Millo

O millo ou maínzo[1] (Zea mays) é unha planta gramínea anual e na mesma planta (monoica) atópanse as súas inflorescencias masculinas (nos extremos terminais) e femininas (nas vaíñas axilares). Ten un crecemento rápido, chegando aos 2,5 metros de altura nun ano, que é a súa quenda de colleita. As follas teñen forma alongada saíndo do talo cun lixeiro ángulo e coa punta caída cara abaixo. As mazarocas están cubertas por filas de grans.

A especie forma parte do xénero Zea, que non ten conxéneres achegados. As flores masculinas e femininas aparecen en inflorescencias separadas pero dentro do mesmo pé. Esta característica permite a obtención do millo híbrido, hoxe en día tan estendido. É tal a variabilidade do gran verbo da forma e cor, na mazaroca ou na mesma planta, que aínda non se acadou a clasificación científica de tódalas súas variedades. Ademais da híbrida, as variedades máis importantes son "dente marelo", "Krug" e "dentalla marela de Reid" [Cómpre referencia].

Millo
Mazarocas de millo

Mazarocas de millo
Clasificación científica
Reino: Plantae
Clase: Liliopsida
Subclase: Commelinidae
Orde: Poales
Familia: Poaceae
Subfamilia: Panicoideae
Tribo: Andropogoneae
Subtribo: Tripsacinae
Xénero: Zea
Nome binomial
Zea mays
L., Sp. Pl., 2: 971, 1753 [1]
Subespecies
  • Z. mays ssp. huehuetenangensis Iltis & Doebley
  • Z. mays ssp. mays
  • Z. mays ssp. mexicana (Schrad.) Iltis in Galinat
  • Z. mays ssp. parviglumis Iltis & Doebley
  • Z. mays var. striatiamylacea Leizerson
  • Z. mays var. subnigroviolacea Yarchuk
  • Z. mays f. variegata (G.Nicholson) Beetle
Zea mays fraise MHNT.BOT.2011.18.21
Millo "amorodo", orixinal de Norteamérica.
Dent Corn 'Oaxacan Green' (Zea mays) MHNT 2
Millo "Oaxacan Green" orixinal de Norteamérica.
Zea mays 'Ottofile giallo Tortonese' MHNT.BOT.2015.34.1
Millo "Ottofile giallo Tortonese"

Etimoloxía

O termo millo procede do latín vulgar millium, -ii, probabelmente influenciado por mil, debido á cantidade de grans que tiña a espiga, inda que este nun principio era o nome do paínzo.[2]

Historia

Producción mundial maíz 2001 B
Produción mundial de millo en 2001; fai un clic para ampliar

Todo parece indicar que o cultivo do millo comezou onde hoxe se localizan México e América Central hai millares de anos. O seu nome, de orixe indíxena caribeña, significa “sustento da vida”. Alimentación básica de varias civilizacións importantes ao longo dos séculos, os maias, aztecas e incas reverenciaban o cereal na arte e relixión. Gran parte de súas actividades diarias estaban ligadas ao seu cultivo.

O millo era plantado por indios americanos nos montes, usando un sistema complexo que variaba a especie plantada de acordo co seu uso. Ese método foi substituído por plantacións dunha única especie.

Coas grandes navegacións do século XVI e o inicio do proceso de colonización de América, o cultivo do millo expandiuse cara outras partes do mundo. Foi traída a Europa por Cristóbal Colón en 1492 e a primeira referencia do seu cultivo en Galiza data de 1610 [Cómpre referencia], na zona do Barbanza. O novo millo veu substituír ao antigo, que hoxe recibe o nome de millo miúdo ou paínzo, e que se viña cultivando e secando en hórreos e celeiros en Europa dende a antigüidade.

O seu cultivo é fundamental na zona setentrional dos Balcáns, no sur de Rusia e en Suráfrica. En España é o cultivo típico da zona húmida e en América os maiores focos sitúanse en Estados Unidos (no chamado Corn belt, o cinto do millo) e Arxentina. Hoxe é cultivado e consumido en todos os continentes e a súa produción é maior que a de trigo e a do arroz: segundo datos da FAO-OMS, a produción mundial en 2012 foi de 873 millóns de toneladas de millo, 671 millóns de trigo e 738 de arroz.

