Noite de san Xoán

Na noite de san Xoán ou do Lume Novo, a noite do día 23 ao 24 de xuño, e coincidindo co solsticio de verán, celébranse desde antigo unha ampla variedade de festas e prácticas rituais en moitos lugares de Europa (principalmente a Europa atlántica), especialmente ó redor de fogueiras purificadoras, as fogueiras de san Xoán. Trátase dunha celebración anterior á chegada do cristianismo na que diferentes culturas festexan este acontecemento solar (véxase: Litha).

A data do 24 de xuño corresponde, segundo a tradición cristiá, á data do nacemento de Xoán o Bautista[1].

Galicia conta cunha forte tradición en todo o país onde se mesturan antigos ritos ao lume, á auga e á natureza con xantares populares, salientando as celebración e as cacharelas da cidade da Coruña. En Europa salientan as celebracións nos países nórdicos, nas illas británicas, na Península Ibérica e Francia, con rituais semellantes aos galegos: fogueiras, xantares populares, rituais con herbas e auga. En España salientan as celebración en Cataluña e o País Valenciano; préndense importantes fogueiras en Alacant, declaradas de Interese Turístico Internacional. Aquí, nesta cidade, considéranse auténticas obras de arte. Son creadas durante meses por construtores e artistas que empregan materiais tan variados como cartón, madeira, papel, pintura etc. para que poidan arder facilmente.

Noite de san Xoán
Cacharela
Datos da festa
Nome oficialNoite de san Xoán, Midsummer night
ConmemoraciónXoán o Bautista (relixión), solsticio de verán (paganismo)
ComezoLuscofusco do 23 de xuño
FinAbrente do 24 de xuño
Data23-24 de xuño
MotivoNoite de san Xoán
SignificadoSolsticio de verán
CostumesFogueiras, rito ao lume, á auga, ás herbas.
Relacionada conLitha

Noite de san Xoán en Galicia

Fogueira de San Xoán, Petelos, Mos
Fogueira de S. Xoán preparada en Petelos (Mos).

A noite de san Xoán é unha das festas antropoloxicamente máis importantes en Galicia, a noite do Lume Novo. Así por exemplo, celébrase na Coruña coas tradicionais fogueiras na praia do Orzán e na de Riazor, sendo esta a festa do san Xoán máis multitudinaria de Galicia e unha das máis multitudinarias de toda España[Cómpre referencia]. A noite de san Xoán na Coruña foi declarada festa de interese turístico internacional de España. Porén en todo o territorio é de tradición acender cacharelas e facer xantares populares onde as sardiñas, os cachelos con pela e a broa de millo son as protagonistas.

Moitos ritos de carácter máxico ou supersticioso asócianse a esta tradición: saltar as fogueiras, pór un ramo de herbas de san Xoán nas portas da casa coa finalidade de protexerse das meigas, lavarse ao amencer en mananciais ou con auga de rosas etc.

Fogueiras de san Xoán

O ritual co que máis se identifica a noite de san Xoán son as fogueiras que se prenden na tarde-noite do día 23, tamén chamadas cacharelas, cachadas, cachelas ou lumeiradas [2]. Durante os días previos, os mozos e veciños van amoreando diverso material nalgún lugar aberto e de paso público (prazas, encrucilladas ou, actualmente, praias) ata que, no comezo da noite, préndese lume entre a expectación de tódolos veciños. Nas horas seguintes, comen sardiñas á brasa e beben viño, cantando e bailando ó redor da fogueira e, cando esta está practicamente consumida, terminan saltando sobre as últimas lapas mentres se exclama:

Salto por riba
do lume de san Xoán,
para que non me morda
cadela nin can
nin bicho vivinte
que ande polo chan.

Outras fórmulas empregadas nestes casos son:

  • Salto por riba/ do lume de san Xoán/ para que non me trabe/ cadela nin can.
  • Sálvote lume de san Xoán/ para que non me trabe/ cadela nin can/ nin cantos males han.

