Núcleo lítico

Un núcleo lítico é unha masa de rocha homoxénea que se tallou co obxecto de extraer lascas para o seu uso posterior. Así, pois, o propósito principal dun núcleo é proporcionar soportes a unha variedade indeterminada de utensilios líticos. A medida que se traballan os núcleos líticos, isto é extraéndoselle lascas, van facéndose máis pequenos ata que son abandonados por non ser necesarios ou por esgotarse. Os núcleos abandonados ou esgotados convértense en refugallos característicos que adoitan aparecer en maior ou menor abundancia nos sitios prehistóricos.

Os núcleos líticos teñen diferentes formas, e clasificacións dependendo en primeiro lugar, do sistema tipolóxico (é dicir, do punto de vista do investigador), en segudo lugar, da técnica (Levallois, laminar...) ou técnica de talla (percusión directa, percusión indirecta, presión...) que se empregue para a extracción, e, en terceiro lugar, do produto obtido (basicamente lascas, puntas ou follas líticas).

Desde o punto de vista da técnoloxía lítica, todos os núcleos posúen unha ou varias zonas de explotación que, basicamente se dividen nos seguintes elementos:

  • Un plano de percusión (ás veces denominado tamén «plataforma de percusión») ou varios: é dicir, a zona que recibe os golpes ou que sofre a presión precisa para que a rocha esgace e poidan extraerse os produtos desexados. Os planos de percusión poden ser de diversos tipos, aínda que basicamente se diferencian os planos de percusión corticais, debidos a unha talla monofacial, dos non corticais, propios dunha talla bifacial e, dentro destes, aqueles que se prepararon coidadosamente por medio de pequenos lascados, para que a extracción sexa máis precisa (planos de percusión preparados). Cando se extrae unha lasca, unha parte do plano de percusión vaise con ela, é o que denominamos talón da lasca, o cal pode ser cortical, se o plano de percusión tamén o é; tamén pode ser liso, ou diedro, cando é unha extracción por talla bifacial, ou, para rematar, facetado, cando se prepara o plano de percusión.
  • Unha cara principal de extracción, que é a parte do núcleo da que se extraen as lascas ou follas. As caras de extracción dun núcleo tamén poden ser varias, sobre todo nos núcleos de talla bifacial, aínda que a tendencia é a ter un maior control sobre a explotación do núcleo, é a reducilas o máximo posible. Caracterízanse por conservaren os negativos das lascas xa extraídas, cicatrices de anteriores extraccións ou da preparación do núcleo e que, cando unha lasca esgaza do núcleo, convértese na súa cara superior ou dorsal. A estrutura e ordenación dos negativos de lascados previos nunha lasca ou na cara de extracción dun núcleo achegan valiosa información sobre os sistemas de talla lítica.

Desde o punto de vista dos métodos e técnicas empregados na explotación dun núcleo lítico, hai dous factores básicos que permiten discriminar unha ampla variedade dentro desta gran categoría de obxectos tallados:

  • A posición da extracción: é un aspecto básico na talla, non só dos núcleos, senón tamén de calquera obxecto lítico tallado. A posición pode ser monofacial, cando afecta a unha soa cara do núcleo; bifacial, cando afecta a dúas caras, sempre que as extraccións se apoien en negativos de lascados previos; e polifacial, cando estamos ante unha extracción máis complexa que configura tres ou máis caras no núcleo.
  • A dirección de percusión na que, dun modo simplificado, podemos distinguir tres posibilidades: os núcleos de talla desordenada, nos que non é posible establecer unha dirección de percusión dominante (e que é propia de núcleos arcaicos, é dicir, de períodos antigos da Prehistoria, pero tamén de núcleos esgotados ou voltos a aproveitar, xa que logo non é, necesariamente, un indicador cronolóxico ou do nivel técnico dunha cultura). Os núcleos de talla centrípeta, nos que os impactos do percusor van desde os bordos cara ao seu centro, acabando por formar unha silueta discoide na peza; este tipo de núcleos adoita ser de tipo bifacial e son moi característicos do Achelense e do Musteriense, aínda que se poden dar en calquera período da historia do ser humano (son un indicador cronolóxico, ata certo punto, relativo e pouco fiable). Os núcleos de yalla paralela, isto é, un plano de percusión polariza as extraccións que se van facendo dun modo paralelo, os produtos así obtidos son lascas alargadas ou follas.
Nucleo en la mano
Pequeno núcleo de sílex para follas
Lasca

