Oímbra

Oímbra é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca de Verín. Segundo o IGE en 2014 tiña 2020 habitantes (1991 en 2003).

Coordenadas: 41°53′5.4″N 7°28′35.5″O / 41.884833, -7.476528

Oímbra
Bandeira de Oímbra
---
Escudo de Oímbra
Videferre (Paisaje)
Vista de Videferre.
Situacion Oímbra
Situación
Xeografía
ProvinciaProvincia de Ourense
ComarcaComarca de Verín
Poboación1.766 hab. (2018)
Área71,9 km²
Densidade24,56 hab./km²
Entidades de poboación7 parroquias
Política (2019[2])
AlcaldesaAna María Villarino Pardo (PPdeG[3])
ConcelleirosBNG: 1
PPdeG: 7
PSdeG-PSOE: 1
Eleccións municipais en Oímbra
Uso do galego[4] (2011)
Galegofalantes79,29%
Na rede
http://www.oimbra.es

Xeografía

O concello limita ao norte co concello de Monterrei, ao leste con Verín, e ao sur e o oeste co concello de Chaves (Portugal). A vila de Oímbra sitúase na aba do monte Outeiro, a 400 m sobre o nivel do mar. Boa parte dos seus regos van dar ao río Támega.

Poboación

Censo total (Habitantes) 2020 (2014)
Menores de 15 anos 137 (6.78 %)
Entre 15 e 64 anos 1248 (61.78 %)
Maiores de 65 anos 635 (31.43 %)
Evolución da poboación de Oímbra   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018
2682 3000 3498 2148 1984 2032 2062 {{{13}}} {{{14}}}
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Historia

Segundo o bispo Idacio a zona estaba ocupada polos Aobrigenses, pobo prerromano galaico pertencente ao convento xurídico bracarense.

Despois da romanización estableceuse o poboado de Coelobriga na beira dereita do río Támega, preto da actual situación de Oímbra (no lugar coñecido como As Raposeiras), comunicado a través dunha ponte con outra poboación, Muradella, situada entre as parroquias de Mourazos e Tamagos (Verín), onde se atopou a estatua de Dioniso e Ampelos, unha estatua marmórea conservada no museo de Ourense.

A vía romana XIII do itinerario de Antonino ía desde Chaves até Iria Flavia, pasando por Carregal, preto de Oímbra, cruzando o río Búbal cara a Guimarei (Monterrei) e Ourense. No século III unha vía secundaria ía por Rabal, ao leste de San Cibrao, Coelobriga (As Raposeiras), o leste de Oímbra, Portela e Vagoeira (Vilaza), uníndose á vía XIII na ponte Búbal.

Trala chegada dos suevos a comezos do século V foron destruídas algunhas desas vilas, como a devandita de Vagoeira.

Durante o reinado de Leovixildo, no século VI, asentouse un poboado en Ribeira de Fornos ou Carregal. Debido ás continuas guerras, os habitantes mudáronse cara ao monte Outeiro, onde na actualidade se sitúa Oímbra, con mellores condicións de defensa, e fortificaron a poboación.

Entre os séculos XV e XVII establecéronse tribunais do Santo Oficio en Granxiña - Tamagos (Verín) e en Videferre, debido á crenza en meigas e ao celo das autoridades eclesiásticas por velar co cumprimento dos dogmas católicos. Para comunicar esas dependencias con Oímbra construíuse unha ponte de madeira sobre o Támega. Tras desaparecer nunha riada, foi reconstruído a finais do século XIX.

Cara a 1630 chegou á vila o nobre Juan Yáñez de Lugo, fillo de Alonso Yánez de Lugo, que promoveu unhas serie de obras e construcións que marcaron unha época de grande esplendor.

No pazo de Oímbra pasaban o tempo de lecer os condes de Monterrei, sendo Manuel Fonseca de Zúñiga grande amigo de Juan Yáñez de Lugo. O pazo tivo esplendor até finais do século XIX, estando na actualidade bastante deteriorado.

A vila tiña un castelo fortificado, pero foi incendiado e destruído en 1641 tras unha incursión portuguesa. Tralo incidente, os veciños refuxiáronse na capela de Santa Ana, no monte de Soutullo.

