Museo

Un museo (do latín musēum e este á súa vez do grego μουσεον = museión 'museo', lugar das musas) é unha institución pública ou privada, permanente, sen fins de lucro, ao servizo da sociedade e o seu desenvolvemento, e aberta ao público, que adquire, conserva, investiga, comunica e exhibe, con propósitos de estudo, educación ou deleite coleccións de arte, científicas etc., sempre cun valor cultural, segundo o International Council of Museums (ICOM). Este tipo de coleccións, case sempre valiosas, existiu desde a Antigüidade. Nos templos gardábanse obxectos de culto ou ofrendas que de cando en vez se exhibían ao público para que puidese contemplalos e admiralos. O mesmo ocorría cos obxectos valiosos e obras de arte que coleccionaban algunhas persoas da aristocracia en Grecia e en Roma; tíñanos expostos nas súas casas, nos seus xardíns e ensinábanos con grande orgullo aos amigos e visitantes.

En 1977 a ONU declarou o 18 de maio como Día Internacional dos Museos.

Musee National Anthropologie-Entree
Museo Nacional de Antropoloxía (Cidade de México)

Historia

Na súa orixe, un museo era un templo de musas, un lugar sacro que elas frecuentaban, e non hai que esquecer que, na súa orixe, as musas eran as deusas da memoria. Máis tarde, na época da dinastía tolemaica, Tolomeo Filadelfo mandou construír en Alexandría un edificio ao que chamou Museo (outras fontes aseguran que o seu fundador foi Tolomeo I Sóter, pai do anterior). Estaba dedicado ao desenvolvemento de todas as ciencias e servía ademais para os faladoiros dos literatos e sabios que vivían alí, baixo o patrocinio do Estado. Naquel museo foise formando aos poucos unha importante biblioteca.

Os escritores latinos sinalan a existencia dun significado adicional de "museo". Todo parece indicar que así chamaban na antigüidade romana a unhas grutas cunhas características especiais, e que, situadas dentro das vilas, os seus propietarios utilizábanas para retirarse a meditar.

É no Renacemento cando se dá o nome de "museo" tal e como o entendemos hoxe aos edificios expresamente dedicados a tales exposicións. Por outra banda están as galerías de arte, onde se mostran pinturas e esculturas. O seu nome deriva das galerías (dos palacios e castelos), que eran os espazosos vestíbulos de forma alargada, con moitas fiestras ou abertos e sostidos por columnas ou alicerces, destinados aos momentos de descanso e á exhibición de obxectos de adorno, moitas veces obras de arte.

A fins do século XIX o Museo de Historia Natural de Londres exhibía os seus obxectos ordenados cientificamente, grazas ás clasificacións de Linneo.

Un museo na actualidade é un establecemento complexo que require múltiples coidados. Adoita estar dotado dun amplo persoal de traballadores das máis diversas profesións. Xeralmente contan cun director e un ou varios restauradores, conservadores, analistas, administradores, conserxes, persoal de seguridade, entre outros. Os expertos afirman que o verdadeiro obxectivo dos museos debe ser a divulgación da cultura, a investigación, as publicacións respecto diso e as actividades educativas. Nos últimos anos xurdiu a idea das exposicións itinerantes nas que museos de distintas cidades achegan algunhas das súas obras para que poidan verse todas reunidas nun mesmo lugar (idealmente, outro museo). É aínda moi pronto para ter unha avaliación correcta sobre os beneficios deste novo costume, sendo que hai coñecedores do tema tanto a favor como en contra, e todos os razoamentos expostos son respectables.

Actualmente existen unha gran variedade de museos: museos de cera, museos de ciencias e técnica, museos de arte, museos históricos, museos de historia natural, museos dedicados a personalidades e museos arqueolóxicos, por nomear só algúns, estando a desenvolverse de xeito rápido os que se poderían chamar museos en liña, como Europeana.

Os museos actuais contan con varias medidas de seguridade para protexer as súas obras:

  • Circuíto pechado de televisión: cámaras de seguridade que gravan constantemente as salas do museo.
  • Vitrinas: protexen cadros e esculturas.
  • Infravermellos pasivos: captan fontes de emisión de calor, por exemplo, o corpo humano.
  • Detectores volumétricos: rexistran desde a presenza de intrusos ata os cambios de temperatura.
  • Cortinas de raios láser: feixes de luz constante que protexen o exhibido.
  • Campos magnéticos: detectan cando algo os atravesa.
  • Detectores de peso: protexen detectando as variacións do peso do que hai sobre eles, activando a alarma.