O cultivo de millo na forma ancestral continúa a practicarse en América do Sur, especialmente en rexións pouco desenvolvidas, no sistema coñecido no Brasil como de rozas.

Grans

Zea mays - Köhler–s Medizinal-Pflanzen-283
Debuxo da planta

O gran componse de embrión ou xermolo (onde se concentra a graxa) e endospermo con amidón (órgano de reserva que forma o corpo da semente). Xunta cada gran de amidón esténdese unha rede de proteínas, substancia que tamén aparece na capa de aleurona que rodea a superficie do endospermo. Este gran pode moerse separando primeiro a cuberta (o xermolo do endospermo) ou enteiro, como no trigo. A súa fariña constitúe unha das principais fontes de amidón e o xermolo fornece aceite. Ademais o millo serve coma un extraordinario instrumento de investigación xenética.

Cultivo

A sementeira faise en sucos ou foxiños con 3-4 grans e o seu período vexetativo oscila entre 4 e 5 meses. Durante o mesmo non precisa de excesivos coidados, aínda que algo si no comezo. Despois da fecundación procédese á poda.

A planta medra en medios tan diferentes que se podería dicir que non existe ningunha enfermidade de carácter universal para ela. As máis comúns son o tizón (Ustilago maydis), que pode producir formacións tumorosas en calquera parte da planta, e a podremia de raíz, talo e mazaroca, que agosta as partes mencionadas. Para combatelas aconséllase o emprego de variedades resistentes. Canto ás pragas, destaca o barreno (Diatraea saccharalis), combatido eliminando os individuos hibernantes.

Até avanzado o século XX, os labregos galegos distinguían entre o millo do monte e o millo da leira. Tratándose da mesma especie, aquel sementábase en claros abertos nos bosques mediante lumes e pagábase o dobre que estoutro [Cómpre referencia].

Procesado

Cultívase moito nas zonas costeiras, onde se sementa nos meses de abril e maio, e colléitase entre setembro e outubro. Posteriormente esfóllase e gárdase no hórreo ou en sitio seco, para dedicalo ó consumo animal ou humano. En Galiza adóitase facer pan con el (normalmente mesturándoo con centeo), filloas e empanadas.

A variedade botánica chamada popularmente millo pego ou millo corvo foi fondamente estudada pola Misión Biolóxica de Galicia para a súa mellora xenética.

Hibridación

As variedades híbridas conséguense fecundando artificialmente as variedades orixinais de polinización directa durante cinco xeracións seguidas. Con catro castas A, B, C e D, as dúas primeiras seméntanse en sucos alternos nun campo illado doutro coas dúas segundas. Dentro de cada leira procúrase escoller posteriormente como proxenitor masculino a casta que destaque pola abundancia de pole nas flores masculinas; a outra raza será o proxenitor feminino pola súa boa formación de gran. Tanto nunha coma noutra leira, as flores masculinas novas arríncanse da parte superior da casta feminina consonte queren florecer. Así, todo o pole que transporte o ar ata a ringleira feminina será orixinario da masculina e tódalas plantas da ringleira feminina darán semente híbrida, AB nunha leira e CD na outra parcela.

No ano seguinte, estes millos híbridos seméntanse xuntos en aliñamentos alternativos e a maior escala. Repítese a operación de separar as flores masculinas dunha delas e a semente resultante será híbrida das catro liñas. As variedades híbridas así conseguidas non se reproducirán a si mesmas [Cómpre referencia], polo que hai que facerse con sementes tódolos anos.

Usos

Tamales mexicanos navidad2004
Tamales mexicanos

O millo utilízase basicamente na alimentación, sexa en forma directa (consumo humano directo), ou indirecta (na alimentación de animais).

No mapa inferior móstrase a taxa de consumo de millo per cápita a nivel mundial; como se ve no mapa México, Guatemala, El Salvador, e os países do sur de África, encabezan a lista dos principais consumidores de millo.[3]

Maize food average per capita
Taxa de consumo de millo per cápita: ██ máis de 100 kg/ano ██ de 50 a 99 kg/ano ██ de 19 a 49 kg/ano ██ de 6 a 18 kg/ano ██ 5 ou menos kg/ano

Uso na alimentación humana directa

Nos Estados Unidos, o uso do millo na alimentación humana directa é relativamente pequeno -aínda que haxa gran produción de cereais para o almorzo (flocos de cereais ou corn flakes) e xarope de millo, utilizado como adozante. En México o seu uso é moi importante, sendo a base da alimentación da poboación (é o ingrediente principal das tortitas, e outros pratos da gastronomía mexicana).

