Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de Santo Antón

O Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de Santo Antón está situado no castelo do mesmo nome, no paseo marítimo da cidade da Coruña. Foi inaugurado en outubro de 1968.[1]

O castelo de Santo Antón foi comezado en 1588 sobre a illa de Santo Antón, como elemento defensivo da cidade fronte ós ataques por mar. Posteriormente, e ata ben avanzada a ditadura franquista, foi utilizado como prisión militar e política. En 1949 foi declarado monumento histórico-artístico[2] e, en 1960, o Ministerio de Defensa cedeu a fortaleza ó concello da Coruña, quen aprobou a conversión do edificio en museo arqueolóxico provincial en 1964, centrado na arqueoloxía e historia da cidade.

Foi o arquitecto Pons Sorolla quen realizou a consolidación e reformas necesarias para a adaptación como espazo museístico e, finalmente, abriuse ó público o 5 de outubro de 1968, baixo a dirección de José María Luengo Martínez.[1] Con posterioridade realizáronse novas reformas baixo a dirección de Manuel Gallego Jorreto, como a reconstrución, en 1993, da Casa de Botes, destinada á recepción e biblioteca, no terreo que ocupaba antigamente o edificio que, baixo ese nome, servía de punto de chegada á illa das barcas que procedían da cidade.

Ao xa mencionado José María Luengo Martínez, primeiro director de 1968 a 1972, sucedeuno Luis Monteagudo García, que ocupou o cargo ata 1975. A dirección máis longa foi a de Felipe Senén López Gómez que ocupou o cargo de 1975 a 1996. Desde entón o director é Xosé María Bello Diéguez[3].

Coordenadas: 43°21′57″N 08°23′18″O / 43.36583, -8.38833

Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de Santo Antón
Castelo de San Antón A Coruña
Castelo de Santo Antón
PaísGalicia Galicia
CidadeA Coruña
TipoArqueolóxico e Histórico
AdministradorConcello da Coruña
Construción1588
InauguraciónOutubro de 1968

Seccións

Os fondos do museo divídense en tres seccións que se reparten en zonas ben diferenciadas:

Arqueoloxía

Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, A Coruña
Casco de Leiro.

Na planta baixa do castelo expóñense pezas da prehistoria e historia antiga, principalmente da provincia da Coruña pero tamén doutras partes de Galicia, desde o paleolítico ata a romanización de Galicia. Entre as pezas expostas cómpre destaca-la colección de ourivaría pre e protohistórica, como o casco de Leiro (Rianxo), datado no 700 a.C.[4], o torques de Xanceda (Mesía) ou o tesouro do castro de Elviña. Dentro da Idade de Bronce, pódense ver puñais, espadas, puntas de lanza, machados de distinto tipo e numerosos muíños de man, todos eles procedentes de escavacións en diferentes puntos da provincia (monte Lioira (Rianxo), lagoa de Alcaián (Coristanco), Isorna (Rianxo), Taraio (Malpica), Carnota, Dombate, Mina da Parxubeira (Mazaricos), Arca da Piosa (Zas) etc.).

Da época romana destaca a Tabula lougeiorum, procedente do castro de Cido (Folgoso do Courel). Trátase dunha placa de bronce datada no ano 1 d.C., que documenta o tratado de hospitalidade entre Caio Asinio, en nome de Roma, e o pobo astur dos Louget. No campo da epigrafía latina conta con varias estelas funerarias como a estela de Primiano (de Oza-Cesuras), a de Victorinus (de Tines, Vimianzo) ou a de San Pedro de Grandal (de Vilarmaior) así como varias aras votivas adicadas á Deusa Fortuna e a Xúpiter Óptimo Máximo ou a divindades galaicas como Coso ou os Lugoves. Pezas destacadas son tamén unha pequena estatua de bronce do deus Mercurio e o ídolo fálico do Castro de Elviña. No apartado da ourivaría están expostos torques, diademas e colares. Nas vitrinas adicadas á vida cotiá pódense atopar xerras, fragmentos de ánforas, fichas de xogos e dados. A maioría destas pezas proceden do campamento romano da Ciadella, en Sobrado. Os ritos funerarios están representados na sección "Morrer na aldea, morrer na cidade", que ademais das estelas e inscricións funerarias citadas anteriormente conta cun esqueleto dunha muller nova, disposto con tegulae a dúas augas e acompañado de varios exemplares de urnas funerarias.

