Montenegro

Montenegro (en montenegrino: Crna Gora/Црна Гора) é unha república montañosa situada nos Balcáns, na costa do mar Adriático. Dende o 4 de febreiro de 2003, despois da disolución de Iugoslavia, estableceuse como uns dos estados membros da Federación de Serbia e Montenegro, mais o 21 de maio de 2006 nun referendo o 55,5% da poboación votou pola independencia do país, sendo declarada oficialmente a independencia o 3 de xuño dese mesmo ano en Podgorica.

Esta pequena nación ten unha superficie de 13.812 km² e 616.258 habitantes segundo o seu último censo oficial de 2003, dos cales preto de 139.100 viven na capital, situada na cidade de Podgorica. Limita con Albania, Bosnia e Hercegovina, Croacia e Serbia (incluíndo Kosovo). O 10 de setembro de 2006 celebráronse as primeiras eleccións logo da súa independencia. Nelas o primeiro ministro montenegrino cando a secesión, Milo Đukanović, resultou vencedor cunha maioría abonda no parlamento para gobernar.

Coordenadas: 42°30′N 19°18′L / 42.500, -19.300

República de Montenegro
Republika Crna Gora
Република Црна Гора
Bandeira de Montenegro
Escudo de Montenegro
BandeiraEscudo
Montenegro (orthographic projection)
Capital
 Poboación
Podgorica1
136 473 (2003)
Cidade máis poboadaPodgorica
Linguas oficiaisMontenegrino2
Forma de gobernoRepública parlamentaria
Milo Đukanović
Duško Marković
Independencia de Serbia3 de xuño de 2006
SuperficiePosto 160º
 • Total13 812 km²
 • % auga214
Fronteiras599 km
Costas293,5 km
PoboaciónPosto 160º
 • Total (2008 est.)678 177 hab.
 • Densidade44,6 hab./km²
PIB (nominal)Posto 150º
 • Total (2008)4 848 millóns US$
 • per cápita7 817 US$
PIB (PPA)Posto 161º
 • Total (2008)6 955 millóns US$
 • per cápita11 110 US$
MoedaEuro3 (€, EUR)
IDH (2008)0,822 (64º) – Alto
XentilicioMontenegrino, montenegrina
Fuso horarioCET (UTC+1)
 • Horario de veránCEST (UTC+2)
Dominio de Internet.me
Prefixo telefónico+382
Prefixo radiofónico4OA-4OZ
Código ISO499 / MNE / ME
Membro de: ONU, OSCE, COE
1 A capital tradicional de Montenegro é Cetinje.
2 As linguas albanesa, bosníaca, croata e serbia tamén están recoñecidas como linguas minoritarias.
3 Adoptado unilateralmente, Montenegro non é membro formal da Eurozona.

Etimoloxía

O nome en montenegrino deste estado é Crna Gora que se traduce ao galego literalmente como "monte negro", como referencia á cor coa que se ven os Alpes Dináricos dende o mar Adriático debido á escura tonalidade dos bosques que cobren ditos cumios. O nome do país na maior parte dos países occidentais provén da tradución do termo en véneto durante a hexemonía da República de Venecia sobre as costas orientais do Adriático.

Así, tanto o inglés como o alemán usan o nome Montenegro para definir ao devandito estado. Outros idiomas por exemplo usan traducións directas do significado de Montenegro como o albanés Mali i Zi, o grego Μαυροβούνιο ou o turco Karadağ. No caso do galego, a tradución de Crna Gora coincide co termo adoptado polos navegantes venecianos.

Historia

Primeiros asentamentos

O actual territorio de Montenegro estivo habitado durante séculos por diversas tribos eslavas, mesturadas con ávaros, ilirios e romanos produto do dominio destes pobos sobre a rexión.

Idade Media

Estas tribos eslavas durante o século X formaron un principado chamado Duklja, cuxa independencia foi recoñecida polo Papa Gregorio VII en 1077, aínda que se mantivo como tributario do Imperio bizantino.

En 1186 foi conquistada por Estevo Nemanja, Gran Príncipe do reino serbio de Rascia.

Baixo a influencia directa de Serbia, formouse o Principado de Zeta e produciuse a conversión da poboación á Igrexa Ortodoxa.

En 1356, Zeta logrou a súa independencia de Rascia, enfrontando ao longo do século XV invasións do Imperio otomán que conquistou gran parte do principado, aínda que non logrou sometelo na súa totalidade.

Idade Moderna

En 1516, baixo a influencia de Venecia formouse o Principado de Montenegro, un estado teocrático liderado polo príncipe-bispo de Cetinje ou vladika. En 1852, o vladika Danilo II converteu ao país nun estado secular tomando o título de knjaz (príncipe).

En 1860 foi nomeado príncipe Nicolao I, o cal declarou a guerra ao Imperio otomán en 1861.

Malia un comezo difícil, Serbia e o Imperio ruso convertéronse nos seus aliados en 1877 na chamada Guerra ruso-turca logrando a vitoria en 1876.

Tras o Congreso de Berlín, a independencia de Montenegro quedou asegurada e o seu territorio practicamente duplicouse.

Século XX

King Nikola of Montenegro
O rei Nicolao I.

O 28 de agosto de 1910 foi proclamado o Reino de Montenegro polo knjaz Nicolao en Cetinje.

