Nervio

Un nervio é un conxunto de fibras nerviosas ou axóns, asociadas en fascículos por medio de tecido conxuntivo.

Os nervios son feixes de prolongacións nerviosas de substancia branca, en forma de cordóns que fan comunicar os centros nerviosos con todos os órganos do corpo. Forman parte do sistema nervioso periférico. Os nervios aferentes transportan sinais sensoriais ao cerebro, por exemplo da pel ou outros órganos, mentres que os nervios eferentes conducen sinais estimulantes dende o cerebro cara aos músculos e glándulas.

Estes sinais, a miúdo chamados impulsos nerviosos, son tamén coñecidos como potenciais de acción: ondas eléctricas que viaxan a grandes velocidades, as cales nacen comunmente no corpo celular dunha neurona e propáganse rapidamente polo axón cara ao seu extremo, onde por medio da sinapse, transmítese a outra neurona.

Nervio
Peripheral nerve, cross section
Fotografía microscópica de tecido nervioso
Nerves of the left upper extremity
Nervios (en cor amarelo) na parte superior do brazo
Latín Nervus
Sistema Nervioso
MeSH Nerve+Net&field

Estrutura dun nervio

Nos nervios pódense distinguir distintos compoñentes:

  • Epineuro: é a capa máis externa dun nervio e está constituída por células de tecido conectivo e fibras coláxenas, na súa maioría dispostas lonxitudinalmente. Tamén poden atoparse algunhas células adiposas.
  • Perineuro: é cada unha das capas concéntricas de tecido conxuntivo que envolve cada un dos fascículos máis pequenos dun nervio.
  • Endoneuro: son uns finos fascículos de fibras coláxenas dispostas lonxitudinalmente, xunto con algúns fibroblastos introducidos nos espazos situados entre as fibras nerviosas. O finísimo endoneuro está formado por delicadas fibras reticulares que rodean a cada fibra nerviosa.
  • Axolema: tamén coñecido como membrana axonal, envolve o axón da fibra nerviosa.
  • Células de Schwann: As células de Schwann teñen a capacidade de fabricar a mielina que envolve aos nervios (menos as fibras C, que non dispoñen desta cuberta).

Conforme o nervio se vai ramificando, as vaíñas de tecido conxuntivo fanse máis finas. Nas ramas máis pequenas falta o epineuro, e o perineuro non pode distinguirse do endoneuro, xa que está reducido a unha capa delgada fibrilar recuberta de células conxuntivas aplanadas que se parecen ás células endoteliais. Os vasos sanguíneos localízanse no epineuro e no perineuro e raras veces atópanse nas acumulacións máis densas de endoneuro.

Tipos de nervios

Os nervios clasifícanse segundo:

1) A clasificación de Erlanger e Gasser:

  • Fibras de tipo A, con vaíña de mielina e que se subdividen en tipo alfa (velocidade de condución 70 a 120 m/s, diámetro 12 a 20 micrómetros, responsables da propiocepción), beta (vel. de condución 30–70 m/s, diámetro 5-12 micrómetros, responsables do tacto e a presión), gamma (vel. de condución 15–30 m/s, diámetro de 3-6 micrómetros, responsables da transmisión motriz aos fusos musculares ) e delta (vel. de condución 12–30 m/s, diámetro 2-5 micrómetros, transmisión da dor, o frío e parte do tacto).
  • Fibras B, mielinizadas, responsables da conexión autónoma preganglionar (vel. condución 3–15 m/s, diámetro menor a tres micrómetros).
  • Fibras C, non mielinizadas (sen vaíña de mielina), que se ocupan da transmisión da dor, a temperatura, información dalgúns mecanorreceptores e das respostas dos arcos reflectidos (Vel. condución 0.5 a2 m/s, diámetro de 0.4 a 1.2 micrómetros)

2) A súa orixe:

Nervios craniais: son os que nacen do encéfalo ou no bulbo.

Nervios raquídeos: son os que nacen da medula espiñal.

Nervios de ton simpático.

3) A súa función:

Nervios sensitivos ou centrípedos: encárganse de conducir as excitacións do exterior cara aos centros nerviosos. Son bastantes escasos. Xeralmente as febras nerviosas áchanse asociadas con febras motoras (centrífugas). Como exemplo de nervio sensitivo puro podemos podemos citar o nervio de Wrisberg, que conduce ao cerebro a sensibilidade das gládulas salivares.

