N-552

A N-552 é unha estrada nacional convencional que conecta a N-550 (da que formou parte até 1988[1]), na altura da vila de Redondela, coa cidade de Vigo.[2][3] Nos seus 9,72 quilómetros de percorrido ten varias conexións coa AP-9, de trazado paralelo desde a ponte de Rande até o barrio de Teis.

Trátase dunha estrada cunhas marxes moi urbanizadas o que supuxo que se construíran diversas rotondas ao longo do seu traxecto para mellorar a súa conectividade ademais da seguridade viaria.[4][5]

N-552
Estrada Redondela-Vigo
Acceso ao porto de Vigo
TipoloxíaEstrada convencional
RedeRede de estradas do Estado
Lonxitude9,72 km
Localización
Inicio N-550  Redondela
FinVigo

Notas

  1. "Documento BOE-A-1988-18844". www.boe.es (en castelán). Consultado o 2017-08-18.
  2. "LISTADO Y LONGITUD DE CARRETERAS DE LA RCE (1) SITUACIÓN A 31-XII-2016" (PDF). Ministerio de Fomento (en castelán). Consultado o 18.08.2017.
  3. "LONGITUD DE CARRETERAS DE LA RCE POR TIPO DE VÍA (1) SITUACIÓN A 31-XII-2016" (PDF). Ministerio de Fomento. Consultado o 18.08.2017.
  4. Luis Carlos Llera (2009-08-18). "Fomento construye en la N-552 una rotonda para mejorar la seguridad y el acceso a Chapela". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2017-08-18.
  5. Antonio Pinacho (16.09.2015). "La nueva rotonda de la N-552 evitará los camiones por el barrio de A Portela". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2017-08-18.
AC-10

A AC-10 é unha estrada nacional urbana da cidade da Coruña. Ten unha lonxitude duns 1,670 km dos que os 840 primeiros metros son de vía convencional e os 830 restantes multicarril. Conecta o porto da Coruña coa AC-11 e coa AC-12.

Unha parte da vía recibe o nome de Rolda de Camilo José Cela.

AC-15

A AC-15 ou Autovía de Acceso ao Porto Exterior da Coruña é unha autovía urbana de titularidade estatal, construída para lle dar un acceso directo de alta capacidade á nova infraestrutura portuaria coruñesa.

AP-9

A autoestrada do Atlántico ou AP-9 é unha autoestrada situada no oeste de Galicia. Comunica a cidade de Ferrol coa fronteira con Portugal, cruzando o oeste de Galiza de norte a sur, atravesando as provincias da Coruña e Pontevedra. No extremo sur da autoestrada, ao chegar a Portugal, convértese na A-3, con destino á capital portuguesa, Lisboa pasando polo Porto.

Comunica grandes cidades e vilas coma Ferrol, Narón, Neda, Fene, Pontedeume, Miño, Betanzos, A Coruña, Ordes, Santiago de Compostela, Padrón, Pontevedra, Vigo, O Porriño ou Tui.

C-550

A estrada comarcal C-550 foi unha vía de comunicación costeira da fachada atlántica galega. Estendíase ao longo das Rías Baixas, desde Cee até Tui e a fronteira con Portugal, ao longo duns 360 km. A nomenclatura desta vía, así como do resto das estradas nacionais de España, estableceuse no cuarto plan xeral de estradas de 1939-41 (Plan Peña).

Comparte coa estrada N-550 os tramos Padrón-Pontecesures e Vilaboa-Redondela. Após a transferencia da titularidade das estradas ás comunidades autónomas, e cos cambios de denominación, a estrada foi dividida en diversas estradas de distinto rango: AC-550 (Cee-Ribeira), AC-305 (Ribeira-Padrón), PO-548 (Pontecesures-Vilagarcía de Arousa), PO-549 (Vilagarcía de Arousa-Cambados), PO-550 (Cambados-A Lanzada), PO-316 (A Lanzada-O Grove), PO-308 (A Lanzada-Pontevedra), PO-546 (Pontevedra-Marín), PO-551 (Marín-Bueu), PO-315 (Bueu-Cangas), PO-551 (Cangas-Domaio), N-554 (Domaio-Vilaboa), N-552 (Redondela-Vigo), PO-552 (Vigo-Tui).

N-525

A N-525 é unha estrada nacional que comeza en Benavente e remata en Santiago de Compostela, atravesando no seu percorrido poboacións como Pobra de Seabra, Verín, Xinzo de Limia, Ourense e Lalín entre outras.

N-536

A N-536 é unha estrada nacional que vai desde Ponferrada até Arcos (Vilamartín de Valdeorras). A nomenclatura actual desta vía, así como do resto das estradas nacionais de España, estableceuse no cuarto plan xeral de estradas de 1939-41 (Plan Peña).

N-540

A N-540 é unha estrada nacional, que vai de Lugo a Ourense. A nomenclatura actual desta vía, así como do resto das estradas nacionais de España, estableceuse no cuarto plan xeral de estradas de 1939-41 (Plan Peña).

N-541

A N-541 é unha estrada nacional que vai desde Ourense ata Pontevedra. A nomenclatura actual desta vía, así como do resto das estradas nacionais de España, estableceuse no cuarto plan xeral de estradas de 1939-41 (Plan Peña).

