NASA

Este artigo trata sobre a Administración Nacional para a Aeronáutica e o Espazo, para a arte de pesca véxase nasa.
NASA Worm logo
Logotipo chamado verme ("Worm") da NASA, usado entre 1975 - 1997.

A National Aeronautics and Space Administration (NASA, "Administración Nacional para a Aeronáutica e o Espazo") é a axencia do goberno norteamericano responsable do programa espacial dos Estados Unidos de América e a súa investigación aeroespacial xeral a longo termo. Establecida no 1958, é unha organización civil que dirixe e supervisa a investigación civil e militar nos sistemas aeroespaciais.

NASA
NASA logo
logo da NASA
PropietarioEstados Unidos de América
Establecido29 de xullo de 1958 (61 anos)
SedeWashington, D.C.
LemaFor the Benefit of All
(Polo beneficio de todos)
AdministradorCharles Bolden
Orzamento21.500Crecente (crecemento)$ (2019)[1]
Webhttp://www.nasa.gov

Visión e misión

Ten por propósito mellorar a vida na Terra, estender a vida, e atopar vida máis aló. As súas misións son coñecer e protexer o planeta Terra, explorar o Universo e investigar a vida extraterrestre, e inspirar a seguinte xeración de exploradores.

Historia

Carreira espacial

Mercury 3
Lanzamento da nave espacial 'Mercury-Redstone 3' con Alan Shepard a bordo, o primeiro voo espacial tripulado americano.

Seguindo o programa espacial soviético, que lanzou ao espazo o primeiro satélite feito polo ser humano (Sputnik 1) o 4 de outubro de 1957, a atención dos EUA dirixiuse cara aos seus propios esforzos espaciais. O Congreso, alarmado pola perda de liderado percibido como unha falta de seguridade, urxiu unha acción forte e rápida. O Presidente Dwight D. Eisenhower e os seus conselleiros tomaron medidas máis precisas. Varios meses de debate concluíron co acordo de crear unha nova Axencia Federal para realizar actividades non militares no espazo.

O 29 de xullo de 1958, o Presidente Eisenhower asinou a "National Aeronautics and Space Act", establecendo a "National Aeronautics and Space Administration" (NASA). Comezou a operar o 1 de outubro de 1958, consistindo daquela en catro laboratorios e uns 8.000 empregados do goberno na axencia aeronáutica que contaba daquela 46 anos, o National Advisory Committee for Aeronautics (NACA, Comité consultor nacional para a aeronáutica).

Os primeiro programas da NASA foron de investigación para o voo tripulado, e foron levados baixo a presión da competición entre os EUA e a URSS, a 'carreira espacial' que se realizou durante a chamada guerra fría. O Programa Mercurio (Mercury Program) foi iniciado no 1958 pola NASA co fin de explorar o espazo con misións tripuladas, comezando por indagar sinxelamente se o home podía sobrevivir no espazo. O 5 de maio de 1961, o astronauta Alan Shepard foi o primeiro americano no espazo, pilotando a nave Mercury-Redstone 3 nun voo suborbital de 15 minutos. John Glenn foi o primeiro norteamericano en dar a volta á Terra o 20 de febreiro de 1962 durante o voo de 5 horas do Mercury-Atlas 6 .

Proxecto Apollo

Artigo principal: Proxecto Apollo.

Unha vez que o programa Mercurio probou que os voos espaciais tripulados eran posibles, lanzouse o proxecto Apollo para facer traballos no espazo e poñer o home arredor da lúa (non sobre ela). A liña operativa do programa Apolo foi radicalmente alterada polo seguinte Presidente, John F. Kennedy, quen anunciou o 25 de maio de 1961 que os Estados Unidos se propoñían "aluar un home e retornalo a salvo á Terra" para 1970. Así o programa tivo o obxectivo de levar un home á Lúa. O Programa Gemini comezou prontamente para subministrar unha nave e probar técnicas para Buzz Aldrin camiña sobre a superficie da Lúa no Apolo 11.

