Migración

Denomínase migración a todo desprazamento dunha poboación, ben sexan microorganismos, animais ou humanos, que se produce desde un lugar de orixe a outro de destino e leva consigo un cambio de hábitat, ou de residencia no caso dos humanos.

As migracións de seres humanos estúdanse en demografía e xeografía da poboación. E migración das especies estúdanse na disciplina de bioxeografía da ecoloxía. Os artigos que se poden consultar ao respecto son:

  • Migración humana, que presenta dous enfoques: o da emigración, desde o punto de vista do lugar ou país de onde sae a poboación; e o da inmigración, desde o punto de vista do lugar ou país a onde chegan os "migrantes".
  • Migración como proceso ecolóxico, en particular a migración animal, que son os desprazamentos periódicos, estacionais ou permanentes de especies dun hábitat a outro.
Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Biodiversidade

Biodiversidade (neoloxismo do inglés Biodiversity, á súa vez do grego βιο-, vida, e do latín diversĭtas, -ātis, variedade), ou diversidade biolóxica, é o termo polo que se fai referencia á riqueza de seres vivos dun hábitat ou dun ecosistema, ou a todo o conxunto de seres vivos da Terra. A biodiversidade refírese tanto á riqueza en diversidade de especies, á súa diversidade intraespecífica, como á de grupos taxonómicos, á de grupos morfolóxicos e á de grupos funcionais. Así, o concepto abrangue as diferenzas de composición das individuos de especies (diferenzas xenéticas) e de especies de hábitats ata a variedade taxonómica e funcional das especies dun ecosistema.

Os patróns de biodiversidade dos hábitats e ecosistemas son resultado de procesos que van de mecanismos a curta escala, como a migración ou nacementos, a escalas de miles de millóns de anos, como os procesos especiación e evolución. O termo popularizouse logo da Conferencia Internacional do Río de Xaneiro de 1992 na que numerosos estados asinaron a Convención sobre a diversidade biolóxica.

Non se sabe con certeza o número total de diferentes especies existentes no planeta: a súa riqueza de especies. Estímase que podería haber máis de 30 millóns de especies, aínda que só se ben só se clasificaron algo máis de 2 millóns. Unha estimación de 2011 a cuantificouna en 8,74 millóns de especies, cunha marxe de erro de 1 millón [1].

A biodiversidade ten patróns bioxeográficos e temporais: a riqueza de especies varía segundo a latitude e os ecosistemas analizados e segundo os estadios das sucesións. Estímase que hábitats con maior diversidade son os bosques tropicais, os arrecifes de coral e as zonas de afloramento costeiro.

Burgundios

Os burgundios foron unha tribo xermana orixinaria de Escandinavia, que a partir do ano 200 iniciou unha migración masiva cara a Europa seguidos polos vándalos cara a Pomerania (Polonia). Instaláronse na Galia, entre francos e alamáns, nas beiras do Rin. Estableceron a súa capital en Worms e tomaron Maguncia aos romanos.

Durante o século III, instaláronse pacificamente na Provenza e as terras entre as actuais Suíza, Francia e Italia, qua acabaría tomando o nome de Borgoña por eles. En 534, os francos derrotaron a Gundemaro, o último rei burgundio, e anexionáronse o seu territorio trala masacre de Tolbiac.

Foron feitos heroes grazas ás súas fantásticas sagas como o Tesouro dos Nibelungos, un gran relato da época, editado por vez primeira na idade Media no Sacro Imperio Romano. Como moitas tribos xermanas, convertéronse ao arianismo, aínda que os católicos creceron trala conversión do rei Gundebaldo en 500.

Bárbaro

Bárbaro é un exónimo pexorativo que procede do grego (βάρβαρος) e a súa tradución literal é "o que tatexa". Aínda que os gregos empregaban o termo para referirse a persoas estranxeiras, que non falaban o grego e cuxa lingua estranxeira soaba aos seus oídos como un tatexo incompresible ou onomatopea (bar-bar- semellante a bla-bla-). Existen escritos, como os de Isócrates, que amosan unha apertura deste pobo para concibir aos bárbaros non como "estranxeiros", senón como individuos que carecían de educación, independentemente do seu lugar de nacemento.