Nas Guerras balcánicas (19121913), Montenegro conseguiu expandir o seu territorio tomando o Sandžak do Reino de Serbia o 30 de maio de 1913. Ao facer isto, incorporou unha poboación que non se identificaba cultural o historicamente co país.

A cidade recentemente capturada de Skadar tivo que ser devolta ao novo estado de Albania por exixencia das grandes potencias a pesar de que os montenegrinos perderon 10.000 vidas para capturar a cidade ás forzas otomás (albanesas) de Essad Bajá.

En 1914, tras o estourido da Primeira Guerra Mundial, Montenegro aliouse con Serbia en contra dos Imperios Centrais, pero o pequeno exército montenegrino rendeuse finalmente ao Imperio Austrohúngaro o 25 de xaneiro de 1916. Até outubro de 1918, Montenegro estivo ocupado por dito Imperio. O rei fuxiu a Bordeos (Francia).

Montenegro1913

O 20 de xullo de 1917, asinouse a Declaración de Corfú, que declarou a unificación de Montenegro co Reino de Serbia, que foi proclamada o 26 de novembro de 1918, pouco antes da formación do Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos, o 1 de decembro (que se converteu no Reino de Iugoslavia en 1929. Polo tanto, o seu único xefe de Estado foi Nicolao I de Montenegro, rei entre 1910 e 1918, cando foi deposto. En Serbia, Montenegro conformou inicialmente a banovina (provincia) de Zeta, cuxo territorio foi reducido de xeito importante en 1939 conformando o actual territorio do país.

Co fin da Segunda Guerra Mundial, o Reino de Iugoslavia converteuse na República Federal Socialista de Iugoslavia en 1946. Con este cambio, Montenegro deixou de depender directamente de Serbia obtendo certa autonomía como a República Socialista de Montenegro. Debido ás súas características como a máis pequena das seis repúblicas que conformaban Iugoslavia, Montenegro recibiu grandes achegas do goberno federal volvéndose un estado próspero.

En 1992, a República Federal Socialista desintegrouse, pero Montenegro e Serbia decidiron manterse unidos formando a República Federal de Iugoslavia. O embargamento que sufriu a Iugoslavia produto das guerras durante a primeira metade dos anos 1990 afectou notablemente á economía de Montenegro. Con todo, a tensión entre serbios e montenegrinos debido á desigual posición que tiñan ambos os grupos na República Federal aumentou cos anos. Como forma de igualar a importancia de ambos estados, en 2002 estableceuse a federación de Serbia e Montenegro. Porén, diversos grupos comezaron facer presión para acadar a independencia, a cal foi aprobada a través dun plebiscito realizado o 21 de maio de 2006 por un 55,5 % dos votantes. Finalmente, o Parlamento de Montenegro proclamou a independencia do estado o 3 de xuño de 2006. O estado foi recoñecido nos días posteriores por diversos estados do mundo, incluíndo Serbia o 15 de xuño, e finalmente ingresou como o 192º membro da Organización das Nacións Unidas o 28 de xuño.

Xeografía

Islands Perast
Vista da baía de Kotor
Crno jezero (Durmitor)
Monte Biogradska

Montenegro é un país pequeno, sendo cunha superficie de 13.812 km² o oitavo menor de Europa. Atópase situado na Península dos Balcáns xunto á costa oriental do mar Adriático. A súa xeografía caracterízase principalmente pola presenza de catro zonas principais: o litoral, as mesetas rochosas, unha depresión e as altas montañas. As chairas costeiras son estreitas, cun ancho de entre dous e dez quilómetros ao longo do accidentado litoral adriático, no que se presentan diversos estuarios e baías, destacando a baía de Kotor, considerado o fiorde máis austral do continente. Estas chairas acaban abruptamente pola presenza das mesetas rochosas de estrutura kárstica, superando os 1.000 metros de altitude media, aínda que existen algúns montes que se achegan aos 2.000 como o monte Orjen e o monte Lovjen.

Nas zonas interiores atópase a única zona cha do país, destacando a rexión de Zeta e o lago Skadar. Nesta zona, sitúase a maior parte da agricultura e da poboación do país debido ao seu agradable clima temperado e o seu suave relieve. Na zona setentrional sitúase unha das zonas máis abruptas do continente debido á presenza da cadea dos Alpes Dináricos e á erosión glacial producida durante miles de anos. A maioría dos picos superan os 2.000 metros de altitude, cubertos por zonas boscosas escuras. Na zona ademais destaca a orixe de diversos ríos que forman enormes canóns ao longo das cadeas montañosas.

O clima de Montenegro depende directamente das características xeográficas. Así, o clima mediterráneo predomina na zona litoral, o continental é o preponderante no resto do territorio debido ao biombo climático formado polos Alpes Dináricos e que impide o ingreso da influencia marítima ao interior. Os veráns son longos e secos, contrario ao inverno, usualmente húmido e curto. As formacións do relevo permiten o ingreso de ondas de intensa calor ao interior do país, principalmente ás zonas en torno a Podgorica, unha das cidades máis cálidas da Península Balcánica. Doutra banda, nas zonas montañosas o clima alpino existente permite a caída de fortes nevadas cubrindo os principais cumes con neve durante gran parte do ano. Segundo o Fondo Mundial para a Natureza, o territorio de Montenegro está ocupado por tres ecorrexións: o bosque caducifolio de Iliria, un tipo de bosque mediterráneo na costa, e dous tipos de bosques mornos de frondosas (o Bosque mixto balcánico, en algúns puntos dos extremos norte e leste, e o bosque mixto dos Alpes Dináricos, no resto do país).

