Musteriense

Musteriense é unha cultura que se desenvolve no Paleolítico Medio. Debe o seu nome ao sitio arqueolóxico de Le Moustier, un acubillo rochoso na rexión de Dordoña en Francia descuberto en 1860 por Gabriel de Mortillet. Ferramentas de pedra similares atopáronse por toda a Europa subártica e tamén no Oriente Medio e norte da África.

Núcleo Atapuerca TD11
Un utensilio de comezos da Musteriense: núcleo de Sílex procedente do nível TD-11, en Atapuerca

Características

As ferramentas musterienses asócianse principalmente cos neandertais en datas comprendidas entre o 300.000 a.C. e o 40.000 a.C. A industria lítica realízase basicamente sobre lascas e caracterízase polo uso da técnica de talla Levallois, que permite realizar ferramentas máis especializadas.

Deste período aparecen os primeiros rituais funerarios, o canibalismo ritual, o culto ao oso das cavernas (Ursus spelaeus).

O Musteriense divídese en varios grupos:

  • Musteriense de tradición Achelense tipo A
  • Musteriense de tradición Achelense tipo B
  • Musteriense típico
  • Musteriense de tipo Quina-Farrasie
  • Musteriense de denticulados
Arte paleolítica

O Paleolítico é a etapa máis longa na historia do ser humano. Durante este período, os nosos devanceiros vivían da caza e da recolección de vexetais, asociábanse en tribos e as súas ferramentas eran de pedra tallada, madeira e óso.A arte nace no Paleolítico superior, pouco despois do ano 35 000 a. de C., cando os seres humanos modernos poboaban practicamente todo o globo terráqueo. Con todo, as súas manifestacións fundamentais, por non dicir case as únicas, parecen reducirse a Europa, ao sur do límite que marcarían os xeos durante a Glaciación de Würm.

A arte mural das covas (chamada arte parietal) concéntrase moi intensamente en certas rexións francesas (Dordoña, Pireneos franceses, Corrèze, Charente, Loira, Hérault, Lot e Garona) e españolas (cornixa cantábrica, Pireneos, costa mediterránea e algúns puntos da Meseta Central), aínda que ocasionalmente pode aparecer en Portugal, Italia, Europa Oriental e pouco máis. Non se pescudou o motivo que explique por que non se acharon restos de arte paleolítica parietal no resto do mundo.

A Arte Mobiliar (definida como obxectos decorados que poden ser transportados) é máis abundante, estendéndose non só por Francia e España, senón tamén polos vales do Danubio, do Don e a cunca do Baikal, xa en Asia. Hai restos esporádicos no resto do mundo, como se indica ao final.

Desde os primeiros descubrimentos de obxectos artísticos paleolíticos, no século XIX, sempre se suscitou o enigma da motivación e o significado desta arte, aínda que parece haber consenso en que se cumpre unha función relixiosa e que a súa temática está intimamente relacionada co medio natural. Queda pendente o feito innegable do seu alto valor estético e artístico: os homes prehistóricos demostraron, nalgúns casos, unha ansia de perfección e un sentido da beleza totalmente comparable á dos artistas doutras épocas históricas.

No entanto, o lector debe estar avisado que este artigo só toca, forzosamente, aqueles elementos artísticos que se conservaron ao longo dos séculos, o que constitúe, sen dúbida, unha parte ínfima de todo o corpus artístico paleolítico. Perdemos, como mínimo, aspectos tan fundamentais como a tradición oral, a danza, a música, o adorno corporal etc.

(Á dereita, debuxo dun Bos taurus primigenius achado na cova de Lascaux, Francia.)

Arte prehistórica

A arte prehistórica é un fenómeno artístico de alcance xeográfico global e unha amplitude temporal suficiente como para afectar as épocas máis diversas. Abrangue as formas artísticas desenvolvidas durante a etapa da Prehistoria chamada Paleolítico. O concepto é moito máis amplo có fenómeno rupestre cuaternario, principalmente circunscrito á Europa occidental, e comprende amais as manifestacións da chamada arte paleolítica.

