Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia

As Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia foron un certame teatral que se celebra en Ribadavia entre 1973 e 1980.

Antecedentes

No ano 1969, naceu en Ribadavia a Agrupación Cultural Abrente. Esta asociación, que acollía nos seus inicios (entre outras cousas) un cineclub, apostou case desde o principio polo teatro.

En 1970, celebrouse en Pontevedra a primeira e última edición das Xornadas de Teatro de Pontevedra, ás cales acudiron maioritariamente grupos de cámara. Aínda así, a elas acudiu igualmente o grupo de teatro independente en Galicia, o Grupo Teatro Circo da Coruña, que viña existindo desde 1965, da man (entre outros) de Manuel Lourenzo. E foi o Teatro Circo a grande sensación destas Xornadas de Pontevedra. En contraposición, o grupo anfitrión, o Teatro Popular de Pontevedra, mostraba o comezo da súa decadencia, debido a problemas internos (segundo a versión oficial). O principio da fin do Teatro de Cámara estaba moi próximo, ao igual que o dominio do teatro independente, o cal viña existindo en Galiza desde 1965, acadando o seu maior auxe durante a celebración das Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia.

As Mostras

A partir do ano 1973, a Agrupación Cultural Abrente, dirixida por Rubén García, iniciou a organización das Mostras de Ribadavia. Estas, deben enterderse dentro do ambiente da recuperación cultural (e socioeconómica) que existiu no Estado Español a partir da década de 1960. Por este motivo, as Mostras foron un punto de encontro estupendo para a normalización do Teatro Galego e para demostrar o compromiso da dramática con Galiza, coa súa realidade e o seu idioma. Arredor destas mostras, xurdiron os autores do grupo Abrente, o primeiro grupo xeracional de dramaturgos profesionais en lingua galega, grupo entre os que destacan os autores Manuel Lourenzo, Roberto Vidal Bolaño e Euloxio R. Ruibal.

Unha boa proba do papel normalizador xogado por este grupo constitúea a celebración do Concurso Abrente de Textos Teatrais en Galego, o cal contribuíu para que xurdisen ou se desen a coñecer novos autores. O primeiro gañador deste Premio Abrente foi Euloxio R. Ruibal, mercé á súa peza Zardigot (1973). O último, Roberto Vidal Bolaño , con Bailadela da Morte Ditosa (1980). Entre eles, temos outros gañadores de alto nivel, como Manuel Lourenzo ou os por daquela debutantes Camilo Valdeorras (quen só publicou unha obra teatral) e Manuel Guede.

O impacto da primeira edición debeu ser grande no mundo do teatro, posto que de oito grupos dramáticos que participaron na prmieira edición das Mostras, pasouse a doce que participaron na seguinte.

Mais nesta segunda edición das Mostras (1974), xurdiu a máis que vella polémica que confrontaba a liña do teatro costumista coa dun teatro innovador e independente. Entre os primeiros, encontramos varios do vellos autores, destacando Eduardo Blanco Amor. O grupo dos defensores dunha dramática innovadora, conformado principalmente por escritores dramáticos novos, foi que tivo mellor fortuna, posto que foi a súa postura a predominante.

Na VI Mostra (1978), por outra parte, sucedéronse unha serie de acontecementos importantes para a historia do noso teatro. Por primeira vez, un acontecemento relacionado co Teatro Galego recibía unha axuda oficial o cal, xunto coa climatoloxía, atrasou o comezo da VI Mostra. Outro feito notábel foi a presentación do primeiro libro da colección “Ribadavia” de Edicións do Rueiro (Progreso e Andrómeda do Antroido, de Camilo Valdeorras, gañadora da edición de 1977), a cal parte da vontade de Abrente de dar saída ás obras gañadoras do seu concurso teatral, vontade que xa estaba expresa nas bases da primeira edición. Mais, por riba de todo, 1978 é o ano no que asistimos á profesionalización do Teatro Galego, non sen conflito, pois existía un sector que se opoñía a esta. De feito, a sexta Mostra de Teatro Abrente conxugou grupos profesionais con grupos afeccionados, o cal levou a incremento da participación.

