Natación

A natación é a actividade física do home e doutros animais que consiste en se desprazar na auga, por medio de movementos dos brazos e pernas, polo xeral sen ningún instrumento artificial. É un deporte aeróbico, xa que nel se moven de forma coordinada tódolos grupos musculares e está comprobado que serve para mellora-la resistencia física.[Cómpre referencia]

A natación era orixinalmente un medio de supervivencia do home, que en tempos primitivos precisaba fuxir de animais maiores ou cazar por entre ríos e lagos. Actualmente a natación é sobre todo unha práctica recreativa e un deporte, utilizándose eventualmente para salvar persoas do afogamento. Tamén existe a natación asociada ao traballo, como no caso dos recolectores de perlas, algúns tipos de pescadores e os científicos que investigan a fauna e flora marítimas.

Diversos animais posúen a capacidade de nadar por instinto; o home precisa desenvolvela. Porén, unha vez aprendida, xamais se esquece. A práctica da natación considérase un dos mellores exercicios físicos existentes.

Os seus usos principais son o baño, o mergullo, a pesca submarina, salvamento acuático, actividade lúdica, exercicio e deporte.

Swimming.breaststroke.arp.750pix
Imaxe dunha persoa practicando a natación.

Deporte

A natación insírese nos deportes acuáticos. O obxectivo dunha competición de natación é determinar cal é o nadador máis rápido. Existe unha serie de regulamentos acerca das competicións da natación. A regra básica separa o modo polo cal o atleta gaña impulso na auga en catro estilos diferentes:

Cada un deses estilos ten especificacións en canto á posición do tórax do atleta e ao movemento de pernas e brazos. No estilo crol, por exemplo, o atleta posiciónase co peito voltado para o fondo da piscina, en posición horizontal no nivel de auga; os brazos saen da auga en posición paralela ao corpo, xogándose para fronte por riba da auga, alternadamente (en canto un vai para diante, o outro brazo volta para tras por baixo da auga); as pernas móvense para diante e para tras tamén alternadamente. Xa no nado bolboreta, o atleta tamén fica co peito voltado para o fondo da piscina, mais xoga os dous brazos ao mesmo tempo para fronte e produce un movemento tamén sincronizado coas pernas, para riba e para baixo. No nado de costas o atleta fica co peito voltado para riba, e as costas voltadas para o fondo da piscina.

A piscina oficial de competicións mide 50 metros de longo. Debe conter 8 raias, separando corredores de 2,5 metros de ancho, cun espazo suplementario mínimo de 20 centímetros ao lado das raias externas. A profundidade debe ser igual ou superior a 1,35 metros. A auga debe estar a unha temperatura entre 25 °C e 28 °C nas competicións.

No ámbito internacional, a natación competitiva organízase pola FINA (Fédération Internationale de Natation).

Historia

Antigüidade

Dende épocas primitivas, o ser humano tivo que adaptarse ó medio que o rodea, e un deles é o acuático. Se temos en conta que a superficie do planeta Terra está formada nas súas tres cuartas partes de auga, poderemos comprender a importancia e a necesidade do home de adaptarse a este medio.

A natación coñécese dende a época prehistórica, como o demostran debuxos da Idade de Pedra na Caverna do Nadador, preto de Wadi Sora (ou Sura), na parte suroeste de Exipto. As referencias escritas datan dende o ano 2000 a.C., incluído Gilgamesh, A Ilíada, a Biblia (Ezequiel 47:5, Actos 27:42, Isaías 25:11), Beowulf e outras sagas.

En 1538, Nicolas Wynman, profesor alemán de idiomas, escribiu o primeiro libro sobre a natación, titulado: Colymbetes.

Idade Moderna

Mosul-swimming
Piscina en Mosul, Iraq.

A natación competitiva en Europa empezou ó redor do ano 1800, principalmente usando o estilo de braza. O estilo crawl, entón chamado trudgen, foi introducido en 1873 por John Arturh Trudgen, que o copiou dos indios nativos de América.

A natación pasou a formar parte dos primeiros Xogos Olímpicos modernos de 1896 en Atenas. En 1902, o "estilo trudgen" foi mellorado por Richard Cavill, usando a patada continua. En 1908 creouse a Asociación Mundial de Natación.