Ao finalizar en 1668 a guerra entre España e Portugal, asínase o Tratado de Lisboa co cal as partes galegas de Cambedo e Souteliño seguirían pertencendo a Oímbra. En 1864 os dous países acadaron un novo acordo, pasando esas aldeas (xunto con Lamadarcos) a formar parte de Portugal a cambio dos lugares do Couto Mixto: Santiago, As Maus e Rubiás.

Durante a Guerra da Independencia Española, as tropas do Marqués de la Romana que levaban na zona desde xaneiro, retiráronse o 6 de marzo ante a chegada das tropas do mariscal Soult. O Marqués de la Romana refuxiárase no castelo de Pobra de Sanabria debido á súa inferioridade, pois foron vencidas en Osoño e A Trepa. O día 10, tras varias xornadas de combate, as tropas francesas retoman a marcha cara a Portugal, sendo derrotadas o 2 de maio en Amarante.

Patrimonio

Coa chegada en 1630 do nobre Juan Yáñez de Lugo, Oímbra iniciou un certo período de esplendor, marcado pola construción de diversas obras e construcións.

A fonte de Soutullo foi construída en 1637 sobre o manancial da cara leste do monte Soutullo. Erguida en granito tallado a man, inclúe unha inscrición na parte superior cun escudo que inclúe unha cruz da casa de Ribadeneira, as armas dos Bahamonde, os lobos rampantes e os acibeiros da casa de Acevedo, e as estrelas dos Fonseca, estes últimos vencellados aos Condes de Monterrei. A fonte abastecía, mediante un cano de pedra que cruzaba o rego do Carregal por unha pontela, unha casa señorial do barrio da Lavandeira, a uns 300 metros da vila. A fonte foi trasladada trala súa compra en 1988 polo veciño de Verín Sergio Núñez Balboa.

O pazo de Oímbra está situado na praza Maior, facendo esquina coa rúa maior. A construción inicial foi ampliada en tres ocasións, unha delas en 1786, segundo unha inscrición no exterior da parede. No pazo de Oímbra pasaban o tempo de lecer os condes de Monterrei, sendo Manuel Fonseca de Zúñiga grande amigo de Juan Yáñez de Lugo. O pazo tivo esplendor até finais do século XIX, estando na actualidade bastante deteriorado. chegando a estar deshabitado e en ruína. Tras ser vendido a David Fernández Osorio, este deixoullo á súa irmá Albina, e esta repartiuno entre seus fillos Antonio, José, Juan e Concepción. Na actualidade está bastante deteriorado.

Nunha parede do interior consérvase un escudo cuartelado, con cimeira á dereita. Noutra parte do pazo, nun patio ao que se accede pola rúa da capela, hai unha escaleira de pedra cara a un corredor de madeira, no que hai un escudo similar ao anterior.

Preto do pazo está a capela do Carme, de planta rectangular, que forma parte do conxunto. Construída en granito, ten fachada de perpiaños encintados, con portada en forma de arco. Conta con espadana e campá. O templo tamén é coñecido como capela dos Mansos, debido a que nela está soterrado Luis Manso, herdeiro da casa de Viana. Casado en Albarellos (Monterrei) con Josefa Pérez, herdara o morgado do seu pai, o Xeneral Manso, quen casara en Oímbra coa filla da familia Rojas Cirvacas.

A igrexa de Santa María de Oímbra foi ampliada e reformada en 1634. Ten unha capela pegada á nave central, á que se accede desde o interior da igrexa, onde está o sartego de Juan Yáñez de Lugo, da súa familia e de Luis Manos, xunto cun escudo familiar.

Economía

O sustento económico dos habitantes do concello procede en gran parte do sector primario, especialmente da agricultura e da gandería.

En Oímbra viuse utilizando o arado romano e o carro até ben entrado o século XX. Coa chegada dos tractores aumentou a produtividade agrícola. Ademais dos cultivos típicos de Galiza, coma cereais, patacas, hortalizas e legumes, árbores froiteiras e viñedos, teñen sona as oliveiras da zona. Cultivadas desde a romanización, a súa produción de aceite perdeuse en gran medida a mediados do século XX, estando na actualidade en proceso de recuperación.