Mais esta edición de 1978 tamén presentou a súa faceta máis negativa. As Mostras, pensadas maioritariamente como un instrumento de loita contra o franquismo, querían ser un movemento cultural liberador; mais a vitoria da UCD e a fragrante derrota das esquerdas nos comicios de 1977, creou unha patente desilusión expresada nun documento interno da Asociación Cultural Abrente, redactado probabelmente en febreiro de 1978. Alén diso, nese mesmo texto afirmaban estes por daquela rapaces e rapazas a súa preocupación por crear unha cultura menos “libresca” e máis “democrática”. Isto, unido á escasa repercusión mediática desta edición, debeu abrirlle o camiño á futura disolución das Mostras en 1980. A patir dese momento, o teatro reivindicativo perde forza, o público muda e os autores de Abrente experimentan novas formas e temáticas dramáticas.

Para dar a coñecer novos autores, a organización das Mostras creou un premio teatral. As pezas premiadas foron as seguintes:

Véxase tamén

Outros artigos

Abrente

O abrente é o amencer, a primeira luz do día. Amais pode referirse a:

Abrente, lugar da parroquia de Mosteiro, no concello de Navia de Suarna;

Abrente, versos galegos, libro de poesía de Victoriano Taibo (El Eco de Santiago, 1922);

Abrente, grupo alpinista creado en Ferrol en 1935;

Abrente. Boletín de la Anunciada, publicación da Congregación de la Anunciada y San Luis Gonzaga de Santiago de Compostela, publicado entre 1928 e 1941;

Abrente, publicación da Casa de Galicia de Buenos Aires creada en 1940;

Abrente, publicación da Casa Galicia de Valladolid creada en 1957;

Abrente, publicación da Real Academia Galega de Belas Artes creada en 1969;

Abrente, publicación de Primeira Linha creada en 1996;

Camilo Valdehorras

Camilo Fernández González-Valdehorras, nado no Barco de Valdeorras o 25 de xuño de 1959, é un filólogo, profesor e escritor galego.

Castelo de Ribadavia

O castelo de Ribadavia son as ruínas do que foi o castelo e residencia dos Condes de Ribadavia, da familia Sarmiento. Son os restos dun castelo de grandes dimensións que foi escavado e está na actualidade en proceso de rehabilitación.

Grupo Abrente

O Grupo Abrente, denominado tamén Xeración Abrente ou Grupo de Ribadavia, fai referencia a un conxunto de dramaturgos que participaron ou que se deron a coñecer nas Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia, entre os anos 1973 e 1980.

Literatura galega do século XX

A literatura galega do século XX pode dividirse, grosso modo, en tres etapas: literatura de preguerra, literatura de posguerra (maioritariamente dende o exilio) e literatura dende a fin da ditadura até a fin de século.

Mancomún (revista)

A revista Mancomún foi unha publicación mensual galega que comezou a editarse por Edicións do Rueiro en maio de 1980 e continuou publicándose ate o mesmo mes do ano seguinte. A impresión levouse a cabo pola Editorial Vizcaina en Euskadi por falta de medios económicos en Galiza. Xuntouse co semanario A Nosa Terra. Deixouse de publicar por cuestións económicas.

Manuel Guede

Manuel Guede Oliva, nado en Venezuela en 1956, é un escritor e director teatral ourensán.

Manuel Lourenzo

Este artigo trata sobre o actor e autor teatral, para o narrador galego véxase Manuel Lourenzo González.Manuel María Lourenzo Pérez, nado en Ferreira do Valadouro o 15 de abril de 1943, é un actor, dramaturgo, director teatral, conferenciante, tradutor galego, e dinamizador de diferentes iniciativas teatrais.

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) é o festival internacional de teatro máis importante do teatro galego. Naceu no ano 1984 alentado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, co afán de crear un espazo de exhibición e un encontro escénico internacional, como continuación das Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia celebradas entre 1973 e 1981.

Celébrase no mes de xullo na localidade ourensá de Ribadavia en diversos espazos de exhibición: Auditorio do Castelo, Igrexa da Madalena, Casa da Cultura, rúas etc. Estivo dirixida por Rubén García e na actualidade o seu director é por Roberto Pascual.

