N-550

A N-550 é unha estrada nacional que parte da Coruña e remata en Tui. A nomenclatura desta vía, así como do resto das estradas nacionais de España, estableceuse no cuarto plan xeral de estradas de 1939-41 (Plan Peña). Orixinariamente o seu percorrido era entre A Coruña e Vigo. Despois fíxose a variante desde Redondela até Tui, que quedou como trazado definitivo.

Discorre pola depresión meridiana e vertebra os principais núcleos de poboación de Galicia. O seu trazado correspóndese en parte coa Vía XIX do itinerario de Antonino, entre Tui e Iria Flavia, por onde discorre tamén a vía portuguesa do Camiño de Santiago. Na década de 1970 construíuse a autoestrada AP-9, que vai paralela a esta estrada.

N-550 e PO-264 en Paredes

Traxecto

Santiago.N-550 Galiza 02
N-550 ó seu paso por Santiago de Compostela.
N-550 Saxamonde
Parroquia de Saxamonde (Redondela).

Sae da Coruña pola avenida Alfonso Molina cara ao concello de Culleredo. Atravesa os lugares do Portádego, A Corveira, Vilaboa e Alvedro. Xa en Cambre pasa por Sigrás e Altamira. En Carral pasa por Tabeaio e a propia vila de Carral (pola Costa do Pincho). A estrada discorre entre eucaliptos, mentres sobe cara ao punto máis alto da mesma, O Mesón do Vento, xa no concello de Ordes.

Cruza a vila de Ordes pola avenida de Alfonso Senra, deixando á dereita a casa do Concello. Atravesa Santa Cruz de Montaos e chega ó concello de Oroso. Aquí pasa por Deixebre e Oroso, antes de chegar a Ponte Sigüeiro, onde cruza o río Tambre a través dunha ponte medieval reformada pouco antes de chegar a Santiago de Compostela.

Antigamente a estrada atravesaba a cidade polo centro (rúas de Basquiños, Santa Clara, Rodas, Porta do Camiño, Virxe da Cerca, Ensinanza, Fonte de Santo Antón, Senra e Rosalía de Castro), pero na actualidade existe a estrada SC-20 que enlaza coa N-550 no Polígono do Tambre e que leva á avenida de Lugo, que conecta coa avenida de Antón Fraguas, saída de Santiago cara ao sur.

Pouco despois de saír de Compostela, pasando por Conxo, chega ao Milladoiro, vila-dormitorio do concello de Ames. Logo de pasar polos concellos de Teo e Rois chega ó de Padrón, polos lugares da Picaraña, A Escravitude (a carón da igrexa da Nosa Señora da Escravitude) e Iria Flavia (entre a colexiata de Iria Flavia e a sede da fundación Camilo José Cela). A vila de Padrón é atravesada pola avenida de Compostela, deixando á esquerda o xardín botánico e á dereita o centro histórico. Cruza o río Ulla e chega á provincia de Pontevedra.

Atravesa as vilas de Pontecesures e Valga, capitais dos seus respectivos concellos, e chega a Caldas de Reis. A comezos do século XXI construíuse unha circunvalación, polo cal a estrada xa non atravesa a vila. Logo de cruzar a N-640 e o río Umia, atravesa as terras de Barro. En Porráns pasa a carón da casa natal de Ángel Amor Ruibal. Ao seu paso por Cerponzóns (xa no concello de Pontevedra) cruza o río Rons. En 1997 construíuse unha ponte nova que viu substituír a que mandara facer en 1797 o arcebispo Malvar mentres se construía o camiño real de Pontevedra a Santiago de Compostela[1].

Até a década de 1970 a entrada á vila de Pontevedra facíase pola ponte do Burgo, logo de pasar por diante da casa natal de Valentín Paz-Andrade e polo estadio de Pasarón. Despois íase pola avenida do Arcebispo Malvar (por diante da basílica de Santa María) e pola rúa Michelena até a capela da Virxe Peregrina. Na actualidade a estrada cruza o río Lérez pola ponte de Santiago, e segue polo paseo das Corbaceiras, pola rúa Manuel del Palacio e a Avenida de Vigo, até chegar ao nó do Pino. O percorrido segue a través do concello de Pontevedra e o de Vilaboa.

