Morcegos

Os quirópteros ou morcegos (Chiroptera) son unha orde de mamíferos placentarios cuxas extremidades superiores se desenvolveron como ás. Con aproximadamente 1.100 especies, representan aproximadamente un 20% de todas as especies de mamíferos,[3] o que os converte na segunda orde máis numerosa desta clase (tras os roedores). Están presentes en todos os continentes, agás na Antártida.[4]

Son os únicos mamíferos capaces de voar, espalláronse por case todo o mundo e ocuparon unha gran variedade de nichos ecolóxicos diferentes. Desempeñan un papel ecolóxico vital como polinizadores e tamén desenvolven un importante papel na dispersión de sementes; moitas plantas tropicais dependen por completo dos morcegos.[5] Teñen as patas anteriores transformadas en ás e a maioría guíanse e cazan por ecolocación.[6] Preto dun 70% das especies son insectívoras e a maior parte do resto fruxívoras; algunhas aliméntanse de pequenos vertebrados como ras, roedores, aves, peixes, outros morcegos ou, como no caso dos vampiros (subfamilia Desmodontinae), de sangue.

O seu tamaño varía dende os 29-33 mm de lonxitude e 2 g de peso do morcego moscardón (Craseonycteris thonglongyai), aos máis de 1,5 m de lonxitude e 1,2 kg de peso do raposo voador filipino (Acerodon jubatus).

Por mor dos hábitos nocturnos da maioría das súas especies e a ancestral incomprensión sobre como podían «ver» na escuridade, considerábaselles e aínda se lles considera a miúdo como habitantes sinistros da noite, e con poucas excepcións (como na China, onde son símbolo de felicidade e proveito) na maior parte do mundo os morcegos causaron temor entre os humanos ao longo da historia; iconas imprescindibles no cinema de terror, aparecen en multitude de mitos e lendas e, aínda que en realidade só tres especies son hematófagas, a miúdo son vencelladas cos mitolóxicos vampiros.

En Galicia rexistrouse a presenza de 19 das 40 especies de morcegos que viven en Europa o que fai de Galicia un paraíso para os quirópteros europeos.[7]

Morcegos
Rango fósil: Paleoceno superior - Recente[1]
Corynorhinus townsendii

Corynorhinus townsendii
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Clado: Boreoeutheria Epitheria
Superorde: Laurasiatheria[2]
Orde: Chiroptera
Blumenbach, 1779
Subordes

Etimoloxía

O nome científico da orde, Chiroptera, provén de dous vocábulos gregos, cheir (χειρ, "man"), e pteron (πτερον, "á"). Malia ser poucos os quirópteros que o son completamente, antigamente predominaba a crenza de que eran cegos, como demostra a orixe do seu nome común, «morcego», formada pola expresión do galego antigo mur cego «rato cego», a cal deriva á súa vez da unión dos termos latinos mus (rato), caecŭlus (diminutivo de caecus, "cego"), e alatus (alado). Noutras linguas o seu nome común tamén é unha palabra composta que alude á súa semellanza cos roedores e a súa capacidade de voar, como ratpenat (rata alada) en catalán, ou fledermause (rato que voa) en alemán, en éuscaro chámase sagu zahar (rato vello), os chineses chámanos sein-shii (rato celeste) e os aztecas chamábanos quimichpapalotl, de quimich, rato, e papalotl, bolboreta.[8][9]

O termo «vampiro», que se emprega como nome común dos morcegos hematófagos, ten a súa orixe nos míticos vampiros, termo que provén de vampir nas linguas eslavas e do alemán, que se deriva do polaco wampir e este á súa vez do eslavo arcaico oper, con raíces indoeuropeas paralelas no turco e no persa, e que significa «ser voador», «beber ou chuchar» e «lobo».[10]

Morfoloxía

Xunto coas aves e os xa extintos pterosaurios, os morcegos son os únicos animais vertebrados capaces de voar.[11] Para conseguilo, desenvolveron unha serie de caracteres destinados a permitir o voo; agás o polgar, todos os dedos das mans están particularmente alongados e sosteñen unha fina membrana de pel, flexible e elástica, que garante a sustentación. Esta membrana, denominada pataxio, está formada por dúas capas de pel que recobren unha capa central de tecidos inervados, vasos sanguíneos e fibras musculares.

A súa pelaxe varía segundo as especies, pero xeralmente son pardos, grises, amarelos, vermellos e negros. O seu tamaño varía dende os 29?33 mm de lonxitude e 2 g de peso do Craseonycteris thonglongyai o mamífero máis pequeno existente na actualidade,[12] aos máis de 1,5 m de lonxitude e 1,2 kg de peso do gran Acerodon jubatus.[13][14] Outros morcegos de gran tamaño son o Pteropus giganteus, o Pteropus livingstonii ou o Pteropus vampyrus, o morcego de maior envergadura. A pesar do seu nome, os megaquirópteros non son sempre maiores cá os microquirópteros, pois algunhas especies tan só miden seis centímetros de lonxitude e son máis pequenos cós microquirópteros de maior tamaño.

Esqueleto

Myotis-myotis-skeleton
Esqueleto de Myotis myotis (as costelas están danadas).