A MIT foi galardoada co Premio da Cultura Galega da Xunta de Galicia, na modalidade de Artes Escénicas, no ano 2013. Tamén recibiu outros recoñecementos como o Premio Bianual da FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado) en 2014 ou o Premio da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) no ano 2009.

Nova Dramaturxia Galega

O concepto de Nova Dramaturxia Galega é un concepto complexo, posto que a súa adscrición temporal varía segundo o autor ao que esteamos a seguir e a época en que dito autor desenvolveu o seu traballo.

A nomenclatura Nova Dramaturxia aparece por primeira vez en 1979, no libro O Teatro Galego, de Manuel Lourenzo e Francisco Pillado Mayor. Para estes dous estudosos, a etapa da Nova Dramaturxia estaba comprendida entre 1882 (ano da estrea d'A fonte do xuramento, de Francisco María de la Iglesia) e 1903 (data da aparición da Escola Rexional de Declamación). O motivo disto radica en que, a partir de 1882, xorde por primeira vez a necesidade de crear un teatro galego diferente do teatro popular dominante ata aquela data.

Porén, en 1996 (e sobre todo a partir de 1998), Manuel Vieites revisará este termo, dándolle unha significación diferente e situándoo nun espazo de tempo distinto. Así, na opinión de Vieites, a etapa da Nova Dramaturxia estaría comprendida entre 1969 e 1999. O seu comezo en 1969 responde á aparición da Agrupación Cultural Abrente, arredor da cal xurdirán as famosas Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia (1973-1980). O seu final, coincide coa chegada do novo milenio. Segundo este autor, a Nova Dramaturxia preséntase como un axente renovador do teatro galego, con presupostos non moi distantes da Nova Narrativa Galega ou do movemento renovador da poesía galega producido a comezos e mediados da década de 1970, a través de grupo como Loia, Grupo Rompente, Cravo Fondo,...

Seguindo con Manuel Vieites, na opinión deste autor a Nova Dramaturxia podería dividirse en tres fases, as cales esquematizamos seguir:

1) O grupo de Ribadavia (1969-1977): fase de formación.

2) A promoción dos oitenta (1977-1985): fase de desenvolvemento.

3) A promoción dos noventa (1985-1999): fase de consolidación.

A primeira das etapas, xa que logo, é a do “grupo de Ribadavia”, colectivo de autores que este autor compara coa xeración “simbolista” do teatro español, posto que ambas as dúas utilizarán a escena como un medio de loita contra o franquismo.

Ve o seu comezo esta “fase de formación” da Nova Dramaturxia en 1969, concretamente o día 8 de novembro dese ano, cando nace a Agrupación Cultural Abrente de Ribadavia. Lembremos que neste período estamos de cheo somerxidos no momento do teatro independente en Galicia, o cal non exime que existisen tendencias contrarias a este. De facto, na segunda edición do Concurso Abrente de Obras Teatrais en Galego (1974) (o premio das Mostras Abrente) xurdiu a máis que vella polémica que confrontaba a liña do teatro costumista coa dun teatro innovador e independente. Evidentemente, a segunda delas foi a que mellor sorte gozou.

Serían dramaturgos destacados deste período: Manuel Lourenzo, Euloxio R. Ruibal, Roberto Vidal Bolaño, Xosé Agrelo Hermo, Xosé Manuel Carballo Ferreiro, Xosé Vázquez Pintor, Teodoro Piñeiro e Millán Picouto.

Séguelle a este grupo de Ribadavia a promoción dos oitenta, cuxa etapa abarca desde 1977 ata 1985. Esta comeza coa obtención de Camilo Valdeorras do Premio Abrente de Teatro na súa quinta edición, coa peza Progreso e Andrómena do Antroido, publicada en 1978 por Edicións do Rueiro. Serán non obstante, segundo Vieites, Camilo Valdeorras e Manuel Guede, xunto con autores como Constantino Rábade Castiñeira, Pazos Varela ou Alberto Avendaño, os escritores dramáticos que funcionen de ponte entre Abrente e as últimas promocións.

