Moluscos

O dos moluscos[1] (Mollusca) constitúe un dos grandes filos do reino animal.[2][3]

Son invertebrados protóstomos, celomados, triblásticos, con simetría bilateral (aínda que algúns poden presentar unha asimetría secundaria) e non segmentados, de corpo brando, espido ou protexido por unha cuncha.

Os moluscos son os invertebrados máis numerosos despois dos artrópodos, e inclúen formas tan coñecidas como as ameixas, ostras, luras, polbos, lesmas e unha gran diversidade de caracois, tanto mariños como terrestres. Calcúlase que poden existir cerca de 100 000 especies viventes, e 35.000 especies extintas, xa que os moluscos teñen unha longa historia xeolóxica, que abarca desde o cámbrico inferior até a actualidade.[4]

Os moluscos colonizaronn practicamente todos os ambientes, desde as grandes alturas de até máis de 3 000 m sobre o nivel do mar até profundidades oceánicas de máis de 5 000 m de profundidade, nas augas polares ou tropicais, e adoitan seren elementos comúns dos litorais de todo o mundo. E o filo mariño máis numeroso, e contén un 23 % de todas os organismos mariños descritos.

O filo usualmente divídese en nove ou dez clases, das que dúas están totalmente extintas. Os gasterópodos (caracois e lesmas) son, con diferenza, os moluscos máis numerosos polo que concirne a especies clasificadas, e suman o 80 % do número total de especies de moluscos coñecidas. Os moluscos cefalópodos, como as luras, sepias e polbos, encóntranse entre os invertebrados cun sistema neurolóxico máis avanzado. As luras xigantes (xénero Architeuthis) e as luras colosais (xénero Mesonychoteuthis) disputan o título de invertebrado máis grande coñecido.

O estudo científico dos moluscos denomínase malacoloxía.[5] O termo malacoloxía vén do grego μαλακός malakos, 'brando' e -λογία, de λόγος logos 'estudo',[6] e empezou a usarse en francés en 1814,[7] e do francés pasou ás demais linguas europeas.[8]

Falando desta disciplina cómpre dicir que o interese do home polos moluscos é moi grande, e moi antigo, e que durante os séculos XVIII e XIX se formaron importantes coleccións malacolóxicas e conquiliolóxicas (de cunchas) tanto de prestixiosas institucións como museos e academias de ciencias como de coleccionistas privados, e aínda hoxe en día coleccionar cunchas de moluscos é un dos principais pasatempos de moitas persoas en todo o mundo. Debido a esta afección os moluscos son un dos grupos zoolóxicos mellor estudados despois dos vertebrados.

Os moluscos son unha importante fonte de alimentación para a especie humana. Ademais, numerosas enfermidades parasitarias tanto humanas como veterinarias son transmitidas polos moluscos, que actúan como hospedadores intermediarios, sobre todo de platihelmintos trematodos.

Moluscos
Mollusca

Rango fósil: cámbrico inferior - actualidade
Polbo (Octopus vulgaris). Un cefalópodo

Polbo (Octopus vulgaris). Un cefalópodo
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
(sen clasificar) Bilateria
(sen clasificar) Coelomata
Superfilo: Protostomia
Clado Lophotrochozoa
Filo: Mollusca
Linnaeus, 1758
Clases

Etimoloxías

O termo do latín cinetífico Mollusca é un préstamo do latín moderno molluscus, que comezou a usarse en 1650 baixo a forms do neutro plural mollusca, creado a partir do termo do latín imperial mollusca (nux), 'especie de noz de casca tenra', derivada do latín clásico mollis, brando.[9] O termo mollusque comezou a usarse en francés en 1763 no sentido zoolóxico como «animal invertebrado de corpo brando».[10] E do francés pasou ás demais linguas cultas.

Diversidade

Hai unhas 93.000 especies de moluscos descritas,[11] que inclúen o 23% do total de organismos mariños denominados.[12] Os moluscos son os segundos, por detrás dos artrópodos, en canto ó número total de especies animais viventes[13] -moito por detrás dos artrópodos (1.113.000), pero moito por diante dos cordados (52.000).[14] Estimouse que actualmente hai unhas 200.000 especies en total,[15] e 70.000 especies fósiles,[16] a pesar de que o número total de especies de moluscos que existiron, tanto se se preservaron como se non, pode ser moitas veces superior no número de especies presentes hoxe en día.[17]

Os moluscos teñen unha cantidade de formas máis variadas que calquera outro filo animal –caracois e outros gasterópodos, ameixas e outros bivalvos, luras e outros cefalópodos, e outros subgrupos menos coñecidos pero tamén distintivos. A maior parte das especies aínda viven nos océanos, dende a costa até a zona abisal, pero algúns son membros significativos dos ecosistemas de auga doce e terrestres. Son extremadamente variados nas rexións tropicais e tépedas, pero pódense atopar en tódalas latitudes.[18] Un 80% de todas as especies coñecidas de moluscos son gasterópodos.[13] Os cefalópodos como luras, sepias e polbos atópanse entre os invertebrados neuralóxicamente máis avanzados.[19] A lura xigante, que até hai pouco non se observara viva en forma adulta,[20] é un dos invertebrados máis grandes. Aínda así, un espécime recentemente capturado de lura colosal, que tiña 10 metros de lonxitude e pesaba 500 kg, poderíao superar.[21]

Os moluscos de auga doce e terrestres son excepcionalmente vulnerables á extinción. As estimacións do número de moluscos non mariños varía amplamente, en parte porque moitas rexións non foron investigadas a fondo e non hai bastantes especialistas na clasificación destes animais. Aínda así, en 2004 a lista vermella da IUCN de especies ameazadas incluíu preto de 2.000 moluscos non mariños ameazados. Para comparar, a gran maioría de especies de moluscos son mariñas, pero só 41 destas aparecen na lista vermella do ano 2004. O 42% das extincións rexistradas desde o ano 1500 son de moluscos, case todos non mariños.[22]

Características xerais

Caracol en Baiona
Caracol (xénero Helix), gasterópodo terrestre.
Chlamys varia gelb von aussen
Cunchas esquerda e dereita da zamburiña (Chlamys varia). Bivalvo.

