Museo Provincial de Lugo

O Museo Provincial de Lugo foi fundado pola Deputación de Lugo no ano 1934. A idea de crear un museo provincial xurdiu en 1932 coa proposta de reunir e protexer os bens do patrimonio cultural lucense, até daquela esparexidos ao longo da provincia en coleccións privadas. Atópase no centro da cidade, na praza da Soidade.

Coordenadas: 43°00′42″N 7°33′32″O / 43.011536, -7.558808

Museo Provincial de Lugo
Fachada principal del Museo Provincial de Lugo, adosado a la Iglesia de San Pedro
Museo provincial de Lugo.
PaísGalicia Galiza
CidadeLugo
TipoArqueolóxico, histórico, cultural
AdministradorDeputación de Lugo
Construción1932
Inauguración1934
Sitio WebWeb do Museo Provincial de Lugo
Claustro convento de San Francisco - Museo Provincial de Lugo
Claustro do convento de San Francisco.

Historia e características

A primeira sede do museo estableceuse no Pazo de San Marcos (baixo a dirección de Luis López Martí), e contaba con varias salas nas que se expoñían diferentes materiais arqueolóxicos, históricos e artísticos. En 1957, decidiuse mudar de emprazamento do museo, xa que o continuo incremento de fondos fixeran pequeno o espazo adicado ás exposicións. O lugar elixido foi o antigo convento de San Francisco, remodelado e ampliado polo arquitecto vigués Manuel Gómez Román, quen se inspirou na estrutura dos Pazos galegos para o deseño do novo edificio. Das dependencias do convento conserva a cociña, o refectorio (ámbolos dous do século XVIII) e mailo claustro (do século XV).

O 1 de marzo de 1962 o Museo Provincial de Lugo foi declarado Ben de Interese Cultural. En 1983, o material etnográfico que posuía o Museo foi trasladado ó Museo etnográfico e histórico de San Paio de Narla (Friol), que se constituíu así na sección de etnografía do Museo Provincial de Lugo. A montaxe desta sección foi realizada polo arqueólogo Felipe Arias Vilas.

En 1997 o museo foi novamente ampliado, segundo un proxecto do arquitecto Antonio González Trigo. Esta ampliación foi inaugurada polos Duques de Lugo o 16 de xaneiro de 1997.

Fondos

Tábula de hospitalidade - bronce - O carbedo - Esperante - O Folgoso do Courel. Museo Provincial de Lugo-2
Tabula Hospitalis

Os fondos do Museo distribúense en 28 salas repartidas en dúas plantas.

  • Refectorio, cociña e claustro do convento de San Francisco.
    • No refectorio expóñense distintas maquetas de construcións tradicionais galegas (casas, pallozas etc.).
    • Na cociña, con diverso mobiliario propio dunha cociña tradicional, destaca a lareira de cantería.
    • O claustro xa fora declarado Ben de Interese Cultural en 1931; nel exponse unha ampla mostra de aras e estelas romanas, sartegos e laudas sepulcrais medievais, escudos heráldicos e distintas esculturas relixiosas, así como unha completa colección de reloxos de sol (sendo o máis antigo un de 1685). Mostra tamén catro pezas dun baldaquino procedente da igrexa de Santa Mariña de Fragas (Campo Lameiro, Pontevedra).
  • Salas de arte sacra: expoñen cadros de pintura relixiosa dos séculos XV ó XX, esculturas, cruces procesionais e diversos obxectos relixiosos.
  • Salas dos mosaicos de Dédalo e Parsífae [1]. Nun espazo polo que se accede á sala de exposicións temporais do Museo expóñense dous mosaicos romanos procedentes das escavacións realizadas na rúa Armañá (Lugo). Un deles representa o mito de Dédalo, construtor do labirinto, e Parsífae, esposa do rei Minos, e o outro consta de motivos florais xeométricos. Nun lateral desta sala pódese ver a estela funeraria de Crecente, dos séculos I-II d.C.[2]
  • Sala de Prehistoria e Arqueoloxía: expoñía numerosos obxectos atopados nas escavacións arqueolóxicas realizadas na provincia, nun abano temporal que vai desde a prehistoria ata a romanización. Entre eles destacan os torques de Burela, de Viveiro ou de Mondoñedo, o carneiro alado de Ribadeo[3] e a Tabula hospitalis do Courel.[4] O 24 de outubro de 2013 ás 10 horas os representantes dos herdeiros de Álvaro Gil acudiron ao Museo para facer cumprir a sentenza que obriga á devolución das pezas da colección marchando con 40 destas pezas.[5] En xuño de 2014 a Deputación de Lugo anunciou que ía mercar a colección de ourivaría de Álvaro Gil para devolvela ó Museo Provincial. A Deputación pensaba mercar estas pezas por un total de 2 964 000 euros.[6] Finalmente esta compra foi realizada o 10 de febreiro de 2015 por 2 346 200 €, ós que hai que engadir outros 600.000 € que tamén se aboaron ós herdeiros de Álvaro Gil en concepto de gastos xudiciais.[7]
  • Salas de arte galega: nun total de 17 salas expóñense pinturas e esculturas de artistas galegos dos séculos XIX e XX, como Pérez Villamil, Sotomayor, Serafín Avendaño, Castelao, Tino Grandío, Colmeiro, Xesús Corredoyra, Xulia Minguillón, Prieto Nespereira, Bonome, Picallo, Asorey etc. Mostra tamén obras de vangarda como as de Maruja Mallo, Avelenda, Sucasas, Blas Lourés, Ramón Conde, Acisclo Manzano etc.

