Neda

Neda é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ferrol, situado na ría de Ferrol. Segundo o IGE en 2014 tiña 5.327 habitantes (5.528 no 2009, 5.675 no 2006, 5.771 no 2005, 5.804 no 2004, 5.913 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «nedense».

Coordenadas: 43°30′2″N 8°9′26″O / 43.50056, -8.15722

Neda
Escudo de Neda
Casa do concello de Neda
Casa do Concello.
Situacion Neda
Situación
Xeografía
ProvinciaProvincia da Coruña
ComarcaComarca de Ferrol
Poboación5.112 hab. (2018)
Área23,8 km²
Densidade214,79 hab./km²
Entidades de poboación4 parroquias
Política (2019[2])
AlcaldeÁngel Alvariño Saavedra (PSdeG-PSOE)
ConcelleirosBNG: 1
PPdeG: 2
PSdeG-PSOE: 9
Outros: MOVENEDA: 1
Eleccións municipais en Neda
Uso do galego[3] (2001)
Galegofalantes30,18%
Na rede
www.neda.es
concello@neda.es

Xeografía

Neda é un pequeno municipio da Coruña, situado no fondo-leste da ría de Ferrol (ría de Xuvia, anteriormente, na Idade Media chamada mar de Neda[Cómpre referencia]). Conta cunha poboación que apenas supera os 5.800 habitantes, nunha superficie de 24 km², que se estenden, dende a ribeira da ría e seguindo polos vales dos ríos Belelle, Xuvia e Castro, en chaira, que vai ascendendo aos montes Ancos, Marraxón e Louseira.

O municipio de Neda mantivo unha permanente relación de complementariedade e dependencia co centro comarcal. Dela proveñen efectos inducidos, pero tamén as súas oscilacións viñeron en paralelo coas rexistradas polo municipio urbano.

Dentro dos 5512 habitantes totais 2697 son homes e 2815 mulleres. Ata os 30 anos é maior o número de homes que o de mulleres, pero a partir dese estrato invértese a tendencia para inclinar a composición global do municipio. Ao longo dos seus 23,8 km², o municipio de Neda presenta 4 parroquias: Anca, Neda (San Nicolás), Neda (Santa María) e Viladonelle.

Conforme o último nomenclátor de 1991, a zona de maior concentración territorial é Santa María, que conta con 3.876 habitantes, o 61,6% do total, seguida de San Nicolás, co 25,6%. Por outra parte obsérvase unha forte tendencia cara o asentamento nos núcleos, onde residen 5860 habitantes, o 93,2%, mentres o 6,8% restante lo faino en zonas diseminadas. En Neda contabilízanse 2.126 activos, dentro dos cales existen 1644 ocupados e 482 parados. O sector de maior incidencia para o conxunto municipal son os servizos. Neles ocúpanse 807 habitantes, o 49,1% do emprego total. Destacan principalmente os 207 cidadáns dedicados á rama do comercio e as reparacións, o 12,6% do emprego total do municipio; os 119 adicados á Administración Pública, defensa e servizos sociais, o 7,2%; e os 112 empregados na Educación, o 6,8%. En moitos casos estas actividades realízanse no concello veciño de Ferrol, dentro das actividades propias dun foco urbano, na Educación, Administración e Defensa.

Neda presenta unha taxa de actividade do 39,3% e unha taxa de ocupación do 30,4%. O paro rexistrado no INEM presenta unhas altas cifras de desemprego. En 1981 o municipio xa contaba con 490 parados, cifra que aumentou ata os 650 desempregados de 1988, cifra tope de desemprego no municipio, produto da reconversión industrial. No ano 93 mostrábase unha recuperación importante que deixaba índice de paro en 533 habitantes, aínda que sería en 1996 cando se mostre un mellor momento neste sentido, coa redución ata os 442 desempregados. Para 1997 aumentouse un pouco esta cifra, contabilizando, finalmente, 476 parados.

Ponte de Neda AP9 Xuvia
Ponte da ría de Ferrol, ao fondo a do ferrocarril.

