O burro na cultura popular galega

A seguir recóllese a pegada do burro na cultura popular galega, na fraseoloxía e na tradición oral galega (refráns, cantigas e adiviñas).

Crenzas e supersticións

En Melide din que cando unha donicela traba a alguén se agarra de tal xeito que non o solta mentres non orneen sete burros e toquen sete campás de sete igrexas. O mesmo din do lagarto arnau [1].

Léxico

O Castro de Vigo (16)
Burro dunha lareira

En sentido figurado, cualifícase de burro a persoa ruda e corto de intelixencia. Pero tamén ten outros significados:

  • Burro, asneiro, asnelo ou randeira, é un artiluxio da cociña tradicional galega, formado por un triángulo de madeira fixo á parede por un dos lados, e do que pende a gramalleira que suxeita a ola sobre o lume. Tamén se chama burro o caballete para erguer a moa do muíño.
  • Burro é nome de diversas especies de peixes, como o fogoeiro, carboeiro (Melanogrammus aeglefinus), a lorcha (Ophidion barbatum) ou algúns blénidos (Blennius sanguinolentus).
  • Burro designa tamén algúns moluscos, coma o reló ou moelo (Dosinia exoleta) ou o carneiro (Venus verrucosa).
  • Burro é o cilindro con buratos para asar as castañas.
  • Burro, como adxectivo, aplícase ó tempo ou ó ceo cargado de nubes.
  • O xogo do burro é un xogo de cartas no que se retiran tres dos catro cabalos da baralla. Logo, os xogadores van descartándose das cartas que forman parellas ata que queda un deles co único cabalo, perdendo o xogo.
  • Burra ou espulla é un vulto pequeno na pel.
  • Burra é o orificio no que encaixa unha portela.
  • Burra é un trebello para pescar nos ríos, a modo dunha nasa.
  • Burra é o caballete para colocar os troncos para serralos.
  • Burra, como adxectivo, aplícase á masa de pan que queda apelmazada, sen ollos.

Locucións

Vadene na kartofi
Traballar coma un burro:
Traballar moito, sen descanso
Artigo principal: Locucións galegas sobre o burro.
  • ¡Alá vai o burro coas noces! (botarse todo a perder todo).
  • Andar cargado coma un burro (dise do que traballa moito soportando cargas excesivas).
  • Arrancada de cabalo e parada de burro (aplícase a quen comeza calquera asunto con moito entusiasmo pero, por pereza e inconstancia, o abandonan ó pouco).
  • ¡Boa burra mercamos! (indica o mal resultado dun negocio).
  • Bota-lo burro (remata-lo primeiro en comer ou facer algún traballo. Utilizábase moito nas pullas entre aldeas veciñas presumindo de remata-las faenas agrícolas).
  • Burro coma un arado.
  • Ser como os burros da Limia, que apañan o viño e beben auga [2].

Refraneiro

Woman Donkey Corfu(1)
Ben vai a vella na burra cando é súa
Artigo principal: Refraneiro galego sobre o burro.
  • Á burra e á muller polo pico lles entra a fermosura.
  • Á burra e á muller, a paus hainas que tanguer.
  • A burro froxo, arrieiro tolo que lle malle o lombo.
  • A burro morto, cebada ó rabo.
  • A burro novo, aparello vello.
  • A burro pardo, arrieiro arroutado.
  • A burro vello, a millor cebada e o pior aparello.
  • A burro vello, albarda nova.

Cantigueiro

Artigo principal: Cantigueiro galego do burro.
Donkey2
E, poidas que non poidas,/ arrea, burro, pra diante;/ como trasportes a carga/ nunca a cabeza levantes
  • A burra da miña tía/ non anda pero recúa,/ si tes gana de parola/ vaite que vai boa lúa.
  • Á mestra de Lubeira/ morreulle a burra bermella;/ tódolos que non cantaren/ leven o camiño dela.
  • Ai, miña probe Francisca,/ ¿qué lle fixeches ó cura/ que cando che bautizou/ púxoche o nome da burra?
  • Alá vai Esclavitú:/ -Déixame ir, que meto un grito;/ quero as orellas do burro/ pra faguer un abanico.
  • Algo che pasa, meniña,/ pois dis: ¡agora xa foi!/ soio dimpois que tropeza/ ó burro lle berran: ¡xo!
  • ¡Arre meu burriño! ¡Arre!;/ Pásame pronto a Galicia,/ aos de atráis non lles din nada,/ vanme meter en xusticia.

