Municipio

O concello ou municipio é, nas súas diversas formas, e baixo diferentes designacións, a estrutura básica de administración local en moitos países do mundo. Con orixes diferentes, consonte ás tradicións locais, os concellos modernos teñen, porén, bastantes puntos de contacto na súa estrutura e competencias.

En xeral, poden distinguirse tres tipos de concellos:

  • Urbanos: concellos constituídos exclusivamente, ou case, por territorio urbanizado;
  • Rurais: municipios constituídos por un ou máis núcleos poboacionais de pequenas dimensións e por territorio non urbanizado relativamente vasto;
  • Mixtos: concellos que comprenden cantidades significativas quer de territorio urbano, quer de territorio rural.

Nalgúns países e nalgunhas subdivisións doutros países (como algúns estados norte-americanos), estes diferentes tipos están separados por lei, constituíndo diferentes unidades administrativas. Noutros, como en Portugal e España, todos os concellos son iguais ante a lei, aínda que por mor da súa poboación ou características estean suxeitos a un distinto trato financeiro, electoral etc. (achegas doutras administracións, número de concelleiros elixibles, estatutos de capitalidade, áreas metropolitanas etc).

Municipalidade como entidades de primeiro nivel

  • En Cabo Verde mantense a división administrativa herdada dos tempos dos portugueses con 17 concellos subdivididos en 31 freguesias (parroquias).
  • Na República Popular da China, unha municipalidade (直辖市 en pinyin: zhíxiéshì) é unha cidade con igual estado dunha provincia: Pequín, Tiangin, Shanghai, e Chongqing
  • Na República da China en Taiwán, unha municipalidade (直轄市 en Wade-Xiles: chi-hsia-shih) é unha cidade con igual estatuto ca unha provincia: Taipei e Kaohsiung.
  • En Montenegro, a municipalidade é a maior división rexional.
  • En Eslovenia, unha municipalidade (občina) é a unidade administrativa local primaria. Hai 193, 11 das cales posúen un estatuto "urbano" con autonomía adicional.
  • En España, unha municipalidade (municipio) é a unidade administrativa local primaria. Forma parte dunha provincia para todos os propósitos administrativos nacionais. Unha municipalidade contén unha ou máis parroquias. Na comunidade autónoma de Galicia, as municipalidades son chamadas concellos, e en Asturias conceyos (singular: conceyu).
  • En Francia, as municipalidades son unidades administrativas de terceiro nivel: por debaixo das rexións (primeiro nivel) e dos departamentos (segundo nivel). Reciben o nome de comunas, herdado da Revolución Francesa. En xeral, as comunas urbanas son de maior tamaño. Porén, débese ter en conta que a maior parte das comunas son menores que os concellos galegos. En toda Francia hai máis de 36.000 comunas (36.783 ao primeiro de marzo de 2008).

Os concellos en España

O goberno e a administración do municipio correspóndenlle ao Concello, integrado polo alcalde e polos concelleiros. Estes últimos son elixidos mediante sufraxio universal, igual, libre, directo e secreto, por períodos de 4 anos. O alcalde é elixido polos concelleiros en sesión plenaria, ou directamente polos veciños en certos casos contemplados na lei.

Os órganos que integran a organización municipal son os seguintes:

  • Pleno: formado polo conxunto de concelleiros electos, presididos polo alcalde e asistidos polo secretario.
  • Alcalde: desempeña as funcións de dirección do goberno e da administración municipal, así como as demais atribucións que lle outorga a vixente lexislación e, entre elas, a organización das áreas que integran o goberno municipal e dos departamentos, servizos e outros entes que constitúen a administración municipal. Tamén é atribución do alcalde a representación do Concello, sen prexuízo da súa posible delegación. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, será substituído polos tenentes de alcalde na orde e coas competencias que se deriven do seu nomeamento.
  • Tenente de alcalde: substitúe o alcalde en caso de ausencia ou enfermidade, función que realiza de forma independente á competencia que lle corresponda na área como edil.
  • Xunta de goberno: é o órgano que ten como atribución propia e indelegable a asistencia permanente ao alcalde no exercicio das súas funcións. Así mesmo, exercerá as competencias que lle deleguen o alcalde e o pleno municipal, cando teñan este carácter. Está integrada polo alcalde, que a preside, e polos concelleiros nomeados libremente por el como membros dela, que son asistidos nas súas reunións polo secretario xeral da corporación.
  • Comisións informativas: estudan aqueles asuntos que son relevantes para o municipio e pásanlle, posteriormente, un informe ao pleno municipal, para a súa aprobación.

