Norte

Norte ou setentrión, símbolo N, é un dos catro puntos cardinais da Rosa dos Ventos, que ven orientado pola Estrela Polar. A orientación determinada polo norte tamén se adxectiva coma ártico, boreal ou setentrional. O seu punto cardinal oposto é o sur.

Compass Card
Rosa dos ventos. O Norte (N) é a dirección para riba.

Etimoloxía de setentrión

Mapa - Mapa de Galicia por Lucas Jansz Waghenaer - Caerte vande zee Custen van Galissien, van Ortugal tot voer biki C. de Finisterre - 1586
Neste mapa, de 1586, do Arco Ártabro, o norte está abaixo.

Setentrión deriva etimoloxicamente do latín septentrĭo, -ōnis, (septem, sete e trio, -ōnis, boi). Os romanos chamaban Septentrium ("sete bois") ás sete estrelas que conforman ó asterismo da constelación Ursa Major (Osa Maior) popularmente coñecido coma "O Carro", que é, supostamente, a cola e as pernas da Osa Maior. Denominábano así pola crenza antiga que lles facía pensar que sete bois tiraban permanentemente da esfera celeste, facéndoa xirar sobre o eixo que pasa pola estrela polar. A palabra non ten variado durante este tempo, e derivou a "setentrional" e "setentrión" có significado de "do norte" ou "procedente do norte". Esta palabra usase xeralmente para referirse ó norte e en particular para a Osa Maior e o Polo Norte .

Etimoloxía de "norte"

Norte proven da palabra norð, do inglés antigo, e esta deriva do protoindoeuropeo *ner, que significa "esquerda", posto que o norte está á esquerda cando un se enfronta ó Sol pola maña (orto solar).

Véxase tamén

Outros artigos

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre xeografía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.
Alemaña

Alemaña ( pronunciación ) (en alemán: Deutschland [ˈdɔʏtʃlant] , en alto sorabo: Němska, en baixo alemán: Düütschland, en baixo sorabo: Nimska, en dinamarqués: Tyskland, en frisón: Dütschland, en romaní: Jermaniya) oficialmente República Federal de Alemaña ( pronunciación ) (en alemán: Bundesrepublik Deutschland [ˈbʊndəsʁepuˌbliːk ˈdɔʏtʃlant] ) é un estado federal da Europa central. Alemaña está bordeada polo norte co mar do Norte, Dinamarca, e o mar Báltico, polo leste con Polonia e a República Checa, polo sur con Austria e Suíza, e polo oeste con Francia, Luxemburgo, Bélxica e os Países Baixos. O territorio alemán espállase ao longo de 357.021 km² e está influenciado, na meirande parte do territorio por un clima temperado estacional.

Cunha poboación por riba dos 82 millóns de habitantes, constitúe o país máis poboado entre os membros da Unión Europea e o terceiro entre os países cunha maior comunidade estranxeira. A rexión chamada Xermania, habitada polos Xermanos, foi coñecida e documentada antes do ano 100 a. C. Dende o século X os territorios alemáns formaron parte do Sacro Imperio Romano que duraría ata o ano 1806. Durante o século XVI, as rexións setentrionais alemás convertéronse no centro da Reforma protestante. Como nación-estado moderno, a primeira unificación alemá produciuse en 1871, durante a guerra franco-prusiana. Trala segunda guerra mundial, Alemaña foi dividida en dous estados separados polas fronteiras formadas polas tropas aliadas en 1949. Os dous países reunificáronse de novo en 1990. Alemaña foi un membro fundador da Comunidade Económica Europea en 1957, convertida na Unión Europea en 1993. Asemade, o país forma parte da Zona Schengen e adoptou a moeda da Unión, o Euro, en 1999.