N-542

A N-542 é unha estrada nacional multicarril de lonxitude inferior a un quilómetro que serve para aumentar a capacidade da N-120 na altura do barrio do Pino, en Ourense.

N-544

A N-544 é unha estrada nacional convencional que conecta a N-525 coa N-120, circunvalando a cidade de Ourense polo leste. Ten 1,81 km de lonxitude e caracterízase polo viaduto que salva o río Miño á altura do encoro de Velle.

N-550

A N-550 é unha estrada nacional que parte da Coruña e remata en Tui. A nomenclatura desta vía, así como do resto das estradas nacionais de España, estableceuse no cuarto plan xeral de estradas de 1939-41 (Plan Peña). Orixinariamente o seu percorrido era entre A Coruña e Vigo. Despois fíxose a variante desde Redondela até Tui, que quedou como trazado definitivo.

Discorre pola depresión meridiana e vertebra os principais núcleos de poboación de Galicia. O seu trazado correspóndese en parte coa Vía XIX do itinerario de Antonino, entre Tui e Iria Flavia, por onde discorre tamén a vía portuguesa do Camiño de Santiago. Na década de 1970 construíuse a autoestrada AP-9, que vai paralela a esta estrada.

N-555

A N-555 é unha estrada nacional que vai desde Redondela até o aeroporto de Peinador.

N-559

A N-559 ou Conexión A-52 / N-120 é unha estrada nacional convencional que conecta a A-52 coa N-120 no limiar entre as comarcas do Condado e a da Paradanta. Atravesa os concellos das Neves, A Cañiza, Mondariz e Covelo, cun percorrido de 5,61 quilómetros.

N-640

A N-640 é unha estrada nacional, que nace na N-634 para atravesar Galicia ao longo de 228 km, desde Castropol (Asturias) até Vilagarcía de Arousa. A nomenclatura desta vía, así como do resto das estradas nacionais de España, estableceuse no cuarto plan xeral de estradas de 1939-41 (Plan Peña).

Pasa pola Pontenova, Meira, Lugo, Monterroso, Agolada, Lalín, Silleda, A Estrada, Cuntis e Caldas de Reis. Comparte parte do seu camiño coa estrada N-540 (entre Lugo e Guntín) e coa N-525 (entre Lalín e Chapa).

Á súa entrada en Galicia ten lugar o inicio da N-642. Asemade, en Santiso de Abres, volve entrar en Asturias.

N-642

A estrada nacional N-642 é unha vía de 50 km que vai desde Ribadeo até San Cibrao (Lieiro).

N-655

A N-655 ou Acceso ao porto exterior de Ferrol é unha estrada nacional que conecta a FE-12, da Rede de estradas do Estado, co porto exterior de Ferrol, ademais doutras vías intermedias como a AC-116 e a AG-64.

N-VI

A N-VI, coñecida tamén como Estrada da Coruña, é unha estrada radial española que une as cidades de Madrid e A Coruña, pasando por San Rafael, Tordesillas, Benavente, Astorga, Ponferrada e Lugo, entre outras.

A nomenclatura actual desta vía, así como do resto das estradas nacionais de España, estableceuse no cuarto plan xeral de estradas de 1940 (Plan Peña). A N-VI foi desdobrada en autovía A-6 desde o seu nacemento en Moncloa ata Collado Villalba, e no tramo entre Adanero e Benavente. No tramo entre Guadarrama e Adanero o seu itinerario é o alternativo á autoestrada de peaxe AP-6 polo Porto dos Leóns e a localidade segoviana de San Rafael. Tampouco foi desdobrada no tramo entre Benavente e Nadela. Foi desdobrada entre as localidades de Nadela e Lugo pasando a denominarse LU-11, e entre Lugo e o fin do seu límite municipal, ademais de desde San Pedro de Nós á Coruña onde pasa a denominarse AC-12.

No ano 2012 estreouse a película N-VI, do director compostelán Pela del Álamo.

OU-11

A OU-11 ou Autovía centro de Ourense é unha vía interurbana con dobre carril de máis de 4 km de lonxitude que conecta a A-52 co barrio do Couto, o centro de Ourense e a N-120 e a súa futura autovía, a A-76. Axuda a desconxestionar as entradas á cidade desde a A-52, xa que Ourense unicamente dispuña de dous accesos: ao sur, por San Cibrao das Viñas, que requiría un percorrido de 6 km por estrada nacional; e un acceso norte, que tamén se atopaba a máis de 6 quilómetros do centro da cidade; e crea un viario que une os dous extremos da autovía periférica de Ourense, a OU-30, formada pola A-52, A-76 e A-56. Este acceso arrinca desde o seminario maior e descende mediante un complexo viaduto de case 2 quilómetros ata enlazar nunha glorieta co acceso a Ourense, continuado polo antiga trazado da N-120 (Vigo-Logroño) ata chegar á pasarela de circunvalación, onde se une á A-76 no tramo que esta forma parte da circunvalación.

SC-20

A SC-20 é unha estrada multicarril que circunvala polo leste a cidade de Santiago de Compostela. Discorre en paralelo á AP-9 e foi a antiga N-550. No trascurso da súa vida foi mellorada, como no túnel do Hórreo.

España Rede de Estradas do Estado en Galicia Galicia
Rede interurbana
Rede urbana

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.