Adiviñas

Donkey-01
...o burro
Casa con burro
Burro nunha casa do rural galego
  • Auga me chamo de nome, / ardente é o meu corazón; / o que non o atine / é un gran borricón. (a augardente)
  • Ave teño de nome, / llana son de condición, / o que non acerta e discorre / é un gran borricón. (a abelá)
  • Burriño de ferro, / albarda de liño, / atiza que atiza / cun pauciño. (o candil)
  • ¿Cal é, cal é? / o que non o adiviña / ben burro é. (o cal)
  • É tan grande como unha pulga / e ten orellas maiores cás dunha burra. (a verza)
  • ¿O que é, que é, / unha cousa como unha pulga, / que dá unhas orellas / como as dunha burra?. (a semente do nabo)
  • Pequena como unha pulga / e bota orellas como unha burra?. (a semente do nabo)
  • Redondiño, redondiño, / coma o pé dun borriquiño. (a moeda)
  • Redondiño, redondiño, / como o pé dun borriquiño, / tantas folliñas ten / que non llas conta ninguén. (o sombreiro dun cogomelo)
  • Ten boca e non fala, / ten ollos e non ve, / anda e mais non ten pés; / se non adiviñas / ben burro es. (a lúa)
  • Ten mans e non escribe, / anda e mais non ten pés; / se non adiviñas, / ben burro es. (o reloxio)
  • Un burro branco / bailando no campo, / coa pexa no pé / e burro non é. (o muíño)
  • Unha ave que Deus criou / con toda a natureza; / ten o pico na barriga / e as ás na cabeza. (o burro)
  • Xuntas as dúas nun burriño / e andando as dúas ó par, / cando unha anda doce légoas / a outra unha namais. (as agullas do reloxio).

Véxase tamén

Bibliografía

  • CRESPO POZO, José Santiago: Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego con indicación de fuentes e inclusión del gallego literario (galaico-portugués). 1 (La Región, Orense 1972); 2,3,4 (Ed. do Castro, Sada, 1979/1982/1985).
  • PEREDA ÁLVAREZ, José María: "Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega", en Douro Litoral 1953, 5ª série, VII-VIII, pp. 19–52.
  • VARIOS: Terra de Melide. Seminario de Estudos Galegos. Compostela, 1933.

Outros artigos

  1. Terra de Melide, 452-453.
  2. Dise dos que queren aforrar demasiado, dos forróns. Fonte: José Santiago Crespo Pozo, s. v. económico; José María Pereda Álvarez (1953), s. v. auga.
Cantigueiro galego do burro

A burra da miña tía / non anda pero recúa, / si tes gana de parola / vaite que vai boa lúa.

Á mestra de Lubeira / morreulle a burra bermella; / tódolos que non cantaren / leven o camiño dela .

Ai, miña probe Francisca, / ¿qué lle fixeches ó cura / que cando che bautizou / púxoche o nome da burra?

Alá vai Esclavitú: / -Déixame ir, que meto un grito; / quero as orellas do burro / pra faguer un abanico.

Algo che pasa, meniña, / pois dis: ¡agora xa foi! / soio dimpois que tropeza / ó burro lle berran: ¡xo!

Arre, burro, arre, burro,/ arre, burro, pró Outeiro; xa que che puxen a albarda/ heiche pór o cabeceiro .

¡Arre meu burriño! ¡Arre!; / Pásame pronto a Galicia, / aos de atráis non lles din nada, / vanme meter en xusticia.

Cala, burro, cala, burro,/ xa me enfado do te ouvir;/ se os outros foron á feira/ tu, burro, tamén has ir .

