Mitoloxía galesa

A mitoloxía galesa son os mitos e lendas propias do pobo galés. Componse en parte das tradicións folclóricas desenvolvidas en Gales, e por polas tradicións britanas anteriores ó final do primeiro milenio. Moitos dos contidos pertencen ó período pre-cristián, que sobreviviron nunha forma alterada a través de manuscritos medievais galeses como o Libro Vermello de Hergest, o Libro Branco de Rhydderch, o Libro de Aneirin e o Libro de Taliesin.

As historias en prosa dos libros Branco e Vermello son coñecidas como Mabinogion, un título dado polo seu primeiro tradutor, Lady Charlotte Guest, e tamén usado polos tradutores posteriores. Poemas como Cad Goddeu (A batalla das árbores) e listas de textos mnemotécnicos como as Tríades da Illa de Bretaña e os Trece Tesouros da Illa de Bretaña, tamén conteñen material mitolóxico. Estes textos tamén inclúen partes da Materia de Bretaña e a historia tradicional da Bretaña romana.

Outras fontes son a compilación histórica en latín do século IX Historia Britonum (A historia dos bretóns) e a crónica do século XII de Geoffrey de Monmouth Historia Regum Britanniae (A historia dos Reis de Bretaña), así como folclore posterior como The Welsh Fairy Book de W. Jenkyn Thomas 1908.

A historia galesa, antes da invasión romana, era transmitida oralmente polos druídas ós seus aprendices. Debido ás invasións por parte dos romanos e saxóns, a historia e a mitoloxía confúndense por falta de fontes escritas.

Calan Gaeaf

Calan Gaeaf é o nome do primeiro día de inverno en Gales, o 1 de novembro. A noite anterior é chamada Nos Galan Gaeaf, un Ysbrydnos, ou "noite dos espíritos", na que os espíritos están entre os vivos. Durante esta data, a xente evita ir ós cemiterios e ás encrucilladas de camiños, xa que os espíritos adoitan reunirse neses lugares.

Calan Mai

Calan Mai ou Calan Haf é unha festividade celebrada en Gales o 1 de maio que festexa o primeiro día de verán. As celebracións comezan antes do solpor, coñecido como May Eve, con fogueiras; e coma no Calan Gaeaf, a noite anterior (Nos Galan Mai) é unha Ysbrydnos, ou "noite dos espíritos", momento no cal andan fóra e é posible practicar a arte da adiviñación. A tradición do acendido das fogueiras faise anualmente no sur de Gales dende mediados do século XIX. É o equivalente galés da festa goidélica da Beltane.

Elffin ap Gwyddno

Na mitoloxía galesa, Elffin ap Gwyddno (en galés, tamén pode escribirse Elphin) era fillo de Gwyddno Garanhir, 'Señor de Ceredigion'. A aparición máis antiga do nome está nalgúns dos poemas mitolóxicos atribuídos a Taliesin no Libro de Taliesin. A data da súa composición é insegura pero probabelmente é anterior á conquista normanda. Composicións medievais posteriores refírense a Elffin e Taliesin con maior detalle.

O nome de Elffin/Elphin podería ser cognado de dúas palabras irlandesas "Aill Fion" que significan "Cantil Brillante" ou "Rocha Brillante".

Epona

Epona é a deusa celta dos cabalos, da fertilidade e da natureza, asociada coa auga, a curación e a morte indistintamente, comparable a Cibeles. É orixinal da mitoloxía gala, e en Irlanda é coñecida como Edain. O seu equivalente na mitoloxía galesa é Rhiannon, esposa de Pwyll, obrigada a levar ás visitas do seu marido en forma de egua ata o interior do palacio. Tamén é coñecida coma Rosette[Cómpre referencia].

A súa asociación coa morte débese á antiga crenza de que os cabalos eran guías de almas, dun ao outro mundo. Ás veces, tamén por esta asociación, represéntase cunha chave, un mapa ou un plano, para guiar os mortos cara o ceo.

No mundo dos videoxogos, en honor a esta deusa, a egua de Link de The Legend of Zelda leva o mesmo nome, Epona.En Roma o culto estaba moi estendido grazas aos lexionarios situados na Galia, Hispania, Britania, Danubio e en Italia.

Excalibur

Excalibur é o nome máis aceptado da espada lendaria do Rei Artur, á que se atribuíron diferentes propiedades extraordinarias ao longo das numerosas versións do mito e as historias subseguintes.

Orixinalmente recibiu outros nomes: Caliburn, nos escritos de Geoffrey de Monmouth; e Caledfwlch, en antigas narracións galesas como Culhwch ac Olwen. Esta última é unha palabra que deriva do gaélico antigo "caladbolg", que significaría "espada escintilante".