A nivel particular, cada un dos concelleiros que integran a xunta de goberno mantén unha serie de competencias municipais propias con respecto á área da súa responsabilidade.

Municipios brasileiros

O municipio é a menor unidade político-administrativa no Brasil, estando baixo das Unidades Federativas (UF ou Estado). Posúe só dous poderes: o Executivo (Prefeitura) e o Lexislativo (Cámara de Vereadores). Xeralmente un municipio está composto dunha cidade, a súa sede, e veciñanzas rurais. Mais tamén se presenta na forma de varios núcleos urbanos dentro do mesmo territorio municipal. Cando son cidades que se desenvolveron moito e aproximaron a outros municipios, dáse o nome de Rexión metropolitana. En especial acontece coas capitais dos estados.

É o municipio o que coida directamente de varios aspectos prácticos da vida da poboación, como rexistro de inmobles, cometidos públicos menos importantes (rúas), asfaltamento de rúas, fiscalización do tránsito, mais a lexislación do tránsito é federal. Prové tamén o ensino básico nas súas escolas. Mantén postos de saúde para a súa poboación. Controla e fiscaliza o transporte público municipal (taxis, autobuses urbanos). Prové ou fiscaliza a recollida de lixo domiciliario. Controla e fiscaliza as feiras libres.

As subdivisións políticas do municipio (distritos) son órganos sometidos ao poder da prefectura. Pode tamén presentar subprefecturas, descentralizando a administración no día a día. En todo caso, o poder político executivo é exclusivamente do Prefecto, sendo todos os outros auxiliares da súa indicación (cargos de confianza).

O municipio non posúe forza policial armada, mais posúe a guarda municipal, que en xeral non usa armas de fogo.

No Brasil, o deseño dos límites municipais raramente coincide cos limites urbanísticos, naturais ou culturais dunha cidade, atendendo primariamente a intereses políticos de oligarquías locais. Basta tomar como exemplo que a cidade (mancha urbana) do Río de Xaneiro ten extensión territorial totalmente desconexa do municipio de Río de Xaneiro; encanto aquela se expande por outros municipios limítrofes, este inclúe aglomeracións fisicamente separadas, como a Barra da Tixuca. O proceso de emancipación municipal no Brasil sufriu forte revés despois de 1996, ano en que unha lei aprobada no Senado Federal ampliou os requisitos necesarios para a creación de novos municipios.

Actualmente, Brasil posúe 5.560 municipios en 26 Estados máis un DF (Distrito Federal). O maior municipio do Brasil é Sao Paulo, que posúe 1522,986 km² e unha poboación de 10 927 985 habitantes (Proxección de 01/07/2005)[1].

Municipios portugueses

Os 308 municipios portugueses (autarquías locais) corresponden, en territorio, aos chamados concelhos, que son a subdivisión territorial máis consistente que o país tivo ao longo dos seus 800 anos de historia. Con orixe nas cartas de foral que os reis atribuían a certas terras e aos territorios limítrofes, o tipo de administración dos municipios/concellos foi variando substancialmente ao longo do tempo: fóronse creando uns, extinguindo outros, foron variando as súas competencias e nalgúns o territorio, mais os municipios/concellos permaneceron.

Hoxe, os municipios son rexidos por unha Cámara Municipal, órgano executivo, e teñen unha Asemblea Municipal, que é o órgano deliberativo. A Cámara é o órgano executivo que trata do goberno e dos asuntos correntes do municipio. Consonte a poboación do concello, a cámara municipal pode ser constituída por un número de vereadores impar entre 5 e 17, elixidos por sufragio directo e universal en listas, partidarias ou non. A Asemblea é o "parlamento" do municipio, cuxa competencia principal é a fiscalización da actividade da cámara municipal. Parte dos seus membros, en número que varía coa poboación do concello e tamén co número de freguesias, é elixida por sufraxio directo e universal en listas que poden, ou non, ser partidarias, e a outra parte é composta por membros por razón do seu cargo: os presidentes das xuntas de freguesía do concello.

