O Grove

O Grove é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Salnés. Segundo o IGE en 2016 tiña 10 758 habitantes. Forma unha península situada na beira sur da ría de Arousa. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «groveiro», «grovense» ou popularmente «meco».

Coordenadas: 42°29′47″N 8°51′55″O / 42.49639, -8.86528

O Grove
Escudo de O Grove
O Grove Concello 01-02
Casa do concello.
Situacion O Grove
Situación
Xeografía
ProvinciaProvincia de Pontevedra
ComarcaComarca do Salnés
Poboación10.700 hab. (2018)
Área21,9 km²
Densidade488,58 hab./km²
Entidades de poboación2 parroquias
Capital do concelloO Grove
Política (2019[2])
AlcaldeJosé Antonio Cacabelos Rico (PSdG-PSOE)
ConcelleirosBNG: 2
PPdeG: 3
PSdeG-PSOE: 10
Outros: EU 2
Eleccións municipais no Grove
Uso do galego[3] (2011)
Galegofalantes51,19%
Na rede
http://www.concellodogrove.es
ogrove@fegamp.es

Xeografía

O Grove é unha pequena península de 21,89 km², unida a terra firme a través dun istmo coñecido como O Vao, que dá lugar á praia da Lanzada na súa parte occidental e á ampla marisma da enseada do Vao na súa parte oriental. Este istmo conecta O Grove co concello de Sanxenxo.

Pedra cabaleira 2
Pedra cabaleira no cumio do monte Siradella

O istmo do Grove, duns 2 km de lonxitude e uns 500 m de anchura no centro e case 1 km na parte máis ancha, ó norte, é un depósito de area procedente do río Umia, por un lado, e da corrente mariña predominante do sur, por outro. A conxunción dos dous fenómenos facilitou o depósito de area en forma de cordóns de dunas litorais paralelos á costa. É de formación relativamente recente: o primeiro mapa que representa O Grove como península é de 1784, mentres que outro mapa de 1632 representábao aínda como illa.

As alturas máximas do concello están representadas pola Siradella, de 167 m de altitude, e o Con da Garda, de 95 metros.

Canto á hidrografía, O Grove só conta con pequenos regatos en diferentes puntos da península, entre os que destaca o Rasoeiro, hoxe canalizado na súa desembocadura no casco urbano.

Resulta máis significativa a lagoa da Bodeira, situada na costa norte da península, única lagoa costeira de auga doce na provincia de Pontevedra. Está incluída no ámbito do Complexo Intermareal Umia-O Grove.

Demografía

O Grove contaba cunha poboación de 10.758 habitantes (IGE 2016), dos que 5.457 eran mulleres e 5.301 homes, o que representa un leve descenso respecto ó ano 2014, cando tiña 10.851 veciños. Divídese en dúas parroquias: a de San Martiño, que comprende o casco urbano, a illa da Toxa e a parte oriental do territorio, e a de San Vicente, ó oeste da península. A poboación está concentrada fundamentalmente na parroquia de San Martiño, con 9.652 habitantes, mentres que a de San Vicente só contaba con 1.106 (2016).

Censo total 2016 10 758 habitantes
Menores de 16 anos 1 456 (13,53 %)
Entre 16 e 64 anos 7 123 (66,21 %)
Maiores de 64 anos 2 179 (20,25 %)
Evolución da poboación do Grove   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018
3969 5888 7380 9917 11 147 11 297 11 241 11 236 11 096 10 851 10 801 10 758 {{{13}}} {{{14}}}
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Historia

Península do Grove con vistas á Ría de Arousa
A península do Grove coa ría de Arousa ao fondo, zona de entrada da peste bubónica en Galicia en 1562.

A illa do Grove estivo poboada durante a romanización de Galicia, como testemuñan os restos dunha vila en Adro Vello, posteriormente usada na idade media como camposanto.

