Minotauro

Na mitoloxía grega, o Minotauro era unha criatura con corpo de home e cabeza de boi. El vivía no Labirinto elaborado e construído polo rei Minos de Creta. O labirinto fora deseñado polo arquitecto Dédalo para manter ao Minotauro. Finalmente o Minotauro foi morto por Teseo.

"Minotauro" en grego significa "Touro de Minos". O touro tamén era coñecido como Asterio ou Asterión, un nome compartillado co pai adoptivo de Minos.

Minotaur
Teseo batalla co Minotauro

A Historia

Antes de se tornar rei, Minos pediu ao deus grego Poseidón un sinal, para asegurarlle que el, e non seu irmán, asumiría o trono. Poseidón concordou en enviar un touro branco coa condición de que Minos sacrificaría o touro de volta ao deus. De feito, un touro, de inconmensurábel beleza, saíu inexplicabelmente do mar. O rei Minos, despois de velo, achouno tan belo que, no canto del, sacrificou outro touro, esperando que Poseidón non o notase. Poseidón ficou bastante furioso cando se decatou do que fixera, entón el fixo con que a muller de Minos, Pasífae, fose dominada por unha loucura en que ela se apaixonou polo touro. Pasífae foi ata Dédalo en busca de asistencia, e inventou unha maneira de satisfacer as súas paixóns. El construíu unha vaca oca de madeira e cubriu a Pasífae coa pel de vaca para que o touro puidese montar nela. O resultado desa unión foi o Minotauro. Nalgunhas consideracións, o touro branco tornouse o Touro de Creta, capturado por Heracles nun dos seus traballos.

O Minotauro tiña o corpo dun home e a cabeza e a cola dun touro. Era unha criatura salvaxe, e Minos, despois de recibir un consello do Oráculo de Delfos, mandoulle a Dédalo construír un labirinto xigante para conter o Minotauro. Este estaba localizado baixo o palacio de Minos en Cnossos.

Porén ocorreu que Androxeo, fillo de Minos, foi morto polos atenienses, que envexaban as vitorias que el posuía no festival panatenaico. Para vingar a morte do seu fillo, Minos declarou guerra contra Atenas e venceu. El entón demandou que sete rapaces atenienses e sete damas atenienses fosen enviados a cada nove anos para seren devorados polo Minotauro. Cando o terceiro sacrificio veu, Teseo apuntouse voluntario par ir e matar o monstro. Ariadna, filla de Minos, apaixonouse por Teseo e o axudou entregándolle unha bola de liña de costurar para que el puidese escapar do labirinto. Teseo matou o Minotauro (cunha espada máxica que Ariadna lle dera) e liderou os outros atenienses para fóra do labirinto [1]

Minos, irado por que Teseo conseguiu escapar, aprisionou a Dédalo e o seu fillo Ícaro no labirinto. Eles conseguiron escapar construíndo azas para si mesmos, porén Ícaro morreu durante a fuga.

Algunhas veces o Minotauro represéntase como un touro con torso humano no canto da cabeza, como unha versión taurina do Centauro.

Notas

  1. Plutarco, Teseo, 15—19; Diodoro Sículo i. I6, iv. 61; Pseudo-Apolodoro iii. 1,15.

Véxase tamén

Outros artigos

  • Liontauro
  • Cherub
Afrodita

Afrodita é a deusa grega do amor e da beleza. Nacida da escuma do mar de Chipre, segundo Hesíodo, ó ser fecundado polos xenitais do Ceo/Urano, botados polo seu fillo Crono/Saturno despois de castralo.

Durante o xuízo de Paris, nada puido a maxestade da deusa Hera nin a belicosidade de Atenea fronte á súa sedutora beleza, e Paris concedeulle a mazá de ouro como premio á fermosura. Foi a protectora de Paris e de Troia, e logo do heroe latino Eneas, o fillo de Anquises e fundador simbólico de Roma. É tamén a fecundidade na natureza vexetal e animal. O seu fillo é Eros -o latino Cupido- caprichoso frecheiro de dous dardos: un para os amores felices, e o outro para os desgrazados.

Os seus poderes eran inmensos: protexía aos esposos, fecundaba os fogares, estaba presente nos partos, simbolizaba a paixón desenfreada, incitaba aos mortais a toda clase de voluptuosidades e vicios.