A variedade de formas, tamaños, modos de vida e ciclos vitais nos moluscos é extraordinaria; basta con comparar un mexillón, un caracol e unha lura. Pero a organización de todos os moluscos segue un plan fundamental. Son animais de corpo brando, divididos en cabeza, masa visceral e pé, con tres características únicas no reino animal polas cales se identifican:

  • Un pé musculoso.
  • Unha cuncha calcaria segregada por un integumento subxacente chamado manto, en ocasións moi reducida ou ausente.
  • Un órgano de alimentación denominado rádula (formada por fileiras de dentes quitinosos curvos).

Aínda que celomados, o celoma nos adultos queda reducido a vestixios ao redor dos nefridios, as gónadas, o corazón e o intestino. O patrón básico dun molusco consiste nun organismo de corpo brando, non segmentado, oval, con simetría bilateral e unha cuncha (ausente ou interna nalgúnos grupos). En vez de cuncha poden ter espículas (que poden aparecer en estado embrionario, pero nos adultos poden fusionarse para dar a cuncha) ou placas, aínda que todas edstas estruturas coa mesma orixe.

Anatomía externa

Manto, cavidader paleal e cuncha

A cuncha fórmase grazas á epiderme subxacente, denominada manto ou palio, que ten células secretoras de carbonato cálcico que cristaliza no exterior en forma de aragonita ou de calcita; o manto tamén segrega unha substancia quitinosa de composición complexa, a conquiolina, que se deposita sobre o substrato calcario formando un estrato orgánico denominado perióstraco, esencial para evitar a disolución da cuncha en ambientes ácidos.

Na parte posterior o manto forma unha cámara denominada cavidade paleal onde se aloxan as branquias, que teñen unha estrutura moi característica en forma de peite (ctenidios), os osfradios (órganos sensoriais quimiorreceptores encargados de detectar a calidade da auga), e onde desembocan os nefridios (a través dos nefridioporos), as gónadas (a través dos gonóporos) e o ano.

Nos pulmonados (gasterópodos terrestres), a superficie interna da cavidade paleal está moi irrigada e o intercambio gasoso se produce a través do epitelio, de maneira que actúa como un pulmón.

A epiderme dos moluscos está recuberta de cilios e posúe un gran número de glándulas produtoras de moco.

Outro órgano característico dos moluscos, o , mostra unha enorme plasticidade evolutiva. Está dotado dunha musculatura complexa e potente. Suponse que, primitivamente, era reptante (parecido ao dos gasterópodos actuais), pero experimentou unha gran diversificación, orixinando o pé escavador dos bivalvos, o pé escindido en tentáculos dos cefalópodos ou o pé nadador dalgúns gasterópodos peláxicos, entre outros.

Anatomía interna e fisioloxía

Scheme snail anatomy-numbers
Esquema anatómico dun gasterópodo:
1-cuncha, 2-figado, 3-pulmón, 4-ano, 5-poro respiratorio, 6-ollo, 7-tentáculo, 8-ganglios cerebrais, 9-conduto salivar, 10-boca, 11-, 12-glándula salivar, 13-poro xenital, 14-pene, 15-vaxina, 16-glándula mucosa, 17-oviduto, 18-saco de dardos, 19-pé, 20-estómago, 21-ril, 22-manto, 23-corazón e 24-vasos deferentes

Alimentación

Os moluscos teñen un tubo dixestivo completo. A cavidade bucal, revestida de quitina, presenta un órgano de alimentación único, a rádula, que consiste nunha base cartilaxinosa alongada (o odontóforo) recuberta de fileiras lonxitudinais de dentículos quitinosos curvos; a forma e a disposición dos dentículos relaciónase co tipo de alimentación. A rádula está provista de potentes músculos que lle permiten proxectarse fóra da boca, actuando como raspador. O moco segregado polas glándulas salivares da boca lubrican a rádula e aglutinan as partículas para ser inxeridas.

A continuación hai un esófago e un estómago, máis ou menos complexo, no que desembocan as glándulas dixestivas (fígado ou hepatopáncreas); a circulación da masa mucosa que contén p alimento (prostilo) vese favorecida pola presenza de numerosos cilios. As partículas alimenticias entran nos condutos das glándulas dixestivas. O intestino é longo e está enrolado.

As formas de alimentación son enormemente variadas. Os moluscos poden ser fitófagos, como as lapas ou os caracois terrestres, carnívoros, como os conos, filtradores, como as ameixas ou os mexillóns, detritívoros etc.

Enteroctopus dolfeini
Enteroctopus dolfeini, un polbo xigante.
Nautilus-JB-01
Nautilus, un fósil vivente.