Demografía

Etnias en Montenegro (2003)
Montenegrinos 267.799 43,16%
Serbios 198.414 31,99%
Bosníacos 48.184 7,77%
Albaneses 31.163 5,03%
Eslavos musulmáns 24.625 3,97%
Croatas 6.811 1,10%
xitanos 2.826 0,46%
Artigo principal: Demografía de Montenegro.

Montenegro ten unha poboación de 616.258 segundo o último censo oficial, realizado o ano 2003, correspondentes a unha densidade de poboación de 44,7 hab/km². A composición étnica do país é, do mesmo xeito que na maioría das antigas repúblicas iugoslavas, complexa e de grande importancia para o desenvolvemento do país. O grupo predominante é o dos montenegrinos, principalmente nas zonas centrais do territorio seguidos polos serbios, situados na zona setentrional do país. Con todo, é difícil determinar unha división clara entre ambas etnias, debido a unha homologación entre elas producida durante os anos de unión entre ambas nacións. Moitos montenegrinos e serbios poden considerarse como membros de ambos grupos étnicos, pero doutra banda existen grupos nacionalistas que reivindicación as súas identidades propias e a diferenciación entre ambas. Algúns outros grupos como bosníacos e albaneses sitúanse na zona nororiental e sudoriental, respectivamente.

Crkva Gospa od Zdravlja (Kotor)
Vista de Kotor

O idioma oficial do país é a lingua montenegrina, logo que en 1992 deixásese atrás a nomenclatura de serbocroata e máis tarde de serbio, aínda que adoitan ser consideradas a mesma lingua. No último censo o 63,5% da poboación afirmou ter ao serbio como lingua materna, mentres só o 22% referiuse ao montenegrino.

En canto a relixión, preto do 74% dos habitantes de Montenegro pertencen á Igrexa Ortodoxa Serbia, malia a creación en 1993 da Igrexa ortodoxa montenegrina, que ten escasos seguidores na actualidade. O 17,74% da poboación do país afirma pertencer ao Islam, os cales corresponden principalmente a albaneses, bosníacos e ao grupo de eslavos musulmáns. En tanto, a fe católica é practicada nas zonas costeiras (coma Kotor) polos grupos de etnia croata. As principais cidades son:

  • Podgorica, capital do país, con 136.473 habitantes
  • Nikšić, 58.212 habitantes.
  • Pljevlja, 21.377 habitantes.
  • Herceg Novi, 16.493 habitantes.
  • Bijelo Polje, 15.883 habitantes.
  • Cetinje, capital histórica, con 15.137 habitantes.

Economía

Artigo principal: Economía de Montenegro.
Podgorica National bank of Montenegro
Banco Nacional de Montenegro, situado en Podgorica, capital do país
Budva, view from Gospostina
Budva, un dos máis importantes destinos turísticos

Durante a época baixo dominio iugoslavo, Montenegro experimentou unha rápida urbanización e industrialización baseada na industria de xeración eléctrica, industria mineira (metal, aluminio e carbón), forestal e téxtil. A isto sumouse posteriormente a produción de tabaco e o turismo, este último principalmente durante fins dos anos 1980.

Co crebe da antiga Iugoslavia, Montenegro perdeu gran parte do seu mercado e dos seus abastecedores. O progreso económico detívose do mesmo xeito que o programa de privatizacións, durante 1989. En maio de 1992, as sancións impostas pola ONU produto das Guerras Iugoslavas agravaron a crise converténdoa na peor dende a Segunda Guerra Mundial. En 1993, dous terzos da poboación montenegrina estaba baixo a liña da pobreza e a inicios de 1994 o país alcanzou a segunda máis alta hiperinflación da historia, superior aos 3 millóns por cento. Estímase na actualidade que as perdas xeradas polo embargo durante eses anos equivalen a 6.390 millóns de dólares.

Debido á súa favorable localización xeográfica xunto ao Adriático e conectado con Albania a través do lago Skadar, Montenegro converteuse nun centro de contrabando. Posto que a totalidade da produción industrial montenegrina detívose, a principal actividade económica da república foi o contrabando de bens materiais, especialmente petróleo e cigarros. Soamente en 1997, a economía de Montenegro estabilizouse: o marco alemán foi introducido como moeda oficial para evitar a inflación e o goberno montenegrino esixiu máis autonomía para as súas políticas económicas as que serían establecidas coa formación da Unión de Serbia e Montenegro en 2002. Dende ese momento, o goberno de Montenegro estableceu fortes políticas para a melloría da economía, especialmente axilizando o proceso de privatizacións, introdución do IVE e do euro como moeda oficial (a pesar de que o país non é membro oficial da Eurozona).

Na actualidade, Montenegro é un dos países máis pobres do continente cun PIB per cápita de 3.800 dólares mais durante os últimos anos producíronse importantes melloras. Apenas o 12,2% da poboación está baixo a liña da pobreza e a cesantía caeu do 27,7% de 2005 ao 16,4% en xullo de 2006, mentres a inflación mantense preto do 3%. O principal produto do país é o aluminio que é exportado a través de Suíza, destino do 83,9% das exportacións totais. As importacións, en tanto, cuadriplican o valor das exportacións e proveñen principalmente de Grecia, Italia, Alemaña e Bosnia e Hercegovina.

