O can na cultura popular galega

A seguir recóllese a pegada que deixou o can na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.

Supersticións

Fruit2
Cinamomo, árbore da rabia ou árbore de Santo Outel

Conta Eladio Rodríguez [1] que en Galicia tiñan pánico dos cans doentes (enfermos de rabia), motivo polo que, cando aparecía un, xuntábanse axiña os homes armados con paus, fouces e outros apeiros de labranza para darlle caza e matalo. Cando alguén resultaba mordido, levábano a unha fonte e se na auga do pío se reflectía a figura da cabeza dun can era sinal de que estaba infectado.

Santo Outelo ou Eutelo é o santo avogoso para protexer e curar ás xentes que foron trabadas por un can doente ou sospeitoso de selo. De feito, o cinamomo (Melia azedarach) chámase tamén árbore da rabia e árbore de Santo Outel porque se considera que cura a enfermidade mediante unha infusión feita coa casca, as follas e as flores e o rezo de ensalmos coma estes [2]:

  • Can da rabia,/ tente en ti,/ que o San Alauterio/ está no medio de min e de ti.
  • Detente, can doente,/ como Dios se tuvo en si./ San Outeliño bendito/ no medio de min e de ti.

Existen certas aparicións fantásticas protagonizadas por cans [1]:

  • Can branco: visión fantástica que se aparece de noite nos camiños e que mira tristemente a quen se atopa. Aínda así, crese que é de bo agoiro.
  • Can negro: aparición fantástica en forma de can de cor negra, que se aparece nos camiños. Considérase de mal agoiro.
  • Can do mar: ser fantástico con forma de can grande e negro, que sae do mar oubeando furiosamente.
  • Cadela das tetas longas: ser fantástico que aparecía durante a noite anunciando a morte. Tiña a forma dunha cadela branca cunhas mamas que case lle arrastraban polo chan e botando lapas de lume pola boca. Por veces era tan grande coma un cabalo e podía partirse en dúas metades. Tan pronto ladraba coma un can que beaba coma un carneiro, grallaba coma un corvo ou choraba coma unha carpideira nun enterro.

Léxico

Tipos de cans
  • Can coenlleiro: o especializado na caza do coello.
  • Can danado: can doente.
  • Can de axuda: can de defensa do seu amo.
  • Can de busca: can de caza.
  • Can de caste: can de raza, non cruzado.
  • Can de caza: can que se dedica a cazar.
  • Can de gando: can de gran tamaño, que vai co gando ó monte para defendelo dos ataques do lobo.
  • Can de montaña: ver can de gando'.
  • Can de palleiro: can do país, que adoitaba dormir no palleiro, e de aí o seu nome.
  • Can do mar: peixe da familia das quenllas.
  • Can doente: can enfermo de rabia
  • Can faldreiro: can de pequeno tamaño, que adoita estar nas faldas das mulleres.
  • Can grande: antiga moeda de dez céntimos de peseta, tamén chamado patacón.
  • Can guicho: can perdigueiro.
  • Can ladrador: can que ladra moito e frecuentemente.
  • Can lebreiro: especializado na caza de lebres e coellos.
  • Can maior (Canis Major): constelación que comprende a estrela Sirio, a máis brillante do ceo nocturno da Terra.
  • Can menor (Canis Minor): constelación austral, formada só por dúas estrelas.
  • Can ovelleiro: can especializado a pastorear ovellas.
  • Can pequeno: moeda de cinco céntimos de peseta, tamén chamada cadela.
  • Can perdigueiro: raza de cans de grandes orellas, especializado na caza de perdices.
  • Can rabeno: can ó que lle cortaron o rabo total ou parcialmente.
  • Can raposeiro: can especializado na caza do raposo.
  • Can sen dono: can vagabundo, que anda errante polos camiños.
  • Can ventador, can venteador: can de caza que segue a esta polo olfacto.
O can como metáfora
Forficula auricularia
Cadela de frade
  • Cadela: moeda de poco valor;
  • Cadela: fig. muller de xenio vivo, que se alporiza por nada.
  • Cadela: pan pequeno feito coa masa sobrante.
  • Cadela: lorcho bravo.
  • Cadela, cadelucha: nome xenérico de diferentes moluscos.
  • Cadela da verdura: verme da col (Helicoverpa armigera).
  • Cadela das patacas: verme que ataca as patacas.
  • Cadela de cen patas: cempés.
  • Cadela de frade: forcadela, rapacarallas (Forficula auricularia). Crese que é quen de meterse polo oído da xente ata perforar o tímpano e poñer os ovos no fondo do conduto auditivo [3].
    • Cadela de faldras, cadela dos frades, cadela faldrexa.
    • Cadela lareta, cadela lavada: ver cadela de frade.
    • Cadeliña do demo: ver cadela de frade.