Tras oito anos de misións preliminares, incluídas as primeiras perdas de astronautas co Apollo 1, o programa Apolo conseguiu o seu propósito co Apollo 11, que lanzou a Neil Armstrong e Buzz Aldrin á superficie da Lúa o 20 de xullo de 1969 e devolveunos á Terra o 24 de xullo. As primeiras palabras tras a aluaxe do Eagle foron: "É un pequeno paso para un home, pero un gran paso para a humanidade" ("That's one small step for [a] man, one giant leap for mankind.") Outros dez homes foron lanzados á Lúa ata a fin do programa Apolo en decembro de 1972.

A NASA ganou a carreira espacial, o que a deixou en certo sentido sen unha dirección concreta, ou polo menos sen a atención pública e interese, o que é necesario para ter fondos do Congreso. O desastre do Apollo 13, no que unha explosión de osíxeno danou os tres astronautas, axudou a atraer de novo a atención, mais aínda que foron planeadas misións ata a Apollo 20 e máis, a Apollo 17 foi a derradeira da serie. Cortes orzamentarios (en parte a causa da guerra de Vietnam) planearon sobre o fin do programa, e contribuíron a crear a necesidade dun vehículo reusable.

Continuación

O proxecto Apollo non tivo continuación durante moito tempo. No 2019 a NASA está na procura de socios para o desenvolvemento de vehículos lunares reusables para usar a partir do 2024, coa vista na volta de persoas á Lúa no 2028.[2]

Outras misións dos primeiros tempos

Aínda que a grande maioría do orzamento foi empeñado nos voos tripulados, houbo neste tempo moitas misións sen tripulación. En 1962 lanzouse a Mariner 2, primeira nave en sulcar os ceos doutro planeta; neste caso Venus. Despois, as dúas Viking aterraron en Marte e enviaron imaxes en cor. Mais pode que o máis impresionante fose o programa Pioneer e particularmente o programa Voyager, misións que visitaron Xúpiter, Saturno, Urano e Neptuno e enviaron datos científicos e imaxes a cor de todos eles.

Asemade, neste período cambiou a visión entre os programas espaciais americano e da Unión Soviética. O 17 de xullo de 1975 un propulsor Apolo (que atopou así un novo uso tras a cancelación do Apollo 18) foi preparado para o Soyuz 19. Este foi un punto de inflexión histórica en plena guerra fría, marcando unha era de cooperación internacional nova. A primeira estación espacial americana, Skylab, ocupou a actividade principal da NASA ata o final dos 70.

A Era Shuttle (Lanzadeiras Espaciais)

Space Shuttle Columbia launching
Transbordador Espacial Columbia, abril 1981.

A Transbordador espacial foi o proxecto estelar da NASA no final dos 1970 e os 1980. Planeadas para ser lanzadas con frecuencia e reusábeis na súa meirande parte, construíronse catro lanzadeiras cara 1985. A primeira, Transbordador espacial Columbia, foino o 12 de abril de 1981.

As lanzadeiras non representaron un éxito tan rotundo para a NASA: os voos foron moito máis caros do previsto ao inicio e aínda tras o desastre de 1986 do Transbordador espacial Challenger, que amosou os riscos dos voos espaciais, o público perdeu de novo interese, tomando as misións un carácter ordinario.

A pesar diso, as lanzadeiras foron usadas para lanzar proxectos clave como o Teslescopio Espacial Hubble (HST segundo as súas siglas en inglés). O HST fíxose cun orzamento relativamente pequeno de 20 000 millóns de dólares, pero continúa en operación desde 1990 e fixo as delicias dos científicos e o público. Algunhas das imaxes tomadas xa son case lenda, como as do Campo Profundo. O HST é un proxecto conxunto coa ESA, e o seu éxito abriu a vía dunha maior colaboración entre ambas.