Sistema circulatorio

O sistema circulatorio é aberto, a excepción dos cefalópodos que o teñen pechado. O corazón está tabicado e dividido usualmente en tres cámaras (dúas aurículas e un ventrículo), aínda que o número das cámaras pode ser moi variábel. O corazón está recuberto por unha fina tea que forma a cavidade pericárdica. A hemolinfa pasa do ventrículo para os vasos que verten nos espazos tisulares, onde se recolle por outros vasos que van cara ás branquias, onde o sangue se oxixena e, de aí, volve ao corazón entrando polas aurículas.

Sistema excretor

Os órganos excretores son un par de nefridios (riles) relacionados coa cavidade pericárdica, nos que un dos extremos comunica co celoma (a través duns condutos denominados celomodutos, que poden desenvolverse neste extremo a xeito de embude) e o outro desemboca ao exterior, na cavidade paleal (a través dos nefridioporos).

Sistema nervioso

O sistema nervioso dos moluscos é moi variábel. O modelo básico comprende un anel periesofáxico do cal saen dous pares de cordóns nerviosos cara a atrás, un cara ao pé e outro cara á masa visceral.

Os órganos dos sentidos comprenden ollos (moi complexos nos cefalópodos), estatocistos (sentido do equilibrio) e quimiorreceptores, como os osfradios (situados nas branquias), papilas e fosetas olfactorias na cabeza e o órgano subradular (asociado á rádula). O grao máximo de cefalización dáse nos cefalópodos, nos que se puede falar dun auténtico cerebro, protexido por un cranio cartilaxinoso.

Reprodución

As gónadas en moitas especies de moluscos proceden directamente do peritoneo que recobre o celoma. A reprodución é exclusivamente sexual; os individuos poden ser unisexuados (tamén denominados dioicos, como nos bivalvos) ou, como no caso da maioría dos gasterópodos, hermafroditas (simultáneos ou consecutivos) con capacidade de autofecundación ou sen ela. A fecundación pode ser externa ou interna, con frecuencia mediante espermatóforos (sacos cheos de espermatozoides).

O desenvolvemento embrionario típico dos moluscos comenza cunha segmentación espiral do cigoto, e a gastrulación ten lugar por epibolia, invaxinación ou ambas. A gástrula resultante desenvólvese nunha larva trocófora planctónica. O proceso é virtualmente idéntico ao dos anélidos. Esta larva trocófora pode desenvolver moito algunha das súas bandas ciliadas para dar unha estrutura delgada en forma de veo.

Na maioría dos moluscos, esta larva dá lugar á larva velíxera, máis desenvolvida, na que se pode observar xa o pé, a cuncha e outras estruturas. Finalmente, a larva velíxera descende ao fondo e sofre unha metamorfose para adoptar o hábitat bentónico típico do adulto. Os cefalópodos e os gasterópodos terrestres e de auga doce teñen sempre desenvolvemento directo.

Clasificación

Napfschnecke3
Lapa (Patella vulgata). Un gasterópodo mariño.
AmmoniteFossil
Unha grande amonita, cefalópodo fósil.

As opinións varían sobre o número de clases de moluscos, por exemplo, a táboa de abaixo amosa sete clases viventes,[11] e dúas extintas. Aínda que é improbable formar un clado, algúns traballos antigos combinan os Caudofoveata e Solenogastros nunha clase, os Aplacóforos.[23][24] Dúas das "clases" recoñecidas comunmente só son coñecidas por fósiles.[13]

Clase Principais organismos Especies vivas descritas[11] Distribución
Gastropoda[25] Tódolos caracois e lesmas, incluíndo orellas de mar, lapas, nudibranquios, anaspideas, Thecosomata 70,000 mariño, auga doce, terra
Bivalvia[26] ameixas, ostras, vieiras, Panopea generosa, mexillóns 20,000 mariño, auga doce
Polyplacophora[27] quitóns 1,000 zona rochosa intermareal e fondo do mar
Cefalópodoss[28] téutidos, polbos, Sepideos, náutilo, spirula 900 mariño
Scaphopoda[29] dentalios 500 mariño 6–7,000 metres (20–22,966 ft)
Aplacóforos[23] organismos con forma de verme 320 fondo do mar 200–3,000 metres (660–9,840 ft)
Monoplacophora[30] Unha antiga liñaxe de moluscos con conchas con forma de capucha 31 fondo do mar 1,800–7,000 metres (5,900–23,000 ft); unha especie a 200 metres (660 ft)
Rostroconchia †[31] fósiles; probables antecesores dos bivalvos extinta mariño
Helcionelloida †[32] fósiles; organismos semellantes a caracois como Latouchella extinta mariño

A clasificación nun taxón superior para estes grupos foi e segue sendo problemática. Un estudo filoxenético suxire que os poliplacóforos forman un clado cos monofiléticos Aplacóforos.[33] Adicionalmente, suxire que existe unha relación filla de taxon entre os bivalvos e gasterópodos. Tentaculita tamén poderían estar nos moluscos.