Locucións

  • A paso de cadela: a paso lixeiro, rápido [4].
  • Apupar a un como un can: perseguir a un con insultos e burlas [1].
  • Atar os cas con longaínzas: dise cando se promete algo imposible, para enganar a alguén [5].
  • Botar os cans a un: recibir mal a unha persoa, con berros e malos xestos, botarlle fóra [1][3].
  • Botarlle un can a un: ver botar os cans.
  • Cara de can: dise da persoa fea, que ten cara de poucos amigos, que pon mal xesto, que é antipática [1][3].
  • Cariñento coma un can: moi cariñoso, dócil, obediente.
  • Coma cás e gatos: ver levarse coma o can e o gato.
  • Comer coma o can dos gardas: comer moito [6].
  • Como can con vincha ó rabo: dise de quen marcha fuxindo, corrido e avergonzado.
  • Como ir á caza sin can: facer algo por perder o tempo.
  • Contarlle os pelos a un can: pretender algo que resulta imposible conseguir. Tamén se aplica a alguén que é moi espelido.
  • Correr a un coma un can: acosar a alguén, perseguilo.
  • Despertar o can que dorme: equivale a buscar tres pés ó gato.
  • Facer como os cans grandes cos pequenos: ignorar os ataques ou críticas daqueles a quen se considera inferior ou máis débil.
  • Fame de can: fame grande
  • Ir os cans onde non os chaman: dise de quen se entromete onde ninguén o chama, nin lles importa nada [7].
  • Levarse como o can e o gato: estar rifando permanentemente, levarse mal con outro [3].
  • Meter os cas na bouza: sementar xoio entre uns e outros, levantar enemizades entre uns e outros, para que sexan os outros os que actúen e sen tomar partido por ninguén [1][3][7].
  • Morrer adoecendo coma un can: morrer desesperado, entre fortes dolores.
  • Morrer como un can: morrer na miseria, no máis absoluto abandono, sen que ninguén o coide nin se compadeza [1][3].
  • Non hai can que o roa: aplícase a algo insoportable, incrible ou que ninguén pode entender.
  • Non parar nin os cans: dise cando vai un frío intenso.
  • Non quedar can tras palleiro que non cachease: dise tras escudriñar atenta e minuciosamente un lugar.
  • ¡Non teño nin cadela!: dío quen non ten un pataco [1].
  • Non valer o que o rabo dun can: non valer nada unha cousa, non ter en consideración a alguén [1][3].
  • ¡O meu can pillou unha mosca!: dise cando ocorre algo pouco habitual ou cando alguén acerta algo por pura casualidade ou propón unha solución que resulta obvia ou xa proposta por outro [1][8].
  • Parecer un can sin dono: dise da persoa que anda e vive soa, que carece de amigos [1][3].
  • Pasar vida de can: vivir con grandes traballos e privacións [1].
  • Pelexar os cas pola carniza: dise das leas entre os políticos, entre os membros da curia, entre os herdeiros [7] .
  • Poñer a un coma un can: insultar a alguén, ofendelo [1].
  • Poñerse feito un can: alporizarse moito, enfadarse [1].
  • Resultarlle un can calzado: dise de quen levou un chasco, ou que resultou burlado [1].
  • Saírlle [a alguén] o can sen rabo: levar un chasco [7].
  • Se fora un can mordíate: dise cando alguén está buscando algo que ten diante e non o ve.
  • Ser un can ceboleiro: dise de quen nunca rexeita unha invitación e come alí onde o inviten [9].
  • Ser un can das merendas: ver Ser un can merendeiro [10].
  • Ser un can merendeiro: dise de quen vai de casa en casa levando contos, e faino aproveitando as horas nas que resulta probable ser convidado a comer algo sen ter que pedilo [1][3].
  • Ser un can sin dono: dise de quen leva unha vida desordenada e sen que ninguén o controle [7].
  • Ser un can vello: dise de quen, por idade e experiencia, pórtase con cautela e precaución, sendo imposible enganalo [1].
  • Ser can vello no lugar: aplícase a quen sabe tódolos andares de tódolos veciños dun lugar.
  • Ter carne de can: ter unha persoa moito aguante ou resistencia.
  • Tratar a un coma un can: maltratar a alguén, tratalo con desprezo [1].
  • Volver ó pasado, como o can ó trousado: reincidir nalgún vicio ou falta, como o can que volve a comer o que acaba de vomitar [1].

Refraneiro

Artigo principal: Refraneiro galego sobre o can.
  • Amigos, coma o can e o gato.
  • Ás veces ruín cadela roe boa correa.
  • Cando o can quer a cadela, ofrécelle farela.
  • De can, cadela; e de cadela, can.
  • De coxo e can rabelo, líbrenos Dios como do demo.
  • Dous lobos a un can, ben o comerán.