En Figueirido e Paredes había senllos pasos a nivel, así como nos Valos (Redondela). Despois de ligar coa N-554, que vai cara á ponte de Rande, segue cara a Arcade, (xa no concello de Soutomaior) logo de cruzar o río Oitavén. Despois de atravesar Cesantes, chega a Redondela, vila que é circunvalada.

Ó saír de Redondela deixa á dereita a desviación a Vigo (N-552), e pouco despois a desviación ó aeroporto de Peinador (N-555), chegando ó concello de Mos e logo á localidade do Porriño, onde é cruzada pola autovía A-52. Pouco despois chega a Tui a través da Avenida da Concordia e atravesa a vila até chegar á antiga aduana e á Ponte Vella Internacional Tui-Valença, construción de ferro mixta para ferrocarril e turismos, rematando a estrada oficialmente á entrada da beira española da ponte.

Fitos

Mapa Camiño Real Malvar 1792
Mapa do Camiño Real de Santiago a Pontevedra (1792).

No tramo entre Tui e Santiago de Compostela consérvanse seis leguarios, fitos situados cada legua. Foron instalados a finais do século XVIII, cando se mellorou o camiño real de Pontevedra a Compostela. A obra foi promovida e financiada polo arcebispado, primeiro por Bartolomé de Raxoi e despois por Sebastián Malvar Pinto, baixo a dirección do arquitecto José Pérez Machado e o aparellador Melchor de Ricoy.[2] Estes leguarios están realizados en granito e situados á beira esquerda en dirección norte, con forma troncopiramidal e asentados sobre pedestais de sección cuadrangular. Algúns deles na cara leste teñen gravado o número de leguas que distan até Santiago e A Coruña e na cara sur teñen un reloxo de sol, con ortomeridianos e numeración romana para as horas.[3] De sur a norte, consérvanse leguarios no km 130 (O Marco, Figueirido, Vilaboa), km 114 (O Cunchido, Cerponzóns, Pontevedra), km 107 (A Gándara, Perdecanai, Barro), km 101 (Tivo, Santa María de Caldas de Reis, Caldas de Reis), 93 (O Cruceiro, Carracedo, Caldas de Reis) e km 87 (Ponte Valga, Valga).

Amais consérvanse varios fitos quilométricos correspondentes ao plan de Instrución de Estradas de 1939, nos km 3, 4 (A Coruña), km 109 (Santo Antoniño, Barro) e 129 (Paredes, Vilaboa). En Louredo (Mos) e Guillarei (Tui) consérvanse os fitos número 7 e 24, contando a numeración desde Redondela. En Ordes consérvase un fito miriamétrico, do km 30.

Galería de imaxes

Véxase tamén: Categoría:Imaxes da estrada N-550.
Fito km 2 N-550 Coruña 1

Fito do quilómetro 2 na Coruña.

N-550

N-550 ó seu paso por Barro

Santiago.N-550 Galiza 01

Ó seu paso polo concello de Santiago de Compostela

Sigueiro.N-550 Galiza 07

N-550 ó seu paso por Sigüeiro

Oroso.N-550 Galiza 06

Concello de Oroso

N-550 Redondela

Gasolineira na N-550 ao seu paso por Redondela

Leguario Cerponzóns

Fito de legua no Cunchido (Cerponzóns, Pontevedra)

Fito Santo Antoniño

Fito en Santo Antoniño (Perdecanai, Barro)

Vídeo cruzando Carral.

Vídeo cruzando O Mesón do Vento, Ordes.

Vídeo cruzando Ordes.

Vídeo atravesando Oroso.

Vídeo cruzando Sigüeiro, Oroso.

Notas

  1. "El puente de Cerponzóns", artigo de Milagros Bará en Diario de Pontevedra, 28 de outubro de 2015.
  2. MACEDO CORDAL, C; OTERO ROBERES, C. (2004): "Melchor Ricoy, mestre de obras", en Cátedra nº 11, pp. 271-281.
  3. BASANTA CAMPOS, J. L. (2003): Relojes de Piedra en Galicia. Fundación Barrié de la Maza.