O estilo bolboreta foi nun principio unha variación do estilo braza, ata que foi aceptado como un estilo autónomo en 1952.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Asociación Coruñesa de Waterpolo

A Asociación Coruñesa de Waterpolo (CACWP) é un club de waterpolo da cidade da Coruña, e formado pola escisión de varios xogadores do CN Coruña que, descontentos co equipo e a federación decidiron participar na Liga Galega de Waterpolo como equipo independente. En 2019 competían na Segunda División Galega de Wáter-polo.

CRC Pozuelo

O Canoe Rugby Club Pozuelo ou CRC Pozuelo é unha entidade deportiva de Pozuelo de Alarcón (Comunidade de Madrid) adicada ó rugby, que compite na División de Honra. Conta cun dos palmarés máis importantes de España con cinco títulos de liga e dez de copa entre outros trofeos. Ten a súa sede na Cidade Deportiva Valle de las Cañas, onde disputa os seus encontros. Entre 2012 e 2014 o primeiro equipo masculino foi denominado Rugby Atlético de Madrid por razóns comerciais.

As cores tradicionais da entidade son o amarelo, o azul e o branco, herdadas do Real Canoe Natación Club no que naceu como sección de rugby en 1963 e do cal se independizou a comezos do século XXI.

Club Atlético Osasuna

O Club Atlético Osasuna (en éuscaro Osasuna significa saúde ou vigor) é un club deportivo de España con sede en Pamplona, en Navarra. Ten seccións de natación e pelota vasca, pero a máis coñecida é a de fútbol, onde actualmente xoga na Primeira División.

É o club de fútbol máis importante de Navarra por palmarés e historia, cun total de 30 tempadas en Primeira División, 33 en Segunda e 12 en Terceira. Historicamente, é o 16° mellor equipo de España. Foi subcampión da Copa do Rei nunha ocasión, e participou nunha fase previa da Liga de Campións e en catro edicións da Copa da UEFA, competición na que acadou as semifinais en 2007. En decembro de 2006 foi nomeado club do mes do mundo pola IFFHS despois de catro vitorias consecutivas en Liga e outra na Copa da UEFA.É un dos catro únicos equipos profesionais de España, xunto con Athletic Club, FC Barcelona e Real Madrid, que non é unha sociedade anónima deportiva, de maneira que a propiedade do club recae nos seus socios.

Club Natación A Coruña

O Club Natación A Coruña é un club de waterpolo da Coruña, que actualmente milita na Liga Galega de Waterpolo.

Club Waterpolo Pontevedra

O Club Waterpolo Galaico Pontevedra é un club galego de waterpolo fundado no ano 1998 na cidade de Pontevedra. Na temporada 2017-2018 participou na Liga Galega de Waterpolo. Conta con equipos en categorías infantís, cadete, xuvenil e absoluta. Os seus partidos e adestramentos realízanos na piscina de Campolongo dende o ano 2004. Anteriormente utilizaba para os adestramentos e para os encontros oficiais as piscinas da Mariña de Marín ou a municipal de Caldas de Reis.

Club Waterpolo Santiago

O Club Waterpolo Santiago é un club de waterpolo con incidencia na cidade de Santiago de Compostela e tamén en toda a comarca de Santiago. Fundouse no ano 2004 ao separarse do Club Natación Santiago, que non só abarcaba o deporte do waterpolo, se non tamén a natación. Conta na actualidade con 90 socios e un orzamento de 17.000 euros. O Waterpolo Santiago ten como piscina de xogo a de Santa Isabel, á que se lle suma a piscina do Sar nos adestramentos. Conta con equipos alevín mixto, infantil mixto, cadete mixto, xuvenil e absoluto, cun total de 60 waterpolistas entre tódalas categorías.

Natación sincronizada

A natación Sincronizada é unha disciplina derivada da natación e que consiste nunha especie de ballet na auga onde as competidoras (maioritariamente mulleres) realizan unha coreografía flotando e facendo figuras acrobáticas guiadas en gran parte pola música. Combina a natación, a danza e a ximnasia e é un deporte olímpico.

Existen tres modalidades de competicións: individual, dúos e por equipos. Seguindo o ritmo da música, as nadadoras realizan figuras acrobáticas na piscina, tanto baixo a auga como na superficie.

Piscina

Unha piscina é un lugar onde se practica a natación e outros deportes acuáticos coma o waterpolo. Empréganse derivados de cloro para mantelas limpas, e contrólase a súa pH e en ocasións ata a temperatura da auga.

Así mesmo, existen varias modalidades, como as fixas, as portátiles e as desmontables. E de distintos materiais, como poliéster, de concreto, recubertas de mosaico etc.

