Mos

Mos[4] é un concello da provincia de Pontevedra pertencente á comarca de Vigo[5]. Antigamente inscribíase na histórica Comarca da Louriña, que pese a non ter valor administrativo segue tendo presenza no imaxinario colectivo e nos medios de comunicación [6][7].

O seu xentilicio é mosense[8]. Segundo o IGE, no ano 2014 contaba con 15.324 habitantes dos cales 7.529 son homes e 7.795 mulleres [9].

Ten unha superficie de 53,2 km² e unha densidade de poboación de 288,04 hab/km² repartidos en dez parroquias: Cela, Dornelas, Guizán, Louredo, Mos, Pereiras, Petelos, Sanguiñeda, Tameiga e Torroso[10].

Este concello estableceuse constitucionalmente no ano 1836, non tendo nestes dous séculos apreciables variacións agás os diferentes cambios de capitalidade [11].

Coordenadas: 42°11′28.80″N 08°38′23.50″O / 42.1913333, -8.6398611

Mos
Bandeira de Mos
---
Escudo de Mos
Casa consistorial de Mos
Casa do concello.
Situacion Mos
Situación
Xeografía
ProvinciaProvincia de Pontevedra
ComarcaComarca de Vigo
Poboación15.142 hab. (2018)
Área53,2 km²
Densidade284,62 hab./km²
Entidades de poboación40 lugares en 10 parroquias
Capital do concelloReguengo
Política (2019[2])
AlcaldesaNidia Arévalo (PPdeG)
ConcelleirosBNG: 1
PPdeG: 9
PSdeG-PSOE: 5
Outros: GañaMos 2
Eleccións municipais en Mos
Uso do galego[3] (2011)
Galegofalantes37,41%
Na rede
http://www.concellomos.es/
mos@concellosdepontevedra.es

Xeografía

Noroeste:
Redondela
Norte:
Pazos de Borbén
Nordeste:
Ponteareas
Oeste:
Vigo
Rosa dos Ventos
Leste:
Ponteareas
Suroeste:
Vigo
Sur:
O Porriño
Sueste:
Ponteareas

Situación

O concello emprázase no suroeste de Galicia, preto da fronteira con Portugal, flanqueado polos concellos de Vigo, O Porriño e Ponteareas. No seu extremo norte e nordeste limita cos concellos de Ponteareas e Pazos de Borbén.

Orografía e hidrografía

No tocante ás elevacións, as máis importantes nas cordilleiras menores do Galleiro, son As Sete Paredes (744 m), o Salgueirón (621 m), o Castelo (543m) e Pereiras (514 m)[12].

Os ríos que regan o municipio son o Louro, que recibe como afluentes o Torroeira, Fraga e Castelo, e, tamén, o río Perral que se une logo ó Louro[12].

Clima

A característica fundamental do clima é a existencia de dous microclimas ben diferenciados. Dunha banda, un clima de montaña, representado nas inmediacións de Peinador, e, doutra, un clima de val representado nas inmediacións do Porriño.

Demografía

Placa concello Mos
A casa do concello está a unha altitude de 131 m. sobre o nivel do mar.

Para entender o crecemento demográfico deste concello hai que situalo xeograficamente na súa contorna tendo especial atención a Vigo. Esta cidade triplicou a súa poboación dende 1880 ata os anos trinta pasando dos 13.416 habitantes do censo de 1877 ata os sesenta mil nos anos da Segunda República[Cómpre referencia]. É, pois, a cidade galega que maior incremento porcentual de poboación tivo dende fins do século XIX ata fins do século XX[Cómpre referencia], vinculado ao porto ás súas industrias pesqueiras e, máis tarde, ó sector servizos e á industria automobilística coa apertura de PSA-Citroen.

O crecemento desta cidade coincide tamén coa mellora das vías de comunicación, concretamente dos Tranvías Eléctricos de Vigo, que a altura de 1914 tiñan xa 17 quilómetros de vías. A articulación metropolitana da cidade de Vigo con toda a súa área de influencia, dende Redondela a Baiona e O Porriño, foi obra do desenvolvemento desta sociedade de transporte[13]. Polo concello de Mos pasou unha liña que se iniciaba no Porriño e chegaba ata Cabral[14].

Evolución da poboación de 1900 a 1991[15]
1900 1910 1920 1930 1940 1950 1960 1970 1981 1991
6.094 6.753 7.084 7.367 8.942 8.876 10.014 11.183 13.102 13.414

Divisións administrativas

Pontevedra - Mapa judicial
Mapa xudicial da provincia de Pontevedra. En granate o Partido Xudicial do Porriño.

Mos está dividido, segundo o nomenclátor[16], en 41 entidades ou núcleos de poboación agrupados en dez parroquias. Con todo, o censo de poboación do Instituto Galego de Estatística[9] nomea a 77 núcleos de poboación agrupados da seguinte forma:

# Parroquia Entidades menores (lugares) Poboación 2014 [9]
(hab)
1 Cela (San Pedro) Arufe, Atín, O Coto, Erville, Pardellas, Cabanelas, Igrexa, As Pereiras, Sequeiros. 1.365
2 Dornelas (Santa María) Os Castros, O Cotiño, Brea, Pedreira. 662
3 Guizán (Santa María) Regomil, As Sobráns, Castro, Cruceiro, Fraela, Santiaguiño. 868
4 Louredo (San Salvador) Arrufana, O Enxertado, O Pantaño, O Pombal, Candosa, Casanova, Cortiñas, Eiragrande, Quintal, Santo Antoíño, Torroeira. 1.626
5 Mos (Santa Eulalia) O Castro, A Gándara, As Regadas, A Rúa, Santa Marta, A Zapateira, Cabaleiros, Cantín, Espaín, Pedrapinta, Sobrado. 1.585
6 Pereiras (San Miguel) Campo de Eiró, Casal, Casalmorto, Roublín. 1.407
7 Petelos (San Mamede) Balteiro, A Estibada, A Porteliña, Reguengo, Veigadaña, Barro, Laxe, Perral. 1.373
8 Sanguiñeda (Santa María) Agüeiro, Ameiro Longo, Ansar, Monte, Piñeiro, Cerqueiras. 1.623
9 Tameiga (San Martiño) O Casal, A Igrexa, Pedraúcha, A Portela de Puxeiros, Bosende, Camaña, Rebullón. 3.397
10 Torroso (San Mamede) Louriño, O Outeiro, Barreiros, Cabezal, Cotofe, Fontiña, Igrexa, San Xoán, Seixabre, Texe. 1.418