A principal adaptación esquelética desta orde de mamíferos é un pronunciado alongamento do quiridio, especialmente nos seus ósos máis separados da liña media. O radio é longo e a ulna reducida e está fusionada con este, e o úmero é tamén moi longo e cunha cabeza grande, articulada coa escápula dunha forma especial, pois os movementos de voo danse sobre todo a nivel do ombreiro, permanecendo ríxido o resto da extremidade; o cóbado tan só permite movementos de flexión-extensión e o carpo realiza a flexión-extensión e o despregamento dos dedos. O primeiro dedo é robusto e externo á á e sempre esta provisto de unlla (no caso dos megaquirópteros tamén o segundo dedo); o resto de metacarpianos e falanxes proximais están especialmente alongados para soster o pataxio, coas falanxes distais relativamente curtas. As extremidades posteriores son débiles e contan con cinco dedos provistos de unllas, que empregan para pendurarse sen necesidade de contracción muscular.[15]

O esterno forma unha quilla onde se inseren os seus potentes músculos pectorais e a ancha e vigorosa clavícula adoita estar fusionada co esterno e a escápula. As costelas son anchas, teñen pouca mobilidade e poden fusionarse entre si e coas vértebras, o que fai que a súa respiración sexa predominantemente diafragmática. A pelve evolucionou para adaptarse ao voo; áchase desprazada de forma que o acetábulo queda situado dorsalmente e a pata sostense cara a fóra e cara arriba, e xeralmente carecen de sínfise pubiana; nos microquirópteros, o ilion e o sacro están fusionados até o nivel do acetábulo, co que carecen de mobilidade na unión iliosacral, e no caso dos megaquirópeteros os dous ósos están completamente fusionados. As esternebras son robustas e están fusionadas, e as espiñas neurais, a propia columna vertebral e especialmente a rexión lumbar son curtas. A columna está composta por sete vértebras cervicais, once vértebras torácicas e até dez vértebras caudais; para sustentar os seus poderosos músculos de voo, as vértebras torácicas están fortemente unidas entre si formando unha columna ríxida.[15][16]

A orientación das súas extremidades inferiores é única entre os mamíferos; a unión da cadeira está virada 90° de forma que as pernas proxéctanse de lado e a cara dos xeonllos fica case cara atrás. En parte debido a esta rotación, o seu movemento ao andar é xeralmente romo e a diferenza doutros tetrápodos. Este deseño das extremidades inferiores dá apoio ao pataxio no voo e permítelles pendurarse boca abaixo, posición na que pasan gran parte da súa vida, pendendo das ramas das árbores ou dos teitos das covas onde habitan. Tamén teñen o polgar dos pés libre e está dotado dunha unlla que lles axuda a pendurarse e rubir. Cando están pendurados, o seu peso exerce unha tracción sobre os tendóns que mantén as poutas en posición de enganche, o que lles permite ficar pendurados mesmo durmidos e non gastar enerxía aínda que permanezan nesa posición durante grandes períodos de tempo.[17]

Clasificación

Hai dúas subordes de morcegos:

  1. Megachiroptera, morcegos fruxívoros
  2. Microchiroptera, morcegos insectívoros

Os Megachiroptera comen froitas, mentres que os Microchiroptera comen principalmente insectos, e con frecuencia dependen da ecolocación para navegación e para atopar presas. Un grupo de especies, os vampiros, aliméntase de sangue.

Críase que as dúas subordes se desenvolveron de forma independente, e que as súas características semellantes eran o resultado de evolución converxente, mailas análises xenéticas mostraron que os dous grupos teñen un devanceiro voador común.

Sábese pouco sobre a evolución dos morcegos, xa que os seus esqueletos pequenos e delicados non fosilizan ben. Os morcegos fósiles máis antigos atopados son o Icaronyctens, Archaeonyctnes, Palaeochropteryx e Hasianycteris do Eoceno inferior (preto de 50 millóns de anos atrás), mais son xa moi semellantes aos Microchiroptera modernos.

Os morcegos agrúpanse usualmente, xunto cos Scandentia, Dermoptera e primates, na superorde Archonta.

  • ORDE CHIROPTERA
    • Suborde Megachiroptera
      • Pteropodidae
    • Suborde Microchiroptera
      • Superfamilia Emballonuroidea
        • Emballonuridae
      • Superfamilia Rhinopomatoidea
        • Rhinopomatidae
        • Craseonycteridae
      • Superfamilia Rhinolophoidea
        • Rhinolophidae
        • Nycteridae
        • Megadermatidae (Falsos vampiros)
      • Superfamilia Vespertilionoidea
      • Superfamilia Molosoidea
        • Molosidae
        • Antrozoidae
      • Superfamilia Nataloidea
        • Natalidae
        • Myzopodidae
        • Thyropteridae
        • Furipteridae
      • Superfamilia Noctilionoidea
        • Noctilionidae
        • Mystacinidae (morcego-de-rabo-curto da Nova Zelandia)
        • Mormoopidae
        • Phyllostomidae

Anatomia

O óso do metacarpo e o segundo e quinto dedos dos membros anteriores son alongados, e entre eles existe unha membrana, chamada quiropataxio. A membrana esténdese dos dedos ata o lado do corpo e deste ata a base dos membros posteriores. A ala enteira dun morcego é chamada pataxio. Moitas especies teñen tamén unha membrana entre os membros posteriores incluíndo a cola. Esta membrana é o uropataxio.

O pataxio está cheo de delicados vasos sanguineos, fibras musculares e nervios. No tempo frío, os morcegos enrólanse nas súas propias alas como nunha casaca. Cando vai calor expándennas para refrescar os seus corpos.