Ás veces recoméndase, para obte-lo máximo efecto, espirse para saltar sobre a fogueira. O número de saltos que se deben dar é variable segundo os costumes locais: adoita facerse como mínimo tres veces pero, en calquera caso, sempre un número impar de saltos. Resulta habitual nestes rituais máxicos recorrer ós números 3, que representa a Trindade; 7, que representa a totalidade; ou 9, número da perfección (tres veces tres).

En Olveira (A Coruña)[3] adoitábase colocar unha cabeza dalgún animal espetada nun pau de loureiro e amorea-la leña ó seu redor. A cacharela non se debía apagar ata que esta cabeza acabe convertida en borralla.

Hai zonas onde existe o costume de celebrar certos ritos de paso sobre as lapas ou sobre o fume para curar certas enfermidades. Poden facerse entre dúas mulleres chamadas María ou entre unha muller con este nome e un home chamado Xoán, que se pasan mutuamente o meniño enfermo mentres din:

Enfermo cho entrego
devólvemo san.

Ó rematar, sempre cun número impar de pases, envolven ó rapaz nunha saba de liño nova, que nunca fose lavada.

Tamén existía o costume de afuma-lo gando na noite de san Xoán, para protexelo do meigallo. Para conseguilo fan anda-lo gando ó redor ou entre as fogueiras para que lles dea ben o fume. Noutras ocasións o que se fai é queimar na corte un corno de carneiro, loureiro bendito e xofre.[4] As lumeiradas de san Xoán tamén servían como rito de protección para as colleitas de centeo ou millo. Así, recitaban: Ve-lo lume, ve-lo pan,/ cada espiga seu toledán[5], ou Ve-lo lume, ve-lo pan,/ Dios che dea bo gran/ polo mes de san Xoán/ espigas como rebolas/ e grauciños como olas (FRAGUAS:106).

De feito hai lugares, como Castrofeito (O Pino) ou Pedrouzo (Silleda), onde non se denominan fogueiras senón fumazos. Alí queiman sobre de todo leña verde que levanta un intenso fume co que se pretende espanta-las meigas e os seus meigallos.

A auga

Fonte do Sapo 2
Fonte en Coruxo, Vigo.

Tamén é común a crenza de que a auga, que lava tanto a sucidade como as enfermidades ou, en xeral, o Mal, alcanza nesta noite propiedades máxicas superiores ás que poida ter no resto do ano. Por iso, acódese a ríos e fontes a practicar certos rituais, preferentemente ás máis próximas a mosteiros e santuarios, que transfiren a súa sacralidade á auga. Así, na fonte da Moza, na Veiga (Ourense), aparécese esta noite unha moura a peitea-los seus cabelos; esta mesma lenda está presente en moitos outros lugares de Galicia, como por exemplo no outeiro de Vimieiros (en Celanova, Ourense)[6] ou no lugar de Doniz (en Espiñoso, Cartelle). Na fonte de Bexán, en Cambados, báñanse os enfermos de mal de ollo para rompe-lo feitizo. Na Gudiña, as meigas reparten a auga que lle toca a cada veciño.

Chámase flor da auga á tona, a capa máis superficial, na que se reflicte o sol ó mencer e que por tal motivo posúe un misterioso efluvio que gardan as ninfas ou xanas da auga[7]. No caso dunha fonte, este poder teno a primeira auga que deita no mencer. Nesta noite de san Xoán, a flor da auga transmite as súas propiedades de saúde e beleza ás mozas que laven a cara nas fontes nas que habiten estes seres. Esta mesma operación tamén serve para esconxura-las meigas:

Día de san Xoán, alegre
meniña, vaite lavar,
pillarás auga do paxaro
antes de que o sol raiar
Irás arrente do día
a i-auga fresca a catar
da auga do paxariño
que saúde che ha de dar
Corre meniña, vaite lavar
alá na fonte te has de lavar
i a fresca i-auga desta manecida
cor de cereixa che ten que dar.
Se arraiar, se arraiará
tódalas meigas levará;
xa arraiou, xa arraiou,
tódalas meigas levou.