As primeiras referencias documentais datan do século VI e sitúan as terras do Grove baixo a xurisdición da diocese compostelá. Así mesmo, o rei Ordoño II entregoulle no século X as salinas de Noalla (Sanxenxo) xunto coas terras da illa do Grove, coas súas vidas, igrexa e pertenzas, e maila vila de Ardea (hoxe Ardia, un lugar do Grove). Pola súa banda, o bispo Sisnando II entregou ó mosteiro de San Martiño Pinario a igrexa de San Vicente do Grove, coas súas terras e habitantes.

Deste xeito, o arcebispo de Santiago nomeaba, aínda no século XVII, o alcalde do Grove, un procurador xeral, un rexedor para os asuntos de terra e outro para os do mar. Non foi ata mediados do XIX cando un decreto das Cortes reduciu os seus dereitos ó nomeamento dos curatos de San Vicente e de San Martiño.

O feito máis relevante na historia moderna do Grove foi a peste bubónica que entrou en Galicia polo porto do Grove en 1562, estendéndose rapidamente pola ría de Arousa e por toda Galicia. Outros factores que influíron decisivamente na súa demografía e economía foron os frecuentes ataques musulmáns e normandos, tanto no propio Grove como ó longo de toda a ría de Arousa, e máis tarde, xa no século XVIII, os dos piratas ingleses.

A promulgación da Constitución de 1812 permitiu que O Grove se convertese en concello en 1822, pertencente á provincia de Vigo. Pero esta situación só durou un ano, ó ser restaurado o antigo réxime por Fernando VII en 1823. Por fin, en 1835, recuperouse o status de concello.

Cultura

Toponimia

O topónimo O Grove procede dunha falsa segmentación de Ogrobe, que vén de Ocobre tras unha sonorización da oclusiva velar xorda intervocálica orixinal e posteriormente unha metátese da vibrante. Está ben documentado desde antigo: et ecclesiam Sancti Uincentii in insula Ocobre cum dextris suis (899, San Vicente do Grove). Outras formas testemuñadas son insulam Ocobre (911), sanctum Vicentium de Ogobre (912), Ogoure (1109) ou San Vicente de Ogrove (1115). A terminación en -bre, presente en moitos outros topónimos (Añobre, Barallobre, Canzobre etc.) fai referencia a unha elevación de terreo (relacionada con -briga), mentres que a primeira parte do topónimo podería ser a raíz indoeuropea ok- que significaría "punta".[4]

Parece evidente a evolución de Ocobre a Ogrove, manténdose como unha única palabra, e así corría xa na Idade Media. En épocas máis recentes, como froito dun proceso de castelanización de topónimos totalmente alleo á evolución natural etimolóxica, produciuse a segmentación da vogal inicial "O", ó confundirse esta cun artigo singular masculino en galego (como foi o caso de As Maus) e ser traducida por "El". A deglutinación do artigo aparece rexistrada xa dende o século XIV.[4] Non é o único caso de segmentación e hai casos que é imposible que se deban á influencia do castelán: As Maus, Agolada etc.[Cómpre referencia]

De todos xeitos, existe unha disputa nunca resolta entre os partidarios da toponimia oficial (O Grove) e os defensores das formas Ogrove e Ogrobe. Os primeiros deféndeno baseándose, precisamente, na súa oficialidade e no hábito escrito, e os segundos alegan que son estas as formas non deturpadas do topónimo.

Así mesmo, tampouco se chega a acordo sobre se debe estar escrito con "b" ou con "v". Por unha banda, alégase que o topónimo procede da palaba prerromana Ocobre ou Ocóbriga, debendo por este motivo ser escrito con "b". Os defensores do "v" baséanse, pola contra, en que a evolución do galego dende o latín é a única causante desta liorta, extremo sempre negado polos defensores do "b".[Cómpre referencia]

Patrimonio

O Plan Xeral de Urbanismo do Grove catalogou en 2004 un total de 320 elementos merecedores de protección: 10 de tipo arqueolóxico, 34 de tipo arquitectónico e 276 de tipo etnográfico [5].