Véxase tamén artigo millo doce.

Usos alternativos

O principal uso do millo nos Estados Unidos e Canadá é como ingrediente da alimentación dos animais. En Brasil a situación é parecida: o 65% do millo é utilizado na alimentación animal, e 11% é consumido pola industria, para diversos fins.

O seu uso industrial non se restrinxe á industria alimentaria. É amplamente utilizado na produción de elementos espesantes e colantes (para diversos fins) e na produción de aceites e de etanol. O etanol é utilizado como aditivo na gasolina, para aumentar a octanaxe.

Algunhas formas da planta son ocasionalmente cultivadas en xardinaría. Para este propósito, úsanse especies con follas de cores e formas variadas, así como especies con espigas de cores vivas.

Investigacións xenéticas

O millo é a especie vexetal máis utilizada para investigacións xenéticas. En 1940, Barbara McClintock gañou o Premio Nobel de Medicina polo seu descubrimento de transposóns, mentres estudaba o millo.

A produción de millo é unha das máis difundidas entre as de alimentos transxénicos, en parte porque o seu consumo é basicamente para pensos animais, onde a resistencia do consumidor é menor.

Algunhas variedades exóticas de millo son cultivadas soamente para adicionar diversidade xenética durante procesos de selección de novas sementes para uso doméstico -inclusive millo transxénico-.

Variedades especiais

Millo branco

Unha das variedades máis difundidas é o millo branco. Ten como principais finalidades a produción de grans e forraxe.

A planta ten unha altura aproximada de 2,20 metros, e a espiga nace a 1,10 metros do solo. A espiga é grande, cilíndrica e presenta alta compensación. Os grans son brancos, profundos, pesados e de textura media. A raíz ten boa fixación.

A planta é especialmente resistente ás principais doenzas foliares do millo, en diferentes altitudes e épocas de plantación. Poden ser collidas até dúas colleitas de millo branco por ano.

Nos Estados Unidos, a produción de millo branco en 2004 correspondía ao 3% do total. Aínda que sexa minoritario, o millo branco gañou espazo no mercado nos últimos anos, e a área plantada ten reflectido o aumento na demanda. Un dos motivos é que o mercado recoñece que aínda non existen variedades transxénicas de millo branco, o que automaticamente aumenta o seu valor de mercado.

Millo transxénico

A variedade transxénica máis coñecida [Cómpre referencia] é a desenvolvida por Monsanto, e coñecida como RR GA21 (tolerante ao herbicida glifosato). Esta variedade é utilizada extensivamente nos Estados Unidos.

Zea mays
Variedades de millo

Outras empresas que tamén realizan millo trasxénico son Syngenta e DuPont. En 1999, Novartis foi a primeira empresa en recibir autorización do goberno brasileiro para realizar probas no país co millo transxénico BT, resistente a insectos.

Segundo os produtores de sementes, o millo transxénico trae un aumento medio do 8% na produtividade. Nos EUA, máis de 70% do millo plantado é transxénico [Cómpre referencia]. A produción de variedades transxénicas en Arxentina e Brasil é crecente, aínda que non sempre a práctica do cultivo desas variedades sexa legal.

Hai tamén presenza de millo transxénico en Honduras, onde variedades transxénicas "contaminaron" as variedades locais. En México, o millo transxénico tamén se enfronta a unha seria oposición gobernamental: en 1998, foi prohibida a experimentación, o cultivo e a importación de millo transxénico.

O millo é un exemplo da manipulación de especies polo ser humano, sendo utilizado tanto polos defensores canto polos opositores dos transxénicos. O millo cultivado polos indios mal lembra o millo actual: as espigas eran pequenas e boa parte da produción perdíase por enfermidades e pragas. A través da mellora xenética, o millo atinxiu a súa forma actual.