Dentro do ámbito deportivo podemos diferenciar tres grandes tipos de piscinas: a piscina de 50 metros, ou piscina olímpica, denominada así por ser a piscina oficial dos Xogos Olímpicos, a piscina de 25 metros e a piscina de saltos, de menores dimensións. Os seus usos deportivos son moi variados, utilizándose no campo da natación, o waterpolo, a natación sincronizada ou os saltos.

Pleuronectiformes

A dos pleuronectiformes (Pleuronectiformes), coñecidos popularmente como peixes planos, é unha orde de peixes teleósteos, caracteriasos por ter o corpo comprimido lateralmente e que, por viviren acostados sobre un dos seus lados nos fondos areosos, sofren unha modificación que consiste na migración dun ollo ao outro lado, de tal modo que presentan un lado cego, non pigmentado, que é o que se pousa no fondo, e outro cos dous ollos, pigmentado, que é o que aparece como superior (aínda que realmente sexa un dos costados do peixe).Esta asimetría bilateral (son os únicos vertebrados coa simetría bilateral alterada) só aparece nos exemplares adultos, xa que cando nacen presentan a morfoloxía típica de calquera peixe, cun ollo a cada lado e natación vertical.

Segundo as familias, o lado pigmentado pode ser o dereito, coma no linguado, ou o esquerdo, coma no rodaballo.

Para sabermos cal é o lado dereito ou o esquerdo dun peixe hai que colocalo sobre unha superficie co lado pigmentado cara a arriba e de forma que vexamos os ollos por riba da boca: se o peixe queda mirando á esquerda (coa cabeza á esquerda do observador e a cola á dereita) será un peixe esquerdo; se queda mirando á dereita, será un peixe dereito.

O nome procede dos termos do grego antigo πλευρά pleurá, "costado", "lado", "flanco" e νηκτόν nēktón "acto de nadar", "natación", derivado do verbo νήχειν nḗchein, "nadar", pola forma característica de nadar de lado, aos que se lle engade o sufixo latino -iformes, "en forma de", propio nos nomes das ordes de peixes (e das de aves).

Aparecen por primeira vez no rexistro fósil no paleoceno, hai uns 65 millóns de anos, durante o paleóxeno ou terciario temperán.A orde comprende moitas especies de grande interese pesqueiro, amplamente consumidos como alimento, entre outros os linguados, o rodaballo, as sollas, os rapantes e os fletáns.

Real Club Náutico de Vigo

O Real Club Náutico de Vigo é un club náutico da cidade de Vigo. O seu club de remo compite actualmente na Liga Galega de Traiñeiras, competición que gañou no 2008.

Tríatlon

O tríatlon é un deporte individual e de resistencia, que reúne tres disciplinas deportivas: a natación, o ciclismo e a carreira a pé, por esta orde e ininterrompidamente, de xeito que se realizan unhas transicións altamente regulamentadas entre unha especialidade e outra, sen deixar a proba. A natación pode practicarse tanto en mar como en lago, máis ou menos artificial.

É seguramente un dos deportes máis duros que existen no panorama competitivo internacional actual. Os deportistas que o practican manteñen un severo calendario de adestramentos para poder facer fronte ás esixentes condicións das probas, tanto físicas como psicolóxicas.

Galiza conta con campións de gran renome no tríatlon masculino, como Iván Raña ou Xavier Gómez Noia, ademais dunha selección galega de tríatlon que competiu internacionalmente en probas da Copa de Europa.

O tríatlon foi incluído entre as disciplinas olímpicas nos Xogos Olímpicos de 2000, en Sydney. Administrativamente, o tríatlon depende en Galiza da Federación galega de tríatlon e péntatlon moderno.

Wáter-polo

O wáter-polo, tamén chamado polo acuático[Cómpre referencia], é un deporte que se practica nunha piscina onde se enfrontan dous equipos. O obxectivo do xogo é marcar o maior número de goles na portería do equipo contrario.

O campo de xogo e un rectángulo de 30 por 20 metros e as porterías son de 90 cm de alto e 3 metros de longo.

Os equipos contan con seis xogadores máis un porteiro. Diferéncianse pola cor do gorro de natación, que pode ser azul ou branca, exceptuando a dos porteiros que sempre son vermellas.