Comunidade Valenciana

A Comunidade Valenciana (en valenciano: Comunitat Valenciana, en castelán: Comunidad Valenciana), tamén coñecida como País Valenciano (en valenciano: País Valencià, en castelán: País Valenciano), é unha comunidade autónoma na costa mediterránea de España, recoñecida como nacionalidade no seu Estatuto de Autonomía. É así pois un país ou rexión de Europa situado ó leste da Península Ibérica, que popularmente se denomina moitas veces simplemente Valencia.

Esténdese entre o río Sénia en Vinaròs até Pilar de la Horadada, máis aló da desembocadura do río Segura, cunha delimitación terrestre de 834 km de lonxitude, e 644 km de lonxitude de costa. Ademais, as illas mediterráneas de Nova Tabarca e das Columbretes, son tamén de administración valenciana. A súa posición xeográfica é 40º 47' ó extremo norte, 37º 51' ó extremo sur, 0º 31' E ó extremo oriental, e 1º 31' W ó extremo occidental.

As súas orixes remóntanse no histórico Reino de Valencia creado no século XIII como causa da colonización feudal de aragoneses, fundamentalmente e por esta orde, dos reinos de taifas islámicos de Valencia, Dénia, e parte de Murcia. Tras o desmantelamento do Reino en 1707 polos Decretos de Nova Planta do rei Filipe V e dos frustrados intentos de conseguir o autogoberno durante finais do século XIX e comezos do XX, en 1982 finalmente acádao cun Estatuto de Autonomía, que foi reformado en 2006.

Administrativamente limita ó oeste con Castela-A Mancha e Aragón, ó sur con Murcia e ó norte con Cataluña. Ten máis de 4,8 millóns de habitantes, aínda que a cifra é moi superior se contabilizamos os habitantes de segunda residencia de outros países de Europa e os inmigrantes non censados. Así, as cidades con máis de 100.000 hab. son Valencia (807.200 hab.), Alacant (331.750 hab.), Elx (228.348 hab.), Castelló de la Plana (177.924 hab.) e Torrevieja (101.381 hab.).

Cova de Font-de-Gaume

Font-de-Gaume é unha cova con mostras de arte paleolítica que está situada no concello occitano de Las Eisiás de Taiac (nome oficial en francés Eyzies-de-Tayac) na Dordoña (en francés Dordogne).

Cova de Gorham

A cova de Gorham (en inglés Gorham's Cave) é unha gruta sita en Xibraltar, no extremo sur da Península Ibérica. Está considerada un dos últimos lugares coñecidos nos que se refuxiaron os derradeiros representantes dos neandertais, que viviron nela hai uns 24.000 anos.

Cuevas del Almanzora

Cuevas del Almanzora é un concello da provincia de Almería. A súa extensión é de 263 km² e ten unha densidade de 49,52 hab/km². Está situada a unha altitude de 88 metros e a 97 quilómetros da capital da provincia, Almería. Segundo o INE, no ano 2010 contaba con 12.891 habitantes.

Evolución humana

A evolución humana é o proceso evolutivo que dá lugar a aparición dos humanos modernos, Homo sapiens sapiens. Inda que todos os organismos vivos comparten un devanceiro común, enténdese por evolución humana a parte da historia evolutiva dos primates, en particular a do xénero Homo, e como se remata coa aparición da especie Homo sapiens como unha especie de homínido diferente.

O estudo de dito proceso require unha análise interdisciplinar na que se sumen coñecementos procedentes de ciencias como a xenética, embrioloxía, a antropoloxía física, a paleontoloxía, a estratigrafía, a xeocronoloxía, a arqueoloxía e mesmo a lingüística.

Os estudos xenéticos mostran que os primates diverxeron doutros mamíferos arredor de hai 85 millóns de anos no cretáceo tardio e que os primeiros fósiles recollidos aparecen no Paleoceno, hai 55 millóns de anos. A familia Hominidae diverxe dos xibóns, hai 15-20 millóns de anos, e aproximadamente hai 14 millóns de anos o fan os Ponginae (orangutáns). O bipedismo é a principal adaptación da liña de homínidos e considérase que o primeiro homínido que foi bípede sería Sahelanthropus ou Orrorin e xa completamente bípede sería Ardipithecus. Os gorilas e os chimpancés diverxeron aproximadamente ao mesmo tempo, hai arredor de 4-6 millóns de anos co que Sahelanthropus ou Orrorin serían os nosos últimos antepasados en común con estes. Os primeiros bípedes evolucionarían a australopithecinos e a continuación ao xénero Homo.