Canta tu, cantarei eu,/ miña boquiña de troita,/ por baixo dun burro xema/ quen o meu cantar escoita .

Canta tú, cantaréi eu, / miña cariña de troita; / por baixo de un burro xema / quen o meu cantar escoita.

Casar, casar calquera casa, / calquera burro é casado, / manter fillos e muller..., / a porca retorce o rabo.

Castellanos de Castilla, / orellas de burro blanco, / que non dades aos galegos / unha hora de descanso .

Dices que non canto ben, / para ti canto bastante; / si non me queres oir, / arre, burro, para adiante.

Disme que eu canto mal/ para min xa é bastante;/ o que me non queira ouvir/ arre, burro, para adiante! .

E, poidas que non poidas, / arrea, burro, pra diante; / como trasportes a carga / nunca a cabeza levantes.

Eí vai Luisa de Guinio, / corre coma unha cadela, / busca-los dentes do burro / pra faguer unha peineta .

Eso solo vos son contos / o de nós non te-lo mando: / onde estamos nolos hombres / por burras indes pasando.

Esta noite virei tarde/ porque se o burro perdeu:/ cando oias pasos de burro/ asómate, que son eu .

Eu cantar ben che cantaba / a gracia non era moita; / ¡quen me dera un burro vello / pra botar a quen me escoita!

Eu, cantar, cántoche ben, / gracia non che teño moita, / téñoche un burriño branco / pra botar a quen me escoita.

Eu non sei que quer decer/ o burro de Xancebás;/ eu na miña cama deixo/ deitado un lindo rapaz .

Eu non son ningunha burra / que teña que rexistrar; / se é que ves con esa ideia / daquí xa podes largar.

Faralleiros son nas Grañas, / revellados en Mañón, / cabanexos en Cabanas, / burros en San Pantaón .

Fun ó monte por sardiñas,/ fun ó mar cargar de toxo,/ polo monte fun nadando,/ polo mar nun burro coxo .

Guapo, que estás nesa porta, / non penses levar cebada, / que a un burro como eres ti / bástalle roer na palla.

Había moitos que teimaban,/ i eu era o pirmeiro,/ que había morrer un burro á sede/ o vinteoito de febreiro .

Il é tratante de vacas/ e tamén o é de burros;/ coitada da Cristelina,/ que leva dous macanudos .

Inda che hei de botar unha/ por riba dun seixo blanco,/ que tu non has de negar/ que es fillo dun burro blanco .

Ise burro que eí ornea,/ ornea pola cebada;/ non a ha levar esta noite/ tampouco de madrugada .

Meu santo, San Antoniño,/ nacido no sobreiral,/ o pesebre do meu burro/ évos voso irmán carnal.

Mozo de orellas de burro,/ agárrate a traballar;/ namentres te no’acostumbres/ contigo non hei casar .

Nin bo pedro/ nin bo burro negro/ nin bo lameiro/ por riba do rego .

Niste lugar de Facós/ non entra carro ferrado/ se non o trae o Manoel/ co burriño polo rabo .

No lugar de Fradalvite/ non entra carro ferrado/ se non o trai Elisiña/ co burriño polo rabo .

O burro morreu,/ rechinou os dentes/ e díxolle adios/ a tódolos presentes .

O cantar é alegría,/ ben burro é o que non canta;/ canta nena, que o que canta/ tódolos males espanta .

O cantar é alegría/ e ben burro é o que chora;/ eu canto hasta me fartar/ e mais teño a muller fóra .

O crego de Escravitude/ leva a criada na burra,/ na primeira carballeira/ dalle unha sacudidura .

O home de neno é rei/ e de mozo capitán,/ de casado pasa a burro/ e de vello queda en can .

O rei mandou unha carta/ dentro dun figo maduro:/ que as mulleres beban viño/ e os homes, mexo de burro.

Os de Vilagarcía/ mataron un burro,/ os de Carril, comérono crudo/ e os de Vilaxoán puxeron a bandeira/ para que lles deran a tripa cagueira .

Pasaches e non falaches,/ pensas que te eu precuro;/ heime de casar con outro/ xa que tu eres tan burro .