En 1995 volveu a haber colaboración ruso-americana co comezo das misións Shuttle-Mir, e de novo houbo unha ensamblaxe entre unha nave americana e un aparello ruso. Esta cooperación non se volveu interromper ata o presente, participando ambas na Estación Espacial Internacional (ISS, siglas en inglés) xunto coa ESA e outras axencias. A notar que foron naves rusas as que mantiveron en servizo a ISS a continuación do desastre do Columbia.

Cun custo de cen mil millóns de dólares, foi dificultoso para a NASA xustificar a ISS. A poboación estaba impresionada cos detalles científicos anteriores, pero nos novos tempos prefire outro tipo de noticias sobre grandes proxectos en lugares exóticos. Ninguén quer escoitar falar da ISS como a primeira instalación humana científica no espazo, e aínda hoxe non pode albergar a varios científicos como foi planeado, especialmente co uso da lanzadeira fóra de cuestión ata marzo de 2005.

Durante parte dos 1990, a NASA encarou cortes anuais de orzamento debido á contención de gastos do Congreso de Washington. En resposta, o noveno administrador da axencia, Daniel S. Goldin, lanzou a campaña "máis rápido, mellor, máis barato" que permitiu á NASA continuar cunha variedade de programas a pesar dos recortes orzamentarios. O método foi criticado e reavaliado tras as perdas xemelgas do Mars Climate Orbiter e o Mars Polar Lander en 1999.

Marte e máis aló

STS-95 Florida From Space
Florida, USA, collida desde a misión da Lanzadeira Espacial da NASA STS-95 o 31 de outubro de 1998.

Seguramente a misión máis publicitada nos últimos tempos foi a Mars Pathfinder[3][4], lanzada no 1997. Os xornais de todo o mundo difundiron imaxes da saída do rover Sojourner para explorar a superficie de Marte dun xeito nunca antes feito noutro planeta. Menos difundida foi a misión que abrangue dende 1997 á actualidade (2004) Mars Global Surveyor, misión de tipo orbital. Desde 2001, o orbitador Mars Odyssey procura a evidencia de auga no pasado ou presente marciano e pola actividade volcánica do planeta.

O 14 de xaneiro de 2004, dez días despois da aterraxe dos Rover Spirit e Opportunity , o Presidente George W. Bush anunciou a "Vision for Space Exploration". A humanidade retornará á Lúa cara a 2020, e sentará as bases e recursos potenciais para futuras misións. A lanzadeira espacial será retirada en 2010 e o Crew Exploration Vehicle será substituído cara o 2014, capaces ambos de seren ensamblados á ISS e deixar a órbita terrestre. O futuro da ISS é incerto; a construción será completada, pero non se sabe máis. Os Centennial Challenges, premios tecnolóxicos para equipos non gobernamentais, foron establecidos no 2004.

Outros campos de actuación

A NASA investiga noutros campos complementarios diferentes da astronáutica. No 2019 anuncia a captura das primeiras imaxes dende o aire ó aire dunha interacción en vó de onda de choque supersónica.[5]

Misións espaciais da NASA

Tripuladas

Non tripuladas

Lista de administradores da NASA

  1. T. Keith Glennan (1958-1961)
  2. James E. Webb (1961-1968)
  3. Thomas O. Paine (1969-1970)
  4. James C. Fletcher (1971-1977)
  5. Robert A. Frosch (1977-1981)
  6. James M. Beggs (1981-1985)
  7. James C. Fletcher (1986-1989)
  8. Richard H. Truly (1989-1992)
  9. Daniel S. Goldin (1992-2001)
  10. Sean O'Keefe (2001–2005)
  11. Michael D. Griffin (2005–)

Instalacións

Ademais do cuartel xeral en Washington D.C., a NASA ten as seguintes instalacións:

