Museo Etnográfico Liste

O Museo Etnográfico Liste de Vigo acolle unha colección de máis de 2.000 pezas da cultura material e espiritual de Galicia, e que percorre dun xeito monográfico o patrimonio galego dos oficios artesanais, moitos deles xa desaparecidos, o traballo agrícola tradicional e abundantes exemplos da relixión e a medicina populares. Foi fundado en 1999 e declarado de interese cultural ese mesmo ano. En 2001 pasou a integrarse no Consello Galego de Museos.[2] En xaneiro de 2012 anunciouse o seu peche,[3] volvendo a abrir no mes de novembro do mesmo ano.[1]

Museo Etnográfico Liste
Museo Liste 1
Museo Etnográfico Liste de Vigo.
Coordenadas42°13′4.4″N 8°43′51.6″O / 42.217889, -8.731000
PaísGalicia.
CidadeVigo.
TipoEtnográfico.
DirectorVictoria Vázquez López.[1]
Inauguración1999.
Visitantes8.000 ao ano.[1]
Sitio WebMuseoListe.org

Historia

Naceu como unha colección privada de Olimpio Javier Liste Regueiro (Pontevedra 1932-2013),[4] mestre de escola especializado na educación de persoas cegas, dedicándose durante decenios, a nivel particular, á recolleita de material etnográfico de todo tipo por todo o país, axudado pola súa dona Josefina Fernández Mosquera. Foi fundador e primeiro director do primeiro museo etnográfico de Galicia, o Museo Etnográfico Olimpio Liste de Oseira (Ourense), fundado en 1972. Desde o 2000, director do Museo Etnográfico Liste de Vigo.

A influencia da súa actividade profesional manifestouse especialmente ó organizar diversas mostras e exposicións pensadas en ser comprensibles por invidentes.

O Museo

Museo Liste 2
Fachada do museo.

Está situado no número 22 da rúa Pastora, nun edificio propiedade do concello de Vigo,[5] o chalé Barreras, cedido á Fundación Liste, entidade nacida o 15 de xuño de 1999 como resultado da colaboración entre o concello e o colector.[6] O edificio corresponde a unha vivenda tradicional de mediados do século XX, cunha superficie útil de case 600 m² distribuídos en catro plantas.

A colección etnográfica exponse a través de nove salas temáticas:

Museo Liste, Vigo, biblioteca, GEG
GEG nos andeis na biblioteca do museo.
  • Sala I: o cultivo do centeo a través das sucesivas fases da preparación da terra, sementeira, colleita do cereal xa maduro e a elaboración do pan centeo. Mostra arados, carros, mallos e cómpre destaca-las arcas para conserva-lo gran, algunhas escavadas en grosos troncos de castiñeiro, datadas no século XVII.
  • Sala II: o rodado. Mostra diferentes tipoloxías da roda do típico carro galego, cuxa construción e fortaleza dependían do tipo de carro, da carga a transportar e das características do terreo por onde debía circular.
  • Sala III: diversos materiais e útiles característicos de ata 50 oficios rurais tradicionais diferentes.
  • Sala IV: diferentes sistemas de peche das vivendas e outras construcións anexas. Móstrase unha completa colección de chaves e tamén un torno dun convento de clausura do século XVIII, así como pechaduras e reixas.
  • Sala V: o tear, os encaixes, os bolillos, e as fibras naturais utilizadas na confección da roupa tradicional (la, liño, algodón, seda) así como outros elementos menos usuais, como as plumas, xunto cos útiles empregados para face-lo fío e tece-la roupa (roca, sarillos, espadelas etc.).
  • Sala VI: o traballo na madeira para a elaboración de obxectos de uso doméstico (pratos, canadas) e de trebellos e ferramentas agrícolas, como xugos, tullas, maseiras, trobos, calzado etc., cunha ampla variedade das ferramentas usadas por fragueiros, carpinteiros e zoqueiros.
  • Sala VII: aparellos utilizados na iluminación anteriores á luz eléctrica, nos distintos ámbitos doméstico, nas cortes, no acceso ás vivendas, no traballo (candís, lámpadas de carburo e outros obxectos).
  • Sala VIII: materiais relacionados coa fe relixiosa e a superstición: ofrendas, exvotos, libros de oracións etc., que reflicten o mundo da vida e da morte, da enfermidade e da curación.
  • Sala IX: obxectos, receitas, herbas e materiais utilizados polos menciñeiros na medicina popular.

A presentación e orientación do Museo é eminentemente didáctica, cun departamento específico dirixido a potenciar e dinamiza-los traballos etnográficos que organizan profesores e alumnos de diferentes colexios e institutos. Ten tamén unha biblioteca de consulta, especializada en antropoloxía de Galicia e dispón, así mesmo, dunha sala multiusos na que organiza exposicións temporais.