Os romanos tomaron posteriormente a palabra e o seu significado para o trato cos pobos que invadiron o Imperio Romano. Os clásicos deron o nome de bárbaros a todos os estranxeiros das comarcas fronteirizas co Imperio, e cos que loitaron, aínda que se limita a consideración aos que, ocupando en Europa as comarcas ao norte do Imperio, invadiron este, apoderándose da súa parte occidental.

Estes pobos formaban tres grupos:

O de raza amarela (avaros e hunos)

O de raza branca eslava (Vendos, no que hoxe é Polonia), Sármatas, no Danubio e Alanos, na beiras do mar Negro

O de raza branca non eslava (galos, xermanos e iberos)A etnoloxía e antropoloxía tradicionais, cunha terminoloxía xa desfasada e unha eurocéntrica visión das sociedades primitivas, denominou barbarie a un estadio de evolución cultural das sociedades humanas, intermedio entre o de salvaxismo e de civilización.

Década de 1980

A década de 1980 foi o período de tempo que transcorreu de 1 de xaneiro de 1980 ata 31 de decembro de 1989.

No mundo, foi unha época en que se atoparon grandes mudanzas en varios aspectos do cotián, na saúde, nas ciencias, na economía. No escenario económico, ocorreu unha exuberancia significativa, decorrente da circulación de riquezas ocorrida coa migración dalgunhas industrias para pequenos países asiáticos.

Fluxo xénico

En xenética de poboacións, fluxo xénico (tamén chamado fluxo xenético ou migración de xenes) é a transferencia de alelos ou xenes dunha poboación a outra.

A migración cara adentro ou fóra dunha poboación pode ser responsable dun marcado cambio nas frecuencias alélicas (a proporción de membros que portan unha variante particular dun xene). A inmigración pode tamén ter como resultado a adición de novas variantes xenéticas á poza xénica establecida dunha determinada especie ou poboación.

Hai varios factores que afectan á taxa de fluxo xénico entre diferentes poboacións. Un dos factores máis significativos é a mobilidade, xa que unha maior mobilidade dun individuo tende a darlle un maior potencial migratorio. Os animais tenden a ser máis móbiles que as plantas, aínda que o pole e as sementes poden ser levados a grandes distancias polo vento ou animais.

Un fluxo xénico sostido entre dúas poboacións dunha mesma especie pode tamén orixinar unha combinación das dúas pozas xénicas, reducindo a diferenciación xenética entre os dous grupos. Por esta razón o fluxo xénico actúa vigorosamente contra a especiación, ao recombinar as pozas xénicas dos grupos, e dese xeito, restaurar as diferenzas que se estaban desenvolvendo na variación xenética que terían levado a unha completa especiación e a creación de especies fillas.

Por exemplo, se unha especie de herba crece a ambos os lados dunha autoestrada, é probable que o pole sexa transportado dun lado ao outro. Se este pole pode fecundar unha planta, e a planta onde acaba produce descendencia viable, entón os alelos do pole poden efectivamente moverse desde a poboación dun lado da autoestrada a outra, polo que non se acumulan diferenzas entre as poboacións de ambos os lados.

Inmigración

Chámase inmigración á entrada a un país de persoas que naceron ou proceden doutro lugar. Representa unha das dúas opcións ou alternativas do termo migración, que se aplica aos movementos de persoas dun lugar a outro e estes desprazamentos levan un cambio de residencia ben sexa temporal ou definitivo. As dúas opcións dos movementos migratorios son: emigración, que é a saída de persoas dun país, rexión ou lugar determinados para dirixirse a outro distinto e inmigración, que é a entrada nun país, rexión ou lugar determinados procedentes doutras partes. De maneira que unha emigración leva como contrapartida posterior unha inmigración no país ou lugar de chegada.

Así pois, resulta válido estudar as migracións desde o punto de vista do país de acollida (ou mellor dito, de entrada, xa que non sempre os inmigrantes reciben unha boa acollida no país de entrada), xa que a situación é moi diferente e ata a miúdo oposta á do país ou lugar de emigración. Unha enorme gama de situacións políticas e problemas exponse pola case sempre inevitable diferenciación cultural, económica e social existente entre as poboacións inmigrantes e as do país de recepción, e ata entre os mesmos inmigrantes cando proceden de países e ata de continentes distintos.

