Novela

Unha novela[1] é un xénero literario narrativo xeralmente en prosa e dunha extensión que pode ser considerable onde se explican uns feitos de ficción que expón relacións, accións e condutas humanas a partir duns personaxes, unha ambientación, un narrador e un punto de vista. Poden aparecer descricións e diálogos para embelecer, aclarar ou facer máis amena a acción. O xénero como tal xorde na Idade Moderna. A novela distínguese polo seu carácter aberto e a súa capacidade para conter elementos diversos nun relato complexo. Este carácter aberto ofrece ao autor unha gran liberdade para integrar personaxes, introducir historias cruzadas ou subordinadas unhas a outras, presentar feitos nunha orde distinta a aquel no que se produciron ou incluír no relato textos de distinta natureza: cartas, documentos administrativos, lendas, poemas, etc. Todo iso dá á novela maior complexidade que a que presentan os demais subxéneros narrativos. Ata onde debe chegar a extensión é obxecto de disputa, como o é a complexidade que debe ofrecer a trama ficticia que a sustenta.

Maxina (manuscrito 1870)
Manuscrito da obra Maxina ou a filla espúrea, considerada a primeira novela en lingua galega.

Etimoloxía

Como no castelán e no portugués, o termo novela galego procede do italiano novella, onde a palabra refería cada un dos relatos breves contidos en obras tales coma o Decameron (1353). Tanto o antigo francés novelle (mod. nouvelle) coma o italiano novella proceden do nominativo plural latino novella refeito como singular. No latín a forma singular, novellus derivaba de novus 'novo'. O inglés novel foi importado a través do francés antigo, con desprazamento acentual (de forma aguda para grave).

A evolución semántica no galego, castelán, catalán e inglés é semellante. Comeza facendo referencia a contos ou relatos de curta extensión para acabar referindo un xénero de ficción no que se integran obras narrativas de extensión considerable. Este sentido actual da palabra correspóndese co do francés roman, portugués romance e italiano romanzo. Dada a necesidade de diferenciar os dous xéneros literarios hoxe téndese a falar de novela longa, a novela por antonomasia, e de novela curta.

Características

As bases dunha novela son as seguintes:

  • Unha narrativa extensa: as novelas teñen, xeralmente, entre 60 000 e 200 000 palabras, ou de 300 a 1300 páxinas ou máis.

Aquí radica a diferenza co conto e o relato. Existe unha zona difusa entre conto e novela que non é posible separar en forma taxante. Ás veces utilízase o termo nouvelle ou novela curta para designar os textos que parecen demasiado curtos para ser novela e demasiado longos para ser conto; pero isto non significa que haxa un terceiro xénero (pola contra, duplicaría o problema porque entón habería dous límites para definir en lugar dun).

En xeral o termo refirese toda obra literaria en prosa de carácter ficticio no que domina a narración tecida a partir de personaxes e accións enmarcados nun relato máis ou menos complexo. En toda novela hai unha trama ou asunto principal que pode ter varias subtramas e uns protagonistas que evolucionan ó longo da historia que se narra. Alén do predominio da narración como forma do discurso, a interacción entre os personaxes e o medio en que actúan constrúese a base de descricións e diálogos.

A orixe

As orixes da novela áchanse na riquísima literatura oriental e tardohelenística (do século II d.C.), aínda que algúns estudosos consideran que é un desenvolvemento do xénero épico. A tradición de obras épicas -producidas normalmente en verso- na cultura occidental retrotráese a Ilíada e Odisea de Homero na literatura grega e á Eneida de Virxilio na romana. Os antecedentes máis antigos localízanse tamén no Oriente Próximo. A Epopea de Gilgamesh que refire lendas sumerias é do século VII a.C.

En todo caso, as características determinantes do xénero novelístico na literatura occidental aparecen con antelación á propia aparición da palabra e constitúen o resultado dunha combinación de varios xéneros e tradicións literarias. Ademais da épica, a ficción grega e latina en prosa amosa tanto unha vea crítica e satírica (o caso do Satiricón de Petronio) como unha vea heroica e amatoria (o caso de Dafnis e Cloe de Longo). A tradición medieval do conto de xénese oral, que terían o correlato escrito e literario na novela (curta) serían o terceiro esteo da tradición novelística moderna que comezaría propiamente a partir do realismo da novela picaresca de feitío popular e da fantasía das novelas de cabalerías, herdeiras dos romances, épicas e narracións cabaleirescas medievais.