Galería de imaxes

Simboloxía dos oficios.
Simboloxía dos oficios. 
Máquina de afiador.
Máquina de afiador
Tear.
Tear. 
Madeira escavada.
Madeira escavada. 
Enxoval de cociña.
Enxoval de cociña. 
Moldes para facer exvotos de cera.
Moldes para facer exvotos de cera. 
Útiles para o gando.
Útiles para o gando
Xugos para gando vacún máis un burro ou mula.
Xugos para gando vacún máis un burro ou mula

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 "Tal como éramos" Faro de Vigo 1/2/2013 (en castelán).
  2. Museo Etnográfico Liste de Vigo no Consello Galego de Museos.
  3. El cierre del Museo Liste se suma a la supresión del Archivo Pacheco y el CAT Arquivado 31 de outubro de 2012 en Wayback Machine., Atlántico Diario (en castelán).
  4. Artigo LISTE REGUEIRO, Olimpio Javier da Gran Enciclopedia Galega.
  5. Páxina web do concello de Vigo
  6. Orde de 1999 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Liste-Museo Etnográfico de Vigo DOG de 9.9.1999.

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

Arquivo Pacheco

O Arquivo Fotográfico Pacheco é unha colección fotográfica recompilada na súa maior parte por Jaime de Sousa Guedes Pacheco entre 1915 e 1981, e que está instalada na Casa das Artes de Vigo.

Campo de Fútbol Municipal Baltasar Pujales

O Campo de Fútbol Municipal Baltasar Pujales é un estadio de fútbol de propiedade municipal, situado en Bouzas, Vigo. Serve de localía ao Club Rápido de Bouzas. O estadio inaugurouse en marzo de 2001.

O seu terreo de xogo é de céspede artificial. A súa capacidade total rolda os 1.500 espectadores, aínda que só posúe unha bancada con capacidade para 600 persoas. O complexo deportivo conta con catro vestiarios, un local para oficinas, dous aseos para uso público e un equipo de calefacción que garante unha permanente subministración de auga quente, ademais dun peche perimetral de todo o campo. Tamén incorpora un local para servizo de cafetaría.

Leva o nome de Baltasar Pujales, quen foi presidente do Rápido de Bouzas durante máis de 30 anos, e que foi o presidente na data de inauguración do estadio. Anteriormente á construción deste campo de fútbol, o Rápido de Bouzas xogaba no campo de fútbol das Gaivotas, un campo de terra que ocupou a área onde agora se ergue o pavillón polideportivo, anexo ao campo actual.

Campo do Vao

O Campo do Vao é un campo de fútbol da parroquia de Coruxo, Vigo, situado preto da praia do mesmo nome. Serve de feudo local do Coruxo Fútbol Club e ten unha capacidade de 1.500 espectadores.

Carlos Solla Varela

Carlos Solla Varela, tamén coñecido como Calros Solla, nado en Pontevedra o 2 de abril de 1971, é un filólogo, escritor e etnógrafo galego.

Casa Galega da Cultura

A Casa Galega da Cultura é un espazo multidisciplinar localizado en Vigo que acolle a realización de actividades artísticas e literarias, ao tempo que conta cun fondo bibliográfico e museográfico sobre Galicia.

Casa Pereira de Castro

A Casa de Pereira de Castro é un edificio situado na Praza da Constitución, na Cidade Vella de Vigo. Monumento Histórico-Artístico dende 1946, é un dos poucos exemplos de barroco civil que existen na vila.

Centro Arqueolóxico de Salinae

O Centro Arqueolóxico Salinae (Vigo) é a primeira salina romana de evaporación solar que foi conservada e musealizada do Imperio Romano. É un centro dependente do Museo do Mar de Galicia e da Xunta de Galicia.

Complexo Deportivo das Travesas

O Complexo Deportivo das Travesas é un recinto polideportivo situado na parroquia viguesa de Freixeiro, construído en 1968 e con capacidade para 3.500 persoas.

Serve de feudo ao Real Club Celta Indepo de baloncesto e máis ao Octavio Pilotes Posada de balonmán.

Concurso de Saltos Internacional de Vigo

O Concurso de Saltos Internacional de Vigo foi unha proba hípica da Copa do Mundo de Saltos que cada mes de febreiro dende o ano 2002 ata o 2011 se organizaba dentro do IFEVI de Vigo. Tratábase da única proba da Copa do Mundo de Saltos que se disputaba en España.

O CSI Vigo tivo unha categoría de 5 estrelas (5*****), a máxima posible, un recoñecemento que teñen os concursos internacionais de saltos cun mínimo de 385.221 euros en premios (500.000 francos suízos) e nos que participan cabalos dunha idade mínima de sete anos.