Das dez parroquias, Tameiga é a máis poboada con máis do dobre de poboación que calquera outra. Unha das características do concello é a ausencia dun centro urbano e a súa dispersión xeográfica. A clasificación que o IGE fai do concello corresponde á etiqueta Zona Pouco Poboada (ZPP)[17].

Tradicionalmente o concello incluíase no partido xudicial de Redondela, sendo agregado nas súas sucesivas desaparicións no de Vigo e Tui[11]. Posteriormente o concello pasou a inscribirse no partido xudicial do Porriño[18].

Emigración

Na Arxentina hai unha Asociación de Residentes de Mos-Buenos Aires[19]. O 23 de febreiro do 1918 constitúese en Bos Aires unha asociación que usará un selo co nome de Sociedad Protección Hijos del Ayuntamiento de Mos, co obxectivo de soster escolas gratuítas de ambos sexos[19]. A primeira comisión formárona veciños de Tameiga, Sanguiñeda, Petelos, Cela e Pereiras[19]. Na primeira Asemblea Xeral Ordinaria, o día 24 de maio de 1918, votouse a mesma esencia da institución[20]:

  • Axuda moral e material entre os asociados.
  • Busca de emprego por parte de todos os socios ós desempregados como compromiso moral cos asociados.
  • Repatriación dos socios que imposibilitados para a vida non poidan traballar para o seu sostemento. Entrega dun pase de terceira clase ata o porto de Vigo e 100 pesetas en concepto de gastos de viaxe.
  • Fundación e sostemento de escolas gratuítas de ambos sexos nas parroquias dos seus distritos abarcando os ciclos de primeira e elemental, da idade de 6 a 14 anos e manter nestas escolas a instrución nocturna para os adultos.

Cultura

Toponimia

O topónimo Mos [‘mɔs] é unha variante dialectal do substantivo moa (do MOLAM latino, 'moa de muíño', derivado de MOLERE), procedente dunha crase en –ò da secuencia –òa do galego común[21]. Este fenómeno fonético observase nas dúas bandas da Ría de Arousa, no occidente e sur de Pontevedra e máis no suroeste de Ourense [22]. O topónimo fai alusión á existencia nestas terras de pedras que semellan moas de muíño ou xigantescas moas dentais, pedras que se atopan non só no dito concello senón tamén espalladas mesmo na estrada do Porriño a Redondela[21]. Con este mesmo fenómeno fonético temos outros topónimos no concello como Campo de Eiró (Eiroa>Eiró) en Pereiras[21]. Esta é a etimoloxía máis seguida, que procede do profesor alemán Joseph-Maria Piel [23].

Patrimonio

Patrimonio arqueolóxico

Castro de Torroso
Artigo principal: Castro de Torroso.

O sitio arqueolóxico do castro de Torroso, na parroquia de Torroso, foi descuberto de maneira fortuíta en 1983 [24]. Os temporais da estación derrubaron varias árbores poñéndoo ó descuberto entre as terras adheridas ás raíces cunha cantidade de fragmentos de cerámica. Tralo estudo destes fragmentos atopados, os expertos ditaminaron que se trataba dun sitio arqueolóxico de topografía castrexa [24].

Trala aprobación dun plan de escavación, aprobado polos organismos públicos, os traballos empezan a altura do 1984[24]. En 1992, Antonio de la Peña, arqueólogo do museo Provincial de Pontevedra, afirmou que o castro de Torroso era o testemuño máis antigo en Galicia da cultura castrexa [25] trala datación da súa fundación a inicios do século VII a.C.[26].

O castro de Torroso xorde por efecto do crecemento económico, preferentemente agrario, acadado por unha das comunidades que habitaron o territorio na fin da Idade de Bronce, na transición entre os séculos VIII e VII a.C[25]. O desenvolvemento do medio e a riqueza xerada permitiu a fixación da poboación a un territorio determinado e posibilitou a construción do poboado concibido como residencia permanente [25]. Este fenómeno preséntase cun compoñente basicamente autóctono, sen que na súa xénese se poida detectar a posible presenza de elementos étnicos foráneos[25].

N0 2015 os alumnos do Instituto de Educación Secundaria de Mos, en colaboración co seu profesorado, comezaron a impulsar a recuperación dos restos arqueolóxicos poñendo sobre a mesa a necesidade da recuperación do patrimonio arqueolóxico do concello.[27]

Xano e Vesta

Pola parroquia de Dornelas pasou dende moi antigo o Camiño Real, camiño que unía o interior co mar, é dicir, Ponteareas con Vigo[28]. Neste mesmo camiño descubriuse, a causa das obras de mellora dun camiño, uns bustos enterrados na década dos 70. Foron gardados na casa dos veciños por descoñecemento, e posteriormente foron recuperados por Francisco Javier Baquero Rotea ó facer un estudo etnográfico para unha obra sobre o concello[28].

A estas figuras Antonio de la Peña Santos realizoulles un primeiro análise co que estableceu a súa antigüidade nuns 2000 anos[28]. Unha das figuras representa un Xano bifronte, copia dunha divindade romana, coa cara tallada por ambas caras. A segunda representa unha figura feminina, con seguridade unha representación do culto da deusa Vesta[28].