Museoloxía

A museoloxía é a ciencia que trata dos museos, a súa historia, a súa influencia na sociedade, as técnicas de conservación e catalogación.

Na actualidade o museógrafo traballa xunto ás ciencias da comunicación e a informática. As informacións escritas deben ser curtas, ao estilo xornalístico, pero con contido científico. A televisión e a informática foron incorporadas para transmitir os contidos de forma lúdica e efectiva. A manipulación de obxectos pasou a ser practicamente unha condición esencial de moitos museos, así como a inclusión de tecnoloxía que foi durante un tempo exclusiva de parques de diversión (dinosauros para cabalgar, trens para percorrer réplicas de minas etc.).

Isto, sen dúbida, xera polémica, pois non son todos os museólogos que aceptan a inclusión de elementos considerados "de cultura de masas" para levar ao público o resultado de investigacións científicas, pero a cantidade de visitas aos museos que aceptaron a incorporación das novas tecnoloxías demostra que este é o camiño para conciliar o saber (antes considerado) "erudito" coas novas formas de comprender.

Museografía

A museografía é o conxunto de técnicas e prácticas relativas ao funcionamento dun museo. Agrupa as técnicas de concepción e realización dunha exposición, sexa temporal ou permanente. A disposición física dunha exposición debe ter en conta tanto as esixencias de conservación preventiva dos obxectos o seu a posta en valor de en vistas á súa presentación e a súa comprensión.

A museografía relaciónase cos oficios técnicos ou científicos (arquitectura, restauración de obras de arte...) pero tamén artísticos (escenografía, iluminación...).

O espazo museográfico pode ser definido como un espazo de comunicación, que expresa dunha forma sensible o programa científico do conservador do museo ou do curador dunha exposición temporal.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Dictionnaire des Antiquités Romaines et Grecques. Librairie de Firmin-Didot et Compagnie. París, 1883.

Outros artigos

Ligazóns externas

Animal Diversity Web

Animal Diversity Web (ADW) é o sitio web do Museo de Zooloxía da universidade de Michigan.

É unha base de datos online que recompila a historia natural, a clasificación, as características, a bioloxía da conservación e información da distribución de miles de especies de animais. Inclúe miles de fotografías, centos de clips de son e un museo virtual.

Barcelona

Barcelona (en catalán pronúnciase [bərsəˈɫonə]) é unha cidade situada no nordés da Península Ibérica, capital de Cataluña, da provincia homónima e da comarca do Barcelonès, así como a meirande cidade dos Países Cataláns. Situada ás beiras do mar Mediterráneo, atópase a uns 120 km ao sur da cadea montañosa dos Pireneos e da fronteira con Francia, nunha chaira limitada polo mar ao leste, a serra de Collserola ao oeste, o río Llobregat ao sur e o río Besòs ao norte. É coñecida co alcume da "Cidade Condal" (Ciutat Comtal), por ser a capital do antigo Condado de Barcelona.

Cunha poboación de 1.620.809 habitantes, é a segunda cidade máis poboada de España e da península tras Madrid, e a undécima da Unión Europea. A súa área metropolitana, integrada por 36 concellos, ten unha poboación de 3.161.081 habitantes e unha superficie de 633 km². Esta área é a delimitación como núcleo urbano definida oficialmente, con todo a Rexión Urbana de Barcelona, que se estendería por todo a área de influencia da cidade, chega aos 4.928.852 habitantes cunha densidade de poboación de 1.496 hab/km².Foi escenario de diversos eventos mundiais, que contribuíron a configurar a cidade e darlle proxección internacional. Os máis relevantes foron a Exposición Universal de 1888, a Exposición Internacional de 1929, os Xogos Olímpicos de verán de 1992 e o Fórum Universal das Culturas 2004. É tamén sede do secretariado da Unión polo Mediterráneo.Na actualidade, é recoñecida como Cidade global pola súa importancia cultural, financeira, comercial e turística. Posúe un dos portos máis importantes do Mediterráneo e é tamén un importante punto de comunicacións entre España e Francia, debido ás conexións por autoestrada e tren de alta velocidade. O aeroporto de Barcelona-El Prat foi utilizado por máis de 44 millóns de pasaxeiros en 2016.