Nervios sensoriais: atópanse dentro dos anteriores, pero se encargan unicamente de transmitir estímulos provenientes dos órganos dos sentidos.

Nervios motores ou centrífugos: son aqueles que levan aos músculos ou ás glándulas as ordes dun movemento ou dunha secreción impartida por un centro nervioso.

Nervios mixtos: son aqueles que funcionan á vez como sensitivos e motores. Áchanse constituídos por febras que levan as excitacións exteriores cara aos centros nerviosos e ordes dos músculos , dos centros cara á periferia. Como exemplo podemos citar o glosofarínxeo que transmite ao cerebro a excitación do gusto e produce ao mesmo tempo a excitación da lingua. Pertencen a esta clase de nervios todos os nervios raquídeos e varios nervios craniais.

Propiedades dos nervios

O nervio ten dúas propiedades esenciais: a excitabilidade e a condutividade.

Excitabilidade

A excitabilidade é a propiedade que ten o nervio de adquirir un movemento vibratorio molecular baixo a acción dun excitante. O nervio pode ser excitado por un centro nervioso, por un excitante natural como a luz ou por un excitante artificial como unha descarga eléctrica. Os excitantes artificiais poden ser de varias clases: O excitante é mecánico cando se provoca a contracción das patas dunha ra picando o nervio crural. Será químico se se aplica un cristal de cloruro de sodio sobre o mesmo nervio para conseguir o mesmo efecto. Será térmico se se pon bruscamente o mesmo nervio en contacto cun corpo quente conseguindo a mesma contracción.O excitante máis empregado na fisioloxía é a electricidade porque é moi fácil regular a intensidade e a duración da súa aplicación.

Condutibilidade

A condutibilidade é a propiedade que ten o nervio de asegurar a propagación do movemento vibratorio ao longo do nervio na forma ondulatoria ao xeito que se propaga unha onda na superficie da auga. Esta propiedade permite a unha dendrita transmitir a un centro nervioso a excitación que provén dunha picada periférica, por exemplo, e a un cilindro eixo de levar a outra neurona ou a un músculo a excitación que provén dun centro nervioso. É de notar que as dendritas que emanan dun ganglio espiñal posúen unha envoltura de mielina, o que posto a considerar aos autores como cilindros-eixos. Para que se exerza a condutibilidade é necesario que o nervio non sufra ningunha dexeneración e que no seu traxecto non exista ningunha solución de continuidade. Un nervio pode perder a excitabilidade sen perder a condutibilidade; así a parte dun nervio sometida á acción do gas carbónico, deixa de ser excitable; pero se se aplica a corrente eléctrica á outra parte do nervio, a parte non excitable poderá conducir a excitación. Un nervio non cansa ao conducir o fluxo nervioso; pero un centro nervioso pode fatigarse cun traballo intelectual intenso. A condución dun nervio sensitivo é centrípeda e a dun nervio motor é centrífuga. Os nervios mixtos participan nas dúas calidades.

Véxase tamén

Véxase tamén

Antebrazo

En anatomía, o antebrazo é a parte da extremidade superior ou membro superior do ser humano situada entre o cóbado e o carpo (ou pulso).

Axila

A axila, sobaco ou sobrazo é a parte do corpo imediatamente oposta á parte exterior do ombro, ou dito doutra maneira, a parte inferior da unión do brazo co tronco, exactamente na articulación .

É un espazo cheo de graxa, con forma de cono truncado, e está situada entre a parede torácica e lateral do brazo. No seu ápice é delimitada polo bordo superior da escápula, o bordo externo da primeira costela e o terzo medio da clavícula. A base da axila está formada pola pel e tecido subcutáneo. A través da axila as estruturas pasan a partir do triángulo posterior do pescozo ao membro superior.

Compartimento anterior do antebrazo

O compartimento anterior do antebrazo é a parte anatomicamente máis anterior do antebrazo. Tamén se pode denominar compartimento flexor, debido a que case todos os músculos desta rexión son flexores. Outros realizan funcións de pronación.

A este compartimento pertencen os seguintes músculos, distribuídos en dous planos, un superficial e outro fondo.

As letras E e I refírense a inserción extrínseca (fóra do antebrazo) e intrínseca (no propio antebrazo).

Por este compartimento discorren ademais o nervio cubital e a arteria cubital.

