O cabalo na cultura popular galega

Véxase o artigo principal: cabalo.

O que segue recolle unicamente información diversa sobre a pegada do cabalo (maila besta e o poldro) na cultura popular e na literatura oral galegas. Toda esta información recóllese de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

Tendo presente que o termo besta non só designa a egua senón tamén a calquera animal de carga, especialmente os équidos, non se pode asegurar que algunha das seguintes manifestacións non se aplique realmente a mulas e burros.

A rapa das bestas

Artigo principal: Rapa das bestas.

A Rapa das Bestas é o nome da operación que consiste en cortar a crina dos cabalos que se realiza nos curros celebrados en varias localidades do territorio galego.

A máis coñecida é a rapa das bestas de Sabucedo, no concello da Estrada, que dura tres días: o primeiro sábado, domingo e luns de xullo. De feito, dálle nome á celebración e así fálase da rapa das bestas de Sabucedo, mentres que na maioría dos lugares fálase de curro -o nome do recinto pechado no que se recollen os cabalos.

Fraseoloxía

Léxico

  • Cabalo: nome festivo do suco [1].
  • Cabalo do demo, cabaliño do demo: libélula.
    • Cabalo da quiobra: libélula [1].
  • Cabalo de mar, cabalo do mar, cabaliño de mar : peixe cuxa cabeza asemella o perfil dun cabalo (Hippocampus sp.) [2].
  • Cabalo mariño: animal fantástico con corpo de cabalo e cola de peixe [3].
  • Cabalo ruán: barbantesa (Mantis religiosa) [1].
  • Cabalo macho: peixe da familia dos gádidos, coñecido como fodón (Trisopterus minutus, antes Gadus minutus) [4].
  • Esporas de cabaleiro: planta (Delphinium sp.) [5].
  • Rabo de cabalo: planta da orde das Equisetales (Equisetum sp.) [5].
  • Cabaleiro: ringleira de herba, mes, etc., que deixa o segador tras de si [1].
  • Cabalo de vapor: cabalo de vapor, unha unidade de potencia da forza motriz das máquinas
  • Cabalos: nubes de treboada que aparecen frecuentemente no verán, Rivas Quintas recolle este refrán meteorolóxico por terras de Maceda: Se os cabalos corren pra Viana, culle os bois e vai á arada; se corren pra Quiroga, culle os naipes e xoga, no que cabalos é metáfora por nubes [6].
  • Poltro da auga: nome vulgar dos petos ou pícidos [7].
  • Uña de cabalo: molusco máis coñecido como peneira ou orella de mar (Haliotis sp.) [8].
  • Uña de cabalo: molusco coñecido como nacra ou navallón (Pinna sp.) [4][8].

Locucións

04-09-12-Schaupflügen-Fahrenwalde-RalfR-IMG 1232
Ter forza coma un cabalo
Artigo principal: Locucións galegas sobre o cabalo.
  • A cabaleiro: montado sobre as costas doutro. Tamén se di ó cabaleiro.
  • A cabaliño: ver a cabaleiro.
  • A cabalo, de cabalo: montando sobre un cabalo.
  • A uña de cabalo: fuxir a todo correr.
  • Alma de cabalo: dise dunha persoa sen escrúpulos.
  • No cabalo de san Francisco: a pé. Pode usarse cos verbos andar, ir, etc.

Refraneiro

Rapa das Besta Xiabre - Pontevedra - Galicia - España
Dous cabalos rifadores, non poden xuntos comer
Artigo principal: Refraneiro galego sobre o cabalo.
  • A besta amatada, de lonxe ve vir a albarda.
  • Á besta axionllada ponlle máis carga.
  • Á besta boa, dálle vara i espora.
  • Á besta cargada, a cincha mátaa.
  • Á besta comedora, pedras na cebada.
  • A besta e a muller, que a preste quen quixer.
  • Á besta golosa, taleiga de area.