Patrimonio arqueolóxico

Ver artigo principal: Necrópole de Adro Vello.

Os restos arqueolóxicos presentes na península do Grove están representados principalmente pola necrópole de Adro Vello (na parroquia de San Vicente), pero non son os únicos.

O vestixio arqueolóxico máis antigo do que se ten noticia está hoxe desaparecido. Consistía nun molde de arxila para fundir machadas de bronce.

No extremo máis occidental da península están os restos dun castro provisto de muralla perimetral, que deu lugar ó topónimo O Castriño. Non está escavado. Ó carón do monte da Siradella hai outro castro (probable orixe tamén do orónimo: cidadella) do que só quedan os restos das murallas e a base dalgunhas casas castrexas.

Xa na costa nordeste existen restos dunha necrópole en Cantodorxo, hoxe parcialmente ocupados por unha fábrica de conservas, na que se atoparon sepulcros de tella da época tardorromana e os restos de dous rapaces e un adulto (este cun cravo no cranio e outros nos pés); tamén se atoparon vasillas de barro e muíños de man. No lugar de Estonllo tamén se atoparon restos doutra necrópole.

Igrexa San Martinho 03-01
Igrexa de San Martiño

Arquitectura relixiosa

  • Igrexa de San Martiño

Está situada no barrio de Vilavella, na parte alta da vila. Esta igrexa foi construída aproveitando os muros dunha edificación anterior románica e algúns outros materiais. É de planta rectangular, con dúas capelas laterais (a da dereita dedicada a San Xosé e a da esquerda a Cristo).

A única nota de interese artístico desta construción é o arco apuntado que dá acceso á capela do lado do evanxeo, con decoración de comezos do século XVI. Neste arco sitúanse as figuras dos doce apóstolos, coa figura de Cristo na doela central. A reedificación do século XVII engadiu un suntuoso coro alto con balaustrada barroca e a torre campanario, con decoración con placas. O presbiterio está totalmente renovado con criterios actuais, con columnas salomónicas enramadas, que lembra o estilo barroco compostelán.

San vicente 1-1
Igrexa de San Vicente do Grove.
  • Igrexa de San Vicente

O Libro de fábrica de San Vicente, iniciado en 1688, fala xa da actual igrexa. Situada inicialmente na mesma praia de Carreiro, sobre a igrexa visigótica que existía en Adro Vello, trasladouse ó interior máis tarde, concretamente en 1770. É posible que este traslado obedecese a razóns de tipo relixioso ou ó feito de que a erosión do mar ameazase a estabilidade da primitiva igrexa.

A súa planta é rectangular e a capela maior de cruzaría de simple diagonal. No corpo da igrexa a bóveda é de canón. As únicas notas decorativas están dadas polas xambas barrocas da portada e a suntuosa balconada do coro, con arquiños laterais. A torre érguese no centro da fachada, tamén nun sinxelo barroco de placas.

  • Igrexa de San Xulián ou de San Caralampio

Esta igrexa está situada ó sur da illa da Toxa. É unha capela de estilo moderno na que perdura o culto ó mártir San Sebastián, de forma practicamente ininterrompida desde o século XII. O elemento máis característico desta igrexa é o recubrimento exterior de cunchas de vieira, polo que se coñece popularmente como a capela das cunchas.

A Toxa 040516 56

Campanario da igrexa da Illa da Toxa

Capela a toxa 1-3

Detalle da cubrición da capela da Toxa

La toja
  • Capela de San Roque

Situada en pleno casco urbano, foi levantada no século XVII en agradecemento ó santo por vence-la praga de peste.

  • Capela de San Antonio

Situada preto do porto pesqueiro, do século XVII.