Os primeiros membros documentados do xénero Homo son os Homo habilis, que aparecen hai 2,3 millóns de anos, e que sería a primeira especie para a que existen evidencias do uso de ferramentas de pedra. Os cerebros destes primeiros homínidos era dun tamaño aproximadamente igual ao dos chimpancés. Durante os seguintes millóns de anos comezou o proceso de encefalización e, coa aparición de Homo erectus no rexístro fósil, vese que a capacidade cranial dobrou a 850 cm3. Homo erectus e Homo ergaster foron os primeiros homínidos en saír de África e dispersáronse ao longo de África, Asia e Europa entre hai 1,8 e 1,3 millóns de anos. Estímase que foron estas especies as primeiras en usar o lume e ferramentas elaboradas.

Segundo a orixe recente en África dos humanos modernos, estes evolucionarían, probablemente, a partir de Homo heidelbergensis exclusivamente dentro de África e dando lugar á aparición de Homo sapiens arcaicos no Paleolítico medio, hai entre 150.000 e 200.000 anos.Esa poboación sairía de África hai entre 125.000 e 60.000 anos competindo e substituíndo ás poboacións locais de Homo erectus, Homo denisova, Homo floresiensis e Homo neanderthalensis.

Recentes investigacións filoxenéticas suxiren que varios haplotipos dos Neandertais están presentes en poboacións non-africanas e que os Neandertais e outros homínidos como homínidos de Denisova poderían ter contribuído ata un 6% de secuencias do seu xenoma ás poboacións humanas de hoxe en día.

A transición ao comportamento moderno con cultura de símbolos, linguaxe e tecnoloxía lítica especializada aconteceu hai 50.000 anos.

Francia

Francia ( pronunciación ) (en francés: France, [ˈfræns] (AFI), escoitar), oficialmente República Francesa ( pronunciación ) (en francés: République française, [ʁepyblik fʁɑ̃sɛz] (AFI)) é un estado membro da Unión Europea, con capital en París, que se estende sobre unha superficie total de 675 417 km², incluíndo Francia metropolitana e os territorios de ultramar espallados nos cinco continentes. Conta cunha poboación de 64,9 millóns de habitantes.Constituído en estado democrático de dereito, a súa forma de goberno esta organizada como república semipresidencialista, co nome oficial de República Francesa (République française) e o lema Liberté, Égalité, Fraternité (Liberdade, Igualdade, Fraternidade).

O territorio de Francia esténdese por diversas rexións do mundo situándose a súa parte metropolitana (refírese ao territorio continental de Francia máis a illa de Córsega, a parte continental chámase popularmente l'Hexagone (o Hexágono) pola súa similitude con esta forma xeométrica), en Europa Occidental, onde limita ao sur co mar Mediterráneo, Mónaco (4,4 km), España (623 km) e Andorra (56,6 km); ao oeste co golfo de Biscaia e o océano Atlántico; ao norte coa canle da Mancha (que separa o continente das Illas Británicas), o mar do Norte e Bélxica (620 km) e ao leste, con Luxemburgo (73 km), Alemaña (451 km), Suíza (573 km) e Italia (488 km). O seu territorio insular europeo, comprende a Illa de Córsega, no Mediterráneo occidental, e diversos arquipélagos costeiros no Atlántico. En América, son territorio de Francia a Güiana francesa, que limita con Brasil (673 km), a maior fronteira do país cos seus países veciños, Suriname (510 km), e as illas e arquipélagos de Martinica, Guadalupe, Saint-Barthélemy, San Martiño (que limita coas Antillas Neerlandesas) e de Saint-Pierre-et-Miquelon. No océano Índico, son francesas as illas de Mayotte e de Reunión, así como os arquipélagos de Polinesia francesa e de Nova Caledonia, estes no océano Pacífico. Son territorios de Francia deshabitados o atol de Illa Clipperton, no Pacífico Oriental, e as denominadas Terras Austrais e Antárticas Francesas.

