Microgramo

O microgramo é unha unidade de masa do Sistema Internacional de Unidades que equivale á milmillonésima parte dun quilogramo (10-9 kg) ou á millonésima parte dun gramo (10-6 g); o seu símbolo é µg.

Algunhas organizacións, como Joint Commission, propoñen a utilización da abreviatura mcg polo risco de confusión da letra grega µ cunha m do que resultaría unha dose mil veces maior.[1] Esta unidade de medida tamén era chamada gamma (símbolo: γ), nome e símbolo actualmente obsoletos, como sinónimos de microgramo.

O microgramo emprégase nas análises químicas cuantitativos para expresar a pequenísima cantidade de compoñentes que ten unha mostra. O aparello encargado de medir os microgramos é unha balanza analítica deseñada para iso, e igualmente dependendo do tipo de mostra, utilízase un equipo espectrofotómetro.

O microgramo nunca debe denominarse como micra. No argot da drogodependencia unha micra equivale a un decigramo (décima parte de 1 g), que é cen mil veces maior que o microgramo.[2]

Notas

  1. "New Joint Commission "do not use" list: abbreviations, acronyms, and symbols". AAPM&R. Consultado o 3 de xaneiro de 2009.
  2. Vivir das xiringas (El País, 9 de novembro de 1997)
Bromuro de etidio

O bromuro de etidio é un composto que funciona como axente intercalante usado comunmente como marcaxe fluorescente para ácidos nucleicos en laboratrorios de bioloxía molecular en técnicas como a electroforese en xel de agarosa. Abréviase xeralmente como "EtBr", que é tamén a abreviatura do bromoetano. Cando se expón á luz ultravioleta, emite fluorescencia de cor laranxa, que se intensifica case 20 veces unha vez que se une ao ADN. Leva sendo utilizado en veterinaria desde a década de 1950 co nome de Homidium para tratar a tripanosomíase no gando vacún, unha doenza causada polos protozoos tripanosomas. A alta incidencia de resistencia a antibióticos deste parasito fai que estes non sexan útiles en certas áreas, onde se utiliza no seu lugar o composto relacionado cloruro de isometamidio. O bromuro de etidio pode ser un mutáxeno, un carcinóxeno, ou un teratóxeno, aínda que isto depende do organismo exposto e das circunstancias da exposición.

Dose letal media

Coñécese como dose letal media a dose calculada estatisticamente dun produto químico que causa a morte ó 50% dos animais estudados, sendo a base do estudo a observación da letalidade.

Gramo

O gramo (g), é unha unidade de medida de masa do Sistema Internacional de Unidades.

Orixinalmente foi definido como a masa dun centímetro cúbico de auga a 3,98 °C. Actualmente considérase como un submúltiplo do quilogramo, exactamente a milésima parte.

1 g = 0,001 kg = 10-3 kg

Quilogramo

O quilogramo (comunmente quilo cando se usa para quilogramo-forza) é a unidade básica de masa do SI e o seu padrón, que se conserva na Oficina Internacional de Pesos e Medidas. O seu símbolo é kg.

Un quilogramo equivale a 1000 gramos pero, dado que no SI é a unidade fundamental de masa, non debe ser considerado como derivado do gramo.

Tamén é común que se utilice á vez como unidade de peso, aínda que se debería facer baixo o nome de quilogramo forza. O quilogramo-forza correspóndese, aproximadamente, co peso dunha masa de 1 quilogramo situada na superficie terrestre, a nivel do mar. A definición só é correcta na Terra, por canto intervén o valor da gravidade.

Tonelada

A tonelada (t) ou megagramo (Mg) é unha unidade de masa do sistema métrico decimal e do Sistema Internacional de Unidades. O seu nome deriva de tonel, que provén do diminutivo do francés antigo tonne, tonel grande.

Toxina diarreica dos moluscos

A toxina diarreica dos moluscos (tamén coñecida polo acrónimo inglés DSP, de inglés Diarrhoeic Shellfish Poisoning ou noutras fontes Diarrhetic Shellfish Poisoning), ou enterotoxina é unha familia de biotoxinas representadas polo ácido ocadaico, as dinofisistoxinas, as pectenotoxinas e as xesotoxinas. A presenza destas toxinas nos moluscos bivalvos pode producir unha intoxicación alimentaria nos consumidores.

Son toxinas producidas por distintas especies de dinoflaxelados dos xéneros Prorocentrum e Dinophysis (fundamentalmente, D. acuminata).

Das tres biotoxinas que poden detectarse nas augas galegas (ASP, DSP e PSP), a DSP é a máis común, tanto no que respecta á extensión xeográfica como á súa presenza ó longo do ano, afectando sobre todo ó mexillón e á ostra pero tamén a outras especies de moluscos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.