Mitoloxía grega

A mitoloxía grega comprende a colección de lendas sobre deuses gregos e heroes antigos, orixinariamente creada e difundida dentro da tradición oral e poética desta antiga civilización do Mediterráneo oriental. As fontes supervivintes da mitoloxía grega son transcricións destas narracións faladas, ou ben revisións literarias posteriores. Aínda que os gregos non practicaban a relixión, coñecían estas historias que formaban parte do seu acervo cultural.

Zeus Otricoli Pio-Clementino Inv257
Busto de Zeus. (Sala Rotonda, Museo Pio-Clementino, Cidade do Vaticano).

Historia

Dirck van Baburen - Prometheus Being Chained by Vulcan Rijksmuseum SK-A-1606
Prometeo rouboulles o lume aos deuses

Nas diversas lendas, historias e himnos, os deuses da Grecia antiga son case todos descritos como humanos en aparencia, aínda que non envellecen, son case inmunes a todas as feridas e enfermidades e capaces de tornarse invisibles, viaxar grandes distancias case instantaneamente e falar a través dos seres humanos con ou sen o seu coñecemento. Cada deidade tiña a súa aparencia específica, xenealoxía, intereses, personalidade e área de especialidade. Porén, estas descricións sufrían variacións locais que non sempre concordaban coas empregadas noutras partes do mundo helénico da época. Cando se aludía a eles na poesía ou na oración, facíase mediante unha combinación do seu nome e epítetos, servindo estes para identificalos polas devanditas distincións do resto dos deuses.

Nas lendas, estes seres son descritos coma unha longa familia multixeracional. Os seus membros máis vellos crearon o mundo tal e como o coñecemos. Os deuses da xeración máis recente (e relevante) para a antiga relixión grega aparecéranse en persoa aos gregos, segundo se describe nos poemas épicos durante a "idade dos heroes", o que se entende como unha referencia á arcaica idade escura (sobre 1200 a 800 a.C.) que precedeu á civilización clásica grega. Proporcionaron aos belicosos antepasados un número limitado de milagres, ensinándolles unha selección de habilidades útiles ademais dos métodos de adoración aos deuses, premiaron a virtude e castigaron o vicio, e enxendraron fillos con humanos. Estes nenos metade humanos metade deuses son coñecidos como "os heroes", e ata o establecemento da democracia os seus descendentes reclamaban o dereito a gobernar sobre a base da súa divina ascendencia e presunta habilidade divinamente herdada de gobernar ben.

Os deuses do panteón grego adoptaban figuras humanas e personificaban as forzas do Universo. Igual que os homes, os deuses helenos eran impredecibles e por iso unhas veces tiñan un sentido estrito da xustiza e outras eran crueis e vingativos. O seu favor alcanzábase por medio dos sacrificios e da piedade, pero estes procedementos non eran sempre efectivos posto que os deuses eran moi volubles.

A mitoloxía grega comparte unha estreita similitude coa romana, canto ao nome de varios deuses e personaxes de importancia. Tamén se relacionan no aspecto mitolóxico da relixión: crenzas, tradicións e todo o ligado ou referente a mitoloxía.

A natureza da mitoloxía grega

Aínda que todas as culturas teñen as súas propias mitoloxías, o devandito termo é de cuñaxe grega grega e tiña un significado especializado dentro da súa cultura.
O termo grego mythologia compúñase de dúas palabras mythos, un discurso ritualizado e logos, un argumento ou historia convincente e ordenada.

Orixinalmente, entón, a mitoloxía é unha tentativa de traer sentido ás narrativas estilizadas que os gregos recitaban en festivais, borboriñaban en locais sagrados e espallaban en banquetes de aristócratas.

Visión xeral

O espectro da mitoloxía grega é enorme. Abranxe desde os crimes máis crueis dos primeiros deuses e as sanguentas guerras de Troia e Tebas, á infancia de Hermes e o sufrimento de Demetrio por Perséfone.

Do mesmo xeito que os seus veciños, os gregos acreditaban un panteón de deuses e deusas que se asociaban a aspectos específicos da vida. Afrodita, por exemplo, era a deusa do amor, mentres que Ares era o deus da guerra e Hades o dos mortos.

Algunhas deidades como Apolo e Dioniso revelaban personalidades complexas e unha variedade de funcións, en canto outros como Estia (literalmente "lar") e Helios ("sol") eran pouco máis que personificacións. Existían tamén deidades de lugares específicos, como deuses de ríos e ninfas de nacentes e cavernas. Tumbas de herois e heroínas locais eran igualmente veneradas.

A pesar de que centenas de seres puideran ser considerados deuses ou herois, algúns non representaban máis que folclore ou eran honrados soamente en lugares (Trophonius) e/ou festivais específicos (Adonis).