Francia é un país altamente desenvolvido económica e socialmente, influente no plano xeopolítico. A súa economía é de tipo capitalista cunha intervención estatal non desprezable dende o fin da Segunda Guerra Mundial. Non obstante, dende mediados dos anos 1980, reformas sucesivas arrastraron unha liberación progresiva do Estado de varias empresas públicas. É a sexta economía mundial en termos de PIB, membro do G8, da Zona Euro e do Espazo Schengen, e sede de numerosas multinacionais de primeira orde, líderes en diversos segmentos da industria e do sector primario, e é o primeiro destino turístico mundial, con máis de 75 millóns de visitantes estranxeiros anuais.Francia, fogar da primeira Declaración dos dereitos do home e do cidadán, é membro fundador das Nacións Unidas, do Consello de Europa, un dos cinco membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Unidas e sede da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico e da UNESCO. É tamén unha das oito potencias nucleares recoñecidas e membro da OTAN.

Francia é un país cunha elevada difusión internacional da súa cultura. Dende o século XV, participando nas exploracións marítimas, e a continuación como potencia colonial, a súa cultura e civilización atópase difundida por países de todo o mundo agrupados na organización da Francofonía. O idioma francés é unha das linguas con maior influencia, tradicionalmente empregada como lingua da diplomacia e relacións internacionais, que xunto con outras 77 linguas rexionais, conforma o patrimonio lingüístico de Francia. Francia é membro da Unión Latina.

Francia foi formada polas artes e a filosofía. Berce da Ilustración, influíu nas revolucións americanas, despois a Revolución francesa deu o arranque e o exemplo democrático no mundo enteiro, desenvolvendo valores de liberdade, de igualdade, de fraternidade e, dende 1905, de laicismo.

Historia

Historia (provén da lingua latina, dende o grego historia, -as 'investigación', derivado de histor 'sabio', 'coñecedor') é a ciencia que ten como obxecto de estudo o pasado da humanidade e como método o propio das ciencias sociais . Tamén se denomina historia ao período histórico que transcorre desde a aparición da escritura ata a actualidade.

Máis aló das acepcións propias da ciencia histórica, historia na linguaxe usual é a narración de calquera suceso, ata de sucesos imaxinarios e de mentiras sexa o seu propósito o engano, o pracer estético ou calquera outro (ficción histórica). Pola contra, o propósito da ciencia histórica é a fixación fiel dos feitos e interpretalos aténdose a criterios de obxectividade; aínda que a posibilidade de cumprimento de tales propósitos e o grao en que sexa posible son en si mesmos obxectos de debate.

En medicina utilízase o concepto de historia clínica para o rexistro de datos sanitarios significativos dun paciente, que se remontan ata o seu nacemento ou ata a súa herdanza xenética.

Á súa vez, chamamos historia ao pasado mesmo, e, ata, pode falarse dunha historia natural na que a humanidade non estaba presente (termo clásico xa en desuso, que se utilizaba para referirse non só á xeoloxía e a paleontoloxía senón tamén a moitas outras ciencias naturais -as fronteiras entre o campo ao que se refire este termo e o da prehistoria e a arqueoloxía son imprecisas, a través da paleoantropoloxía-, e que se pretende actualizar como "gran historia" ou "historia profunda").Ese uso do termo historia faino equivalente a cambio no tempo. Nese sentido contraponse ao concepto de filosofía, equivalente a esencia ou permanencia (o que permite falar dunha filosofía natural en textos clásicos e na actualidade, sobre todo en medios académicos anglosaxóns, como equivalente á física). Para calquera campo do coñecemento, pódese ter unha perspectiva histórica -o cambio- ou ben filosófica -a súa esencia-. De feito, pode facerse iso para a historia mesma (véxase tempo histórico) e para o tempo mesmo (véxase A Brief History of Time (Unha breve historia do tempo) de Stephen Hawking, libro de divulgación sobre cosmoloxía).