Edificio Bonín

O Edificio Bonín, ou Casa Bonín, é un monumental inmoble de planta baixa e tres andares, situado na rúa Areal, esquina rúa Oporto, de Vigo. Foi proxectado no ano 1909 polo arquitecto galego Jenaro de la Fuente Domínguez (1851-1922).

Estadio Municipal de Barreiro

O Estadio Municipal de Barreiro é un estadio de fútbol situado na parroquia de Lavadores de Vigo. É propiedade do concello de Vigo.

É utilizado como feudo local polo Celta de Vigo B, que xoga na Segunda B. Ten capacidade para 4.500 espectadores. É utilizado tamén polo Gran Peña Fútbol Club.

Festival Aéreo de Vigo

O Festival Aéreo de Vigo foi un festival celebrado dende 2004 ata 2012 na cidade de Vigo. Tiña lugar nun domingo da segunda quincena dos meses de xullo.

Igrexa da Soidade de Vigo

A igrexa da Soidade de Vigo é un templo católico construído en pedra no ano 1957 polo arquitecto galego Antonio Cominges Tapias. Igrexa de estilo neoclasicista, próstilo de nave rectangular, inspirada na igrexa parisiense da Madalena de Vignon. Na fachada principal sitúase un pórtico tretástilo no que están presentes todos os elementos da orde xónica. Na entrada principal mantense o sistema clásico e en cada ángulo do paramento frontal incorpórase unha pilastra xónica. Foi promovida polo que foi bispo vigués de Madrid-Alcalá Leopoldo Eijo Garay do seu propio peculio e doada polos seus herdeiros ao Bispado de Tui-Vigo o 9 de outubro de 1964.

Igrexa de Santiago de Vigo

A igrexa de Santiago de Vigo é unha igrexa decimonónica que se atopa na cidade de Vigo.

Monte da Guía

O monte da Guía é unha elevación situada na parroquia de Teis, no concello de Vigo, a uns 100 metros sobre o nivel do mar, a carón da ría de Vigo. É un dos parques maiores da cidade.

Desde o alto do promontorio hai unha vista bastante completa da cidade de Vigo, así como da ría, das illas Cíes, e da cara sur da península do Morrazo e da ponte de Rande. Antigamente, as mulleres dos pescadores subían a este monte para facer fogueiras e así poder orientar os seus maridos de regreso ao peirao.

Está coroada por unha pequena ermida erixida en honra da Nosa Señora das Neves: Nosa Señora da Guía, obra do arquitecto Manuel Gómez Román.

Ata o ano 2000 estivo situada na súa ladeira máis protexida, cara ao mar, a Escola de Transmisións da Armada, localización militar que tivo importante relevancia na Segunda Guerra Mundial, ó ser usada como lugar de aprovisionamento por submarinos alemáns, o que se evidencia nalgunha película bélica. Naquela época fíxose un túnel baixo o monte para que o tren chegase ás instalacións militares para levar provisións. Tempo despois, ó ser innecesario o transporte ferroviario, o túnel foi usado como almacén militar.

Na súa aba, hai pequenas praias como a da Lagoa ou a da Punta, e un paseo a través dunha senda botánica sinalada. Conta cunha carballeira e distintas especies ornamentais de interese, nas que destacan ademais dos carballos, os piñeiros.

O monte da Guía está conectado co centro da cidade a través do autobús urbano (liña 17).

Policlínico Cíes

O Policlínico Cíes foi un pequeno hospital de titularidade pública situado en Vigo. Facía parte do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Pechou en 2015.

Foi construído en 1967 segundo deseño de Xosé Bar Boo, cun deseño circular, no seu día moi innovador. No ano 2006, engadíuselle un anexo nun estilo completamente distinto.

É un edificio de seis plantas que estaba adicado a consultas externas de atención especializada e mais a cirurxía de ciclo rápido, é dicir, que normalmente non require hospitalización.

Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo

A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo é un edificio do século XXI situado na cidade de Vigo.

Trofeo Memorial Quinocho

O Trofeo Memorial Quinocho é un torneo futbolístico de verán de carácter amigábel que se disputa anualmente no Estadio Municipal de Balaídos e que é organizado polo Celta de Vigo. Está dedicado ao antigo xerente do equipo, Joaquín Fernández Santomé 'Quinocho', asasinado tras un atraco á sede do club.Comezou a disputarse no ano 1995 e, desde entón, tan só deixou de celebrarse en 2006 e 2016 por mor do mal estado do céspede e obras, respectivamente, en Balaídos.

World Fishing Exhibition

A World Fishing Exhibition (Exposición Mundial da Pesca) é unha feira empresarial do sector pesqueiro que se celebra cada seis anos na cidade de Vigo.

De interese en Vigo
Inmobles
Arte e cultura
Deporte e instalacións
Natureza
Outros artigos
Eventos

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.