Antigamente caudofoveados e solenogastros eran agrupados na clase Aplacóforos que agora se considera parafilético e ditos grupos clases separadas.[34]

Por outra parte, a tendencia actual é a de dividir a clase Gastropoda en dúas subclases: Eogastropoda (que inclúe só as lapas verdadeiras) e Orthogastropoda que inclúe todos os demais gasterópodos.[35]

Galería de imaxes

Véxase tamén: Galería de imaxes de moluscos de Galicia.
Cuncha lutraria lutraria 1eue

Arola (Lutraria lutraria)

Notas

  1. moluscos no dicionario da RAG.
  2. Mollusca no WoRMS.
  3. Margulis, L. & Schwartz, K. V. (1998): Five Kingdoms: an illustrated guide to the Phyla of life on earth. 3rd edition. New York, NY, USA: Freeman. ISBN 0-7167-3027-8.
  4. Martinell, Jordi (2009): "Moluscos. I. Generalidades", en Martínez Chacón, M. L. e Rivas, P. (eds.) Paleontología de invertebrados. Sociedad Española de Paleontología, Instituto Geológico y Minero de España, Universidad de Oviedo, Universidad de Granada. ISBN 978-84-613-4625-7, pp. 228-235.
  5. malacoloxía no dicionario da RAG.
  6. malacología no DRAE.
  7. malacologie no Trésor de la langue franáise informatisé.
  8. malacology no Webster's Revised Unabridged Dictionary.
  9. mollusque no Trésor de la langue française informatisé.
  10. E. Bertrand, Dictionaire universel des fossiles propres et des fossiles accidentels
  11. 11,0 11,1 11,2 Haszprunar, G. (2001). "Mollusca (Molluscs)". Encyclopedia of Life Sciences. John Wiley & Sons, Ltd. doi:10.1038/npg.els.0001598.
  12. Rebecca Hancock (2008). Australian Museum, ed. "Recognising research on molluscs". Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2009. Consultado o 25 de setembro de 2018.
  13. 13,0 13,1 13,2 Editador por Winston F. Ponder, David R. Lindberg. (2008). Ponder, W.F. e Lindberg, D.R., ed. Phylogeny and Evolution of the Mollusca. Berkeley: University of California Press. p. 481. ISBN 978-0520250925.
  14. Ruppert, E.E., Fox, R.S., e Barnes, R.D. (2004). Invertebrate Zoology (7a ed. ed.). Brooks / Cole. ISBN 0030259827.
  15. Winston F. Ponder e David R. Lindberg (2004). World Congress of Malacology, ed. "Phylogeny of the Molluscs". Consultado o 2009-03-09.
  16. Brusca, R.C., e Brusca, G.J. (2003). Invertebrates (2a ed. ed.). Sinauer Associates. p. 702. ISBN 0878930973.
  17. David M. Raup & Steven M. Stanley (1978). Principles of Paleontology (2a ed. ed.). W.H. Freeman and Co. pp. 4–5.
  18. Giribet, G.; Okusu, A.; Lindgren, A.R.; Huff, S.W.; Schrödl, M.; Nishiguchi, M.K. (maio de 2006). "Evidence for a clade composed of molluscs with serially repeated structures: Monoplacophorans are related to chitons". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America 103 (20): 7723–7728. PMC 1472512. PMID 16675549. doi:10.1073/pnas.0602578103.
  19. Barnes, R.S.K., Calow, P., Olive, P.J.W., Golding, D.W. e Spicer, J.I. (2001). The Invertebrates, A Synthesis (3a ed. ed.). Blackwell Science.
  20. Kubodera, T. e Morra, K. (2005). "First-ever observations of a live giant squid in the wild" (PDF). Proceedings of the Royal Society B: Biological Sciences 272 (1581): 2583–2586. doi:10.1098/rspb.2005.3158. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de xuño de 2016. Consultado o 2008-10-22.
  21. Richard Black (26 abril 2008). BBC News, ed. "Colosal squid out of the freezer".
  22. Lydeard, C.; R. Cowie; R., Ponder; W.F.; et al. (abril 2004). "The global decline of nonmarine mollusks" (PDF). BioScience 54: 321–330. doi:10.1641/0006-3568(2004)054[0321:TGDONM]2.0.co;2. Consultado o 20 de outubro de 2009.
  23. 23,0 23,1 Ruppert, pp. 291–292
  24. Healy, J.M. (2001). "The Mollusca". En Anderson, D.T. Invertebrate Zoology (2 ed.). Oxford University Press. pp. 120–171. ISBN 0-19-551368-1.
  25. Ruppert, p. 300
  26. Ruppert, p. 367
  27. Ruppert, pp. 292–298
  28. Ruppert, p. 343
  29. Ruppert, pp. 403–407
  30. Ruppert, pp. 298–300
  31. Clarkson, E.N.K. (1998). Invertebrate Palaeontology and Evolution. Blackwell. p. 221. ISBN 0-632-05238-4.
  32. Runnegar, B.; Pojeta Jr, J. (outubro de 1974). "Molluscan Phylogeny: the Paleontological Viewpoint". Science 186 (4161): 311–317. Bibcode:1974Sci...186..311R. JSTOR 1739764. PMID 17839855. doi:10.1126/science.186.4161.311.
  33. Kocot, K. M.; Cannon, J. T.; Todt, C.; Citarella, M. R.; Kohn, A. B.; Meyer, A.; Santos, S. R.; Schander, C.; Moroz, L. L.; et al. (September 22, 2011). "Phylogenomics reveals deep molluscan relationships". Nature 477 (7365): 452–456. Bibcode:2011Natur.477..452K. PMC 4024475. PMID 21892190. doi:10.1038/nature10382.
  34. Tree of Life: Mollusca
  35. Ponder W. & Lindberg D. R. (1997): "Towards a phylogeny of gastropod molluscs; an analysis using morphological characters". Zoological Journal of the Linnean Society, 1997; 119: 83-265.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Ruppert, E.E.; Fox, R.S.; Barnes, R.D. (2004). Invertebrate Zoology (7 ed.). Brooks / Cole. ISBN 0-03-025982-7.
  • Brusca, R. C. & Brusca, G. J. (2005): Invertebrados, 2ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana de España. ISBN 0-87893-097-3.
  • D'Ancona, Humberto (1972): "Moluscos" en Tratado de zoología. Tomo II. Zoología especial. Barcelona: Editorial Labor, S. A., pp. 729–763.
  • Frings, H. e Frings, M. (1975): Conceptos de Zoología. Madrid: Editorial Alhambra. ISBN 84-205-0505-6.
  • Grassé, P.-P., E. A. Poisson e O. Tuzet (1976): Invertebrados. (En Grassé, P.-P., Zoología, vol. 1). Barcelona: Toray-Masson. ISBN 84-311-0200-4.
  • Hickman, C. P., W. C. Ober e C. W. Garrison (2006): Principios integrales de zoología, 13ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana. ISBN 84-481-4528-3.
  • Margulis, L. & Schwartz, K.V. (1998): Five Kingdoms: an illustrated guide to the Phyla of life on earth. 3rd edition. New York, NY, USA: Freeman. ISBN 0-7167-3027-8.
  • Meglitsch, P. A. (1986): Zoología de invertebrados, 2ª ed. Madrid: Ed. Pirámide. ISBN 84-368-0316-7.
  • Rolán, Emilio e Otero-Schmitt, Jorge (1996): Guía dos moluscos de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-8288-072-3.
  • Remane, A., Storch, V. e Welsch, U. (1980): "Mollusca (Moluscos)", en Zoología sistemática. Clasificación del reino animal. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0608-2, pp. 121–169.
  • Trigo, J.E.; Díaz Agras, G.J.; García-Álvarez, O.L.; Guerra, A.; Moreira, J.; Pérez, J.; Rolán, E.; Troncoso, J.S. & Urgorri, V. (2018). Troncoso, J.S., Trigo, J.E. & Rolán, E., ed. Guía de los Moluscos Marinos de Galicia. Vigo: Servicio de Publicacións da Universidade de Vigo. ISBN 978-84-8158-787-6.
  • VV. AA. (1968): "Moluscos" en: Enciclopedia Salvat de las ciencias. Tomo 4. Animales invertebrados. Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 248–293.