O peso comercial de Neda é dunha interesante variedade, segundo recolle o anuario comercial de 1998, onde se reflicte a presenza no municipio de 3 oficinas bancarias; 69 actividades industriais, 29 delas adicadas á construción e 28 á industria manufactureira; 13 actividades comerciais maioristas e 93 actividades comerciais minoristas, 35 delas na contorna das actividades relacionadas coa alimentación. Ademais, o sector da restauración conta con 46 actividades de restauración, bares e hostalería. O tecido empresarial ven definido especialmente por unha serie de empresas concretas. Destaca a presenza de Galicia Textil fabricante de tecidos de algodón, que aporta a máxima facturación do municipio, co cadro de persoal máis amplo, 99 empregados, adicados ao campo téxtil.

Tamén cómpre destacar unha empresa adicada á construción e as actividades contratistas, que conta con 43 empregos directos. Á súa vez, temos que sinalar dous empresas maioristas, adicadas á rama da alimentación, unha dentro da actividade de produtos comestibles e outra en fariñas e cereais.

As principais vías de comunicación son a LC-1 (antiga N-VI) que comunica Betanzos con Ferrol, así como a C-642 cara a Ribadeo e a C-641 cara a Lugo. En 2003 inaugurouse o acceso á AP-9 ata Ferrol cunha nova ponte sobre a ría de Ferrol. A estación de Neda está na liña de ferrocarril entre Ferrol-A Coruña e Monforte de Lemos.

Historia

No actual concello de Neda hai castros en Marraxón (O Roxal-Anca), Castro de Ancos (Monte Ancos-Casadelos-Neda), Vilasuso (Neda) e o Castro de Viladonelle (O Castro-Viladonelle).[4]

Aínda que Neda aparece citada por primeira vez en documentos do século X (chamada "Nida" nun documento do ano 936), conserva restos megalíticos e castrexos, o que é indicativo da importancia desta zona desde a antigüidade. A súa capital, San Nicolás, mantén formas medievais e conserva edificacións dos séculos XVII e XVIII. Podemos afirmar que na Idade Media, Neda era unha vila importante, na que residían notables familias, algunhas enterradas na igrexa parroquial como os Esquiu.

Durante aqueles anos, Neda foi coñecida polo seu porto comercial e o seu estaleiro, no que foi construído o barco que participou na reconquista de Alxeciras, no ano 1344, o que fixo que o rei Afonso XI concedera a Neda os foros, que favoreceron a súa economía.

Se nos referimos ao patrimonio natural, temos que citar ao río Belelle, un dos seus eixos de desenvolvemento no pasado. Nos seus bordos tivo lugar a evolución da sociedade da vila, e as súas primeiras industrias forxáronse grazas ás súas augas. Hoxe en día persisten os muíños que abasteceron as industrias panadeiras, tanto dos pequenos negocios familiares como as denominadas "Casas Reales" ou "Fábricas do Bizcocho", propiedade da Casa dos Austrias, que subministraban o pan e as galletas consumidos polos mariñeiros nas travesías.

Na zona da cascada aínda se pode desfrutar da vexetación típica das fragas atlánticas, polo que podemos afirmar que algo nos queda daquelas fragas de Neda, famosas e apreciadas nos séculos pasados, grazas á boa e abundante madeira que ofrecían. Grazas a esta riqueza madeireira funcionaron os estaleiros na desembocadura do Belelle, ao tempo que se abastecían as vilas veciñas.

A riqueza natural desta zona fai que non sexa estraño atopar animais pouco visibles noutros lugares: miñatos, gabiáns, garzas e parrulos, que aniñan e medran na desembocadura, onde hai unhas interesantes marismas, nas que ás veces pódense ver lavercas.

O seu crecemento económico estivo moi vinculado ao río Belelle e a súa sona pola boa auga. A actividade de moenda e fabricación de alimentos para as reais fábricas que na ría se construíron para a Armada Española. Negocios que seguen a día de hoxe co Pan de Neda e o aproveitamento eléctrico do ría Belelle por Unión Fenosa e o río Xuvia pola empresa Galicia Textil.

Durante o 18 de xullo de 1936, a poboación obreira e sindicalista do concello tentou organizar certa resistencia ás forzas sublevadas e, algúns deles, dar apoio a infantería ferrolá fiel á República. Logo de esmagar a resistencia, a represión franquista contra os veciños do concello foi dura coma en toda a comarca de Ferrol. Organizáronse certos grupos guerrilleiros nos montes de Sansadurniño, Neda e Moeche que obtiveron certa relevancia durante os comezos da ditadura.