  • Ames Research Center, Moffett Field, California
  • Dryden Flight Research Center, Edwards, California
  • Glenn Research Center, Cleveland, Ohio
  • Goddard Space Flight Center, Greenbelt, Maryland
    • Goddard Institute for Space Studies, New York, New York
    • Independent Verification and Validation Facility, Fairmont, West Virginia
    • Wallops Flight Facility, Wallops Island, Virginia
  • Jet Propulsion Laboratory, preto de Pasadena (California)
    • Deep Space Network stations:
      • Goldstone Deep Space Communications Complex, Barstow, California
      • Madrid Deep Space Communication Complex, Madrid, España
      • Canberra Deep Space Communications Complex, Canberra, Australia
  • Lyndon B. Johnson Space Center, Houston, Texas
    • White Sands Test Facility, Las Cruces, New Mexico
  • John F. Kennedy Space Center, Florida
  • Langley Research Center, Hampton, Virginia
  • George C. Marshall Space Flight Center, Huntsville, Alabama
  • John C. Stennis Space Center, Bay St. Louis, Mississippi

Premios e condecoracións

As actuais medallas outorgadas pola NASA son as seguintes:

  • Congressional Space Medal of Honor
  • NASA Distinguished Public Service Medal
  • NASA Distinguished Service Medal
  • NASA Equal Employment Opportunity Medal
  • NASA Exceptional Achievement Medal
  • NASA Exceptional Administrative Achievement Medal
  • NASA Exceptional Bravery Medal
  • NASA Exceptional Engineering Achievement Medal
  • NASA Exceptional Scientific Achievement Medal
  • NASA Exceptional Service Medal
  • NASA Exceptional Technological Achievement Medal
  • NASA Outstanding Leadership Medal
  • NASA Public Service Medal
  • NASA Space Flight Medal

Notas

  1. "Orzamento". The Planetary Society (en inglés). Consultado o 6 de agosto 2019.
  2. Jackson, Shanessa (2018-12-12). "NASA Seeks US Partners to Develop Systems to Land Astronauts on Moon". NASA. Consultado o 2019-02-18.
  3. Loff, Sarah (2017-06-23). "Mars Pathfinder and Sojourner Rover". NASA. Consultado o 2019-03-06.
  4. "Mars Pathfinder Home". mars.nasa.gov. Consultado o 2019-03-06.
  5. Conner, Monroe (2019-03-05). "NASA Captures Supersonic Shock Interaction". NASA. Consultado o 2019-03-06.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Investigacións na NASA

2004

2004 foi ano santo xacobeo.

2008

2008 foi un ano bisesto comezado en martes no calendario gregoriano.

Foi designado:

O Ano da rata, segundo o horóscopo chinés. O ano da rata chinés comezará o 7 de febreiro, ate esa data seguiremos no ano do porco.

Ano Internacional das Linguas.

Ano Internacional da Pataca, segundo a FAO.

Ano Internacional do Planeta Terra, pola ONU.

Ano Europeo do Dialogo Intercultural.

Ano Internacional do Saneamento.

Bibcode

O bibcode é un identificador empregado por numerosas bases de datos astronómicas para citar referencias bibliográficas. O bibcode foi desenvolvido para ser empregado no SIMBAD e a Base de datos de obxectos extragalácticos NASA/IPAC (NED), pero úsase máis amplamente no Sistema de Datos Astrofísicos, tamén da NASA.

Densidade

A densidade é unha magnitude física derivada que expresa a cantidade de substancia nun mesmo volume (é unha magnitude que expresa unha propiedade intensiva). A fórmula para o seu cálculo é:

onde ρ representa a densidade, m a masa do obxecto en cuestión e V o volume que ocupa.

A súa unidade no SI é o kg/m3.

Por extensión, aplícase a outros tipos de medida que dividen unha unidade fundamental entre unha unidade de lonxitude, superficie ou volume (densidade do campo gravitatorio, eléctrico ou vectorial en xeral, densidade de poboación) e coloquialmente tamén para cando o denominador é o tempo (densidade de corrente ou de fluxo electromagnético).

Fernando Caldeiro Caínzos

Fernando Caldeiro Caínzos, máis coñecido como Frank Caínzos, nado en Buenos Aires o 12 de xuño de 1958 e finado en League City (Texas) o 3 de outubro de 2009, foi un astronauta arxentino-estadounidense, graduado en enxeñaría mecánica na Universidade de Arizona e na Universidade de Florida Central.

