Micenas

Micenas (IPA /my'ke:nai/, en grego moderno: Μυκήνες /mi'cines/) é un sitio arqueolóxico en Grecia, localizado preto de 90 km ao suroeste de Atenas, no nordeste do Peloponeso. No segundo milenio a.C, Micenas foi un dos maiores centros da civilización grega e unha potencia militar que dominou a maior parte do sur de Grecia. O período da Historia de Grecia de preto de 1600 a.C. a preto de 1100 a.C. chámase Micénico en recoñecemento á posición de liderado de Micenas.

Crese que a acrópole ou "cidade alta" de Micenas foi fortificada no 1500 a.C. aproximadamente, debido á presenza de túmulos verticais que datan deste período. As fortificacións na acrópole e noutros outeiros circundantes reconstruíronse aproximadamente no 1350 a.C. nun estilo coñecido como "ciclópeo", porque os bloques de pedra usados eran tan grandes que os gregos xulgaron que foron traballo de xigantes dun único ollo, coñecidos como ciclopes. Dentro destes muros, parte dos cales aínda poden ser vistos, erguéronse palacios monumentais.

En períodos posteriores, os micénicos pararon de enterrar os seus reis en túmulos verticais e pasaron a construír enormes sepulturas circulares chamadas tholoi, frecuentemente construídas nos lados dos outeiros. A maior delas (o Círculo A) foi descuberta polo arqueólogo alemán Heinrich Schliemann. Como esas enormes sepulturas foron saqueadas moito tempo antes, él non se decatou que era un túmulo e deulle o nome de Sala do Tesouro de Atreo.

A construción máis coñecida de Micenas é a Porta dos Leóns, que ergueuse aproximadamente no 1250 a.C.. Nesta época, Micenas probabelmente era unha cidade próspera, cun poder político, militar e económico que se estendía até Creta, Pilos, no Peloponeso occidental, e até Atenas e Tebas. Pero preto do 1200 a.C. o poder de Micenas estaba xa declinando e durante o século XII a.C., o dominio micénico entrou en colapso. Tradicionalmente, isto atribúese a unha invasión dos dorios, gregos do norte, aínda que algúns historiadores dubiden que tal invasión teña acontecido.

A lembranza do poder de Micenas mantívose nas mentes dos gregos durante os séculos seguintes, coñecidos como a Idade das Tebras. Os poemas épicos atribuídos polos gregos de xeracións posteriores a Homero, a Ilíada e a Odisea, preservan memorias do período micénico. Os poemas de Homero presentan a Agamenón, Rei de Micenas, como o líder dos gregos na Guerra de Troia.

Durante o período Clásico inicial, Micenas habitouse novamente, aínda que xamais recuperou a súa antiga importancia. Os micénicos combateron en Termópilas e en Platea durante as Guerras Persas. Entrementres, no 468 a.C., tropas de Argos capturaron a cidade e expulsaron os habitantes. Durante os períodos Helenístico e Romano, as ruínas de Micenas eran unha atracción turística, así como son hoxe. Unha pequena aldea xurdiu para atender aos negocios xerados polos turistas. Porén, o lugar abandonouse no final do Imperio Romano.

As primeiras escavacións en Micenas realizáronse polo arqueólogo grego Pittakis en 1841, quen encontrou e restaurou a Porta dos Leóns. En 1874, Schliemann chegou ao lugar e realizou unha escavación completa. Schliemann consideraba como verdade histórica os poemas de Homero e interpretou as súas descubertas nesa liña. Encontrou os antigos túmulos verticais cos seus esqueletos reais e artefactos fúnebres espectaculares. Cando descubriu unha máscara mortuaria de ouro nun dos túmulos, exclamou: "Contemplen o rostro de Agamenón!".

Desde a época de Schliemann, realizáronse máis escavacións científicas en Micenas, principalmente por arqueólogos gregos mais tamén pola Escola Británica de Atenas. A acrópole escavouse en 1902, e os outeiros circundantes investigáronse metodicamente por escavacións posteriores.

