Mosteiro de San Pedro de Tenorio

O mosteiro de San Pedro de Tenorio é un mosteiro medieval situado na parroquia de Tenorio, no concello de Cerdedo-Cotobade.

Coordenadas: 42°27′59″N 08°33′12″O / 42.46639, -8.55333

Tenorio4
Vista xeral do mosteiro e a igrexa.
Tenorio
Portada da igrexa.
Claustro Mosteiro de San Pedro de Tenorio, Cotobade
Claustro do mosteiro.

Historia

Algúns autores sitúan a súa primeira fundación no século X, e xa no ano 1073 figuraba un abade de Tenorio confirmando un documento de Lérez.

A finais do século XV, Logo de que Pedro Madruga mudase ó abade por un monxe do mosteiro de Lérez, o mosteiro foi abandonado polos monxes, que non acataron o nomeamento. Posteriormente foi usado como reduto defensivo polos guerrilleiros durante a Guerra da Independencia, e acabou destruído ó ser incendiado polo exército francés. O abandono definitivo tivo lugar despois da desamortización de Mendizábal.

Arquitectura

Da antiga fábrica románica do mosteiro da orde beneditina só se conserva a esquina suroeste da igrexa, e outras pezas como o Agnus Dei e un rosetón na fachada, actualmente un óculo (elementos do románico tardío ou de transición ao gótico). Ángel del Castillo tamén sinala a existencia dunha inscrición do século XIII que na actualidade resulta ilexible.[1]

Conta cunha igrexa barroca de século XVIII, construída sobre outra anterior probablemente románica a xulgar pola estrutura da bóveda e a forma dalgunhas ventás tapiadas. Probablemente a igrexa primitiva pertencese ao primitivo mosteiro fundado polos beneditinos. Hoxe non se conservan nin unha nin o outro, non obstante o conxunto é fermoso non solo pola súa arquitectura senón tamén pola prácida paraxe en que está situado.

O altar maior, de 1702, ten un retablo policromado coas imaxes de San Pedro, a Inmaculada e Cristo Rei. Foi deseñado posiblemente por Domingo Rodríguez de Pazos. Á dereita da nave hai un altar coa Sagrada Familia e a Virxe do Carme. Tamén hai un alatar adicado a Santo Antón e outro a San Cristóbal. No lado esquerdo hai un púlpito, a Virxe do Rosario co Neno, unha figura de San Roque, e a Virxe das Dores coas Ánimas do Purgatorio.

A fachada ten unha porta con lintel, baixo unha cruz con rosetón.

O claustro do mosteiro é do século XVI, ten dúas alturas e tres ás que recordan ás de Lérez. De planta rectangular, é de estilo barroco clásico composto por arcos semicirculares que se apoian en columnas exentas sobre un podio corrido.

No adro hai un cruceiro con base de tres chanzos. O fuste é estriado, e no capitel están nun lado a Virxe e o Neno, e no outro Cristo crucificado.

Preto do lugar atópanse restos dunha fortaleza medieval.

Notas

  1. Ángel del Castillo, Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia, papeleta nº 666, páx 599.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Bango Torviso, Isidro Gonzalo (1979). Arquitectura románica en Pontevedra. páx 210, Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 84-300-0847-0.
  • Ponce Couce, Leandro; Sánchez Garcia, Jesús A. (1998). Galicia, Guía do Patrimonio Arquitectónico. páx 360, Oleiros, Vía Láctea Editorial. ISBN 84-89444-50-1.

Outros artigos

Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade é un concello da provincia de Pontevedra creado o 22 de setembro de 2016 a partir da fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade. Ten 5.815 habitantes (suma de datos do IGE 2018) e unha superficie de 214,5 km². Limita cos concellos de Pontevedra, Campo Lameiro, A Estrada, Forcarei, A Lama e Ponte Caldelas.

Concello de Cotobade

Cotobade foi un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Pontevedra. En 2016 fusionouse co concello de Cerdedo, dando orixe ao concello de Cerdedo-Cotobade. Segundo o IGE en 2014 tiña 4327 habitantes (2079 homes e 2248 mulleres). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é cotobadés.

Mosteiros e conventos de Galicia

Esta é unha lista dos mosteiros e conventos de Galicia divididos en provincias.

Para o uso desta lista é necesario facer algunhas precisións:

Nome: recóllese o nome oficial que tivo o edificio cando cumpría coa súa función monacal. O que non significa que na actualidade conserve ese nome. De feito, en máis dun caso, a ligazón envía a páxinas que se titulan de xeito distinto, respectando o nome actual do edificio.

Fundación: data, o máis aproximada posible, da primeira fundación. Deixando ben sabido que moitos cenobios, sobre todo os máis antigos, cambiaron de orde titular, de status, foron abandonados e de novo ocupados etc.

Estilo: case tódolos mosteiros e conventos, sobre todo os de historia máis longa e de economía máis próspera, pasaron por transformacións e ampliacións, en distintas épocas e con distintos estilos. Na táboa consignamos o estilo ou estilos dominantes na construción tal como a vemos hoxe. Advertir tamén que en todos ou case todos os casos en que damos como estilo o románico, falamos de edificios románicos con engadidos ou transformacións posteriores.

Tenorio, Cerdedo-Cotobade

San Pedro de Tenorio é unha parroquia que se localiza no oeste do concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. É a parroquia con maior poboación do concello. Segundo o IGE en 2015 tiña 1168 habitantes (579 homes e 589 mulleres), distribuídos en 13 entidades de poboación, o que supón un aumento de 13 persoas en comparación co ano 2006.

Limita ao norte con Fragas (Campo Lameiro) e Viascón, ao sur con Almofrei e Borela, ao leste con Viascón, Rebordelo e Borela, e ao oeste con Xeve e Bora. Está atravesada polo río Tenorio, afluente do río Lérez, que serve de fronteira co concello de Pontevedra.

Pola parroquia discorre a estrada N-541.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.