Poboación

Censo total 2014 5.327 habitantes
Menores de 15 anos 536 (10.06 %)
Entre 15 e 64 anos 3.245 (60.91 %)
Maiores de 65 anos 1.546 (29.02 %)

Fonte: INE

Evolución da poboación de Neda   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018
4.753 6.565 9.172 6.935 5.804 5.489 5.422 {{{13}}} {{{14}}}
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Economía

A economía do concello está baseada na pesca, a agricultura, explotación forestal e na súa grande empresa: Galicia Textil. Nos últimos anos o turismo estase a mostrar como outro importante factor. Por Neda pasa o Camiño Inglés. O novo pulo que deu a festa do Pan de Neda está a dar unha nova oportunidade de negocio a produtos de calidade. A construción de novos accesos como a AP-9 supuxeron outro factor importante.

Rutas e camiños

Camiño inglés

Véxase tamén: Camiño inglés.
Cruceiro de San Nicolás
Cruceiro de San Nicolás.

Atravesa o municipio cara Compostela e pódese unir co que vai ao norte cara ao santuario de Santo André de Teixido. A parte do camiño que pasa polo municipio nedense consiste en cruzar a ponte peonil (vindo polo paseo marítimo de Narón vese a simple vista, é unha ponte cun dobre arco), atopando o albergue enfronte, xunto a un parque e ao IES Fernando Esquío (dende Ferrol queda a uns 13 km). Logo seguindo polo paseo marítimo hai que chegar ata a Igrexa de Santa María de Neda, onde hai unha ponte peonil sobre o río Belelle unha vez cruzada , torceremos cara á dereita pola primeira rúa (Camiño do Paraíso), continuando por el ata a Torre do Reloxo, onde antigamente era o Hospital de Peregrinos, actualmente trátase da Casa Consistorial outro lugar onde asinar as credenciais. Seguimos cara a dereita pola Rúa Real, onde podemos ver casas asoportaladas dos séculos XVII-XVIII, ata a Rúa do Castro.

No cruzamento cóllese á dereita, xunto a Igrexa de San Nicolás de Neda do século XIV, que posúe un cruceiro dos más antigos de Galicia, logo retrocedemos para tomar á esquerda pola Praza da Reitoral e saír da Vila pola Avenida Morgado. Logo torcemos á dereita cara a estación do tren, pasando por debaixo da autoestrada e torceremos entón á esquerda,ata saír a estrada AC-115.

Seguimos por esa estrada uns metros cara á dereita e logo pola primeira á esquerda (camiño do Murallón), subimos por el ata o final. Torceremos a dereita baixando ata O puntal de Arriba, logo á esquerda por Conces, despois pola primeira bifurcación á esquerda ata a fonte e un lavadoiro, e despois á dereita, entrando no Concello de Fene.

Outras rutas

  • Camiño circular polo Marraxón.
  • Ruta circular de Neda, a chamada PRG-16
  • Ruta dos muíños.
  • Senda e travesía da Louseira.
  • Paseo marítimo do río Xuvia.

Festas

A Festa do Pan

Artigo principal: Pan de Neda.

A Festa do Pan de Neda é un evento anual para promover o produto gastronómico máis famoso da vila de Neda. Con esta festa preténdese exaltar e valorar o labor dos panadeiros e forneiros de Neda. A primeira celebrouse en 1989, organizouna a "A.VV. Ancos" facéndoa coincidir co remate das festas de Sta. María de Neda.

Celébrase o primeiro domingo de setembro, no seu inicio no recinto feiral de Albarón, pero a partir da XIX edición, a súa situación pasou ao paseo Marítimo de Xuvia, á altura do albergue de Peregrinos. O motivo polo que se modificou a súa situación foi facilitar o acceso a persoas maiores ou discapacitadas, que non lles resultaba moi doado chegar ata Albarón.

Festa de Santa María

As festas patronais de Neda celébranse cara ao 8 de setembro. A festa comeza coa tirada de bombas de palenque en honor a Santa María que anuncia o seu inicio. Despois celebrase unha misa solemne en honor a mesma virxe, o segundo día fanse actos semellantes. O último día de festa durante toda a tarde, celebrase todos os anos a festa dos nenos, en que se levan a cabo diversas actividades lúdicas .