Hoxe, Micenas, un dos lugares de fundación da civilización europea, é un destino turístico popular. O lugar foi ben preservado, e as grandes ruínas dos muros ciclópeos e dos palacios na acrópole aínda causan a admiración dos visitantes, particularmente cando se lembra que tales muros foron erguidos mil anos antes dos monumentos da Grecia clásica.

Sitios arqueolóxicos de Micenas e Tirinto
Lions-Gate-Mycenae
A Porta dos Leóns en Micenas
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
PaísGrecia Grecia
Localización37°43′51″N 22°45′22″L / 37.73083, -22.75611
TipoCultural
CriteriosI, II, III, IV, VI
Inscrición1999 (23ª sesión)
Rexión da UNESCOEuropa e América do Norte
Identificador941
Mycenae lion gate dsc06382
A Porta dos Leóns en Micenas
Mykene.Treasure.of.Atreus.tholos
Entrada ao Tesouro de Atreo
Mycenae ruins dsc06388
Ruínas de Micenas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Agamenón

Agamenón é un personaxe da mitoloxía grega. Foi o rei de Argos e Micenas.

Andrómeda (mitoloxía)

Na mitoloxía grega Andrómeda (en grego antigo Ἀνδρομέδα, 'gobernante dos homes') era filla de Cefeo e de Casiopea, reis de Etiopía.

Casiopea, presumindo de ser tan bela como as Nereidas, provocou a furia de Poseidón, quen enviou unha inundación sobre a terra e un monstro mariño, Ceto, para que acabase con homes e gando. Sabendo polo oráculo de Amón que non poderían atopar unha solución ata casar a súa filla Andrómeda co monstro, o rei Cefeo deixouna encadeada a unha rocha, espida e con xoias.

Perseo, cabalgando polo aire co seu cabalo alado Pegaso de volta tras matar a Gorgona, viu a Andrómeda e namorou dela. Baixou á praia a falar con Cefeo e Casiopea para pedir a súa man se a libraba do monstro mariño. Os pais aceptaron de mala gana. Perseo con Pegaso loitou co monstro mariño, matouno e usou a cabeza da Medusa (que convertía en pedra a quen a miraba e que conseguira cortar Perseo anteriormente) para petrificar o animal e convertelo en coral. Despois desatou a Andrómeda e, cando querían casar, Casiopea negouse porque xa lle prometera a man de Andrómeda ao príncipe Agenor. Perseo loitou contra Agenor e o seu séquito e logo de matar a moitos viuse obrigado a usar a cabeza da Medusa e petrificou os que quedaban. Andrómeda casou felizmente con Perseo.

Andrómeda marchou tras o seu marido a Tirinto en Argos, e converteuse na nai de seis fillos (os Perseides): Perses, Alceo, Méstor, Heleo, Electrión e Esténelo, e unha filla, Gorgófene. Os seus descendentes gobernaron Micenas desde Electrión ata Euristeo, tras quen Atreo obtivo a coroa, e inclúe ao grande heroe Heracles. Segundo esta mitoloxía, Perses é o devanceiro dos persas.

Tras a súa morte, Andrómeda foi situada por Atenea entre as constelacións do ceo do norte, preto de Perseo e Casiopea. Sófocles e Eurípides (e en época máis recente Pierre Corneille) escribiron varias traxedias a partir da historia, e os seus incidentes foron representados en numerosas obras de arte antigas.

Andrómeda é representada no ceo do hemisferio norte pola constelación Andrómeda, que contén a galaxia de Andrómeda.

Este mito foi representado nunha versión modificada da película de 1981 Furia de Titáns.

Anfitrión

Anfitrión, na mitoloxía grega, era fillo de Alceo e home de Alcmena.Pterelao devastara o reino de Electrión, tío de Anfitrión, roubando o tesouro da cidade e matando aos oito fillos de Electrión, este para vingar os fillos e recuperar o tesouro da cidade xunta un grande exército e deixa a Anfitrión como rexente, prometéndolle como esposa á súa filla Alcmena.