Alemaña é unha república parlamentaria federal constituída por dezaseis estados (en alemán: Bundesländer). A capital e principal cidade do país é Berlín. É membro das Nacións Unidas, OTAN, o G8, e do G4; así mesmo foi un dos países asinantes do protocolo de Quioto. O país constitúe a quinta maior economía por PIB e o principal país exportador no ano 2007. En termos absolutos, é o segundo país do mundo cunha maior dotación orzamentaria á cooperación ao desenvolvemento, e o sexto en gasto militar. O país desenvolveu un alto nivel de vida e estableceu un complexo sistema de seguridade social. Posúe unha posición chave nos asuntos exteriores europeos e mantén diversos acordos de colaboración internacionalmente. Alemaña está recoñecida como un líder científico e tecnolóxico en diversos eidos.

América

América ( pronunciación ), as Américas, ou o Novo Mundo é unha división do mundo que se estende no Hemisferio Occidental desde o océano Ártico polo norte até case o océano Antártico polo sur, e está entre o océano Pacífico ao oeste, e o océano Atlántico ao leste. Está formado por dous subcontinentes (América do Norte e América do Sur), unidos por un estreito istmo. O seu nome deriva do explorador europeo Américo Vespucio.

É frecuente a sinécdoque de referirse con este nome aos Estados Unidos de América.

América do Norte

América do Norte ( pronunciación ) ou Norteamérica ( pronunciación ) é un subcontinente de América situado totalmente no hemisferio norte, e case por completo no hemisferio occidental, que se estende, xeopoliticamente, desde Alasca e Groenlandia ao norte, ata a fronteira de México con Guatemala e Belize ao sur. Limita ao norte co océano Glacial Ártico, ao leste co océano Atlántico, ao sueste co mar Caribe e ao sur e ao oeste co océano Pacífico. Está conectado con América do Sur pola estreita ponte territorial que representa América Central. Cobre unha área de aproximadamente 24 709 000 km², o que representa ao redor dun 4,8 % da superficie total do planeta e un 16,5 % das terras emerxidas.

En 2009 a súa poboación estimada era de máis de 528 millóns de habitantes. En 2013 a media do Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) de todos os países do subcontinente norteamericano foi de 0,895.

América boreal é un sinónimo, pero este concepto a miúdo só inclúe os Estados Unidos e Canadá, excluíndo a zona de México a que ás veces se considera dentro de América Central.

Australia

Australia (en inglés: Australia, [əˈstɹæɪljə] (AFI), escoitar) é o país máis grande da Oceanía. Ocupa toda a illa da Australia e varias illas adxacentes (a máis importante é Tasmania). O continente-illa, como se lle chama a Australia por veces, está bañado polo océano Índico, ao sur e ao oeste, polo mar de Timor, mar de Arafura e estreito de Torres, ao norte, e mar do Coral e mar da Tasmania, ao leste. A través destes mares, ten fronteira marítima coa Indonesia, Timor-Leste e Papúa-Nova Guinea, ao norte, e co territorio francés da Nova Caledonia, ao leste. A súa capital é Canberra.

Canadá

O Canadá (en inglés e francés: Canada) é un país que ocupa a metade norte da América do Norte. Limita cos Estados Unidos de América, localizado ao sur do país (Estados Unidos continentais) e ao noroeste (estado norteamericano de Alasca). Ao norte localízase o océano Ártico, ao oeste, o océano Pacífico, e ao leste, o océano Atlántico.

O Canadá é o segundo maior país do mundo, por extensión territorial.

O Canadá é unha federación, unha democracia parlamentaria, constituída por 10 provincias e 3 territorios. O país forma parte da Commonwealth de Nacións e a xefa de estado do país é a raíña Isabel II de Inglaterra, que está representada no Canadá por un gobernador xeral. O xefe do goberno é o primeiro ministro, posto ocupado actualmente por Justin Trudeau. A capital do país é Otava.

O país obtivo súa independencia en 1 de xullo de 1867, do Reino Unido. Esta, porén, continuou a ter o control do Ministerio do Exterior do Canadá. O Canadá obtivo independencia total en 1931, segundo os termos do Estatuto de Westminster.