Tamén se cre que se cura o bocio bebendo durante esta noite auga en nove fontes distintas; en Xavestre (Trazo), bebe-la auga que sae de sete ou nove muíños libra dos feitizos.[8] En Entrimo, purifícanse uns ós outros salpicándose mutuamente. Noutros lugares, hai que coller unha póla de bieiteiro para ir con ela a unha fonte máxica ó mencer do día de san Xoán: o primeiro que chegue pode coller con esa póla a flor da auga e usar das súas virtudes. Nas Vendas da Barreira (Riós) crese que a moza que recolla a flor da auga casará dentro do ano.

O orballo que se deposita sobre a herba ou a sementeira durante a noite de san Xoán posúe tamén propiedades curadoras e milagreiras; en Riós explícano en que nesta noite as meigas se deitan sobre a herba, transferíndolle os seus poderes. Para cura-la sarna o enfermo ten que durmir, nu, entre o centeo, ou correr entre el ou botarse a rolos sobre a herba húmida, tamén en coiro. Outra fórmula curativa consiste en espirse e coloca-la roupa na póla dun carballo, contra o que se refrega ás 12 da noite; logo debe bañarse nun río próximo e vestirse con roupa nova, deixando a vella na árbore. Estas operacións practícanse, por exemplo, en Melide ou en Monterrei.[9][10] Colocando ó sereno durante esta noite a roupa de inverno queda protexida contra a couza (en Verín).

O gando sácase das cortes e lévase a andar sobre a herba —ou ben déixase ó relente toda a noite— para que reciba o orballo de san Xoán, que o protexerá das enfermidades durante o ano.

Vicente Risco recolle a crenza na zona da comarca da Limia de que durante a noite de san Xoán poden escoitarse as campás da cidade de Antioquía, asolagada baixo as augas da lagoa de Antela.

Herbas de san Xoán

Artigo principal: Herbas de san Xoán.

Diferentes herbas, aromáticas ou non, e flores recollidas a véspera de san Xoán, posúen tamén propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio e do verán e mais pola forza do orballo desta noite. Resulta difícil establece-la lista das herbas que se han considerar como herbas de san Xoán, xa que se comproba unha gran variabilidade ó longo de Galicia. Si que se adoita da-la cifra de sete herbas diferentes [11].

Rosemary bush
Romeu, unha das herbas de san Xoán.

Xesús Taboada Chivite recolle unha longa relación, entre as que están a dedaleira, o fiúncho, o codeso, o fento macho, o trobisco (Daphne gnidium), a espadana, a abeloura ou herba de san Xoán, a malva, a artemisa (Artemisa vulgaris), o romeu, a macela ou matricaria, a herba punteira (Sempervivum tectorum), a herba luísa, a roseira, ou follas de nogueira, de bieiteiro, de ameneiro ou de carballo.

Hai que deixar estas plantas e flores nunha talla con auga á intemperie durante a noite, e lavarse con elas na mañá seguinte; en certas zonas este lavado ha facerse mirando ó Oriente, para recibir as primeiras raiolas do sol. Deste xeito búscase curar e previr enfermidades cutáneas e rexuvenece-la pel.

Tamén existe a crenza de que protexen a casa contra as meigas (que nesta noite andan especialmente libres polas rúas), colocando ramallos de flores nas portas e ventás. Esta propiedade protectora consérvana durante o resto do ano: hai que seca-las herbas de san Xoán e dependuralas logo nalgún lugar da casa para evita-la entrada das meigas.

Eladio Rodríguez González recolle a presenza destas herbas e flores nos mercados: "plantas odoríferas, que se recogen en el campo, generalmente la antevíspera de la noche de san Juan, o sea el día 22, para venderlas al siguiente día en los mercados de las ciudades y villas de Galicia". O costume parece manterse na actualidade, e en 1992 a prensa entrevistaba unha vendedora de verduras do mercado de Vilagarcía de Arousa que nestas datas tamén incluía as herbas.[12]

Sortilexios

A noite de san Xoán é especialmente propicia para levar a cabo certos sortilexios cos que adiviña-lo que vai acontecer no futuro. Por exemplo, se unha muller bota a clara dun ovo nun vaso de auga ás doce da noite, e deixa este durante toda a noite, ó mencer pode adiviñar con quen vai casar segundo a forma que adopte a clara callada: se semella un martelo, será un carpinteiro; se un barco, un mariñeiro, se unha engra, un ferreiro. Tamén se utiliza este método para adiviña-lo futuro dunha persoa: se o que semella é un cadaleito, agoira unha morte próxima;[13] se un corazón, un próximo amante; se un meniño, que vai ter fillos.