Cantigueiro

  • A Tupina do Rixón,/ canta de alegre na Vila;/ o cabalo do pintor/ recáchalle o rabo arriba [9].
  • Aquile que anda no baille,/ aquile que entrou agora,/ vaille a besta na ribeira/ busca-lo viño prá voda! [10].
  • Arriba, cabalo mouro,/ lévame desta laguna;/ anque son filla dun probe/ non me troco por ningunha [11].
  • Arrieiros, os de Calvos,/ que pasades pola estrada,/ tende coidado coas bestas/ no lugar de Fontarcada [12].
  • Ben cho dixen, Catuxiña,/ que non foses a Santiago,/ que te habías de asustar/ de ver o Santo a cabalo [13].
  • Cabaleiro que vas da cabalo/ malo fogo che salte no rabo/ tres en riba, tres en baixo/ inda caedes do cabalo en baixo.
  • Cabaliño como o meu/ nono ten o rei de España;/ para mudar unha perna/ necesita unha semana.
  • Canto me pideche/ estáche perdonado,/ pon o pé no estribo,/ monta de a cabalo.
  • Conceución e Benitiña/ ambas eran tecedeiras:/ das orellas do cabalo/ farémoslle as lanzadeiras [14].
  • Costureiriña bonita,/ arrechégate a este valo/ quéroche contar un conto:/ o conto do meu cabalo.
  • Eu ben cho dixen, meniña,/ que non foras a Santiago,/ que te habías de asustar/ de ver o Santo a cabalo [15].
  • Eu xa vin esta-lo demo/ dacabalo dunha bruxa:/ o demo calca que calca,/ a bruxa puxa que puxa [16].
  • Na miña vida tal vin/ na feira de Monterroso:/ vintecinco escribanos/ da cabalo dun raposo.
  • O cabalo do pintor,/ aquile das pernas blancas,/ a Tupina do Rixón/ átalle o rabo con tranzas [17].
  • O crego vendeu a besta/ por lle non da-la cebada/ i agora vai ós enterros/ dacabalo da criada [18].
  • Pasei a Ponte de Ourense/ e paseina dacabalo;/ vin unha troita no río/ i atireille cun zapato [19].
  • Pasei pola túa porta/ co meu cabalo correndo/ e vin a toda túa xente/ i a costureira cosendo [20].
  • Quen te me dera, rapaza,/ en donde xa tuven outra,/ enriba do meu cabalo/ cuberto coa miña roupa.
  • Servir ó rei, quiridiña,/ servir ó rei ¡gran regalo!/ servir ó rei, quiridiña,/ ¡nin da pé, nin da cabalo!
  • Servir ó rei, queridiña,/ servir ó rei, ¡qué regalo!;/ servir ó rei, queridiña,/ ¡nin da pé nin da cabalo!
  • Si ti viras o que eu vin/ alá riba, en Monterroso,/ sete frades dun convento/ da cabalo dun raposo.
  • Si ti viras o que eu vin/ no monte do Monterroso,/ máis de sesenta mil corvos/ da cabalo dun raposo.
  • Vállame Dios si caera/ aquel que vai da cabalo/ ¡o que me había de rir/ aínda que estou apesarado!

Adiviñas

Frederiksborghest
...o cabalo
  • Anda no campo,/ ferro no pé/ e cabalo non é (o muíño)
  • Branco no medio,/ estribo no pé,/ rincha que rincha/ e cabalo non é (o tear)
  • Campo branco/ flores negras/ un arado/ e cinco égoas (a man escribindo)
  • Catro cabalos correndo/ un tras doutro/ e non poden coller/ un ó outro (a debandoira)
  • Catro cabalos/ camiño de Francia,/ un tras do outro/ e ningún o alcanza (a debandoira)
  • Catro cabalos/ van cara a Francia,/ corre que corre/ e nunca se alcanzan (a debandoira)
  • Catro cabalos/ van cara Francia,/ un detrás dos outros/ e nunca se alcanzan (a debandoira)
  • Catro cabalos/ van para Francia./ Un tras doutro/ e ningún se alcanza (a debandoira)
  • No medio daquel campo/ hai un cabalo branco,/ calciño dun pé/ e cabalo non é (o muíño)
  • ¿Que cousa cousiña é: está entre dous penediños/ e relincha como os cabaliños? (a campá)
  • Téñoche gordo,/ máis o quixera,/ aínda que entre as pernas/ non me collera (o cabalo)