O polgar e mais ás veces o segundo dedo dos membros anteriores teñen garras, como os cinco dedos dos membros posteriores. As garras traseiras permiten aos morcegos agarrárense ás pólas ou saíntes. Os morcegos tamén poden moverse no chan, mais son bastante desaxeitados.

Todos os morcegos son activos á noite ou ao luscofusco, polo tanto os ollos da maioría das especies están pouco desenvolvidos. O seus sentidos de olfacto e audición, non obstante, son excelentes. Ao emitir sons de alta frecuencia e escoitar os seus ecos, os Microchiroptera localizan presas e outros obxectos próximos. Este é o proceso de ecolocación, unha habilidade que comparten cos golfiños e mailas baleas.

Os dentes parécense aos dos insectívoros. Son moi agudos, para roer a través da casca das froitas ou da armadura de quitina dos insectos.

Reprodución

Un morcego acabado de nacer agárrase á pel da nai e é transportado, aínda que logo se torne grande de máis para isto. Sería difícil para un adulto carregar máis dunha cría, polo tanto normalmente nace só unha. Os morcegos frecuentemente forman colonias con moitas femias dando a luz na mesma área, sexa unha caverna, un oco de árbore ou unha cavidade nunha construción. A xestación dura de 2 a 7 meses, variando conforme a especie. Nalgunhas especies dúas glándulas mamarias están situadas entre o peito e os ombros (axilares), mais tamén poden ser pectorais ou abdominais.

A habilidade de voar é conxénita, mais despois do nacemento as alas son pequenas para voar. Os xoves morcegos da orde Microchiroptera tórnanse independentes á idade de 6 a 8 semanas, os da orde Megachiroptera non antes dos catro meses. Á idade de dous anos os morcegos están sexualmente maduros.

A expectativa de vida do morcego vai de 10 a 30 anos, segundo a especie.

Inimigos

Os morcegos pequenos son ás veces presas de curuxas e falcóns. De maneira xeral, hai poucos animais capaces de cazar un morcego. En Asia existe unha ave, un tipo de falcón, que se especializou en cazar morcegos. O gato doméstico é un predador regular en áreas urbanas, colle morcegos que están entrando ou deixando un abrigo, ou no chan. Raramente os morcegos descenden ao chan para se alimentar, pode acontecer debido a accidentes mentres están aprendendo a voar, en tempo frío ou como estratexia de aproximación.

Os peores inimigos son os parasitos. As membranas, cos seus vasos sanguíneos, son fontes ideais de alimento para pulgas, carrachas e ácaros. Algúns grupos de insectos zugan só sangue de morcego, por exemplo a mosca do morcego. Nas súas cavernas os morcegos fican pendurados moi próximos, polo tanto é fácil para os parasitos infestar novos hospedadores.

Vector da rabia

Nos lugares onde a rabia non é endémica, como na maior parte da Europa occidental, os pequenos morcegos poden ser considerados inofensivos, pero noutras rexións poden funcionar como vectores da doenza. Os morcegos grandes poden dar unha trabada desagradable. Deben tratarse co mesmo respecto que a calquera animal silvestre.

Morcegos en Galicia

[Cómpre referencia] Na listaxe seguinte atópase primeiro o nome galego, logo o nome científico e unha referencia da distribución en Galicia e o hábitat máis común:

Aspectos culturais

O morcego é sagrado en Tonga, África Occidental e Bosnia, e frecuentemente é considerado a manifestación física dunha alma separada. Os morcegos están intimamente relacionados cos vampiros, que se di serán capaces de se metamorfosear en morcegos ou lobos. Son tamén un simbolo de pantasmas, morte e doenza. Entre algúns nativos americanos, como os creek, cherokees e apaches, o morcego é un espírito embusteiro. A tradición chinesa afirma que o morcego é un símbolo de lonxevidade e felicidade, como en Polonia, na rexión da Macedonia e entre os árabes e Kwakiutls.

Na cultura occidentel o morcego é frecuentemente símbolo da noite e a súa natureza prohibida. É un dos animais básicos asociados cos caracteres ficcionais da noite, tanto viláns como Drácula, canto heroes como Batman.

No Reino Unido todos os morcegos están protexidos polos Decretos da Vida Silvestre e Zona Rural (Wildlife and Countryside Acts), e incluso perturbar un morcego ou o seu niño pode ser multado.

Os morcegos na cultura popular galega

Artigo principal: O morcego na cultura popular galega.

Hai quen cre que se se lle dá a alguén a beber sangue de morcego, non dormirá nunca máis. Outros etnógrafos din que é un afamado bebedizo para namorar, útil para calquera dos dous sexos. Finalmente, hai quen asegura que o sangue de morcego é mortal: se se bota no viño e se lle dá a beber a alguén, este morre ou tolea.