Berlín

Berlín (en alemán: Berlin, [bɛɐ̯ˈliːn] (AFI), escoitar) é a capital e un dos dezaseis estados de Alemaña. Cunha poboación de 3,4 millóns nos límites do concello, Berlín é a meirande cidade do país xermano. Constitúe a segunda maior cidade da UE e a novena maior área metropolitana. Berlín atópase no nordeste do país, e constitúe o centro da área metropolitana Berlín-Brandeburgo, fogar de máis de 5 millóns de persoas de máis de 190 nacionalidades.Documentada por primeira vez no século XIII, ao longo da súa historia Berlín foi capital do Reino de Prusia (1701-1918), o Imperio alemán (1871-1918), a República de Weimar (1919-1933) e do Terceiro Reich (1933-1945). Trala segunda guerra mundial, a cidade foi dividida; o Berlín do leste converteuse na capital da República Democrática Alemá mentres o Berlín do oeste converteuse na capital da Alemaña occidental, estando a cidade separada polo Muro de Berlín entre 1961-1989. Trala Reunificación alemá en 1990, a cidade recuperou o seu status como capital de toda Alemaña.

Biblioteca Nacional da República Arxentina

A Biblioteca Nacional da República Arxentina (en castelán: Biblioteca Nacional de la República Argentina) é a biblioteca máis importante da Arxentina. Creada en 1810 no Cabido de Buenos Aires, no presente atópase no barrio porteño de Recoleta.

Biblioteca Nacional de España

A Biblioteca Nacional de España é o centro depositario do Patrimonio Bibliográfico e Documental de España e a institución custodia unha rica colección histórica e todo tipo de publicacións producidas en territorio nacional desde comezos do século XVIII. Actualmente, este fondo documental está composto por máis de 26 millóns de pezas que inclúen libros, revistas, mapas, gravados, debuxos, partituras, folletos, etc.

Bilbao

Bilbao (en éuscaro: Bilbo) é unha cidade e concello situado ao norte de España, capital da provincia e territorio histórico de Biscaia, no País Vasco. Atópase situada na comarca do Gran Bilbao e é atravesada polo río Nervión, que a esas alturas do seu percorrido xa toma forma de ría. No ano 2017 tiña unha poboación de 345 110 habitantes e unha extensión de 41,26 km², cunha densidade poboacional de 8 300 hab./km². É o centro dunha área de influencia que se coñece como Gran Bilbao e que chega a albergar a preto dun millón de habitantes.

Desde a súa fundación, a comezos do século XIV, foi un enclave comercial que gozou de particular importancia na cornixa cantábrica grazas á súa actividade portuaria que se baseaba principalmente na exportación da la procedente de Castela e en menor medida do ferro extraído das canteiras biscaíñas. Ao longo do século XIX e principios do XX experimentou unha forte industrialización que a converteu no epicentro da segunda rexión industrializada de España, por detrás de Barcelona. Esta estivo acompañada dunha extraordinaria explosión demográfica e urbanística que orixinou a anexión de varios municipios lindeiros. Na actualidade é unha puxante cidade de servizos, que se atopa nun proceso de revitalización estética, social e económica liderado polo simbólico Museo Guggenheim Bilbao.

El Correo Gallego

El Correo Gallego é un xornal galego que se edita en Santiago de Compostela. Fundouno José Mariano Abizanda na cidade de Ferrol en 1878.

Encyclopedia of Life

Encyclopedia of Life (Enciclopedia da Vida), abreviadamente EOL é un proxecto de enciclopedia cooperativa en liña, que ten como propósito construír unha enciclopedia que conteña un artigo para cada unha das especies de seres vivos existentes no planeta Terra.

Cada artigo podeá contener sons, vídeos, imaxes, gráficos e textos.Dispoñía inicialmente dun fondo de 50 millóns de dólares provenientes de cinco grandes institucións científicas, encabezadas pola Fundación McArthur.