A partir das narracións de ficción baseadas no mítico personaxe do Rei Artur, a espada Excalibur ten diversas historias asociadas.

Geraint fillo de Erbin

Geraint fillo de Erbin é un poema medieval galés que honra ao heroe Geraint e as súas fazañas na Batalla de Llongborth. O poema consiste en estanzas tipo englyn de tres versos cada unha e persiste en varias versións, todas en galés medio. A versión máis vella das que temos está no Libro Negro de Carmarthen, completado sobre 1250, malia o poema poder ter sido composto no século X ou no XI. o poema é importante pola súa antiga mención do nome do rei Arturo.

Gwyddno Garanhir

Gwyddno Garanhir foi un rei lendario do reino galés de Meirionydd e fillo de Gwrin Farfdrwch.

Segundo a tradición, tería perdido unha gran parte do seu reino, que o océano Atlántico tería asolagado. Este territorio, chamado Maes Gwyddno, estaría protexido por un dique. Mererid, un ha moza deixou abertas as comportas e o mar ocupou esta terra. Tamén lle botan a culpa a Seithenyn, o gardián do dique que esqueceu pechar as comportas no medio dunha borracheira.

Gwyddno Garahnhir tería casado con Ystradwen e tería tido sete fillos: Idris, Rhun, Dyfnwal, Eifionydd, Elffin, Sandde e Edern.

O seu fillo Elffin foi quen tería salvado ao bardo Taliesin de neno.

Gŵyl Fair y Canhwyllau

Gŵyl Fair y Canhwyllau (en galés, "Festa das candeas de Mary") é o nome dunha festividade galesa celebrada o 2 de febreiro. É o equivalente galés da festividade goidélica do Imbolc. É unha variación da cerimonia pre-protestante das candeas levadas nunha procesión. A cerimonia cristiá está inspirada nos festivais pagáns da chegada da primavera, e algúns dos vellos ritos que continuaron en partes de Gales suxiren un ritual mesmo máis antigo.

Kigva

Kigva (ou Cigva), na mitoloxía celta galesa, é a muller de Pryderi, o príncipe de Dyved; é filla de Gwyn Gloyw. Aparece principalmente na segunda e terceira rama do Mabinogi: O Mabinogi de Branwen e Manawydan Mac Llyr.

Lir

Lir ou Ler (mar en irlandés antigo) é o deus do mar na antiga relixión irlandesa. Chámase Allód nas xenealoxías máis antigas e correspóndese co Llŷr da mitoloxía galesa. Lir é unha figura clave, coñecido sobre todo como o pai de Manannan mac Lir, que aparece repetidas veces na literatura medieval irlandesa.

Lleu Llaw Gyffes

Lleu Llaw Gyffes (pronuncia galesa: [ˈɬəɨ ˈɬau ˈɡəfes], é unha figura da mitoloxía galesa que aparece na cuarta póla dos Mabinogion, Math fab Mathonwy. É o equivalente do Lugh irlandés e do Lugus galo.

Llyfr Du Caerfyrddin

O Libro negro de Carmarthen, (en lingua galesa Llyfr Du Caerfyrddin), é probabelmente o manuscrito medieval conservado máis antigo redactado enteiramente en galés. Escrito sobre o 1250, o libro porta o nome da capital do Carmarthenshire, Carmarthen (Caerfyrddin en galés), mentres que a cor negra se refire á tonalidade da encadernación. Está depositado na Biblioteca Nacional de Gales, onde está catalogado como NLW Peniarth MS 1.

O libro é unha escolma de textos poéticos divididos en varias categorías. Hai poemas con temas relixiosos e odas á oración e o loito. Para os estudosos, o maior interese deste manuscrito son os poemas sobre as tradicións e as referencias á mitoloxía galesa, así como os heroes e o Hen Ogledd. Tamén teñen especial importancia os conectados coa lenda do Rei Artur e Merlín. Un dos poemas, Gereint fil erbin, fai referencia á Batalla de Llongborth, cuxa localización nunca puido ser sinalada, e na que se menciona a participación de Artur.

Publicouse recentemente no xornal de Carmarthen a posibilidade de aloxar o "Libro negro" na súa cidade, polo que podería ser visto pola xente do lugar e polos turistas.

Mabinogion

Os Mabinogion ou as Catro Ramas do Mabinogi (Pedair Cainc y Mabinogi en galés) son catro textos medievais (chwedl ou cyfarwyddyd, palabras que significan conto), escritos en galés medio (o galés do século XII ao XVI), que fan referencia á mitoloxía celta da Antigüidade. Tradicionalmente vénselles engadindo outros contos que tratan da lenda artúrica. A palabra Mabinogion é o plural de Mabinogi. Téñense dado diversas explicacións sobre o sentido da palabra, pero pode ser que veña do nome do deus Mabon (Maponos na Galia) que figura no conto Kulhwch e Olwen, e que forma parte da mesma colección. Os catro relatos titúlanse: Pwyll, príncipe de Dyfed, O Mabinogi de Branwen, Manawydan fillo de Llyr e Math fillo de Mathonwy.