Outros artigos

Ligazóns externas

Acuicultura

A acuicultura (do latín aqua: auga; e -cultura: cultivo) é a cría ou cultivo de organismos acuáticos, especialmente peixes, crustáceos, moluscos e algas, destinados á alimentación humana ou animal. Tamén se pode dedicar á produción de especies ornamentais para a acuariofilia, ou o cultivo de especies para a posterior elaboración de materias primas para a industria, repoboación e conservación de especies ameazadas, produción de perlas etc.

Ameixa (molusco)

O nome de ameixa é denominación común dun grupo de moluscos bivalvos de alto interese comercial e de morfoloxía semellante aínda que pertencen a especies diferentes. A superficie da cuncha é substancialmente lisa e de cores variables. Viven soterrados a escasa profundidade nos fondos areosos do mar, malia que hai especies que viven en augas doces.

As ameixas pertencen a especies diferentes da familia Veneridae.

Bivalvos

A dos bivalvos (Bivalvia) é unha clase de moluscos, mariños, de auga salobre ou auga doce, e que viven tamén en ríos, estanques e lagos.

Entre as especies que forman parte desta clase encontramos animais tan coñecidos como os mexillóns, as vieiras, as zamburiñas, as ameixas, as ostras, as navallas, os berberechos, etc.

No grupo hai unha gran variación de tamaño dende algunhas cunchas que miden entre 1 e 2 mm de diámetro ata individuos xigantes como algunhas especies do xénero Tridacna que poden acadar máis de 1 metro de lonxitude e ate 225 kg de peso.Como curiosidade, podemos dicir que nas portas de moitas igrexas de Galiza, e doutros países, úsanse como pías da auga bieita valvas de Tridacna traídas en séculos pasados das Filipinas. (Por este motivo en francés denomínanse as tridacnas como bénitiers).

A meirande parte dos bivalvos son filtradores e sedentarios e polo tanto dependen das correntes ciliares producidas polas branquias para conseguiren o alimento. A diferenza doutros grupos, como o dos cefalópodos, non teñen unha verdadeira cabeza (teñen moi pouca cefalización) e carecen de rádula.

Teñen o corpo comprimido lateralmente e un manto que contén no seu interior o saco visceral onde se aloxan as vísceras, pero a súa principal característica é a de posuíren unha cuncha composta por dúas valvas. Efectivamente, a cucha dos bivalvos, formada por carbonato de calcio e conquiolina (substancia orgánica constituída por proteínas complexas segregadas polo epitelio do molusco), consta de dúas partes, xeralmente similares, chamadas valvas (cuncha equivalva).

As valvas están unidas entre si nos seus bordos por un ligamento flexible que, unindo firmemente os dentes situados en cada unha das valvas, constitúe a chamada charneira. Esta disposición permite á cuncha abrirse e pecharse sen que as súas metades se desarticulen. A cuncha presenta xeralmente simetría bilateral, e a charneira encóntrase no plano saxital.