A páxina web de internet da enciclopedia contén información do proxecto, FAQs e páxinas de demostración.O comité directivo do proxecto está composto por membros veteráns de:

o Consorcio da Biblioteca da Herdanza da Biodiversidade,

o Museo Field de historia natural,

a Universidade de Harvard,

a Fundación McArthur,

o Laboratorio de Bioloxía Mariña,

o Xardín Botánico de Missouri,

a Fundación Alfed P. Sloan e

o Instituto Smithsoniano.O proxecto non permite achegas directas dos usuarios, como ocorre na Wikipedia.

Madrid

Madrid é a capital de España e da Comunidade de Madrid. Está situada no centro da Península Ibérica, ó sur da Serra de Guadarrama, no río Manzanares. Cunha poboación de 3.233.527 habitantes (INE 2012) é a cidade máis grande e poboada do país e da Península Ibérica, e a terceira da Unión Europea. A súa área metropolitana, de 6.043.031 habitantes, é a terceira área urbana máis poboada da Unión Europea, por detrás das de Londres e Berlín.

Como capital do Estado, Madrid alberga as sedes do Goberno, Cortes Xerais, Ministerios, Institucións e Organismos asociados, así como a residencia oficial dos reis de España. No plano económico, Madrid é a cuarta cidade máis rica de Europa, tras Londres, París e Moscova. É o principal centro financeiro e empresarial de España, actualmente, o 50,1% dos ingresos das 5.000 principais empresas españolas son xerados por sociedades con sede social en Madrid, as cales representan o 31,8% delas. É sede do principal mercado de valores do país, e de varias das máis grandes corporacións do mundo.

Nacida a partir do asentamento fortificado hispanomusulmán de Maǧrīţ, conquistado por Afonso VI de León e Castela en 1083, a vila foi designada en 1561 como sede da corte de Filipe II, sendo a primeira capital permanente da monarquía española. Desde entón, salvo un breve intervalo de tempo entre 1601 e 1606 no que a capitalidade pasou temporalmente a Valladolid, Madrid foi a capital de España e sede do Goberno da Nación.

Museo Británico

O Museo Británico (en inglés: British Museum) é un museo sobre a cultura e historia humana situado en de Londres (Inglaterra). A súas coleccións, constituídas por máis de 13 millóns de obxectos, atópanse entre as maiores e máis detalladas do mundo, formadas por obxectos de tódolos continentes que ilustran e documentan a historia da cultura dende a os seus comezos ata a actualidade.

O Museo Británico foi inaugurado en 1753. Nun primeiro momento, o museo estaba formado principalmente polas coleccións do físico e científico británico Sir Hans Sloane. O museo abriu por primeira vez ao público o 15 de xaneiro de 1759 na Casa Montagu (Montagu House), Bloomsbury, no mesmo emprazamento no que se atopa hoxe en día o museo. A expansión do museo ao longo do tempo deu lugar á creación de diferentes institucións relacionadas co Museo Británico como son o Museo Británico de Historia Natural (British Museum of Natural History) creado en South Kensington en 1887. Ata 1997, cando a actual edificio da Biblioteca Británica (British Library) abriu ao público, O Museo Británico era o único museo do mundo que posuía unha biblioteca e un museo nacional de antigüidades nun só edificio. Dende o 2001 o director do museo é Neil MacGregor.

Coma outros museos nacionais e galerías de arte do Reino Unido, a entrado do museo é de balde, aínda que hai que pagar por algunhas exposicións temporais.

Museo Provincial de Pontevedra

O Museo Provincial de Pontevedra foi fundado pola Deputación de Pontevedra o 30 de decembro de 1927. Está rexido por un padroádego, sendo a Deputación Provincial de Pontevedra o seu titular. Dispón de cinco edificios históricos e un sexto de nova construción, con salas de exposición permanente e temporais. Os fondos do museo son pluridisciplinares, clasificados en salas de belas artes, arqueoloxía, etnografía e artes aplicadas. O edificio fundacional, o Castro Monteagudo, localízase na rúa Pasantería en Pontevedra.

Foi distinguido en 1996 coa Medalla de Ouro de Galicia.