Os bustos atópanse no Museo de Pontevedra. Porén, o colexio Peña de Francia conserva unha replica do Xano doada por Marcos Escudero, escultor e canteiro mosense[29].

Miliario de Santiaguiño de Antas
Miliario de Redondela
Miliario de Santiaguiño de Antas.

Este miliario está situado na antiga Vía XIX do Itinerario de Antonino, no actual Santiaguiño[30]. O miliario é unha columna de granito cilíndrico de época romana, localizado no lugar onde o Itinerario de Antonino sitúa a mansión "Búrbida". Estes elementos eran colocados nas vías a modo de postes quilométricos co fin de sinalar as distancias entre cidades e podían indicar, tamén, o número de pasos (mil pasos, unha milla)[30]. Estas pezas levaban unha inscrición en referencia ó emperador da época pero, no caso deste miliario, as incricións son ilexibles. En épocas posteriores á romanización, coa intención de cristianizalo por ser considerado un elemento pagá, foi “crucificado”, é dicir, cuberto de cruces ó longo do fuste [31].

Segundo fontes orais, este miliario foi obxecto de prácticas relacionadas co culto á fertilidade, mediante fregas do ventre contra este[31].

A cronoloxía que se lle atribúe a este miliario coincidiría coa época do emperador Traxano, no s. II d.C[31]. Tamén é coñecido cos nomes de Marco ou Anta da Maniola por servir de deslinde entre as parroquias de Louredo e Guizán, do concello de Mos, e de Vilar de Infesta, do concello de Redondela[31].

Este miliario é un dos elementos arqueolóxicos que podemos atopar no Camiño Portugués no seu paso por este concello.

Petróglifo do Monte Salgueirón

Este petróglifo atópase no Monte Salgueirón, en Santo Antoíño. É un elemento de grande interese arqueolóxico e parece corresponder á época do Calcolítico, cunha cronoloxía que abranguería do 2000 ó 1800 a.C.[32]. Trátase dun gravado feito cun obxecto punzante que presenta diversos motivos tales como liñas curvas e círculos[32]. Descoñécese o significado, se ben hai autores que apuntan a que tales representacións poidan ser posibles mapas de situación, mentres que outros cren estar en fronte de ritos relixiosos prehistóricos vinculados ó culto á auga[32].

Petróglifo Laxe das Cruces

Este petróglifo atópase na parroquia de Louredo e, segundo unha catalogación do patrimonio arqueolóxico do concello, pertence ó grupo de gravados históricos, posiblemente á Idade Media, polo que leva a pensar que se trata dun petróglifo de delimitación territorial. Antigamente era costume da xente marcar as pedras co fin de deslindar montes ou terreos[30][33].

Mámoas
Dolmen de Meixoeiro - Mos - Pontevedra
Mámoa de Meixoeiro.

O val do río Louro presenta non poucas evidencias da súa ocupación durante os tempos prehistóricos[34].

Os restos máis numerosos, integrados polas agrupacións de túmulos megalíticos, coroan a dorsal da Serra do Galiñeiro nos límites co municipio de Vigo[34] .

No concello atópanse diversos restos desta cultura megalítica espallados por todo o territorio. Algúns foron recuperados e trasladados mentres que outros seguen no seu lugar orixinal. Un dos testemuños mellor conservados son os túmulos funerarios megalíticos da parroquia de Cela onde se atopan as Mámoas do Círculo Mercantil, un conxunto de nove mámoas situadas no cumio dunha altichaira[35].

Patrimonio arquitectónico

Pazo de Mos-01-1
Pazo de Mos.

O pazo de Mos pertenceu á poderosa Casa de Soutomaior, unha das máis ilustres da nobreza galaica e que exercía alí o seu señorío[36].

O fillo primoxénito de Pedro Álvarez de Soutomaior, chamado Álvaro, foi desherdado polo seu pai pero apoderouse da casa. Após varios acontecementos históricos ligados a esta familia, esta propiedade foi parar á súa neta, María de Soutomaior. A relación dos descendentes chegaría ata Gabriel de Quirós, Deputado Xeral de Galicia e home de confianza de Carlos II, e por este monarca, agraciado en 1686 co título de Marqués de Mos. Tras varias xeracións o título pasou a mans de Mariano Pérez e Pérez de Castro[37]. O título de Mos ten Grandeza de España dende 1776, mercé concedida ó cuarto marqués en atención ós servizos á patria prestados polos seus antecesores[36].

O pazo é un edificio que data do século VII e que está presentado nunha planta en forma de L. Está construído con perpiaños de grande calidade e estrutúrase en tres andares superpostos. Consta de tres fachadas e un testeiro semisoterrado dos seis lados que pechan a planta en L[38]. Destacan os catro balcóns de granito labrados, as dúas chemineas rematadas en esfera, de influencia Herreriana, así como o escudo no que aparece reproducido o castelo de Soutomaior que daría orixe no século XIX ó actual emblema de Mos[38].

Nunha das alas do pazo houbo unha capela dedicada a San Brais, hoxe perdida, e que as fontes citan como construción cuadrangular rematada en cúpula de forma oxival[38].

Foi construído para María de Soutomaior e Alonso de Quirós a partir do ano 1543[38]. Á volta do século XVIII sufriu unha ampliación que lle deu máis altura á construción da ala norte e á capela.

En setembro do 1721 inaugúrase o palacio e a capela coa confirmación dos fillos da Marquesa de Mos tras ser ampliado e reformado[39].

A comezos do século XIX, no 1809, o palacio foi incendiado polas tropas francesas queimándose en parte. O quinto marqués, Benito Correa, e a súa familia foron feitos prisioneiros e levados a Dijon, en Francia. Máis tarde foron postos en liberdade e a altura do 1816 estaba residindo xa en Madrid. No mesmo ano, delincuentes do Val da Louriña roubarían no palacio sufrindo un novo incendio[39].

Tras estes incidentes permanecería varios anos en ruínas. Isto provocou o roubo de grandes obxectos de valor que pertencían ó pazo[40].