Infraestrutura

Djurdjevica Tara bridge
Ponte de Djurdjevica Tara

A infraestrutura viaria de Montenegro non está adecuada ás normas europeas e aínda que a rede de estradas é extensa, non hai ningún corredor construído que se poida considerar unha autoestrada completamente. Os proxectos que deberían cambiar ese feito son a autoestrada entre Belgrado e Bar (na costa adriática) e a sección montenegrina da autoestrada Adriático-Xónico, unha vía que atravesará os Balcáns dende Trieste (Italia) ata Kalamata (en Grecia, ao sur do Peloponeso). A construción destas autoestradas está considerada como unha prioridade nacional, xa que ambas serán moi importantes para o desenvolvemento económico rexional uniforme de Montenegro, ademais do desenvolvemento do país como un destino turístico de elite.

A columna vertebral da rede ferroviaria de Montenegro é a liña entre Belgrado e Bar. Este tren crúzase coa liña de Nikšić a Tirana (Albania) en Podgorica, porén este ferrocarril non se utiliza para o servizo de pasaxeiros. Montenegro ademais posúe dous aeroportos internacionais, o de Podgorica e o de Tivat, que moveron entre ambos 1,1 millóns de pasaxeiros en 2008. A compañía aérea nacional montenegrina é Montenegro Airlines. En canto a tranposrte marítimo o porto máis importante é o de Bar.

Goberno e política

AX Cetinje President Palace Entrance 20060818a
Entrada ao Pazo Presidencial
Véxase tamén: Presidente de Montenegro.

Montenegro é unha república democrática parlamentaria. A Constitución de Montenegro foi aprobada o 12 de outubro de 1992 e establece o sistema político do país. As reformas constitucionais, en tanto, deben ser aprobadas por plebiscitos. O xefe de estado é o Presidente de Montenegro, cargo que ostenta na actualidade Filip Vujanović. O Presidente é electo cada catro anos e ten entre as súas funcións, promulgar leis, convocar as eleccións e plebiscitos e propoñer ao primeiro ministro. O Primeiro Ministro, na actualidade Milo Đukanović, é o xefe de goberno e baixo o seu cargo está a dirección das relacións exteriores, a posta en funcionamento das leis e a administración do Estado.

O Parlamento de Montenegro está composto por setenta e sete membros electos cada catro anos, encargados da redacción das leis, aprobación do orzamento gobernamental, ratificación de tratados, a designación do goberno e a elección do primeiro ministro. O Poder Xudicial, en tanto, é autónomo e independente.

O sistema político de Montenegro é pluripartidista, mais os diferentes partidos deben formar coalicións. Na actualidade, o principal partido político é o oficialista Partido dos Socialistas Democráticos que posúe trinta escanos no Parlamento. O Partido Popular Socialista é o segundo en importancia, xurdido dunha escisión do PDS, e é o principal membro do pacto opositor Xuntos polo Cambio con dezanove escanos.

Divisións administrativas

Administrativamente Montenegro está dividida en vinte e un concellos (opština), e dous municipios urbanos, subdivisións do concello de Podgorica:

Montenegro municipalities
Concellos de Montenegro

Dereitos humanos

En materia de dereitos humanos, respecto á pertenza nos sete organismos da Carta Internacional de Dereitos Humanos, que inclúen o Comité de Dereitos Humanos (HRC), Montenegro firmou ou ratificou:

Montenegro Montenegro UN emblem blue.svg Status dos principais instrumentos internacionais de dereitos humanos[1]
CESCR CCPR CERD CED CEDAW CAT[2] CRC MWC CRPD
CESCR CESCR-OP[3] CCPR CCPR-OP1 CCPR-OP2-DP CEDAW CEDAW-OP[4] CAT CAT-OP CRC CRC-OP-AC CRC-OP-SC CRPD CRPD-OP[5]
Pertenza Firmado e ratificado Firmado pero non ratificado Firmado e ratificado Firmado e ratificado Firmado e ratificado Firmado e ratificado Yes check.svgMontenegro recoñeceu a competencia de recibir e procesar comunicacións individuais por parte dos órganos competentes Firmado e ratificado Firmado e ratificado Firmado e ratificado Yes check.svgMontenegro recoñeceu a competencia de recibir e procesar comunicacións individuais por parte dos órganos competentes Firmado e ratificado Firmado e ratificado Firmado e ratificado Firmado pero non ratificado Yes check.svgMontenegro recoñeceu a competencia de recibir e procesar comunicacións individuais por parte dos órganos competentes Yes check.svgMontenegro recoñeceu a competencia de recibir e procesar comunicacións individuais por parte dos órganos competentes
Yes check.svg Firmado e ratificado, Check.svg firmado pero non ratificado, X mark.svg nin firmado nin ratificado, Symbol comment vote.svg sen información, Zeichen 101 - Gefahrstelle, StVO 1970.svg accedeu a firmar e ratificar o órgano en cuestión, pero tamén recoñece a competencia de recibir e procesar comunicacións individuais por parte dos órganos competentes.

Cultura

Por mor da súa situación xeográfica, a cultura de Montenegro moldeouse grazas a diversas influencias o longo da súa historia, sendo as máis importantes as de orixe serbia, ortodoxa, eslava, centroeuropea e adriática.