Os defensores dos transxénicos utilizan este exemplo para dicir que a manipulación das características xenéticas de vexetais non é novidade, e que xa foi feita anteriormente, con moito menos control que actualmente. Os opositores dos transxénicos utilizan o mesmo exemplo para defender que hai alternativas á manipulación directa dos xenes de especies vexetais, técnica á cal se opoñen.

Non sempre as remesas de millo importado dos Estados Unidos chegan aos países da América Latina cunha etiqueta que indique aos consumidores se é transxénico ou non [Cómpre referencia]. A pesar diso, investigacións mexicanas indican que a contaminación do millo nativo pode estar causada pola polinización accidental, o que talvez ocorrese tamén noutros países. Así ten acontecido mesmo en Europa, pois o pole do millo transxénico é transportado a grandes distancias polo vento.

En relatorio recentemente divulgado [cando?], notificouse que determinado tipo de millo transxénico (o MON 863) causou problemas en ratos (alteracións no sangue e riles) [Cómpre referencia].

Nomes vernáculos

  • Catalán: blat d'indi, blat de moro, moresc, panís, millot, mainzo;
  • Español: maíz, boroña, danza, mijo, millo, panizo, zara, choclo, mazorca, jojoto;
  • Éuscaro: arto, mileka, panizu;
  • Francés: maïs, blé d'Inde, gaude;
  • Galego: millo, maínzo, milleiro, millo graúdo, millo americano;
  • Portugués: milho, milhão, milho de Turquía, milho-grosso, milho-maês, milhao;
  • Guaraní: Abatí;
  • Quechua: Sara;

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de millo de Galicia.
Millo Galiza Oroso

Oroso

Notas

  1. A planta tamén se pode denominar milleiro pero nunca os grans. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para millo.
  2. Portal das palabras. "Millo". Consultado o 16 de agosto de 2015.
  3. According to 2000 CIMMYT World Maize Facts and Trends. Arquivado 01 de xullo de 2007 en Wayback Machine. (en inglés)

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Amidón

O amidón é un polisacárido formado por unidades de glicosa coa fórmula xeral (C6 H10 O5)n producido por todas as plantas e polas algas. Consta de dous polímeros chamados amilosa e amilopectina, cuxa proporción nos gránulos de amidón varía coa especie, pero xeralmente predomina a amilopectina (75-80%). Os animais non producen amidón, pero si glicóxeno, que é parecido á amilopectina. O amidón é o carbohidrato máis abundante na dieta humana, xa que forma parte de cereais, tubérculos, fariñas etc. É un alimento de alto valor nutritivo e unha das principais fontes de enerxía. Convértese en azucres polo proceso dixestivo (rotura da cadea por hidrólise).

O amidón comercial obtense dos cerais (trigo, arroz, millo) e dos tubérculos (pataca, mandioca). O amidón utilízase na industria alimentaria e noutras industrias, especialmente na industria do papel.

O amidón puro é branco, non ten sabor nin olor, e non se disolve en auga fría, pero tratado con auga quente a máis de 70 °C os seus gránulos desintégranse, formando unha solución mesta, homoxénea e pegañenta chamada engrudo.

A palabra deriva do latín "amilum" (amidón), e esta do grego αμυλον, "amylon", que significa "non moído nun muíño". A raíz amil úsase en bioquímica aplicada a diveros compostos relacionados co amidón.

Arroz

O arroz ([aˈrɔθ]; en gran parte do territorio pronunciado con seseo como [aˈrɔs] (arrós)) é o gran da planta do arroz (Oryza sativa), unha planta da familia das gramíneas que alimenta máis da metade da poboación humana do mundo.

O arroz necesita de auga en abundancia e man de obra intensiva. Dáse ben mesmo en terreos moi inclinados e é costume, nos países do sueste asiático encontrárense socalcos onde se cultiva.

É o terceiro maior cultivo cerealista do mundo, só superado polo millo e o trigo.

As Neves

As Neves é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Condado. Segundo o IGE, contaba no 2014 con 4.121 habitantes, o que supón unha diminución de habitantes con respecto aos censos anteriores. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é nevense.

Cereal

Este artigo trata sobre as plantas gramíneas, para o alimento industrial que se toma de mañá, véxase o artigo Cereal para o almorzo.