Houston, Texas

Houston (pronunciado en inglés /ˈhjuːstən/) é unha cidade do estado de Texas nos Estados Unidos. É a cidade máis grande de Texas e a cuarta máis grande dos Estados Unidos. Nas estimativas do censo de 2007 a cidade contaba cunha poboación de 2,2 millóns de habitantes nunha área de 1.600 km². Houston é a capital do condado de Harris e o centro económico da área metropolitana Houston–Sugar Land–Baytown (o Gran Houston).

É alcumada "Bayou City", "Clutch City", "H-Town", "Screwston ", "Magnolia City" e "Space City".

Foi fundada o 30 de agosto de 1836 polos irmáns Augustus Chapman Allen e John Kirby Allen nunha zona próxima ao Buffalo Bayou. A cidade incorporouse o 5 de xuño de 1837 e recibiu o seu nome do daquela presidente da República de Texas, o antigo xeneral Sam Houston, quen comandara a Batalla de San Xacinto. Dita contenda tivera lugar a 40 km ao leste de onde a cidade foi establecida.

O crecente porto e a industria do ferrocarril, combinado co descubrimento de petróleo en 1901, provocou continuos incrementos repentinos de poboación na cidade. A mediados do século XX, Houston converteuse na base do Texas Medical Center, a maior concentración de institucións de investigación e de saúde do mundo, e do Centro espacial Lyndon B. Johnson da NASA, onde se sitúa o Centro de Control de Misión.

Considerada como unha cidade global beta, a economía de Houston posúe unha ampla base industrial na enerxía, manufacturación, aeronáutica, transporte, saúde e un importante centro para a creación de equipos petrolíferos; só Nova York posúe máis sedes de empresas Fortune 500 nos límites da súa cidade. O porto de Houston sitúase de primeiro nos Estados Unidos en tonelaxe manexada en augas internacionais o o segundo en tonelaxe total de carga manexada..

É famosa pola industria petroquímica, o canal de naves, o centro médico e o programa espacial. Moitos hispanos trasladaronse a Houston a buscar emprego, dando lugar a unha importante poboación hispana na metrópole. Ten ademais importantes poblacions asiática e surafricana.

Entre as atraccións máis destacables da cidade atópanse o centro comercial Houston Galleria, a Illa de Galveston e o centro da NASA.

Laboratorio de Propulsión a Chorro

O Jet Propulsion Laboratory (JPL) é un centro de investigación e desenvolvemento espacial financiado polo goberno federal, administrado polo Instituto Tecnolóxico de California (Caltech) e patrocinado pola NASA, localizado en La Cañada Flintridge (California).

O Laboratorio de Propulsión a Chorro ten como función primordial a construción e o control de naves robóticas enviadas ó espazo amais de controlar as misións de astronomía na orbita terrestre. O JPL tamén é o responsable de dirixir as operacións da "Rede do Espazo Profundo" da NASA.

Entre os proxectos de máis relevancia que realizou o laboratorio destacan; a misión Mars Science Laboratory (da que forma parte o rover Curiosity), a sonda espacial Mars Pathfinder, a misión Cassini-Huygens cara á órbita de Saturno, a Mars Exploration Rover Opportunity, a Mars Reconnaissance Orbiter, a misión Dawn cara ao planeta anano Ceres e o asteriode Vesta, a nave Juno de camiño cara a Xúpiter, o telescopio espectroscópico de gama nuclear NuSTAR (telescopio de raios X) e o Telescopio Espacial Spitzer, entre outros.

O centro de control de operacións espaciais "Space Flight Operations Facility" amais o simulador de condicións espaciais "Twenty-Five-Foot Space Simulator" do Laboratorio de Propulsión a Chorro están considerados como "Fitos Histórico Nacionais" de Estados Unidos.

Lijepa naša domovino

Lijepa naša domovino (A nosa benquerida patria) é o himno nacional croata. Xa fora himno oficial da República Socialista Croata na ex-Iugoslavia e pasou a o ser himno do novo Estado soberano tras obter a independencia en 1991.