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Elixio Rivas Quintas (1978).
  2. Carme Ríos Panisse (1977)
  3. Eladio Rodríguez González, s. v. cabalo.
  4. 4,0 4,1 Carme Ríos Panisse (1977).
  5. 5,0 5,1 E. Losada, J. Castro e E. Niño (1992).
  6. Elixio Rivas Quintas (2001).
  7. Constantino García González.
  8. 8,0 8,1 Martín Sarmiento: Obra de 660 pliegos.
  9. Xaquín Lorenzo Fernández, 51. A Vila é un lugar da parroquia de San Vicente de Lobeira no concello de Lobeira.
  10. Xaquín Lorenzo Fernández, 44. No orixinal: buscalo, boda.
  11. Xaquín Lorenzo Fernández, 45. No orixinal: de esta, de un.
  12. Xaquín Lorenzo Fernández, 45. Santiago de Calvos, parroquia de Bande; Fonte Arcada, lugar da parroquia de San Martiño de Aguís, concello dos Blancos, aínda que Xaquín Lorenzo sitúa esta parroquia en Xinzo. O Dicionario da Real Academia Galega de 1913 recollía esta cantiga así: Arreeiros, os de Calvos/ Que paseades a estrada;/ Tede cuidado co-as bestas/ No lugar de Fontercada.
  13. Xaquín Lorenzo Fernández, 53.
  14. Xaquín Lorenzo Fernández, 64.
  15. Xaquín Lorenzo Fernández, 79.
  16. Xaquín Lorenzo Fernández, 84. No orixinal: vín, estalo, de unha.
  17. Xaquín Lorenzo Fernández, 115.
  18. Xaquín Lorenzo Fernández, 116. No orixinal: dala.
  19. Xaquín Lorenzo Fernández, 128. No orixinal: paséi. Refírese á ponte romana de Ourense, a Ponte Vella. O arco central da ponte foi reconstruído polo bispo Lourenzo (1218-1248), despois de moito tempo de estar caído. Mentres non se arranxou, o Miño cruzábase por dúas barcas, unha do concello, no mesmo lugar da ponte, e outra do Cabido, no Portovello. Xaquín Lorenzo transcribe unha cantiga asturiana que acredita a existencia desas barcas: "Pasé la barca de Orense,/ pasela de madrugada,/ pasela en el mes de enero/ cuando llovía y nevaba", cantiga que pode falar daquel período de tempo ou ser máis moderna e falar doutra barca que cruzase o río durante momentos de reparacións ou interrupción do paso (Xaquín Lorenzo Fernández, 258).
  20. Xaquín Lorenzo Fernández, 129. No orixinal: paséi.

Véxase tamén

Bibliografía

  • GARCÍA GONZÁLEZ, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe, Verba, anexo 27, Universidade de Santiago 1985.
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
  • Losada, E., Castro, J. e Niño, E.: Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia 1992.
  • RÍOS PANISSE, M. do Carmo: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia I. Invertebrados y peces, Verba anexo 7, Universidade de Santiago 1977.
  • RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca 1978.
  • Elixio Rivas Quintas: Frampas III, contribución al diccionario gallego, 2001, no Dicionario de Dicionarios.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • Martín Sarmiento: Obra de 660 pliegos (1762).
Centro Ecuestre de Antela

O Centro Ecuestre de Antela abrangue unha serie de instalacións, dependentes da Deputación Provincial de Ourense, situadas no concello de Sandiás, no antigo predio da lagoa de Antela.

Centro Hípico Casas Novas

O Centro Hípico Casas Novas é un recinto adicado á práctica de deportes ecuestres e ó coidado de cabalos, situado na parroquia de Larín (Arteixo). Comezou as súas actividades en agosto de 2000, por iniciativa do empresario local Amancio Ortega.

Centro Hípico Los Porches

O Centro Hípico Los Porches é unha entidade adicada á equitación situada na parroquia de Morás, en Arteixo, e que foi fundada en 1993 por unha familia afeccionada ó mundo hípico. O centro está homologado pola Federación Hípica Española cunha categoría de 3 estribos nun rango de 1 a 4.