A sección de arqueoloxía acolle tamén unha sala destinada a Outras culturas, na que se expoñen obxectos procedentes das escavacións realizadas por equipos españois en Nubia en 1960, con motivo da construción da presa de Asuán. Tamén unha colección de puntas de frecha, machados etc. do paleolítico saharaui, datados en 2.500 a.C.

Na antiga cociña do castelo expóñense diversas pezas de cerámica popular galega.

No exterior, no patio superior, exponse un petróglifo cruciforme procedente do contorno da Torre de Hércules, que se interpreta como cruces ou marcas de presenza de peregrinos ou cruzados medievais. Tamén se pode ver unha reconstrución da cista megalítica de Taraio (Malpica de Bergantiños), da idade de Bronce inicial.

Escultura medieval

No patio do castelo e nas casamatas que serviron de calabozo e de dependencias dos soldados, expóñense diversos relevos, esculturas, sepulcros e laudas sepulcrais do século XIV, e diferentes escudos heráldicos dos séculos XVI ó XVIII. Un destes escudos, procedente da Porta da Torre de Arriba (construída en 1590), pode se-lo escudo en pedra da cidade da Coruña máis antigo [5].

Pódese destaca-la representación dun anxo tocando a gaita, nunha doela procedente da portada do Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, no concello de Ares [6].

Coruña, castelo San Antón 01-17

Sartegos e laudas sepulcrais.

Acroteira da igrexa do mosteiro de Santa Catalina (Montefaro)

Cruz da igrexa do mosteiro de Santa Catalina (Montefaro).

Historia

Esta sección distribúese entre a Casa do gobernador e a capela, coa sancristía, situadas na planta alta do castelo. En distintas salas expóñense pezas relacionadas coa torre de Hércules, a invasión do pirata Drake (1589), a batalla de Elviña (1809) e outros acontecementos relevantes na historia da Coruña. Nunha das paredes pódese ver un exemplar da Carta Xeométrica de Galicia, de Domingo Fontán.

Entre outras pezas expostas, pódense destaca-los restos do pecio de Cabo Cee (Corcubión), recuperado en 1987 e do que se mostra unha variada colección de moedas de prata dos reinados de Carlos V e Filipe II.

Na capela do castelo, de estilo neoclásico, destaca a Virxe do Rosario (patroa da Coruña), entre diversos obxectos litúrxicos e de culto. Nas arcadas laterais da capela hai dous murais pintados por Xosé Sesto (1982). Un representa a Apoteose de Santo Antón, coas súas tentacións e milagres; no outro figuran os presos ilustres que pasaron por esta cadea, ó redor da Virxe do Rosario.

Na rampla de acceso ó patio superior exponse unha reconstrución experimental dunha embarcación da Idade de Ferro. Foi construída por alumnos da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela baseándose en imaxes dos petróglifos e textos antigos que citaban as barcas feitas de vimbios e coiro coas que os habitantes do noroeste peninsular podían realizar intercambios comerciais grazas a unha navegación costeira. Foi bautizada como A Borna en lembranza ás representación de barcos prehistóricos nos petróglifos da Borna, en Meira (Moaña).

Torre de Hércules plan

Planta da Torre de Hércules, por Joseph Cornide.

Barquiño en Santo Antón

A Borna, reconstrución dun barco da Idade de Ferro.

Coruña, castelo San Antón 01-36

Detalle da Borna.

Coruña, castelo San Antón 01-56

Dúas Virxes co Neno de época medieval.

Esqueleto de necrópole romana

Esqueleto de necrópole romana.

Diadema-cinturón e gargantilla. (7326062972)

Tesouro de Elviña

Outras dependencias

O museo conta tamén con distintas dependencias administrativas e de estudo. A biblioteca está na Casa dos Botes, que servía de acceso ó castelo cando este era aínda illa.