Rituais de maior abranxencia e os grandes templos eran dedicados, na súa maioría, a un selecto círculo de deuses, notadamente os doce do Olimpo, Heracles e Asclepio. Estas deidades eran o foco central dos cultos pan-Helenicos.

Moitas rexións e vilas tiñan os seus propios cultos ás ninfas, deuses menores ou aínda a herois e heroínas descoñecidos noutros lugares. A maioría das cidades adoraban os deuses maiores con rituais peculiares e tiñan para estes lendas igualmente propias.

A mitoloxía na literatura clásica grega

A mitoloxía foi unha fonte básica de inspiración para os autores gregos, desde Homero na épica coa Odisea e a Ilíada ata as grandes Traxedias gregas, con Sófocles e Eurípides. Dentro desta influencia da mitoloxía na literatura destacan a saga troiana (Aquiles, Ulises, Heitor, Paris, Helena, Agamenón, Menelao, Ifixenia...) e a saga tebana (Edipo, Iocasta, Antígona...)

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Amazonas (mitoloxía)

As amazonas (grego: Ἀμαζόνες, Amazónes, singular Ἀμαζών, Amazōn), eran unha nación de mulleres guerreiras na mitoloxía grega e na Antigüidade clásica. Heródoto situounas na rexión de Escitia, en Sarmatia (territorio moderno de Ucraína). Outros historiadores sitúanas en Asia Menor, ou tamén en Libia.Raíñas notábeis das amazonas foron Pentesilea, que participou na Guerra de Troia, e a súa irmá Hipólita, cuxo cinto máxico, agasallo do seu pai Ares, foi o obxecto dun dos traballos de Heracles. As guerreiras amazonas foron representadas en batallas contra guerreiros gregos en amazonomaquias da arte clásica.

Belerofonte

Belerofonte (Βελλεροφῶν) ou Belerofontes (Βελλεροφόντης) é un heroe da mitoloxía grega. Foi "o máis grande heroe asasino de monstros, xunto con Cadmo e Perseo, antes dos días Heracles", cuxa máis grande fazaña foi acabar coa quimera, un monstro que Homero describiu con testa de león, corpo de cabra e rabo de cobra: "o seu alento saíu en terribles explosións de lume ardente". Era fillo da mortal Eurínome e de Glauco, ou Poseidón.

Centauro

Na mitoloxía grega, os centauros (en grego Κένταυρος Kéntauros, «matador de touros», «cen fortes», plural Κένταυροι Kéntauroi; en latín Centaurus/Centauri) son unha raza de seres co torso e cabeza de humano e o corpo de cabalo.

Vivían nas montañas de Tesalia e eran fillos de Ixión e Néfele, a nube de chuvia. Alternativamente, considerábanse fillos de Kentauros (o fillo de Ixión e Nefele) e algunhas eguas magnesias, ou de Apolo e Hebe. Ás veces cóntase que Ixión planeaba manter relacions sexuais con Hera, pero Zeus, o seu marido, evitouno moldeando unha nube coa forma de Hera. Posto que Ixión é normalmente considerado o devanceiro dos centauros, pode facerse referencia a eles poeticamente como Ixiónidas.

Deidades do mar da mitoloxía grega

Os antigos gregos tiñan diversas deidades do mar. O filósofo Platón dixo dos gregos que eran coma ras sentadas arredor dunha poza, con tódalas súas cidades na costa do Mediterráneo, dende a Grecia antiga ata Asia Menor, Libia, Sicilia e o sur de Italia. Por este motivo, veneraban a unha gran cantidade de deuses acuáticos. Os deuses do mar gregos da era clásica abranguían dende os deuses primordiais e olímpicos por unha banda, ata os heroes, ctónicos ninfas, tricksters e monstros por outra.

Debido a que o mar foi un factor importante ó longo da historia grega, unha gran cantidade do pensamento moral, cosmolóxico e mitopoético envolve as súas divindades.

Deidades primordiais da mitoloxía grega

As deidades primordiais son unha serie variable de deidades que aparecen nas cosmogonías e teogonías da mitoloxía grega. Segundo os mitos, existiron nos inicios do mundo, xeralmente identificadas con elementos ou principios naturais. Esas deidades son o grupo orixinal a partir do cal descenden tódolos demais deuses. Precederon ós titáns, descendentes de Gaia e Urano.

Dragóns na mitoloxía grega

Os dragóns (δράκων, drákōn do verbo δέρκομαι (dérkomai : ver, ollar ou fitar) son unhas criaturas das antigas mitoloxías grega e latina con aparencia de cobras. A diferenza dos dragóns medievais, estes non poden ser asimilados, non teñen patas, nin ás e tampouco son quen de botar lume.