Mabon ap Modron

Mabon ap Modron (Mabon fillo de Modron) é na mitoloxía galesa, o «fillo divino» de Modron, a «nai divina», e de Gwynn ap Nudd. Deus cazador, é o equivalente do deus galo Maponos e do deus irlandés Oengus, membro dos Tuatha Dé Danann. Aparece especialmente no conto titulado Kulhwch ac Olwen.

Magno Máximo

Magno Clemente Máximo (latín: Magnus Maximus), nado en Hispania, c. 335-40 e morto en Aquileia o 28 de agosto de 388, foi un usurpador romano que gobernou na pars occidentalis do Imperio romano desde 383 ata a súa morte.

Matholwch

Na mitoloxía celta, Matholwch é o rei de Iwerddon (Irlanda). É coñecido sobre todo por ser un dos protagonistas da segunda rama do Mabinogi : «O Mabinogi de Branwen». Casa con Branwen, filla de Llyr, para selar a paz co País de Gales, pero a historia ha rematar cunha guerra.

Morfran (bardo)

Morfran é o nome dun bardo galés antigo do que só coñecemos unha referencia nun poema de Cynddelw Brydydd Mawr (poeta do século XII).

Segundo Rachel Bromwich podería ser a mesma persoa que na mitoloxía galesa aparece como Morfran eil Tegid, que aparece no Hanes Taliesin (historia de Taliesin).

Taliesin

Taliesin, nado contra o ano 534 e finado en 599, foi un poeta britón do período posromano de Britania cuxa obra sobreviviu probabelmente nun manuscrito do galés medio, o Libro de Taliesin. Taliesin foi un bardo de sona que se cre que cantou nas cortes de polo menos tres reis célticos britóns.

Como máximo once dos poemas que se conservan foron datados no século VI, polo que se adscriben ao Taliesin histórico. A maior parte desta obra loa o rei Urien de Rheged e o seu fillo Owain mab Urien, aínda que varios dos poemas indican que tamén serviu como bardo da corte do rei Brochfael Ysgithrog de Powys e o seu sucesor Cynan Garwyn, quer antes quer durante o súa permanencia na corte de Urien. Algúns dos acontecementos aos que se refiren os poemas, tales como a Batalla de Arfderydd (c. 583), aparecen mencionados noutras fontes.

O seu nome, escrito Taliessin nos Idylls of the King de Alfred, Lord Tennyson e nalgunhas obras subsecuentes, significa "cella brillante" en galés medio. na lenda e na poesía medieval galesa aparece mencionado como Taliesin Ben Beirdd ("Taliesin, Xefe de Bardos" ou xefe dos poetas). Aparece mencionado como un dos cinco poetas britóns de renome, xunto con Talhaearn tad Awen ("Talhaearn Pai da Musa"), Aneirin, Blwchfardd, e Cian Gwenith Gwawd ("Cian Trigo de Canción"), na Historia Brittonum, e tamén se menciona na colección de poemas coñecida como Y Gododdin. Taliesin foi moi ben considerado a mediados do século XII como o suposto autor dun gran número de lendas románticas.Segundo a lenda, Taliesin foi adoptado de neno por Elffin, o fillo de Gwyddno Garanhir, e profetizou a morte de Maelgwn Gwynedd pola febre amarela. En historias posteriores converteuse nun heroe mítico, compañeiro de Bran o Bendito e o rei Artur. A súa biografía lendaria atópase en varios documentos tardíos (ver máis abaixo; a narración máis antiga que chegou ata nós está nunha crónica manuscrita da historia do mundo escrita por Elis Gruffydd a mediados do século XVI).

Tríades da Illa de Bretaña

As Tríades galesas (en galés: Trioedd Ynys Prydein), literalmente "Tríades da Illa da Britania") son un grupo de textos relacionados en manuscritos medievais, que preservan fragmentos do folclore, da mitoloxía e da historia tradicional galesa en grupos de tres. A tríade é unha forma retórica pola qcal os asuntos se agrupan en grupos de tres, cun título que indica o punto de semellanza. Por exemplo, "Tres cousas non facilmente contidas, o fluxo dunha corrente, o voo dunha frecha, e a lingua dun tolo".

Antigos celtas
Estudos celtas
Celtas modernos
Rexurdimento celta
Linguas
Festivais
Listas

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.