Notas

  1. "Chiroptera (bat)" (en inglés). The Paleobiology Database. Consultado o 6/1/2011.
  2. Eick et ál. (2005). "A Nuclear DNA Phylogenetic Perspective on the Evolution of Echolocation and Historical Biogeography of Extant Bats (Chiroptera)". Molecular Biology and Evolution 22 (9): 1869–1886. PMID 15930153. doi:10.1093/molbev/msi180. Several molecular studies have shown that Chiroptera belong to the Laurasiatheria (represented by carnivores, pangolins, cetartiodactyls, eulipotyphlans, and perissodactyls) and are only distantly related to dermopterans, scandentians, and primates (Nikaido et al. 2000; Lin and Penny 2001; Madsen et al. 2001; Murphy et al. 2001a, 2001b; Van Den Bussche and Hoofer 2004).
  3. Tudge, Colin (2000). The Variety of Life (en inglés). Oxford University Press. ISBN 0-19-860426-2.
  4. Simmons, Nancy B. (2009). "Orixe e evolución dos morcegos". Investigación e Ciencia (390): 64–72. ISSN 0210-136X.
  5. Galindo González, J. (1998). "Dispersión de sementes por morcegos: a súa importancia na conservación e rexeneración do bosque tropical" (PDF). Acta Zoológica Mexicana (73): 57–74.[Ligazón morta]
  6. Nowak, R. M. (1994). Walker's Bats of the World (en inglés). The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-4986-2.
  7. Galicia cuenta con casi la mitad de la diversidad de murciélagos de Europa Soitu.es 19/08/2008, Consultada o 17/07/09
  8. "murciégalo". Diccionario de la lengua española. Real Academia Española. Consultado o 7/1/2011.
  9. Villa Ramírez, B (1976). "Biología de los murciélagos hematófagos" (PDF). Ciencia veterinaria (Facultad de Medicina Veterinaria y Zootecnia. UNAM) 1: 65–99.
  10. Fló, Martín & FFA. "El origen etimológico del vampiro moderno" (PDF). Portal de la Sociedad Española de Estudios sobre vampiros. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23/09/2013. Consultado o 7/01/2011.
  11. Holmes, B (12/7/2008). "How bats made the leap from gliding to flying". New Scientist (en inglés) 199 (2664): 16. Consultado o 7/01/2011.
  12. "Bumblebee bat (Craseonycteris thonglongyai)" (en inglés). EDGE Species. Consultado o 17/1/2010.
  13. Mildenstein, T. et ál (2008). "Acerodon jubatus" (en inglés). IUCN Rede List of Threatened Species. Version 2009.2. Consultado o 17/1/2010.
  14. Mildenstein, T.L., Stier, S.C., Novo-Diego, C.E., Mills, L.S. (2005). "Habitat selection of endangered and endemic large flying-foxes in Subic Bay, Philippines" (PDF). Biological Conservation (en inglés) 126 (1): 93–102. doi:10.1016/j.biocon.2005.05.001. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29/12/2010. Consultado o 7/01/2011.
  15. 15,0 15,1 Dicionario enciclopédico Salvat Universal 17 (15ª ed.). Barcelona: Salvat Editores, S.A. 1981. pp. 187–188. ISBN 84-345-3717-6.
  16. Kardong, K. V. (1998). Vertebrates: comparative anatomy, function, evolution (en inglés). WCB/McGraw-Hill. ISBN 0697286541.
  17. Simmons, N. B. e Conway, T (1997). "Chiroptera" (en inglés). Tree of Life Web Project. Consultado o 25/01/2011.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Coca (mitoloxía)

A coca ou tarasca é un ser da mitoloxía galega que vive nas augas do mar ou dos ríos. É un animal monstruoso con corpo de dragón e cola de serpe, e do lombo nácenlle dúas enormes ás, semellantes ás dos morcegos. Ten catro patas armadas de fortes gadoupas, e na súa faciana aluman uns ollos terribles, sobre unha enorme boca con agudos dentes.

Dragón

O dragón é unha criatura lendaria representada como unha clase de xigantesco réptil escamoso, xeralmente capaz de voar e que posúe a miúdo ás de coiro semellantes ás dos morcegos. En numerosas mitoloxías de todo o mundo atópanse criaturas réptiles que posúen características máis ou menos similares, designadas como dragóns. Especial relevancia cobra a súa figura na cultura chinesa.

Ecolocación

A ecolocación, ou ecolocalización, ás veces denominada impropiamente biosonar, é un método de percepción sensorial que teñen algúns animais de coñeceren o seu entorno e que consiste na emisión de sons e a recepción e interpretación do eco que os obxectos ao seu arredor producen.O termo foi creado en 1938 por Donald Griffin, que foi o primeiro en demostrar concluentemente a existencia da ecolocación nos morcegos.

Envergadura

A envergadura é o ancho da vela maior dunha embarcación a vela, o ancho que ten de fronte as aves ou outros animais alados (como pterodáctilos, morcegos ou insectos) coas ás totalmente estendidas cara os lados ou, por extensión, o ancho dunha aeronave dun extremo ao outro das ás.

Evolución converxente

A evolución converxente, converxencia evolutiva ou converxencia é o tipo de evolución que fai que se orixinen de forma independente características similares en especies de diferentes liñaxes.As ás son un clásico exemplo de evolución converxente. Nos insectos voadores, aves e morcegos evolucionou a capacidade de voar independentemente e desenvolveron ás. Estes animais "converxeron" neste útil trazo ou característica.

Os antepasados das aves e dos morcegos eran cuadrúpedes terrestres, e en cada un deles evolucionou independentemente o voo batente por medio de adaptacións das súas extremidades anteriores. Aínda que as adaptacións de ambas as extremidades teñen superficialmente "forma de á", teñen unha construción diferente (deixando á parte a súa estrutura xeral de extremidade de vertebrado, que é homóloga). A á de morcego é unha membrana que se estende entre os seus catro dedos extremadamente alongados e o corpo, mentres que o plano aerodinámico da á das aves está feito de plumas, que están fortemente unidas ao antebrazo (a ulna) e aos ósos fusionados do pulso e man (o carpometacarpo), onde só quedan os restos de dous dedos moi acurtados, cada un dos cales leva unha soa pluma. Tanto os morcegos como as aves mantiveron o polegar para funcións especializadas. Xa que logo, aínda que as ás das aves e morcegos son funcionalmente converxentes, non son anatomicamente converxentes en detalle.