Existen moitos lugares de grande importancia histórica e cultural en Montenegro, incluíndo sitios dos períodos pre-románico, gótico e barroco. A zona costeira de Montenegro é bastante coñecida polos seus diversos monumentos relixiosos católicos, mentres na zona interior a arquitectura e a arte relixiosa reflicte a influencia bizantina.

A danza tradicional é o ouro que consiste en diversos bailaríns que conforman un círculo ao abrazarse dos ombreiros mentres un ou dous bailaríns en solitario danzan ao centro ao ritmo dos tambores. A literatura en tanto se remonta a máis de dez séculos atrás mentres en 1494 foi establecida a primeira imprenta estatal en Cetinje onde xurdiu o primeiro libro sudeslavo foi impreso: o Oktoih. A isto súmanse diversos manuscritos do século XIII gardados en diversos mosteiros do país.

Símbolos

Artigos principais: Bandeira de Montenegro, Escudo de Montenegro e Oj, svijetla majska zoro.

A nova bandeira oficial de Montenegro foi aprobada o 13 de xullo de 2004 polos lexisladores montenegrinos, baseada no estandarte real do Rei Nicolao I. Esta bandeira era completamente vermella cun bordo de prata, un un escudo de armas prateado e as iniciais НІ en cirílico (correspondente á NI no alfabeto latino), que representaban ao Rei Nicolao I. O bordo e as armas foron cambiadas de prata a ouro na bandeira moderna e o emblema real no centro foi quitado e substituído cun león de ouro.

O escudo está formado por unha aguia bicéfala de ouro, con pico e garras do mesmo metal e linguada de goles. A aguia sostén sobre o seu peito un brasón que estivo vinculado coa Casa Petrović, é un campo partido por unha faixa de ouro. Na súa partición superior que é de maior tamaño, de azur, un león pasante de ouro; a inferior, de sinople. A aguia sostén coas súas garras un cetro de ouro e un orbe de azur, co seu ecuador e semi-meridiano de ouro, rematado cunha cruz do mesmo metal. Sobre as cabezas da aguia, unha coroa real pechada, de ouro.

O día nacional é o 13 de xullo,[6] que rememora esa data en 1878 cando o Congreso de Berlín recoñece a Montenegro como Estado independente número vinte e sete do mundo e o inicio dun dos primeiros levantamentos populares en Europa contra as Potencias do Eixo o 13 de xullo de 1941 en Montenegro.

En 2004, a lexislatura de Montenegro seleccionou unha canción popular tradicional de Montenegro, Oj, svijetla majska zoro (""Oh, brillante alba de maio"), como o himno nacional. O himno oficial de Montenegro durante o reinado do Rei Nicolao foi Ubavoj Nam Crnoj Gori ("Á nosa fermosa Montenegro"). Ademais un himno de popular montenegrino foi extraoficialmente Onamo, 'namo! ("Aló, por aló!")escrito polo propio Rei Nicolao durante a década de 1860.

Notas

  1. Oficina do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos. "Status by country" (en inglés). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2013.
  2. Convención contra la Tortura y Otros Tratos o Penas Crueles, Inhumanos o Degradantes (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. 10 de decembro de 1984. 39/46. Arquivado dende o orixinal o 7 de marzo de 2013.
  3. Protocolo Facultativo del Pacto Internacional de Derechos Económicos, Sociales y Culturales (PDF) (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. 10 de decembro de 2008. A/RES/63/117. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 9 de febreiro de 2014.
  4. Protocolo Facultativo de la Convención sobre la eliminación de todas las formas de discriminación contra la mujer (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. 6 de outubro de 1999. A/54/4. Arquivado dende o orixinal o 7 de marzo de 2013.
  5. Protocolo facultativo de la Convención sobre los derechos de las personas con discapacidad (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. Arquivado dende o orixinal o 2 de agosto de 2014.
  6. President Vujanovic’s Closing Speech at the Crans Montana Forum[Ligazón morta]

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

.me

.me é o Dominio de Nivel Superior xeográfico (ccTLD) para Montenegro. O dominio de nivel superior .me substituíu a .yu (Iugoslavia) e .cg.yu empregado por Serbia e Montenegro. O rexistro .me é operado por doMEn, que gañou o contrato para facelo despois dun proceso aberto polo goberno de Montenegro e foi lanzado a través de numerosas rexistracións acreditadas arredor do mundo.

27 de abril

O 27 de abril é o 117º día do ano do calendario gregoriano (118º nos anos bisestos). Quedan 248 días para finalizar o ano.

Amador Montenegro

Amador Manuel Joaquín de la Concepción Montenegro L. de Saavedra, chamado Amador Montenegro, nado en Santiago de Compostela o 30 de abril de 1864 e falecido en Lugo o 22 de setembro de 1932, foi un escritor e xornalista que fundou o periódico A Monteira en 1889.

Benito Xerónimo Feijoo

Frei Benito Xerónimo Feijoo e Montenegro, nado en Casdemiro (O Pereiro de Aguiar), o 8 de outubro de 1676 e finado en Oviedo o 26 de setembro de 1764, foi un relixioso bieito, escritor e pensador galego. Xunto co valenciano Gregorio Mayans constitúe a figura máis destacada da primeira Ilustración española. Está soterrado na igrexa de Santa María de la Corte (Oviedo). Escribiu unha serie de ensaios baixo o título de Teatro crítico universal (1726-1764), considerados como a obra cume da Ilustración en lingua castelá.

Blanca García Montenegro

Blanca García Montenegro, nada en Lugo en 1960, é unha empresaria galega, presidenta do grupo de comunicación El Progreso.