Outras festas

En Neda celébranse outras festas como:

  • No Roxal, en honor a San Paio nos días 2 e 3 de maio.
  • Nos Pazos, en honor a San Isidro, o 15 de maio.
  • En Casadelos, en honor a San Antonio, o 13 de xuño.
  • En Anca, en honor a San Pedro, o 29 de xuño e en honor a Virxe dos Remedios o 12 de outubro.
  • Na Cobeluda, a festa do río, os días 1 e 2 de agosto.
  • Na Cruz do Pouso, en honor a San Roque, o 16 de agosto.
  • No Puntal, a festa da Mercede, o 24 de setembro.
  • En Viladonelle, en honor a San Andrés, o 30 de novembro.
Igrexa de San Nicolás de Neda
Igrexa de San Nicolás.

Patrimonio

Igrexa de San Nicolás

A Igrexa de San Nicolás de Neda encóntrase situada na rúa Reitoral e foi levada no século XV. É un templo de estilo gótico cunha soa nave, ábsida rectangular e capelas laterais. No seu interior merece especial mención, situado no presbiterio, o sepulcro de Diego Esquío. Nos seus arredores destaca o Cruceiro de San Nicolás. É un dos mellores exemplos de todo o municipio e foi realizados en granito galego no século XV. Da feitura orixinal consérvase só a Cruz gótica, unha das poucas que se conservan deste estilo en Galicia, coa imaxe do Cristo polas dúas caras e catro figuras ós seus pés.

Torre do Reloxo

A Torre do Reloxo encóntrase situada na rúa Calvo Sotelo, contigua á Casa Consistorial de Neda, e foi levantada no ano 1876 sobre os restos dun antigo edificio utilizado como hospital de peregrinos, a Casa Hospital e a Capela do Santo Espírito. Destacan os escudos da súa escaleira principal pertencentes ás familias señoriais dos Esquío e Andrade

Vila de Neda

A Vila de Neda é unha casona do século XIX situada na Estrada de Castela, ó seu paso pola Ponte de Xuvia. É un edificio de dúas plantas e mansarda, que destaca polo seu fermoso soportal cuberto situado na fachada principal. É un dos mellores exemplos de este tipo de construcións de todo o Concello

Casa da Rúa Castro

A Casa situada na Rúa Castro é un edificio de estilo tradicional levantado a finais do século XIX. Destaca o balcón de ferro forxado do seu piso superior, protexido por dúas fermosas galerías.

Casa Mariñeira

A Casa Mariñeira de Neda é un dos mellores exemplos de casa mariñeiras cos que conta o municipio. É un edificio de planta cuadrangular e dúas alturas, que destaca pola súa fermosa balaustrada decorada con flores de cores rechamantes.

Casa Rivero

A Casa Rivero encóntrase situada na Avenida de Xuvia de Neda. Foi construída no século XIX e posúe unha planta irregular.

Igrexa de Santa María de Neda
Igrexa de Santa María de Neda.

Igrexa de Santa María de Neda

A Igrexa de Santa María de Neda está localizada a escasos metros da Ponte do Río Belelle. Foi levantada no século XVIII e o seu estilo predominante é o barroco. É un templo de planta de cruz latina cunha soa nave dividida en tres tramos, que destaca pola súa torre campanario de dous corpos situada no centro da súa fachada principal e rematada por unha fermosa cúpula. No seu interior gárdase, situada no seu altar maior, a imaxe de madeira do Cristo de Cadea. O Cruceiro de Santa María atópase a carón da igrexa. Foi construído con granito galego e destaca pola figura de madeira do Cristo.