Os trazos que se orixinan por evolución converxente denomínanse estruturas análogas, a diferenza das estruturas homoólogas, que teñen unha orixe común, pero non necesariamente a mesma función. As ás dun pterosauro e as dun morcego son exemplos de estruturas análogas, mentres que a á dun morcego, a aleta anterior dunha balea e o brazo humano son estruturas homólogas, xa que comparten un estado ancestral a pesar de que se utilizan para diferentes funcións. As características similares compartidas entre especies procedentes de diferentes antepasados como resultado de evolución converxente denomínanse homoplasias.

O oposto da evolución converxente é a evolución diverxente, na cal especies emparentadas inicialmente similares evolucionan dando lugar a diferentes trazos. A nivel molecular, isto pode ocorrer debido a mutacións aleatorias non relacionadas con cambios adaptativos; ver atracción da ramas longas.

A evolución converxente é similar, pero non igual, ao fenómeno da evolución paralela. A evolución paralela occorre cando dúas especies independentes pero similares evolucionan na mesma dirección e así adquiren independentemente características similares, por exemplo as ras planeadoras evolucionaron en paralelo con diversos tipos de ras arborícolas.

Flor

A flor ( pronunciación ) (tamén chor en uso literario) é o órgano reprodutivo das plantas chamadas anxiospermas. A función dunha flor é producir sementes a través da reprodución sexual. Para as plantas, as sementes son a próxima xeración, e serven como o principal medio a través do cal os individuos dunha especie se esparexen ó longo da paisaxe. Trala fertilización, a flor transfórmase nun froito que contén as sementes.

Filoxenicamente, a flor é un gomo foliar modificado.

O óvulo transfórmase no froito, podendo reter, ou non, outras partes da flor. Os óvulos contidos no óvulo transformaranse nas sementes.

Maastricht

Maastricht (en limburgués Mestreech e antigamente en castelán: Mastrique), é unha cidade neerlandesa con 118.355 habitantes en 2008. É a máis antiga das cidades neerlandesas e hoxe en día é capital da provincia de Limburgo. Espállase por ambas as dúas marxes do río Mosa (Maas en neerlandés), na extremidade suroeste dos Países Baixos, un territorio estreito, encravado entre a Bélxica e a Alemaña.

O nome da cidade deriva do seu nome latino, Traiectum ad Mosam e Mosae Traiectum (Travesía do Mosa), que se refire á ponte construída polos romanos durante o reinado de César Augusto.

Ao sur da cidade sitúase o St. Pietersberg ("Monte San Pedro"), onde se ergue unha antiga fortaleza e que ten unha rede de grutas, que manteñen unha temperatura constante de 10 °C e serven de local de hibernación a morcegos. En certas épocas do ano, pódese visitar as grutas en visitas guiadas.

Hai varias institucións que se localizan na cidade, entre as cales a Universidade de Maastricht (Universiteit van Maastricht) e o Museo Bonnefanten, de arte. Maastricht ten ligazón por camiño de ferro a Liexa, na Bélxica, a Eindhoven e a outros locais. Maastricht ten un aeroporto partillado coa cidade veciña de Aquisgrán, na Alemaña.

Megamorcegos

Os megaquirópteros (Megachiroptera) son unha suborde de morcegos composto polos megamorcegos, coñecidos como raposos voadores polo seu fociño semellante ao dos raposos, ou morcegos da froita ou fruxívoros, debido á súa dieta a base de froitas. A suborden inclúe unha soa familia, Pteropodidae.

Mentres que os micromorcegos atópanse distribuídos por todo o mundo, os megamorcegos teñen a súa área restrinxida ás rexións tropicais de África, Asia e Oceanía.

Mosca

Mosca é o nome común dun extenso grupo de especies de insectos pertencentes á orde dos dípteros (Diptera). Foron clasificadas unhas 120.000 especies de moscas, e algúns científicos estiman que hai un millón de especies vivas hoxe en día. Así pois, unha de cada dez especies animais recoñecidas pola ciencia é unha mosca, e existen máis especies distintas de moscas que de vertebrados.

As moscas posúen un corpo con cabeza, tórax e abdome; o primeiro par de ás están completamente formadas e o segundo par está transformado nuns apéndices chamados hapterios que lle serven para o equilibro no voo; ollos compostos por centos de facetas sensibles á luz individualmente, e pezas bucais adaptadas para succionar, lamber ou perforar. Ningunha mosca é quen de morder ou mastigar, pero moitas especies pican e succionan sangue. O seu ciclo de vida é holometábolo, isto é, que pasa por varias fases morfolóxicas, que no caso da mosca son catro: o ovo, a larva, a ninfa, e o adulto. Algunhas especies completan este ciclo nuns poucos días e outras nun ou dous meses.