Os cereais(da deusa romana da agricultura; Ceres) son plantas que se aproveitan principalmente polos seus grans, que botánicamente denomínase cariópside, o cal ten o endosperma con amidón que se pode transformar en fariña e que se presta a varias preparacións alimentarias (pan, pasta, bicas, etc.), e que tamén son a materia prima para a fabricación de bebidas alcohólicas (cervexa, whisky, sake). Ademais do seu uso dietético e en alimentación animal, sácase aceite deles, especialmente do millo.

En sentido estrito só son cereais algunhas gramíneas pero tamén se adoita a considerar como cereais os grans dalgunhas outras familias cultivadas para consumo humano ou animal. Seguindo esta interpretación estrita hai que considerar só seis cereais: o trigo, o millo, o arroz, a cebada, a avea e o centeo; nun sentido máis amplo, téndese a considerar como cereais o millo miúdo, o sorgo e mesmo o alforfón.Actualmente os cereais abastecen a maior parte (45%) das calorías alimentarias da humanidade.En termos botánicos os cereais pertencen ás familia poáceas (ou gramíneas). Algúns grans doutras familias botánicas asimílanse ás veces cos cereais: o gran de alforfón (polygonaceae), a quinoa (quenopodiaceae) e o sésamo (pedaliaceae).

Empanada

Unha empanada ou bola é unha preparación culinaria consistente nunha masa e un recheo que se frixe ou coce no forno.

Consiste nunha masa de fariña, elaborada máis ou menos como unha masa de pan rechea de carne ou outros produtos (tamén verduras, peixes, ou mariscos variados), previamente cociñados de formas moi variadas segundo a gastronomía local, pero sendo con moita cebola frixida en aceite o modo tradicional en Galicia. Este é un tipo de alimento de orixe moi antiga que se dá en case tódalas culturas.

A masa está preparada xeralmente con trigo, pero pode estar feita con outros cereais, como o millo, engadíndoselle ás veces na preparación algún tipo de graxa (que pode ser aceite, manteiga ou graxa de porco).

Fariña

A fariña é un po resultante de moer o gran, xeralmente dos cereais (especialmente trigo, millo etc). É o principal ingrediente do pan, o alimento básico en moitas partes do mundo. Tamén se obtén fariña dalgúns legumes e de froitos secos, como a soia e a améndoa.

A fariña é rica en amidón, que é un hidrato de carbono complexo. Cando a fariña se mestura con auga, o glute, unha proteína, actúa dándolle unha estrutura elástica á masa que permite "traballala" e que reteña burbullas de gas, o que resulta nunha textura final esponxosa. Este é un efecto buscado no pan, pasteis etc.

Algúns individuos padecen dunha intolerancia ao glute denominada celiaquía ou enfermidade celíaca, o que lles impide comer pan, pastas, pasteis ou calquera produto derivado do trigo, avea ou cebada, cereais que conteñen glute, pero hoxe pódense atopar no mercado produtos derivados de fariña sen glute.

Frauta de millo miúdo

A frauta de millo é un instrumento musical aerófono, de posible orixe africana, que se utiliza principalmente na cumbia e que se constrúe a partir da cana do millo formando un tubo de cana, aberto aos extremos, de entre 20 e 40 cm, cunha lingüeta vibrante cortada do mesmo tubo e con catro orificios dixitais, o instrumento execútase de maneira transversal, e é típico da costa caribeña de Colombia. Utilízanno os grupos de música tradicional folclórica, denominados por iso "grupos de millo", non obstante tradicionalmente utilizábase durante as festa do Nadal. Ademais de con millo pódese construír cunha cana, denominada localmente carrizo, que medra nas zonas húmidas ou nas beiras dos ríos para evitar a consistencia fráxil e a baixa potencia do son das realizadas con millo. Tamén se realiza con lata (especie de bambú)

Glicosa

A glicosa, glucosa ou dextrosa é unha forma de azucre que se atopa nas froitas e no mel. É un monosacárido coa mesma fórmula empírica que a frutosa pero con diferente estrutura. É unha hexosa (6 átomos de carbono) do tipo aldosa (presenta e grupo carbonílico de tipo aldehido), mentres que a frutosa é do tipo cetosa (presenta o grupo carbonílico de tipo cetona).