O Pazo de Mos é a sede da Fundación Pazo de Mos, composta pola Asociación Veciñal de Santa Baia de Mos así como a Comunidade de Montes da mesma parroquia. Asemade, é a sede do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos[36].

O Pazo de Santo Antoíño sitúase na parroquia de Louredo. O pazo, a casa consistorial e o cárcere que se sitúan neste barrio son froito da antiga xurisdición que situou a Santo Antoíño como concello independente[41]. Unha petición do 5 de decembro de 1836 opúxose á anexión por ser a nova capital propugnada Mos, alegando que o concello de Santo Antoíño tiña xa todo o que necesitaba podendo conservar o seu rango de concello. Así mesmo, no caso de realizarse a anexión, a petición propoñía que Santo Antoíño fora a nova capital, sendo as parroquias estremeiras as que foran anexionadas[41].

Finalmente, no B.O.P.P. do 3 de decembro de 1836 quedou constituído o concello de Mos anexionando ó de Santo Antoíño.[42].

Cada parroquia ten a súa igrexa coas súas diversas particularidades. Con todo, cómpre destacar tres igrexas principais por gardaren conexión co románico [43].

Igrexa de San Salvador en Louredo
Igrexa de San Salvador de Louredo, Mos
Igrexa de San Salvador de Louredo.

De planta rectangular presenta unha soa nave e unha ábsida [44]. No interior desta igrexa atopamos unha gravación que posiblemente indique a data da súa construción: “EN 1247 AÑO MA(R)I(AN)O”[45]. Desta época conserva a porta norte, na que se aprecian dúas arquivoltas semicirculares e un tímpano con motivos de cruz lobulada nos extremos[44]. Arredor destes obsérvanse flores hexapétalas e cuadrifolios semicirculares[44]. Da mesma época datan os canzorros situados no beiril decorado con círculos florais e cruces[44]. A igrexa foi reformada dúas veces no século XVIII, no 1722 e no 1780, sufrindo numerosas modificacións[32]. A capela maior, de época barroca, é de bóveda de pedra artesoada. No presbiterio, destaca un escudo de armas dos Lanzós e Taboada.[32].

Igrexa de Santa María de Guizán
Santa Maria de Guizan
Fachada de Santa María de Guizán.

Segundo a epigrafía das súas paredes, parece que a data de consagración da igrexa corresponde ó 30 de outubro de 1192. Pese as posteriores reformas, aínda conserva a fachada, os muros laterais e canzorros[46]. A fachada presenta unha porta cun arco de medio punto con dúas arquivoltas e un tímpano decorado con seis orificios que descansa sobre dous pares de columnas[46]. Sobre esta porta atópase unha fiestra con derramo exterior. Os muros laterais son lisos e levan canzorros figurados e beiril decorado. Algúns dos capiteis románicos desta igrexa foron levados ó Museo Provincial de Pontevedra[46].

Igrexa de Santiago de Sanguiñeda
Sanguiñeda
Igrexa de Santiago de Sanguiñeda.

Situada no lugar de Piñeiro data do ano 1686. Ten planta rectangular e a fachada presenta unha porta alintelada con moldura. Sobre esta atópase un dosel no que se ve unha formación de arco semicircular e onde aparece esculpida en granito a imaxe sedente da Virxe co Neno. Sobre a formación hai unha fiestra con derramo exterior rematada nun pedestal que sostén a imaxe en pedra do Apóstolo Santiago[47]. As características das esculturas, tanto da imaxe da Virxe como a do Apóstolo, debémolas situar estilisticamente no románico sendo, así, moi anteriores á construción da igrexa[47]. Os extremos da fronte rematan en pináculos e o campanario central é dun so corpo con muros laterados con contrafortes. O tellado é a catro augas[47]. No interior destaca o retablo maior de estilo rococó, e dous retablos menores ós dous lados da nave[47].

Patrimonio natural

Serra do Galiñeiro
Artigo principal: Serra do Galiñeiro.

A Serra do Galiñeiro é unha cadea montañosa que atravesa os  concellos de Vigo, Gondomar, O Porriño, Mos e Tui. A súa maior altura é a do monte Galiñeiro, con 711 metros, no concello de Gondomar.

Sendeiros
# Sendeiro do
Monte Salgueirón
Sendeiro
dos Muíños
Sendeiro
dos Dolmens
Lonxitude 25,30 km 20 km 8,5 km
Inicio Pedra Pinta Fraela As pereiras
Fin As sete Paredes Atín O castro do Mirador

O sendeiro do Monte Salgueirón destaca dende o punto de vista paisaxístico e das formacións vexetais autóctonas. Percorre unha zona de montaña onde se mesturan altas montañas de rochas e aldeas dispersas cun clima benigno en época estival[48].

O sendeiro dos Muíños caracterízase pola cantidade de muíños que atopamos a carón da ribeira do río Louro, así como dos regatos Perral, Cerqueira, Lagoa Torroeira e Fraga entre outros[49].

No percorrido do sendeiro dos Dolmens atópanse varias manifestacións da cultura megalítica. É un sendeiro caracterizado pola curta lonxitude e por unha xeografía benigna para os camiñantes [50].

Etnografía

Camiño Portugués

Véxase tamén: Camiño Portugués.

A ruta do camiño de Portugués que pasa por Mos comeza tras pasar Redondela, dirección Ameirolongo[51]. Dende aí, o camiño decorre polo pazo de Mos e a igrexa de Santa Eulalia. Máis adiante, o camiño sobe pola rúa dos Cabaleiros ata chegar á capela de Santiaguiño de Antes onde está o miliario de Vilar de Infesta[51]. Continuando o sendeiro, tras atravesar a meseta do Chan de Pipas, alcánzase a N-550 volvendo a entrar en Rendondela[51].