As moscas forman parte de case todos os ecosistemas, en todos os hábitats terrestres. As consecuencias da súa presenza para a sociedade humana son de importancia porque xunto cos mosquitos, e só despois do propio ser humano e os microorganismos patóxenos, as moscas son os seres vivos que causan máis dano e morte na especie humana. Son axentes de transmisión dunha gran cantidade de enfermidades, incluíndo cólera, dengue, disentería, febre amarela, malaria, salmonelose e febre tifoide; e causan perdas significativas na produción de froitas e outros vexetais.

As moscas son tamén organismos moi importantes na reciclaxe dos refugallos de orixe animal e vexetal, un proceso esencial para a permanencia da vida na terra. Son tamén necesarias como alimento de paxaros, ras e outros réptiles, morcegos, arañas, e insectos varios. Moitas moscas participan tamén na polinización das plantas.

Neognatos

Os neognatos (Neognathae; do grego ‘mandíbulas novas’) son unha das dúas superordes de aves dentro da subclase Neornithes. Neognathae contén practicamente todas as aves vivas, a excepción das pertencentes ao seu taxón irmán (a outra superorde vivente: Palaeognathae), que contén a familia das Tinamidae e as non voadoras Ratites (avestruces, emús etc.)

Hai cerca de 10.000 especies de neognatos desde finais do Cretáceo, de onde son os primeiros fósiles coñecidos, que sufriron unha radiación adaptativa, a cal produciu a diversidade de forma, función e comportamento que se ve hoxe. Dentro desta superorde encóntranse as paseriformes (aves de percha), o clado máis grande de vertebrados terrestres, o cal contén un 60% das aves que viven, e ten máis do dobre de especies que os roedores, e unhas 5 veces máis que os quirópteros (morcegos e raposos voadores), que son os clados máis grandes de mamíferos. Por outro lado, esta superorde contén algunhas ordes moi pequenas, polo xeral de aves de relacións filoxenéticas moi pouco claras, como o hoatzíns.

O morcego na cultura popular galega

Os morcegos, aínda que de hábitos nocturnos e moi esquivos, non deixaron de estar presentes na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.

Un dos xogos de rapaces de hai anos era cazar morcegos. Para iso lanzábase ó aire unha pucha na liña de voo dun morcego, de xeito que este entrara na pucha e caera ó chan; tamén abonda con lanzar un farrapo ou cerello calquera. Unha vez apreixado era vítima de falcatruadas tales coma obrigalo a fumar meténdolle un cigarro na boca ou mesmo crucificalo nunha porta.

En Ardán (Marín) intentan collelos mediante un pau untado con touciño, mentres din: Morceguiño, date a pau, que ten sebiño (RIVAS QUINTAS).

En Melide crese que se se ata un morcego á man dereita dun home, este non durmirá en toda a noite. Aínda máis: se se lle dá a beber sangue de morcego, non durmirá nunca máis (Terra de Melide:452) .

Sobre os efectos de beber sangue de morcego hai discrepancias: mentres unhas fontes aseguran que o sangue de morcego é mortal: se se bota no viño e se lle dá a beber a alguén, este morre ou tolea (CURT); outros etnógrafos recollen o seu uso como soado bebedizo para namorar, útil para calquera dos dous sexos (RISCO).

Crese que os morcegos beben o aceite das lámpadas das igrexas e que é moi mal agoiro que entren na casa. En realidade, o seu único interese son os insectos que voan ó redor das luces.

Piollo

Os piollos son insectos parasitos sen ás (cando adultos), pertencentes á orde Phthiraptera, composta dunhas 3.000 especies diferentes. Todos son ectoparasitos obrigados de mamíferos e aves, excluíndo os monotremos (o ornitorrinco e o equidna) e os morcegos.

A orde Phthiraptera foi considerada tradicionalmente en dúas ordes distintas ou dúas subordes: os piollos chuchadores (Anoplura) e os piollos mastigadores (Mallophaga). Na actualidade, os Mallophaga son considerados parafiléticos e hoxe recoñécense catro subordes:

Anoplura: piollos chuchadores, incluíndo o piollo da testa e da roupa (Pediculus humanus) e o da pube (Pthirus pubis, denominado comunmente piollo pato: nótese a grafía do xénero con pth, non con phth como a orde) (véxase tamén pediculose).

Rhyncophthirina: parasitos dos elefantes e xabaríns.

Ischnocera: piollos aviares (antes Mallophaga).

Amblycera: piollos mastigadores, unha orde primitiva de piollos (antes Mallophaga).Os piollos son moi específicos co seu hospedador, e moitas especies incluso prefiren partes específicas do corpo deste. Os piollos pasan a súa vida enteira sobre o hospedador, desenvolvendo adaptacións que lles permiten manter un contacto moi estreito. Estas adaptacións reflíctense no seu tamaño (de 0,5 a 8 mm), patas e garras fortes para se agarraren fortememente ao pelo, pel e plumas e ausencia de ás. Aliméntanse de restos da pel (alimentación epidermal), partes de plumas, secrecións sebáceas e sangue.

A súa cor varía de castaño claro a gris escuro. No caso de se alimentaren de sangue, poden ser moito máis escuros. Non se afogan na auga, xa que poden infrar, mantendo ar e así flotan. Os piollos non saltan, mais poden ser transmitidos por contacto, forma na que adoitan

trasladarse dun hospedador a outro.

Os piollos fixan os seus ovos ao pelo do seu hospedador, denominados comunmente lendias ou miúdas. Para eliminalos utilízase un peite especial cuns dentes moi finos e apertados que arrastran as lendias do cabelo.