Todas as froitas naturais teñen unha certa cantidade de glicosa (a miúdo con frutosa), que pode ser extraída e concentrada para preparar un azucre alternativo. Pero a nivel industrial tanto a glicosa líquida (xarope de glicosa) como a dextrosa (glicosa en po) obtéñense a partir da hidrólise enzimática do amidón procedente de cereais (xeralmente trigo ou millo).

A molécula (C6H12O6) é unha aldohexosa (aldehido pentahidroxilado) de tipo monosacárido. A glicosa é o segundo composto orgánico máis abundante na natureza, despois da celulosa. É a principal fonte de enerxía das células, mediante a degradación catabólica, e constitúe o compoñente principal de polímeros estruturais, como a celulosa, e de reserva enerxética, como o amidón.

Na súa forma (D-Glicosa) sofre unha ciclación cara a súa forma hemiacetálica para lograr as súas formas furano e pirano (D-glucofuranosa e D-glucopiranosa) que á súa vez presentan anómeros Alpha e Beta. Estes anómeros non presentan diferenzas de composición estrutural, pero si difiren polas súas características físicas e químicas. A D-(+)-glicosa é un dos compostos máis importantes para os seres vivos, incluíndo os humanos.

Na súa forma ß-D-glucopiranosa, unha molécula de glicosa únese a outra grazas ós -OH dos seus carbonos 1-4 para formar Celobiosa[1-4] a través dun enlace ß, e ó unirse varias destas moléculas, forma a celulosa.

Habanera

A habanera é un tipo canción orixinaria de Cuba que data de finais do século XIX, de ritmo lento e compás cuaternario. Poden ser cantadas e instrumentais e é un xénero adaptado e usado por diferentes formacións musicais como grupos corais, bandas de música, tunas e outros.

Hórreo galego

O hórreo galego é un edificio de uso agrícola destinado a secar, curar e gardar o millo antes de debullalo e moelo. Consta dunha cámara de almacenaxe oblonga, estreita e permeable ao paso do ar, separada do chan para evitar a entrada de humidade e animais.

En Galicia conviven tres tipoloxías básicas de hórreo: o tipo galego (tamén chamado «galego-portugués»), o tipo asturiano e o hórreo de corres. No nordeste de Galicia e no occidente de Asturias é doado atopar hórreos do tipo galego e do tipo asturiano no mesmo lugar, aínda que con diferente denominación.

Muíño

Un muíño (do latín serodio molinum, por redución da expresión saxum molinum 'moa') é un artificio para moer algo; o máis habitual son os cereais, especialmente o trigo e o millo, para obter fariña.

Xeralmente constaban dunha pedra circular fixa sobre a que se move outra de forma troncocónica que ao xirar segue a forma da anterior. Tamén pode ter forma de disco e entón chámase moa.

Para mover a pedra utilizábase a enerxía eólica (muíño de vento), a hidráulica (muíño de auga), animais (muíño de sangue) e, en muíños pequenos, a manual (un exemplo doméstico deles son os muíños do café, aínda que actualmente son eléctricos a maioría).

Nebrasca

Nebrasca ou Nebraska é un dos 50 Estados dos Estados Unidos de América. Está situado na rexión das Grandes Chairas, no centro do país. Limita ao norte con Dacota do Sur, a leste con Iowa e Missouri, con Kansas ao sur, con Colorado a suroeste e o Wyoming a oeste. Os alemáns son o maior grupo étnico do Estado, compondo o 38,6% da poboación.

O produto interno bruto é de 68 000 millóns de dólares, e a renda per capita é de 31 339 dólares. A economía do Estado baséase na agricultura, maioritariamente millo, trigo e sorgo, e tamén na pecuaria, tendo grandes rabaños bovinos e unha relativamente forte industria alimenticia. A rexión foi explorada inicialmente por franceses e españois no século XVII que se dedicaban ao comercio de peles. Tornouse territorio en 1854 e, en 1867, tornouse Estado da Unión.

O millo na cultura popular galega

O millo (Zea mays), malia ser orixinario das Américas, é unha gramínea fundamental na cultura galega pois xogou un papel fundamental na alimentación do pobo nos últimos séculos. O principal pan do país facíase con millo, a paisaxe enchouse de leiras de millo, os hórreos foron agrandados e mellorados, e en xeral a poboación de Galicia aumentou coa chegada deste cereal. A primeira referencia do seu cultivo en Galiza data de 1610, na zona do Barbanza. Refraneiros e cántigas deixan pegada da súa importancia.