Compartimento posterior do antebrazo

O compartimento posterior do antebrazo é o compartimento anatomicamente máis posterior do antebrazo. Temén é denominado compartimento extensor porque a función principal dos músculos que alberga é a extensión e a supinación.

O compartimento posterior contén os seguintes músculos:

O músculo braquiorradial é un músculo propio do compartimento anterior do antebrazo, pero nalgunhas ocasións aparece no posterior.As letras E e I refírense a inserción extrínseca (fóra do antebrazo) e intrínseca (no propio antebrazo).

Polo compartimento posterior discorre o nervio radial, que inerva a todos estes músculos.

Compartimento posterior do brazo

O compartimento posterior do brazo é rexión anatomicamente máis posterior do brazo. Tamén se lle denomina compartimento extensor debido a que acolle os músculos extensores do antebrazo. Contén o músculo tríceps braquial e o músculo ancóneo (que embrioloxicamente podería considerarse coma parte do tríceps e polo tanto constituíndo un cuádriceps braquial).

Por este compartimento discorre o nervio radial, que inerva a maioría dos músculos que se achan nesta rexión.

Eminencia tenar

A eminencia tenar é unha formación anatómica do membro superior humano, pertencente á man. Está constituída polos seguintes músculos:

Músculo opoñente do polgar.

Músculo abdutor curto do polgar.

Músculo flexor curto do polgar.Os tres músculos están innervados pola rama recorrente do nervio mediano.

Larinxe

A larinxe é un tubo músculo cartilaxinoso da parte superior do aparato respiratorio e órgano esencial na fonación. Forma parte do eixo visceral do pescozo, localizada na liña media, por diante da farinxe, de tal maneira que a parede posterior da larinxe está pegada á parte anterior do esófago. Os aneis cartilaxinosos da larinxe mantéñena

sempre aberta, pero a estrutura péchase durante a deglutición para evitar broncoaspiracións. Máis concretamente é unha cartilaxe larínxea denominada epiglote a encargada desta acción.

Esténdese dende a segunda ou terceira vértebra cervical ata a sexta, punto no que comeza a traquea. Mantense nesta posición debido a que está unida ó hioide, á lingua, á base do cranio, á farinxe e a que se continúa coa traquea.

Legume

Denomínase legume (do latín legumen) a un tipo de froito seco, tamén chamado comunmente vaíña, vaxa ou bagullo. Así mesmo reciben tal nome as sementes comestibles que crecen e maduran dentro deste froito e as plantas que as producen.

Os legumes constitúen un grupo de alimentos moi homoxéneo, formado polos froitos secos das leguminosas, sendo dehiscentes, desenvolvidos a partir do xineceo, dun só carpelo e que se abre tanto pola sutura ventral como polo nervio dorsal, en dúas valvas e coas sementes nunha fileira ventral. Estas vaíñas adoitan ser rectas e carnosas. Polo xeral posúen unha carne interior esponxosa, con tacto de veludo e de cor branca. A súa parte interna corresponde ao mesocarpio e ao endocarpio do froito.

O tamaño dos legumes varía dende un milímetro ou pouco máis ata medio metro. A súa forma, aínda que na maioría dos casos é alongada e comprimida, como a dos feixóns ou fabas, varía moitísimo.

Estes froitos pertencen á grande orde das plantas leguminosas (familia Fabaceae, leguminosas de gran). Malia o gran número de especies que compón esta familia, as empregadas para a alimentación humana e do gando é moi baixo.

A parte da planta consumida en alimentación animal e humana varía entre as distintas especies de leguminosas. Na maior parte dos casos, a parte comestible coincide coa utilizada pola planta como almacén de substancias de reserva. A gran variación existente na parte consumida é unha consecuencia da diversidade de estratexias utilizadas polas leguminosas para a súa adaptación aos medios máis diversos.

Man

A man é a parte final de cada extremidade superior (ou brazo), principalmente nos mamíferos bípedes. Por extensión tamén se usa ese termo e os nomes de moitos dos seus constituíntes para designar os órganos equivalentes dos membros anteriores de moitos vertebrados.

Divídese xeralmente en tres rexións: carpo, metacarpo e dedos.

Tal como nos restantes órganos pares, as mans son simétricas.

Membro superior

A extremidade superior ou membro superior refírese ao ombreiro, brazo, antebrazo e man, no ser humano e noutros bípedes.