Cando a moza teña varios pretendentes, pode, igualmente, saber con cal deles vai casar: para sabelo ha de botar no vaso varios papeliños enrolados cos nomes dos distintos mozos. O que ó mencer apareza desenrolado será o futuro marido. Outra forma para recoñece-lo futuro marido consiste en deixar na ventá unha pela de pataca: á mañá estará engurrada debuxando a letra pola que comeza o seu nome.

Tamén as herbas de san Xoán posúen propiedades premonitorias: deixadas sobre unha mesa durante toda a noite, se á mañá seguinte están verdes e frescas agoiran prosperidade na casa; se murchan, anuncian infortunios.

O sol no día de san Xoán

Trátase do solsticio de verán, momento do ano no que se atribúe ó sol a máxima claridade. Resulta común a crenza de que o sol baila ó mencer, disque de ledicia pola festa do santo. Así, adóitase subir a un monte para velo bailar, por exemplo, ó alto do castro de Castrolandín, nalgures a través dos buratos dun cribo.

Madrugada de san Xoán,
madrugada máis garrida,
que baila o sol cando nace
e ri cando morre o día
San Xoán pediulle a Cristo
pra que non o adormentase,
quere ver baila-lo sol
o día da súa romaxe.

Xa o padre Feijoo recolleu esta tradición de ir ver bailar o sol e o feito de que noutros lugares —que non especifica— isto se fai na Pascua cristiá. Tamén en Italia existe o mesmo costume: en Abruzos crese que no sol nacente se pode ver a cabeza de san Xoán; e en Sardeña, que no mencer o sol baila tres veces, tantas como botou no chan a cabeza do santo ó ser decapitado.[14]

Inversión da orde cotiá

Se nesta data o sol alcanza a maior forza e a maior sacralidade, na noite anterior o Mal ten tamén a maior forza e busca face-lo maior dano á xente, ó gando ou ás colleitas. Nesta noite, as bruxas reúnense nos maiores aquelarres, como no areal de Coiro (en Cangas) ou en Sevilla, pero tamén se xuntan noutros lugares, como nas encrucilladas, e percorren as aldeas. Non só as meigas están máis activas esta noite senón tamén outros seres mitolóxicos: se se coloca un pano branco sobre un fento, á mañá poderémolo atopar cheo de trasgos.

Para protexe-las casas da acción das bruxas colócanse ramos de flores, cardos ou espadanas nas portas e ventás. As primeiras, polo seu recendo, combaten o Mal; os segundos fano coas súas espiñas e as terceiras coas súas follas, imitantes dunha espada.

Tamén, por esta razón, os mozos dedícanse a facer bromas e ridiculiza-los veciños, collendo carros, arados, cancelas, dornas etc. e deixándoos nun lugar pouco accesible (como no medio do río ou sobre unhas escaleiras[15]) ou ben visible (como no adro da igrexa, na praza principal ou fronte ó concello); mesmo nalgún caso se botaron tamén na fogueira. Nos últimos anos obsérvase a proliferación de simples actos de vandalismo contra propiedades particulares, contedores de lixo ou mobiliario urbano. Estes ataques á propiedade pretenden atacar, simbolicamente, a orde social, e moitas veces as vítimas son aqueles veciños que polo seu carácter antisocial, son, así, castigados publicamente.[16]