Concurso de Saltos Internacional da Coruña

O Concurso de Saltos Internacional da Coruña é unha proba hípica que cada mes de decembro se disputa no Centro Hípico Casas Novas, en Arteixo. A primeira vez que se disputou foi no ano 1990. Trátase dunha proba con categoría de 5 estrelas (5*****), distinción que teñen os concursos que ofrecen un mínimo de 385.221 euros en premios (500.000 francos suízos) e nos que participan cabalos dunha idade mínima de 7 anos.

Concurso de Saltos Internacional de Vigo

O Concurso de Saltos Internacional de Vigo foi unha proba hípica da Copa do Mundo de Saltos que cada mes de febreiro dende o ano 2002 ata o 2011 se organizaba dentro do IFEVI de Vigo. Tratábase da única proba da Copa do Mundo de Saltos que se disputaba en España.

O CSI Vigo tivo unha categoría de 5 estrelas (5*****), a máxima posible, un recoñecemento que teñen os concursos internacionais de saltos cun mínimo de 385.221 euros en premios (500.000 francos suízos) e nos que participan cabalos dunha idade mínima de sete anos.

Curro da Enxa

O curro da Enxa é unha instalación ecuestre situada nos Chans de Raña, no monte da Enxa (538 m), en Baroña (Porto do Son). As instalacións inclúen un circuíto de carreiras de cabalos, 3 curros de madeira, unha zona de lecer e picnic, e 2 alpendres.

Galería de imaxes da etnografía de Galicia

Galería de imaxes da etnografía de Galicia.

Hipódromo de Campañó

O hipódromo de Campañó é unha pequena instalación dedicada ás carreiras de cabalos, construído pola Comunidade de Montes de Campañó (ORGACCMM) e a Asociación Cabalar da Parroquia de Moldes, que ocupa unha superficie de 2 hectáreas, e que está situado na parroquia de Campañó, no concello de Pontevedra.

A pista de galope ten unha lonxitude de 540 metros, tamén ten un espazo para saltos de 2000 metros cadrados e ademais un recinto que se pode dedicar á doma. O orzamento da construción das instalacións foi de 370.000 euros. O recinto recibiu no ano 2010 a licenza da Federación Hípica Galega para organizar competicións hípicas oficiais.

Locucións galegas sobre o cabalo

A cabaleiro: montado sobre as costas doutro. Tamén se di ó cabaleiro .

A cabaliño: ver a cabaleiro.

A cabalo, de cabalo: montando sobre un cabalo .

Agora que ten poldro, parece outro: aplícase ó presumido.

A uña de cabalo: fuxir a todo correr .

Alma de cabalo: dise dunha persoa que fai o mal sen sentir escrúpulos .

Andar polos pés dos cabalos: dise das cousas que son tan baratas que ninguén as aprecia.

Arrancada de cabalo e parada de burro: dise dos que acometen un traballo con moito ímpeto para abandonalo ó pouco.

Bailar como un cabalo: dise da muller que brinca máis do debido ó bailar.

Bate-lo cabalo: ferilo coas esporas para que apure máis.

Cabalo de batalla: o punto principal dunha controversia, o argumento principal que se repite continuamente .

Caer/ cair da súa besta en baixo: Facerse cargo dunha cousa e ceder ante quen sostén o contrario, recoñecendo o erro .

Camiño de ferradura: dise do camiño que resulta apto para andar a cabalo pero non para carros.

Coma o cabalo do mesquiño, farto de auga, mal mantido e ben corrido: dise de quen é tratado mal, que non se lle dá nada pero que se lle esixe moito.

Como poldros: dise das persoas inquietas, nada xuízosas, especialmente dos rapaces .

Dar unha no cravo e outra na ferradura.

Ergue-los candeeiros: bota-las cabalerías as patas traseiras por alto para dar couces.

Estar a dente como egua galega: pasar fame e penalidades.

Ida sen volta, coma os poldros á feira.

Levar ás cabaliñas/ ó cabalete: levar sobre os ombros.