Tipoloxías

A novela é o reino da liberdade de contido e de forma: xénero proteico e aberto, tamén o máis cultivado e metamorfoseado con problemas de límite con outras formas verbais e non verbais: ensaio, reportaxe, cine, collage,...

Proteica na multiplicidade de formas e puntos de vista que presenta ó longo da historia, a novelá amósase inesgotable tanto nas súas posibilidades narratolóxicas coma na súa capacidade de suxestión e interpretación do mundo.

Clasificar este xénero supón ademais da necesaria amplitude de miras, encarar a diversidade de criterios de clasificación empregados polas distintas tipoloxías propostas:

  • Polo ton que mantén a obra, fálase de:
    • novela satírica
    • novela humorística
    • novela didáctica...
  • Pola forma:
  • Segundo o público ó que chegue e o modo de distribución fálase de:
  • Atendendo ó contido, as novelas poden ser:
    • de aventuras: Nela predomina o interese pola acción. Relata sucesos extraordinarios, accións perigosas, e emocionantes, xeralmente nun escenario insólito ou exótico.
    • bizantina: narra viaxes nas que se suceden aventuras complicadas, separacións e encontros de personaxes, recoñecementos casuais, cun ton de sucesos extraordinarios.
    • costumista: describe as formas de vida cotiá dun grupo social: costumes, personaxes típicos...
    • histórica: reflicte máis ou menos fielmente o ambiente, os caracteres, os acontecementos dunha época histórica, mesturando a ficción con acontecementos históricos.
    • pastoril: de forma convencional e artificiosa, reflicte a vida, idealizada e irreal, duns pastores, que pasan as súas horas nunha paisaxe tópica.
    • picaresca: con forma autobiográfica, un narrador protagonista de orixe dubidosa relata a súa vida de adversidades, nun desexo continuo de saír da miseria.
    • social: diminúe no posible a descrición de vidas individuais, substituíndoas por unha colectividade. A súa actitude é crítica, con afán de denunciar situacións, ambientes e modos de vida dun grupo.
    • de cabalerías: a que conta xestas dos cabaleiros andantes.
    • de ciencia ficción: a que, inspirándose nos progresos da técnica, narra cousas extraordinarias do futuro.
    • policíaca: a que se basea nun crime e no seu esclarecemento.

Hai que engadir a esta lista outras tipoloxías que toman como criterio o estilo da obra e entón fálase de novela realista, naturalista, existencial etc. ou os argumentos:psicolóxica, de tese,...

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para novela.

Véxase tamén

Outros artigos

Camilo José Cela

Camilo José Cela Trulock, nado en Iria Flavia o 11 de maio de 1916 e finado en Madrid o 17 de xaneiro de 2002, foi un escritor galego de sona. Escribiu en castelán algunhas das obras canónicas da literatura de posguerra como La colmena, Mazurca para dos muertos ou La familia de Pascual Duarte. Recibiu o Premio Nobel de Literatura en 1989.

Conto

O conto ou relato curto é unha narración breve, oral ou escrita, na que se relata unha historia tanto real como ficticia. Ademais da súa brevidade, o conto ten outras características estruturais que o diferencian da novela, se ben a fronteira entre un conto longo e unha novela curta é doada de definir.

Hai dous grandes tipos de contos: o conto popular e o conto literario.