A letra é de Antun Mihanović (1835) e a música de Josif Runjanin (1846).

Lúa

A Lúa é o único satélite natural da Terra, visible desde esta só en parte e baixo formas distintas, chamadas fases, segundo a posición que teña respecto da Terra e o lado por onde reciba a luz do Sol. Cun diámetro de 3476 km é o quinto satélite máis grande do Sistema Solar, mentres que en canto ao tamaño proporcional respecto do seu planeta é o satélite máis grande: un cuarto do diámetro da Terra e 1/81 da súa masa. Logo de Ío, é ademais o segundo satélite máis denso.

A rotación da Lúa foise sincronizando ó longo do tempo coa da Terra, de xeito que sempre se observa aproximadamente a mesma parte de superficie dende a Terra. O hemisferio visible está marcado con escuros mares lunares de orixe volcánico entre as brillantes montañas antigas e os destacados astroblemas. Malia ser en aparencia o obxecto máis brillante no ceo despois do Sol, a súa superficie é en realidade moi escura, cunha reflexión similar á do carbón. A súa prominencia no ceo e o seu ciclo regular de fases fixeron da Lúa un obxecto con importante influencia cultural desde a antigüidade tanto na linguaxe, como no calendario, a arte ou a mitoloxía. A influencia gravitatoria da Lúa produce as mareas e o aumento da duración do día. A distancia orbital da Lúa, preto de trinta veces o diámetro da Terra, fai que se vexa no ceo co mesmo tamaño que o Sol e permite que a Lúa cubra exactamente ao Sol nas eclipses solares totais. Esta coincidencia de tamaño visual aparente é unha coincidencia. A distancia lineal da Lúa á Terra está aumentando a un ritmo de 3,82 ± 0,07 cm por ano, aínda que esta taxa non é constante.A Lúa é o único corpo celeste no que o ser humano realizou un descenso tripulado. Aínda que o programa Lúa da Unión Soviética foi o primeiro en alcanzar a Lúa cunha nave espacial non tripulada, o programa Apolo de Estados Unidos conseguiu as únicas misións tripuladas ata a data, comezando coa primeira órbita lunar tripulada polo Apollo 8 en 1968, e seis aluaxes tripulados entre 1969 e 1972, sendo o primeiro o Apollo 11 en 1969. Estas misións regresaron con máis de 380 kg de rocha lunar, que permitiron alcanzar unha detallada comprensión xeolóxica das orixes da Lúa (crese que se formou fai 4500 millóns de anos logo dun grande impacto), a formación da súa estrutura interna e a súa posterior historia.

Desde a misión do Apollo 17 en 1972, foi visitada unicamente por sondas espaciais non tripuladas, en particular polos astromóbiles soviéticos Lunokhod. Desde 2004, Xapón, China, India, Estados Unidos, e a Axencia Espacial Europea enviaron orbitadores. Estas naves espaciais confirmaron o descubrimento de auga xeada fixada ao regolito lunar en cráteres que se atopan na zona de sombra permanente e están situados nos polos. Planeáronse futuras misións tripuladas á Lúa, tanto por gobernos como por empresas privadas, pero non se puxeron en marcha aínda. A Lúa mantense, baixo o tratado do espazo exterior, libre para a exploración de calquera nación con fins pacíficos.

NSSDC ID

O NSSDC ID, tamén chamado International Designator (designador internacional) e designación COSPAR, é unha convención internacional para nomear satélites. Consiste no ano de lanzamento, un número incremental de lanzamento de tres cifras para ese ano e un código de tres letras que representa o identificador secuencial dunha peza no lanzamento.

Por exemplo, 1957-001A é o vehículo de lanzamento do Sputnik 1 e 1957-001B representa ó propio satélite. O número revela que foi lanzado en 1957 e que foi o primeiro lanzamento de aquel ano. Outro exemplo é 1990-037B, o telescopio espacial Hubble, que foi o lanzamento exitoso número 37 durante 1990. 1990-037A era o transbordador espacial Discovery durante a misión STS-31, que levou ó telescopio cara ao espazo.