Grupo El Progreso

O Grupo El Progreso é un grupo empresarial galego de medios de comunicación.

O grupo está presidido, dende 1993, pola luguesa Blanca García Montenegro.

Imperio Austrohúngaro

O Imperio Austrohúngaro, Austro-húngaro ou Austria-Hungría (Österreichisch-Ungarische Monarchie en alemán, Osztrák–Magyar Monarchia en húngaro) foi un estado histórico europeo nado en 1867, tralo Compromiso austrohúngaro que reconoñecía o Reino de Hungría como unha entidade autónoma dentro do Imperio Austríaco, a partir dese intre, austrohúngaro. En 1914 tiña unha extensión de 676.615 km² e contaba con 52 799 000 habitantes.

O que fora o Imperio Austrohúngaro repártese na actualidade en trece estados europeos: Austria, Hungría, República Checa, Eslovaquia, Eslovenia, Croacia, Bosnia e Hercegovina e as rexións de Voivodina en Serbia, Bocas de Kotor en Montenegro, Trentino-Alto Adige e Trieste en Italia, Transilvania e parte do Bánato en Romanía, Galitsia en Polonia e Rutenia (rexión Subcarpática na Ucraína).

Iugoslavia

Iugoslavia (serbocroata: Југославија ou Jugoslavija: etimoloxicamente eslavos do sur) foi un estado situado na cordilleira dos Balcáns tras a disolución do Imperio Austrohúngaro.

En 1918 fundouse o Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos. En 1929 trocou o nome a Reino de Iugoslavia, ata que foi invadido polas potencias do eixe en 1941, pasando a ser dividido entre elas, quedando só, cunha certa autonomía, o Reino de Croacia, un estado títere de Italia, e unha pequena parte de Serbia, como protectorado alemán.

Tras a derrota do eixe, esa zona foi liberada por guerrilleiros partisanos e, a última hora, tropas do Exército Vermello en 1945. Estableceuse un estado comunista co nome República Federal Socialista de Iugoslavia.

Este estado non puido sobrevivir á caída do bloque oriental, e na Terceira Guerra dos Balcáns (1991 - 2001), Bosnia e Hercegovina, Croacia, Eslovenia e Macedonia do Norte pasan a ser nacións independentes.

O resto do país refundouse como República Federal de Iugoslavia para, despois, ser coñecido como Serbia e Montenegro, ata a separación destes dous países, en 2006.

Lingua albanesa

O albanés (shqip) é unha lingua que falan entre 6 e 8 millóns de persoas en Albania, Kosovo, Montenegro, Macedonia do Norte, Serbia, Grecia, Italia, Turquía e grupos de emigrantes en Escandinavia, Alemaña, Reino Unido, Estados Unidos, Ucraína, Exipto.

O lingüista Franz Bopp probou en 1854 que o albanés era unha lingua indoeuropea. Non hai consenso sobre a súa orixe, para uns deriva do ilirio e para outros do tracio ou do dacio.

O albanés goza de status de oficialidade en Albania, e é unha das linguas oficiais de Kósovo e Macedonia. O Instituti i Gjuhësisë dhe i Letërsisë (Instituto de Lingüística e Literatura) da Academia de Ciencias de Albania é o principal centro de estudo da lingua albanesa e desenvolve a forma estándar coa publicación de gramáticas, dicionarios e ortografías prescriptivas, tamén edita dúas publicacións trimestrais, Studime Filologjike (1964) (Estudos Filolóxicos) e Gjuha Jone (1981) (A nosa lingua).

Lingua serbia

O serbio (en serbio: српски, srpski), é unha variedade estandarizada do serbocroata empregada pola etnia serbia de Serbia, Montenegro, e Bosnia e Herzegovina. Ademais, é unha lingua minoritaria recoñecida en Croacia, Macedonia do Norte, Romanía, Hungría, Eslovaquia, República Checa, Albania e Grecia.

Montenegro de Cameros

Montenegro de Cameros é un concello español da provincia de Soria. A súa poboación é de 83 habitantes (INE 2012) e ocupa unha superficie de 55,32 km².

Montenegro no Festival de Eurovisión

Montenegro participaba no Festival da Canción de Eurovisión, primeiro como parte de Iugoslavia e logo como parte da unión entre Serbia e Montenegro. No 2006, Serbia e Montenegro tivéronse que retirar da competición, debido a unha diferenza entre ambos países. O mesmo ano un referendo levado a cabo o 21 de maio do 2006 decidiu que Montenegro sería un país independente.

Serbia e Montenegro participaron por primeira vez no 2004 cun participante serbio. No 2005, un participante montenegrino (Non Name) gañou a selección nacional, o acto quedou en 7º lugar e deulles o seu boleto á final do 2006. Durante a preselección do 2006 descubriuse corrupción por parte do país para enviar de novo a Non Name e polo tanto Serbia refusou envialos, resultado en que ambos países retirásense da competencia.

En 2007, como un estado independente, Montenegro seleccionou ao seu primeiro representante durante unha rolda final, MontenegroSong, antes unha das dúas semifinais (a outra sendo a de Serbia). O debut do país non foi do todo exitoso xa o seu representante, Stevan Faddy e a canción "Ajde, Kroči" terminaron no 23º lugar durante a semifinal. participaron tanto en 2008 como en 2009, non logrando pasar ningunha vez á final. Montenegro realizou a súa volta ao Festival en 2012, quedando eliminado na 1º Semifinal que tivo lugar en Bakú o 22 de maio.