Cantigueiro

  • Á porta de cas te mordan,/ malos gatos te rabuñen,/ que veña un boi que te escorne/ i a morte que te apatule [11].
  • A sogra da miña irmá/ ten un xenio de cadela;/ miña irmanciña querida/ vas pasar a vida negra [12].
  • Almendriñas nas orellas/ tamén as ten o meu can;/ cando vai atrás das lebres/ xempre pensa que lle can [13].
  • Andas abaixo i arriba,/ pensas que ninguén cho sabe;/ sábecho Dios, todo o mundo/ e tamén o can do abade [14].
  • Andas de abaixo pra arriba,/ coidas que ninguén cho sabe;/ sábeo Dios e todo o mundo/ e a cadela do abade [15].
  • Aquela vella/ porque era vella/ quer que lle fagan/ a cama de pedra/ i á cabeceira/ un can polo rabo/ pra cando esperte/ que bote un trago [16].
  • Asubíasme de lonxe/ como a can que anda perdido;/ eu non son can de palleiro/ que entenda por asubío [17].
  • Cálate, vaite calando,/ cara de cinta marela,/ que te teño retratado/ no cu da miña cadela [18].
  • Cando non hai que facer/ ¿que farán os cataláns?/ Andarán pola ribeira/ tirando pedras aos cans [19].
  • Cando non hai que pescar/ ¿que farán os cataláns?/ Andarán pola ribeira/ tirando pedras ós cans [20].
  • Chamáchesme cachorriño,/ mais eu non mordo a ninguén,/ que se ladro á túa porta/ é porque che quero ben [21].
  • Como queres que te queira/ se me perdiche o amor?/ No monte o can vai chorando/ que perdeu ao seu señor [22].
  • Dime, por Dios, Cateliña,/ quen te meteu nistes tratos;/ o teu pai é carpinteiro,/ fóxenlle os cas cos cabacos [23].
  • Dime por Deus, Mariquiña,/ ¿Quén te meteu neses tratos?/ Teu pai é mal carpinteiro,/ Fóxenlle os cas cos cabacos [24].
  • Eí vai Luisa de Guinio,/ corre coma unha cadela,/ busca-los dentes do burro/ pra faguer unha peineta [25].
  • Este pandeiro que toco,/ este que teño na man,/ este pandeiro que toco/ é de pelexo de can.
  • Eu pedinlle o Maio/ a un capitán,/ non me tuvo que dar/ máis qu’a cabeza dun can.
  • Eu teño un can de palleiro/ que de noite anda ceibado,/ ten coidado, Maruxiña,/ Maruxiña ten coidado [26].
  • Eu teño un cansiño/ que baila abofé,/ que baila a muiñeira/ na punta dos pés,/ na punta dos pés,/ dá un brinco pra trás/ e tócalle as cunchas/ no chascarraschás [27].
  • Inda che hei de botar unha/ por riba dunha cancela,/ que tu non has de negar/ que es filla dunha cadela [28].
  • Indo por alí abaixo/ troquei un can por un galgo;/ a sangre toda é bermella,/ quen ten diñeiro é fidalgo [29].
  • Iste pandeiro que toco/ é da pelica dun can/ que me morreu de morriña/ á porta dun sancristán [30].
  • Ladran os cas na carreira,/ ladran os cas, alguén vén,/ os mozos desta outra noite/ quedaron vir polo pé [31].
  • Ladran os cas na carreira,/ ládranlle non sei a quen,/ son os mozos de onte á noite/ quedaron de vir e vén [32].
  • Meu siñor Santo Tomé,/ sodes un santo moi bo,/ pois sodes can polo "to"/ e carneiro polo "me".
  • Na miña vida tal vin/ nesa aldea de Seráns:/ unha cadela con pitos,/ unha galiña con cans [33].
  • No nabal do meu sogro/ acitáronme os cas/ e saíu a miña sogra/ cunha chanca na mau;/ coa chanquiña na mau/ i o zapato no pé;/ ela a min tenme rabia,/ eu ben sei por qué é [34].