Don Quixote da Mancha

Don Quixote da Mancha (en castelán: Don Quijote de la Mancha), é unha novela escrita por Miguel de Cervantes. Publicada a súa primeira parte co título de O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha (en castelán: El ingenioso hidalgo don Quijote de la Mancha) a comezos de 1605, é a obra máis destacada da literatura española e unha das principais da literatura universal. En 1615 apareceu a súa continuación baixo o título de Segunda parte del ingenioso caballero don Quijote de la Mancha. O Quixote de 1605 publicouse dividido en catro partes; pero semella que o Quixote de 1615 en calidade de Segunda parte da obra, quedou revocada de feito a partición en catro seccións do volume publicado dez anos antes por Cervantes.É a primeira obra xenuinamente desmitificadora da tradición cabaleiresca e cortés polo seu tratamento chanceiro. Representa a primeira novela moderna e a primeira novela polifónica; como tal, exerceu un enorme influxo en toda a narrativa europea. Por considerarse «o mellor traballo literario xamais escrito», encabezou a lista das mellores obras literarias da historia, que se estabeleceu coas votacións de cen grandes escritores de 54 nacionalidades a petición do Club Noruegués do Libro en 2002; así, foi a única excepción na estrita orde alfabética que se dispuxo.Foi traducido ó galego en 1990 por Xela Arias, Valentín Arias, Xosefa S. Fernández, A. Palacio Sánchez, Xavier Senín e Xesús Senín (Xuntanza, ISBN 84-86614-64-3).

Fina Casalderrey

Xosefa Casalderrey Fraga, máis coñecida como Fina Casalderrey, nada en Xeve (Pontevedra) o 11 de agosto de 1951, é unha escritora, profesora de educación secundaria, etnógrafa vocacional, gastrónoma, conferenciante e periodista galega.

Francisca Herrera Garrido

Francisca Herrera Garrido, nada na Coruña o 6 de marzo de 1869 e finada o 4 de novembro de 1950, foi unha escritora galega, primeira muller elixida académica na Real Academia Galega. En 1987 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Gonzalo Torrente Ballester

Gonzalo Torrente Ballester, nado en Serantes (Ferrol) o 13 de xuño de 1910 e finado en Salamanca o 27 de xaneiro de 1999, foi un novelista galego en lingua castelá. Entre outros recoñecementos, recibiu o Premio Cervantes, o Premio Príncipe de Asturias das Letras e o Premio Nacional de Literatura.

Halldór Laxness

Halldór Kiljan Laxness (/ˈhaltour ˈcʰɪljan ˈlaxsnɛs/), nado como Halldór Guðjónsson en Reiquiavik o 23 de abril de 1902, e finado na mesma cidade o 8 de febreiro de 1998, foi un escritor, poeta e ensaísta islandés, gañador do Premio Nobel de Literatura en 1955.

Johann Wolfgang von Goethe

Johann Wolfgang von Goethe ( [ˈjoːhan ˈvɔlfɡaŋ fɔn ˈɡøːtə] ), nado en Frankfurt o 28 de agosto de 1749 e finado o 22 de marzo de 1832, foi un novelista, dramaturgo, poeta, científico, filósofo humanista e, durante dez anos, funcionario do Estado de Weimar. A súa obra Fausto ten sido chamado o mellor poema longo da literatura moderna europea. O súa obra inclúe poesía épica e lírica, escrita en diversas métricas e estilos, prosa e dramas en verso, memorias, unha autobiografía, críticas literarias e estéticas, tratados de botánica, anatomía, e cor, e catro novelas. Ademais, consérvanse numerosos fragmentos literarios e científicos, máis de 10.000 cartas, e preto de 3.000 debuxos.

Unha celebridade literaria á idade de 25 anos, Goethe foi ennobrecido polo Duque de Saxonia-Weimar, Carl August en 1782 despois de tomar a súa residencia alí en novembro de 1775 tralo éxito da súa primeira novela, As mágoas do mozo Werther. Foi participante no movemento literario Sturm und Drang. Durante os seus primeiros dez anos en Weimar, Goethe serviu como membro do consello privado do duque, polo que tomou parte nas comisións de guerra, supervisou a apertura das minas de prata nos arredores de Ilmenau, e implantou unha serie de reformas administrativas na Universidade de Jena. Tamén contribuíu na creación do parque botánico de Weimar e na reconstrución do palacio ducal, que en 1998 foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.Despois de volver dunha xira por Italia en 1788, publicou o seu mellor traballo científico, a Metamorfose das plantas. En 1791 converteuse en director do teatro de Weimar, e en 1794 comezou a amizade co dramaturgo, historiador e filósofo Friedrich Schiller, cuxas obras estreou ata a morte de Schiller en 1805. Durante este período, Goethe publicou a súa segunda novela, Os anos de aprendizaxe de Wilhelm Meister, o verso épico Hermann e Dorothea, e en 1808, a primeira parte do seu celebrado drama, Fausto. As súas conversas e empresas comúns durante a década de 1790 con Schiller, Johann Gottlieb Fichte, Johann Gottfried Herder, Alexander von Humboldt, Wilhelm von Humboldt, August e Friedrich Schlegel teñen sido denominados colectivamente Clasicismo de Weimar.