Muíños

  • Muíño do Parrando: Último muíño antes da desembocadura do río Belelle, situado á marxe esquerda da ponte de Santa María. Na actualidade é dunha vivenda.
  • Muíño do Cubo: Situado a marxe esquerda do río Belelle. O seu estado de conservación é bo pero non está en funcionamento. Na parte alta é unha vivenda e o cubo do muíño úsase como piscina.
  • Muíño da Roda ou de Marraxón: Situado á marxe esquerda do río Belelle, no lugar da Ponte Grande. O seu estado de conservación exterior é bo. É unha vivenda particular. O seu nome de Roda provén de que antigamente movíase cunha roda de aspas.
  • Muíño de Moncho: Está situado á marxe dereita do río. A súa presa da continuidade a unha seria de pequenos muíños situados nun canal. Na actualidade non está a traballar e o seu interior é unha vivenda con garaxe e cortellos.
  • Muíño do Tiniguilado : Está situado na marxe dereita do río. Aproveita as augas do Muíño de Moncho. O nome ven de que na beira do camiño había un alboio para gardar os carros da repartición de fariña. Úsase como vivenda.
  • Muíño do Foxo: Está situado na marxe dereita do río. Aproveita as augas dos muíños de Moncho e de Tinguilado. Agora é unha vivenda.
  • Muíño de Carballo ou de Balbina : Situado á marxe dereita do río Belelle no lugar da Ponte Grande . Traballou ata fai pouco tempo atendido polo muiñeiro Jenaro "O Galleto". A propiedade ten dúas pontes, que daban paso á xente a pé desde Pename ata A Mourela.
  • Muíño de Alejandro "O Carrizo": Situado á marxe esquerda do río Belelle no lugar da Mourela Baixa. Coñécese tamén como "Fábrica de papel da Mourela". O seu estado de conservación é bo, pero non traballa. Na planta alta ten vivendas. Seguindo as súas augas había un pequeno "chánquelo" (muíño pequeno que aproveitaba as augas do muíño principal).
  • Muíño de José Rico: Está situado na marxe dereita do río, no lugar de Camiño Vello. Na actualidade hai unha panadería.
  • Muíño de Bigotes: Está situado na marxe esquerda do río Belelle no lugar de Maciñeira. Traballou ata o ano 1970, ao morrer o seu coidador pasou a ser un taller de carpintería de aluminio. Logo foi unha piscifactoría e na actualidade está abandonado.
  • Muíño do Furgado: Está situado na marxe dereita do río Belelle. Aproveitaba as augas do canal do Muíño das Bombas e de Antonio Pilar. O seu estado é ruinoso.
  • Muíño de Antonio de Pilar : Está situado na marxe dereita do río Belelle. Aproveitaba as augas da canle do muíño e das Bombas para facer a moenda. Está restaurado e serve e vivenda particular.
  • Muíño de Luís de Canido: Está situado na marxe dereita do río Belelle. Está en período de recuperación. Neste lugar instaurouse unha colonia de verán. O muíño ten acceso polo de Luciano co que compartía cubo.
  • Muíño de Luciano: Está situado na marxe dereita do río Belelle. Na porta de entrada ao muíño, na parte alta, destaca unha cruz pero descoñécese o seu significado. O seu estado é ruinoso.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de Neda.
Igrexa de San Pedro de Anca
Igrexa de San Pedro de Anca 
Ponte peonil do Paseo da ribeira de Xuvia
Ponte peonil do Paseo da ribeira de Xuvia 
Placa altimétrica da casa do concello.
Placa altimétrica da casa do concello. 

Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Resultados eleccións 2019
  3. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014.
  4. Castros de Neda http://onosopatrimonio.blogspot.com.es
A Bacela, Santa María de Neda, Neda

A Bacela é un lugar da parroquia de Santa María de Neda no concello de Neda na provincia da Coruña. Tiña 25 habitantes no ano 2015 segundo datos do Instituto Galego de Estatística dos cales eran 12 homes e 13 mulleres.

A Costa da Silva, Santa María de Neda, Neda

A Costa da Silva é un lugar da parroquia de Santa María de Neda no concello de Neda na provincia da Coruña. Tiña 17 habitantes no ano 2015 segundo datos do Instituto Galego de Estatística dos cales eran 9 homes e 8 mulleres.

A Fábrica de Xuvia, Santa María de Neda, Neda

A Fábrica de Xuvia é un lugar da parroquia de Santa María de Neda no concello de Neda na provincia da Coruña. No 2015 estaba despoboado segundo datos do Instituto Galego de Estatística.

A Mourela do Medio, Santa María de Neda, Neda

A Mourela do Medio é un lugar da parroquia de Santa María de Neda no concello de Neda na provincia da Coruña. Tiña 88 habitantes no ano 2015 segundo datos do Instituto Galego de Estatística dos cales eran 38 homes e 50 mulleres.

Anca, Neda

San Pedro de Anca é unha parroquia que se localiza no leste do concello de Neda. Segundo o IGE en 2013 tiña 604 habitantes (298 mulleres e 306 homes) distribuídos en 21 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 2004 cando tiña 621 habitantes.

Na xurisdición eclesiástica forma parte do arciprestado de Xuvia, pertencente á diocese de Mondoñedo-Ferrol.

Bernés, Santa María de Neda, Neda

Bernés é un lugar da parroquia de Santa María de Neda no concello de Neda na provincia da Coruña. Tiña 34 habitantes no ano 2045 segundo datos do Instituto Galego de Estatística dos cales eran 18 homes e 16 mulleres.