Pero o produto estrela de Oímbra é o seu pemento branco, que conta con denominación de orixe, e que orixina a "Festa do Pemento", festa de interese turístico galego e que consegue xuntar a preto de 4.000 persoas na capital deste concello

Antes da repoboación forestal levada a cabo cara a 1955 abundaban os rabaños de cabras e ovellas. Na actualidade a gandeiría maioritaria é a porcina de subsistencia.

Política e goberno

Toda a corporación municipal está formada por mulleres[5].

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de Oímbra.
Riotamegarabal

O Támega ó seu paso por Rabal.

Igrexa de Santa María de Oímbra, Oímbra

Igrexa de Santa María de Oímbra.

Iglesia de Santa María de Videferre

Igrexa de Videferre.

Casa concello Oímbra

Casa do concello.

Placa altimétrica casa concello Oímbra

Placa altimétrica na casa do concello.

Bandeira de Oímbra Ourense

Bandeira de Oímbra, Ourense.[6]

Lugares de Oímbra

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Oímbra vexa: Lugares de Oímbra.

Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Ministerio do Interior, Goberno de España (ed.). "Resultado eleccións 2019". Consultado o 9 de xuño 2019.
  3. Federación Galega de Municipios e Provincias (ed.). "Oímbra". www.fegamp.gal. Consultado o 15 de setembro de 2019.
  4. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014.
  5. La Región (ed.). "En Oímbra sí mandan ellas". Consultado o 20190607.
  6. Decreto 440/1996, do 13 de decembro DOG núm. 254 (31 de decembro de 1996)
A Granxa, Oímbra

San Xoán da Granxa é unha parroquia do concello de Oímbra, na comarca de Verín, provincia de Ourense. No ano 2007 tiña 256 habitantes, dos cales 126 eran homes e 127 mulleres. O que supón unha perda de habitantes en relación ao ano 2006.

Alfonso Villarino Rodríguez

Alfonso Villarino Rodríguez, nado en 1940, é un político galego do PPdeG.

As Casas dos Montes, A Granxa, Oímbra

As Casas dos Montes é un lugar da parroquia da Granxa, no concello ourensán de Oímbra na comarca de Verín. Segundo o IGE, en 2013 tiña 150 habitantes (75 homes e 75 mulleres).

As Chás, Oímbra

Santa María das Neves das Chás é unha parroquia do concello de Oímbra, na comarca de Verín, provincia de Ourense. No ano 2007 tiña 134 habitantes, dos cales 68 eran homes e 66 mulleres. O que supón unha perda de habitantes en relación ao ano 2006.

Bousés, Oímbra

Santa Baia de Bousés é unha parroquia do concello de Oímbra, na comarca de Verín, provincia de Ourense. No ano 2007 tiña 204 habitantes, dos cales 102 eran homes e 102 mulleres. O que supón un aumento no número de habitantes en relación ao ano 2006.

Comarca de Verín

A comarca de Verín é unha comarca galega situada na provincia de Ourense e a súa capital é Verín. A cal pertencen os concellos de Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós.

Denominación de Orixe Monterrei

A Denominación de Orixe Monterrei é unha das cinco cinco zonas con denominación de orixe para os seus viños existentes en Galiza.

Esténdese polo val do río Támega, ocupando algo menos de 500 hectáreas dos concellos de Castrelo do Val, Monterrei, Oímbra e Verín; outras 13.000 tamén están dedicadas a viñedos, mais fora da denominación de orixe. As 24 adegas e 380 viticultores producen dous millóns de litros anuais de viño cualificado.Uva branca: verdello, dona branca, verdello louro

Uva tinta: mencía, bastardo, araúxa

Eleccións municipais en Oímbra

Corporacións democráticas en Oímbra desde a aprobación da Constitución de 1978.

