particular de gatos domesticados non deixou traza nas poboacións domésticas actuais.

Etnografía galega
Meses do ano
Cores
Animais
Alimentos
Vexetais
Outros

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.