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

AC-11

A AC-11, que recibe o nome de Avenida de Alfonso Molina en homenaxe e memoria ao que fora alcalde da cidade de 1947 ata 1958, é unha autovía urbana da cidade da Coruña. É o principal acceso ao centro da Coruña, entrando polo sur desde a AP-9.

É unha prolongación da N-VI dende o seu cruzamento coa AC-12 ao sueste da cidade xunto á Ponte da Pasaxe. A ela conflúen a estrada N-550 e a autoestrada AP-9 xunto aos barrios de Palavea e Elviña. Ao entrar no casco urbano cruza a avenida de San Cristovo, a Ronda de Outeiro, a praza de Catro Camiños até desembocar na avenida de Linares Rivas.

Ten unha lonxitude de 5,090 quilómetros, e un tráfico aproximado de 150 000 vehículos ao día.

AC-14

A AC-14 ou Autovía de acceso á Coruña, é unha autovía urbana da cidade da Coruña. Cunha lonxitude de preto de 10 quilómetros conecta a autovía A-6 á altura da parroquia de Sésamo en Culleredo coa avenida de Enrique Salgado Torres na zona das Lonzas, na Coruña.

A finalidade da súa construción foi a de descargar de tráfico a entrada e saída da cidade pola Avenida Alfonso Molina, proporcionando xunto coa autoestrada V-1.4 (tamén chamada Ronda do Deportivo da Coruña) a posibilidade de acceder e saír da cidade a través doutras avenidas. A dous quilómetros do seu fin en Lonzas, a AC-14 bifúrcase coa Ronda do Deportivo da Coruña coa que se pode entrar na cidade pola rúa Manuel Murguía ou pola Avenida de Arteixo. A AC-14 tamén ofrece a posibilidade de chegar á Avenida Alfonso Molina (AC-11) a través da súa última saída cara á Ronda de San Cristovo ou AC-10.

A autovía AC-14 permite ademais acceder ao aeroporto xa que conta no treito Ledoño-A Zapateira cun ramal de case 3 quilómetros, denominado AC-14AL que conduce directamente á terminal do Aeroporto de Alvedro, e permite posteriormente conectar coa estrada nacional N-550.

AC-522

A AC-522 é unha estrada pertencente á rede primaria básica da Xunta de Galicia. Conecta a AG-56 en Pardiñas (Laraño) coa N-550 nas Galanas (Calo), servindo de vez como circunvalación do núcleo urbano do Milladoiro, ao sur de Santiago de Compostela. Púxose en servizo canda a AG-56, en febreiro de 2008.

AG-11

A AG-11 ou autovía do Barbanza é unha autovía autonómica galega que une os concellos de Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira. A autovía xurdiu do desdobramento da antiga VR 1.1, a cal estaba soportando unha grande intensidade de tráfico e era pouco segura. A concesionaria para a súa construción e mantemento é Sacyr Concesiones, pertencente ó grupo Sacyr Vallehermoso.

Foi inaugurada o 14 de decembro de 2008 desde Padrón ata Rianxo, e entre Rianxo e Santa Uxía de Ribeira a mediados de abril de 2009. En Padrón conéctase coa N-550 contando ademais cun ramal de conexión coa AP-9 que posibilita tamén tomar a variante de Padrón da N-550 inaugurada no ano 2015.

Trátase dunha autovía con peaxe na sombra.

AP-9

A autoestrada do Atlántico ou AP-9 é unha autoestrada situada no oeste de Galicia. Comunica a cidade de Ferrol coa fronteira con Portugal, cruzando o oeste de Galiza de norte a sur, atravesando as provincias da Coruña e Pontevedra. No extremo sur da autoestrada, ao chegar a Portugal, convértese na A-3, con destino á capital portuguesa, Lisboa pasando polo Porto.

Comunica grandes cidades e vilas coma Ferrol, Narón, Neda, Fene, Pontedeume, Miño, Betanzos, A Coruña, Ordes, Santiago de Compostela, Padrón, Pontevedra, Vigo, O Porriño ou Tui.