Pensaches por ser moi rica/ que xa me tiñas seguro;/ tes un xenio de cadela/ i eu non nacín pra burro .

Pensas que as túas palabras/ me van a min convencer;/ se es burro, meu amigo,/ non teño que lle faguer .

Polo mar andan as lebres/ e polo monte as anguías,/ polo aire andan os burros,/ mirade que tres mentiras.

Por botar un eixo a un carro/ ¿canto levan na túa terra?/ Contéstame logo, Antona,/ e bota a conta sin erro./ Anda ti, fillo dun burro,/ nativo de Roque Pas,/ por botar o eixo a un carro/ lévanche nove reás.

Por que vas presa, Sabela?/ Señor, por cousa ningunha:/ porque roubei unha corda/ i atrás da corda ía a burra .

Quen che dera unha peseta/ pra comprar de xabrón/ para lavar ese burro/ que está negro de nación .

Quen o había de decer,/ quen o había de pensar,/ que o burro había morrer/ á sede niste lugar .

Responde, burro, responde,/ acaba de responder;/ teño unha mañiza de herba/ pra che botar de comer .

Teño unha albarda ben feita,/ ben feita ó meu parecer,/ para lle poñer ó burro/ que non soupo responder.

Teño unha albardiña feita/ cosida con liñas brancas/ para traguere a ise burro/ por baixo das miñas chancas .

Teño unha albardiña feita,/ feita ó meu parecer,/ pra lle poñer a ese burro/ que non sabe responder .

Teño unha herba na horta/ que bota fóra do muro;/ non me criaron meus pais/ pra contestar a ise burro .

Tírate diante de min,/ cara de gato esfolado,/ ó demo morreulle o burro,/ vaille a servir de criado.

Tódolos xastres son burros / heinos de cargar de sal / ¡arre, burro!, ¡arre, xastre!/ ¡arre! para Portugal.

Turra, turra,/ Xan, pola burra./ Pedro non quero/ que son caballero.

Veño dende alá tan lonxe,/ pisando cardos molares,/ por ver a cara do burro,/ cara de quitapesares .

Galería de imaxes da etnografía de Galicia

Galería de imaxes da etnografía de Galicia.

Locucións galegas sobre o burro

¡Alá vai o burro coas noces!: botarse todo a perder.

Andar cargado coma un burro: dise de quen traballa moito, soportando cargas excesivas.

Arrancada de cabalo e parada de burro: aplícase a quen comeza calquera asunto con moito entusiasmo pero, por pereza e inconstancia, abandona ó pouco.

¡Boa burra mercamos!: indica ironicamente o mal resultado dun negocio.

Bota-lo burro: remata-lo primeiro en comer ou facer algún traballo. Utilizábase moito nas pullas entre aldeas veciñas presumindo de rematar antes as faenas agrícolas.

Burro coma un arado.

Burro e a tanto: emprégase para chamarlle parvo a alguén, e con razón.

Caer da burra: darse de conta de algo que era evidente.

Caer de burro: pecar de crédulo, torpe, ser enganado.

Carrexar como un burro.

Dar sopas de mel a un burro: obsequiar ou favorecer a un ingrato.

Escomezar como faco e parar como asno: comezar unha obra con moito ímpeto pero despois deixalo ir.

Facerlle tanto coma o burro á vaca: ser un inútil. Pode referirse á incapacidade do burro para cubrir unha vaca, ou a que aquel non pode facer parella con esta no arado.

Falar da morte da burra: cambiar de tema, irse do tema principal da conversa.

Falso como unha burra: ser traidor.

Griñir coma os burros: dise a un ignorante que presume de saber moito.

Írselle a un a burra: escapárselle a un o que debía calar.

Levar un burro: levar un chasco.

Máis besta que un burro: indica a máxima ignorancia .

Máis falso que unha burra vella: dise da persoa hipócrita e raposeira.

Mete-lo burro: avantaxar a outro, adiantarse no traballo. Dise nas faenas agrícolas para sinalar que se rematou o traballo antes que o veciño. Ver bota-lo burro.