Home de Neandertal

O neandertal, Homo neanderthalensis, foi unha especie do xénero Homo, ou subespecie dos humanos arcaicos, que habitou Europa e partes oeste do centro de Asia hai aproximadamente entre 400 mil e 40 mil anos.Morfoloxicamente eran similares a Homo sapiens, pero cunha pelve de forma máis ampla e extensa, similar a especies anteriores. O cranio era longo e máis baixo. A parte media e central do rostro era ampla, os ósos das meixelas angulosos, os arcos supraorbitais dobres e tiñan tamén un nariz grande. O seu corpo era máis baixo, preto de 1,65 m de altura, pero máis ancho có de H. sapiens; e con diferenzas entre homes e mulleres relevantes. A mandíbula inferior non tiña queixelo. Moitas desas características, como o do nariz, eran adaptación a ambientes fríos. A masa cerebral era semellante á H. sapiens, arredor do 10% maior, por ser algo máis longo ao seguir as diferenzas de proporción corporal. Suxeriuse que os neandertais tiñan capacidade de expresión verbal, fala, similar a dos humanos modernos.Os neandertais viviron de Europa á Asia central. Foron cazadores de animais e colectores de plantas. Construían e empregaron recursos sofisticados, como cabanas para vivir nelas, pezas de vestir e ornamentación. Controlaban o lume. O estilo das súas ferramentas de pedra chámase de "cultura musteriense".

Os rexistros fósiles de H. Nenderthalensis máis antigos son de hai cando menos 430 mil anos. Este rexistro e os estudos de secuenciación xenómica indican que teñen cos H. sapiens un antecesor común do plistoceno medio, posiblemente Homo heidelbergensis. A secuenciación xenómica indicou que as poboacións de H. sapiens que saíron de África (isto é, a toda a poboación mundial actual agás a do centro e sur de África) conservan un 2% do xenoma procedente de reprodución cos neandertais. Isto tivo a súa orixe nun contacto entre as especies hai 60 mil anos, antes da expansión dos H. sapiens a Eurasia.

Idade de Pedra

A Idade de Pedra é o período da Prehistoria que abrangue dende que os seres humanos comezaron a elaborar ferramentas e trebellos de pedra ata o descubrimento e uso dos metais. Tamén se utilizaron a madeira, os ósos e mais outros materiais coma corno, coiro, cordas, ou cestos, mais a pedra (en particular diversas rochas de rotura concoide coma o pedernal, o cuarzo, a cuarcita, ou a obsidiana) foi utilizada para fabricar ferramentas e armas, de corte ou de percusión.

Non obstante, esta é unha circunstancia necesaria, pero insuficiente para a definición deste período, xa que tiveron lugar nel fenómenos fundamentais para o que sería o futuro da humanidade: a evolución humana, as grandes adquisicións tecnolóxicas (o lume, as ferramentas ou a vestimenta), a evolución social, os cambios climáticos, a diáspora do ser humano por todo o mundo habitable (ecúmene) dende o seu berce africano, e a revolución económica dende un sistema cazador-colector, ata un sistema parcialmente produtor, entre outras cousas. O rango de tempo que abrangue este período é ambiguo, discutido e variable segundo a rexión da que se trate. Aínda que é posible falar deste período en concreto para o conxunto da humanidade, non hai que esquecer que algúns grupos humanos nunca desenvolveron a tecnoloxía da fundición de metais e por tanto quedaron sumidos nunha idade de pedra ata que se atoparon con culturas tecnoloxicamente máis desenvolvidas. Non obstante, en xeral, considérase que este período comezou en África hai 2,8 millóns de anos, coa aparición da primeira ferramenta humana, ou quizais pre-humana.

A este período seguiulle o Calcolítico ou Idade de Cobre e, sobre todo, a Idade de Bronce, durante a que as ferramentas desta aliaxe chegaron a ser comúns; esta transición aconteceu entre o 6000 a.C. e 2500 a.C. Tradicionalmente divídese a Idade de Pedra en Paleolítico, cun sistema económico de caza-recolección e Neolítico, no que se produce a revolución cara ao sistema económico produtivo agropecuario, a suma da agricultura e maila gandaría.

José María Soler García

José María Soler García, nado en Villena (Alacant) o 30 de setembro de 1905 e finado no mesmo lugar o 25 de agosto de 1996, foi un arqueólogo, historiador, investigador, lingüista e folclorista español. É a persoa que estudou Villena e a súa comarca en maior profundidade e nun maior número de eidos, xa que todas as súas investigacións foron sempre na dirección de escrutar todo o que concernía á súa cidade natal.

Fundou o museo arqueolóxico da cidade, ao que se lle deu o seu nome na súa honra despois de que descubrira o Tesouro do Cabezo Redondo e o de Villena. A Fundación municipal José María Soler, constituída tras a súa morte, ten como misión manter o seu legado cultural e convoca cada ano Premios de Investigación en varios niveis sobre a cidade e a área circundante.