Municipios noutros países

Municipalidade como entidades de segundo nivel

  • En Alemaña, unha municipalidade (Gemeinde) é parte dun distrito (Kreis). Entidades grandes de mesmo nivel son chamadas de cidade (Stadt).
  • En Australia, unha municipalidade é unha cidade, ou condado, sendo unha subdivisión do estado.
  • En Austria, unha municipalidade (Gemeinde) é unha parte do distrito (Becirk), que é pola súa vez parte do estado (Bundesland).
  • En Bélxica, unha municipalidade é parte dunha provincia
  • En Bosnia-Hercegovina, unha municipalidade (općina or opština) é:
    • parte dunha cantón (kanton)
    • unha subdivisión (agrupado en rexións)
  • No Canadá, unha municipalidade é unha cidade condado ou municipalidade rexional que está incorporada polo estatuto pola lexislación das provincias e territorios do Canadá.
  • En Chile, unha municipalidade (comuna) é parte dunha provincia
  • En Croacia, unha municipalidade (općina) é parte dun condado (županixa)
  • En Dinamarca, unha municipalidade (kommune) é unha parte dun condado (amt)
  • Nos Estados Unidos, as entidades que posúen os estatos de municipalidade varían de estado en estado. Cidades, towns, vila ou vilarexo son termos comúns para as municipalidades. Distrito municipal (Townships), condados, e parroquias non son xeralmente considerados municipalidades, pero hai excepcións. Nalgúns estados, as cidades non posúen un estatuto de municipalidade similar ao distrito municipal.
  • En Finlandia, unha municipalidade (kunta/kommun) é unha parte dunha provincia (lääni/län)
  • Nas Filipinas, unha municipalidade (bayan) é unha parte dunha provincia (lalawigan) e está composta por barangays.
  • En Grecia, unha municipalidade é tanto unha urbana (demoi) canto rural (koinotetes), que forman parte dunha prefectura (nomos) dunha rexión maior coñecida como periferias.
  • En Honduras, unha municipalidade é un anaco dun departamento.
  • En Italia, unha municipalidade (comune) é parte dunha provincia (provincia) que é parte dunha rexión (regione).
  • En Xapón, calquera goberno alén do goberno nacional xaponés é chamado municipalidade.
  • En México, unha municipalidade (municipio) é unha subdivisión dun estado (estado).
  • Nos Países Baixos, unha municipalidade (xemeente) é unha parte da provincia (provincie).
  • Calquera parte da Nova Zelandia é tanto chamado "cidade" (city) (xeralmente urbana) ou un distrito (district) (xeralmente rural). O termo "municipalidade" é raro na Nova Zelandia desde aproximadamente 1979 e non posúe ningún estatuto legal.
  • En Noruega, unha municipalidade (kommune) é parte dun condado (fylke).
  • En Polonia, unha municipalidade (gmina) é parte dun condado (powiat).
  • En Porto Rico, unha municipalidade (municipio) é unha cidade. Cada municipalidade posúe un prefeito electo.
  • En Romanía, unha municipalidade (municipiu) é parte dun condado (judeţ).
  • En Serbia, unha municipalidade (opština) é parte dun condado (okrug)
  • En Suecia, unha municipalidade (kommun) é parte dun condado (län).
  • En Suíza, unha municipalidade (commune/Gemeinde/comune) é parte dun cantón (canton/Kanton/cantone) e defínese pola lei cantonal.
  • En Suráfrica, as municipalidades son divisións dunha provincia, e organizadas polo tamaño. En orde decrecente: metrópole, distrito, local.

Notas

  1. IBXE - Instituto Brasileiro de Xeografía e Estatística

Véxase tamén

Outros artigos

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre política é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.
Aiguamúrcia

Aiguamúrcia é un municipio catalán, situado na provincia de Tarragona, na comarca do Alt Camp. A sede do concello está en Santes Creus. É o municipio máis extenso da comarca, situado na zona montañosa que separa o Penedès do Camp de Tarragona. Limita ao norte con Querol e Pontons, ao leste con El Montmell, ao sur con Vila-Rodona e polo oeste con El Pont d'Armentera e El Pla de Santa Maria.

Aiguamúrcia ten un total de 918 habitantes segundo datos do INE 2013. A poboación está diseminada polo término municipal entre varios núcleos de poboación.

Alcanar

Alcanar é un concello de Cataluña, pertencente á provincia de Tarragona. É un pequeno municipio da comarca de Montsià, no límite co País Valenciano.