Museo de Nova Zelandia Te Papa Tongarewa

O Museo de Nova Zelandia Te Papa Tongarewa, máis coñecido como Te Papa, é un museo nacional de Nova Zelandia que se atopa na cidade de Wellington. Trátase dun museo que mantén unha proposta de integración e traballo multidisciplinar.

Museo do Prado

O Museo do Prado (oficialmente Museo Nacional del Prado) situado en Madrid, é unha das pinacotecas máis importantes do mundo, singularmente rica en cadros de mestres dos séculos XVI ao XIX. O seu principal atractivo radica na ampla presenza de obras de Velázquez, Goya, Tiziano e Rubens, dos que posúe as mellores coleccións que existen a nivel mundial, ao que hai que sumar as coleccións de autores como El Greco, Murillo, José de Ribera, Zurbarán, Rafael, Veronese, Tintoretto, van Dyck ou Hieronymus Bosch, entre outros. As habituais limitacións de espazo explican que o museo exhiba unha selección de obras de máxima calidade (unhas 900 pinturas), do total de 7800 que ten no seu inventario.

Tamén é destacable a súa colección de escultura grega e romana que provén das coleccións reais españolas e de sitios como Pompeia.

París

Esta páxina é sobre a capital de Francia. Para a figura mitolóxica vexa Paris.

París (en francés Paris [pa.ʁi] ) é a capital de Francia, Chef-lieu da Illa de Francia e a única comuna-departamento do país. Atópase nun meandro do río Sena no centro da Conca parisiense, entre a confluencia do río Marne e o Sena augas arriba, e o Oise e o Sena augas abaixo.

A cidade de París dentro dos seus límites administrativos ten unha poboación estimada de 2 190 327 habitantes (2016). Con todo, durante o século XX, a área metropolitana de París espallouse alén dos límites da comuna. A súa área urbana, a segunda máis grande de Europa, ten unha poboación de 11 174 740 habitantes (1999).A rexión de París (Illa de Francia) é, xunto con Londres, o centro económico máis importante de Europa. Con 500,8 mil millóns de euros (630 mil millóns de dólares), produciu unha cuarta parte do Produto Interior Bruto (PIB) de Francia no 2006. La Défense é o primeiro barrio de negocios de Europa, alberga a sede social de case a metade das grandes empresas francesas, así como a sede de vinte das 100 máis grandes do mundo. París tamén acolle ou acolleu a moitas organizacións internacionais como a Unesco, a OCDE, a Corte Penal Internacional e o Club de París.

A cidade é o destino turístico máis popular do mundo, con máis de 26 millóns de visitantes estranxeiros por ano. Adoita considerarse como a cidade máis fermosa, elegante e espectacular do mundo por contar con moitos dos monumentos máis famosos e admirados do orbe: a Torre Eiffel, a Catedral de Notre-Dame, os Campos Elisios, o Arco do Triunfo, a Basílica do Sacré Cœur, d'Os Inválidos, o Panteón, o Arco de La Défense, a Ópera Garnier ou o barrio de Montparnasse, entre outros. Tamén alberga institucións de recoñecemento mundial: o Louvre, o Museo de Orsay e o Museo Nacional de Historia Natural de Francia.

Provincia da Coruña

A Coruña é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833, e ocupa a punta noroeste do país e da península Ibérica. Limita ao norte e ao oeste co océano Atlántico, ao leste coa provincia de Lugo e ao sur coa provincia de Pontevedra. A capital leva o mesmo nome, A Coruña.

Rijksbureau voor Kunsthistorische Documentatie

Rijksbureau voor Kunsthistorische Documentatie (RKD; literalmente, Instituto Neerlandés para a Historia da Arte) é o centro de historia da arte máis grande do mundo e está situado na Haia. O centro está especializado en documentación, arquivos e libros sobre a historia da arte en Occidente a partir da Idade Media até o presente. Todo o seu contido está aberto ó público e a maioría están dixitalizados e dispoñible na súa páxina web. O obxectivo principal da institución é recoller, clasificar, e facer investigación da arte, especialmente na pintura barroca nos Países Baixos.

