O Bierzo

O Bierzo (en castelán e oficialmente: El Bierzo, en leonés: El Bierzu/Bierciu) é unha comarca do oeste da provincia de León, limítrofe con Galicia, que ocupa unha área de 2.828 km², dividida entre 38 concellos. A súa capital é Ponferrada. É a única comarca recoñecida por lei en Castela e León, creada polas peculiaridades xeográficas, históricas, sociais e económicas que a diferencian do resto da comunidade.

A comarca é parcialmente galegofalante e polo tanto con representación na Real Academia Galega. Xunto coa Terra Eo-Navia en Asturias e As Portelas na provincia de Zamora considerase á zona occidental deste territorio como parte da Galicia irredenta.

Comarca do Bierzo
Bandera de El Bierzo
ProvinciaProvincia de León
CapitalPonferrada
Área2.954,28 km²
Poboación135.922 hab.
Concellos38

Etimoloxía

O topónimo Bierzo vén do latín bergidum, que procede da raíz xermánica *berg-, 'montaña'. A ditongación do e breve tónico faina unha palabra máis próxima ao astur-leonés que ao galego. A única denominación oficial é El Bierzo, en castelán.[1]

Símbolos

Os símbolos que representan ao Bierzo son a bandeira e o escudo do Bierzo aprobados o 14 de abril de 2000 polo Pleno do Consello Comarcal do Bierzo. No centro do escudo do Bierzo encádrase a Cruz de Peñalba, símbolo relixioso e popular da comarca.

A patroa do Bierzo é a Virxe da Aciñeira, coroada como tal o 8 de setembro de 1908.

Xeografía

Atópase entre a serra do Courel, os montes Aquilianos e a serra de Fistedo, nos contrafortes da cordilleira Cantábrica. É unha fosa tectónica enchida por materiais terciarios, que oscila entre os 400 e os 500 metros, mentres a zona montañosa paleozoica está situada entre os 1.500 e os 2.000 metros. A comarca pertence á cunca do Sil, principal afluente do Miño, que é a súa saída natural cara Galicia. O clima é húmido e as temperaturas son máis elevadas que na Meseta. Hai carballos, faias, castiñeiros, landas e prados na montaña, e os vales están ocupados por cultivos.

Historia

Idade Antiga

O Bierzo forma parte da franxa occidental da cultura castrexa, sinalándose hai varias décadas máis dunha trintena de castros, algúns deles indicados mesmo na documentación altomedieval, como o Rupianense, sito no Val do Silencio. Coñecida a zona como Bergidum, polos romanos, foi incorporada por estes ao seu Imperio, durante as Guerras Cántabras, entre o 29 a.C. e o 19 a. C., ficando administrativamente detro do convento xurídico asturicense. Dúas poboacións aparecen con claridade: Bergidum Flavium e Interamnium Flavium, aínda que non son doadas de reducir a un lugar actual. O territorio era atravesado pola Vía XVIII, que unía Braga e Asturica, que confluía aquí con outra que procedía de Lucus Augusti. O traballo dos xacementos auríferos centrou a explotación romana do territorio, do que son mostra exemplar As Médulas, pero non único.

Idade Media

Durante o período final do reino visigodo, as fundacións cenobíticas de Froitoso de Braga, e logo do seu sucesor espiritual, san Valerio, levaron a falar da "Tebaida berciana". A invasión musulmá, a comezos do século VIII, afundiu o Bierzo na escuridade. A mediados do século VIII, o conde Gatón, gobernador do territorio, atreveuse a repoboar o sur do Bierzo, da La Cepeda e as terras de Astorga. A fins do século VIII, funda san Xenadio, entre outros, os mosteiros de Santiago de Peñalba e de San Pedro de Montes. Mentres desde esta época e até séculos despois, outros condes gobernan o territorio berciano, e con frecuencia son membros da familia real. o século X aparecen novos mosteiros como os de Carracedo e Compludo.