Boimorto

Boimorto é un concello da provincia da Coruña pertencente á comarca de Arzúa. Segundo o IGE en 2018 tiña 2022 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é boimortés.

Carrión de los Condes

Carrión de los Condes é unha localidade e municipio español da comarca de Tierra de Campos na provincia de Palencia, en Castela e León. O municipio está formado polo núcleo principal, Carrión de los Condes, e inclúe tamén a pedanía de Torre de los Molinos. Ten unha poboación de 2.328 habitantes (2008).

Dista 40 km da cidade de Palencia, 80 km de Burgos, 95 km de Valladolid, 95 km de León e 275 km de Madrid.

Situado no Camiño de Santiago, o municipio é coñecido polos seus monumentos románicos e góticos, entre os que destaca o Pantocrátor da igrexa de Santiago, unha dos cumes da escultura románica.

Castrocontrigo

Castrocontrigo é un concello da provincia de León, que está situado a uns 80 quilómetros ó oeste da capital provincial. Áchase na comarca de La Valdería, próxima a da Cabreira.

O municipio ocupa unha área de 194,49 km2, e a súa poboación en 2005 era de 1.075 habitantes, o que resulta nunha densidade de poboación de 5,52 hab/km2.

Concelleiro

O concelleiro ou concelleira, ou edil, é cada unha das persoas membros do pleno dun concello, elixida democraticamente cada catro anos nas eleccións municipais, dentro das listas electorais de cada partido ou coalición política que se presenta ás eleccións.

Os concelleiros poden formar parte do grupo de goberno municipal ou poden formar parte do grupo ou grupos da oposición.

Os concelleiros que forman parte do grupo de goberno poden ter unha ou máis materias dedicadas (facenda, seguridade cidadá, deporte, turismo ...) segundo a concellería que se lles atribúa.

O cargo de concelleiro pode ser remunerado, o que acostuma ocorrer nos municipios grandes. Os concelleiros do grupo de goberno poden formar parte da comisión de goberno do municipio.

O número de concelleiros de cada municipio varía segundo a súa poboación de dereito, é dicir, a censada no padrón municipal.

O seu estatuto e a súa función están regulados por disposicións de dereito político e dereito administrativo.

Condado de Treviño

Condado de Treviño é un concello español da provincia de Burgos (Castela e León). Xunto co municipio de La Puebla de Arganzón forma o enclave de Treviño, situado dentro da provincia vasca de Áraba. A capital do municipio é a localidade de Treviño.

Coímbra

Coímbra (en portugués Coimbra) é unha cidade portuguesa, capital do Distrito de Coímbra, situada na rexión Centro e subrexión do Baixo Mondego, con preto de 106 800 habitantes. A pouco máis de 200 km de Lisboa e a 100 km do Porto, está bañada polo río Mondego. Foi capital nacional da cultura en 2003.

É sede dun municipio con 316,83 km² de área e 148 474 habitantes (2001), subdividido en 31 freguesías. O municipio é limitado a norte polo municipio de Mealhada, a leste por Penacova, Vila Nova de Poiares e Miranda do Corvo, a sur por Condeixa-a-Nova, a oeste por Montemor-o-Velho e a noroeste por Cantanhede.

Culleredo

Culleredo (AFI: /kuʎeˈɾeðʊ/) é un concello galego da provincia da Coruña. Pertence á comarca da Coruña e está situado na área central da provincia, na comarca da Coruña, no extremo sur da ría do Burgo, no ano 2014 tiña 29.434 habitantes distribuídos en 62,3 km². O seu xentilicio é culleredés ou culleredense.

Neste concello atópase localizado o aeroporto de Alvedro, un dos tres aeroportos de Galicia. E ese mesmo nome, Alvedro, era o que recibía o concello antigamente.

L'Arboç

L'Arboç é un concello de Cataluña, pertencente á provincia de Tarragona. É un pequeno municipio da comarca de Baix Penedès. Segundo datos de 2013, a súa poboación é de 5.517 habitantes.

Lalín

Lalín é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Deza. O municipio ten unha poboación de 20 103 habitantes (2018) e divídese entre o núcleo urbano, onde viven máis de 10 000 persoas, e as 52 parroquias do rural. Lalín é a capital e a vila principal da súa comarca e o noveno concello máis poboado da provincia, despois da Estrada. O concello posúe unha densidade de poboación de 63,85 hab./km², e unha superficie de 326,8 km², o que o converte no concello máis grande de Pontevedra e o cuarto de Galicia.