Galería de imaxes

Jules Breton, La Fête de la Saint-Jean (A Festa de San Xoán), 1875, museo de belas artes de Filadelfia.
Jules Breton, La Fête de la Saint-Jean (A Festa de San Xoán), 1875, museo de belas artes de Filadelfia
Cacharela na Bretaña (deseño no xornal Le Petit Journal, 1893).
Cacharela na Bretaña (deseño no xornal Le Petit Journal, 1893). 
Midsummer Night, Gudmund Stenersen (1906).
Midsummer Night, Gudmund Stenersen (1906). 
San Xoán en Alacant, 2005.
San Xoán en Alacant, 2005
Festividade en Ucraína.
Festividade en Ucraína

Notas

  1. Segundo o Evanxeo de san Lucas, a concepción de Xesús aconteceu 6 meses despois da de san Xoán: Mais o anxo díxolle: Zacarías, non temas; porque a túa pregaria foi ouvida, e a túa dona Elisabet parirache un fillo, e chamaralo de nome Xoán (13); Ao sexto mes o anxo Gabriel foi enviado por Deus a unha cidade de Galilea, chamada de Nazaret (26) [1]. A tradición apócrifa conta que Zacarías, pai de san Xoán, celebrou o seu nacemento prendendo varias lumeiradas.
  2. Outros nomes menos comúns son os de brasedo, cacholas, fachareadas, garadas, laparadas, laradas, lume novo, lumaradas, lumeradas, lumeiros, lumieiras ou queimas.
  3. Quintáns non especifica se se trata de Olveira de Dumbría ou de Olveira de Ribeira.
  4. Rodríguez López. 1974. p. 202
  5. Toledán é o nome dunha medida de capacidade equivalente a medio ferrado. En Cesures este rito de afuma-las leiras celebrábase na noite do 29 de abril.
  6. José Manuel Jesús Hidalgo: "El tema de la serpiente en la arqueología de Galicia", Vigo etnográfico, 14 de febreiro de 2009 (en castelán).
  7. Lémbrese que a auga da pía bautismal debía ser bendecida ó mencer para ser sagrada.
  8. Os muíños posúen propiedades curativas porque neles se moe a fariña coa que se fai o pan, símbolo da eucaristía.
  9. Lis Quibén, ?, p. 307.
  10. Taboada. 1980. p. 21
  11. Nótese: sete herbas, sete saltos sobre o lume, beber de sete fontes, recibir sete ondas do mar.
  12. La Voz de Galicia, 24 de xuño de 1992.
  13. Antón Fraguas conta que unha rapaza veu formada unha caixa e morreu coa preocupación (La Voz de Galicia, 23 de xuño de 1991).
  14. Mª Rosario Soto Arias: "Notas para un estudo dos refráns haxiocronolóxicos", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, p. 359.
  15. No ano 1997, en Lores (Meaño) apareceron dúas motos subidas a unha árbore (Faro de Vigo, 25 de xuño de 1997).
  16. Mariño Ferro. 2000. p. 487.

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

Ligazóns externas

A cor negra na cultura popular galega

Coma acontece noutras cores, a cor negra representa na cultura popular galega a morte e, moitas veces, asóciase co mal e co demo. Aínda así, non son raras as crenzas que atribúen determinadas propiedades curativas ós animais de cor negra.

Así, as galiñas negras, e noutros lugares os pombiños negros, son os preferidos para certos ensalmos cos que curar enfermidades e mal de ollo. Igualmente, crese que os ovos dunha galiña negra son máis nutritivos cós das doutra cor, e pola mesma razón son os que se utilizan en determinados remedios para que estes sexan máis eficaces: como tal, os ovos de galiña negra curan as dores dos cólicos. Para cura-la dor de costado, aplícase sobre a parte dolorida unha galiña negra aberta en canal. En Ponte Sampaio (Pontevedra) utilizan cascas de ovos de galiña negra, mesturadas cunhas herbas, para diagnostica-lo mal de aire: faise unha pasta que se coloca nunha cataplasma sobre o ventre do meniño enfermo e, segundo a cor coa que apareza ó cabo das 24 horas, poderá identificarse o causante do mal.