O mellor xeito de eliminar os piollos do pelo, sen empregar substancias químicas (que poden producir resistencias posteriores), é afogalos en aceite para cativos, xa que a súa viscosidade os afoga.

Piscívoro

Un piscívoro ou ictiófago é un animal carnívoro que come principalmete peixes. Os peixes eran a dieta dos primeiros tetrápodos (anfibios); a dieta insectívora apareceu despois, e co tempo, os réptiles engadiron a dieta herbívora.Algúns animais, como os leóns mariños e os aligátores, non son completamente piscívoros, e adoitan depredar invertebrados acuáticos ou animais terrestres ademais dos peixes, mentres que outras, como os morcegos pescadores Noctilionidae e o gavial, son máis estritamente dependentes do peixe para a súa alimentación. Os humanos poden vivir con dietas baseadas no peixe, como tamén os seus animais mascotas domesticados, como cans e gatos. Algúns animais, como os cnidarios, polbos, luras, tiburóns, cetáceos, osos grizzly, xaguares, serpes, tartarugas, e gaivotas e outras aves mariñas, poden ter os peixes como unha parte significativa ou nalgúns casos dominante das súas dietas.

Os efectos ecolóxicos dos piscívoros poden estenderse a outras cadeas tróficas. Nun estudo da troita Oncorhynchus clarkii, os investigadores encontraron que a adición deste piscívoro ao ecosistema pode ter efectos destacables sobre organismos non acuáticos, neste caso os morcegos que se alimentan de insectos que emerxen da auga pola presenza da troita.Os piscívoros poden clasificarse en primarios e secundarios. Os primairos, tamén chamados "especialistas", pasan a este hábito alimenticio nos primeiros poucos meses das súas vidas. Os piscívoros secundarios pasan a comer principalmente peixes máis tarde nas súas vidas. Hipotetízase que a dieta dos piscívoros secundarios débese a unha adaptación para manter a eficiencia no uso da enerxía cando están medrando.

Rabia

A rabia é unha enfermidade infecciosa, producida polo virus da rabia da familia Rhabdoviridae, xénero Lyssavirus, transmisible entre os animais de sangue quente, incluído o home, polo que se clasifica como zoonose. Afecta ao sistema nervioso e causa encefalite. En España non se detectaron casos de rabia entre animais salvaxes terrestres desde 1975, en Málaga, aínda que nos anos oitenta e noventa comprobouse a presenza do virus en cans en Ceuta e Melilla. O último caso español de rabia humana mortal foi en Melilla, en 1979. A partir de 1987 diagnosticouse a presenza do virus nos morcegos insectívoros da península, e desde entón houbo máis casos nestas especies. Como segue sendo unha enfermidade enzoótica en Marrocos, Andalucía presenta máis risco.

O 5 de xuño de 2013 reportouse un caso de rabia nun can de Toledo que finou abatido pola policía o 1 de xuño. O can fora vacinado, pero viaxara a Marrocos en decembro de 2012 sen sen cumprir o tempo recomendado para o desenvolvemento da inmunidade á rabia. Os propietarios do can infectado introducírano en España no mes de abril desde Marrocose un deles viaxou con el dende Cataluña ata Castilla-La Mancha no mes de maio, ata que escapou o 31 de maio de 2013.En Galicia, o último caso diagnosticouse en 1962 aínda que ata 1994 non se declarou oficialmente o territorio libre de rabia.

Nos países da Unión Europea só houbo un único caso, mortal, en 2009, dun cidadán de Romanía. Non obstante, no mesmo ano detectáronse 859 casos de rabia animal (151 en animais domésticos, 671 en animais salvaxes e 37 en morcegos), en Romanía, Letonia, Italia, Bulgaria e Lituania, pero tamén algún resultado positivo en morcegos en Francia e Holanda.

Considérase como enfermidade de declaración obrigatoria, tanto nos casos humanos coma nos animais.

O 28 de setembro celébrase o Día Mundial contra a Rabia [1].

Serra da Enciña da Lastra

O Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra é unha paraxe protexida que comprende a contorna da serra da Enciña da Lastra, unha das serras orientais de Galiza. Está situado na zona nordés da provincia de Ourense, no concello de Rubiá, comarca de Valdeorras, xusto no límite coa comarca do Bierzo. Foi declarado parque natural no ano 2002. Ten unha extensión de 3151,67 ha e unha altitude media de 684 m.

O parque abrangue a serra e un val calcario de pendentes pronunciadas e cantís entre os que destacan a pena Falcoeira, o val do Inferno ou os penedos de Oulego. O río Sil discorre durante uns catro quilómetros polo extremo oriental do parque, remansado nese tramo polo encoro de Penarrubia. O outro curso de auga permanente é o río Galir, alén da existencia doutros regatos estacionais.Os puntos de máxima altitude da serra son O Piornal, con 1529 metros sobre o nivel do mar e a pena Tara, con 1089 metros, nos penedos de Oulego.

Área de especial interese faunístico e florístico pola seu carácter limítrofe entre a rexión mediterránea e a eurosiberiana, o parque abrangue a mellor representación de vexetación mediterránea en Galicia, con números endemismos de ámbito reducido. Posúe tamén destacadas poboacións de aves rapaces, entre as que destaca a presenza do voitre branco, aguia real e falcón peregrino. A menor dureza do solo calizo propiciou a formación de abundantes covas —que aquí se denominan palas— que acubillan importantes colonias de morcegos, das máis importantes de Galicia. Outro punto de interese radica na presenza de pasteiros mediterráneos característicos de zonas rochosas de montaña.