1979 Alcalde: Alfonso Villarino Rodríguez — UCD

1983 Alcalde: Alfonso Villarino Rodríguez — CG

1987 Alcalde: Alfonso Villarino Rodríguez — AP

1991 Alcalde: Alfonso Villarino Rodríguez — Centristas de Galicia

1995 Alcalde: Alfonso Villarino Rodríguez — PPdeG

1999 Alcalde: Alfonso Villarino Rodríguez — PPdeG

2003 Alcalde: Alfonso Villarino Rodríguez — PPdeGModelo:Oímbra 2003

2007 Alcalde: Alfonso Villarino Rodríguez — PPdeGModelo:Oímbra 2007

2011 Alcalde: Alfonso Villarino Rodríguez — PPdeG

2015 Alcaldesa: Ana María Villarino Pardo — PPCandidatas: Ana María Villarino Pardo (PP), Perfecta Losada Sotelo (BNG) e Marta Arias Regueiro (PSdeG-PSOE).

Galería de imaxes de Oímbra

Galería de imaxes do concello de Oímbra na provincia de Ourense.

Lugares de Oímbra

Galicia → Parroquias de Galicia → Lugares de Galicia → Lugares de Oímbra

Montalegre

Montalegre é unha vila portuguesa no distrito de Vila Real, rexión Norte, subrrexión do Alto Trás-os-Montes, e comunidade intermunicipal do Alto Tâmega, cunha poboación de aproximadamente 1 800 habitantes.

É sede dun concello arraiano de 806,19 km² e 12.762 habitantes (2001), subdividido en 36 freguesías. O concello linda ao norte cos concellos ourensáns de Lobios, Muíños, Calvos de Randín, Baltar, Cualedro e Oímbra (cos terreos do antigo Couto Mixto), ao leste con Chaves, ao sueste con Boticas, ao sur con Cabeceiras de Basto, ao suroeste con Vieira do Minho e ao oeste coas Terras de Bouro.

O concello forma, xunto con Boticas, a rexión das Terras do Barroso. O 26,26 % da superficie do concello forma parte do Parque Nacional de Peneda-Gerês, sendo con 211,74 km² os concello con máis territorio do parque.

O Rosal, Oímbra, Oímbra

O Rosal é un lugar da parroquia de Oímbra no concello ourensán de Oímbra, na comarca de Verín. Segundo o IGE, en 2013 tiña 234 habitantes (132 homes e 102 mulleres).

Oímbra, Oímbra

Santa María de Oímbra é unha parroquia do concello de Oímbra, na comarca de Verín, provincia de Ourense. Segundo o IGE en 2009 tiña 631 habitantes (322 homes e 309 mulleres), distribuídos en 2 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 682 habitantes. Limita cos concellos de Verín e Monterrei e con Portugal.

Oímbra, Oímbra, Oímbra

Oímbra é un lugar da parroquia de Oímbra no concello ourensán de Oímbra, na comarca de Verín. Segundo o IGE, en 2013 tiña 470 habitantes (253 homes e 217 mulleres).

Rabal, Oímbra

Santo André de Rabal é unha aldea e parroquia do concello de Oímbra, na provincia e diocese de Ourense, partido xudicial de Verín. No ano 2007 tiña 198 habitantes.

Rabal, Rabal, Oímbra

Rabal é un lugar da parroquia de Rabal no concello ourensán de Oímbra, na comarca de Verín. Segundo o IGE, en 2013 tiña 174 habitantes (93 homes e 81 mulleres).

San Cibrao, Oímbra

San Cibrao é unha parroquia do concello de Oímbra, na comarca de Verín, provincia de Ourense. Esta situado nun terreo chan a unha distancia de 500 metros da fronteira con Portugal. No ano 2007 tiña 289 habitantes, dos cales 148 eran homes e 141 mulleres. O que supón un aumento no número de habitantes en relación ao ano 2006.

Videferre, Oímbra

Santa María de Videferre é unha parroquia do concello de Oímbra, na comarca de Verín, provincia de Ourense. Segundo o IGE en 2011 tiña 251 habitantes, dos cales 124 eran homes e 127 mulleres, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 293 habitantes.

Videferre, Videferre, Oímbra

Videferre é un lugar da parroquia de Videferre, no concello de Oímbra, na comarca de Verín. Segundo o IGE, en 2013 tiña 152 habitantes (70 homes e 82 mulleres).

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.