Risco recolleu que se pode conseguir unha sonada beberaxe para namorar seguindo o seguinte ritual: cóllese unha pita negra ás doce da noite e acódese xunta un cemiterio, córtaselle a cabeza e guíndase dentro, sen dar volta á cabeza. A seguir, éntrase no camposanto e apáñase terra de sete sepulturas, cóllese a galiña e mestúrase esa terra coa cabeza e co sangue da pita, bótase todo nun lenzo e cóase auga por el, dando a beber desta auga á persoa a quen se quere namorar (Risco:472).

En xeral, o caldo de galiña que se dá ás mulleres paridas, para que recuperen axiña as forzas, é mellor se se fai cunha galiña negra.

O unto de porco negro úsase para cura-lo herpes (en Padrenda, Ourense), partido en nove anacos que se mesturan con nove areas de sal e nove follas de loureiro.

Dá boa sorte criar un gato negro regalado, así como é de mala sorte cruzarse no camiño cun gato negro. Para Rodríguez López, ter un gato negro na casa trae boa sorte. Lis Quibén recolleu a crenza de que para cura-lo tirizó había que pasa-lo rabo dun gato negro polo ollo enfermo.

Crese que as ánimas veñen en figura de animais, especialmente en forma de avelaíñas, pero se son de cor negra considéranse agoiros dunha desgraza próxima, mesmo dunha morte; se foren brancas, dise que veñen anunciar boas novas de familiares ausentes .

Dise tamén que algunhas veces a Santa Compaña vén precedida dun carneiro negro. Eladio Rodríguez supón que esta imaxe está relacionada coa superstición centroeuropea da cazaría salvaxe ou cazata infernal.

Taboada Chivite recolle a crenza de que na noite de San Xoán aparécese un touro negro de ouro no alto dun castro pontevedrés.

A pataca na cultura popular galega

O que segue recolle diversa información sobre a pegada do cultivo e consumo da pataca na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

Non se deben poñe-las patacas en martes e con lúa de forza -en cuarto crecente-, porque senón grelan. Tampouco se deben almacenar nun sitio onde dea a lúa porque se porán verdes.

Unha moza pode adiviña-lo nome do futuro marido deixando na ventá unha pela de pataca durante a noite de San Xoán. Á mañán estará engurrada debuxando a letra pola que comeza o seu nome.

Os vástagos novos da rama da pataca, aplicados en cataplasmas, alivian a dor das escordaduras dos pés ou mans, así como nas queimaduras. Tamén resulta eficaz con este mesmo fin a polpa cocida da pataca . A fécula, seca e en po, alivia o proído da pel nos nenos.

O zume de pataca é lixeiramente espasmolítico e antiácido, polo que tamén se emprega na medicina tradicional contra as gastrites e úlceras.

Lis Quibén recolle a crenza, que non localiza, de que levar unha pataca crúa no peto serve para previ-la reuma .

En Coristanco (A Coruña) celébrase desde 1980 a Festa da pataca, a terceira fin de semana de setembro.

Audiovisual galego

Denomínase audiovisual galego a industria do audiovisual con base en Galiza, xa a nivel de produción ou elaboración de contidos. O organismo que se ocupa da coordinación e organización é o Consorcio AudioVisual Galego, dependente da Xunta de Galicia.

Castrolandín, Cuntis, Cuntis

Castrolandín é un lugar da parroquia de Cuntis, no concello pontevedrés de Cuntis. Segundo o IGE do 2008 tiña 90 habitantes deles 45 homes e 45 eran mulleres, o que supón que diminuíu a poboación desde 2007.

Dálle nome ao lugar o castro de Castrolandín, onde a veciñanza celebra a noite de San Xoán.

Fogueira

Unha fogueira é un lume mantido voluntariamente para quentar, cociñar (fogón) ou celebrar ritos ou festas como é o caso da noite de San Xoán con multitude de fogueiras, celebración esta herdada das festividades do solsticio de verán celebradas por celtas e romanos). Cando responde a un rito funerario denomínase pira.

As fogueiras reciben diversos nomes: cacharela, coas variedades cacheira e cachela, e de empregar moreas grandes de leña: larada, luminaria ou lumarada.