A illa de Citeres era o centro do seu culto.

Afrodita tiña o seu propio festival, as Afrodisias, celebradas en toda Grecia, pero sobre todo en Atenas e Corinto.

O seu equivalente romano era Venus, Ishtar en Mesopotamia, Ashtart en Fenicia, Turan en Etruria.

Por mor da súa fermosura, Zeus temía que puidese ser causa de violencia entre os deuses, polo que a casou con Hefesto, pero a infelicidade do seu matrimonio causou que buscase compañía noutros deuses, especialmenteAres, pero tamén Adonis, Anquises e moitos outros.

Apolo

Apolo é un deus da mitoloxía grega, deus do Sol e de tódalas artes en xeral. Fillo de Zeus e de Latona, naceu na illa de Delos. Asentouse no santuario de Delfos, tras dar morte a serpe Pitón, e estableceu alí o seu principal oráculo como deus da adiviñación e a mántica. É tamén o deus da música, a medicina e a poesía e como tal preside o coro das nove Musas, que viven no monte Helicón. A súa beleza era extraordinaria, aínda que ningún mortal o vira nunca, xa que a luz que desprendía deixaba cego a quen o mirara. É tamén o nome que recibiu a misión da NASA que levou ó home á Lúa (Apollo program).

Arwen

Arwen (traducido do sindarin como «doncela nobre»), tamén chamada Undómiel («estrela da tarde»), é un personaxe ficticio que forma parte do legendarium creado polo escritor británico J. R. R. Tolkien e que aparece na súa novela O Señor dos Aneis. É unha peredhil ou medio elfa, filla de Elrond e Celebrían, irmá de Elladan e Elrohir e tataraneta de Lúthien Tinúviel.Durante séculos viviu entre Valfendido, o refuxio e fogar do seu pai, e Lothlórien, a terra natal da súa nai. Uns anos antes de que rematase a Terceira Idade do Sol, época na que se desenvolve a novela, coñeceu ó dúnedain Aragorn nos bosques de Valfendido e namoráronse o un do outro. Por el renunciou á inmortalidade propia da súa metade élfica para converterse na súa esposa e na raíña consorte do Reino Unificado de Gondor e Arnor trala Guerra do Anel.

Belerofonte

Belerofonte (Βελλεροφῶν) ou Belerofontes (Βελλεροφόντης) é un heroe da mitoloxía grega. Foi "o máis grande heroe asasino de monstros, xunto con Cadmo e Perseo, antes dos días Heracles", cuxa máis grande fazaña foi acabar coa quimera, un monstro que Homero describiu con testa de león, corpo de cabra e rabo de cobra: "o seu alento saíu en terribles explosións de lume ardente". Era fillo da mortal Eurínome e de Glauco, ou Poseidón.

Eleusis

Eleusis (grego: Ελευσίνα - Elefsina, grego antigo: Ἐλευσίς - Eleusis) é unha vila e concello de Ática Occidental, Grecia. Está localizada a 18 km ó noroeste de Atenas, no Golfo Sarónico.

Eleusis é o centro administrativo da unidade periférica de Ática Occidental. É coñecida por ser o lugar dos misterios eleusinos, un dos eventos relixiosos máis famosos da relixión da Grecia antiga, e o lugar de nacemento de Esquilo, un dos tres grandes dramaturgos da antigüidade. Hoxe, Eleusis é un gran centro industrial coa maior refinería de petróleo de Grecia.

Eros

Eros é o nome dun deus grego do amor, correspondente ó Cupido romano.

Hefesto

Na mitoloxía grega, Hefesto (en grego Ἥφαιστος Hêphaistos, quizais de φαίνω phainô, ‘brillar’) é o deus do lume e da forxa, así como dos ferreiros, os artesáns, os escultores, os metais e a metalurxia. Era louvado en tódolos centros industriais e manufactureiros de Grecia, especialmente en Atenas. O seu equivalente na mitoloxía romana era Vulcano.

Hefesto era feo e tolleito. Mesmo o mito di que, ó nacer, Hera -súa nai- viuno tan feo que o tirou do Monte Olimpo e deixouno eivado. Tanto é así, que camiñaba coa axuda dunha vara e, nalgunhas vasillas pintadas, os seus pés aparecen do revés. Na arte, é representado coxo, suorento, coa barba desaliñada e o peito descuberto, inclinado sobre a súa bigornia, a miúdo traballando na súa forxa.