Arquitectura civil

Entre as construcións máis significativas podemos destaca-las seguintes:

  • Gran Hotel da Toxa
  • Ponte da Toxa
  • Pazo do Sineiro
  • Casa do Conde
  • Casa torre de Escudero[6]
  • Casa La Celestina
  • Casa do Concello

Esculturas

Ver artigo principal: Simposium Internacional de Escultura.
Simposium de Escultura 03-2
Unha das esculturas premiadas no Simposium Internacional

Desde 1990, e coincidindo coa Festa do Marisco, o concello do Grove organiza un Simposium Internacional de Escultura, coa particularidade de que as esculturas seleccionadas [7] pasan a formar parte do patrimonio artístico do concello e hoxe adornan espazos públicos, como parques, xardíns e rúas, de todo o concello.

Patrimonio natural

Ver artigo principal: Complexo Intermareal Umia-O Grove

Cómpre destaca-lo Centro de Interpretación da Natureza, sito no alto do monte da Siradella, no que se pode visitar unha interesante mostra da riqueza natural da enseada. Depende da Consellería de Medio Ambiente.

A flora presente no Grove ten pouco que destacar. As antigas carballeiras que houbo na península foron substituídas por plantacións agrícolas e de eucaliptos ou piñeiros, que son os que hoxe dominan toda a superficie forestal, quedando só algúns pés soltos de carballos, castiñeiros e algunha sobreira. En xeral, a flora que se pode observar nos espazos non cultivados é de carácter antropoxénico.

Non obstante, a vexetación do istmo do Bao, tanto na zona central areosa como nas beiras da marisma, é especialmente interesante pola abundancia de especies propias da duna e da zona salobre, algunhas delas endémicas desta zona (como a Cistanche phelipaea ou certa variedade de orquídea).

A riqueza faunística do Grove débese principalmente á abundancia de aves mariñas, sedentarias ou migratorias, presentes no xa citado Complexo Intermareal. Nas beiras da enseada hai distribuídos varios observatorios ornitolóxicos, tanto na costa grovense como na de Sanxenxo e Meaño. Así mesmo, non faltan, naturalmente, outras aves comúns non ligadas ó medio mariño.

Outros grupos animais, como anfibios, réptiles ou mamíferos, así como os invertebrados, tamén están presentes no seu territorio. Nas augas da costa hai unha variada representación de moluscos, crustáceos e peixes, así como a presenza constante de mamíferos mariños (golfiño común, toniña e arroaz) ou esporádica doutras especies deste grupo ou de tartarugas mariñas.

A Lanzada desde A Siradella
A praia da Lanzada vista desde o alto da Siradella.

Ó se-lo Grove unha península e estar rodeado case totalmente polo mar, posúe un elevado número de praias, a maioría delas de area fina e aptas para o baño e o descanso. Na seguinte relación ordénanse as praias no sentido das agullas do reloxo. Seis delas recibiron en 2008 o distintivo da Bandeira Azul (márcanse en grosas). e as mantiveron até 2017, no que o concello renunciou a solicitalas por desacordos pola edición anterior, quedando sen ningunha bandeira (agás a Lanzada que comparte con Sanxenxo, que si solicitou a bandeira azul).[8]

  • Praia da Lanzada
  • Praia de Raeiros (pu Paxareira)
  • Praia Sobre do Pozo
  • Praia Area da Cruz
  • Praia Seixeliño
  • Praia do Portiño
  • Praia do Espiño
  • Praia Burato da Londra
  • Praia Farruco
  • Praia da Barrosa
  • Praia da Fervide
  • Praia Canelas
  • Praia Aguieira
  • Praia Cuazos
  • Praia de Con Negro
  • Praia da Poza
  • Praia Barreiro
  • Praia de Castiñeiras
  • Praia Pateiro
  • Praia Baleela
  • Praia do Carreiro
  • Praia do Barreiriño (ou dos Franceses)
  • Praia de Barcala
  • Praia Area Grande
  • Praia do Piñeirón
  • Praia da Mexilloeira
  • Praia das Pipas
  • Area de Reboredo
  • Praia Lavaxeira
  • Praia dos Padroneses
  • Praia de Con Roibo
  • Praia de Rons
  • Praia do Confín
  • Praia da Ponte da Toxa (A Ponte Norte e A Ponte Sur)
  • Praia Mourisca
  • Praia da Graña
  • Praia Vilamarín
  • Praia do Guernal
Praia A Lanzada 01-06