  • No portal do meu sogro/ apurráronme os cans/ e saleu miña sogra/ cunha tranca na man [35].
  • O can, o can,/e maila cadela,/roéulle as enaguas/á señá Manoela [36].
  • O home de neno é rei/ e de mozo capitán,/ de casado pasa a burro/ e de vello queda en can [37].
  • Ollos blancos, ollos negros,/ tenos a miña cadela/ para ir corre-los coellos/ nos montes de Paradela [38].
  • Os mociños de Gaiás/ védelos acolá van:/ os pequenos antre os grandes/ levan o paso do can [39].
  • Pasei pola túa porta,/ tropecei con mal camiño,/ cun can morto que ladraba/ metido nun buratiño./ Vaite de aí, feiticeiro,/ non me veñas atentar/ que mentira me parece/ que un can morto ha de ladrar [40].
  • Pensaches por ser moi rica/ que xa me tiñas seguro;/ tes un xenio de cadela/ i eu non nacín pra burro [41].
  • Pola porta do tío Pedro/pasou o can do tío Miguel/cunhas polainiñas novas/remontadas de burel [42].
  • Por berrar ¡Viva San Roque!/ prenderon a meu irmán./ Agora que xa está solto:/ ¡viva San Roque e o can! [43].
  • Por berrar ¡Viva San Roque!/ prenderon a meu irmau;/ agora que xa o soltaron/ vivan San Roque e o can [44].
  • Sai de eí, can narigudo,/ sai, penachos de carneiro,/ sai, que te quero ver ben,/ pois eu non che teño medo [45].
  • San Román que en Roma estás,/ gárdame de can doente e por danar,/ son morto de mal do atopo,/ son vivo do mor perigro,/ san Roman sexa comigo.
  • Se queres que vaia e veña/ de noite polo lugar/ manda cala-la cadela/ que non fai senón ladrar./ A cadela non a prendo/ porque non teño outro can;/ se non podes vir á noite/ vén mañá pola mañá [46].
  • Se queres que vaia e veña/ de noite polo lugar/ manda cerrar a cadela/ que non fai sinón ladrar.
  • Se queres que vaia e veña/ de noite por o lugar,/ manda prender a cadela/ que non fai senón ladrar [47].
  • Si queres, miña meniña,/ que che vaia visitar/ manda prender a cadela/ que non fai senón ladrar [48].
  • Si queres que vaia e veña/ meniña ó teu lugar/ has de prender a cadela/ que non fai senón ladrar [49].
  • Teño andado moito á caza,/ nunca vin unha carriza:/ non sei se era dos cas,/ se era da miña perguiza [50].
  • Teño un can - que se chama José/ que baila o fandango - coa punta do pé./ Teño un can - que veu da Marola/que baila o fandango - cunha perna sola [51].
  • Teño un canciño que toca/ i outro que bailla moi ben,/ temos con que adivertirnos/ miña muller e mais eu [52].
  • Teño un cansiño na horta/ preso con unha cadea,/ a min tamén me prendeu/ aquela linda morena [53].
  • Unha vella tiña un can/ por baixo da cama onde ela dormía;/ cando a ella espertaba/ o can ladraba i a vella decía:/ “Malos raios che parta o can,/ que mal agradeces/ o pan que che dan” [54].
  • Vaite á merda, vaite á merda,/ por riba dunha cancela/ inde che hei facer comer/ as tripas dunha cadela [55].
  • Vaite de aí, carpinteiro,/ non me veñas a tentar,/ como pode ser un can/ despois de moito ladrar [56].
  • Vale máis quererlle a un can/ que a un home terlle amor;/ o can xempre garda a porta/ i o home xempre é treidor [54].