Notas

  1. 1,0 1,1 Castelo de Santo Antón na web do concello da Coruña[Ligazón morta]
  2. Castelo de Santo Antón, baixo a protección do Decreto de 22 de abril de 1949
  3. Nova en La Voz de Galicia onde se mencionan os catro directores
  4. Posiblemente, unha cunca de carácter ritual, máis que un casco.
  5. Así o afirma a web do concello[Ligazón morta] e o folleto que a modo de guía se entrega ós visitantes, aínda que a Gran Enciclopedia Galega, s. v. Museo, só di que é un dos máis antigos da cidade gravado en pedra.
  6. Considérase a primeira manifestación da existencia da gaita en Galicia como instrumento musical de identidade [1][Ligazón morta]

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Cabanas

Cabanas é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca do Eume. Segundo o IGE, en 2014 tiña 3.294 habitantes (3.346 en 2011). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é cabanés.

Castelo de Santo Antón

O castelo de Santo Antón é un castelo construído no século XVI que formaba parte, xunto co castelo de Santa Cruz (en Liáns) e o castelo de San Diego (en Oza, hoxe desaparecido), dunha rede estratéxica de castelos e baterías para a defensa da cidade da Coruña. Foi declarado Monumento Histórico Artístico en 1949 e desde o ano 1994 pasou a ter a consideración de Ben de Interese Cultural coa categoría de monumento. Dende a súa inauguración no ano 1968 alberga o Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña.

Castro das Modias

Castro das Modias é un castro de outeiro fortificado situado no concello de Cabanas.

Está situado nunha península de forma case oval. O río Castro fai de defensa natural. Polo norte o terraplén chega ata o río. O castro está cortado polo oeste pola trincheira do tren. O recinto central mide uns 80 por 100 metros. Está arrodeado por un terraplén rematado nun muro de terra dun metro de altura no interior e de dous a catro metros no exterior; o muro desaparece case na súa totalidade na cara norte.

A croa está dividida en parcelas empregadas como plantación de eucaliptos e prados.

Nas Modias achouse o torque de Porto que foi adquirido pola Deputación da Coruña en 1868, consérvase actualmente no Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de Santo Antón.

Castro de Xanceda

O Castro de Xanceda é un poboado castrexo situado no lugar do Castro na parroquia de Xanceda (Mesía).

Dolmen de Pedra Moura de Monte Carneo

O dolmen de Pedra Moura de Monte Carneo atópase entre as aldeas de Arxomil e Carnio, na parroquia de Treos, concello de Vimianzo.

Illa de Santo Antón, A Coruña

Non confundir coa Illa de Santo Antón no municipio de Redondela.A illa de Santo Antón (A Illa do Santo) ou illa da Pena Grande é unha illa galega da Coruña, situada xusto no porto da cidade vella. Trátase dunha das estampas máis coñecidas da cidade herculina.

A pesar do seu reducido tamaño (1,1 hectáreas), está enteiramente fortificada e unida por unha ponte, construída na década de 1940, á cidade.

Tesouro de Elviña

O Tesouro de Elviña é un conxunto de pezas de ouro atopadas no verán de 1953 nunha vivenda do castro de Elviña.José María Luengo Martínez atopou durante as escavacións as xoias. Non se sabe a orixe das pezas prerromanas.

Diadema-cinto

Colar

posible gargantilla de ouro

Conta de pasta vítreaAs pezas presentan motivos decorativos xeométricos, tretrasqueles, filigranas e tamén varios parrulos soldados no diadema.

Torque de Porto

O Torque de Porto é un torque atopado en Galicia no século XIX. Apareceu por casualidade probablemente no castro das Modias, no lugar das Modias, parroquia de San Martiño de Porto, concello de Cabanas. Esta peza foi adquirida pola Deputación da Coruña no ano 1868 ao particular don Ernesto Freire e depositouse no Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de Santo Antón. Dátase aproximadamente no século I a. C.

Lugares de interese da Coruña
Lugares senlleiros
Museos
Artes escénicas e da imaxe
Espazos naturais
Outros lugares

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.