Camiño Portugués

Baixo a denominación de Camiño Portugués agrúpanse distintas vías do Camiño de Santiago que, con orixe en Portugal, van cara a Santiago de Compostela. Tradicionalmente, descríbense dúas rutas principais que ascenden desde o sur de Portugal, unha pola costa desde Lagos a Lisboa, Coímbra e Tui; e outra polo interior desde Faro a Évora, Chaves e Verín. Estas dúas rutas principais presentan numerosas variantes locais e comunicacións entre unha e outra formando unha rede de Camiños interconectados cara ao norte. En consecuencia, o acceso a Galicia faise por Valença do Minho a Tui ou por Braga a Ourense, sendo a primeira alternativa a máis utilizada, con diferenza, e a que, xa en Galicia, recibe oficialmente o nome de Camiño Portugués. Mesmo existe unha terceira variante que entra por Caminha á Guarda e ascende pola costa de Pontevedra, que recibe o nome de Camiño Monacal en referencia ó mosteiro de Oia, por onde pasa.

A Asociación de Amigos do Camiño Portugués comezou a sinalizar e cartografar o Camiño Portugués en 1993, desde Tui. Membros desta asociación cifraban en 500 peregrinos anuais os que seguían esta ruta nos seus inicios, experimentando desde hai anos un crecemento progresivo ata alcanzar os 52.000 do ano 2016, o que o converteu na segunda ruta Xacobea en importancia, aínda que a gran distancia do Camiño Francés. Segundo a Oficina do Peregrino, nos últimos anos accederon a Santiago polo Camiño Portugués un número crecente de peregrinos: 35.494 en 2014 (un 14,92% do total de peregrinos por tódolos camiños), 43.158 en 2015 e 52.190 en 2016., fronte ós 176.329 que chegaron polo Camiño Francés en 2016 (o 63,38% do total). Canto á nacionalidade dos peregrinos, os portugueses representan ó redor do 5% e manteñen ano tras ano un cuarto posto, por detrás de españois (ó redor do 50%), alemáns (8%) e italianos (6,5%).

Para mellorar e aumentar o atractivo desta ruta, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e mais os doce concellos polos que transcorre o Camiño acordaron en 2014 crear unha mesa de seguimento para analizar os problemas detectados, afrontar labores de mantemento e deseñar medidas para potencialo. En setembro dese mesmo ano comezaron os traballos de limpeza e sinalización, cun orzamento dun millón de euros.

Carral

Carral é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca homónima. Segundo o IGE a súa poboación en 2014 era de 6.118 habitantes (5.770 no 2009, 5.647 no 2007, 5.579 no 2006, 5.527 no 2005, 5.453 no 2004). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é carralés.

Cemiterio de Boisaca

O Cemiterio municipal de Boisaca é o principal cemiterio do concello de Santiago de Compostela, con 66.000 metros cadrados e unhas 12.000 prazas entre sepulturas (8.659), nichos (2.433) e panteóns (168). Está situado no lugar de Boisaca, ó norte da cidade, a carón do Polígono industrial do Tambre e da estrada N-550.

O lugar foi escenario de varios fusilamentos durante os primeiros meses da Guerra Civil española, polo cal existe un recordo nun dos muros do cemiterio en homenaxe ós executados, con varias placas dos concellos de Santiago de Compostela e de Ordes.

Cerponzóns, Pontevedra

San Vicente de Cerponzóns é unha parroquia situada ao norte do concello de Pontevedra. No ano 2015 tiña un total de 806 habitantes, 366 homes e 385 mulleres. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 815 habitantes (424 mulleres e 391 homes), distribuídos en 13 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 845 habitantes.

Limita con Alba, Verducido e Lérez. Cerponzóns pertenceu ao concello de Alba, adherido en 1868 ao de Pontevedra.

Deixebre, Oroso

Santa María de Deixebre é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Oroso. Segundo o IGE en 2013 tiña 338 habitantes (173 homes e 179 mulleres) distribuídos en 5 entidades de poboación, 15 máis ca en 1999.

Deixebre sitúase entre as parroquias de Oroso e mais Santa Cruz de Montaos e Beán (concello de Ordes). Está atravesada pola autoestrada AP-9, e a carón dela discorre a estrada N-550.

A igrexa parroquial de Santa María de Deixebre atópase nos Carballos, a carón da carballeira do campo da festa e do cemiterio. O antigo templo parroquial estaba na aldea da Igrexa, preto da fonte da Santiña. Celébranse as festas de Santa Margarita o 24 de xullo e Santa María o 15 de agosto.