Os bivalvos foron desde hai moito tempo un compoñente da dieta das poboacións humanas costeiras (recordemos as acumulacións de cunchas en lugares como o castro de Baroña).

As ostras, os berberechos, as ameixas e as vieiras colléitanse e cómense desde a antigüidade, e a acuicultura converteuse recentemente nunha importante fonte de subministración de bivalvos para o consumo humano.

O mellor coñecemento dos ciclos reprodutivos dos moluscos levou ao desenvolvemento de novas técnicas de crianza, e unha mellor comprensión dos perigos do consumo de mariscos crus ou pouco cociñados axudou a mellorar o almacenamento e o procesado destes animais na industria alimentaria.

Ademais do seu uso como alimento, as ostras son a fonte máis común das perlas naturais. Así mesmo as conchas dos bivalvos utilízanse en artesanía para a fabricación de botóns e artigos de bisutaría (recordemos os colares que se venden aoa turistas na illa da Toxa). Finalmente, algúns bivalvos tamén se utilizan para controlar a contaminación do mar.

Existen arredor de 30.000 especies na clase dos bivalvos, moitas das cales son comestibles e representan un valioso recurso económico en moitas rexións do mundo como é o caso de Galiza, onde se rexistraron máis de 125 especies nas súas costas.Os máis antigos fósiles de bivalvos datan do cámbrico temperán, hai máis de 500 millóns de anos.

Branquia

As branquias son os órganos respiratorios de numerosos animais acuáticos, mediante os cales extraen o osíxeno (O2) disolvido na auga e transfiren a esta o dióxido de carbono (CO2).

Os animais acuáticos dotados de branquias captan o O2 que se encontra disolvido na auga, o cal pasa aos fluídos internos (sangue, linfa etc.) e é transportado aos tecidos, onde as células requíreno para a respiración celular, proceso que se realiza en orgánulos celulares denominados mitocondrias. Como resultado da respiración celular prodúcese CO2, o cal debe ser eliminado para evitar a intoxicación do medio interno.

Os animais máis pequenos e de menor taxa metabólica realizan o intercambio de gases pola superficie corporal. Pero os máis grandes necesitan unha superficie de intercambio máis extensa, para o que adquiriron no curso da evolución estruturas especializadas, as branquias. Para favorecer o intercambio, a circulación de fluídos está sempre especialmente organizada nestes órganos, incluso en aqueles animais que carecen dun sistema vascular desenvolvido, como os moluscos.

Caracol

O caracol, cascarolo ou cosco é o nome común que reciben os moluscos gasterópodos con cuncha en espiral, a diferenza dos que non a posúen, que se chaman lesmas (terrestres) ou dos que a teñen pero non é espiral, que son as lapas.

Caradriformes

As Charadriiformes son unha orde de aves dividida en 3 subordes, 18 familias, 85 xéneros e 366 especies coñecidas, distribuídas por todo o mundo nunha ampla variedade de hábitats. Todas están relacionadas dunha ou doutra forma coa agua, tanto doce como salgada. Esta clasificación segue a que se establece na obra Handbook of the Birds of the World, que exclúe das Charadriiformes á familia Otididae.

As Caradriformes son aves que poden ser de tamaño pequeño, mediano ou grande. Quizais as súas representantes máis coñecidas sexan as gaivotas da familia Laridae.

A súa alimentación é variada, como corresponde a un grupo con tanta diversidade. Dende as xa mencionadas gaivotas, que son practicamente omnívoras, aínda que se alimenten principalmente de pescado, ata os que alimentanse de pequenos invertebrados, crustáceos e moluscos, como as limícolas (cuxa familia máis numerosa é a Scolopacidae).

As familias que se atopan no chamado Vello Continente (Europa e parte de Asia) son:

Haematopodidae

Recurvirostridae

Burhinidae

Glareolidae

Scolopacidae

Stercorariidae

Laridae

Sternidae

Alcidae

Carbonato de calcio

O carbonato de calcio é un composto químico, de fórmula CaCO3. É unha substancia moi abundante na natureza, formando rochas, como compoñente principal, en todas partes do mundo, e é o principal compoñente de cunchas e esqueletos de moitos organismos (p.ex. moluscos, corais) ou das cascas de ovo. É a causa principal da auga dura. En medicina utilízase habitualmente como suplemento de calcio, como antiácido e axente adsorbente. É fundamental na produción de vidro e cemento, entre outros produtos.

É compoñente dos seguintes minerais e rochas:

Calcita

Aragonita

Calcaria

Travertino

Mármore

Cefalópodos

A dos cefalópodos (Cephalopoda) é unha clase de invertebrados bilaterais, mariños, do filo dos moluscos.A súa característica máis rechamante é qjue o seu corpo está constituído por unha cabeza prominente e un conxunto de brazos ou tentáculos, que son modificacións do pé de moluscos primitivos.

Actualmente existen entre 700 e 800 especies de cefalópodos, todas elas pertencentes á subclase dos coleoideos, a excepción dos náutilos, que pertencen á subclase dos nautiloideos, e que reciben os nomes comúns de polbos, luras, potas, xibas (chamadas tamén chocos nalgunhas zonas de Galicia) e náutilos, aínda que o seu número se incrementa cada ano, quedando seguramentea algunhas especies vivas por descubrir. Estímase que o número de especies extintas rolda as 11 000.O estudo dos cefalópodos é unha rama da malacoloxía coñecida como teutoloxía.