Xogos Olímpicos de 1900

Os II Xogos Olímpicos da Era Moderna realizáronse en 1900, en París, Francia, terra natal do seu creador, o Barón Pierre de Coubertin. Infelizmente, por cuestións políticas, os Xogos foron integrados na Exposición Universal de París, unha grande feira mundial de comercio realizada por Francia na época, e por ter sido diluídos ó longo de máis de cinco meses, entre o 14 de maio e o 28 de outubro, non tiveron ningunha relevancia, sendo unanimemente considerados un fracaso.

Oficialmente, en Francia, as xogos foron bautizados como Concurso Internacional de Exercicios Físicos e de Deportes, e os participantes chegaron a imaxinar todo menos que participaban nunha celebración deportiva, tantas eran as actividades paralelas nas artes e no comercio ofrecidas pola feira. Alén diso, París non posuía ningún complexo deportivo olímpico e as probas de atletismo disputáronse no medio dos bosques e árbores do Bois de Boulogne e a natación en plena corrente do río Sena.

O Comité Olímpico Internacional tivo pouca influencia na condución destes Xogos, competendo á organización da Exposición Universal a organización dos eventos. Como a organización consideraba o deporte unha actividade secundaria, as diferentes modalidades foron espalladas polos diversos locais da Exposición e moitas veces con clasificacións canto menos curiosas. Particularmente, a organización clasificou a ximnasia na sección de "deporte escolar para nenos", esgrima na sección de "coitelería" e remo na sección de "socorrismo".

Adicionalmente, ó longo da Exposición Universal e concorrentemente coas modalidades olímpicas realizáronse eventos en moitos outros deportes, tales como motonáutica, carreiras en globo, natación subacuática, natación con obstáculos e tiro ós pombos, que non foron recoñecidos como modalidades olímpicas, polo que eses eventos non se consideran parte dos Xogos Olímpicos de 1900.

Por mor da grande confusión que foi a organización dos Xogos da II Olimpíada, o número de participantes (e mesmo de modalidades) varía largamente de acordo con diferentes fontes. De acordo co Comité Olímpico Internacional participaron 997 atletas, representando 24 estados e competindo en 20 modalidades.

En fútbol, soga-tira, polo, remo e tenis, competiron equipos mixtas, compostos por atletas de diferentes nacións.

Xogos Olímpicos de 1912

Os Xogos Olímpicos de 1912 realizáronse en Estocolmo, capital de Suecia, entre o 5 de maio e o 27 de xullo coa participación de 2407 atletas (48 mulleres) de 28 países. Abertos oficialmente polo Rei Gustavo V, os xa bastante concorridos, prestixiados e famosos Xogos foron un modelo da eficiencia sueca e o primeiro no que compareceron atletas de todos os cinco continentes representados na bandeira olímpica.

Dotados dunha estrutura nunca antes vista, estes foron os primeiros Xogos que utilizaron un, na época, moderno sistema de son con altofalantes espallados polo complexo olímpico e pola cidade, para informar sobre os resultados de cada deporte disputado; alén diso, Estocolmo empregou por primeira vez un sistema de fotografías e cronometraxe semieletrónica, para a marcación dos tempos da Natación e do Atletismo.

Foron tamén os primeiros onde houbo unha cerimonia coreografada de apertura, antes da entrada das delegacións nacionais, realizada por douscentos rapaces vestidos de branco no centro do campo do Estadio Olímpico.

Xogos Olímpicos de 1968

Os Xogos Olímpicos de 1968 foron realizados en Cidade de México entre o 12 e o 27 de outubro de 1968. Por primeira vez os Xogos celebráronse en América Latina e a altitude de 2.300m por riba do nivel do mar da capital mexicana xerou controversias sobre os danos que o aire menos denso podería causar no desempeño dos atletas. Realmente, a altitude prexudicou o desempeño dos atletas nas probas de resistencia e de longa distancia, como o ciclismo, a natación e o maratón, mais en compensación axudou a provocar un torrente de marcas mundiais e olímpicas nos eventos máis curtos e de esforzo mais rápido como as carreiras de menos de 800m, halterofilia, lanzamento de xavelina e outros.

O ano de 1968 foi un ano bastante confuso e violento, coa guerra de Vietnam, a Revolución Cultural na China, a invasión soviética de Checoslovaquia acabando coa chamada Primavera de Praga , revoltas estudantís, marchas polos dereitos civís e enfrontamentos raciais por todo o planeta. México tamén deu a súa contribución ó clima que marcaba esta época, cando tropas federais do goberno reprimiron sanguinariamente a centenares de estudantes durante manifestacións na Praza das Tres Culturas, dez días antes da cerimonia de apertura dos Xogos, no que ficou coñecido como o Masacre de Tlatelolco, manchando irremediablemente o espírito olímpico pregado polo COI e polo seu fundador, o Barón de Coubertin, provocando case o cancelamento do evento.