No cabalo de san Francisco: a pé; corre cos verbos andar, ir, etc..

Non deixarse ferrar sen aceal: dise do que non obedece, ou das mozas que non se deixan meter man.

Non ser besta cega: dise de quen non ten un pelo de parvo .

Ó cabaleiro, ó cabaliño: ver a cabaleiro.

Ollos de cabalo: ollos saíntes e empenados.

Pasar de cabalo regalado a cabalo barrufeiro: dise cando se cae da prosperidade á desgraza .

Pasar [algo a alguén] por vez coma o fachuco ao cabalo: pasar unha cousa por outra sen que valla o mesmo, servir unha cousa por outra, conformarse cunha cousa peor da que se esperaba.

Sempre foi un besta!: dise de quen é un groseiro, tosco, burrán .

Ser unha besta negra: dise da persoa ou cousa que constitúe a principal dificultade para algo .

Ser máis besta que un burro: indica a ignorancia en grado sumo.

Ser unha besta brava/ ser unha besta do monte: dise da persoa groseira e ruda.

Ser unha moza como unha poldra.

Sopas de cabalo canso/cansado: pan mollado en viño, xeralmente tinto.

Ter forza coma un cabalo.

Ter un cabalo no pescozo: sufrir unha contractura no pescozo . Tamén, ter un cabaleiro.

Refraneiro galego sobre o cabalo

A besta amatada, de lonxe ve vir a albarda .

Á besta axionllada ponlle máis carga .

Á besta boa, dálle vara i espora .

Á besta cargada, a cincha mátaa .

Á besta comedora, pedras na cebada .

A besta e a muller, que a preste quen quixer .

Á besta golosa, taleiga de area .

A besta leva ben a carga, mais non a sobrecarga .

A besta mala, espora e vara .

A besta non pregunta quen a monta .

A besta pola carga, e o home pola palabra .

A besta preñada cargala ata que para; e dispois de parida, cargala cada día .

A cabaleiro novo, cabalo vello .

A cabaleiro vello, cabalo novo .

A cabalo alleo, espora propia .

A cabalo cansado, mudarlle o prado .

A cabalo comedor, ronzal curto .

A cabalo dado non lle míres o dente .

A cabalo grande, esporas grandes .

A cabalo morto, cebada ó rabo .

A cabalo novo, cabaleiro vello .

A cabalo regalado non lle miran o dente.

A cabalo regalado non se lle mira o dente.

A cabalo vello, pouca ferraia e moita cebada .

A cabalo vello, pouco verde .

A home parlanchín e faco relinchón, pouca cebada e moito albardón .

A ida de Paio Gomes, fora a cabalo e veu nas alforxas.

A mala besta no bo camiño entropeza .

A millor besta dá coa carga no chan .

A millor besta, quer aguillón, e a millor muller, quer varón .

A moza, pra festa; e pra casa, a besta .

Á muller, á cabala e á mula, pola boca lle entra a fermosura.

A muller e a besta a ninguién se empresta .

A muller e a besta que a empreste quen queira .

A viña i o poldro que os críen outros .

A vista do amo engorda o cabalo.

Abril chove prás xentes, e maio prás bestas .

Agora que ten poldro parece outro .

Amigo de verba, cabalo de herba e casa de terra, todo é merda.

Arrédate dos pés da besta, así da grande como da pequena .

Azadós moi relocentes, escaleiras dos xuzgados, auntamentos con musgo, o panadeiro a cabalo, o médico de pé: o universo ben gobernado.

Ben sabe a besta a quen leva, i o demo a quen atenta .

Besta alegre, deitada apasta .

Besta de arrieiro vai sempre en recua e nunca sabe o que leva .

Besta de herba, besta de merda .

Besta de herba, besta de perda .

Besta de Liñares, mora de Mellide, e troita de Furelos, arrenegar de todas as tres como de todos os demos .

Besta do demo: ¿vas baleira e déitaste? .

Besta grande, ande ou non ande .

Besta mular, ou comer ou andar.

Besta na corte, non gana e come .

Besta parada non fai xornada .

Besta que anda por calquera chan, pra min a quero, non pra meu irmán .