O Canadá é un dos países máis multiculturais do mundo. Tendo sido colonizada por franceses e ingleses, cerca dun terzo da poboación do Canadá posúe ascendencia inglesa, escocesa ou irlandesa; e un cuarto da poboación do país posúe algún grao de ascendencia francesa. Os tres maiores grupos minoritarios do país son italianos, alemáns e chineses.

Os Estados Unidos son o maior parceiro económico do Canadá. Por causa da súa grande poboación e do seu maior poder económico e influencia cultural, os Estados Unidos dominan gran parte da economía e da cultura do Canadá - aínda que moitos canadenses loitan para que eles sexan os principais responsables do control da economía do seu país, e para manter a cultura canadense viva e en pé, que desde o comezo do século XX viuse asociada á cultura norteamericana.

Castela e León

Castela e León (en castelán: Castilla y León, en leonés: Castiella y Llión) é unha comunidade autónoma constituída en 1983, cuxo territorio se sitúa na parte centro-norte do territorio español. Limita ó oeste con Galicia e Portugal; ó norte con Asturias, Cantabria, País Vasco e A Rioxa; ó leste con Aragón; e ó sur con Estremadura, Comunidade de Madrid e Castela-A Mancha.

Forman esta comunidade nove provincias: Ávila, Burgos, León, Palencia, Salamanca, Segovia, Soria, Valladolid e Zamora; sendo a comunidade autónoma española con máis provincias. É a rexión máis extensa de Europa.

Europa

Europa ( pronunciación ) é unha das grandes penínsulas de Eurasia (segundo como se considere, a maior delas), á que de forma convencional e por motivos históricos considérase un continente propio, e pertence a súa a Eurafrasia. Europa esténdese pola metade oriental do Hemisferio Norte, dende o océano Glacial Ártico polo norte ata o mar Mediterráneo polo sur. Polo leste, chega ata o océano Atlántico, admitíndose que polo leste limita con Asia nos Montes Urais e o Cáucaso, compartindo entre ámbolos continentes o mar Caspio.

En Europa naceu a cultura occidental, os países europeos xogaron un papel predominante desde o século XVI, especialmente despois do comezo da colonización doutros continentes polos europeos. Entre os séculos XVII e XIX os europeos controlaban a maior parte de África, América, Oceanía e unha parte substancial de Asia. A Primeira Guerra Mundial e a Segunda Guerra Mundial levaron a un devalo do dominio europeo nos asuntos mundiais e os Estados Unidos e a Unión Soviética ocuparon esa preminencia. A Guerra Fría entre esas dúas superpotencias dividiu Europa ata o colapso da URSS.

Finlandia

Finlandia ( pronunciación ) (en finés: Suomi, en sueco: Finland ( pronunciación )), oficialmente República de Finlandia ( pronunciación ) (en finés: Suomen tasavalta, en sueco: Republiken Finland) é un país nórdico situado no norte de Europa. O país fai fronteira polo oeste con Suecia, polo leste con Rusia e polo norte con Noruega. Polo oeste e polo sur está rodeada polo mar Báltico, que separa de Suecia e Estonia, atravesando o golfo de Finlandia. A capital e maior cidade do país é Helsinqui.

No ano 2009, Finlandia tiña unha poboación de 5,3 millóns de habitantes nunha área de 338.145 quilómetros cadrados. A meirande parte da poboación do país atópase no extremo sur, na costa do golfo de Finlandia e proximidades. Finlandia é o sexto país máis grande de Europa en termos de área, e conta cunha baixa densidade de poboación de 15,5 habitantes por quilómetro cadrado, o que o converte no país menos densamente poboado dentro da Unión Europea. A maioría dos finlandeses falan o finés como a súa lingua materna, a cal é unha das poucas linguas oficiais da Unión Europea que non descenden da familia indoeuropea. A segunda lingua oficial de Finlandia é o sueco, o cal é lingua materna dun 5,5% da poboación nacional.