Cerebro

O cerebro (do latín cerebrum, coa súa raíz indoeuropea «ker» 'cabeza, no alto da cabeza' e «brum» 'levar'; tendo o significado arcaico de 'o que se leva na cabeza') é o centro de supervisión, de centralización e de cefalización do sistema nervioso, o de maior complexidade do reino animal.O cerebro encóntrase situado na cabeza, protexido polo cranio. Polo xeral, preto dos principais órganos dos sentidos como a visión, a audición, o equilibrio, o gusto e o olfacto. Corresponde, por tanto, á parte antesuperior do encéfalo dos humanos e outros vertebrados e se subdivide en cerebro anterior, cerebro medio e cerebro posterior. Noutros animais, como os invertebrados bilaterais, enténdese por cerebro unha serie de ganglios arredor do esófago na parte anterior do corpo, comprendidos polo protocerebro, deutocerebro e tritocerebro nos artrópodos; ganglios cerebral, pleural e pedial nos moluscos gasterópodos; e masas supraesofágica e subesofágica en moluscos cefalópodos. Tamén posúen cerebros moi arcaicos ou simples bilaterais, os platihelmintos, os nematodos e os hemicordados. Porén, hai bilaterais que mostran moi poucos aspectos distintivos de cefalización como os bivalvos ou os briozoos. Nalgunhas especies de invertebrados non existe un cerebro por carecer completamente de sistema nervioso, como nos poríferos, nos placozoos ou nos mesozoos. Outros posúen un sistema nervioso, pero carecen de trazos definidos de centralización ou cefalización ao mostrar simetrías non bilaterais como os cnidarios, os ctenóforos ou os equinodermos.

Desde un punto de vista evolutivo e biolóxico, a función do cerebro como órgano, é exercer un control centralizado sobre os demais órganos do corpo. O cerebro actúa sobre o resto do organismo pola xeración de patróns de actividade muscular ou pola produción e secreción de substancias químicas chamadas hormonas. Este control centralizado permite respostas rápidas e coordinadas ante os cambios que se presentan no ambiente. Algúns tipos básicos de resposta tales como os reflexos poden estar mediados pola medula espiñal ou os ganglios periféricos, pero un sofisticado control intencional da conduta sobre a base da información sensorial complexa require a capacidade de integrar a información dun cerebro centralizado. Controla e coordina o comportamento, a homeostase (funcións corporais coma o latexo do corazón, a presión do sangue, o balance de fluídos e a temperatura do corpo) e as funcións mentais (a emoción, a memoria, a aprendizaxe etc.).

O cerebro dos vertebrados é o órgano máis complexo do corpo. Nun humano típico, a córtex cerebral (a parte máis grande) estímase que contén entre 15 e 33 mil millóns de neuronas, transmitindo as súas mensaxes a outras neuronas mediante a sinapse. Estas neuronas comunícanse con outras a través de fibras largas de protoplasma chamadas axóns, as cales levan trens de impulsos eléctricos denominados potenciais de acción a partes distantes do cerebro ou do corpo, tendo como branco receptores específicos.

Desde unha perspectiva filosófica, o que fai ao cerebro especial en comparación cos outros órganos, é que forma a estrutura física que xera a mente. Como Hipócrates argumentaba: «Os homes deberían saber que do cerebro e nada máis que do cerebro veñen as alegrías, o placer, a risa, o ocio, as penas, a dor, o abatemento e as lamentacións». Porén, do corazón figurado e das súas emocións proceden certas sensacións concretas como o gozo, o amor e o contentamento.

Durante as primeiras etapas da psicoloxía, creuse que a mente debía separarse do cerebro. Pero posteriormente os científicos realizaron experimentos que chegaron a determinar que a mente era un compoñente no funcionamento cerebral pola expresión de certos comportamentos baseados no seu ambiente externo e o desenvolvemento do seu organismo. Os mecanismos polos cales a actividade cerebral dá lugar á conciencia e ao pensamento son moi díficiles de comprender: a pesar dos múltiples e rápidos avances científicos, segue habendo moitos misterios acerca de cómo funciona o cerebro. Na actualidade, as operacións das células cerebrais individuais son comprendidas con máis detalle, pero a forma en que cooperan entre os conxuntos de millóns foi moi difícil de descifrar. Así mesmo, os enfoques máis prometedores tratan ao cerebro coma unha «computadora biolóxica», totalmente diferente do mecanismo das computadoras electrónicas, pero similar no sentido que adquiren a información do mundo circundante, almacenándoa e procesándoa de múltiples formas.

Así a todo, pese a ser un dos órganos máis estudados, desenvolvéronse unha serie de conceptos erróneos que chegaron a ser asimilados pola sociedade como correctos, como é o caso da lenda que di que os humanos só utilizamos un 10 % do cerebro.

Cuncha

Este artigo trata sobre a estrutura animal, para o elemento arquitectónico véxase Pendente (arquitectura).A cuncha é unha estrutura dura, de natureza calcárea, que cobre externamente o corpo dos moluscos para protexelo dos predadores e servir de elemento de inserción dos músculos e órganos internos. Constitúe, nestes animais, o exoesqueleto ou esqueleto externo propio dos animais invertebrados. Noutros casos, coma nos crustáceos, fálase de casca.