Longobardos

Os Longobardos (Langobardi en latín e despois Lombardi por deformación despois do século VIII, agás en Italia meridional, que conserva o nome de langobardi ata o século XII) era un pobo xermánico, chegado do mar Báltico, que pertencía máis especificamente ao grupo dos xermanos do Elba, mais orixinario de Escandinavia meridional segundo a súa propia tradición oral narrada polo seu historiador Paulo Diácono a finais do século VIII. Este pobo, baixo a dirección do seu rei Alboíno, invadiu a Italia do Norte a partir do principio do ano 568.

Microevolución

A microevolución é a evolución a pequena escala; é dicir, por debaixo do nivel de especie. A microevolución contraponse coa macroevolución, pero a diferenza entre elas é só de tempo e escala. A macroevolución ocorre no nivel de especie ou por riba do nivel de especie e durante longos períodos de tempo xeolóxico, e a microevolución ocorre por debaixo do nivel de especie e en escalas de tempo pequenas por variacións das frecuencias alélicas. Segundo a escola da síntese evolucionista moderna unha acumulación de cambios microevolutivos orixina os cambios macroevolutivos, agás excepcións de casos de especiación súbita (por duplicacións xenómicas, por exemplo).

Migración animal

Chámase migración animal a cada un dos desprazamentos periódicos, estacionais ou permanentes, de especies animais dun hábitat a outro.

Son moitos os animais que realizan migracións. O tipo de migración que efectúan é moi distinto en mamíferos, aves, peixes como os salmóns e as anguías, os invertebrados como as lagostas (Locusta migratoria) ou as bolboretas monarca (Danaus plexippus), ou os microorganismos do zooplancto. O caso dos movementos masivos non periódicos dalgúns animais que se produza nun intervalo de poucos anos adoita chamarse emigración ou invasión.

Toda migración animal implica un movemento activo por parte do individuo migrante, a miúdo durante moitos días. Porén, os animais máis pequenos, como os do plancto, os anfibios e as lagostas, aproveitan as correntes de auga ou aire, mentres que as aves aproveitan os ventos alisios e as correntes de aire ascendentes.

A migración cumpre distintas finalidades. Hai especies que o fan para afastarse do seu hábitat en inverno, cando este é extremadamente rigoroso, ou en verán, nas zonas tórridas; outros fano buscando un lugar apropiado para a súa reprodución, ou para fuxir dos seus depredadores; outras especies fano para procurarse alimentos.

Migración celular

A migración celular é un proceso central no desenvolvemento e mantemento dos organismos pluricelulares consistente en que as células se moven dun lugar a outro. Durante a formación dos tecidos no desenvolvemento embrionario, a curación de feridas e a resposta inmune son necesarios movementos orquestrados das células en determinadas direccións para chegaren a lugares específicos. Os erros neste proceso teñen graves consecuencias, como a incapacidade intelectual, enfermidades cardiovasculares, formación de tumores e metástases. A comprensión do mecanismo por medio do cal as células migran pode dar lugar a novas estratexias terapéuticas para, por exemplo, controlar as células tumorais invasivas. As células adoitan migran en resposta a sinais externos específicos, como sinais quimiotácticos e sinais mecanotácticos.

Debido ao ambiente altamente viscoso onde se encontran (con baixo número de Reynolds), as células necesitan producir permanentemente forzas para poder moverse. As células conseguen realizar este movemento activo de diversos xeitos. Os moito menos complexos organismos procarióticos (e gametos como os espermatozoides e protistas) utilizan flaxelos ou cilios para propulsarse, ou, nalgúns casos, poden esvarar dun xeito especial. A migración das células eucarióticas é moito máis complexo e pode consistir en combinacións de diferentes mecanismos de migración. Xeralmente implica cambios drásticos na forma da célula dirixidos polo citoesqueleto.

Migración das aves

A migración das aves é o movemento regular estacional que fan moitas especies de aves, xeralmente na dirección norte-sur/sur-norte seguindo unha ruta de voo, entre os seus territorios de cría e os de invernada. Moitas especies de aves migran, o que lles supón un custo en predación e mortalidade, incluíndo a caza polos humanos. A migración está impulsada principalmente pola dispoñibilidade de comida, aínda que tamén inflúen outros factores. Ocorre principalmente no hemisferio norte, onde as aves canalizan a súa migración por rutas específicas determinadas por barreiras naturais como o mar Mediterráneo ou o Caribe.