Notas

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 1,17 1,18 Eladio Rodríguez González, s. v. can.
  2. Xesús Ferro Ruibal, 259.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 Real Academia Galega: Diccionario (1913-1928).
  4. Eladio Rodríguez González, s. v. cadela.
  5. José María Pereda Álvarez. No orixinal: langoízas.
  6. O colector engade que, coma os gardas civís gañaban pouco, o can que levaban estaba morto de fame e comía vorazmente cando conseguía algo.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 José María Pereda Álvarez.
  8. Victoria Cerviño Ferrín 2013.
  9. Aníbal Otero Álvarez: Piquín.
  10. Elixio Rivas Quintas (1978).
  11. Xaquín Lorenzo Fernández, 43.
  12. Xaquín Lorenzo Fernández, 49.
  13. Xaquín Lorenzo Fernández, 36. No orixinal: taménas, o meu cán. As almendriñas ou almendrillas son os pendentes e tamén os apéndices carnosos que penduran do pescozo e orellas do porco e da cabra.
  14. Xaquín Lorenzo Fernández, 39. No orixinal: cán.
  15. Saudade nº 4, xullo 1943, 29. No texto: d’abaixo’ pr’arriba, ch’o.
  16. Xaquín Lorenzo Fernández, 44.
  17. Xaquín Lorenzo Fernández, 50. Paralela a can de palleiro é a denominación de fillo de palleiro (ou fillo de tras do palleiro) aplicada ós fillos de solteira, sen pai recoñecido.
  18. Xaquín Lorenzo Fernández, 55. No orixinal: .
  19. Álvaro das Casas, 192. No texto: pol-a, cáns.
  20. Lino Lema Bouzas, 14.
  21. Xaquín Lorenzo Fernández, 62.
  22. Xaquín Lorenzo Fernández, 64. No orixinal: perdéu.
  23. Xaquín Lorenzo Fernández, 70. No orixinal: quén, cás. Cabacos son trozos de madeira.
  24. Real Academia Galega (1913-1928), s. v. cabaco. No orixinal: meteo, n-estes, Fogenlle os cás c' os cabácos.
  25. Xaquín Lorenzo Fernández, 73. No orixinal: ehí, buscalos.
  26. Álvaro das Casas, 215.
  27. Fermín Bouza Brey 1929, 186.
  28. Xaquín Lorenzo Fernández, 89. No orixinal: és, de unha.
  29. Real Academia Galega 1913, s. v. bermello.
  30. Xaquín Lorenzo Fernández, 90. No orixinal: de un, sacritán.
  31. Xaquín Lorenzo Fernández, 90. No orixinal: ven, de esta.
  32. Xaquín Lorenzo Fernández, 90. No orixinal: quén, ven.
  33. Fermín Bouza-Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 188. No texto: vín, n-esa, cáns. Seráns é lugar de San Pedro de Muro pero a cantiga está recollida en Palmeira (Ribeira).
  34. Xaquín Lorenzo Fernández, 109. No orixinal: cás.
  35. Fermín Bouza Brey 1929, 192. No texto: cáns, c-unha, mán.
  36. No orixinal: O can, o can,/e mail-a cadela,/roéull'as enágoas/á seña Manoela.
  37. Xaquín Lorenzo Fernández, 117.
  38. Xaquín Lorenzo Fernández, 118. No orixinal: correlos. Refírese a San Xoán de Paradela de Abeleda, parroquia do concello de Porqueira, na comarca da Limia.
  39. Xaquín Lorenzo Fernández, 125.
  40. Fermín Bouza Brey 1929, 200. No texto: pol-a, tua, c-un, n-un, ahí.
  41. Xaquín Lorenzo Fernández, 131.
  42. José Pérez Ballesteros I:43,50. No orixinal: Pol-a, d'o tio, pasóu, c'unhas.
  43. Fermín Bouza Brey 1929, 188. No texto: cán.
  44. Xaquín Lorenzo Fernández, 134.
  45. Xaquín Lorenzo Fernández, 140.
  46. Xaquín Lorenzo Fernández, 146. No orixinal: calala, senon, nona, cán, ven.
  47. Real Academia Galega (1913-1928), s. v. cadela.
  48. Fermín Bouza Brey 1929, 200.
  49. Fermín Bouza Brey 1929, 200. No texto: ô teu lugar, â cadela.
  50. Xaquín Lorenzo Fernández, 149. No orixinal: cás.
  51. José Pérez Ballesteros I:140,16. No orixinal: co'a punta d'o pe. d'a Marola, c'unha.
  52. Xaquín Lorenzo Fernández, 151. No orixinal: e máis.
  53. Fermín Bouza Brey 1929, 160.
  54. 54,0 54,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 160. No orixinal: cán.
  55. Fermín Bouza Brey 1929, 182. No texto: â m... (por eufemismo), de unha.
  56. Fermín Bouza Brey 1929, 179. No texto: ahí.

Véxase tamén

Bibliografía

  • ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008.
  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
  • CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 95, 15.11.1931.* ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008
  • CERVIÑO FERRÍN, Mª Victoria: "Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 2", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 441-462.
  • FERRO RUIBAL, Xesús (dir.) e outros: Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo, Vigo 1992.
  • LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
  • OTERO ÁLVAREZ, Aníbal: Vocabulario de San Jorge de Piquín, Verba anexo 7, Universidade de Santiago, 1977.
  • PEREDA ÁLVAREZ, José María: "Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega", en Douro Litoral 1953, 5ª série, VII-VIII, pp. 19–52.
  • PÉREZ BALLESTEROS, José: Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de la Coruña 1885-1886; reed. facs. Akal, Madrid 1979.
  • REAL ACADEMIA GALEGA: Diccionario gallego-castellano, 1913-1928.
  • RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas II, contribución al diccionario gallego, Alvarellos, Lugo 1988.
  • Elixio Rivas Quintas: Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca 1978.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • RUBINOS CONDE, Miguel: "Da roda para a piola: refráns e frases do sur de Galicia", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 487-502.
  • SOBREIRA, Juan: Papeletas de un diccionario gallego (1792-1797), ed. de J. L. Pensado Tomé, Instituto de Estudios Orensanos, Ourense 1979.
  • Juan Sobreira Salgado: "Vegetables de Galicia" seguido dunhas " Retractaciones" e duns "Documentos justificativos de la nomenclatura botánica gallega" (1790), ed. de J. L. Pensado Tomé en Opúsculos lingüísticos del siglo XVIII, Galaxia, Vigo, 1974, pp. 241–267.
  • SOTO ARIAS, Mª Rosario: "Notas para un estudo dos refráns haxiocronolóxicos", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 347-370.

Outros artigos

Galería de imaxes da etnografía de Galicia

Galería de imaxes da etnografía de Galicia.

Refraneiro galego sobre o can

A can fraco todo son pulgas .

A can pequeno, óso grande .