Festas e celebracións

Festa da Rosa

A Festa da Rosa é a festa oficial do concello e tamén un día festivo na localidade. Celébrase sempre o 13 de xuño e xurdiu no ano 1973 para enxalzar a Rosa dos Quirós, marqueses dos que se herdou o emblema presente no escudo do Concello[52]. Neste mesmo día celébrase o tradicional concurso de ramos de rosa[53].

Festa Arde O Pazo

Esta festa revive o paso do exército de Napoleón polo Val da Louriña[54] . Ó longo de todo o día revívense episodios históricos en relación con estes feitos. Pola mañá represéntase a entrada do exercito francés, o saqueo e os roubos no mercado de Mos finalizando co apresamento dos marqueses. Pola tarde represéntase a chegada dos guerrilleiros da Louriña, o apresamento dos soldados franceses e o seu posterior aforcamento. A festa finaliza coa tradicional queima do pazo dos marqueses, cun xogo de lucerío e fogos de artificio[54].

Festa da Prehistoria

Esta festa celébrase no parque forestal da Penacova no mes de xuño. É a única festa temática prehistórica de toda Galicia e foi pioneira a nivel nacional deste tipo de celebracións[55]. Durante unha fin de semana, os participantes organízanse en tribos a modo das sociedades prehistóricas, constrúen chozas, e participan en actividades relacionadas coa cultura e costumes desta época. Destaca a tradicional representación sobre o Penedo da Pucha onde se produce un enfrontamento simulado entre as tribos[55].

No ano 2015 celebrouse a 13ª edición[56].

Símbolos

Na primeira metade do século XIX atópase o que pode reputarse o primeiro emblema de carácter privado do municipio que consiste nunha rosa cun tallo e follas baixo a Coroa Real, pero non cerrada, en forma de escudo [57]. Sobre o ano 1853 Mos puxo nos seus documentos o selo coa Coroa Real e as rosas[57].

O actual escudo foi deseñado por Faustino Menéndez Pidal de Navascués no ano 1974[57]. Este combina a rosa, emblema do municipio de orixe non coñecida, coas armas da liñaxe de Soutomaior nun escudo partido timbrado cunha coroa marquesal[57][Cómpre referencia].

Medios de comunicación

Prensa

O primeiro número do xornal independente Páxina XXI Val da Louriña saíu á luz en novembro do 1999 cunha tirada de 10.000 exemplares gratuítos nos municipios de Mos e O Porriño [58]. Foi o primeiro medio de comunicación de difusión masiva e gratuíto que se publicou na comarca. Un ano máis tarde ampliaríase o seu radio de acción ó concello de Salceda de Caselas, pasando a unha tirada de 15.000[58]. Á altura do 2007, este xornal tiña unha tirada de 20.000 exemplares coas incorporacións de Tui e Tomiño[58].

El Eco, publicado por primeira vez no 1916 en Mos, foi un xornal político que figuraba en nome de Serafín Antonio Cruz.[59].

O TranVía foi unha revista trimestral do Val da Louriña que iniciou a súa publicación co número 0 de xaneiro a marzo de 1992 ata o 1995[59].

En xuño de 2004, A Peneira, unha publicación periódica quincenal, comezou a editar un suplemento comarcal mensual denominado A peneira da Louriña, de curta duración.

Política e goberno

Artigo principal: Eleccións municipais en Mos.

Eleccións municipais: Histórico 1979-2015

[60]

Lexislatura 2007-2011

Resultado das Eleccións Municipais de 2015[61]
# Concelleiros Votos
Partido Popular 9 3747 43.67 %
GañaMos-SON 4 1954 22.77 %
PSdeG-PSOE 3 1601 18.66 %
B.N.G. 1 757 8.82 %
CCD 0 392 4.57 %
Abstencións - 3618 29.07%
Votos nulos - 248 2.81%
Votos en branco - 130 1.51%

Tras renovar o pacto de goberno entre o PSdeG-PSOE e o BNG, goberno presente xa na anterior lexislatura, no 2008 produciuse un cambio de goberno non esperado. Tras unha moción de censura presentada polo PP, e apoiada por un tránsfuga do PSdeG, Gerardo Alonso, o goberno pasou a mans dos populares ostentando o cargo de alcaldesa Nidia Arévalo[62].

A violación do pacto antitransfuguismo fixo que toda a corporación do goberno municipal se dera de baixa do PP[63].

Nas seguintes eleccións Nidia Arévalo volvería a ser a candidata do PP volvendo ás listas do seu partido e gañando a maioría absoluta con 10 escanos[64].

Eleccións municipais 2015

Tralo resultado das eleccións do 24 de maio[61], Mos revalidou á candidata do Partido Popular Nidia Arévalo cunha maioría absoluta de 9 concelleiros pese á perda de 12 puntos porcentuais respecto dos anteriores comicios[65]. GañaMos Asemblea Veciñal-SON, iniciativa veciñal independente con apoio doutros partidos e movementos[66], logrou catro concelleiros nas súas primeiras eleccións e situouse como segunda forza política. O PSdeG-PSOE perdeu dous concelleiros respecto da anterior lexislatura e rematou como terceira forza. Respecto do BNG, este perdeu un dos dous concelleiros que mantiña dende a anterior lexislatura. Por último, Ciudadanos de Centro Democrático, partido que se presentou por primeira vez ás eleccións, non tivo representación.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de Mos.
Dolmen de Meixoeiro.
Dolmen de Meixoeiro. 
Homenaxe aos fusilados durante a Guerra Civil.
Homenaxe aos fusilados durante a Guerra Civil
Vista dende o Camiño Portugués Mos-Redondela.
Vista dende o Camiño Portugués Mos-Redondela. 
Fachada Pazo de Mos.
Fachada Pazo de Mos. 
Hospital Psiquiátrico do Rebullón.
Hospital Psiquiátrico do Rebullón. 
Ermida da Nosa Señora de Francia.
Ermida da Nosa Señora de Francia. 
Cristo do Bo Consello, Pedraúcha.
Cristo do Bo Consello, Pedraúcha. 
Capela das Angustias de Sanguiñeda.
Capela das Angustias de Sanguiñeda. 
Igrexa de Santa Baia de Mos.
Igrexa de Santa Baia de Mos. 

Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Resultado eleccións 2019
  3. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014.
  4. Xunta. "Toponimia". Consultado o 20/5/2015.
  5. Xunta. "DOG Núm. 63 Xoves, 03 de abril de 1997". Consultado o 20/5/2015.
  6. Galicia para el Mundo (20/5/2015). Paisajes Próximos.
  7. A Peneira Dixital. "A Louriña". Arquivado dende o orixinal o 22/05/2015. Consultado o 20/5/2015.
  8. Wikitionary. "Mosense". Consultado o 20/5/2015.
  9. 9,0 9,1 9,2 Instituto de Estatística Galego. "Padrón municipal de habitantes". Consultado o 20/5/2015.
  10. Instituto Galego de Estatística. "Superficie Mos". Consultado o 20/5/2015.
  11. 11,0 11,1 Arquivo Municipal de Mos 2000, pp. 5
  12. 12,0 12,1 Baquero Rotea 1999, p. 155
  13. Villares 2004, p. 352
  14. Baquero Rotea 1999, p. 208
  15. Instituto Nacional de Estadística. "Histórico de poboación, Mos". Consultado o 20/5/2015.
  16. Xunta de Galicia. "Nomenclátor". Consultado o 20/5/2015.
  17. Instituto Galego de Estatística. "Clasificación das parroquias segundo o grao e subgrao de urbanización". Consultado o 20/5/2015.
  18. Consejo General de Procuradores de España. "Porriño (O), partido judicial nº11 de Pontevedra". Consultado o 20/5/2015.
  19. 19,0 19,1 19,2 Baquero Rotea 1999, p. 167
  20. Otero Lago 1993
  21. 21,0 21,1 21,2 Cabeza Quiles 2000, p. 265
  22. Fernández Rei 2003, p. 51
  23. Ben Falado (20/5/2015). Toponimia Mos.
  24. 24,0 24,1 24,2 de la Peña Santos 1992, p. 9
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 de la Peña Santos 1992, p. 54
  26. de la Peña Santos 1992, p. 16
  27. "Estudiantes de Mos impulsan la recuperación del Castro do Torroso". Faro de Vigo. 20/5/2015. Consultado o 20/5/2015.
  28. 28,0 28,1 28,2 28,3 Baquero Rotea 1999, p. 83
  29. Vía Televisión (20/5/2015). Mos tiene su propia escultura de Xano.
  30. 30,0 30,1 30,2 VAN, p. 25
  31. 31,0 31,1 31,2 31,3 VAN, p. 26
  32. 32,0 32,1 32,2 32,3 32,4 VAN, p. 24
  33. A Pedra das Cruces
  34. 34,0 34,1 de la Peña Santos 1992, p. 51
  35. VAN, p. 35
  36. 36,0 36,1 36,2 Concello de Mos. "Pazo de Mos". Consultado o 20/5/2015.
  37. Baquero Rotea 2007, p. 46
  38. 38,0 38,1 38,2 38,3 VEN, p. 20
  39. 39,0 39,1 Baquero Rotea 2007, p. 59
  40. "El Pazo de que pudo ser". La Voz de Galicia. 05/3/2009. Arquivado dende o orixinal o 24/05/2015. Consultado o 20/5/2015.
  41. 41,0 41,1 Baquero Rotea 1999, p. 2007
  42. Baquero Rotea 1999, p. 166
  43. Concello de Mos. "O románico de Mos". Consultado o 20/5/2015.
  44. 44,0 44,1 44,2 44,3 VAN, p. 23
  45. Baquero Rotea 2007, p. 196
  46. 46,0 46,1 46,2 VAN, p. 28
  47. 47,0 47,1 47,2 47,3 VAN, p. 31
  48. Concello de Mos. "Sendeiro do Monte Salgueirón". Consultado o 20/5/2015.
  49. Concello de Mos. "Sendeiro dos Muíños". Consultado o 20/5/2015.
  50. Concello de Mos. "Sendeiro dos Dólmens [sic]". Consultado o 20/5/2015.
  51. 51,0 51,1 51,2 Suárez Trigo 2006, p. 50
  52. Concello de Mos. "Festa da Rosa". Consultado o 20/5/2015.
  53. "Veintiocho ramos compiten en la fiesta de la rosa en Mos". La Voz de Galicia. 12/6/2014. Consultado o 20/5/2015.
  54. 54,0 54,1 Concello de Mos. "Arde o Pazo". Consultado o 20/5/2015.
  55. 55,0 55,1 Concello de Mos. "Festa da Prehistoria". Consultado o 20/5/2015.
  56. Festa da Prehistoria. "FESTA 2013". Consultado o 20/5/2015.
  57. 57,0 57,1 57,2 57,3 Baquero Rotea 2007, p. 285
  58. 58,0 58,1 58,2 Baquero Rotea 2007, p. 332
  59. 59,0 59,1 Baquero Rotea 2007, p. 331
  60. Lainformación.com. "Histórico Eleccións Mos". Arquivado dende o orixinal o 28/04/2015. Consultado o 20/5/2015.
  61. 61,0 61,1 "Elecciones Municipales Mos". El País. 25/5/2015. Consultado o 25/5/2015.
  62. "Triunfa la moción de censura en Mos tras un pleno plagado de incidentes". La Voz de Galicia. 12/12/2008. Consultado o 20/5/2015.
  63. El Pais. "Los concejales del PP en Mos se dan de baja en el partido". Consultado o 20/5/2015.
  64. "El PP confirma a la tránsfuga Nidia Arévalo como candidata en Mos". La Voz de Galicia. 17/12/2010. Consultado o 20/5/2015.
  65. "Arévalo conserva la mayoría absoluta en Mos pese a perder un millar de votos". Faro de Vigo. 25/5/2015. Consultado o 20/5/2015.
  66. "Apoyo proyecto GañaMos". Faro de Vigo. 09/4/2015. Consultado o 25/5/2015.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Arquivo Municipal de Mos (2000). Inventario Arquivo do Concello de Mos. Deputación Provincial de Pontevedra, Servizo de Publicacións. ISBN 84-89690-89-8.
  • Baquero Rotea, Fco. Javier (1999). Datos históricos del ayer y hoy de Mos. (1546-1999). ISBN 84-605-9128-X.
  • Baquero Rotea, Fco. Javier (2007). Datos históricos del ayer y hoy de Mos (II). ISBN 978-84-611-7063-0.
  • Barreiro, Manuel M.; Pérez Pena, Marcos. "A crise dos medios en galego" (PDF). xornalistas.gal. Consultado o 15-12-2018.
  • Bascuas, Edelmiro (2005). Hidronimia y léxico de origen paleuropeo en Galicia. Edicións do Castro. ISBN 84-9750-026-1.
  • Cabeza Quiles, Fernando (2000). Os Nomes da terra: topónimos galegos. Toxosoutos. ISBN 84-89129-97-5.
  • de la Peña Santos, Antonio (1992). Síntesis de las memorias de las campañas de excavaciones 1984-1990. Arqueoloxía. Memorias 11. Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental. ISBN 84-453-0293-0.
  • Fariña Jamardo, Xosé (1993). Os concellos Galegos (Parte Especial) Tomo VI (Mondariz-Ourense). Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 84-87819-44-3.
  • Fernández Rei, Francisco (2003). Dialectoloxía da lingua galega. Xerais. ISBN 84-7507-472-3.
  • Suárez Trigo, Ramón (coord.) (2006). Camiño Central Portugués (PDF). Asociación Galega Amigos do Camiño de Santiago. ISBN 84-611-3619-5.
  • VAN Divulgación Cultural S.L. CamiñaMos, Camiño de Santiago.
  • Otero Lago, Oscar Juan (1993). 75 aniversario Asoc. Reisdentes de Mos en la Argentina. Revista Memoria.
  • Villares, Ramón (2004). Historia de Galicia. Galaxia. ISBN 84-8288-655-X.