Oj, svijetla majska zoro

Oj, svijetla majska zoro (escrita en cirílico montenegrino: Ој, свијетла мајска зоро, literalmente: Oh, brillante alba de maio) é o himno nacional de Montenegro. Foi escrito en 1932 ou 1933 por Sekula Drljević baseándose en cancións populares de Montenegro, co título "Vječna naša Crna Goro". A canción foi publicada en 1937 en Zagreb por Savić Marković Štedimlija, no seu libro "Croacia Vermella", e de novo en 1944.

O himno ten sido criticado por manter as letras alteradas de Sekula Drljević, antigo presidente nazi de facto do Estado de Montenegro durante a Segunda Guerra Mundial. Previamente, a finais do século XIX e principios do XX, Montenegro mantiña dous himnos: o oficial Ubavoj nam Crnoj Gori (lit. Ao noso Montenegro bonito) e o popular Onamo, 'namo (lit. Aló, por aló).

República Federal Socialista de Iugoslavia

A República Federal Socialista de Iugoslavia (abreviado: RFSI, en croata e esloveno: Socijalistička Federativna Republika Jugoslavija, en serbio e mecedonio: Социјалистичка Федеративна Република Југославија, en albanés: Republika Socialiste Federative e Jugosllavisë, en húngaro: Jugoszláv Szocialista Szövetségi Köztársaság) foi un estado socialista europeo que existiu entre os anos 1963 e 1992, substituíndo na súa creación á República Federal Popular de Iugoslavia.

Estaba formada por Eslovenia, Bosnia e Hercegovina, Croacia, Serbia, Macedonia e Montenegro. Foi gobernada ata o ano 1980 por Josip Broz Tito, quen a diferenza doutros países comunistas de Europa, elixiu un camiño independente ao da Unión Soviética, manténdose así distanciado dos países do Bloque do Leste, chegando a criticar as intervencións en Hungría, Checoslovaquia e Afganistán. Así pois non foi membro nin do Pacto de Varsovia nin da OTAN, sendo un dos creadores do Movemento de Países Non Aliñados no ano 1956.

Serbia

Serbia (en serbio: Србија/Srbija) é un país pechado ó mar situado no centro e no sueste de Europa, ocupando a parte sur da chaira panónica e a parte central da península balcánica. O país fai fronteira con Hungría polo norte, Romanía e Bulgaria polo leste, Albania e Macedonia do Norte polo sur e con Montenegro, Croacia e Bosnia e Hercegovina polo oeste. A súa capital é Belgrado.

A actual Serbia foi creada en 1817 trala Segunda revolta serbia. Máis adiante, o país estendeu as súas terras cara o sur ocupando o actual Kosovo, a rexión de Rascia e parte da rexión de Macedonia (en 1912). En 1918 a antiga provincia autónoma da Voivodina proclamou a súa secesión do Imperio Austrohúngaro uníndose á Serbia nese mesmo ano. As fronteiras actuais do país establecéronse trala Segunda Guerra Mundial, cando a Serbia se converteu nun estado federal dentro da República Federal Socialista de Iugoslavia. Serbia tornouse de novo un estado independente no 2006, trala ruptura de Montenegro coa unión formada trala disolución da Iugoslavia na década dos 90.

Serbia e Montenegro

Serbia e Montenegro foi un estado federal situado nos Balcáns, descendente directo da Iugoslavia e composto polas repúblicas da Serbia e de Montenegro. Confinaba ao norte con Hungría, ao leste con Romanía e Bulgaria, ao sur coa Macedonia do Norte e Albania e ao oeste co mar Adriático (a través do cal contactaba con Italia), Bosnia e Hercegovina e Croacia. A capital do país era a cidade de Belgrado.

Serbia e Montenegro no Festival de Eurovisión

Serbia e Montenegro era un país balcánico que participou no Festival da Canción de Eurovisión en dúas ocasións, ambas dentro dos primeiros 10.

Serbia e Montenegro comezaron a súa participación no Festival da Canción de Eurovisión como parte da República de Iugoslavia, que participou 27 veces entre 1961 e 1992. Polo xeral, as cancións de Iugoslavia terminaban á metade das táboas de resultados; con todo houbo ocasións en que acadaron unha mellor posición. Iugoslavia tivo tres cuartos postos e ata gañou unha vez con Riva e "Rock Me", aínda que a banda non viña de Serbia senón de Croacia e, xa que logo, o Festival de Eurovisión 1990 non tivo lugar en Belgrado (a capital federal), senón en Zagreb.

Logo da desintegración de Iugoslavia en 1992, os novos estados integráronse ao Festival da Canción de Eurovisión de xeito independente. Eslovenia, Croacia e Bosnia e Hercegovina fixeron o seu debut no Festival de Eurovisión 1993, mentres que a A.R.I. de Macedonia o fixo en 1998. Serbia fíxoo en 2004, xunto con Montenegro, cando cambiou a denominación da República Federal de Iugoslavia á confederación de Serbia e Montenegro.Serbia e Montenegro tiveron un bo debut coa canción "Lane Molle" do cantante serbio Zeljko Joksimovic. Nesa ocasión, lograron cualificarse para a final e quedar en segundo lugar, só detrás de Ruslana e "Wild Dances". O éxito da canción asegurou un posto para Serbia e Montenegro na final do 2005, cando a banda montenegrina Non Name quedou en sétimo lugar.