O pan na cultura popular galega

O que segue recolle unicamente información diversa sobre a pegada do pan na cultura popular e na literatura oral galegas. Toda esta información recóllese de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc. Recóllese non só a información referida expresamente ó pan, senón tamén a referida á fariña e a actividades directamente relacionadas, como sementar, segar, etc.; as referidas ó millo e á broa recóllense no artigo o millo na cultura popular galega.

Ademais do seu significado recto (alimento elaborado con fariña, auga, sal e lévedo, fermentado e cocido no forno), a palabra pan designa especificamente o centeo ou un cereal en xeral; segundo Eladio Rodríguez, tamén denomina o millo aínda na terra. Pero ademais é un elemento de referencia para designar moitas outras realidades.

Semente

A semente é a estrutura mediante a que realizan a propagación as plantas que por iso se chaman espermatófitas (plantas con semente). A semente prodúcese pola maduración dun óvulo dunha ximnosperma ou dunha anxiosperma. Unha semente contén un xermolo do que pode desenvolverse unha nova planta baixo condicións apropiadas. Pero tamén contén unha fonte de alimento almacenado e está envolvido nunha cuberta protectora.

Seoane, Allariz

San Xoán de Seoane é unha parroquia situada no suroeste do concello de Allariz. Segundo o IGE, en 2015 tiña 100 habitantes (46 homes e 54 mulleres). O seu núcleo máis poboado é Pumares, con 35 habitantes.

Limita coas parroquias allaricenses de San Trocado, San Martiño de Pazó, Allariz (Santiago) e Torneiros, e cos concellos de Rairiz de Veiga, A Bola e A Merca.

Tradicionalmente a zona de Seoane é tamén coñecida como Terra do Millo e os habitantes como da mafúa ou mafueiros[Cómpre referencia].

Ska

O ska é unha fórmula musical autóctona de Xamaica que axunta elementos do mento e do calipso co jazz e o blues.

Orixinouse nos anos cincuenta e foi precursor do rocksteady e do reggae. Foi a música predominante entre a subcultura xamaicana dos rude boys. Na primeira vaga do ska destacaron Laurel Aitken, Desmond Dekker e The Pioneers, nunha segunda vaga nos anos setenta difundiuse no Reino Unido

Trigo

O trigo é o termo xeral que designa as distintas especies bravas e cultivadas do xénero Triticum spp, cereal anual que se cultiva en todo o mundo. Globalmente, é o segundo gran comestíbel máis cultivado, xunto ao millo; sendo o terceiro o arroz; e o máis consumido polo ser humano na civilización occidental dende a antigüidade. En Galiza cultívase dende hai séculos, aínda que outros cereais, como o millo, que ten máis importancia no país .

O glute do trigo dálle ao pan unha consistencia elástica á masa de fariña e auga. Por mor da intolerancia ao glute (doenza celíaca) moitas persoas non poden consumir trigo nin outros cereais (orxo, centeo).

O gran de trigo utilízase para facer fariña triga, sémola, cervexa e unha gran variedade de produtos alimentarios.

Coa fariña faise:

Pan: empanadas, pizzas etc.

Repostaría: biscoitos, madalenas, roscas etc.

Pasta: tallaríns, macarróns, canelóns etc.

Mollos: salsa bechamel

Vitamina B1

A vitamina B1, tamén coñecida como tiamina , é unha substancia que actúa como coenzima no metabolismo dos hidratos de carbono, permitindo metabolizar o ácido pirúvico. Ademais participa na síntese de substancias que regulan o sistema nervioso. A súa forma activa é o pirofosfato de tiamina (TPP).

A súa absorción no intestino realízase facilmente, polo que a súa falta na dieta causa problemas metabólicos, en particular a nivel do metabolismo dos carbohidratos, poucos días despois.

A carencia de vitamina B1 produce unha enfermidade con sintomatoloxía nerviosa denominada beriberi.

A vitamina B1 ou tiamina atópase na carne de vacún ou de porco, noces, garavanzos, millo, ovos, figos secos, fígado, avea, chícharos, cacahuetes, pataca, arroz integral, fabas de soia, trigo e fariña branca enriquecida.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.