Outros artigos

Ligazóns externas

Aeroporto de Vigo

O aeroporto internacional de Vigo-Peinador (IATA: VGO, OACI: LEVX) é un aeroporto galego situado en terreos dos concellos de Mos, Redondela e Vigo. Está situado a nove quilómetros do centro desta última cidade. Conta cunha ampla oferta de viaxes regulares a Madrid, Barcelona, Bilbao, Canarias e París, ademais dos voos chárter. É o segundo aeroporto galego por número de pasaxeiros, voos e transporte de mercadorías por detrás do aeroporto da Lavacolla e por diante do aeroporto de Alvedro. Na actualidade rexistra unha forte competencia co aeroporto de Sá Carneiro de Porto (Portugal). Recibe o seu nome, Peinador, do lugar de Peinador, na parroquia de Cabral.

Cela, Mos

San Pedro de Cela é unha parroquia que se localiza no concello pontevedrés de Mos. Segundo o IGE, no 2013, tiña 1.383 habitantes (664 homes e 719 mulleres), 181 máis ca en 1999.

Comarca de Vigo

Non confundir con: Área Metropolitana de Vigo

A comarca de Vigo é unha comarca galega situada na provincia de Pontevedra e a súa capital é Vigo. A ela pertencen os concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Soutomaior e Vigo.

Dornelas, Mos

Santa María de Dornelas ou Santa Mariña de Dornelas é unha parroquia que se localiza no concello de Mos. Segundo o IGE en 2014 tiña 662 habitantes (309 homes e 353 mulleres), once máis que en 2004 (357 mulleres e 294 homes), e os mesmos que en 1999. Ten 4 entidades de poboación.

Estación de Louredo-Valos

Louredo - Valos é unha estación de tren de Adif situada en Louredo, no concello de Mos, provincia de Pontevedra. Actualmente non presta servizos de viaxeiros.

Guizán, Mos

Santa María de Guizán é unha parroquia que se localiza no concello de Mos na comarca de Vigo. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 856 habitantes (451 mulleres e 405 homes), distribuídos en 6 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 833 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación medrara ata os 868 habitantes, sendo 410 homes e 458 mulleres.

José Ramón Fontán

José Ramón Fontán González, nado en Mos en 1915 e finado en Vigo en 1996, foi un político galego.

Louredo, Mos

San Salvador de Louredo é unha parroquia do concello de Mos. Segundo o IGE en 2014 tiña 1626 habitantes (813 homes e 813 mulleres) distribuídos en 11 entidades de poboación. Segundo o padrón municipal en 2004 tiña 1197 habitantes (605 mulleres e 592 homes), 162 máis ca en 1999.

Moral

Para o artigo sobre a aldea, véxase Moral, Noceda, As Nogais

A moral (do latín mos, mores, "costumes") é un conxunto de normas ligadas ao comportamento das persoas en tanto que son membros dunha sociedade, relixión, cultura etc. A moral é unha forma de comportamento humano que comprende un aspecto normativo (unhas regras de acción) e un aspecto fáctico (actos que veñen de axustarse nun sentido ou noutro a devanditas regras).

A moral ten unha dobre vertente, social e individual. É social porque só se dá en comunidade, xa que depende dunhas necesidades sociais e cumpre unha función social. É individual porque as persoas interiorizan as normas recibidas e manteñen un certo grao de adhesión (e rexeitamento) ás normas establecidas e sancionadas pola comunidade.

Un acto moral é a manifestación concreta do comportamento moral dos individuos. Ten carácter consciente e voluntario e supón unha participación libre do individuo na súa realización.