Outros aspectos do Museo

O Museo conta cun xardín no que se expoñen esculturas modernistas e, nos soportais, réplicas de relevos especialmente interesantes cuxos orixinais consérvanse ben no Museo Provincial, ben no Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo. Conta tamén cunha ampla sala na que se montan exposicións temporais.

Galería de imaxes

Lugo, Museo Provincial 01-08 Saamasas

Réplica do relevo visigótico de San Nicolao de Saamasas (Lugo)

Lugo, Museo Provincial 01-05 Crismón de Quiroga

Réplica do Crismón de Quiroga (Lugo)

Estela de Crecente.

Lugo, Museo Provincial 02-01

Baldaquino de Santa Mariña de Fragas (Campo Lameiro, Pontevedra)

Lugo, Museo Provincial 01-34

Claustro do convento de San Francisco, hoxe parte do Museo

Lugo, Museo Provincial 01-25b

Sartego dobre procedente de Santa María de Zolle, Guntín (s. IX-X)

Lugo, Museo Provincial 01-30

Aras romanas

Lugo, Museo Provincial 01-13

Colección de reloxos de sol

Notas

  1. Ficha do mosaico.
  2. Ficha da estela funeraria de Crecente.
  3. Ficha do carneiro alado de Ribadeo.
  4. Tabula Hospitalis
  5. Gago, Manuel. capitulocero, ed. "Un drama para o noso patrimonio: hoxe leváronse o tesouro de Álvaro Gil do Museo de Lugo". Consultado o 24 de outubro de 2013.
  6. "A colección de Álvaro Gil volve a casa sendo patrimonio de todos os lucenses". Arquivado dende o orixinal o 04 de xaneiro de 2015. Consultado o 12 de agosto de 2017.
  7. A Deputación de Lugo aforra preto de cinco millóns co acordo asinado este mediodía cos herdeiros de Álvaro Gil para a adquisición da colección de ourivería prerromana na páxina web da Deputación de Lugo

Véxase tamén

Bibliografía

  • Boletín do Museo Provincial de Lugo, tomo 10 (Lugo) 2001/2002.

Ligazóns externas

Antonio Reigosa

Antonio Reigosa Carreiras, nado en Zoñán (Mondoñedo) o 15 de agosto de 1958, é un escritor, conferenciante e investigador da mitoloxía popular e da literatura galega de tradición oral.

Arquivo do Museo Provincial de Lugo

O Arquivo do Museo Provincial de Lugo alberga diferentes fondos que ao longo do tempo foron doados ou depositados na institución. Sitúase no propio edificio do Museo, compartindo estancia cunha biblioteca especializada e na actualidade está composto por 27 fondos. Depende directamente da Deputación Provincial de Lugo e da Rede Museística Provincial de Lugo.