O equipo de fútbol da SD Deixebre xoga na Segunda Autonómica de Galicia. Fou creado a mediados do século XX, e xoga no campo do Peteiro. O seu uniforme é camiseta negra con raias brancas no lateral.

Guillarei, Tui

San Mamede de Guillarei é unha parroquia do concello de Tui. Segundo o IGE en 2014 tiña 1928 habitantes (961 homes e 967 mulleres), distribuídos en 23 entidades de poboación. Segundo o padrón municipal en 2004 tiña 2072 habitantes (1048 mulleres e 1024 homes), 106 máis ca en 1999.

Pola parroquia discorre a estrada N-550 (A Coruña-Tui) e a PO-404 cara a Salvaterra de Miño. Amais por aquí pasa a vía férrea Redondela-Ourense, con parada na estación de Guillarei.

N-551

A N-551 é unha estrada nacional convencional que conecta as pontes internacionais da A-55 e a de Tui-Valença, tendo na vila de Tui un cruzamento coa N-550 que a une, asemade, co resto da rede estatal.Foi creada en 1988 tomando o tramos da C-550 entre a nova ponte internacional da A-55 e a N-550 e o comprendido entre esta última e a ponte vella internacional entre Tui e Valença.

En 2004 o pleno municipal de Tui acordou solicitar ao Goberno de España a transferencia desta vía, que transcorre na súa totalidade dentro dos lindeiros do concello, porén esta demanda non chegou a prosperar.

N-552

A N-552 é unha estrada nacional convencional que conecta a N-550 (da que formou parte até 1988), na altura da vila de Redondela, coa cidade de Vigo. Nos seus 9,72 quilómetros de percorrido ten varias conexións coa AP-9, de trazado paralelo desde a ponte de Rande até o barrio de Teis.

Trátase dunha estrada cunhas marxes moi urbanizadas o que supuxo que se construíran diversas rotondas ao longo do seu traxecto para mellorar a súa conectividade ademais da seguridade viaria.

N-554

A N-554 é unha estrada nacional, que une a estrada N-550 ó seu paso por Vilaboa, con Domaio, Moaña, onde liga coa AP-9, a estrada PO-551, e o CG-4.1.

Adoptou esta denominación en 1988 logo da fragmentación da C-550, que percorría a costa galega das Rías Baixas. A nomenclatura desta vía, así como do resto das estradas nacionais de España, estableceuse no cuarto plan xeral de estradas de 1939-41 (Plan Peña). Foi reformada en 2009.

Mide 10 quilómetros, indo a maioría da estrada paralela á enseada de San Simón e á AP-9. Atravesa as aldeas do Toural, Acuña (parroquia de Vilaboa), Riomaior (Santa Cristina de Cobres), e Santradán (Cobres).

N-555

A N-555 é unha estrada nacional que vai desde Redondela até o aeroporto de Peinador.

Ordes

Ordes é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ordes. Segundo o IGE en 2014 tiña 12.844 habitantes (12.868 no 2010, 12.294 no 2006, 12.272 no 2005, 12.287 no 2004, 12.266 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «ordense».

PO-264

A PO-264 é unha vía da Xunta de Galicia, que vai desde a estrada N-550 en Paredes (Vilaboa) até a mesma estrada en Arcade (Soutomaior).

SC-20

A SC-20 é unha estrada multicarril que circunvala polo leste a cidade de Santiago de Compostela. Discorre en paralelo á AP-9 e foi a antiga N-550. No trascurso da súa vida foi mellorada, como no túnel do Hórreo.

Vilaboa, Rutis, Culleredo

Vilaboa é un lugar da parroquia de Rutis no concello coruñés de Culleredo na Comarca da Coruña. Vilaboa é o núcleo principal da parroquia de Rutis. Tiña 3152 habitantes no ano 2016 segundo datos do INE dos cales 1509 eran homes e 1643 mulleres.

Esténdese ao longo do percorrido da estrada N-550 desde o núcleo da Corveira até o aeroporto de Alvedro.Existen probas do seu poboamento desde a época romana. Actualmente experimenta un acusado desenvolvemento urbano.

España Rede de Estradas do Estado en Galicia Galicia
Rede interurbana
Rede urbana

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.