Herbas de san Xoán

As herbas de san Xoán son as diferentes plantas, herbas, flores e follas, recendentes ou non, normalmente medicinais, apañadas na véspera de san Xoán que, xunto á auga e o lume, forman parte dos ritos e tradicións pagás galegas e doutras culturas europeas desa noite.

Segundo a tradición e crenzas populares a auga destas sete herbas deixadas ao orballo na noite de san Xoán posúe propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio e do verán e mais pola forza do orballo desta noite.

Les

Les é un concello do Val de Arán, na provincia de Lleida. Está situado no terçon de Quate Lòcs, xunto ao río Garona. Tiña en 2014 unha poboación de 968 habitantes.

É coñecido polas súas augas termais (Banhs de Les) e pola tradición do Haro, un tronco de abeto que se planta o día de San Pedro na praza da vila e se queima na noite de San Xoán.

Maguncia

Maguncia ou Mainz (en alemán: Mainz) é a capital do Estado federado alemán (Land) de Renania-Palatinado. É unha cidade do suroeste de Alemaña, á beira do río Rin, onde desemboca o río Meno. É un porto fluvial destacado. Nela inventou a imprenta Johannes Gutenberg. Hoxe, Mainz volveu ser un centro dos medios de difusión, xa que alberga a sede da ZDF, a segunda canle da televisión alemá.

Aínda que foi gravemente destruída durante a segunda guerra mundial, a cidade conserva unha parte importante da cidade vella, na que destacan as construcións realizadas en pedra de cor vermella (areísca, principalmente).

Mainz ten universidade desde 1477, chamada Johannes Gutenberg, situada cerca do centro da cidade. O seu antigo campus non só comprende aulas e salas de conferencias, senón tamén vivendas, bares e restaurantes que constitúen un barrio independente.

Con 196.950 habitantes (en 31 de marzo de 2006), é a terceira cidade máis grande da Rexión Rin-Meno.

O seu equipo de fútbol FSV Mainz 05 xoga na primeira división (Bundesliga).

Monte Neme

Monte Neme é un lugar situado como límite entre os concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños. O monte ten 387 metros de altura. Preto do cumio había un crómlech que foi destruído nos anos 1960 na construción da estrada de acceso. Foi reconstruído preto de onde estaba.

Mámoa

As mámoas ou medoñas son túmulos funerarios característicos do Neolítico do noroeste da Península Ibérica.

O soño dunha noite de San Xoán (filme)

O soño dunha noite de San Xoán é un filme de animación realizado en 2005 por Dygra Films, baseado na obra homónima de William Shakespeare. Foi dirixido por Ángel de la Cruz e Manuel Gómez Santos. O filme custou 6.000.000 de euros. A preestrea mundial tivo lugar na Coruña o 23 de xuño de 2005, e a estrea comercial o 1 de xullo de 2005.

Pena Molexa

A Pena Molexa é un monumento megalítico situado na parroquia do Val, moi preto do asentamento castrexo de Vilasuso e no camiño de acceso ao castro de Pena Lopesa.

Premios Mestre Mateo 2005

Os Premios Mestre Mateo 2005 galardoaron as producións audiovisuais de Galicia de 2005 celebráronse o 19 de marzo de 2006. Durante a cerimonia, a Academia Galega do Audiovisual presentou os Premios Mestre Mateo en 26 categorías. A cerimonia celebrouse no Pazo de Exposicións da Coruña e foi presentada por Luis Piedrahita.

A longametraxe León e Olvido obtivo o premio ó mellor filme e o de mellor actriz (Marta Larralde), mentres que Jorge Coira e Carlos Sedes foron galardoados co premio á mellor dirección pola serie As leis de Celavella, producida por Voz Audiovisual para a TVG.