O ano 2005 a estrutura de Evropesma foi modificada. En 2004 houbo unha final nacional con catro candidatos seleccionados na preselección serbia, Beovizija, mentres que os outros candidatos foron seleccionados directamente. Con todo, en 2005, os montenegrinos organizaron a súa propia final, Montevizija, cuxos primeiros doce postos competirían contra os doce mellores de Beovizija para elixir o representante en Eurovisión. O sistema de puntuación tamén tivo que ser cambiado. O televoto non serviría como método de selección, xa que Serbia ten unha poboación moito máis grande que Montenegro, polo que tería máis influencia. Tendo isto en mente, o televoto só contituíu o 1/9 da nota final dos artistas; os outros 8/9 estaban en mans de xuíces de ambos os países, catro de Serbia e catro de Montenegro. Aínda que este arranxo pareceu estable e xusto ao principio, na práctica probou ser ineficaz, xa que se xerou inconformidade en ambas as nacións cando os xuíces montenegrinos non lle deron ningún punto aos artistas serbios, mentres que os xuíces serbios si que lle deron puntos aos montenegrinos. O resultado foi que Jelena Tomašević, serbia e a favorita do público con "Jutro", perdeu ante o grupo montenegrino Non Name. Ademais disto, primeiro anunciouse que a banda gañara o televoto, aínda que máis adiante se deron indicios de que este fora manipulado. Ao final, Non Name representou a Serbia e Montenegro no Festival da Canción de Eurovisión con "Zauvijek Molla". O grupo logrou reunir 137 puntos.

Debido ao bo resultado de Non Name, Serbia e Montenegro tiñan un posto asegurado na final de 2006. Do mesmo xeito que o ano anterior, o proceso de selección en Evropesma deu problemas. Os xuíces montenegrinos volveron darlle todos os seus puntos aos seus compatriotass, bloqueando as oportunidades serbias. Ao final da edición, anunciouse Non Name como ganador, unha vez máis; con todo, nesta ocasión non gañou no televoto. A situación do momento provocou grandes protestas por parte dos serbios, ata tal punto que no momento de terminar o espectáculo o auditorio estaba practicamente baleiro. O público que quedaba apupou o grupo Non Name cando se anunciou que era o gañador, o que o levou a negarse a cantar a súa canción "MojaLjubavi" ao final. O grupo serbio Flamingosi, que quedara en segundo lugar, tivo que saír ao escenario para pechar o programa.

A radio RTS negouse a recoñecer a Non Name como o ganador e, xa que logo, non quería envialos. RTS deseñou unha nova proposta con dez candidatos para unha nova final, pero esta non foi aceptada por RTCG. Para os montenegrinos, unha nova edición de Evropesma, cuxo ganador fose seleccionado só por televoto, era unha causa perdida. Ambas as televisión non lograron chegar a un acordo e decidiuse retirarse da competición en Atenas. O 20 de marzo do 2006 o país fixo oficial a súa retirada e, aínda que segundo as regras da UER xa pasara a data para o poder facer, ambos os países mantiveron o seu dereito a emitir televotos na semifinal e na final.

O 21 de maio de 2006, un día despois do Festival da Canción de Eurovisión, decidiuse por medio dun referendo que Montenegro sería independente. O 3 de xuño, declarouse a independencia e o final da confederación de Serbia e Montenegro. En 2007, Serbia e Montenegro presentáronse como países independentes, e ambos tiveron que cualificarse desde a rolda semifinal. Montenegro só logrou o 23º posto e, xa que logo, non se cualificou. Doutra banda, Serbia si que tivo éxito; Marija Šerifović obtivo o primeiro posto da semifinal con moita vantaxe e foi declarada como vencedora dous días despois, durante a final. Serbia é o segundo país na historia de Eurovisión que obtén a vitoria o ano do seu debut. Debido a esta vitoria, o Festival da Canción de Eurovisión 2008 tivo lugar en Belgrado.

Álvaro Cunqueiro

Álvaro Patricio Cunqueiro Mora-Montenegro (máis coñecido simplemente como Álvaro Cunqueiro) nado en Mondoñedo o 22 de decembro de 1911 e finado en Vigo o 28 de febreiro de 1981, foi un novelista, poeta, dramaturgo, xornalista e gastrónomo galego, considerado un dos grandes autores da literatura galega e de toda a literatura española do século XX. Foi director do xornal Faro de Vigo. Ingresou na Real Academia Galega en 1963. Foi nomeado fillo predilecto de Mondoñedo en 1965. Investírono doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela en 1980 e recibiu o Pedrón de Ouro no mesmo ano. Tamén en 1980 apareceu o I volume da súa Obra completa, e postumamente os volumes II (1982) e III (1983). En 1991 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Ao longo da súa vida chegou a usar os seguintes pseudónimos: Al Farish ibn Iaquim Al Galizi, Álvaro Labrada, Ariel García, Benito Moirón, Carlos Sobrado, Cristóbal Xordán, M. Mª Seoane, Manuel da Fonte, Mark Tapley, Patricio Mindonio, Patricio Mor, X. Berenguer, Xusto Cabarcos, Filón o Mozo.

Eslavos do oeste
Eslavos do sur
Eslavos do leste
Países e territorios do Mediterráneo

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.