Núcleo lítico

Un núcleo lítico é unha masa de rocha homoxénea que se tallou co obxecto de extraer lascas para o seu uso posterior. Así, pois, o propósito principal dun núcleo é proporcionar soportes a unha variedade indeterminada de utensilios líticos. A medida que se traballan os núcleos líticos, isto é extraéndoselle lascas, van facéndose máis pequenos ata que son abandonados por non ser necesarios ou por esgotarse. Os núcleos abandonados ou esgotados convértense en refugallos característicos que adoitan aparecer en maior ou menor abundancia nos sitios prehistóricos.

Os núcleos líticos teñen diferentes formas, e clasificacións dependendo en primeiro lugar, do sistema tipolóxico (é dicir, do punto de vista do investigador), en segudo lugar, da técnica (Levallois, laminar...) ou técnica de talla (percusión directa, percusión indirecta, presión...) que se empregue para a extracción, e, en terceiro lugar, do produto obtido (basicamente lascas, puntas ou follas líticas).

Desde o punto de vista da técnoloxía lítica, todos os núcleos posúen unha ou varias zonas de explotación que, basicamente se dividen nos seguintes elementos:

Un plano de percusión (ás veces denominado tamén «plataforma de percusión») ou varios: é dicir, a zona que recibe os golpes ou que sofre a presión precisa para que a rocha esgace e poidan extraerse os produtos desexados. Os planos de percusión poden ser de diversos tipos, aínda que basicamente se diferencian os planos de percusión corticais, debidos a unha talla monofacial, dos non corticais, propios dunha talla bifacial e, dentro destes, aqueles que se prepararon coidadosamente por medio de pequenos lascados, para que a extracción sexa máis precisa (planos de percusión preparados). Cando se extrae unha lasca, unha parte do plano de percusión vaise con ela, é o que denominamos talón da lasca, o cal pode ser cortical, se o plano de percusión tamén o é; tamén pode ser liso, ou diedro, cando é unha extracción por talla bifacial, ou, para rematar, facetado, cando se prepara o plano de percusión.

Unha cara principal de extracción, que é a parte do núcleo da que se extraen as lascas ou follas. As caras de extracción dun núcleo tamén poden ser varias, sobre todo nos núcleos de talla bifacial, aínda que a tendencia é a ter un maior control sobre a explotación do núcleo, é a reducilas o máximo posible. Caracterízanse por conservaren os negativos das lascas xa extraídas, cicatrices de anteriores extraccións ou da preparación do núcleo e que, cando unha lasca esgaza do núcleo, convértese na súa cara superior ou dorsal. A estrutura e ordenación dos negativos de lascados previos nunha lasca ou na cara de extracción dun núcleo achegan valiosa información sobre os sistemas de talla lítica.Desde o punto de vista dos métodos e técnicas empregados na explotación dun núcleo lítico, hai dous factores básicos que permiten discriminar unha ampla variedade dentro desta gran categoría de obxectos tallados:

A posición da extracción: é un aspecto básico na talla, non só dos núcleos, senón tamén de calquera obxecto lítico tallado. A posición pode ser monofacial, cando afecta a unha soa cara do núcleo; bifacial, cando afecta a dúas caras, sempre que as extraccións se apoien en negativos de lascados previos; e polifacial, cando estamos ante unha extracción máis complexa que configura tres ou máis caras no núcleo.

A dirección de percusión na que, dun modo simplificado, podemos distinguir tres posibilidades: os núcleos de talla desordenada, nos que non é posible establecer unha dirección de percusión dominante (e que é propia de núcleos arcaicos, é dicir, de períodos antigos da Prehistoria, pero tamén de núcleos esgotados ou voltos a aproveitar, xa que logo non é, necesariamente, un indicador cronolóxico ou do nivel técnico dunha cultura). Os núcleos de talla centrípeta, nos que os impactos do percusor van desde os bordos cara ao seu centro, acabando por formar unha silueta discoide na peza; este tipo de núcleos adoita ser de tipo bifacial e son moi característicos do Achelense e do Musteriense, aínda que se poden dar en calquera período da historia do ser humano (son un indicador cronolóxico, ata certo punto, relativo e pouco fiable). Os núcleos de yalla paralela, isto é, un plano de percusión polariza as extraccións que se van facendo dun modo paralelo, os produtos así obtidos son lascas alargadas ou follas.