A adoración do corpo do Apóstolo Santiago en Compostela, arredor de 814, cambiará paulatinamente o aspecto do Bierzo. Por el pasa un tramo importante do camiño, a denominada vía francíxena: dúas xornadas na guía de Aymeric Picaud. Varias poboacións medran ás beiras da ruta: Foncebadón, Molinaseca, Cacabelos, Vilafranca, e, por último, Ponferrada, medrada a carón da ponte ferrata para cruzar o Sil. Hospicios e mesóns suscitan o interese señorial por os lugares xacobeos do Bierzo por ver de obter as ganancias que deixan os devotos peregrinos. Desde a mitra compostelá que domina Cacabelos, pasando polo mosteiro de Sobrado dos Monxes que ten propiedades en Molinaseca, aos templarios con castelos en Ponferrada e Cornatel, o bispado de Astorga que cobra as peaxes de Ponferrada, até a Orde de Cluny que funda Santa María de Cluniaco en Vilafranca. Extintos os templarios, son os condes de Lemos os que reciben parte da herdanza dos castelos.

Idade Contemporánea

León-loc-El Bierzo
Situación do Bierzo

O Bierzo conformou a provincia do Vierzo[2], no proxecto de división territorial de 1822 [3][4], durante o Trienio liberal. Porén, na definitiva división territorial de 1833 foi integrada na provincia de León.

Economía

É unha rexión húmida con moitas pradeiras naturais onde pasta o gando vacún. Hai cultivos de pataca, millo e froitas, ademais de vide, oliveira e centeo. Ten minas de antracita, un tipo de carbón, e volframio. A industria siderúrxica céntrase na cidade de Ponferrada, capital da comarca. Nos seus límites coa provincia de Ourense atópanse as antigas explotacións auríferas romanas das Médulas.

Goza dun microclima que permite unha produción excelente de froitas e verduras. É unha zona con xacementos de ferro e carbón (antracita), pero que respectivamente non se explotan ou están en recesión, así como xacementos de lousas que se exportan ó norte de Europa para os teitos de edificios.

Existe unha pequena actividade fabril nesta rexión arredor dos sectores do carbón empregado para a produción de electricidade (aquí fundou o estado ENDESA en 1944 para a produción de enerxía eléctrica), o sector siderúrxico, eólico, a extracción de lousa, e unha certa presenza nos sectores do vidro e o cemento. Posúe asemade unha pequena rede de empresas industriais. O sector servizos, ó igual que no resto do país, vai adquirindo máis peso a medida que se desmantela o sector secundario. Todo isto está unido a unha industria agroalimentaria que, dentro do pequeno tamaño que poden acadar polas limitacións físicas que implica o escaso tamaño da comarca, é dunha grande calidade (viño, industrias cárnicas, froitos).

Paradela de Muces
Vista do Bierzo Baixo desde Paradela de Muces, con Ponferrada ao fondo.

Lugares de interese

Ademais dun incipiente turismo rural baseado na beleza das súas paisaxes naturais como Os Ancares, ou creadas polo ser humano como As Médulas, unha explotación de ouro realizada polos romanos e agora declarada Patrimonio da Humanidade; así como o Camiño de Santiago. No Bierzo pódense atopar algúns dos poucos edificios da arte mozárabe, como a igrexa de Santiago de Penalba e a de Santo Tomás das Ollas.

Linguas

Comarcasllion
Mapa das comarcas de León e Zamora onde se fala o asturiano.

A lingua predominante é o castelán, pero tamén se falan o galego e o leonés, que van aumentando de oriente a occidente e de sur a norte respectivamente. O emprego do galego e do leonés no uso cotián ten sortes dispares, aínda que ambos gozaron dunha recente revitalización a través do labor de distintas asociacións que promoven o seu uso e estudo, sendo, o galego o máis favorecido, estendéndose o seu uso na súa zona de influencia, e o leonés continua tendo un uso moi limitado.

A lingua galega fálase e permítese o seu ensino regulado no occidente do Bierzo, así como na zona zamorana das Portelas, segundo un acordo entre a Consellería de Educación da Xunta de Galicia e a Consellería de Educación da Xunta de Castela e León. No curso 2005-06 había 844 alumnos que estudaban o galego en 9 concellos bercianos, a cargo de 47 profesores, e no curso 2008-09 foron máis de 1.000 os alumnos que cursaron galego no Bierzo e As Portelas. Ademais no Estatuto de Autonomía de Castela e León, no seu artigo 5º, indícase: "Gozarán de respecto e protección a lingua galega e as modalidades lingüísticas nos lugares en que habitualmente se utilicen".