Previamente Finlandia foi parte de Suecia e dende 1809 a 1917, cando obtivo a súa independencia, o país foi o autónomo Gran Ducado de Finlandia como parte da Rusia Imperial. Hoxe en día, Finlandia é unha república, parlamentaria e democrática. O país é membro das Nacións Unidas e da Unión Europea dende 1995. A economía de Finlandia é unha das máis prosperas do continente, baseándose nos importantes sectores de servizos así como de manufactura. No país existe un estado de benestar así como unha política altamente democrática e con niveis sumamente baixos de corrupción. O país conta co euro como moeda oficial dende o 28 de febreiro de 2002, substituído ao marco finlandés.

Gran Bretaña

Gran Bretaña é a maior illa de Europa, situada no noroeste deste continente, entre o mar do Norte, o Golfo de Irlanda e o Canal da Mancha.

Inglaterra

Inglaterra (en inglés: England) é unha das nacións constituíntes do Reino Unido. Historicamente dominante, ocupa a metade sur da illa da Gran Bretaña, agás unha parte no oeste, correspondente ao País de Gales. Limita ao norte con Escocia, ao leste co Mar do Norte, ao sur co Canal da Mancha e ao oeste co Océano Atlántico, Gales e o Mar de Irlanda. A súa capital é Londres, a maior área urbana do Reino Unido e unha das maiores da Unión Europea.

Inglaterra converteuse nun estado unificado no ano 927 e toma o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas asentadas no sur da illa durante os séculos quinto e sexto. Inglaterra tivo, e segue a ter, un impacto cultural e legal ao redor de todo o mundo, sendo o lugar de orixe da lingua inglesa, da Igrexa Anglicana e do Dereito Inglés, o cal puxo as bases do Dereito nos sistemas legais da maioría dos países do mundo. Ademais, en Inglaterra naceu a Revolución Industrial sendo o primeiro país do mundo en acadar a industrialización.

Nela atópase a Royal Society, a cal mantén fundacións da ciencia moderna experimental. Inglaterra ten a democracia parlamentaria máis antiga do mundo, polo tanto, moitas innovacións constitucionais, gobernamentais e legais, que teñen a súa orixe en Inglaterra, foron posteriormente adoitadas por outras nacións.

O Reino de Inglaterra (incluíndo Gales) continuou como un estado independente ate o 1 de maio de 1707, cando mediante a Lei de Unión, levando a cabo os termos acordados no Tratado de Unión o ano anterior, rematou en unión política co Reino de Escocia para crearen o Reino Unido de Gran Bretaña.

Italia

Italia ( pronunciación ) (en italiano: Italia, [iˈtaːlja] (AFI), escoitar), oficialmente República Italiana ( pronunciación ) (en italiano: Repubblica Italiana), é unha república parlamentaria cuxo territorio está en Europa meridional (99,97%) e no norte de África (0,03%). O territorio europeo confórmano a maior parte da península Itálica, o val do río Po e dúas grandes illas no mar Mediterráneo: Sicilia e Sardeña. O territorio africano fórmano as pequenas illas de Lampedusa, Lampione e Pantelaria.

No norte está flanqueado polo arco alpino onde limita, de leste a oeste, con Eslovenia, Austria, Suíza e Francia. O resto do territorio está circundado polos mares Lígur, Tirreno, Xónico e Adriático. Os pequenos estados da Cidade do Vaticano e San Marino son enclaves dentro do territorio italiano. Á súa vez Campione d'Italia é un concello italiano que forma un pequeno enclave en territorio suízo. A superficie total é de 301.340 km2, cunha poboación de 60,8 millóns de habitantes. A súa capital desde os tempos do Imperio romano é Roma, e foi durante séculos o centro político e cultural da civilización occidental

Ten sido o fogar de moitas culturas europeas coma a civilización de Nuraga, os etruscos, os gregos e os romanos. Despois da caída do Imperio Romano de Occidente, a Italia medieval foi invadida e sometida á dominación de pobos xermánicos coma os Ostrogodos, os Longobardos e os Normandos. Isto non impediu que a Península, coa revitalización comercial das comunas medievais, chegara a se-lo berce do capitalismo. No século XV, coa difusión do Renacemento por toda Europa, convértese no centro cultural do mundo occidental; mais despois das guerras do século XVI cae baixo a soberanía de potencias estranxeiras, coma Francia, España e Austria. Durante o Risorgimento combate pola independencia e pola unidade, ata que en 1861 foi proclamado o Reino de Italia. A ditadura fascista, iniciada en 1922, rematou coa derrota na segunda guerra mundial e a guerra de liberación. En 1946, logo dun referendo institucional, o Estado italiano convértese nunha república parlamentaria regulada pola Constitución de 1948.