A can que moito ladra, bótalle un óso, verás que logo cala .

A can que os dentes regaña dálle pan ou talladas .

A can vello, cus cus .

A can vello non hai cus, cus .

A can vello non hai tus-tus.

Á muller e ó can o pau nunha man, e noutra mau o pan .

A puta e o can só miran prá man.

A quen lle sobre pan, que manteña ben o can .

A quen non lle sobre o pan, que non críe can .

Adoece, can, porque non che dan pan .

Aí vén febreiro cos seus vinteoito: si tivera máis catro non deixaba can nin gato.

Alégrase o corvo e o can do que fai o gavián.

Amigo de ricachón ou can ou cabrón.

Amigos, coma o can e o gato.

Anque o can ten catro patas, por un soilo camiño anda .

Ás veces ruín cadela roe boa correa.

Baila o can polo pan.

Ben está o can cando non quer pan .

Cabalo, galgo e fidalgo, bos, pero non medianos.

Cada can lambe a súa caralla.

Cada can lambe o seu .

Cada can lambe o seu nariz.

Cada can no seu palleiro é moita xente.

Cal e o can, tal é o dono .

Caldo sin pan dáselle ó can .

Can alcuceiro, nunca bo coenlleiro .

Can cativo de lonxe ladra.

Can danado non conoce ó amo .

Can de boa raza, se hoxe non caza mañán caza .

Can, de can vello; e poldro, de cabalo novo .

Can de caza quer ser de raza .

Can de palleiro non quer compañeiro .

Can doente non conece á xente .

Can e meniño, onde o cariño .

Can ladrador que non ten forza, ¡ai, se se descoida! .

Can ladrador, mal cazador .

Can merendeiro garda mal o palleiro .

Can moi ladrador, pouco mordedor .

Can na porta, pedrada no rabo.

Can pola porta pedrada no lombo.

Can que ladra, non morde.

Can que ladra, non morde nin caza .

Can que lobos mata, lobos o matan .

Can que moito ladra, ben garda a casa .

Can que moito ladra, ruín é prá casa .

Can que moito lambe tira sangue .

Can que morde non ladra en vau .

Can que non ventea, non lebrea .

Can que ten a nai na aldea, moito ouvea .

Can que vai a moitas vodas, non pode comer en todas .

Can, de can vello; e poldro, de cabalo novo .

Cando o can ladra na calle, señora comadre, cando o can ladra na calle, non ladra de balde .

Cando o can quer a cadela; moita farela; e dispois ergue a pata e mexa por ela .

Cando o can quer a cadela ofrece moita farela .

Cando o can quer a cadela, ofrécelle farela.

Cando un can traga un óso, confía no seu pescozo .

Chámame can e dáme pan .

Coa auga en san Xoán xa se revolve o lobo ó can.

Como o can do hortelán, que non come él as peras nin as deixa comer ós máis .

Dálle ó rabo o can, non por ti, senón polo pan .

Dáme pan e chámame can .

De can, cadela; e de cadela, can .

De can danado, de caldo recalentado e de amigo reconciliado, líbrenos Dios.

De coxo e can rabelo, líbrenos Dios como do demo.

De home coxo e can rabelo escapa dil como do demo.

De home torto e can rabelo fuxe del como do demo.

De neno, rei; de mozo, galán; de vello, can.

De pequeno, rei; de mozo, capitán; de casado, burro; e, de vello, can.

De pequeno, rei; de mozo, galán; de casado, burro; e de vello, can.

Deixa andar o can coa roca, que el dará conta da mazaroca .

Deixa andar o can coa roca, que ha dar conta da mazaroca .

Deixa andar o can coa roca que xa dará coa mazaroca.

Deixa, deixa, andar o can coa lebre .

Detrás dos cas lapazos can.

Día de Páscoa e domingo lardeiro, cada cadelo no seu palleiro .

Dios te libre de home que non fala, e de can que non ladra .

Dixo no monte unha vella: "Vaite febreiriño corto cos teus días vinteoito, que si tiveras máis catro non quedaba can nin gato". Febreiriño contestou: "Os teus becerriños oito, deixa que meu irmán marzo hachos de volver en catro".

Dos homes cativos e femias que teñen lingua noxente ¡líbrenos san Eleuterio antes que dun can doente!

Dous de can novo, dous de bo can, dous de can vello, dous de mal can.

Dous lobos a un can, ben o comerán .

Dous poldros a un can, ben o morderán .

Dous zarrulos a un can, algo lle fan.

En abril cátanos no cubil, en maio xa son bo galo, en san Xoán xa lle dou a carreira ó can, en santa Mariña xa vou pola cabritiña, en agosto xa vou co meu pai polo rostro, en Santos xa mato os bois nos campos e en xaneiro xa podo co carneiro.

En abril está a loba no cubil, en maio sae co pai ó lado, en san Xoán atrévese co can, en Santa Mariña xa colle a cabritiña, en agosto sae co pai ó rostro.