Unha lasca, en sentido amplo, é calquera produto da talla intencionada realizada polo ser humano nunha rocha, que se desprende da masa pétrea (que, en sentido xeral, se denomina núcleo lítico, pero que pode ser un bloque de pedra, un coio ou un utensilio en proceso), e que adquire forma de estela afiada. A labra pode realizarse golpeando directamente cun percusor (de pedra, de hasta, de madeira ou, ata, de metal), ou golpeando indirectamente cun cicel (que, tamén pode ser de hasta ou de metal), ou ao someter a peza-núcleo a unha forte presión cunha puga ou compresor. As lascas teñen formas e tamaños moi diversos, desde os microscópicos, ata os que superan os 30 centímetros; pero, en xeral, comparten unha serie de caracteres comúns que permiten recoñecelas.

Doutra banda, as lascas poden ser un obxectivo buscado polo tallador ou, pola contra o refugallo resultante de fabricar unha peza nuclear (por exemplo, un biface). Así mesmo, as lascas poden ser útiles de seu, sen modificación ningunha, en bruto (pois teñen, xeralmente, un gume natural moi agudo e efectivo), ou poden recibir unha transformación ata converterse nun utensilio concreto (unha raedeira ou unha raspadeira, por exemplo), entón fálase do retoque das lascas. É dicir, a miúdo, as lascas son soportes para fabricar unha enorme variedade de utensilios.

Lasca Levallois

Unha lasca Levallois é unha lasca obtida pola técnica Levallois, caracterízase por unha morfoloxía moi coidada, a lasca é simétrica, case sempre máis longa que larga, oval, rectangular ou, como nas puntas, triangular. O seu perfil non é moi groso pero o seu concoide adoita ser moi marcado. Na súa cara superior ou dorsal posúe restos, de cando menos, tres negativos de lascado centrípetos, resultado da preparación previa do núcleo lítico. Existen algunhas variantes, non recoñecidas por todos os investigadores, como as lascas Levallois de segunda e terceira orde que se obteñen dos chamados núcleos Levallois reiterativos centrípetos, que na súa cara superior non só amosan cicatrices propias da preparación do núcleo, senón que teñen un ou varios negativos de lascado máis grandes como resultado de extraer outras lascas Levallois anteriores.

Núcleo

Núcleo pode referirse a:

En física, o núcleo atómico dun átomo é a zona central onde se xuntan os protóns e neutróns, acumulando case toda a masa atómica deste.

En bioloxía, o núcleo celular é onde se atopa todo o material xenético dunha célula eucariótica e onde se regulan todas as reaccións químicas que se producen nela.

En xeoloxía e astronomía, ao núcleo da Terra e ao núcleo dos diferentes planetas.

En informática, o kernel é o compoñente central dos sistemas operativos modernos.

En matemáticas, o núcleo ou kernel dunha función é o conxunto de elementos cuxa imaxe é o elemento neutro do conxunto final.

En arqueoloxía, o núcleo lítico é un fragmento da base dunha rocha co que se elaboraba a meirande parte das ferramentas feitas de pedra.

En xeografía, o núcleo é o lugar ou zona onde se desenvolve maior actividade ou certo tipo de actividades con maior intensidade.

En lingüística, o núcleo sintáctico, o morfema ou palabra que determina as sintácticas básicas dun sintagma.

Paleolítico medio

O Paleolítico medio é un período da prehistoria caracterizado polo predominio da cultura musteriense e da técnica Levallois, que consisten en obter unha ou varias lascas de forma predeterminada, a partir dunha preparación particular do núcleo lítico. Abrangue aproximadamente entre os anos 130000 e 33000 a.C.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.