No 2014 Italia, oitava potencia económica mundial e cuarta europea, é un país cun elevado nivel de vida: o índice de desenvolvemento humano é moi alto, 0,872, e a esperanza de vida é de 82,4 anos. É membro fundador da Unión Europea, da OTAN, do Consello de Europa e da OCDE; adherido á ONU e ó tratado de Schengen. É ademais membro do G7, do G8 e do G20; participa no proxecto Nuclear Sharing da OTAN, é unha gran potencia rexional europea, capaz de exercer influencia política sobre opcións e decisións de orde extraeuropeo e internacional, e está en novena posición do mundo por gasto militar. En Roma teñen a súa sede numerosas organización internacionais coma a Organización para a Agricultura e a Alimentación, o Fondo Internacional de Desenvolvemento Agrícola, o Glocal Forum ou o Programa Mundial de Alimentos.

Italia posúe o maior número de sitios declarados patrimonio da Humanidade pola UNESCO. É o quinto país do mundo e terceiro da Unión Europea que máis turistas recibe por ano, sendo Roma a terceira cidade máis visitada. Outras cidades importantes son Milán, centro industrial e finaceiro, e, segundo o "Global Language Monitor", a capital da Moda; Turín, centro da industria automobilística e do deseño industrial, Boloña, coa universidade máis antiga do mundo; as cidades históricas de Venecia, Florencia e Nápoles etc.

México

México (nome oficial: Estados Unidos Mexicanos) é un país localizado maioritaria ou totalmente en América do Norte (dependendo de onde se trace o límite con América Central, ora na fronteira mexicana, ora no istmo de Tehuantepec).

Limitado ao norte polos Estados Unidos de América, ao leste polo golfo de México e polo mar Caribe, a través dos cales se acerca a Cuba, ao sur por Guatemala e máis Belize, e ao oeste polo océano Pacífico. Alén do territorio continental e illas adxacentes á costa, México inclúe tamén as Illas Revillagigedo, localizadas no océano Pacífico, a máis de 400 km a sur do cabo San Lucas, na Baixa California.

Océano Atlántico

O océano Atlántico é o océano que separa Europa e África, ao leste, de América, ao oeste. Ten unha área de 82.400.000 km² (106.200.000 km², incluíndo os mares locais como o mar Mediterráneo, o que corresponde a aproximadamente un terzo das augas oceánicas mundiais).

Océano Pacífico

O océano Pacífico é a maior masa marítima do globo, situada entre América, ao leste, Asia e Australia, ao oeste, e a Antártida, ao sur. Con 180 millóns de km², o Pacífico cobre case un terzo da superficie do planeta e corresponde a case a metade da superficie e do volume do océano. Ten 707,5 km de fosas, e o 87,8% da súa área presenta profundidades superiores a 3.000 m; é o océano con maior profundidade media (-4.282 m) e onde se localizan as maiores fosas submarinas (foxa das Marianas, con -10,912 m).

Países Baixos

Os Países Baixos (en neerlandés: Nederland) é un dos países constituíntes do Reino dos Países Baixos que abrangue a súa parte europea e os municipios especiais de Bonaire, Saba e San Eustaquio. Localizado no noroeste de Europa, limita ó norte e ó oeste co mar do Norte, ó leste con Alemaña e ó sur con Bélxica. Aínda que Holanda é en orixe o nome de dúas das súas provincias, Holanda Setentrional e Holanda Meridional, nalgunhas linguas como é o caso do galego pasou a ser a forma usual de se referir a todo o país, en holandés pola contra Holland só se usa para se referir a esas dúas provincias.