Nos mitos, estas criaturas monstruosas adoitan ser consagradas polos deuses como gardiáns de tesouros e lugares sagrados. O termo drákōn dos textos gregos refírese ó mesmo tempo á cobra xigante e ó gardián. Este dobre senso salienta o papel de vixilancia atribuído a estas criaturas míticas.É preciso diferenciar ben os drákontes da mitoloxía grecolatina dos dragón do imaxinario popular actual. Os textos antigos describen ós dragóns como cobras de gran tamaño que posúen un atributo fabuloso e característico que os diferencia, como un sopro envelenado ou un gran número de testas. Estas criaturas tamén poden ser citadas nos textos antigos polo nome d'ὄφις (óphis): cobra en grego. Deste xeito, na Teogonía de Hesíodo, Ladón é chamado pola perífrase δεινὸν ὄφιν, cobra terrible .

Gaianismo

O gaianismo é unha filosofía aberta e inclusiva e xurdiu da espiritualidade e de diversas expresións relixiosas. O termo describe unha filosofía e visión ética do mundo, o cal implica unha devoción transracional do Planeta Terra como un superorganismo. Baséase no coñecemento intuitivo da humanidade, produto da conexión intrínseca coa Terra, tamén chamada Gaia. Gaia era orixinalmente un dos titáns gregos, que simbolizaba á Terra. Tódolos titáns, deuses e criaturas da mitoloxía grega foron creados por ela.

O gaianismo baséase na creza de que a Terra posúe unha personalidade como organismo vivo que pasou un proceso de billóns de anos de evolución.

Medusa (mitoloxía)

Na mitoloxía grega, Medusa ("gardiana, protectora") era un monstro, unha gorgona, xeralmente descrita como unha muller con cobras velenosas no canto do cabelo. Ollar directamente a ela convertía á xente en pedra. Varias fontes descríbena como filla de Forcis e Ceto, mais o autor Hixino (Fabulae, 151) interpón unha xeración e dá a Medusa outro par de pais ctónicos.

Medusa foi decapitada polo heroe Perseo, que posteriormente usou a súa testa como unha arma ata que lla deu á deusa Atenea para que a puxese no seu escudo. Na antigüidade clásica, a imaxe da cabeza de Medusa aparecía no obxecto protector do mal coñecido como Gorgoneion.

Minotauro

Na mitoloxía grega, o Minotauro era unha criatura con corpo de home e cabeza de boi. El vivía no Labirinto elaborado e construído polo rei Minos de Creta. O labirinto fora deseñado polo arquitecto Dédalo para manter ao Minotauro. Finalmente o Minotauro foi morto por Teseo.

"Minotauro" en grego significa "Touro de Minos". O touro tamén era coñecido como Asterio ou Asterión, un nome compartillado co pai adoptivo de Minos.

Mitoloxía romana

A mitoloxía romana está formada polas lendas e os mitos da relixión politeísta practicada na Roma antiga. A maioría das divindades do panteón romano proveñen de Grecia con deuses que suplantaron as divindades locais con algunhas raras excepcións. Por esta razón algúns artigos dedicados ós deuses romanos de orixe grega poden ser tratados coma exactos ós seus equivalentes gregos.

Moiras

Este artigo trata sobre as personaxes mitolóxicas, para a auga saturada de sal, véxase o artigo moira.

Nome dado na mitoloxía grega ás tres irmás e deusas que rexen o Destino dos homes, equivalentes ás Parcas romanas.

Monte Olimpo, Grecia

O monte Olimpo (que significa o luminoso) é a montaña máis alta de Grecia, e dos Balcáns xunto ó Musala de Bulgaria, ambos con 2 925 metros de altitude.

A mitoloxía grega situaba no Olimpo o fogar dos deuses olímpicos, os principais deuses do panteón grego. Os gregos crían que nel había construídas mansións de cristal na que moraban os deuses.

Existen máis montañas con este nome en todo o mundo, unhas dezaoito, ademais dun volcán marciano.

Ninfa (mitoloxía)

Na mitoloxía grega, unha ninfa é un ser mitolóxico membro dun grande grupo de espíritos femininos da natureza, ás veces unidos a un lugar ou orografía particular. As ninfas adoitaban acompañar a varios deuses e deusas, e eran con frecuencia o obxectivo de sátiros luxuriosos.