Músculo diafragma

O diafragma é un músculo que separa o tórax do abdome.

Músculo opoñente do maimiño

O músculo opoñente do maimiño é un músculo do membro superior humano pertencente superior á man. Orixínase no gancho do óso ganchudo e na zona próxima da vaíña extensora. Insírese no bordo medial e na superficie palmar do quinto metacarpiano. Na súa base está furado polo nervio e arteria cubital.

Músculo palmar curto

O músculo palmar curto é un músculo do membro superior humano, pertencente á man. É un pequeno músculo intrínseco da man, de forma cuadrangular. Sitúase baixo a pel e cobre os músculos da eminencia hipotenar, a arteria cubital e a rama superficial do nervio cubital na zona interna da palma. Orixínase na aponeurose palmar e no retináculo flexor e se insire na dermis da pel do bordo medial da man.

Nervio vago

O nervio vago, X par cranial ou nervio pneumogástrico, é un dos doce pares craniais.

Nervio óptico

O nervio óptico é o segundo dos doce pares craniais. Leva información visual da retina a outras partes do sistema nervioso central.

Ollo

O ollo ( pronunciación ), (do latín ocŭlus), ou globo ocular é o órgano que detecta a luz, sendo a base do sentido da vista. Componse dun sistema sensible aos cambios de luz, capaz de transformar estes en impulsos eléctricos. Os ollos máis sinxelos non fan máis que detectar se os arredores están iluminados ou escuros. Os máis complexos serven para proporcionar o sentido da vista.

As partes do ollo son esenciais para a existencia humana porque grazas a elas captamos, percibimos e atopamos o que se chama as imaxes percibidas por este sistema.

Os ollos compostos atópanse nos artrópodos (insectos e animais semellantes) e están formados por moitas facetas simples que dan unha imaxe "pixelada", ou sexa, en mosaico (non imaxes múltiples, como a miúdo crese).

Na maioría dos vertebrados e nalgúns moluscos, o ollo funciona proxectando imaxes a unha retina sensible á luz, onde se detecta e transmítese un sinal correspondente a través do nervio óptico. O ollo polo xeral é aproximadamente esférico, cheo dunha substancia transparente xelatinosa chamada humor vítreo, que enche o espazo comprendido entre a retina e o cristalino, o humor transparente, atópase no espazo existente entre o cristalino e a córnea transparente, cuxa función é a de controlar o estado óptimo da presión intraocular, cun lente de enfoque chamado cristalino e, a miúdo, un músculo chamado iris que regula a cantidade de luz que entra e lle dá cor aos ollos.

Para que os raios de luz se poidan enfocar débense refractar. A cantidade de refracción que cómpre depende da distancia do obxecto que se ve. Un obxecto distante requirirá menos refracción que un máis próximo. A maior parte da refracción acontece na córnea, que ten unha curvatura fixa. O resto da refracción requirida dáse no cristalino. Ao avellentar, o ser humano vai perdendo esta capacidade de axustar o enfoque, deficiencia coñecida como presbicia ou vista cansa.

Os ollos máis simples non fan máis que detectar se as zonas ao seu redor están iluminadas ou escuras. Os máis complexos serven para proporcionar o sentido da visión.

Pé (anatomía)

En anatomía, o pé é unha estrutura biolóxica utilizada para a locomoción que se atopa en moitos animais. As súas características varían dun animal a outro.

Nos animais vertebrados, o pé é unha das estruturas máis complexas do corpo, con numerosos ósos, músculos e outros tecidos conectivos.

Retina

A retina é unha parte do ollo dos vertebrados responsábel da formación de imaxes. É como unha pantalla onde se proxectan as imaxes: retén as imaxes e tradúceas para o cerebro a través de impulsos eléctricos enviados polo nervio óptico.

Vulva

A vulva é a parte externa do órgano xenital feminino. Externamente pode ser revestida por pelos pubianos. Está constituída polos grandes labios (labia majora), revestidos internamente por tecido muscular. Enseguida hai un par de pregas mais finas, os pequenos labios (labia minora), que poden ou non estar incluídos nos grandes labios. No interior dos labios encóntrase o clítoris, o orificio urinario (abertura da uretra) e o orificio xenital (abertura da vaxina).

TA 2-4:
Músculo-esquelético
TA 5-11:
espláncnico/
vísceras
TA 12-16
Non-TA

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.