A promoción dos oitenta, segundo Vieites, está integrada por: Xesús Pisón, Camilo Valdeorras, Manuel Guede, Pazos Varela, Constantino Rábade Castiñeira, Xosé María Álvarez Cáccamo, Andrés Álvarez Vila, Xosé Cid Cabido, Alberto Avendaño, Antón Reixa, Anxo Rey Ballesteros, João Guisam Seixas, Xosé Luís Martínez Pereiro, Miguel Anxo Fernán-Vello, Luísa Villalta, Paulino Pereiro, Antón Rey Castro, Joel Rodríguez Gómez, Ramón Blanco Rey, Suso de Toro e Antón Cortizas.

Ve o seu final a etapa desta promoción dos oitenta en 1985, cando, como sinala Manuel Vieites, A. Souto gaña unha mención no IV Concurso de Teatro Breve da Escola Dramática Galega (EDG). Vai ser este o acontecemento que suporá o comezo da actividade da promoción dos noventa, formada polos autores dramáticos que se dan a coñecer entre 1985 e 1999, entre os que figuran: Cándido Pazó, Quico Cadaval, Miguel Anxo Murado, Roberto Salgueiro, Xosé Sendón, Manuel Núñez Singala, Xavier Picallo, Gustavo Pernas, Camilo Pardo, Lino Braxe, Imma António Souto, Raúl Dans, Xavier Lama, Miguel Sande, Ana Vallés, Hernán Naval, Marcos Orsi, Francisco Souto, Antonio Blanco e María Cajigal.

Novo Teatro Galego

O Novo Teatro Galego é un concepto da autoría Manuel F. Vieites, o cal consiste en delimitar a etapa posfranquista en que a escena dramática galega comeza a sufrir un proceso de renovación.

Pablo Vaamonde

Pablo Vaamonde García, nado na Baña en 1956, é un médico galego.

Roberto Vidal Bolaño

Roberto Ignacio Vidal Bolaño, nado en Vista Alegre (Santiago de Compostela) o 31 de xullo de 1950 e falecido na mesma cidade o 11 de setembro de 2002, foi un autor, director e actor de teatro galego, pioneiro da dramaturxia profesional en Galicia.

Foi un dos líderes do Grupo Antroido, a primeira compañía teatral galega profesional, e con ela realizou unha gran cantidade de funcións, desenvolvendo diferentes tarefas como director, escritor, actor e iluminador, ademais de moitas outras. Escribiu preto de 30 obras de teatro e recibiu numerosos premios e recoñecementos polo seu traballo, o premio Abrente, o premio Álvaro Cunqueiro, o Rafael Dieste, o Eixo Atlántico e o Tirso de Molina, entre outros. Tamén participou en diferentes filmes e series de televisión, tanto como actor coma actor de dobraxe, axudando a dar pulo ós comezos do audiovisual galego.

No ano 2013 adicóuselle o Día das Letras Galegas.

Teatro independente en Galicia

Ao falar de teatro independente dende unha óptica española, cómpre dicir que a partir das décadas de 1960 e 1970, aparecen novas formas de expresión dramática, incorporando en moitos casos técnicas como a mímica ou elementos propios dos espectáculos circenses. Grupos como La Cuadra (no ámbito castelanfalante), Tricicle, Els Joglars (no catalán, aínda que tamén representan en español) ou Grupo Teatro Circo (no ámbito galego) pertencen a esta época. Movementos como o teatro independente arxentino dos anos de 1950 e 1960, ou como o estadounidense underground, influirán o teatro independente peninsular. Funcionou, en definitiva, como un instrumento de loita contra o poder estabelecido, o cal estaba representado en España polo goberno do xeneral Francisco Franco. Pretendíase devolverlle o teatro ao pobo, o cal debía ser partícipe e receptor das súas actividades. A xente de teatro, en moitos casos, estaba na obriga de desempeñar varios traballos á vez, polo que non era infrecuente que unha mesma persoa exercese ao mesmo tempo de escritor, actor, director, iluminador, escenógrafo,...

Xornadas de Teatro de Vigo

As Mostras de Teatro de Vigo, ou Xornadas de Teatro de Vigo, foron varios certames teatrais celebrados en Vigo entre 1972 e 1977.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.