Arthur Schopenhauer citou a Wilhelm Meister's Apprenticeship como unha das catro novelas máis grandes xamais escritas, e Ralph Waldo Emerson seleccionou a Goethe, xunto con Platón, Napoleón e William Shakespeare, como un dos seis "Homes Representativos" na súa obra homónima. Os comentarios e observacións de Goethe son a base de numerosos traballos biográficos, sendo o máis notable Conversations with Goethe de Johann Peter Eckermann. Hai frecuentes referencias ós proverbios e máximas de Goethe ó longo do traballo de Friedrich Nietzsche e numerosas alusións a Goethe nas novelas de Hermann Hesse e Thomas Mann, así como nos escritos psicolóxicos de Jung. Os poemas de Goethe foron usados polos grandes compositores do século XVIII e XIX, como Wolfgang Amadeus Mozart, Ludwig van Beethoven, Franz Schubert, Robert Schumann, Johannes Brahms, Charles Gounod, Richard Wagner, Hugo Wolf e Gustav Mahler.

Literatura

A literatura é a arte de escribir. Segundo aparece no Dicionario de Autoridades de 1734, a literatura é "o coñecemento e ciencias das letras". En xeral, pódese entender como literatura calquera tipo de texto. Mesmo hai quen defende que se pode incluír calquera tipo de traballo baseado en símbolos, como a banda deseñada, as imaxes ou a escultura. Porén, considérase polo xeral que a literatura só son os textos escritos dunha certa calidade e de certos xéneros, excluíndo a banda deseñada, a novela romántica ou a "policías", por exemplo. Os temas son moi variados.

Considérase un xénero literario cada unha das manifestacións formais das obras literarias segundo unha clasificación que ten en conta a estrutura e o contido. Dende Platón e Aristóteles até case o século XIX, foron estabelecidos como básisoc tres xéneros, que partían da imitación e da descrición da natureza. Da primeira xorde o xénero dramático (traxedia, drama, comedia), da segunda o lírico (poesía) e da súa fusión, a épica.

Manuel Amor Meilán

Manuel Pascual Amor Meilán, nado na Coruña o 31 de xaneiro de 1867 e finado en Lugo o 9 de decembro de 1933, foi un antropólogo, periodista, poeta, novelista, dramaturgo e historiador galego.

Manuel Murguía

Manuel Antonio Martínez Murguía, nado no Froxel (Oseiro, Arteixo), o 17 de maio de 1833 e finado na Coruña o 1 de febreiro de 1923, foi un historiador galego que impulsou o Rexurdimento e creou a Real Academia Galega. No ano 2000 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

María Xosé Queizán

María Xosé Queizán Vilas, nada en Vigo o 5 de febreiro de 1939, é unha escritora, catedrática de lingua e literatura galega, e figura relevante no movemento feminista na Península Ibérica.

Miguel de Cervantes

Miguel de Cervantes Saavedra, nado en Alcalá de Henares o 29 de setembro de 1547 e finado en Madrid o 23 de abril de 1616, foi un escritor en lingua castelá de novela, poesía e teatro, considerado a máxima figura da literatura castelá. É universalmente coñecido, sobre todo, por ser o autor de Don Quixote da Mancha, que moitos críticos describen como a primeira novela moderna e unha das mellores obras da literatura universal. Iso deulle o sobrenome de "Príncipe dos Enxeños".