O país é un dos máis densamente poboados do mundo, e tamén está entre os de altitude media máis baixa (un cuarto do seu territorio está baixo o nivel do mar, a quen foi gañado mediante a construción de diques). Os neerlandeses son coñecidos polos seus diques, os seus tulipáns, os seus muíños e a súa tolerancia social. As políticas liberais que rexen a súa actuación son frecuentemente mencionadas e usadas como exemplos nos demais países.

Politicamente o reino dos Países Baixos é unha monarquía constitucional e membro da Unión Europea. Ámsterdan é a capital constitucional e onde está a residencia oficial da raíña. A se do goberno e a residencia habitual da raíña, as embaixadas e o Tribunal Internacional de Xustiza teñen a súa sede na Haia.

Provincia da Coruña

A Coruña é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833, e ocupa a punta noroeste do país e da península Ibérica. Limita ao norte e ao oeste co océano Atlántico, ao leste coa provincia de Lugo e ao sur coa provincia de Pontevedra. A capital leva o mesmo nome, A Coruña.

Provincia de Lugo

Lugo é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833. É a meirande provincia galega e a de menor poboación relativa.

Limita ó norte co mar Cantábrico, ó oeste coa provincia da Coruña e a de Pontevedra, ó sur coa provincia de Ourense e ó leste co Principado de Asturias e a provincia de León, pertencente a Castela e León. A súa capital e a cidade máis poboada é Lugo, sendo a segunda cidade en poboación Monforte de Lemos, seguida de Viveiro, Vilalba, Sarria, Ribadeo, Foz, Burela e Chantada.

Aínda que é a maior das provincias galegas, é a terceira en número de habitantes, con 339 386 habitantes en 2015, tras A Coruña e Pontevedra.

Reino Unido

O Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte (en inglés: United Kingdom of Great Britain and Northern Ireland), ou simplemente Reino Unido (incorrectamente chamado Gran Bretaña ou Inglaterra) é un país e un estado soberano situado ao noroeste da Europa Continental. O seu territorio, con capital en Londres, está formado xeograficamente pola illa de Gran Bretaña, o nordés da illa de Irlanda e pequenas illas adxacentes. Irlanda do Norte é a única parte do Reino cunha fronteira terrestre, que a separa da República de Irlanda. Á parte desta fronteira, o Reino Unido está rodeado ao norte e ao oeste polo océano Atlántico, ao leste polo Mar do Norte, ao sur polo Canle da Mancha e ao oeste polo mar de Irlanda. A illa máis grande, Gran Bretaña, está unida a Francia polo Eurotúnel.

O Reino Unido é unha monarquía parlamentaria comprendida por catro países constituíntes; Escocia, Inglaterra, Irlanda do Norte e Gales; que teñen como xefe de Estado á raíña Sabela II. As Dependencias da Coroa das Illas da Canle e a Illa de Man non forman parte do Reino Unido, pero si forman unha federación con el. O Reino Unido ten catorce Territorios de Ultramar, todos eles vestixios do que foi o Imperio Británico, que na súa cúspide territorial chegou a abranguer preto dun cuarto da superficie terrestre do planeta. É un país desenvolvido e polo volume neto do seu produto interno bruto é considerado como a quinta economía a nivel mundial.

O país foi a principal potencia mundial durante o século XIX e o comezo do século XX, pero o custo económico das dúas guerras mundiais e o declive do seu imperio na segunda parte do século XX diminuíron o seu rol de líder nas relacións internacionais. Con todo, o Reino Unido mantén unha significativa influencia económica, cultural, militar e política e é unha potencia nuclear. Ademais, é un dos cinco membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Unidas con dereito a veto, e é membro do G8, a OTAN, a Unión Europea (agora en proceso de saída. Véxase: Brexit) e a Mancomunidade Británica de Nacións.