Besta que anda por mal camiño, quéroa pra min e non pro meu veciño .

Besta que non poidas manter débela vender .

Besta que pouco anda, nunca falta quen a tanga .

Besta que xeme, á carga non teme .

Besta sen cebada, nunca fixo boa cabalgada .

Besta vella botala ós toxos .

Besta vella non admite ensiño .

Besta vella non entra en paso .

Bestas en pelo, hainas en Monterroso .

Boi corvo, burro combo e cabalo fondo.

Boi frontudo e cabalo cascudo.

Buscas un bo cabalo pra túa égoa, e dás a túa filla ó primeiro que chega .

Cabaleiro, en bo cabalo; en ruín, nin bo nin malo .

Cabalo á carreira, sepultura aberta .

Cabalo alazán non o teñas contigo en San Xoán .

Cabalo alleo non come nin se cansa; e se se cansa moito, alá o seu dono .

Cabalo corredor, home rifador, vaso de vidro e tinalla de viño, sempre están en perigo .

Cabalo de andadura, pouco dura .

Cabalo de bamba, que non come, nin bebe nin anda .

Cabalo farto, non ten fame .

Cabalo grande, ande ou non ande .

Cabalo que ha de ir á guerra, nin o come o lobo, nin o malpare a égoa .

Cabalo que voa non precisa espora .

Cabalo, galgo e fidalgo, bos, pero non medianos .

Can, de can vello; e poldro, de cabalo novo .

Casa de terra, cabalo de herba e amigo de pousada, non valen nada.

Casa, viño e poldro, fáganos outro.

Cebada do día non fai andar a cabalaría .

Cebada do día non fai andar moito á cabalaría.

Cebada e regalo fan o bo cabalo .

Come máis pan un día de sol de febreiro, que os cabalos de todo o reino .

Come máis un día de sol en febreiro que cantos cabalos ten o reino.

Como come a besta, dío a besta .

Couces de égoas non matan poldros.

Da besta, a mular, e do home, o de pouco falar.

De home maricas e de muller cabalón, libértanos Señor.

De pai bodegeiro, fillo cabaleiro e neto limosneiro.

Deus nos deixe andar a cabalo de quen o entende .

Deus nos deixe andar dacabalo de quen non entende.

Dou ó demo a besta que non gana a cebada .

Dou ó demo o poldro que en vendo égoas non relincha .

Dous cabalos rifadores non poden xuntos comer .

Dous poldros a un can, ben o morderán .

Dúas cousas quere o cabalo: paso de andadura e pescozo de galo.

En Deza, nin boa besta nin boa peza .

En Lugo, nin boa besta nin bo burro .

En maio calquera besta é cabalo .

En maio, o barrufeiro faise cabalo .

Enxame de maio vale un bo cabalo .

Hai cabalos tolos, e burros cordos .

Home reñedor, cabalo corredor e pelexo de bon viño nunca fan moito camiño .

Home rifador, cabalo corredor, xerro de bo viño e besta de andadura, nunca moito duran .

Home viúvo, cabalo picado.

Horta e torta, moza, poldra e muller que mira mal, quérense saber tratar.

Hoxe, cabaleiro, e onte porqueiro .

Ir e non vir, como os poldros á feira .

Ir por besta e volver por burro é un viaxe papudo .

Levou o demo a besta e mais quen a tangue .

Mais val a besta que carrexa, que a besta que espoldrexa .

Naide turra do rabo do poldro coma seu dono .

Negra é a pementa e cómena os fidalgos, branca é a neve e trípana os cabalos .

Nin besta de soilo herba, nin home de moita verba .

Ninguén turra do rabo do poldro coma o seu dono.

No maio, o barrufeiro vólvese cabalo .

No mes de maio, nin égoa nin cabalo .

No pisar conócese ó cabalo, e o cabaleiro no gobernalo .

No seu esterco, o cabalo engorda cando ben repousa .

Non amanses poldros nin chúfe-la muller doutro.

Non amanses poldros se queres ter ben os ósos.

Non cabalgues en poldro nin a túa muller gabes a outro.

Non hai besta sin freo nin espora .