O concello de Lalín atópase no nordeste da provincia de Pontevedra; fai fronteira co concellos de Silleda e Vila de Cruces polo noroeste, con Forcarei polo oeste, con Agolada e Rodeiro polo nordeste, con Dozón polo suroeste e co Irixo polo sur, todos eles pertencentes á comarca pontevedresa do Deza agás O Irixo que pertence á provincia de Ourense.

Montmeló

Montmeló é un municipio español pertencente á provincia de Barcelona, en Cataluña. Está situado a uns 20 km ao norte de Barcelona, na comarca do Vallès Oriental. Atópase na parte baixa do río Congost, na súa confluencia co río Mogent para formar o Besòs, río que constitúe o límite meridional do municipio.

Murcia

Murcia é un municipio e a capital da Rexión de Murcia (España). Está situada no sueste da Península Ibérica e atravesada polo río Segura, en plena Huerta de Murcia, comarca da que é capital. Murcia é a sétima cidade de España pola súa poboación. Segundo o INE en 2017 tiña 441 003 habitantes.

Neda

Neda é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ferrol, situado na ría de Ferrol. Segundo o IGE en 2014 tiña 5.327 habitantes (5.528 no 2009, 5.675 no 2006, 5.771 no 2005, 5.804 no 2004, 5.913 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «nedense».

Ponferrada

Ponferrada (do latín pontem ferratam 'ponte de ferro, na que se utilizou ese material') é un concello e cidade de Castela e León, capital da comarca do Bierzo, na provincia de León. Está situada na confluencia dos ríos Sil e Boeza, e cos seus 68.121 habitantes (INE 2013), é o segundo municipio máis poboado da provincia, por detrás de León.

Atópase a 543 m de altitude nunha cunca mineira, ocupa unha superficie de 283 km² e ten unha poboación duns 65.000 habitantes. A súa fundación, no 1086, coincide coa construción dunha ponte de ferro (que deu nome á cidade, para cruzar o río Sil, ordenado levantar catro anos antes, no 1082, polo bispo Osmundo. Dende o ano 1178 ata o 1312 a cidade estivo en mans dos Templarios que construíron un castelo (século XIII) que hoxe en día é o monumento principal da cidade.

A vila de San Pedro de Devesas é de fala galega autóctona, e Fontesnovas foi de fala galega ata 1960. Ademais na vila de Ponferrada por efecto da emigración berciana hai numerosos galegofalantes, e aquí teñen a súa sede asociacións como Fala Ceibe ou a Asociación Berciana da Lingua Xarmenta.

Ripollet

Ripollet é un municipio situado na comarca catalá do Vallès Occidental, forma parte do área metropolitana de Barcelona. O municipio, cunha extensión de 4,39 km², ten un total de 37.151 habitantes. A densidade de poboación é de 8.639,77 habitantes por quilómetro cadrado. Está a unha distancia de 10 km de Barcelona.

San Andrés del Rabanedo

San Andrés del Rabanedo é un municipio de Castela e León de 30.217 habitantes (2008) situado na provincia de León. É o terceiro municipio máis poboado da provincia tras León e Ponferrada.

Torre del Bierzo

Torre del Bierzo é unha localidade e municipio da comarca do Bierzo, provincia de León, comunidade autónoma de Castela e León, España. Ten unha área de 119,29 km² cunha poboación de 2.714 habitantes (INE 2007) e unha densidade de 22,75 hab/km².

Villablino

Villablino é un concello español da provincia de León (Castela e León). A súa poboación é de 10.353 habitantes (INE 2011).

Villablino, é a capital da comarca leonesa de Laciana; atópase entre as comarcas de Babia, Omaña, O Bierzo e o Principado de Asturias. Constitúe o maior centro comercial, económico e social do noroeste de León. O seu concello é o 6º da provincia no que refire a poboación. A poboación do municipio, que é de 10.860 habitantes, diminuíu case nun 25% (ao redor de 3.700 habitantes) entre 1996 e 2006.

Poderes
Formas de goberno
Réximes e sistemas
Tipos de poder
Clases de estado
Conceptos
Procesos
Divisións administrativas
Cargos
Disciplinas
Ideoloxías
Actitudes

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.