Muralla de Santiago de Compostela

A muralla de Santiago de Compostela, da que soamente quedan algúns lenzos, rodeaba a cidade de Santiago de Compostela até o seu derrubamento no século XIX, aínda que na actualidade se conservan algúns restos, sendo o maior o arco de Mazarelos. Existen, así mesmo, algunhas partes ocultas polas casas actuais.[1] A traza da muralla é claramente visíbel aínda sobre o plano da cidade antiga de Santiago, cuxo urbanismo veu determinado pola existencia desta fortificación.[2]

Villa Sancti Iacobi
Extensión da Villa Sancti Iacobi. Aparecen os barrios existentes entre o ano 900 e o 1040, así coma as liñas de muralla e a cerca de Sisnando II de Iria.
Plano Santiago. 1595. Archivo General de Simancas. MPD, 34, 21
Plano de Santiago en 1595. Arquivo Xeral de Simancas. MPD, XXXIV, 21.
Arco de Mazarelos
Porta de Mazarelos, única porta conservada da muralla.

Orixe

No ano 968 Sisnando II de Iria amurallou a zona que ocupaba a igrexa anterior á actual catedral de Santiago e os seus límites inmediatos, conformando o núcleo coñecido como Locus Sancti Iacobi. Este ocupaba tan só o espazo que hoxe ocupan a catedral, a praza da Quintana e o convento de San Paio de Antealtares, cunhas poucas rúas anexas. Esta muralla, que se complementaba cun segundo anel formado por fosos e estacadas, foi case totalmente destruída pola expedición de Almanzor en 997.[3]

A mediados do século XI, dado o auxe da cidade, que comezaba a ser un florecente lugar de peregrinación, unido ao medo a unha incursión normanda ou árabe, fixo que o bispo Cresconio construíse unha nova muralla moito maior sobre o anel de foso e estacadas. Esta nova muralla, que tiña uns 2 km de contorno e cubría un espazo interior de 30 ha, é en esencia a que se manterá ata o século XIX e protexía os novos arrabaldes que se ían formando arredor do Locus.[4]

Da primeira muralla, que desapareceu moi pronto baixo as novas edificacións, apenas quedan unhas poucas pegadas que se acharon na zona da Acibecharía. En 2009, durante as obras de remodelación do antigo Banco de España para habilitar as novas dependencias do Museo das Peregrinacións, atopouse unha sección en bastante ben estado desta primeira fortificación.[5]

Características

Os muros estaban construídos con cascotes irregulares de pedra tipo xisto, cunha altura duns 5 m e un grosor duns 2,5 m. Estaban ameados, aínda que non se coñece a forma exacta, e reforzados a intervalos regulares por torres cuadrangulares, 48 segundo o plano de 1595. A súa forma de ril dispoñía o seu eixe máis longo orientado Norte-Sur. As portas estaban construídas con cantaría máis fina e argamasa e ao exterior estaba rodeada por un foso.[6]

Portas

A muralla orixinal tiña 7 portas, ás que se foron engadindo outras co paso dos séculos. O Códice Calixtino describe as primeiras sete portas do seguinte xeito:

As entradas e portas da cidade son VII. A primeira entrada chámase Porta Francíxena; a segunda, Porta da Pena; a terceira, Porta de Sofrades; a cuarta, Porta do Santo Peregrino; a quinta, Porta Falgueira, que conduce a Padrón; a sexta, Porta de Susannis; e a sétima, Porta de Mazarelos, pola que chega á cidade o precioso Baco.[7]

No século XIII ábrese a Porta Nova da Vila (ou da Rúa da Pena) e nos séculos XIV e XV aparecen outras portas menores para uso peonil, como a das Algalias, a de San Fiz ou a do Souto.[8]

As tres portas principais da cidade foron, por orde de importancia:[8]

  • A porta Francíxena ou do Camiño: Nela desembocaba o Camiño Francés e era considerada como a porta principal da cidade. Nas súas proximidades empezaron a aparecer as tendas e albergues para os peregrinos.
  • A porta Faxeira: Por ela entraban os peregrinos procedentes do Camiño Portugués, xunto co peixe dos portos de Padrón, Noia, Pontevedra e Fisterra. O seu nome quizais veña da existencia de faias na zona.
  • A porta de Mazarelos: Comunicaba coa praza de Mazarelos de Santiago, e por ela entraba o viño da Ulla e do Ribeiro, así como os cereais de Castela. A porta de arco de medio punto peraltado ten pegada no lateral sur unha edificación que conserva as bases da torre grande defensiva que flanqueaba a porta. É a única que se conserva na actualidade.[9]