A aparencia física de Hefesto indica arsenicose, é dicir, envelenamento crónico por arsénico que provoca coxeira e cancro de pel. O arsénico engadíase ó bronce para endurecelo e a moitos dos ferreiros da Idade de Bronce padeceron esta enfermidade.

Hera

Hera (Xuno na cultura romana) foi a principal esposa de Zeus, raíña do Olimpo. Protectora do matrimonio, é envexosa e as veces celosa -dende logo, con motivos- do seu marido. Nunca perdoou ao príncipe troiano Paris que pospuxera a súa beleza á de Afrodita no famoso Xuízo de Paris.

Odiaba as mulleres amadas polo seu marido e os fillos que delas tivo: ben o sufriu Heracles durante toda a súa vida.

Mar Exeo

O Mar Exeo (grego: Αιγαίο Πέλαγος Aigaío Pélagos, turco: Ege Denizi) é un brazo do Mar Mediterráneo situado entre Grecia e a península de Anatolia, é dicir, entre as terras altas de Grecia e de Turquía. No norte, o Exeo está conectado ao Mar de Mármara e a o Mar Negro polos Dardanelos e o Bósforo. Considérase que este mar está delimitado ao sur por un arco que atravesa, en dirección oeste-leste, as illas de Citera, Anticitera, Creta, Kasos, Karpathos e Rodas. Polo arbitrario do seu «límite» sur, é difícil atribuírlle unha superficie exacta, sendo un valor aproximado 180.000 km². De norte a sur, a súa extensión máxima é de 600 km, e do leste a oeste é de 400 km.

O mar era tradicionalmente coñecido como o Arquipélago (na Lingua grega antiga, Ἀρχιπέλαγος, que significa "mar principal"),[Cómpre referencia] pero en galego o significado de arquipélago cambiou para referirse ás illas do Exeo e, en xeral, a calquera grupo insular.

Marilar Aleixandre

María Pilar Jiménez Aleixandre, nada en Madrid o 1 de maio de 1947, é escritora en lingua galega, tradutora, bióloga e académica de número da Real Academia Galega.

Minos

Minos (en grego Μίνως) foi, segundo a mitoloxía grega, o rei de Creta, cuxa esposa, Pasífae, era a nai do Minotauro. Era fillo de Zeus coa princesa Europa. Despois de morto, descendeu ao mundo subterráneo onde se tornou nun dos xuíces dos mortos.

No inferno de Dante, Minos escoita as confesións dos mortos e asígnaos a un círculo e subcírculo específico de acordo coa falta máis grave relatada.

Moiras

Este artigo trata sobre as personaxes mitolóxicas, para a auga saturada de sal, véxase o artigo moira.

Nome dado na mitoloxía grega ás tres irmás e deusas que rexen o Destino dos homes, equivalentes ás Parcas romanas.

Monte Olimpo, Grecia

O monte Olimpo (que significa o luminoso) é a montaña máis alta de Grecia, e dos Balcáns xunto ó Musala de Bulgaria, ambos con 2 925 metros de altitude.

A mitoloxía grega situaba no Olimpo o fogar dos deuses olímpicos, os principais deuses do panteón grego. Os gregos crían que nel había construídas mansións de cristal na que moraban os deuses.

Existen máis montañas con este nome en todo o mundo, unhas dezaoito, ademais dun volcán marciano.

Ninfa (mitoloxía)

Na mitoloxía grega, unha ninfa é un ser mitolóxico membro dun grande grupo de espíritos femininos da natureza, ás veces unidos a un lugar ou orografía particular. As ninfas adoitaban acompañar a varios deuses e deusas, e eran con frecuencia o obxectivo de sátiros luxuriosos.