Por primeira vez o número de estados participantes pasaba de cen, nunha demostración de prestixio, interese e popularidade inegables conquistados polos Xogos Olímpicos, que atraeron o comparecemento de 112 países, nun total de 5.516 atletas, sendo 781 mulleres.

Xogos Olímpicos de 1988

Os Xogos Olímpicos de 1988, oficialmente chamados Xogos da XXIV Olimpíada, foron realizados en Seúl, capital da Corea do Sur, entre o 17 de setembro e o 2 de outubro de 1988, coa participación récord de 159 países e 8.465 atletas, entre eles 2.194 mulleres.

Após os boicots ocorridos nos xogos anteriores en Montreal, Moscova e Os Ánxeles, estes Xogos tiveron a presenza de estados de todo o planeta, a excepción de Corea do Norte, a súa veciña comunista, que non tivo atendido o seu pedido para unha co-participación como sede olímpica e de Cuba.

Países como Etiopía, Illas Seychelles e Nicaragua tampouco participaron debido a dificultades económicas para enviaren os seus equipos.

Os Xogos de Seúl lémbranse polo seu suceso máis escandaloso: o dopaxe do velocista canadense Ben Johnson, que conseguira unha medalla de ouro e unha marca mundial na proba dos 100 metros lisos.

Xogos Olímpicos de 1992

Os XXV Xogos Olímpicos foron realizados en Barcelona, Cataluña, terra natal do presidente do Comité Olímpico Internacional, Juan Antonio Samaranch, entre o 25 de xullo e o 9 de agosto de 1992 coa participación de todos os países filiados ao COI, 169 estados, por primeira vez dende os Xogos de Múnic en 1972.

Dende os Xogos anteriores, en 1988, o mundo testemuñou importantes mudanzas políticas. O Apartheid foi abolido en Suráfrica, o que permitiu o retorno deste país aos Xogos, despois de 32 anos de ausencia. Coa caída do Muro de Berlín en 1989, Alemaña volveu a participar como un só estado, así como Iemen. A URSS foi dividida en quince países independentes após o colapso do comunismo que participaron baixo unha soa bandeira, a CEI, Comunidade dos Estados Independentes. As repúblicas bálticas de Estonia, Letonia e Lituania, so dominio soviético dende a II Guerra Mundial, participaron baixo a súa propia bandeira como nacións independentes, a primeira vez dende 1936.

O desmembramento de Iugoslavia levou a Croacia, Bosnia e Hercegovina e Eslovenia a participaren cos seus propios equipos nacionais. A Iugoslavia remanescente non foi aceptada nos Xogos, por causa da súa agresión militar aos pobos veciños, mais atletas iugoslavos participaron individualmente, baixo bandeira olímpica.

A cerimonia de apertura dos Xogos, feita polo Rei Xoán Carlos I, contou coa entrada da delegación española levando á cabeza o propio Príncipe de Asturias, herdeiro do trono español, Filipe de Borbón, integrante do equipo español de Vela, 32 anos após a participación de súa nai, a Raíña Sofía, grega de nacemento, no equipo de Vela de Grecia nos Xogos de Roma en 1960. A pira olímpica, nun efecto visual espectacular, foi acesa por unha frecha en fogo disparada polo arqueiro parapléxico Antonio Rebollo.

Xogos Olímpicos de 2000

Os XXIV Xogos Olímpicos de Sidney, Australia, realizados entre o 15 de setembro e o 1 de outubro do ano 2000 e tamén coñecidos como Xogos do Milenio, foron os maiores organizados até o de entón, con 10.651 atletas de 199 países competindo en 300 eventos deportivos. Sucedéronse nunha atmosfera pacífica e estiveron ben organizados.

Australia, país anfitrión, preparouse para os seus Xogos coa intención de tornarse unha potencia olímpica e conquistou a espectacular marca de 58 medallas, sendo 16 de ouro, ficando na cuarta posición no cadro de medallas final dos Xogos, a mellor participación da súa historia.

Xogos Olímpicos de 2012

Os Xogos Olímpicos de 2012, correspondentes aos Xogos da XXX Olimpíada, tiveron lugar en Londres entre o 27 de xullo e o 12 de agosto de 2012.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.