En abril estou no cubil; en maio xa son ben galo; en san Xoán xa dou unha espola ó can; en santa Mariña xa collo a cabritiña, en agosto xa vou co meu pai ó rosto.

En abril, o salmón para min, no maio para o criado, e no san Xoan para o can.

En coxeira de can e bágoas de muller, non hai que crer .

En febreiro busca a sombra o cadelo.

En febreiro busca a sombra o can.

En febreiro, sete galgos e un lebreiro, i en maio, sete lebres e un galgo .

En marzo, nazo; en abril, estou no cubil; en maio, xa saio; en san Xoán, xa fuxo do can; por santa Mariña, xa como a galiña; por agosto, xa son bo raposo.

En marzo, nazo; en abril estou no cubil; en maio, xa saio; en San Xoán xa fuxo ó can; en Santa Mariña xa pillo a galiña, i en agosto xa son bo raposo .

En San Xoán a mexada dun can .

En san Xoán, encéndese a fogueira e canta o can.

En san Xoán nin a mexeira dun can.

En san Xoán, o tempo aínda pon cara de can.

En San Xoán xa fuxe o raposo ó can .

En san Xuán xa lle mete a corredoira o can.

En xaneiro, nin galgo leboreiro nin falcón perdigueiro.

Entrecostos e soás, son honra das mesas e ósos prós cas

Febreiriño corto, cos seus días vinteoito; se duras máis catro, non queda can nin gato, nin ratiño no burato, nin ovella rabela, nin pastor pra ir co ela, nin cornos no carneiro, nin orellas ó pregoeiro.

Febreiriño curto, cos seus días vinteoito, se duraras máis catro non deixabas can nin gato.

Febreiriño corto, cos teus días vinteoito, si duraras máis catro, non paraba can nin gato .

Febreriño curto, cos teus días vinteoito, se tuveras outros catro, non quedaba can nin gato, nin orellas ó pigureiro, nin can tras do palleiro .

Febreiro corto, cos seus días vinteoito, se duraras máis catro, non quedaba can nin gato, nin rato no seu burato .

Febreiro curto, cos teus días vinteoito, se duraras máis catro, non quedaba can nin gato. Pois deixa, que agora vén meu irmau abril que che ha de matar o porco dun ano no cubil .

Fogueira de San Xoán, que non pase cadela nin can.

Galiñas serán, dixo o zorro, máis chéiranme a can .

Galiñas serán, pero chéiranme a can .

Gárdate de home que non fala, e de can que non ladra .

Gárdete Deus de can lebrel, de casa de torre e de muller sabidora.

Gracias a Deus co meu can cazou unha mosca e se a cazou comeuna.

Home coxo e can rabelo, disconfía dil coma do demo .

Ladra, can, que pra eso gána-lo pan .

Ládreme o can e non me morda, que eu lle botarei a corda .

Ládreme quen queira, mentras eu teña cartos na faltriqueira .

Lampreas en san Xoán, pra o can .

Líbrete Deus de home de bigote loiro, de can rabeno e de home pequeno.

Máis val can vivo que lión morto .

Mal ladra o can cando ladra de medo .

Marzo marceiro, pola mañán cara de can, e pola tarde é falangueiro .

Marzo marzán, á noite cara de lobo e a mañán cara de can.

Marzo marzán, cara de can .

Marzo marzán, cara de can; a mediodía enxamea a colmea e a noite morre a abella .

Marzo marzán cara de rosa pola mañán, e pola tarde cara de can .

Marzo marzán, cara de rosas pola mañán, e pola noite cara de can .

Marzo marzán, pola mañán cara de can.

Marzo marzán, pola mañán cara de can, a medio día zoa a abella e á noite mata a vella.

Marzo marzán, pola mañán cara de can e pola tarde Xan Barrigán.

Marzo marzán, pola mañán cara de porco e pola tarde cara de can.

Marzo marzán, pola mañán cara de risa e pola tarde cara de can.

Marzo marzán, pola mañán cara de rosa e pola tarde cara de can.

Marzo marzán, pola mañán cara de rosas, pola noite cara de can.

Marzo marzán, polo día a túa cariña de risa e á noite a túa cariña de can.

Marzo marzán, polo día a túa cariña de rosa e pola noite a túa cariña de can.

¡Menos mal co meu can cazou unha lebre!

Mentres o can dorme, o lobo mata e come .

Morreu o can, acabouse a rabia.

Morto o can, acabouse a rabia .

Na cama do can non busques o pan, nin no fuciño da cadela busques a manteiga .

Na cama do can non cáte-lo pan, nin no fuciño da cadela búsque-la manteiga .

Ningún can lamendo engorda.

No abril para min, no maio para o criado e no san Xoán o peixe para o can.