As ninfas son as personificacións das actividades creativas e alentadoras da natureza. A palabra grega νύμφη significa "noiva" e "virxe", entre outras cousas; ou sexa, unha muller en idade casadoira. Outros fan referencia a esta palabra (e tamén á latina nubere e mais á alemá Knospe) como unha raíz que expresa a idea de ‘crecer’ (segundo Hesiquio de Alexandría, un dos significados de νύμφη é ‘botón de rosa’). O lar das ninfas está nas montañas e arboredas, nos mananciais e ríos, nos vales e nas frías grutas. Con frecuencia son o séquito de divindades superiores: de Ártemis a cazadora, de Apolo o profeta, do esmorgueiro e deus das árbores Dioniso, do mensaxeiro Hermes e tamén de deuses rústicos como Pan, deus dos pastores.

Pasífae (lúa)

Pasífae (ou en grego Πασιφάη) é unha lúa de movemento retrogrado do planeta Xúpiter. Foi descuberta no ano 1908 por Philibert Jacques Melotte e recibiría máis tarde o nome mitolóxico de Pasífae, na mitoloxía grega, Pasífae era a muller de Minos e nai do Minotauro.

Foi vista por primeira vez nunha placa tomada no Royal Greenwich Observatory, na noite do 28 de febreiro de 1908. Na inspección de placas previas, sería detectada a lúa nunha placa tomada o 27 de xaneiro. Recibiu a designación provisional 1908 CJ, ó principio non estaba moi claro se era unha lúa de Xúpiter ou un asteroide. A confirmación de que era unha lúa de Xúpiter chegaría o 10 de abril. Pasífae non recibiría o seu nome oficial ata o ano 1975;, antes dese ano era simplemente coñecida coma Xúpiter VIII. Foi chamada ás veces "Poseidón" entre os anos 1955 a 1975.

Sacrificio

Un sacrificio é unha ofrenda de comida, obxectos ou vidas de animais na honra dun propósito maior, particularmente de deuses ós que se pretende louvar ou congraciar. Malia que o termo sacrificio a miúdo implica unha morte ritual, o termo ofrenda (do latín oblatio) pode referirse a sacrificios de alimentos e artefactos. Para ofrendas de vertedura de líquidos, emprégase o termo libación.

Selene

Representa á Lúa na mitoloxía grega, é filla dos titáns Hiperión e Tía, e irmá de Helios (o Sol) e de Eos (a aurora). Era representada como unha muller xove que percorría o ceo nun carro de prata tirado por dous cabalos brancos.

Conta a lenda, que en certa ocasión namorou dun pastor chamado Endimión, e pediulle a Zeus que lle concedera un desexo. Este aceptou e Endimión pediu durmir eternamente, e só ser despertado nas visitas da súa amada Selene.

Teseo

Teseo (en grego Θησεύς Theseus) era fillo de Etra e de Exeo, rei de Atenas, aínda que tamén se dixo que o pai foi Poseidón, o deus do mar, de feito Etra uniuse na mesma noite aos dous.

Ventos (mitoloxía)

Na antiga relixión e na mitoloxía gregas, os Anemoi (grego: Ἄνεμοι, "Ventos") foron deuses dos ventos que tamén estaban adscritos a un punto cardinal, dende o que proviñan os seus ventos, e tamén foron asociados ás diferentes estacións e condicións meteorolóxicas. Foron representados como meros refachos de vento, personificados como homes con ás, e tamén como cabalos nas cortes da tormenta do deus Eolo, que proveeu a Ulises cos Anemoi durante a Odisea. Os espartanos foron rexistrados sacrificando un cabalo ós ventos no Monte Taixeto. Eolo e Eos, a deusa do amencer, eran os pais dos Anemoi segundo o poeta Hesíodo.

Dos catro ventos xefe , Bóreas (Aquilo en latín) era o vento do norte que traía o ar frío do inverno, Noto era o vento do sur que traía as treboadas de verán e outono, Céfiro era o vento do oeste que traía o ar da primavera e as brisas de verán; e Euro, o vento do leste, non estaba asociado a ningunha das tres estacións gregas, e é o único dos catro que non é mencionado na Teogonía de Hesíodo ou nos himnos de Orfeo. Ademais, había outros catro ventos menores asociados ó nordeste, sueste, noroeste, e suroeste.

As deidades equivalentes ós Anemoi na mitoloxía romana eran os Venti. Malia teren nomes diferentes, eran moi semellantes ós gregos pois mantiñan os seus atributos.

Relixións e cultos
Grupos
Deuses olímpicos
Outras deidades maiores
Heroes
Ritos e prácticas
Lugares sagrados

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.