Non morrer de cornada de burro: dise do que non se expón a ningún perigo por pequeno que sexa.

Non poder dar no burro e dar na albarda: castigar a que non ten culpa por non atreverse co verdadeiro culpable.

Parecer o burro do paragueiro: andar sempre atrás dalguén.

Pexar do burro pra que outro o monte.

Prender na burra: dise dun rapaz cando colle unha rabieta.

Saírlle a un a burra capada: saír burlado dun empeño, perder nun asunto cando se esperaba o contrario.

Ser boa burra: dise da persoa que aparenta unha cousa e resulta se-lo contrario

Ser coma lavarlle a cabeza a un burro (e perder auga, xabón e tempo): facer un traballo inútil tratando de ensinar algo a alguén que se nega a aprender.

Ser coma o burro do xitano: facer algo cando xa é tarde .

Ser coma a pata dun burro: moi serio. Tamén corre cos verbos estar ou saír.

Ser como os burros da Limia, que apañan o viño e beben auga: dise dos que queren aforrar demasiado, ser un forrón .

Ser testán coma un burro.

Ser un burro cargado de letras: cando un presume de saber moito sen base ningunha.

Ser un burro de carga: dise do home disposto e forte para o traballo, do que leva a parte máis pesada ou do que soporta sen queixa os traballos que se lle encargan.

Sopas de burro canso/cansado: pan mollado en viño, xeralmente tinto.

Te-la boca coma un burro: falar de máis pero sen saber o que se di.

Te-la saúde coma un burro: ¿ter moita saúde?

Te-las orellas coma un burro: ter as orellas grandes e levantadas.

Te-lo burro pola corda: ter controlada unha situación, ter autoridade para o que se quere conseguir .

Ter tanto bazo coma un burro morto: ser pachorrento, tranquilo de máis.

Traballar coma un burro: traballar moito, sen descanso.

Traballar máis que un burro: traballar moito, sen descanso.

Refraneiro galego sobre o burro

Á burra e á muller polo pico lles entra a fermosura.

Á burra e á muller, a paus hainas que tanguer.

A burro froxo, arrieiro tolo que lle malle o lombo.

A burro morto, cebada ó rabo.

A burro novo, aparello vello.

A burro pardo, arrieiro arroutado.

A burro vello, a millor cebada e o pior aparello.

A burro vello, albarda nova.

A burro vello, múdalle o alimento e darache o pelexo.

A burro vello, pouco verde.

A carne de burro non é transparente.

A carne de man a calquera burro ña dan.

A conta do burricón comémo-lo requeixón .

A conta dos burros comen os agudos .

Á muller beilar e ao burro ornear, o diaño debeillo ensiñar .

A vergonza era verde e comeuna un burro.

Alá vai, alá vai, o burro tras da nai .

Alá vai, alá vai, o burro tras de súa nai.

Arrieiro rabudo, malla na albarda e malla no burro.

As amatas do meu burro fixeron de min albeitar.

Asegún sea o burro ten que ser a albarda.

Asno morto, a cebada ó rabo.

Bachiller en artes, burro en todas partes.

Ben burro é quen burro ten, pero inda é máis burro quen, podendo, non o ten.

Ben burro é quen tendo burro viaxa a pé.

Ben sabe o burro onde ornea.

Ben sabe o burro onde ornea, cando quer el ornear.

Ben vai a vella na burra cando é súa .

Boi corvo, burro combo e cabalo fondo.

Burra vella non aprende andadura e, se a aprende, pouco lle dura.

Burro cargado de ouro consígueo todo.

Burro de moitos, cómeno os lobos.

Burro lavado, xabrón perdido.

Burro pexado non salta valado.

Burro que entra na leira allea, sairá dela carregado de leña.

Burro sexa quen con burro leirea.

Burro sexa quen ser burro queira.

Burro sexa quen a burro protexa.

Burro vello tamén quer a sua cebada.

Cando está o pelexo á porta sinal de que a burra é morta.

Cando nace a vasoira nace o burro que a roa.

Cando o burro pode, a burra non quer.