Non hai millor cabaleiro que don diñeiro .

Non pesques con anzó de ouro nin montes poldro novo nin a túa muller gabes a outro.

Non podo dar na besta e mallo na albarda .

Non prantes árbores nin amanses poldros, nin chúfe-la muller doutro.

Non prantes árbores nin amanses poldros, nin chúfe-la muller pouco nin moito.

Nunca amanses poldros nin chufes á muller doutro.

Ó amigo e ó cabalo non hai que cansalo.

Ó amigo e ó cabalo non o leves ó teu cabo.

O barrufeiro non lle acai ben ó bo cabaleiro .

O barrufeiro, no maio vólvese cabalo .

O bo cabaleiro non se axeita nun barrufeiro .

O cabalo do mesquiño, farto de auga, mal mantido e ben corrido .

O cabalo e a muller, a ninguén se han de ofrecer .

O cabalo fai a égoa .

O cabalo farto non é comedor .

Ó cabalo regalado non se lle mira o dente.

Ó cabalo regalado, cólleo cos ollos pechados.

O cabalo, no seu esterco engorda, cando ben come e repousa.

O cabalo, pando, i o boi, corvado .

O cabalo regalado, cólleo cos ollos pechados .

Ó home e ó cabalo non hai que apuralo.

O millor penso do cabalo está no ollo do amo .

O millor cabalo dá un tropezón .

O ollo do amo engorda o cabalo

Ó poldro i ó mozo, albardón novo e apretado o bozo .

O poldro, antes teu que doutro .

O poldro, primeiro doutro .

O que ameaza ó cabalo, ás veces faino malo .

O que dí mal da égoa, ese é quen a merca.

O que fala mal da egua, é o que a leva.

O que non monte a cabalo, nunca se cae do cabalo.

O que soilo come o seu galo, só aparella o seu cabalo .

O que ten besta e anda a pé ben burro é .

O que ten besta e anda a pé máis besta é .

O que ten besta e anda a pé, máis besta el é .

O que ten besta soña coa albarda .

O que ten bo cabalo, ten que saber montalo .

O rocín de maio vólvese cabalo.

Odre de bo viño, cabalo saltador e home rifador, nunca duran moito co seu señor.

Onde égoas pacen, poldros nacen.

Onde hai eguas, nacen poldros.

Onde hai un crego enriba de albarda, sempre hai hora millorada .

Onde poldros nacen, égoas pacen .

Os couces das égoas non fan dano ós poldros.

Os poldros caíndo i os mozos brincando, van asisando .

Pacen os poldros o mesmo us que outros .

Para quen é o cabalo, chega ben a ferradura.

Poldro, de poldrela, becerro, de vaca vella .

Poltro, de poltrela, e boi, de vaca vella .

Polo Santiago non hai mal cabalo .

Por un cravo pérdese un cabalo, por un cabalo, un cabaleiro, e por un cabaleiro, un reino.

Quen non monta a cabalo, nunca se cai do cabalo .

Quen quer besta sin chata, a pé anda .

Quen rico ser queira, estas cousas ha de ter: ovella e abella e a pedra que terbella, egua parideira e muller goberneira.

Quen rico ser queira, que teña egua parideira e muller goberneira.

Renego da besta que no inverno quer sesta

Se os cabalos corren pra Viana, culle os bois e vai á arada; se corren pra Quiroga, culle os naipes e xoga .

Se queres saber o que valen os poldros, vende os teus e merca os de outros .

Se queres ter un bo poldro, que cho amanse outro.

Se queres un bo poldro, que cho amanse outro .

Seis galiñas e un galo comen a ración dun cabalo.

Sete pitas e un galo comen a cebada dun cabalo .

Siñal é de boa besta a boa pata e a boa orella .

Sogra, cabalo e león, son malos de corazón.

Unha besta non fai feira .

Unha besta non quer outra .

Xanes e bestas hainos en tódalas aldeas.

Zapato burgués, besta de andadura e amigo cruñés,/ pouco duran todos tres .

Etnografía galega
Meses do ano
Cores
Animais
Alimentos
Vexetais
Outros

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.