Mentres Electrión combatía, o rei de Elide enviou un mensaxeiro a Micenas anunciando que o tesouro estaba no seu poder e que o restituiría a cambio dun rescate. Anfitrión aceptou, pero á volta de Electrión, acusáronno de complicidade cos ladróns e mata accidentalmente a Electrión. Esténelo, irmán de Electrión e tío de Anfitrión, toma posesión de Micenas e exilia a Anfitrión a Tebas con Alcmena, onde o rei Creonte lles dá asilo. Alcmena négase a consumar o matrimonio mentres Anfitrión non vingue aos seus irmáns. Creonte promételle axuda se libera á cidade do raposo do monte Teumesso, animal semidivino, tan veloz que non podía ser alcanzado por ninguén. Cada mes os tebanos dábanlle un meniño para que o golpe os deixara tranquilos.

Anfitrión pide axuda a Céfalo, un mozo ateniense que posuía un can estraordinario, do que ningún animal escapaba, Lelope. Cefalo aceptou, pero Zeus decide converter os dous animais en estatuas. Anfitrión obtén así o seu exército e parte para reconquistar o seu reino. Durante a súa ausencia, Zeus presentouse a Alcmena, uníndose a ela, desta unión nace Heracles.

Aqueos

Os aqueos (en grego: Ἀχαιοί, Akhaioi) foron unha das catro tribos principais nas cales o pobo da Grecia clásica se dividía a si mesmo (xunto cos eolios, xonios e dorios). Segundo o mito fundacional formalizado por Hesíodo, o seu nome provén de "Aqueo", o fundador mítico da tribo aquea, quen supostamente era un dos fillos de Xuto e Creúsa medio irmán de Ión (devanceiro epónimo dos Xonios). Xuto era á súa vez o fillo de Helén, o patriarca mítico da nación dos gregos.Historicamente, os membros da tribo aquea habitaron a rexión de Acaia no norte do Peloponeso. Os aqueos xogaron un papel activo na colonización grega do sur de Italia, fundando a cidade de Kroton (Κρότων) en -710. A cidade acadou a fama logo de ser o lugar onde se fundou a Escola Pitagórica. Ó contrario que as outras tribos principais (xonios, dorios e eolios), os aqueos non tiñan un dialecto de seu no período clásico e falaban o grego dórico.

A Argólide convértese no seu feudo e desde ela dominan o resto de Grecia. Homero fala así de «Aqueos» ou de «Arxivos» para designar o conxunto dos gregos reunidos ante Troia. Os seus centros principais soan as cidades de Argos, Tirinto, Pilos, pero sobre todo Micenas, de onde vén o nome de civilización micénica para o período que vai do século XVII ao XII antes da nosa era, aproximadamente. A caída do dominio micénico atribúese tradicionalmente á invasión doria, pero hoxe se pensa que a grande invasión foi máis ben unha serie de pequenas incursións, espazadas no tempo.

Argos, Grecia

Argos (en grego antigo Άργος) é unha cidade grega do Peloponeso, na prefectura de Argólida, situada preto da capital da prefectura, Nauplia, que é o seu porto histórico. Estaba a uns 5 km da costa e tiña unha cidadela chamada Larisa. Considérase como a máis antiga cidade de Grecia. A súa fundación data do 2000 a.C. No pasado foi unha cidade próspera, pero hoxe no seu lugar só existen ruínas, á beira da cidade moderna, duns 30.000 habitantes. A rexión de Argos chámase Argólida.

Segundo a mitoloxía grega foi o berce de moitos heroes que participaron na guerra de Troia.

Numerosos restos do pasado atraen aos turistas á cidade. Tamén son característicos os cultivos de cítricos, que arrodean a cidade e enchen o val en que se encontra.