O Señor dos Aneis

O Señor dos Aneis (en inglés: The Lord of the Rings) é unha triloxía épica de fantasía escrita por J. R. R. Tolkien. A historia comezou como unha secuela da novela de fantasía de Tolkien de 1937 O Hobbit, mais finalmente converteuse nunha obra moito maior. Escrita por etapas entre 1937 e 1949, O Señor dos Aneis é un dos libros máis vendidos de tódolos tempos, con máis de 150 millóns de copias vendidas.O título da novela refírese ó principal antagonista da historia, o señor escuro Sauron, que na idade antiga creou o Anel Único para dominar os outros Aneis de Poder como a arma definitiva na súa campaña por conquistar e gobernar toda a Terra Media. A historia comeza na Comarca, unha terra de hobbits non moi diferente da campiña inglesa, e avanza por toda a Terra Media seguindo o curso da Guerra do Anel a través dos ollos dos principais personaxes, os hobbits Frodo Bulseiro, Samsagaz "Sam" Gamllí, Meriadoc "Merry" Brandigamo e Peregrin "Pippin" Tuc, os homes Aragorn e Boromir, un capitán de Gondor, Gimli, un guerreiro anano, Legolas, un príncipe elfo e Gandalf, un mago.

Orixinalmente, a obra foi concibida por Tolkien para ser un volume dunha colección de dous, sendo o outro O Silmarillion, mais esta idea foi rexeitada pola editorial. Por razóns económicas, O Señor dos Aneis foi publicado en tres volumes dende o 29 de xullo de 1954 até o 20 de outubro de 1955. Os tres volumes foron titulados A Irmandade do Anel, As Dúas Torres e O Regreso do Rei. Estruturalmente, a novela está dividida de xeito interno en seis libros, dous por volume, con varios apéndices de material de fondo incluídos no final. Algunhas edicións combinan a obra completa nun único volume. O Señor dos Aneis foi republicado en numerosas ocasións e foi traducido a 38 linguas.

A triloxía foi traducida ó galego por Moisés Barcia Rodríguez e publicada pola editorial Edicións Xerais no ano 2001. Foi traducida de novo ó galego por Barcia e publicada nun único volume por Sushi Books, selo editorial de Rinoceronte Editora, no ano 2018.

Ramón Otero Pedrayo

Ramón Otero Pedrayo, nado en Ourense o 5 de marzo de 1888 e finado na mesma cidade o 10 de abril de 1976, foi un escritor, político e intelectual galego. Membro da Xeración Nós, ingresou nas Irmandades da Fala en 1918. Foi responsable da área de xeografía do Seminario de Estudos Galegos e deputado polo Partido Galeguista nas Cortes Constituístes republicanas. Traballou na aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1936. Fiel á causa galeguista durante a Guerra civil española, foi expedientado. Foi membro da Real Academia Galega e presidiu a Editorial Galaxia. Participou no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. É autor dunha ampla obra narrativa, ensaística e dramática.

A Fundación Otero Pedrayo e a Fundación Penzol conservan a súa biblioteca e arquivo. En 1988 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Ulises

Para o cráter lunar, véxase Odiseo (cráter).Para a novela de James Joyce, véxase Ulises (novela).

Ulises ou Odiseo é un personaxe da literatura grega que aparece nas obras de Homero A Ilíada e, sobre todo, A Odisea, da que é o personaxe principal. É rei de Ítaca.

Xosé María Álvarez Blázquez

Xosé María Álvarez Blázquez, nado en Tui o 5 de febreiro de 1915 e finado en Vigo o 2 de marzo de 1985, foi un escritor galego de poesía, narrativa e ensaio, arqueólogo, investigador e editor galeguista. Foi cronista oficial da cidade de Vigo desde 1976. É unha das figuras máis laboriosas da cultura galega, cunha grande actividade que vai dende a literatura (novela, poesía, teatro) ata a investigación como arqueólogo e a súa tarefa como editor e galeguista. Pertence a unha saga de escritores que ten os seus antecedentes no seu avó Emilio Álvarez Giménez, seguiu co seu tío Xerardo Álvarez Limeses e compartiu co seu irmán Emilio. É un dos representantes da poesía neotrobadoresca, vangarda poética xurdida ao redor de 1930 debida á difusión en Galiza da lírica medieval galego-portuguesa. En 2008 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.