Santoral

O santoral é a listaxe dos santos admitidos por unha confesión relixiosa, principalmente falando das cristiás, extensible tamén ó calendario litúrxico no que se indica a data na que se celebra a festividade en honor dun santo ou outra figura relixiosa. O calendario actualmente usado pola Igrexa católica, o calendario romano xeral, é unha versión modificada do costume paleocristián de conmemorar a morte dos mártires no seu aniversario. Coa continua canonización de crentes ó longo dos séculos, tódolos días do ano se conmemora polo menos a algún santo. Isto faise non só coa morte dos mártires: hoxe en día tamén se lembra a data da morte natural dos santos (os antigamente chamados confesores, en contraposición ós testemuños ou μαρτυρες—), que tamén son incluídos no calendario xunto con festividades coma a Pascua, o Pentecoste ou a Epifanía, relacionadas con eventos da vida de Xesús e a historia eclesiástica.

Na época medieval era costume indicar as datas dos eventos en relación ó calendario eclesiástico, datándoos ó estilo de "terceiro día de Advento" ou "noite de san Xoán". Do mesmo xeito, o nome de pía dos infantes adoitaba ser o da festividade que se celebrase no día dos seu nacemento ou bautismo. Aínda que menos frecuente na actualidade, nalgúns países de tradición católica ou ortodoxa, consérvase o costume de saudar e felicitar ás persoas polo día do seu santo ou onomástica.

A lista mencionada no santoral da Igrexa católica non presenta necesariamente coincidencia coas das outras cristiás, en concreto das do anglicanismo, calvinismo, luteranismo, presbiterianismo e en xeral das igrexas da Reforma, e proceden fundamental e inicialmente do chamado Martiroloxio. O santoral comprende diversos tipos ou niveis de santidade: beatos, mártires, santos, anxos, arcanxos etc.

Solsticio de verán

O solsticio de verán (o termo solsticio provén do latín sol ["Sol"] e sistere ["ficar quedo"]) ocorre durante o verán de cada hemisferio, cando o semieixo dun planeta, xa for no hemisferio norte ou no sur, está máis inclinado cara á estrela da súa órbita. A inclinación máxima do eixo da Terra cara ao sol é de 23°27'. Isto ocorre dúas veces ao ano: dous intres nos que o Sol acada a súa posición máis alta no ceo, como se ve desde o polo norte ou sur.

Soño dunha noite de San Xoán

Este artigo é sobre a obra de teatro. Sobre o filme, véxase O soño dunha noite de San Xoán (filme)

Soño dunha noite de San Xoán (en inglés: A Midsummer Night's Dream) ou Un soño de verán é unha obra de teatro en lingua inglesa escrita entre 1595 e 1600 por William Shakespeare.

Foi traducida ao galego en 1989 e publicada pola Xunta de Galicia, conxuntamente co Mercader de Venecia. Ademais, foi levada ao cinema nun filme de animación galego dirixido por Ángel de la Cruz e Miguel Gómez Pereira.

William Shakespeare

William Shakesperare, nado en Stratford-upon-Avon, bautizado o 26 de abril de 1564, e finado o 23 de abril de 1616, foi un poeta e dramaturgo inglés, considerado desde hai tempo por moitos como o meirande escritor en lingua inglesa e un dos máis célebres da literatura universal. A súa obra é tal que moitas das súas personaxes aínda son obxecto de cuantiosos estudos. Unha das características máis salientables da mesma é a profunda e complexa definición psicolóxica das súas personaxes.

Xoán o Bautista

Xoán Bautista, nado contra o 5 a.C. e finado contra o 30 d.C., foi quen anunciou a chegada do Mesías prometido (de aí o nome de Xoán o Precursor co que tamén se coñece) e bautizouno no río Xordán.

Xuño na cultura popular galega

O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de xuño na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

As celebracións populares máis importantes deste mes coinciden coa festividade do Corpus e coa noite de San Xoán, noite máxica por excelencia. No primeiro caso, cómpre destaca-las alfombras de flores que se constrúen en diversas localidades galegas, especialmente Ponteareas. Tamén, a festividade do Boi de Allariz. As cacharelas de San Xoán celébranse en practicamente toda Galicia.

Non son estas as únicas festas que se celebran no mes de xuño, e así pódense citar tamén a romaría do Corpiño en Lalín ou as festas de San Pedro e San Paulo.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.