A migración de especies como cegoñas, rulas, e andoriñas foi rexistrada desde hai máis de 3 000 anos por autores da Antiga Grecia, como Homero e Aristóteles e no Libro de Xob da Biblia. Máis recentemente, Johannes Leche empezou a rexistrar os datos das chegadas de migrantes primaverais en Finlandia en 1749, e os modernos estudos científicos utilizan técnicas como o anelado de aves e o rastreo por satélite para coñecer o movemento das aves migrantes. As ameazas que afrontan as aves migratorias aumentaron coa destrución de hábitats especialmente nos sitios de parada e de invernada, e coa proliferación de estruturas como liñas de alta tensión e muíños para producir enerxía eólica.

O carrán ártico ten a mellor marca de migración a longa distancia, xa que viaxa entre os seus territorios de cría no Ártico e Antártico todos os anos. Algunhas especies de aves con tubos nasais (Procellariiformes) como os albatros circundan a Terrra, voando sobre os océanos do sur, mentres que outras como as pardelas furabuchos migran 14 000 km entre os seus territorios de cría do norte e os océanos do sur. As migracións máis curtas son moi comúns, entre elas están as migracións altitudinais en montañas como os Andes e os Himalaias.

O momento en que se produce a migración parece que está controlado principalmente polos cambios na duración do día. As aves migrantes navegan usando pistas celestes como a posición do Sol e as estrelas, e tamén usan o campo magnético terrestre e mapas mentais.

Neptuno

Neptuno é o oitavo planeta a partir do Sol, e o xigante gasoso máis afastado no noso sistema solar. Neptuno recibiu o nome do deus romano dos mares e o seu símbolo astronómico é ♆, unha versión estilizada do tridente do deus. Neptuno ten 17 veces a masa da Terra e é lixeiramente máis masivo que Urano, que ten 15 veces a masa da Terra pero non é tan denso. De media, Neptuno orbita ao redor do Sol a unha distancia de 30,1 UA, unhas 30 veces a distancia da Terra ao Sol.

Neptuno foi o primeiro planeta atopado por predición matemática en vez de pola observación empírica. Inesperados cambios na órbita de Urano levaron a Alexis Bouvard a deducir que esta era obxecto dunha perturbación gravicional producida por un planeta descoñecido. Neptuno foi posteriormente observado o 23 de setembro de 1846 por Johann Galle máis ou menos na posición pronosticada por Urbain Le Verrier, e a súa maior lúa, Triton, foi descuberta pouco despois, aínda que ningunha das restantes 13 lúas foron localizadas telescopicamente ata o século XX. Neptuno foi visitado por unha nave, a Voyager 2, que sobrevoou o planeta o 25 de agosto de 1989.

Neutrófilo

Os neutrófilos son o tipo de glóbulo branco máis abundante no sangue dos mamíferos e forman unha parte esencial do sistema inmunitario innato, no que funcionan como fagocitos. Forman parte do grupo dos glóbulos brancos polimorfonucleares (PMN) ou granulocitos (xunto cos basófilos e eosinófilos). Outros nomes con que se designan son: granulocitos neutrófilos ou neutrófilos polimorfonucleares, e subdivídense en neutrófilos segmentados e neutrófilos bandeados.O nome neutrófilo deriva das súas características tintoriais nas preparacións histolóxicas tinguidas con hematoxilina e eosina. As células sanguíneas basofílicas tínguense de cor azul escura, pero as eosinofílicas tínguense de vermello brillante, en tanto que os neutrófilos se tinguen de rosa neutro. Normalmente os neutrófilos teñen un núcleo dividido en lóbulos, xeralmente de 2 a 5.

Os neutrófilos atópanse normalmente no torrente sanguíneo, pero durante as fases iniciais (agudas) dunha inflamación, especialmente como resultado dunha infección bacteriana, exposición ao ambiente (polución), e nalgúns cánceres, os neutrófilos son unhas das primeiras células que responden á inflamación, ao migraren ao lugar da inflamación. Migran atravesando a parede dos vasos sanguíneos e polo tecido intersticial, seguindo sinais químicos como a interleucina-8 (IL-8), C5a, e o leucotrieno B4, proceso chamado quimiotaxe. Son as células predominantes no pus, e contribúen a darlle a este a súa aparencia branco-amarelenta.