Son

O son é a sensación producida no órgano do oído pola mudanza de presión atmosférica xerada polo movemento vibratorio dos corpos, transmitido por un medio elástico. Está producido por ondas de compresión do medio (lonxitudinais). A función do medio transmisor é fundamental, pois o son, como vibración mecánica, non se propaga no baleiro (onde non hai materia que se poida mover). O ar é para nós o medio transmisor natural do son. A velocidade de propagación do son no ar é de aproximadamente 340 m.s−1 a 15ºC de temperatura.

O son defínese como a compresión mecánica ou ondas lonxitudinais que se propagan nun medio (sólido, líquido ou gasoso). A grande maioría dos sons son combinacións de sinais, pero un son teoricamente puro pode ser descrito a través dunha determinada velocidade de oscilación (ou frecuencia) medida en Hertz (Hz) e amplitude (ou a súa relacionada enerxía) a través de medidas como o nivel de decibeis. O rango do son audible ao ouvido humano está aproximadamente entre 20 Hz e 20 kHz a amplitudes típicas con variacións longas en curvas de resposta. Enriba e abaixo deste rango están os ultrasóns e os infrasóns, respectivamente.

O ser humano e moitos animais perciben o son a través do sentido da audición polos oídos, pero os sons de baixa frecuencia tamén poden ser sentidos por outras partes do corpo. Os sons son utilizados de diversos modos, especialmente para comunicación a través da fala ou, por exemplo, música. A percepción do son tamén pode ser usada para adquirir información acerca do ambiente circundante en relación a propiedades como características espaciais e presenza doutros animais ou obxectos. Por exemplo, os morcegos usan un tipo de localización por eco en canto voan. Os navíos e os submarinos usan o sonar. Os seres humanos adquiren e usan a información espacial percibida nos sons.

A "cantidade" percibida de son (enerxía de onda de presión) defínese como intensidade sonora e mídese en sons. O ouvido humano é moi sensible ao son que se atopa no medio da escala de frecuencias audibles. A amplitude dunha onda sonora mídese en pascal e a intensidade dun son mídese en decibeis en relación á escala citada. A intensidade sonora mínima audible ó longo de todas as frecuencias audibles defínese como Limiar Absoluto de Audición (ATH).

Os estudios científicos do son atópanse xeralmente encadrados no campo da acústica. A percepción dos sons, i.e. audición, estúdase na psicoacústica, que tamén implica unha relación estreita entre a percepción e a psicoloxía. O modelo psicoacústico procura sistematizar os sons que poden ser ouvidos (deixando fora os que son inaudibles). Ademais, a clase de técnicas e métodos que envolven o procesamento do son chámanse xeralmente métodos de procesamento do audio-sinal.

O rango auditivo varía entre diferentes animais: os morcegos teñen un rango moito máis amplo que o normal, mentres as ras o teñen máis curto. A continuación lístanse frecuencias típicas (en hertzs):

Morcego: 100 - 100 000 Hz

Can: 10 - 35 000 Hz

Elefante: 1 - 20 000 Hz

Ra: 100 - 2 500 Hz

Home: 20 - 20 000 Hz

Ultrasón

Un ultrasón é unha onda lonxitudinal que se propaga nun medio material cunha frecuencia inferior a 20 Hz denomínase infrasón, e se a súa frecuencia é superior a 20,000 Hz, recibe o nome de ultrasón. Como vimos, estas ondas non provocan sensación auditiva ningunha cando chega ao oído das persoas.

Pero sabemos que algúns animais si son capaces de percibir ultrasóns:

Os cans, por exemplo, son quen de percibir ultrasóns con frecuencias que acadan mesmo os 50,000 Hz.

Os morcegos poden voar sen chocar con ningún obstáculo, por que emiten ultrasóns, de ata 120,000 Hz, que captan logo de ser reflectidos polos diferentes obxectos que poden estar no camiño do animal.

Vespertilionidae

Os vespertiliónidos (Vespertilionidae) son unha familia de morcegos, habitantes principalmente das zonas temperadas do planeta.

É a familia máis diversificada de morcegos, distribúense por toda clase de hábitats, desde tropicais até desérticos. O seu tamaño varía entre os 3 e 10 cm e de 4 a 50 g de peso, ollos pequenos e folla nasal ausente; orellas moi longas nalgúns xéneros, como Plecotus e Histiotus; trago usualmente presente.

De 28 a 38 dentes e coa fórmula dentaria , en especies con poucos dentes faltan os premolares, maioritariamente insectívoros, a excepción de Myotis vivesi e Antrozous pallidus, que consomen peixes e escorpións respectivamente.

Os vespertiliónidos aniñan en covas e outros refuxios. Segundo a especie, poden ser solitarios ou gregarios; as especies de zonas temperadas poden emigrar ou hibernar.

Voo

O voo é a acción de voar: calquera movemento a través do aire xerado por elevación aerodinámica ou flotabilidade aerostática. Tamén recibe o nome de voo o desprazamento das naves espaciais máis aló da atmosfera terrestre.

Voar é desprazarse a través dun espazo tridimensional, con movementos vectoriais ou relativos en calquera sentido. Ex.: os paracaidistas durante a caída libre, aínda que van sempre cara abaixo, voan a través do espazo de forma relativa.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.