No bico do can non cáte-lo pan, nin no fociño da cadela cáte-la manteiga.

No febreiro busca o can ó pé do palleiro.

No mes de san Xoán, pícanlle as pulgas no rabo ó can.

Non busques o pan na cama do can .

Non temos pra pan e mantemos un can .

Nunca can me roeu que el non adoecese .

Nunca falta un can pra unha merenda .

Ó cabo do ano, o can manda no seu amo .

O can afeito ó touciño, anque lle pele o fuciño .

O can baila polo pan .

O can coa onda, a seu dono se torna .

O can coa rabia a seu dono traba .

O can de boa raza pensa no pan e na caza .

O can de hortelán non come as verzas nin deixa collelas pra comelas .

O can de Xan Torrado, canto fai cos pés desfaino co rabo .

O can do ferreiro dorme ás marteladas e desperta ás talladas .

O can do hortelán, nin famento nin farto deixa de ladrar .

O can e o meniño, onde atopan acariño .

O can e o meniño pr'onde lles dan cariño.

O can fraco todo é carrachas .

Ó can fraco todo se lle volven pulgas .

O can i o gato comen o mal gardado .

Ó can i ó paroleiro, deixalos no carreiro .

O can ladra onde come .

Ó can mordido, todos o morden .

O can no barbeito ladra sin proveito .

O can ouvea e o burro ornea .

Ó can pola caste; i o novelo, polo fío .

Ó can que dorme, nono despertes .

Ó can que lambe a cinza, non lle fíes a fariña .

Ó can qué mexar, e á muller qué falar, nunca lles ha faltar .

O can que trousou, o trouso papou, porque lle gustou .

O can sempre será can .

O can vello, se ladra, dá consello .

O can, oubea e o burro ornea .

O de abril gardallo para ti; o de maio, si cho piden, dallo; o de San Xoán tírallo a un can.

O enxame de abril, pra min; o de maio, pra meu amo, i o de San Xoán, pro can .

O home, cando é rapaz é rei; de mozo, capitan; de casado, burro, e de vello can.O home, de meniño rei, de mozo, galán, de casado, burro, e de vello can.

O que a can alleo dá pan, perde o pan e perde o can.

Ó que non lle sobra o pan, sóbralle o can .

O que non queira ter cás á porta, que bote a cadela fóra .

O que non ten pra pan, que non críe can

O que se deita con cás, érguese con pulgas .

O que ten can é que lle sobra o pan .

O vrau de san Martiño dura mentres o can lambe o fuciño.

Onde non hai pan vaise hastra o can .

Os cás da miña tía, non tendo a quen morder, us a otros se mordían .

Os enxames de abril, gárdaos pra ti, os de Maio a quen chos pida, dállos e os de San Xoan bótallos ó can.

Ou o can mente, ou vén xente .

Pitos serán pero ólenm'a can .

Polo pan baila o can ..

Polo pan baila o can pra ver se llo dan .

Polo san Sebastián medra o día o paso dun can .

Por diñeiro baila o can, e por pan, se llo dan .

Por moito que me ladren, inda han ter máis que ladrar .

Por san Xoán, pedras ó can.

Por san Xullán adianta o día o paso dun can.

Por san Xulián medra o día un pasiño de can .

Pra pan non temos e can mantemos .

Primeiro o pan, dispois o can .

Probe do can que polo rabo se deixa agarrar .

Quen dá pan ó alleo can, perde o can e perde o pan .

Quen ó seu can quer matar, achaque lle ha buscar .

Quen quer a Xan, quer ó seu can .

San Adrián, nin bo gato nin bo can.

San Xoán, pola mañán cara de can, a mediodía cara de alegría.

Se che din que o teu can está doente, mata axiña o can, Vicente .

Se has bicar o can no cu, non debes mirarlle o rabo .

Se marzo marcea non queda can nin ovella, nin pastor coa súa pelexa, nin o can coa súa carranca, nin o lobo coa súa zanca.

Se queres gañar ó can, dálle pan.

Se queres que te siga o can, dáalle pan.

Se qués que te siga o can, dálle pan .

Sogra e nora, can e gato, non comen no mesmo prato .

Tres anos de can novo, e tres de bo can; tres anos de can vello, e tres de folgazán .

Unha sebe tres anos dura, un can tres sebes: unha mula tres cans; un home tres mulas .

Vaite febreiriño corto, cos teus días vinteoito, que se tiveras máis catro non quedaba can nin gato.

Vaite febreiro cos teus vinteoito que se duras máis catro non queda can nin gato.

Vaite febreiro cos teus vinteoito que se duras máis catro non queda can nin gato. Deixa que aí vén meu irmán marzo que vos ha de poñe-los cornos no regazo.

Van os cas a onde non os chaman, e mais apañan pedradas .

Etnografía galega
Meses do ano
Cores
Animais
Alimentos
Vexetais
Outros

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.