Cando o burro vén ó lugar, todos o queren montar.

Cando todos che digan que es burro, ornea.

Cando un burro ornea o outro baixa a orella.

Cando un burro ornea, sempre hai outro que escoucea.

Canto máis burro, máis peixe.

Chanzas con burros acaban en couces.

Contos de probes, peidos de burras vellas.

Cos burros viven os agudos.

Cousas de burros acaban en couces.

Dame un maridiño rico, aínda que sexa un borrico.

De burro abaixo non hai pior besta.

De burro para baixo non hai besta de menos monta.

De Lugo, nin boa besta nin bo burro.

De Lugo, nin boa besta nin bo burro, mais montadores, os millores.

De pequeno, rei; de mozo, capitán; de casado, burro; e de vello, can.

De pequeno, rei; de mozo, galán; de casado, burro; e de vello, can.

Deixade ao mestre, ainda que sexa un burro.

Des que a besta vai no po, xó, burra, xó!.

Des que o burro entra no illó, ¡xo burro, xo!

Dixo o burro ó mulo: arre alá, orelludo.

Díxolle o burro ás coles: 'pax vobis'.

Díxolle o burro o mulo: tírate alá, orelludo.

Do burro abaixo non hai menos besta.

Dous Xans e un Pedro fan esta-lo burro quedo.

É como os burros da Limia, que apañan o viño e beben auga.

En Lugo, nin boa besta nin bo burro.

En marzo, nin o rabo do burro mollado.

Este mundo é un fandango, e quen nono baila é un asno.

Fainas o burro e págaas a albarda.

Hai cabalos tolos e burros cordos .

Hai moitas burras do mesmo pelo.

Hai moitos burros da mesma cor do coiro.

Hai moitos burros do mesmo pelo.

Home casado, burro escarallado.

Home casado, burro estropeado.

Home casado: home pretudo, xordo coma un mudo e orellas coma un burro.

Home mozo que non troula, nin fuma, nin xoga, nin bebe, nin bica, nin cuspe no curro, máis que home é burro .

Home que non troula, nin fuma, nin xoga, nin bebe, nin bica, nin cuspe no curro, máis ca home é burro.

Ir a cabalo do burro, e andar ó seu precuro .

Ir cabaleiro no burro, e andar ó seu precuro .

Ir por besta e volver por burro é un viaxe papudo .

Lavar a cabeza a un burro, gastar tempo e xabón.

Leite de cabra e leite de burra danse camiño da sepultura.

Mágoas alleas matan os burros .

Máis fácil é ó burro ornear que ó sabio responder.

Máis fácil é ó burro perguntar, que ó sabio responder.

Máis que cen de pardal, vale unha de asnal .

Máis val burro vivo que sabio morto.

Máis val un burro vivo que un cento mortos.

Máis val unha asnal ca cento de pardal.

Máis vale pequeno e agudo que grande e burro.

Maldicións de burro nunca ao ceo chegan.

Muller casada? burra e amolada.

Muller que do cuco fiou, ou era moi burra ou cucar desexou.

Na provincia de Lugo non hai boa besta nin bo burro, pero manteadores, dos millores.

Nin bo Pedro, nin bo burro negro, nin bo lameiro por riba do rego.

Nin bo Pedro, nin bo burro negro, nin bo lameiro por riba do rego, nin de sabugueiro un bo vencello, nin de cuñado un bo consello.

Nin burro orneante, nin home rallante.

Ningún burro se quedou calvo.

Non é o mel pra boca do burro .

Non está feito o mel pra boca de burro.

Non hai Pedro bo, nin burro negro, nin lameiro por riba do rego.

Non levarán por ben o burro á auga se el non ten gaña.

Non merques burro de recoeiro, nin cases con filla de mesoneiro.

Non poder dar no burro e dar na albarda.

Non se sabe o que pode ensinar á muller a bailar e ó burro a ornear.

Non tentes dar auga ó burro se non a quere.

O burriño de san Sadorniño cada día máis cativiño .

O burriño de Vicente ten a carga e non a sente.

O burriño de Xosé leva rabo e non o ve.