Influencia urbanística

Trala construción da muralla, o tecido urbano queda constrinxido dentro do límite que esta supón, o cal marca o tamaño dos edificios e mesmo a súa altura, xa que os de máis de tres plantas se vían coma unha ameaza para o sistema defensivo. Amais, as tres principais portas marcan os eixes de comunicación da cidade, que se articulan de xeito case reticular, dende as entradas ata a praza de Cervantes ou a do Obradoiro, á súa vez interconectadas. Tamén marca as construcións externas, xa que tanto os mosteiros coma os obradoiros molestos ou os bordeis se instalan extra muros pero preto das portas.[10]

Deterioración e abandono

Praza da Oliveira
Praza da Oliveira. A casa do fondo está construída sobre unha antiga torre da muralla, mentres que o edificio estreito que está á súa esquerda foi levantado sobre o espazo do camiño de ronda interior.

A partir do século XV as murallas van perdendo a súa utilidade ao diminuír a ameaza de ataques, o cal fai que vaian caendo nun progresivo abandono. En 1596, temendo un ataque por parte dos ingleses, Antonio Ozores fai este repaso do estado das murallas:

[Las nueve puertas precisan reparación, pues] aunque se les an puerto puertas, hes como si no las tuvieran por ser algunas tan cortas que no llegan a çerrar poco más de la mitad... y esto se bera en la puerta que cae a san Francisco que muy olgadamente caben tres o cuatro ombres por lo que queda abierto, y en otras entran e salen por debaxo. [Los muros] estan muy flacos [e es necesario hacer terraplenes e fortificarlos].

— González Méndez e Luaces Anca, [11]

Amais, co paso dos anos e os avances na artillaría, a muralla quedou anticuada e inservíbel para a defensa. Aínda que os veciños tentaron reparala en varias ocasións durante os séculos XVII e XVIII, hai constancia de que varias partes desta se utilizaron coma vertedoiro, práctica prohibida por varias ordenanzas municipais, aínda que desoída.[12]

Desaparición da muralla

Dende a Idade Media e até o século XIX existiu o contrato de foro, polo cal se cedía a posesión e uso do camiño de rolda interior ou dunha das partes da muralla a un particular a cambio dunha cota fixa. Co paso do tempo, a maioría dos edificios próximos á muralla estendéronse até integrala no seu interior, e mesmo se construíron edificios nos espazos de rolda e sobre as mesmas torres e murallas. Estes vestixios coñécense coma muralla fosilizada e permiten coñecer con maior exactitude a traza que tivo esta.[13]

Actuacións

Xa en 1994 se atoparon os restos dunha torre da muralla e un foso no n.º 18 da Rúa da Senra, que hoxe en día poden observarse a través dun cristal. A partir de entón atopáronse e estudáronse algúns fragmentos da muralla ao longo da cidade antiga, destacando os achados da rúa de Entremuros,[14] nos que se descubriu un dos tramos mellor conservados da cidade, de 10 m de longo e 5 de alto, nas paredes dunha vivenda. Nel distínguese, entre outros elementos construtivos, a silueta das ameas.[15][16]

En 2009, a Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación do concello de Santiago realizou unha ruta chamada A cerca da Cidade co fin de achegar a historia e a traza da antiga muralla ao público en xeral.[1] Esta ruta sinalouse ao longo do seu percorrido cuns puntos de referencia incrustados no chan que van sinalando o percorrido da muralla arredor da cidade antiga.