Son concellos galegofalantes do Bierzo: Barxas, Borrés, Cacabelos, Candín, Carucedo, Carracedelo, Corullón, Oencia, Ponte de Domingos Flórez, Sobrado, Toural dos Vaos, Trabadelo, Valboa, A Veiga de Valcarce e Vilafranca do Bierzo. Ademais fálase tamén o galego en zonas dos concellos de Arganza, Benuza, Camponaraia, Fabeiro, Peranzais, Ponferrada, Priaranza e A Veiga de Espiñareda.

O patsuezu é a variante do asturleonés occidental máis falada no norte do Bierzo. O seu dominio esténdese desde Luarca, en Asturias, ata O Bierzo, e a súa principal característica é a 'ch' representada por ts, tx o l.l, esta última como suxestión da Academia da Lingua Asturiana.

Notas

  1. Cabeza Quiles, F: Toponimia de Galicia. Vigo. Editorial Galaxia. 2008, 703 páxs. ISBN 978-84-9865-892-1
  2. Gaceta de Madrid. martes 16 de outubro de 1821
  3. A división de 1822 tivo carácter provisorio e non chegou a entrar en vigor: Sebastián Martín-Retortillo En torno a la organización provincial (PDF) páx 18[Ligazón morta]
  4. "Decreto do 27 de xaneiro de 1822 de división provisional do territorio español (PDF)" (PDF). Arquivado (PDF) dende o orixinal o 19 de xullo de 2009. Consultado o 19 de xullo de 2009.

Véxase tamén

Ligazóns externas

A Ponte de Domingos Flórez

A Ponte de Domingos Flórez (en castelán e oficialmente Puente de Domingo Flórez, e popularmente só A Ponte) é un concello da provincia de León que cobre unha superficie de 59,39 km², na que viven 1.655 habitantes (INE 2011), cunha densidade de poboación de 27,97 hab./km². É considerado tradicionalmente como un dos 48 concellos da Galicia estremeira.

As Médulas

As Médulas foi unha antiga explotación romana de ouro a ceo aberto, e forma hoxe unha paisaxe espectacular no que antano fora o monte Medilianum, con areas encarnadas, castiñeiros e carballos verdes. Está situada preto da aldea homónima, no concello de Carucedo, comarca do Bierzo.

Barxas, León

Barxas (en castelán e oficialmente Barjas) é un concello español da comarca do Bierzo, na provincia de León, Castela e León, que cobre unha superficie de 62,6 km², na que vivían 261 habitantes no ano 2010, cunha densidade de poboación de 4,17 hab/km². É considerado tradicionalmente como un dos 48 concellos da Galicia estremeira.

Benuza

Benuza é un concello da comarca tradicional da Cabreira pertencente á comarca administrativa do Bierzo (provincia de León, comunidade autónoma de Castela e León) que cobre unha superficie de 172,90 km², e no que vivían 549 habitantes no ano 2012, cunha densidade de poboación de 3,18 h/km².

A lingua galega segue viva neste concello nos núcleos de Pombrego e Soutelo da Cabreira, aínda que con fortes influencias leonesas.

Bercianismo

O bercianismo é un movemento político que tradicionalmente reclamou a restauración da provincia do Vierzo de 1822 e mesmo nos últimos anos, correntes de opinión minoritarias reclaman unha autonomía uniprovincial para O Bierzo. O Partido de El Bierzo, o partido político máis votado e representativo deste movemento aínda que non conta con representantes nin en Ponferrada nin no Consello Comarcal do Bierzo.

Cacabelos, León

Cacabelos é un concello da provincia de León, pertencente á comarca do Bierzo. Cobre unha superficie de 32,82 km², na que vivían 5.132 habitantes no ano 2018, cunha densidade de poboación de 157,13 hab./km². É considerado tradicionalmente como un dos 48 concellos da Galicia estremeira.

Candín

Candín é un concello da provincia de León que cobre unha superficie de 140,90 km², na que vivían 333 habitantes no ano 2012, cunha densidade de poboación de 2,36 hab./km². É considerado tradicionalmente como un dos 48 concellos da Galicia estremeira.

Carbón

O carbón é unha rocha sedimentaria de cór negra ou marrón, con grande contido de carbono. É utilizada en diversos procesos industriais, destacando a produción de enerxía, procesos siderúrxicos e a industria química. A formación de carbón procede da acumulación de materia orgánica eminentemente vexetal durante millóns de anos. En España as minas de carbón son moi abundantes en Asturias, norte de Palencia, O Bierzo, Teruel, Andalucía e Galicia.