Os lanzamentos fallidos non levan identificadores estándar. En cambio catalóganse con designracións arbitrarias, como VAGSL1 para o satélite Vanguard SLV 1.

O sistema de designación coñecíase como sistema COSPAR, denominado así polo Committee on Space Research (comité para a investigación espacial) do Consello Internacional da Ciencia. Este grupo incluía o primeiro sistema de designación, concibido na Universidade Harvard en 1958. O sistema usaba letras minúsculas do alfabeto grego para nomear os satélites. Por exemplo, Sputnik 1 era 1957α. En 1963 o sistema cambiouse para usar números, pero a súa aplicación retroactiva para faliciar o uso de referencias computerizadas non foi inmediato. Por exemplo, a publicación cuadrimestral TRW Space Log de 1969 contiña satélites en órbita de antes de 1963 listados con letras gregas e os posteriores por números.

O catálogo é administrado en Estados Unidos polo National Space Science Data Center, parte da NASA.

Satellite Catalog Number

Satellite Catalog Number (Número de Catálogo do Satélite), (tamén coñecido como NORAD Catalog Number, NASA catalog number, USSPACECOM object number ou sinxelamente Catalog number e variantes semellantes) é un número secuencial de 5 díxitos asignado polo USSPACECOM para todos os satélites que orbitan a Terra coa finalidade da súa identificación. Antes de que USSPACECOM, o catálogo foi apoiada por NORAD. O primeiro obxecto catalogado, número de catálogo 00001, é a última etapa do foguete que puxo en funcionamento o Sputnik 1.

En decembro de 2012, o Catálogo Mestre da NSSDC fixo unha lista de 6916 satélites lanzado en órbita dende 1957, o último deles Kwangmyongsong-3 Unidade 2, o 12 de decembro de 2012.

Telescopio Hubble

O Telescopio espacial Hubble (HST polas súas siglas inglesas) é un telescopio robótico conxunto da NASA e a ESA localizado na beira externa da atmosfera, en órbita circular ó arredor da Terra, a 593 km sobre o nivel do mar, cun período orbital entre 96 e 97 min.

Terra

A Terra ( pronunciación ) (do latín Terra, deidade romana equivalente a Gaia, deusa grega da feminidade e da fecundidade), tamén acostuma a chamarse Mundo ou Planeta Azul, é un planeta do Sistema Solar que xira sobre si mesmo e ao redor da súa estrela —o Sol— na terceira órbita máis interna. Así mesmo é o fogar de millóns de especies de seres vivos, incluíndo os seres humanos e actualmente é o único corpo astronómico onde se coñece a existencia de vida. É o máis denso e o quinto maior dos oito planetas do Sistema Solar. Tamén é o maior dos catro terrestres.