Carneiro alado de Ribadeo

O Carneiro alado de Ribadeo é unha peza artística de ouro que se cría que fora descuberta en 1945 debido a uns traballos de dragado da ría de Ribadeo, máis recentemente crese que realmente foi mercada en Madrid. Descoñécese a data e orixe exacta da peza. Formaba parte do depósito que Álvaro Gil Varela fixo no Museo Provincial de Lugo o 17 de abril de 1976, xunto con outras pezas procedentes da súa colección particular, como o Torque de Burela.

O carneiro alado de Ribadeo foi exposto ó público por primeira vez na celebración do Coloquio Internacional do Bimilenario de Lugo en 1977. A peza motivou estudos de especialistas como Antonio Blanco Freijeiro e Juan Maluquer, que estableceron teorías sobre a súa orixe e antigüidade. Blanco Freijeiro apuntou a posibilidade de que fose castrexa prerromana con influencia tartésica. Maluquer fixa como época máis probable a comprendida entre os anos -525 e -475. Porén, varios estudos da década dos anos 90 amosaron con claridade as súas semellanzas con pezas datables nos séculos XI-XIII ou incluso posteriores: por exemplo, o responsable de Difusión do Museo, Fernando Arribas Arias, localizou outra peza semellante no museo da Fundación Abegg de Suíza.En 2015 foi declarado Ben de Interese Cultural.

Castrelo, Centroña, Pontedeume

Castrelo é un lugar da parroquia de Centroña no concello coruñés de Pontedeume na comarca do Eume. Tiña 70 habitantes no ano 2010 segundo datos do Instituto Nacional de Estadística, dos cales 34 eran homes e 36 eran mulleres.

No castro deste lugar achouse en 1912 un torque de ouro que se conserva no Museo Provincial de Lugo. Algún historiador identifica este castro coa cidade ártabra de Ardóbrica.

Castro de Centroña

Castro de Centroña ou Os Castros é un poboado castrexo situado no lugar de Castrelo, en Centroña (Pontedeume), no cumio dun monte de escasa altura.

Consta dun recinto principal de forma elíptica, amurallado e rodeado á súa vez por un antecastro no lado norte e oeste. Circúndano, na súa totalidade, un importante sistema de socalcos. As medidas do eixe principal son de 110 metros e no eixe menor 90 metros.

En 1912 atopouse un torque de ouro que se conserva no Museo Provincial de Lugo. O historiador e xeógrafo Pomponio Mela no ano 44 identifica este castro coa cidade ártabra de Ardóbrica.

Castro de Santa María de Cervantes

O castro de Santa María de Cervantes é un poboado castrexo situado na ribeira dos Ancares, na parroquia do Castro, a 12 km da capital do concello de Cervantes, na provincia de Lugo.

Castro de Viladonga

O castro de Viladonga é un castro galaico-romano pertencente á coñecida como cultura castrexa e situado en Viladonga, no concello de Castro de Rei, na provincia de Lugo. Localízase sobre unha elevación a 535 metros sobre o nivel do mar, lugar desde o que se domina visualmente gran parte da chaira da Terra Chá. O 11 de decembro de 2009 foi declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia.Os traballos arqueolóxicos comezaron en 1971. Trátase dun castro dos máis coñecidos de Galicia, debido en gran medida a que desde o ano 1983 conta cun Museo Monográfico do castro.

Cospeito

Cospeito é un concello da provincia de Lugo, pertence á Terra Chá.

Deputación de Lugo

A Deputación provincial de Lugo, unha das catro deputacións de Galiza, é o órgano institucional propio da provincia de Lugo e ao que corresponden diversas tarefas tanto administrativas como executivas. Traballa en prol da totalidade dos municipios lugueses e ocúpase de traballos de coordinación entre concellos e máis de dotación de infraestruturas, control destas e supervisión en xeral de calquera movemento administrativo da provincia de Lugo.

Fernando Arribas Arias

Fernando Arribas Arias, nado en Lugo en 1958, é un escritor e divulgador do patrimonio arqueolóxico galego.