Notas

  1. 1,0 1,1 González Méndez e Luaces Anca (2009) p. 4
  2. González Méndez e Luaces Anca (2009) p. 6
  3. "Muralla urbana de Santiago de Compostela". CastillosNet (en castelán). Arquivado dende o orixinal (html) o 08 de setembro de 2011. Consultado o 27 de xaneiro de 2010.
  4. González Méndez e Luaces Anca (2009) p. 7
  5. E. P (20 de marzo de 2009). "Encuentran un trozo de la primera muralla de Santiago en el sótano del antiguo Banco de España" (html). El Correo Gallego (en castelán). Consultado o 27 de xaneiro de 2010.
  6. González Méndez e Luaces Anca (2009) p. 9
  7. Calisto II (1135-1140). Códice Calixtino ou Liber Sancti Iacobi (en latín). V (Guía do Peregrino).
  8. 8,0 8,1 González Méndez e Luaces Anca (2009) p. 10
  9. "Arco de Mazarelos" (html). TurGalicia (en castelán). Xunta de Galicia. 2010. Consultado o 27 de xaneiro de 2010.
  10. González Méndez e Luaces Anca (2009) p. 12
  11. González Méndez e Luaces Anca (2009) p. 13
  12. González Méndez e Luaces Anca (2009) p. 15
  13. González Méndez e Luaces Anca (2009) p. 16
  14. González Méndez e Luaces Anca (2009) p. 37
  15. "Al rescate de la muralla medieval" (html). El País (en castelán). 20 de novembro de 2008. Consultado o 27 de xaneiro de 2010.
  16. "La muralla en el salón de casa" (html). El País (en castelán). 8 de decembro de 2008. Consultado o 27 de xaneiro de 2010.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

Arco de Mazarelos

O arco de Mazarelos, tamén coñecido como porta de Mazarelos, é unha das portas que daban acceso á cidade de Santiago de Compostela nas Idades Media e Moderna, cando a cidade estaba defendida por unha muralla.

As Orfas

O convento, igrexa e colexio das Orfas é un conxunto de edificios de estilo barroco situados en Santiago de Compostela.

Carballeira de San Lourenzo

A carballeira de San Lourenzo é unha carballeira compostelá cunha extensión de 8.000 metros cadrados. Está situada á beira do río Sarela, xusto ao pé do convento franciscano de San Lourenzo de Trasouto, que foi fundado no século XIII.

Por medio desta zona arborada transcorre o Camiño de Santiago, en dirección a Fisterra. No interior da carballeira hai dispostos unha fonte e dous cruceiros de interese.

Trátase dun lugar de reunión ao que Rosalía de Castro cantou na súa obra Follas Novas.

Casa da Conga

A casa da Conga é un edificio de principios do século XVIII sito na praza da Quintana de Santiago de Compostela.

Trátase dun edificio barroco construído para vivenda dos cóengos da catedral. As trazas iniciais débense a Domingo de Andrade, pero quen rematou a construción en 1730 foi Casas e Novoa. Está situada pechando a parte sur da praza da Quintana. Estrutúrase como un bloque de catro casas cun vistoso pórtico corrido que une as catro edificacións. É de estilo moi clasicista en contraste coa Casa da Parra situada na parte superior da praza. Na actualidade a casa da dereita é sede do Colexio de Arquitectos de Galicia e sala de exposicións. O resto está ocupado por comercios, restaurantes, bares e cafeterías.

Casa da Parra

A casa da Parra é un edificio de finais do século XVII situado na praza da Quintana de Santiago de Compostela. Foi deseñado por Domingo de Andrade

Casa do Cabido

A Casa do Cabido é un edificio situado na Praza de Praterías de Santiago de Compostela, construído no século XVIII e concibido para o embelecemento urbano con obxecto de adornar a praza.

Castriño de Conxo

O Castriño de Conxo é un sitio arqueolóxico composto por un castro prerromano (non estudado) e nel unha rocha cuxa superficie contén unhas serie de gravuras coñecidas como petróglifos. Atópase na parroquia de Conxo, no concello de Santiago de Compostela, provincia da Coruña, no lugar coñecido como A Volta do Castro.

Centro Comercial Compostela

O Centro Comercial Compostela é un edificio de tendas de El Corte Inglés, sito en Santiago de Compostela, na saída da cidade cara a Ourense. Inaugurado en 1998, foi o segundo centro comercial que se construíu na capital de Galicia.

Cidade vella de Santiago de Compostela

A cidade vella de Santiago de Compostela é unha zona urbana da capital galega caracterizada pola súa arquitectura antiga e monumental. Foi elixida como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1985, satisfacendo 3 dos criterios suficientes de selección:

I. Representar unha obra mestra do xenio creativo humano.

II. Testemuñar un importante intercambio de valores humanos ao longo dun período de tempo ou dentro dunha área cultural do mundo, no desenvolvemento da arquitectura ou tecnoloxía, artes monumentais, urbanismo ou deseño paisaxístico.