Adopta formas e características moi variables segundo o grupo ó que pertenzan na clasificación taxonómica e, nalgún caso, é interna ou chega a faltar. Pode estar formada por unha peza única ou por dúas ou máis pezas, móbiles entre si, chamadas valvas.

A cuncha é segregado polo manto, tegumento que recobre a masa visceral.

Lura

A lura, (Loligo vulgaris) tamén chamada lula nalgunhas partes de Galicia, e tamén lura común, ou lura europea (na bibliografía internacional) é, para moitos autores, un molusco cefalópodo coleoideo da superorde dos decapodiformes. orde dos téutidos e familia dos lolixínidos.Porén, outros autores sitúana na orde dos miópsidos.

Malacoloxía

A malacoloxía (do Grego μαλακός, "brando" e λογία, "estudo") é unha rama da zooloxía que se encarga do estudo dos moluscos. Os campos de investigación da malacoloxía inclúen taxonomía, ecoloxía, paleontoloxía e máis evolución. Os coñecementos da malacoloxía teñen aplicacións médicas, veterinarias e agrarias, e válese dos moluscos como mediadores de enfermidades, tal que a esquistosomiase.

O Museo do Mar do concello pontevedrés da Guarda alberga unha colección malacolóxica de máis de 20.000 pezas.

Marisco

O marisco inclúe unha ampla variedade de crustáceos, moluscos e equinodermos especialmente valorados para o seu consumo. Non se trata, realmente, dun concepto biolóxico senón gastronómico, e carece de calquera validez na taxonomía.

Mexillón

O mexillón (Mytilus galloprovincialis, Lamarck, 1819) é un molusco bivalvo comestible, moi apreciado polo seu interese económico e gastronómico, provisto dunha cuncha de cor negra azulada, formada por dúas valvas simétricas.

En condicións naturais medra formando colonias numerosas apegadas ás rochas, sempre en zonas de pouca profundidade e no límite das mareas, de modo que queda ó descuberto na baixamar. Actualmente é obxecto de cultivo cada vez más tecnificado, nuns artefactos flotantes chamados bateas.

Ostra

O nome de ostra é usado para grupos diferente de moluscos que medran maiormente en augas mariñas. As ostras verdadeiras pertencen á orde Ostreoida, familia Ostreidae.

Algunhas subespecies son capaces de producir perlas no transcurso do tempo, que se forman a partir de partículas que se sedimentan na ostra. Existen diferentes tipos de perla dependendo do sedimento acumulado.

A ostra é un prato común na cociña litoral galega e doutros sitios da Europa Atlántica, onde se serven crúas cun pouco limón. Salientan Vigo e Arcade (do concello de Soutomaior) como vilas tradicionalmente ostreiras .

Peteiro

O peteiro ou bico é unha formación córnea nas aves. Está composto polo maxilar superior e o maxilar inferior ou mandíbula.

O peteiro é o único xeito que teñen as aves para consumir alimentos. As aves non teñen dentes, así que engolen o seu alimento enteiro. A forma do pico dunha ave depende da súa dieta. Por exemplo, os papagaios usan os seus peteiros agudos para cascar froitas e noces, os colibrís teñen un peteiro en forma de tubo para extraer o néctar das flores. Noutras aves os machos emprégano para atraer ás femias (como o tucano e cálao). O do pelicano é longo, agudo e recto, para penetrar con pouca resistencia na auga, e cun pregue de pel no maxilar inferior para apañar nel peixes. As aguias e outras aves rapaces posúen o peteiro afiado e en forma de gancho, co fin de desgarrar doadamente a carne dos animais dos que se alimentan.

Os peteiros non son exclusivos das aves, pois estes tamén se atopan nos monotremas (ornitorrinco e equidna), tivérono algúns terápsidos antigos (como o listrosauro) e posúeno algúns moluscos cefalópodos coma as luras. Así mesmo, tamén se lle dá o nome de bico, ao fociño alongado e afiado dalgúns cetáceos, como, por exemplo, os golfiños e os zifios.

Polbo

Os polbos son moluscos mariños cefalópodos, formando a orde Octopoda, que significa "oito pés". Son animais mariños e carnívoros. Carecen de cuncha e a súa característica principal é unha coroa de oito tentáculos ou raxos na cabeza, arredor da boca, provistos de fortes ventosas. Como o resto dos cefalópodos, o polbo ten un corpo mol mais non ten esqueleto interno (como as luras) nin externo (como o náutilo). Como medio de defensa, o polbo posúe a capacidade de botar tinta (conseguida a través dos cromatóforos) e a autonomía dos seus tentáculos.

Veneroideos

A dos veneroides (Veneroida) é unha orde de moluscos bivalvos heterodontes que inclúe as especies de moluscos máis comúns, coma ameixas, berberechos, navallas etc.

Xeralmente teñen cunchas grosas, simétricas, e isomiarianas (isto é, os seus músculos abdutores son de igual tamaño).

Moitas especies son activas máis ca sésiles. Porén, tenden a ser filtradores, alimentándose a través de pares de sifóns, cunha característica estrutura branquial adaptada a este modo de vida.

Estudos recentes en sistemática molecular suxiren que esta orde non é monofilética. Se esta conclusión se sustenta, a orde presumibelmente será dividida noutras.

Vieira

A vieira (Pecten maximus, Linnaeus 1758) é un molusco bivalvo, moi apreciado comercialmente, caracterizado pola súa cuncha redonda de gran tamaño.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.