A cidade moderna sitúase ao pé dun outeiro, e ten unha serie de edificios modernos dominados polo castelo de Larisa a 300 metros por encima. Deste castelo, (do século XIII), só perduran as súas paredes exteriores e a armazón dun torreón. Desde a súa altura aprécianse fermosas vistas da costa e da cidade no medio de extensos hortos de cítricos e oliveiras. Tamén no castelo hai un museo onde se exhiben cerámicas, armas, mosaicos e unha armadura de bronce do século VIII a.C.

Civilización minoica

A civilización minoica desenvolveuse na illa de Creta (actual Grecia) ó longo da primeira metade do segundo milenio antes de Cristo. Os minoicos eran unha cultura prehelénica anterior ás culturas heládica ou micénica. Sorprende polas súas realizacións en case tódolos aspectos, a pesar de a illa dispor de recursos escasos.

A importante artesanía cretense contribuíu ó incremento da riqueza e do comercio con Exipto. O goberno -forte e centralizado- convértese no centro da vida cretense. Os palacios son residencia de gobernantes e funcionarios, centros relixiosos de culto e ata centros de distribucións de mercadorías.

Ata o de agora atopáronse catro palacios na illa: Cnosos, Festos, Malia e Kato Zakro. As comodidades e os luxos que reflicten as escavacións arqueolóxicas revelan unha forma de vida refinada e de alto nivel, entregada ó ocio e ás diversións, o que nos indica que o conxunto da estrutura social funcionaba de bo xeito.

Electra

Na mitoloxía grega, Electra (en grego antigo Ἠλέκτρα Êléktra Êléktra) ou Laódice era, de acordo coa narración homérica, filla de Agamenón e Clitemnestra. Estaba ausente de Micenas cando o seu pai volveu da Guerra de Troia e foi asasinado (xunto con Casandra, a súa concubina) por Existo, o amante de Clitemnestra ou pola mesma Clitemnestra.

Oito anos máis tarde, Electra volveu de Atenas co seu irmán, Orestes. Segundo Píndaro, a Orestes salvárono a súa vella ama de cría ou Electra, que o levaron a Fanote, tras o monte Parnaso, onde o confiaron ao rei Estrofo.

Cando cumpriu vinte anos, o oráculo en Delfos ordenou a Orestes que regresase á súa patria e vingase a morte do seu pai. Segundo Esquilo, atopouse con Electra ante a tumba de Agamenón, onde ambos foran a render honras fúnebres aos mortos, recoñecéronse e puxéronse de acordo para que Orestes puidese vingar ao seu pai.

Orestes, logo de vingarse (nalgunhas versións con axuda de Electra), volveuse tolo, e foi perseguido polas Erinias, a misión destas misión era castigar calquera transgresión dos lazos de piedade familiar. Electra non foi acosada polas Erinias.

Orestes refuxiouse no templo en Delfos. Aínda que Apolo (ao cal estaba dedicado o templo délfico), lle ordenou vingarse, foi incapaz de protexelo das consecuencias das súas accións.

Ao fin, Atenea (tamén coñecida como areia) recibiuno na Acrópole de Atenas e arranxou un xuízo ante doce xuíces áticos. As Erinias reclamaron a súa vítima; el presentou como atenuante as ordes de Apolo; os votos dos xuíces estaban equitativamente divididos, pero Atenea deu o seu voto de calidade a favor da absolución.

Máis tarde Electra casou con Pílades, amigo íntimo de Orestes e fillo do rei Estrofo, o mesmo que coidara de Orestes mentres se escondía da súa nai e de Existo, o seu amante.

Existe unha traxedia chamada Electra de Sófocles e outra chamada tamén Electra de Eurípides, nas que os seus argumentos están baseados neste mito.