VI. Estar directa ou tanxiblemente asociado con eventos ou tradicións vivas, con ideas ou con crenzas, con traballos artísticos e literarios de destacada significación universal. (O comité considera que este criterio debe estar preferentemente acompañado doutros criterios).O centro histórico da cidade medrou arredor da catedral a partir do mítico achado do sepulcro do Apóstolo Xacobe no ano 813, atraendo a peregrinaxe de millóns de persoas durante séculos nun dos fenómenos mais salientables da historia medieval. As edificacións que foron construídas na cidade antiga durante ás épocas románica, gótica e barroca, fixeron dela unha das zonas urbanas mais fermosas do mundo, converténdose nun lugar de culto cun gran esplendor artístico.

Colexio de San Xerome

O Colexio de San Xerome, dito tamén Colexio de Artistas, é un edificio civil de Santiago de Compostela, sito no lado meridional da praza do Obradoiro, cerrándoa por ese lado.

El Correo Gallego

El Correo Gallego é un xornal galego que se edita en Santiago de Compostela. Fundouno José Mariano Abizanda na cidade de Ferrol en 1878.

Monte Pedroso

O monte Pedroso é un monte situado no concello de Santiago de Compostela, na parroquia de Santa María de Figueiras.

Dista tan só 3 km do casco urbano da capital galega. Accédese a el a través do Campo das Hortas e da Calzada do Carme de Abaixo. Está na marxe dereita do río Sarela e na zona consérvase unha ponte medieval. Dende o seu cumio (461 m) hai unha boa vista de Compostela e doutros montes pretos como o de Fontecova. No cumio atópanse as antenas e instalación dos reemisores de radio e televisión. Os seus bosques foron moi castigados na vaga de incendios do verán de 2006.

Da presenza humana no Pedroso desde tempos remotos dan testemuña os petróglifos preto do cumio.

Monte do Gozo

O monte do Gozo é unha elevación do terreo próxima á cidade de Santiago de Compostela, no lugar de San Marcos en Bando, chamada así polo sentimento de gozo que desperta nos peregrinos, xa que este monte é o primeiro punto dende o cal a xente que fai o Camiño de Santiago ve as torres da catedral.

Museo Pedagóxico de Galicia

O Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) é un centro dedicado á recuperación, coidado, estudo e mostra do legado pedagóxico de Galiza. Está situado en Santiago de Compostela.

Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego abriu as súas primeiras salas no ano 1977 no antigo Convento de San Domingos de Bonaval, na cidade de Santiago de Compostela, no lugar coñecido comunmente como Porta do Camiño.

Pazo do Hórreo

O Pazo do Hórreo é un edificio de comezos do século XX situado na Rúa do Hórreo 63, na cidade capital galega de Santiago de Compostela, actual sede do Parlamento de Galicia.

Praza de Mazarelos

A praza de Mazarelos, coñecida en séculos pasados como praza das Mazarelas, e outrora praza do Instituto, por estar alí situado durante moitos anos o Instituto Arcebispo Xelmírez, é unha praza da cidade de Santiago de Compostela.

É unha praza de tamaño «considerábel», como sinalou o profesor Celestino García Braña, e nela encóntrase a porta ou arco de Mazarelos, que antigamente permitía entrar en Santiago de Compostela aos viaxeiros procedentes de Ourense. Esta é a única das portas da muralla de Santiago de Compostela que chegou até o século XXI, xa que o resto da mesma foi derrubado entre os séculos XVIII e XIX.

Residencia oficial de Monte Pío

A residencia oficial de Monte Pío é o aloxamento do Presidente da Xunta de Galicia. Está situada nas Casas Novas (Vista Alegre, Santiago de Compostela).

Área Central

Área Central é un complexo cívico comercial de Santiago de Compostela, sito no barrio de Fontiñas. Inaugurado o 20 de outubro de 1993, foi o primeiro centro comercial da capital de Galicia.

Artigos sobre a cidade de Santiago de Compostela
Edificios institucionais
Edificios relixiosos
Teatros
Museos
Outros edificios
Parques
Centros comerciais
Rueiro
Transporte
Medios de comunicación
Clubs deportivos
Recintos deportivos
Outros recintos
Centros de saúde
Empresas locais
Restos arqueolóxicos
Accidentes xeográficos
Educación
Outros

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.