A Terra formouse hai aproximadamente 4 550 millóns de anos e a vida xurdiu uns mil millóns de anos despois. A atmosfera e outras condicións abióticas foron alteradas de forma significativa pola biosfera do planeta, favorecendo a proliferación de organismos aerobios, así como a formación dunha capa de ozono que xunto co campo magnético terrestre bloquean a radiación solar daniña, permitindo así a vida na Terra. As propiedades físicas da Terra, a historia xeolóxica e a súa órbita permitiron que a vida siga existindo. Estímase que o planeta seguirá sendo capaz de sustentar vida durante outros 500 millóns de anos, xa que segundo as previsións actuais, pasado ese tempo a crecente luminosidade do Sol terminará causando a extinción da biosfera.A superficie terrestre ou codia está dividida en varias placas tectónicas que se deslizan sobre o magma durante períodos de varios millóns de anos. A superficie está cuberta por continentes e illas, estes posúen varios lagos, ríos e outras fontes de auga, que, xunto cos océanos de auga salgada, representan cerca do 71% da superficie e constitúen a hidrosfera. Non se coñece ningún outro planeta con este equilibrio de auga líquida, que é indispensable para calquera tipo de vida coñecida. Os polos da Terra están cubertos na súa maioría de xeo sólido (Inlandsis da Antártida) ou de banquisas (casquete polar ártico). O interior do planeta é xeoloxicamente activo, cunha grosa capa de manto relativamente sólido, un núcleo externo líquido que xera un campo magnético, e un núcleo interior sólido composto aproximadamente dun 88% de ferro.A Terra interactúa con outros obxectos no espazo, especialmente o Sol e a Lúa. Na actualidade, a Terra completa unha órbita ao redor do Sol cada vez que realiza 366,26 xiros sobre o seu eixe, o cal é equivalente a 365,26 días solares ou a un ano sideral. O eixe de rotación da Terra atópase inclinado 23,4° con respecto á perpendicular do seu plano orbital, o que produce as variacións estacionais na superficie do planeta cun período dun ano tropical (365,24 días solares). A Terra posúe un único satélite natural, a Lúa, que comezou a orbitar a Terra hai 4 530 millóns de anos; esta produce as mareas, estabiliza a inclinación do eixe terrestre e reduce gradualmente a velocidade de rotación do planeta. Hai aproximadamente entre 3 800 a 4 100 millóns de anos, durante o chamado bombardeo intenso tardío, numerosos asteroides impactaron na Terra, causando significativos cambios na maior parte da súa superficie.

Tanto os recursos minerais do planeta como os produtos da biosfera proporcionan materias primas que se utilizan para soster á poboación humana mundial. Os seus habitantes están agrupados nuns 200 estados soberanos independentes, que interactúan a través da diplomacia, as viaxes, o comercio, e a acción militar. As culturas humanas desenvolveron moitas ideas sobre o planeta, incluída a personificación dunha deidade, a crenza nunha Terra plana ou na Terra como centro do universo, e unha perspectiva moderna do mundo como unha contorna integrada que require administración.

A súa distancia media ó Sol é considerada a unidade astronómica (UA), igual a 149 597 870,69 km. Adoita redondearse a 1,5x1011 m.

Transbordador espacial

O transbordador espacial ou lanzadeira espacial da NASA, oficialmente chamado «Space Transportation System» (STS ou Sistema de Transport Espacial), foi a astronave empregada durante 30 anos polo goberno dos Estados Unidos de América para as súas misións tripuladas no espazo, e foi retirado de servizo no 2011. A plataforma de lanzamento componse dun gran tanque externo (ET), de cor vermello, dous foguetes aceleradores sólidos (SRB), de cor branco, e un avión espacial, o cal é o transbordador espacial propiamente dito. O transbordador mesmo conta cos seus propios motores principais (SSME).

A lanzadeira transportou astronautas e carga útil (tal como satélites ou partes da estación espacial) até a órbita baixa terrestre, na parte superior da atmosfera terrestre (ou termosfera). Polo xeral, a súa tripulación estivo composta por cinco ou sete persoas. A capacidade de carga útil foi de 22 700 kg. Cando a misión do transbordador rematou, foron accionados ps propulsores da «Orbital Maneuvering System» (OMS ou Sistema de Manobra Orbital) e reentrou na baixa atmosfera. Durante o descenso, o orbitador desacelera a súa velocidade hipersónica principalmente a través da aerofreada, e despois, polo proceso de aterraxe, actuou como un planador, aterrando totalmente sen a axuda dos motores («deadstick»).

Transbordador espacial Columbia

O transbordador espacial Columbia, designación OV-102 (Orbital Vehicle) foi un transbordador espacial que pertenceu á frota de transbordadores espaciais da NASA. Foi o primeiro transbordador da frota e quedou destruído o 1 de febreiro de 2003 ao regreso da misión STS-107, durante a reentrada atmosférica.

Voyager 2

A sonda espacial Voyager 2 foi lanzada ao espazo o 20 de agosto de 1977 pola NASA. A súa estrutura é semellante á da sonda Voyager 1.

Axencias espaciais
África
América
Asia
Europa
Oceanía
Resto do mundo

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.