Praia da Lanzada

Praia as Pipas 01

Praia das Pipas

Praia Area da Cruz 02-02

Praia Area da Cruz

Praia Area Grande 02-01 O Grove

Praia Area Grande

  • Ruta dos lagarteiros: comeza nas inmediacións do Centro de Interpretación da Siradella e percorre, durante uns 2 km, os macizos graníticos centrais da península. Chámase así porque durante o seu percorrido é fácil observa-lo voo dalgún lagarteiro ou peneireiro (Falco tinnunculus), frecuente nesta zona. Tamén ofrece espectaculares vistas do istmo da Lanzada.
  • Ruta do Con Negro: percorre a costa oeste da península. Comeza na praia do Barreiro e segue cara o sur ata a urbanización de Pedras Negras, en San Vicente do Mar.
  • Ruta da Lagoa da Bodeira: sae de Punta Moreiras (onde se pode aproveitar para visita-lo Acuario e o Museo da Salga) e diríxese cara ó oeste, bordeando a costa, ata a lagoa da Bodeira.

Ademais das rutas descritas, poden percorrerse dous paseos de madeira bordeando a costa. O primeiro vai desde San Vicente do Mar ata a batería militar inmediata á zona do Con Negro. Todo o camiño vai entre rochas graníticas á beira do mar aberto. O segundo percorre toda a praia da Lanzada, desde a zona chamada do Sanatorio, ó norte, ata entrar no concello de Sanxenxo.

En novembro de 2007, a Dirección Xeral de Costas aceptou a proposta do goberno municipal de construír unha senda peonil que percorra todo o perímetro da península [9].

Etnografía

Tradición oral

Ver artigo principal: Lenda do Meco.

Corren diversas lendas nas terras do Grove, pero a máis coñecida é a do Meco, que chegou a da-lo alcume dos veciños desta vila, coñecidos popularmente como mecos.

Economía

Tradicionalmente O Grove foi unha vila dependente do mar e os seus produtos: pesca de baixura, cría de mexillón e outros bivalvos, industria conserveira etc, representando a agricultura unha porcentaxe moito menor. Porén, desde os anos 80 o turismo constitúe unha fonte de ingresos cada vez maior, que se traduce nun gran número de hoteis e restaurantes de tódalas categorías e un crecemento constante do sector servizos. O turista non só dispón de numerosas praias senón que pode gozar doutras actividades de ocio, como rutas de sendeirismo, un Acuario, un Museo da Salga, paseos en barco pola ría, festas gastronómicas etc., ademais das que pon á súa disposición o complexo hoteleiro da Illa da Toxa, con casino, balneario e campo de golf. De feito, O Grove está catalogado como Municipio de Excelencia Turística.

Na zona costeira do sur da península existen diferentes urbanizacións que acollen boa parte dos turistas que veranean no concello. Destaca entre elas a zona de San Vicente do Mar, con bloques de apartamentos xunto a chalés de luxo e dotada recentemente dun porto deportivo.

O Grove na literatura popular

Refraneiro
  • Se de rico te queres volver probe sal de Cambados e métete no Grove.
  • Se queres amolar a un probe sácao de Cambados e méteo no Grove.
  • Se queres foder a un probe, sácao de Cambados e cásao no Grove.
Cantigueiro
  • Nenas do meigo xardín/ de San Vicente do Grove/ desprezástesme por probe/ e agora andas tras de min [10].