Camiño da Mercé, Santa María de Neda, Neda

Camiño da Mercé é un lugar da parroquia de Santa María de Neda no concello de Neda na provincia da Coruña. Non tiña habitantes no ano 2015 segundo datos do Instituto Galego de Estatística.

Neste lugar está o Pazo da Mercé, construído xunto a ribeira da ría de Ferrol, que funciona como hospedaxe.[Cómpre referencia]

Camiño da Ponte Grande, Santa María de Neda, Neda

Camiño da Ponte Grande é un lugar da parroquia de Santa María de Neda no concello de Neda na provincia da Coruña. Tiña 71 habitantes no ano 2015 segundo datos do Instituto Galego de Estatística dos cales eran 34 homes e 37 mulleres.

Casadelos, Santa María de Neda, Neda

Casadelos é un lugar da parroquia de Santa María de Neda no concello de Neda na provincia da Coruña. Tiña 228 habitantes xunto con Xuvia no ano 2015 segundo datos do Instituto Galego de Estatística dos cales eran 106 homes e 122 mulleres.

Comarca de Ferrol

A comarca de Ferrol é unha comarca galega situada na provincia da Coruña e a súa capital é Ferrol. A ela pertencen os concellos de Ares, Cedeira, Fene, Ferrol, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño. Limita ao norte e ao este co océano Atlántico, ao leste coa comarca do Ortegal e ao sur coa comarca do Eume. Ten unha extensión de 623,5 km² e conta cunha poboación de 159.422 habitantes no 2014, distribuídos en 11 concellos.

Cordal de Neda

O cordal de Neda é unha serra miúda que forma parte das serras setentrionais de Galiza, situada entre os concellos da Pastoriza e Abadín, no límite norte da comarca da Terra Chá. É de relevo achaiado e ten unha altitude máxima de 798 metros sobre o nivel do mar, concretamente no monte Neda.

Estación de Neda

Neda é unha estación de Adif situada na vila de Neda, na provincia da Coruña. Ten paradas comerciais de Media distancia operadas por Renfe.

Neda, Neda

San Nicolás de Neda é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Neda. Segundo o IGE en 2013 tiña 1.475 habitantes (750 mulleres e 725 homes) nunha soa entidade de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 1.635 habitantes.

Na xurisdición eclesiástica forma parte do arciprestado de Xuvia, pertencente á diocese de Mondoñedo-Ferrol.

O Camiño Vello, Santa María de Neda, Neda

O Camiño Vello é un lugar da parroquia de Santa María de Neda no concello de Neda na provincia da Coruña. Tiña 33 habitantes no ano 2015 segundo datos do Instituto Galego de Estatística dos cales eran 18 homes e 15 mulleres.

Os Alcallás, Santa María de Neda, Neda

Os Alcallás é un lugar da parroquia de Santa María de Neda no concello de Neda na provincia da Coruña. Tiña 10 habitantes no ano 2015 segundo datos do Instituto Galego de Estatística dos cales eran 5 homes e 5 mulleres.

Santa María de Neda, Neda

Santa María de Neda é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Neda. Segundo o IGE en 2011 tiña 3.261 habitantes (1.689 mulleres e 1.572 homes) distribuídos en 61 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 3.811 habitantes. Na xurisdición eclesiástica forma parte do arciprestado de Xuvia, pertencente á diocese de Mondoñedo-Ferrol.

Viladonelle, Neda

Santo André de Viladonelle é unha parroquia que se localiza no sueste do concello de Neda na comarca de Ferrol. Segundo o IGE en 2013 tiña 106 habitantes (50 homes e 56 mulleres) distribuídos en 5 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 113 habitantes.

Na xurisdición eclesiástica forma parte do arciprestado de Xuvia, pertencente á diocese de Mondoñedo-Ferrol.

Xosé Ramón Vázquez Sandes

Xosé Ramón Vázquez Sandes, nado en Santa María de Neda o 1 de setembro de 1929 e finado o 7 de outubro de 2016, foi un xuíz galego e Valedor do Pobo entre 2002 e 2007.

Xuvia, Santa María de Neda, Neda

Xuvia é un barrio de Santa María de Neda no concello de Neda na provincia da Coruña. Segundo o IGE, en 2015 tiña 228 habitantes (106 homes e 122 mulleres) xunto con Casadelos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.