Fillos de Antón de Marcos

Coñécense como os fillos de Antón de Marcos a catro irmáns lucenses, Antonio, Xosé, Manuel e Concepción Fernández López, fillos de Antonio Fernández Fernández, máis coñecido polo alcume de Antón de Barreiros ou Antón de Marcos.

Os catro irmáns foron relevantes empresarios e filántropos creadores de empresas como Zeltia en 1939, Frilugo en 1941, Transfesa en 1942, Antibióticos S.A. en 1949, Frigsa en 1951, Cementos Oural (más tarde Corporación Noroeste) en 1958, Pescanova en 1960 ou a Caixa de Aforros Provincial de Lugo en 1964. Tamén axudaron na creación do Museo Provincial de Lugo, ao que Antonio Fernández López, xunto co seu amigo e colaborador Álvaro Gil Varela, doou gran cantidade de obras de arte.

Fortaleza de San Paio de Narla

A fortaleza de San Paio de Narla, coñecida tamén como torre de Xiá, é unha fortaleza medieval hoxe en día convertida en museo.

Quiroga

Quiroga é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca de Quiroga e á Ribeira Sacra. Segundo o padrón municipal, en 2018 tiña 3.257 habitantes.

Sobrada de Aguiar, Outeiro de Rei

Santa María Madanela de Sobrada de Aguiar é unha parroquia do concello de Outeiro de Rei na comarca de Lugo, na provincia de Lugo. No ano 2007 tiña 146 habitantes, deles 72 eran homes e 74 eran mulleres, o que supón un incremento de 2 habitantes en relación ao ano anterior, 2006.

Torque de Burela

O Torque de Burela é o máis grande dos torques atopados en Galicia. Foi atopado por casualidade por un agricultor da vila no ano 1945 no castro de Burela, no lugar do Chao de Castro, na parroquia de Burela, do concello do mesmo nome, e nun primeiro momento fora desprezado xa que pensaban que se trataba dunha asa dun caldeiro. Pertenceu á Colección Blanco-Cicerón, da que pasou á de Álvaro Gil Varela; atópase no Museo Provincial de Lugo. Pode datarse aproximadamente entre os séculos III e o II a. C.

O 24 de outubro de 2013 ás 10 horas os representantes dos herdeiros de Álvaro Gil acudiron ao Museo Provincial de Lugo para facer cumprir a sentenza que obriga á devolución das pezas da colección marchando con 40 destas pezas, entre elas o Torque de Burela. En xuño de 2014 a Deputación de Lugo anunciou que ía mercar a colección de ourivaría de Álvaro Gil para devolvela ó Museo Provincial. A Deputación pensaba mercar estas pezas por un total de 2.964.000 euros. Finalmente esta compra foi realizada o 10 de febreiro de 2015 por 2.346.200 €, ós que hai que engadir outros 600.000 € que tamén se aboaron ós herdeiros de Álvaro Gil en concepto de gastos xudiciais.

Xiá, Friol

Santa María de Xiá é unha parroquia rural do concello de Friol na provincia de Lugo. Tiña 327 habitantes en 2016, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, 152 homes e 175 mulleres distribuídos en 42 entidades de poboación. O que supón unha diminución de 50 habitantes respecto ao ano 2007 cando tiña 377 habitantes (177 homes e 200 mulleres) e 73 menos que en 2004.

Nesta parroquia está a fortaleza de San Paio de Narla, unha testemuña da época feudal e que hoxe é sede da sección de etnografía, artes e costumes populares do Museo Provincial de Lugo (Museo etnográfico e histórico de San Paio de Narla).

Xoán Ramiro Cuba

Xoán Ramiro Cuba Rodríguez, nado en Lugo o 20 de xaneiro de 1958, é un escritor galego.

Xulia Minguillón

Xulia Minguillón Iglesias, nada en Lugo o 17 de xullo de 1906 e finada en Madrid o 22 de agosto de 1965, foi unha pintora galega de renome.

Zolle, Guntín

Santa María de Zolle é unha parroquia do concello de Guntín na comarca de Lugo, na provincia de Lugo. No ano 2017 tiña 92 habitantes, 10 menos ca en 2007 (49 homes e 53 mulleres) e 11 menos ca en 2006.

Monumentos
Museos
Espazos públicos
Festas

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.