Festas locais

  • Festa do Carme (Patroa dos mariñeiros, 16 de xullo)
  • San Martiño (Patrón do Grove, 11 de novembro)

Festas gastronómicas

Festival del Marisco , O Grove (4004349237)
Festa do Marisco 2009.
Ver artigo principal: Festa do Marisco.
  • Festa do Marisco, o segundo domingo de outubro.
  • Xornada da Centola, a finais de novembro ou primeiros de decembro.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes do Grove.
A Lanzada, praia surf Galicia

Facendo surf na Lanzada.

Chalana-O Grove-Galicia

Chalana no Grove.

Ponte da Toxa. Galicia

Ponte da Illa da Toxa.

San Vicente do Mar, O Grove, Galiza

San Vicente do Mar.

Lugares do Grove

Para unha lista completa de todos os lugares do concello do Grove vexa: Lugares do Grove.

Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Resultados eleccións 2019
  3. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014.
  4. 4,0 4,1 Boullón Agrelo, Ana Isabel (2011). "O artigo na toponimia galega: aspectos da estandarización". Revista Galega de Filoloxía. ISSN 1576-2661.
  5. La Voz de Galicia, 11.01.2004.
  6. TurGalicia
  7. Nos primeiros anos, entre 4 e 6 cada convocatoria; desde 2009, só unha.
  8. "Playas de Galicia con Banderas Azules en 2017". 20minutos.es. 09-05-2017. Consultado o 15-12-2018.
  9. La Voz de Galicia, 11.11.2007.
  10. Fermín Bouza Brey 1929, 158.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

A Fonte, San Vicente do Grove, O Grove

A Fonte é un lugar da parroquia de San Vicente do Grove no concello pontevedrés do Grove, na comarca do Salnés, segundo consta no Nomenclátor de Galicia . Non obstante, o IGE non rexistra habitantes neste lugar no censo de 2016 , polo que non se poden achegar datos da súa poboación.

Amegrove Club de Remo

O Amegrove Club de Remo é unha entidade deportiva do Grove adicada ó remo, que foi creada en 1979 pola Asociación de Mexilloeiros do Grove, e que participou por primeira vez nunha regata de traiñeiras en 1981. Na actualidade compite na Liga Galega de Traiñeiras.

Comarca do Salnés

A comarca do Salnés é unha comarca galega situada na provincia de Pontevedra e a súa capital é Vilagarcía de Arousa á cal pertencen os concellos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Constitúe un dos máis importantes enclaves turísticos de Galiza. Con poucas palabras, está comprendido entre a ría de Arousa polo norte e a ría de Pontevedra polo sur, formando parte das denominadas Rías Baixas.

Recibe este nome polas antigas salinas que existían na desembocadura do río Umia. No Parochiale suevorum do século VI faise mención á Comarca Saliniense. Fontes históricas apuntan á existencia de conflitos relacionados coas salinas localizadas en diferentes puntos da comarca, concretamente nas freguesías de Nogueira, Vilalonga, Noalla e Dena, actualmente pertencentes aos concellos de Meis, Sanxenxo e Meaño.

Complexo Intermareal Umia-O Grove

O Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira é un espazo natural terrestre e mariño declarado como catalogado zona especial de conservación e zona de protección de aves desde 1990. Está situado na ría de Arousa e esténdese polos concellos de Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Ribadumia e a Illa de Arousa, cunha extensión total de 7490 hectáreas. Como espazo comprendido dentro da Rede Natura 2000, inclúe tamén as illas Ons e Onza.

Diario de Pontevedra

Diario de Pontevedra, anteriormente El Diario de Pontevedra, é un xornal que se edita ininterrompidamente na cidade de Pontevedra dende 1968 pero que xa iniciara a súa andaina en 1889, propiedade dende 1999 do Grupo El Progreso de Lugo. Dende o ano 2001 ten a súa sede na rúa Lepanto. A impresión realízase na rotativa de El Progreso en Lugo.