Os neutrófilos son recrutados no sitio da inflamación en poucos minutos despois do trauma e son indicio dunha inflamación aguda.

Pato

Pato ou parrulo é o nome común para varios tipos de aves da familia dos anátidos. Son na súa maioría aves acuáticas de auga doce e salgada, nadadoras ou mergulladoras, que se somerxen total ou parcialmente para conseguir o alimento, e que presenta cores moi variadas que adoitan seren máis vistosas nos machos e xeralmente apencadas nas femias.Son menores en tamaño que os seus parentes os cisnes e os gansos.

Os patos aliméntanse dunha variedade grande de fontes alimenticias, como herbas, grans, plantas acuáticas, peixes, insectos etc.

Os patos domésticos son criados pola súa carne, ovos e as súas plumas.

Os machos de especies do hemisferio norte teñen coloridas plumaxes que mudan en verán, o que lles outorga unha aparencia máis feminina nesa época. En moitas especies, os machos adultos pasan épocas sen voaren porque buscan protexer o seu hábitat, para o que teñen suficiente alimento de reserva. Normalmente, posteriormente á muda da pluma, hai unha migración.

Pleuronectiformes

A dos pleuronectiformes (Pleuronectiformes), coñecidos popularmente como peixes planos, é unha orde de peixes teleósteos, caracteriasos por ter o corpo comprimido lateralmente e que, por viviren acostados sobre un dos seus lados nos fondos areosos, sofren unha modificación que consiste na migración dun ollo ao outro lado, de tal modo que presentan un lado cego, non pigmentado, que é o que se pousa no fondo, e outro cos dous ollos, pigmentado, que é o que aparece como superior (aínda que realmente sexa un dos costados do peixe).Esta asimetría bilateral (son os únicos vertebrados coa simetría bilateral alterada) só aparece nos exemplares adultos, xa que cando nacen presentan a morfoloxía típica de calquera peixe, cun ollo a cada lado e natación vertical.

Segundo as familias, o lado pigmentado pode ser o dereito, coma no linguado, ou o esquerdo, coma no rodaballo.

Para sabermos cal é o lado dereito ou o esquerdo dun peixe hai que colocalo sobre unha superficie co lado pigmentado cara a arriba e de forma que vexamos os ollos por riba da boca: se o peixe queda mirando á esquerda (coa cabeza á esquerda do observador e a cola á dereita) será un peixe esquerdo; se queda mirando á dereita, será un peixe dereito.

O nome procede dos termos do grego antigo πλευρά pleurá, "costado", "lado", "flanco" e νηκτόν nēktón "acto de nadar", "natación", derivado do verbo νήχειν nḗchein, "nadar", pola forma característica de nadar de lado, aos que se lle engade o sufixo latino -iformes, "en forma de", propio nos nomes das ordes de peixes (e das de aves).

Aparecen por primeira vez no rexistro fósil no paleoceno, hai uns 65 millóns de anos, durante o paleóxeno ou terciario temperán.A orde comprende moitas especies de grande interese pesqueiro, amplamente consumidos como alimento, entre outros os linguados, o rodaballo, as sollas, os rapantes e os fletáns.

Saga (literatura)

As sagas (do islandés saga, plural sögur) son historias literarias que narran a historia antiga escandinava, as viaxes dos viquingos, a migración a Islandia e as loitas entre familias islandesas. Escribíronse na antiga lingua norueguesa entre fins do século XII e o XIV. Os textos son contos épicos en prosa, frecuentemente inclúen poemas. As historias son con frecuencia realistas con algúns elementos fantásticos, fóra das sagas lendarias, de bispos e algunhas traducidas do latín.

As sagas divídense segundo o seu contido entre sagas de reis (Konungasögur), sagas de islandeses (Íslendingasögur), sagas lendarias (Fornaldarsögur), sagas de cabalería (Riddarasögur) e sagas de bispos (Biskuparsögur)

Terremoto

Un terremoto ou sismo é un fenómeno de vibración brusca e pasaxeira da codia da Terra, orixinado por movementos subterráneos de placas rochosas, de actividade volcánica, ou por movemento (migración) de gases no interior da Terra, principalmente metano. O movemento asociado é causado pola liberación rápida de grandes cantidades de enerxía na forma de ondas sísmicas.