Grazas á disposición de bases de datos, o visitante pode investigar a vida de moitos artistas dos séculos pasados. A biblioteca dispón de preto de 450.000 títulos, dos cales preto de 150.000 son catálogos de poxa. Hai ó redor de 3.000 revistas. Aínda que moito do catálogo está en neerlandés, o formato de rexistro estándar inclúe unha ligazón a entradas de biblioteca e imaxes de obras coñecidas, que inclúen títulos tanto en inglés como en neerlandés.

O RKD tamén xestiona a versión neerlandesa de Art & Architecture Thesaurus, unha enciclopedia de termos para a xestión da información en arte e arquitectura. A versión orixinal é unha iniciativa do Museo J. Paul Getty en Malibú (California).

Soria

Soria é unha cidade e concello español da provincia de Soria (da que é capital), en Castela e León. Sitúase á beira do río Douro e é a segunda capital de provincia española menos poboada. Ten unha poboación de 40.147 habitantes (INE 2012) e unha densidade de poboación de 147,72 hab./km². Como monumentos máis salientables da cidade están a Concatedral de San Pedro, en estilo plateresco e a Igrexa de Santo Domingo.

Valladolid

Valladolid é unha cidade española situada no cuadrante noroeste da península ibérica, no centro de Castela e León, na confluencia dos ríos Pisuerga e Esgueva. É a capital da provincia de Valladolid e sede das Cortes e da Xunta de Castela e León. Así mesmo foi sede da corte castelá e posteriormente, entre 1601 e 1606, capital do Imperio Español. Actualmente é a décimo terceira cidade máis grande de España.

Vigo

Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana. A cidade atópase na beira sur da ría de Vigo e no sur das Rías Baixas. Con 293.642 habitantes no 2018 é o concello máis poboado de Galicia e o décimo cuarto de España, sendo a cidade sen rango de capital de provincia con máis poboación de España.

É un municipio costeiro das Rías Baixas que limita ao norte coa ría á que dá nome (ría de Vigo), ao nordés co concello de Redondela, ao leste co de Mos, ao sur cos do Porriño e Gondomar e ao suroeste co concello de Nigrán. Alén da ría e xusto fronte á cidade atópanse as vilas de Cangas e Moaña, a 5 e 3,6 km de distancia, respectivamente.

A cidade constitúe un dos motores económicos de Galicia. Vigo é o décimo cuarto concello de España cunha poboación de 293.642 habitantes, segundo o Padrón municipal do 2018. A súa extensión é de 109,1 km². A densidade de poboación da área sitúase en 2.718 hab/km² aínda que no casco urbano esta se incrementa notablemente.

Ámsterdam

Ámsterdam ou Ámsterdan (en neerlandés: Amsterdam, [ˌɑmstərˈdɑm] (AFI), escoitar) é a capital e cidade máis grande dos Países Baixos, situada na provincia de Holanda Setentrional no leste do país. A cidade ten unha poboación de 760.000, un millón e medio se contamos a súa área metropolitana. Ademais a cidade forma parte do Randstad (xunto coas cidades de Rotterdam e A Haia), a sexta das conurbanizacións máis grandes de Europa, cunha poboación de ao redor de 6,7 millóns de habitantes.

O seu nome deriva de Amstel Dam, indicativo da orixe da cidade: unha presa (dam) no río Amstel, que se atopaba no que hoxe é a praza Dam. Asentada como unha pequena aldea de pescadores no século XII, Ámsterdan chegou a ser un dos portos máis importantes do mundo no século XVII, durante a Idade de Ouro Neerlandesa, como resultado dos seus innovadores desenvolvementos no campo do comercio. O centro histórico da cidade foi construído en gran parte durante esta época, e é hoxe en día un dos centros históricos máis grandes de Europa. Naquela época construíronse unha serie de canles semicirculares ao redor do casco antigo xa existente da cidade. É coñecida coloquialmente como a "Venecia do norte".

A cidade é a capital financeira e cultural dos Países Baixos. Moitas das máis grandes institucións neerlandesas teñen aquí a súa sede, estando entre elas 7 das 500 compañías máis importantes do mundo, como Philips ou ING. As súas históricas canles, o Rijksmuseum, o museo Van Gogh, a casa de Anne Frank, o seu barrio vermello e os seus numerosos cofee-shops, son as principais atraccións de Ámsterdan, que atraen a 4,2 millóns de turistas cada ano.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.