É un periódico de carácter eminentemente local e provincial, centrado na contorna da cidade de Pontevedra. Conta con delegacións en Marín, Bueu, Poio, Sanxenxo e O Grove, Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis, Vigo, Lalín e A Estrada.

Illa da Marma

A Illa de Marma é unha illa pertencente ó concello do Grove, situada na Ría de Arousa, ó este da península do Grove.

Ten 10 hectáreas de superficie pero, como outras illas que alí se atopan, chega a quintuplicar o seu tamaño coas baixamares. É baixa e completamente chaira, cunha praia na súa parte norte. A súa superficie está cuberta de marismas e herbazal.

É un importante pousadoiro de aves mariñas e forma parte da zona protexida do Complexo Intermareal Umia-O Grove.

Illa da Toxa

A illa da Toxa é unha pequena illa situada na ría de Arousa, dentro das Rías Baixas, pertencente ao Concello do Grove e situada a uns 30 km de Pontevedra. Desde hai anos boa parte da illa esta enfocada cara ao turismo con distintos complexos hostaleiros, bloques de apartamentos, campo de golf, numeroso comercios e un casino.

Constitúe un lugar da parroquia de San Martiño do Grove, cunha poboación censada en 2016 de 39 habitantes (18 mulleres e 21 homes), segundo o Instituto Galego de Estatística; o que representa un descenso substancial respecto ó ano 2010, cando contaba con 49 veciños. Naturalmente, esta é unha cifra irreal xa que a poboación flotante da illa (ocupando as prazas hoteleiras e segundas residencias, máis os traballadores dos diferentes establecementos) é moito máis alta.

Illa da Toxa Pequena

A Illa da Toxa Pequena é unha illa pertencente ó concello do Grove, situada a levante da Illa da Toxa, da que a separa unha canle de medio quilómetro de ancho.

Ten 10 hectáreas de superficie e é moi estreita e alongada (875 metros de norte a sur). Trátase dun illote baixo pero agreste, rochoso e cuberto de vexetación arbustiva. Importante banco marisqueiro e antigo lugar de pasto de gando. Aínda hoxe percórrena varios carreiros abertos polos mariscadores. Durante a Guerra Civil española foi lugar de refuxio dos perseguidos republicanos[Cómpre referencia].

Illa de Pombeiro

A Illa de Pombeiro (Illa do Pombeiro) é unha illa galega da provincia de Pontevedra situada ao Oeste da península do Grove, preto da costa. Conta con 2 hectáreas de superficie rochosa e áspera, case sen vexetación (que se reduce á herbácea). Está atravesada por grandes gretas aproveitadas polas aves mariñas para aniñar (antigamente debérono de facer as pombas tamén, como indica o seu nome, que significa lugar de pombas). Banco marisqueiro.

Illa de Tourís Novo

A Illa de Tourís Novo (ou, simplemente, Tourís) é unha illa pertencente ó concello do Grove, situada na Ría de Arousa, ó nordeste do istmo da Lanzada. Ten 15 hectáreas de superficie pero, como outras illas que alí se atopan, chega a quintuplicar o seu tamaño coas baixamares. É case completamente areosa, chaira e baixa, con zonas de lodo e manchas de marisma.

Forma parte do espazo protexido denominado Complexo Intermareal Umia-O Grove.

Illas de Galicia

Esta é unha lista coas illas de Galicia.

Liga Galega de Traiñeiras

A Liga Noroeste de Traiñeiras ou Liga Galega de Traiñeiras é unha competición de traiñeiras que se disputa dende 2003 nas provincias de Pontevedra e A Coruña, en Galiza. Esta competición está composta dunha serie de bandeiras ou regatas en diferentes localidades ao longo da tempada estival. A Liga Galega de Traiñeiras está formada actualmente por 14 embarcacións galegas, aínda que nas tempadas 2006 e 2007 incluíuse a embarcación eonaviega do Club de Mar Castropol, da localidade galegofalante de Castropol (Asturias).