O punto de orixe dun terremoto denomínase foco ou hipocentro. O epicentro é o punto da superficie terrestre que se atopa directamente sobre o hipocentro. Dependendo da súa intensidade e orixe, un terremoto pode causar desprazamentos da codia terrestre, corrementos de terras, tsunamis ou actividade volcánica. Para medir a enerxía liberada por un terremoto empréganse diferentes escalas, sendo a escala de Richter a máis coñecida e utilizada polos medios de comunicación.

Só nos Estados Unidos ocorren de 12 000 a 14 000 terremotos anualmente (ou sexa, aproximadamente 35 por día). En base a rexistros históricos de longo prazo, pódense esperar por ano aproximadamente uns 18 grandes terremotos (de 7,0 a 7,9 na escala de Richter) e un terremoto xigante (8 ou superior).

Xenética de poboacións

A xenética de poboacións é a póla da xenética cuxa problematica é describir a variación e distribución biolóxica, co obxecto de dar explicación a fenómenos evolutivos. Para iso, define a unha poboación como un grupo de individuos da mesma especie que están illados reproductivamente doutros grupos afíns. Estas poboacións, están suxeitas a mudanzas evolutivas nos que subxacen mudanzas xenéticas, as que á súa vez están influenciadas por factores como a selección natural e a deriva xenética que actúan principalmente diminuíndo a variabilidade das poboacións, ou migración e mutación que actúan aumentándoa.

Cabo destacar, que a perda de variabilidade xenética nas poboacións trae consigo dous graves problemas:

Coarta a posibilidade de que o home poida realizar melloramento xenético en especie de interese comercial e/ou recreativo, e

Diminúe a eficacia biolóxica (fitness) das especies ante novos cambios ambientais.Pola súa banda, a presenza de variabilidade xenética é desexable non só para o melloramento xenético ou conservación de especies, xa que o rol fundamental da variabilidade xenética é ser a materia prima para os procesos evolutivos, sen variabilidade non hai evolución. A interacción destes factores coas poboacións no tempo, permite a existencia de gran número de especies con variadas estruturas poboacionais e formas de vida.

Así, a xenética de poboacións é un elemento esencial da síntese evolutiva moderna. Os seus principais fundadores, Sewall Wright, J.B.S. Haldane e Ronald Fisher, estableceron ademais as bases formais da xenética cuantitativa. As obras fundacionais da xenética de poboacións son The Genetical Theory of Natural Selection (Fisher 1930), Evolution in Mendelian Populations (Wright 1931) e The Causes of Evolution (Haldane 1932).

Ácido hialurónico

O ácido hialurónico, tamén chamado hialurona ou hialuronato (desprotonado), é un heteropolisacárido aniónico, non sulfatado do grupo dos glicosaminoglicanos presente na matriz extracelular dos tecidos conectivos, epitelial, e nervioso. É único entre o grupo dos glicosaminoglicanos porque non está sulfatado, se forma na membrana plasmática e non no aparato de Golgi como os demais, e pode ser enorme, con pesos moleculares que a miúdo son de millóns de daltons.

É un dos compoñentes principais da matriz extracelular, e contribúe significativamente á proliferación e migración celular, e pode estar implicado na progresión dalgúns tumores malignos.

Unha persoa de 70 kg ten aproximadamente 15 g de ácido hialurónico no seu corpo, e un terzo do total é reciclado (degradado e sintetizado) cada día. O ácido hialurónico é tamén un compoñente da cápsula extracelular das bacterias do grupo dos estreptococos A, e crese que inflúe na virulencia da bacteria.A denominación "ácido hialurónico" procede do grego hyalos, que significa vítreo (porque foi inicialmente illado do humor vítreo) e do ácido glicurónico, que é un dos seus principais compoñentes. Porén, a molécula en condicións fisiolóxicas normais está na súa forma ionizada polianiónica, polo que moi a miúdo se lle denomina "hialurona". Finalmente, o termo "hialuronato" refírese á base conxugada do ácido hialurónico. Neste artigo utilizarase principalmente a denominación ácido hialurónico.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.