O burro diante, pra que a recua non se espante.

O burro diante, pra que non se espante.

O burro do vilán é mulo no vran.

O burro do xitano, en vendo o pan alonga o paso .

O burro do xitano, en vendo o pau alonga o paso.

Ó burro e ó carro, a carga ó rabo.

O burro non anda senón coa albarda e a carga.

O burro ó sol fai sombra.

O burro pequeniño sempre é borriquiño.

O burro que máis traballa, máis axiña cansa.

O burro que moito carga, logo rompe o aparello.

O burro sofre a carga, mais non a sobrecarga.

O burro traseiro que zarre o boqueiro.

O can oubea e o burro ornea .

O día que me casei, un burriño aluguei .

O fillo do burro ben sabe ornear .

O home cuco vive do home burro.

O home, cando é rapaz é rei; de mozo, capitan; de casado, burro, e de vello can.

O home, de meniño rei, de mozo, galán, de casado, burro, e de vello can.

O primeiro de abril van os burros a onde non deben ir .

O que burro vai á Roma, burro vén á volta.

O que che é burro tanto é eiquí como en Lugo.

Ó que é burro, Diolo mate.

O que é burro, tanto é aquí como en Lugo.

O que é burro, verte as papas.

O que está acolleito cando chove, é ben parvo se se move; e se se molla, é ben burro se se anoxa.

O que nace burro, burro morre.

Ó que o burro gaba, tal fillo lle naza.

O que ós vinte non é home e ós corenta non é rico, ten algo de borrico.

O que ós vinte non é home, ós trinta non se casa, ós cuarenta non ten casa e ós cincuenta non é rico, ¡arre borrico!

O que perde o burro e atopa a albarda, xa non sofre tanta perda.

O que se para ó lado do fuso, ou é burro ou non ten uso.

O que ten besta e anda a pé, ben burro é .

O que ten besta e anda a pé, máis besta é .

O que ten burro e vai a pé, ben burro é.

O que vive probe e morre rico, é ben borrico.

Onde burros andan, alí escoucean.

Onde cai o burro dánselle os paus.

Onde canta un crego e ornea un burro, alí nunca falta un peso duro .

Onde canta un crego, moe un muíño e ornea un burro, nunca faltará un duro.

Onde os burros andan, alí escoucean.

Onde vai o burro vai a albarda.

¿Onde vas Sindo? A levar este burro ao pilón.

Orneos de burro non chegan ó ceo.

Polo san Pedro, burro quedo.

Polo San Pedro, o burro quedo.

Polo san Xoán, calquera burro gaña o pan.

Por algo Deus non lle deu cornos ós burros.

Por culpa do burro mallan na albarda.

Por non andar, ornear.

Porque un burro dea un couce non se lle ha corta-la pata.

Posto no burro, atura-las azoutas.

Prá boca do burro non se fixo o mel.

Prós enfermos do peito, o leite de burra é remedio feito.

Que queira que non queira, o burro ha de ir á feira.

Quen a burros favorece, couces merece.

Quen ós vinte anos non se casa, i ós trinta non tèn casa, i ós corenta non é rico, ese é un borrico .

Quen perde o burro e atopa a albarda, iso gaña.

Quen ten burro e non vai nel, máis burro é el.

Se che dixeren dous que es burro, ornea.

Se non fora polo rabo empreñaba a burra.

Se os burros ornean moito, non sairás enxoito.

Se tódolos burros trouxeran albarda, os albardeiros moito gañaban.

Segundo sexa o burro, ten que ser a albarda.

Tres Xans e un Pedro fan estar o burro quedo.

Turra, turra, Xan, pola burra. Pedro non quero que son caballero.

Val máis burro ser, que con burros debater.

Val máis pequeno agudo que grande e burro.

Vale máis cativo agudo que grande burro.

Vale máis pan duro, que consello de burro

Vezouse o burro nas verzas, e non deixou verdes nin secas.

Xogan os burros e páganas os arrieiros.

Etnografía galega
Meses do ano
Cores
Animais
Alimentos
Vexetais
Outros

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.