Esta competición atópase xusto por debaixo da Liga ACT (chamada Liga San Miguel por razóns publicitarias), a máxima categoría deste deporte en España. Os dous primeiros clasificados da Liga Galega de Traiñeiras compiten contra os dous primeiros clasificados da Liga ARC unha eliminatoria de ascenso á Liga ACT previo a outro cos dous últimos clasificados da mesma.

Montemar, San Vicente do Grove, O Grove

Montemar é un lugar da parroquia de San Vicente do Grove no concello pontevedrés do Grove, na Comarca do Salnés. Tiña unha poboación censada de 5 habitantes no ano 2016 segundo datos do IGE, dos que 3 eran mulleres e 2 homes, o que representa un forte descenso en relación ó ano 2010, cando tiña 12 veciños, para case alcanzar os 6 veciños que tiña en 2004.

Trátase dunha zona residencial que aumenta considerablemente a súa poboación no verán.

O Grove, O Grove

San Martiño do Grove é unha parroquia que se localiza no concello do Grove e que acolle a capitalidade do municipio. Segundo o IGE, en 2016 tiña 9.652 habitantes (4.899 mulleres e 4.753 homes), distribuídos en 17 entidades de poboación, o que supón un descenso continuado en relación ós anos 2015, cando tiña 9.707 veciños, e 2010, cando eran 10.162.

O Porto de Meloxo, O Grove, O Grove

O Porto de Meloxo é un lugar da parroquia de San Martiño do Grove no concello pontevedrés do Grove, na Comarca do Salnés. Tiña 287 habitantes no ano 2016 segundo datos do IGE, dos cales 128 eran mulleres e 159 homes, o que representa un mantemento da poboación en relación ó ano 2010, cando tiña 291 veciños, pero un lixeiro descenso respecto ó ano 2004, cando tiña 300 veciños.

Trátase dun típico barrio mariñeiro, considerado por Turgalicia como Conxunto singular [1], no que se concentran boa parte das industrias da pesca radicadas no concello, así como establecementos de carpintería de ribeira.

Pereiriña, San Vicente do Grove, O Grove

Pereiriña é un lugar da parroquia de San Vicente do Grove no concello pontevedrés do Grove, na comarca do Salnés, segundo consta no Nomenclátor de Galicia . Non obstante, o IGE non rexistra habitantes neste lugar no censo de 2016 , polo que non se poden achegar datos da súa poboación.

Provincia de Pontevedra

Pontevedra é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833. Limita ao norte coa provincia da Coruña, ao leste coa provincia de Ourense e a provincia de Lugo, ao sur con Portugal e ao oeste co océano Atlántico. A súa capital é a cidade de Pontevedra, con 82.539 habitantes en 2015, sendo Vigo a súa maior cidade cunha poboación de 294.098 habitantes (2015). É provincia máis pequena e a segunda máis poboada de Galicia trala da Coruña.

San Vicente do Grove, O Grove

San Vicente do Grove é unha parroquia que se localiza no concello do Grove. Segundo o padrón municipal de 2016 tiña 1.106 habitantes (558 mulleres e 548 homes), distribuídos en 22 entidades de poboación, o que supón un descenso en relación ós anos 2010, cando tiña 1.135 veciños, e 2004, cando eran 1.118.

San Vicente do Mar, San Vicente do Grove, O Grove

San Vicente do Mar é un lugar da parroquia de San Vicente do Grove no concello pontevedrés do Grove, na Comarca do Salnés. Tiña unha poboación censada de 47 habitantes no ano 2016 segundo datos do IGE, dos que 18 mulleres e 29 homes, o que representa case manter a poboación que tiña en 2010: 49 veciños, e respecto ó ano 2004, cando tiña 46 veciños.

Trátase dunha zona residencial que incrementa notablemente a súa poboación no verán.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.