Carracedelo

Carracedelo é un concello da provincia de León, na comarca do Bierzo, que cobre unha superficie de 32,32 km², na que viven 3.680 habitantes (INE 2012), cunha densidade de poboación de 113,86 h/km². É considerado tradicionalmente como un dos 48 concellos da Galicia estremeira.

Corullón

Corullón é un concello da provincia de León que cobre unha superficie de 78,5 km², na que vivían 1.151 habitantes no ano 2004, cunha densidade de poboación de 14,66 h/km². É considerado tradicionalmente como un dos 48 concellos da Galicia estremeira.

Fala Ceibe

Fala Ceibe, tamén coñecida coma Fala Ceive é unha asociación cultural (aínda que non figura no rexistro de asociacións da Xunta de Castela e León) que promove o uso e a defensa da lingua e culturas galega no Bierzo.

Galicia estremeira

Galiza estremeira é a denominación que reciben todos aqueles territorios galegofalantes, que se atopan fóra das fronteiras de Galiza, baixo a administración de Castela e León e Asturias. Ligados lingüística, cultural e tradicionalmente a Galiza, existe neles e arredor deles, a reivindicación histórica de pertenza á cultura galega e nalgúns casos de incorporación ou reincorporación á propia Galiza, utilizándose neste último caso a denominación de Galiza irredenta moi a miúdo ou mesmo outras denominacións como Faixa Leste.

Lousa

A lousa é unha rocha metamórfica formada pola compactación de arxilas, aparece en cor escuro dividida en xistos, moi empregada nos tellados da provincia de Lugo. Está considerado como un dos materiais mais sostibles ambientalmente para as cubertas de edificios debido á súa mínima emisión de CO2 e consome menos auga que unha de cerámica.

España é o primeiro exportador do mundo desta pedra, obtidas nos xacementos de O Bierzo, Valdeorras, Zamora e Badaxoz. Aínda que é Gales o país que máis exporta, competindo con Portugal, Italia, Estados Unidos e Alemaña. Brasil exporta unha rocha similar (a metalutita) de peor calidade ao exfoliar trala súa colocación.

Oencia

Oencia é un concello da provincia de León que cobre unha superficie de 98,33 km², na que vivían 349 habitantes no ano 2012, cunha densidade de poboación de 3,55 hab./km². É considerado tradicionalmente como un dos 48 concellos da Galicia estremeira.

Torre del Bierzo

Torre del Bierzo é unha localidade e municipio da comarca do Bierzo, provincia de León, comunidade autónoma de Castela e León, España. Ten unha área de 119,29 km² cunha poboación de 2.714 habitantes (INE 2007) e unha densidade de 22,75 hab/km².

Valboa, León

Valboa (en castelán e oficialmente Balboa) é un concello da provincia de León que cobre unha superficie de 51,04 km², na que vivían 371 habitantes no ano 2011, cunha densidade de poboación de 7,27 h/km². É considerado tradicionalmente como un dos 48 concellos da Galicia estremeira.

Vilafranca do Bierzo

Vilafranca do Bierzo (en español e oficialmente Villafranca del Bierzo) é un concello galegofalante de Castela e León, antiga capital do Bierzo (s.XIX). Está situada ao noroeste da provincia de León. Forma parte do Camiño de Santiago, formando etapa e meta ao mesmo tempo: na Igrexa dedicada ao Apóstolo, na vila, pode gañarse o xubileu. É considerado tradicionalmente como un dos 47 concellos da Galicia estremeira.

Nela conflúen os ríos Burbia e Valcarce. Ten unha altitude de algo máis de 500 m.

Villablino

Villablino é un concello español da provincia de León (Castela e León). A súa poboación é de 10.353 habitantes (INE 2011).

Villablino, é a capital da comarca leonesa de Laciana; atópase entre as comarcas de Babia, Omaña, O Bierzo e o Principado de Asturias. Constitúe o maior centro comercial, económico e social do noroeste de León. O seu concello é o 6º da provincia no que refire a poboación. A poboación do municipio, que é de 10.860 habitantes, diminuíu case nun 25% (ao redor de 3.700 habitantes) entre 1996 e 2006.

O Bierzo | Concellos galegofalantes da provincia de León
Parcialmente galegofalantes
Concellos da comarca do Bierzo
Territorios de fala galega

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.