Mos, Mos

Santa Eulalia de Mos é unha parroquia que se localiza no concello de Mos na comarca de Vigo. Segundo o IGE en 2014 tiña 1.585 habitantes (793 mulleres e 792 homes), distribuídos en 11 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 1.501 habitantes.

Pereiras, Mos

San Miguel de Pereiras é unha parroquia que se localiza no concello de Mos na comarca de Vigo. Segundo o IGE en 2014 tiña 1.407 habitantes (699 homes e 708 mulleres), distribuídos en 4 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 1.385 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 1.407 habitantes, sendo 699 homes e 708 mulleres.

Petelos, Mos

San Mamede de Petelos é unha parroquia do concello de Mos na comarca de Vigo. Segundo o IGE en 2014 tiña 1.373 habitantes (716 mulleres e 657 homes). Están distribuídos en 8 entidades de poboación.

Desde 1935 alberga a casa consistorial de Mos, situada a carón da igrexa parroquial.

Estaba atravesada polo camiño histórico de Vigo a Ourense e Castela. Posteriormente sobre esa vía construíuse a estrada N-120 e a autovía A-55.

San Xiao de Mos, Castro de Rei

San Xiao de Mos é unha parroquia que se localiza no concello de Castro de Rei. Segundo o IGE en 2014 tiña 207 habitantes (107 homes e 100 mulleres), 35 menos que no padrón municipal de 2004 (124 homes e 118 mulleres), distribuídos en 9 entidades de poboación. En 1999 tiña 263 habitantes.

Rexístranse aquí os primeiros exemplares da raza da galiña de Mos.[Cómpre referencia]

Sanguiñeda, Mos

Santa María de Sanguiñeda é unha parroquia do concello de Mos na comarca de Vigo. Segundo o IGE en 2014 tiña 1623 habitantes (812 homes e 811 mulleres), distribuídos en 6 entidades de poboación. Segundo o padrón municipal en 2004 tiña 1621 habitantes (821 mulleres e 800 homes), os mesmos ca en 1999.

O topónimo Sanguiñeda é un fitónimo derivado do sanguiño ou amieiro negro, do latín Sanguīnĕus (da cor do sangue) xunto co derivativo abundancial -ēta.

Serra do Galiñeiro

A serra do Galiñeiro é unha cadea montañosa que atravesa os concellos pontevedreses de Vigo, Gondomar, O Porriño, Mos e Tui, en dirección NO - SL. Acada a súa maior altura no monte Galiñeiro, con 711 metros, con cumio no concello de Gondomar. Outros montes importantes son os vigueses Alba e O Cepudo e o tudense Aloia, constituído como parque natural.

Serra do Galleiro

A serra do Galleiro é un cordal galego situado ao leste do municipio de Vigo, que abrangue terras dos concellos de Pazos de Borbén, Mos e Ponteareas. Esténdese de norte a sur en paralelo á depresión Meridiana, ao leste da mesma. Na vertente oeste ten o río Louro, namentres que pola leste corre o río Tea. O seu pico máis alto é o Couto do Lobo, con 743 metros sobre o nivel do mar.

Tameiga, Mos

San Martiño de Tameiga é unha parroquia que se localiza no concello de Mos na comarca de Vigo. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 3.064 habitantes (1.546 homes e 1.518 mulleres), distribuídos en 7 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 2.838 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación ascendera ata os 3.397 habitantes, sendo 1.697 homes e 1.700 mulleres.

A igrexa parroquial foi rematada en 1902, segundo unha inscrición na súa fachada.

Torroso, Mos

San Mamede de Torroso é unha parroquia que se localiza no concello de Mos. Está situado dentro da zona de influencia do Val da Louriña, entre os concellos do Porriño, Redondela, Pazos de Borbén, Ponteareas e Vigo. Segundo o INE en 2010 tiña 1.350 habitantes (711 mulleres e 636 homes), distribuídos en 12 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 1.252 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación medrara ata os 1.418 habitantes, sendo 679 homes e 739 mulleres.

Val da Louriña

O Val da Louriña é unha comarca histórica da provincia de Pontevedra formada polos concellos de Mos e O Porriño, é moi coñecida a zona destes municipios polo nome da Louriña fronte a denominación oficial na que se enmarcan, comarca de Vigo, así o reflicten os periódicos da provincia e locais. O seu nome outórgallo o río Louro que recolle as augas de todo o val encamiñado a crear unha das zonas naturais máis importantes do sur da provincia, as gándaras de Budiño.

Dentro da demarcación eclesiástica, a comarca do Val da Louriña constitúe un arciprestado. Este inclúe tamén a parroquia viguesa de Zamáns, e exclúe San Salvador de Budiño (pertence ó arciprestado de Entenza).

Nuvola apps kweather.png Aeroporto de Vigo (1972-2000)
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Ano
Temperatura máxima absoluta (°C) 21,0 27,6 28,0 29,6 33,6 38,6 36,6 37,5 36,0 30,0 24,6 23,2
38,6
Temperatura máxima media (°C) 11,6 12,9 15,1 16,1 18,2 22,0 24,3 24,2 22,4 18,5 14,7 12,3
17,7
Temperatura media (°C) 8,3 9,3 10,9 11,9 14,0 17,3 19,4 19,4 18,0 14,6 11,3 9,2
13,6
Temperatura mínima media (°C) 5,0 5,8 6,6 7,7 9,9 12,6 14,6 14,6 13,6 10,8 7,9 6,2
9,6
Temperatura mínima absoluta (°C) -4,0 -5,0 -3,0 -0,2 2,0 4,6 7,6 7,2 5,0 2,0 -0,8 -3,4
-5,0
Precipitacións (mm) 255 219 145 148 141 73 43 40 113 215 228 298
1909
Horas de sol 113 116 176 184 217 269 296 281 205 154 109 90
2212
Humidade relativa media (%) 85 81 76 75 77 74 74 74 78 82 86 86
79
Fonte: AEMET
Galicia  · Provincia de Pontevedra  · Parroquias de Mos

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.