Vilalba

Vilalba é un concello da provincia de Lugo, capital da comarca da Terra Chá. Segundo o IGE en 2015 tiña 14.645 habitantes, dos que máis dun terzo viven no núcleo urbano. O seu xentilicio é «vilalbés» ou tamén «chairego».

Vilalba é a vila principal da súa comarca e a cuarta na provincia, xusto despois de Viveiro. O concello posúe unha densidade de poboación de 38,64 hab./km², e unha superficie de 379 km², o que o converte no segundo maior dos concellos galegos en canto a superficie despois da Fonsagrada.

O concello de Vilalba atópase na metade norte da provincia de Lugo; limita polo norte cos concellos de Abadín, Muras e Xermade, polo sur, con Cospeito, Begonte e Guitiriz, polo leste, con Abadín e Cospeito e polo oeste, con Xermade e Guitiriz. A poboación de Vilalba distribúese nas 29 parroquias do concello, ademais do núcleo urbano da vila.

Vilalba (do latín Villam Albam, 'vila branca'), posúe un rico patrimonio arqueolóxico e cultural. O concello conserva un bo número de mostras de castros galaicos, entre os que destacan os castros de Gondaísque e Belesar. Dentro do seu patrimonio cultural destaca a Torre da homenaxe do desaparecido castelo de Vilalba, vencellada historicamente á casa dos Andrade, e convertida no século XX en parador de turismo.

Con respecto á industria, o concello caracterízase pola súa escasa industrialización, sendo as escasas industrias existentes derivadas do sector primario, é dicir a agroalimentaria, representada por unha empresa multinacional de produtos lácteos, e algunhas pequenas industrias de embutidos, xamóns e de elaboración do queixo D.O. de San Simón.

A gastronomía é un dos meirandes atractivos da vila na que hai que destacar o queixo de San Simón da Costa, o roscón de améndoas e os célebres capóns de Vilalba que se comercializan nunha feira anual, que ten lugar o 21 de decembro.

África

África ( pronunciación ) é o segundo continente en poboación e extensión, despois de Asia. A súa área é de 30.249.096 km², incluíndo as illas adxacentes, o que representa o 20% da superficie da Terra. Con 1 200 millóns de persoas no ano 2016, representa o 16% da poboación mundial. Limita ao norte co mar Mediterráneo, ao oeste co océano Atlántico, ao sur coa conxunción dos océanos Atlántico e Índico e ao leste co mar Vermello e o océano Índico. O continente inclúe a illa de Madagascar e varios arquipélagos. Conta con 54 estados soberanos plenamente recoñecidos, nove territorios e dous estados independentes de facto non recoñecidos ou con recoñecemento limitado. A maioría do continente e dos seus países atópanse no hemisferio norte, mais cunha parte substancial no hemisferio sur.A poboación media de África é a máis nova de entre tódolos continentes; cunha media de idade no 2012 de 19,7 anos, mentres que no resto do mundo a media era de 30,4. Alxeria é o país africano máis grande en superficie, e Nixeria o que conta coa maior poboación. África, particularmente a zona central leste, está considerada a orixe da humanidade e da árbore Hominidae (homínidos) segundo unha das hipóteses científicas da evolución humana (a da "arca de Noé"), pola descuberta alí dos restos máis antigos dos antecesores humanos, datados darredor duns sete millóns de anos, como poden ser Sahelanthropus tchadensis, Australopithecus africanus, A. afarensis, Homo erectus, H. habilis ou H. ergaster; e o Homo sapiens atopado en Etiopía duns 200.000 anos. África é atravesada polo ecuador e conta con numerosas áreas climáticas, sendo o único continente en ter climas temperados nas súas zonas norte e ur.Africa alberga unha gran diversidade étnica, cultural e lingüística. A finais do século XIX, os países europeos colonizaron case toda África; a maioría dos actuais estados de África xurdiron dun proceso de descolonización durante o século XX. As nacións africanas cooperan a través da Unión Africana, cuxa sede está en Adís Abeba.

Puntos cardinais e ordinais

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.