Paleolítico

O Paleolítico ("pedra antiga" do grego παλαιός "antigo" e λίθος "pedra") é un período prehistórico correspondente ao intervalo que se estende entre a primeira utilización de utensilios de pedra polo ser humano (preto de 2 millóns de anos atrás) ata o comezo do Neolítico (arredor do 10000 a.C.).

Este gran período histórico subdivídese en Paleolítico Inferior (ata hai 300 mil anos atrás) e Paleolítico Superior (ata 10 mil a.C.). (Na Europa e en lugares onde houbo glaciacións, entre o Paleolítico e o Neolítico intercálase o chamado Mesolítico). O Paleolítico coincide co final da época xeolóxica Plistoceno do período xeolóxico Neoxeno. Hai certa discordancia entre os estudosos en canto a esa división, intercalando algúns un Paleolítico Medio entre o Inferior e mais o Superior.

O termo Paleolítico empregouno pola primeira vez polo historiador John Lubbock. Antes do Paleolítico houbo un período prehistórico que algúns historiadores chaman de Eolítico.

Paleolítico medio

O Paleolítico medio é un período da prehistoria caracterizado polo predominio da cultura musteriense e da técnica Levallois, que consisten en obter unha ou varias lascas de forma predeterminada, a partir dunha preparación particular do núcleo lítico. Abrangue aproximadamente entre os anos 130000 e 33000 a.C.

Paleolítico superior

O Paleolítico superior é o período da Prehistoria caracterizado polo dominio do home moderno en Europa (Homo sapiens), con desenvolvemento de novas técnicas (láminas líticas, industria ósea) e a explosión da arte prehistórica. Cronoloxicamente o seu inicio sitúase arredor de 40.000 a.n.e. e o seu final sobre 9.000 a.n.e.

Prehistoria

A Prehistoria é o período de tempo que vai desde o inicio da evolución humana até os primeiros testemuños escritos. Xa que o comezo da Prehistoria está marcado pola aparición do ser humano non se pode aplicar este comezo ao mesmo tempo en todo o mundo; en África pódese datar en torno aos dous millóns seiscentos mil anos, no Medio Oriente algo menos dun millón oitocentos mil anos, en Asia e Europa arredor dun millón de anos de antigüidade, no resto do mundo estaría por baixo dos 50.000 anos.

Serra de Atapuerca

A Serra de Atapuerca é un pequeno conxunto montañoso da provincia de Burgos, en Castela e León, situado entre a Cordilleira Cantábrica e o Sistema Ibérico, e que recibe o seu nome da pequena localidade e concello de Atapuerca. Cunha anchura de 5.000 metros e unha lonxitude de 1.300 metros, o seu punto de maior altitude está a 1.085 metros sobre o nivel do mar.

A Serra de Atapuerca foi declarada Espazo de Interese Natural, Ben de Interese Cultural e Patrimonio da Humanidade por mor dos sitios arqueolóxicos e paleontolóxicos que acolle no seu interior, nos que se atoparon os restos fósiles de catro especies de homínidos e dunha nova especie de oso das cavernas, así como múltiples ferramentas de pedra das culturas olduvaiense, acheulense e musteriense, correspondentes cos períodos do paleolítico inferior e paleolítico medio.

En 2004 descubríronse diversos instrumentos líticos datados no Plistoceno Superior, que constituíron a primeira proba da presenza dos Neandertais en España . Nunha serie de escavacións aínda en curso, descubríronse ricos depósitos fósiles e ferramentas de pedra que se atribúen aos primeiros residentes hominina coñecidos en Europa Occidental. Esta reserva excepcional de datos depositáronse durante a extensa presenza no paleolítico inferior, xa que as montañas Atapuerca serviron como a residencia preferida do Homo erectus, Homo antecessor (ou Homo erectus antecessor), Homo heidelbergensis e Homo neanderthalensis. O exemplar máis antigo desenterrado e datado ata o momento con confianza confirma unha idade entre 1´2 millóns e 630.000 anos. Algúns achados expóñense no próximo Museo da Evolución Humana, en Burgos. O sitio foi designado pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade, baixo o nome de "Sitio Arqueolóxico de Atapuerca".

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.