As ninfas son as personificacións das actividades creativas e alentadoras da natureza. A palabra grega νύμφη significa "noiva" e "virxe", entre outras cousas; ou sexa, unha muller en idade casadoira. Outros fan referencia a esta palabra (e tamén á latina nubere e mais á alemá Knospe) como unha raíz que expresa a idea de ‘crecer’ (segundo Hesiquio de Alexandría, un dos significados de νύμφη é ‘botón de rosa’). O lar das ninfas está nas montañas e arboredas, nos mananciais e ríos, nos vales e nas frías grutas. Con frecuencia son o séquito de divindades superiores: de Ártemis a cazadora, de Apolo o profeta, do esmorgueiro e deus das árbores Dioniso, do mensaxeiro Hermes e tamén de deuses rústicos como Pan, deus dos pastores.

Selene

Representa á Lúa na mitoloxía grega, é filla dos titáns Hiperión e Tía, e irmá de Helios (o Sol) e de Eos (a aurora). Era representada como unha muller xove que percorría o ceo nun carro de prata tirado por dous cabalos brancos.

Conta a lenda, que en certa ocasión namorou dun pastor chamado Endimión, e pediulle a Zeus que lle concedera un desexo. Este aceptou e Endimión pediu durmir eternamente, e só ser despertado nas visitas da súa amada Selene.

Titán (mitoloxía)

Os titáns, masculino, e titánides, feminino, eran deidades da mitoloxía grega, nacidos da unión entre Gaia e Urano. Foron derrotados xunto ao seu irmán, Cronos, na loita que mantiveron con Zeus polo poder.

Triptólemo

Na mitoloxía grega, Triptólemo (en grego antigo Τριπτόλεμος) era un semideus e un heroe que aprendeu de Deméter a arte da agricultura e á súa vez ensinóullela ós gregos. Sempre relacionado coa Deméter dos misterios eleusinos que perduraron no mundo grego e romano ata a era cristiana, puide ser igualmente considerado fillo do rei Céleo e da raíña Metanira de Eleusis en Ática ou, segundo Pseudo-Apolodoro, fillo de Gaia e Océano (outro xeito de dicir que era o «home primordial»).

Ventos (mitoloxía)

Na antiga relixión e na mitoloxía gregas, os Anemoi (grego: Ἄνεμοι, "Ventos") foron deuses dos ventos que tamén estaban adscritos a un punto cardinal, dende o que proviñan os seus ventos, e tamén foron asociados ás diferentes estacións e condicións meteorolóxicas. Foron representados como meros refachos de vento, personificados como homes con ás, e tamén como cabalos nas cortes da tormenta do deus Eolo, que proveeu a Ulises cos Anemoi durante a Odisea. Os espartanos foron rexistrados sacrificando un cabalo ós ventos no Monte Taixeto. Eolo e Eos, a deusa do amencer, eran os pais dos Anemoi segundo o poeta Hesíodo.

Dos catro ventos xefe , Bóreas (Aquilo en latín) era o vento do norte que traía o ar frío do inverno, Noto era o vento do sur que traía as treboadas de verán e outono, Céfiro era o vento do oeste que traía o ar da primavera e as brisas de verán; e Euro, o vento do leste, non estaba asociado a ningunha das tres estacións gregas, e é o único dos catro que non é mencionado na Teogonía de Hesíodo ou nos himnos de Orfeo. Ademais, había outros catro ventos menores asociados ó nordeste, sueste, noroeste, e suroeste.

As deidades equivalentes ós Anemoi na mitoloxía romana eran os Venti. Malia teren nomes diferentes, eran moi semellantes ós gregos pois mantiñan os seus atributos.

Xigantes (mitoloxía grega)

Os xigantes son os fillos de Gaia e Urano, que se rebelaron contra os deuses e tentaron ocupar o Olimpo. Foron derrotados na guerra dos Xigantes (Xigantomaquia) polos deuses, que contaron coa axuda de Heracles, xa que os Xigantes só podían morrer polos golpes aunados dun deus e un mortal.

Zeus

Na mitoloxía grega Zeus (en lingua grega Ζεύς), Zeús Kroniōn («descendente de Crono») ou Dias (Δίας, «rei divino») foi o líder dos deuses e o deus do ceo e mais do trono.

Deus supremo da relixión grega, Zeus, Xúpiter para os romanos, foi fillo de Cronos e de Rea, pai dos deuses e dos homes. Cronos devoraba a tódolos fillos que lle daba a súa muller, quen ao estar embarazada de Zeus fuxiu, para salvalo, á illa de Creta, onde tivo o seu fillo e retornou ao Olimpo, simulando alí un segundo parto. A Cronos entregoulle unha pedra envolta en teas, simulando ser un meniño, e aquel tragouno sen decatarse do engano.

Mitoloxía e relixión gregas
Relixións e cultos
Grupos
Deuses olímpicos
Outras deidades maiores
Heroes
Ritos e prácticas
Lugares sagrados

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.