Grego micénico

O micénico é a máis antiga forma coñecida da lingua grega, falada na Grecia continental e en Creta nos séculos -XVI a -XI, antes da invasión doria. Consérvase en inscricións en Lineal B, unha escrita inventada en Creta polo século -XIV. A maior parte dos exemplos desta escrita están en taboíñas de arxila atopadas en Knossos e en Pilos. A lingua recibe o nome de Micenas, o primeiro dos palacios que se escavou.

As taboíñas permaneceron moito tempo sen descifrar, propoñéndose todas as linguas concibíbeis como a que subxacía nelas, ata que Michael Ventris descifrou a escrita en 1952 e probou máis aló de toda dúbida que a lingua era unha forma antiga do grego.

A maioría dos textos das taboíñas son listas e inventarios. Non hai ningún texto narrativo e menos poético. Porén estas listas botan moita luz sobre o pobo que as escribiu e sobre o período micénico, ás vésperas da denominada Idade Escura de Grecia.

Heinrich Schliemann

Johann Ludwig Heinrich Julius Schliemann, coñecido como Heinrich Schliemann, nado en Neubukow, Mecklemburgo, o 6 de xaneiro de 1822 e finado en Nápoles, Italia, o 26 de decembro de 1890, foi un millonario prusiano que, tras amasar unha fortuna, dedicouse ao seu gran soño: a arqueoloxía. A suxestión do diplomático Frank Calvert, que traballara no lugar sete anos antes, escavou o emprazamento de Troia en Hisarlik, e noutros sitios homéricos como Micenas, Tirinto e Orcómeno, demostrando que a Ilíada describía realmente escenarios históricos.

Heráclidas

Os heráclidas (en grego antigo Ἡρακλεῖδαι Hêrakleĩdai) eran os fillos de Heracles (Hércules) e os seus descendentes. O termo aplícase nun sentido máis estrito aos descendentes de Hilo, o máis vello dos catro fillos que Heracles tivo con Deianira (aínda que ás veces considerábase Mélite a nai de Hilo). Outros heráclidas eran Macaria, Axelao, Manto, Tlepólemo, Télefo e Bianor. Estes heráclidas foron un grupo de reis dorios que conquistaron os reinos peloponesios de Micenas, Esparta e Argos reclamando, segundo a lenda, o seu dereito a gobernalos polos seus devanceiros. A súa ascensión ao poder adóitase chamar «invasión doria».

Idade de Bronce

A Idade de Bronce é un período na civilización en que se desenvolveu o emprego deste metal na metalurxia, resultado da mestura de cobre e estaño. O bronce foi inventado en oriente medio cara ao IV milenio a. C. substituíndo ao cobre, que dera lugar ao período Calcolítico, aínda que noutros lugares esta última idade foi descoñecida e o bronce substituíu directamente ao período Neolítico. Na África negra o Neolítico foi seguido da Idade de Ferro.

A data de adopción do bronce varía segundo as culturas:

Na Asia central o bronce chega ao redor do 2000 a.C. en Afganistán, Turkmenistán e Irán.

Na China adóptao a dinastía Shang (1766 a.C.- 1122 a.C.).

Ifixenia

Ifixenia era unha dos catro fillos de Agamenón, rei da cidade de Micenas, e da raíña Clitemnestra.

Menelao

Menelao é unha figura da mitoloxía grega, rei de Esparta, era o fillo menor de Atreo e Aérope, e irmán de Agamenón rei de Micenas.

Orestes

Orestes (en grego antigo Ὀρέστης) é un personaxe da mitoloxía grega, único fillo home de Agamenón e Clitemnestra.

Segundo a historia homérica Orestes estaba ausente de Micenas cando o seu pai volveu da Guerra de Troia e foi asasinado polo amante da súa esposa, Egisto. Oito anos despois Orestes volveu de Atenas e vingou a morte do seu pai asasinando o amante da súa nai. Segundo Píndaro, Orestes foi salvado pola súa aia Arsínoe ou a súa irmá Electra, que o sacou do país cando Clitemnestra quería matalo. Fuxiu a Fanote, ao monte Parnaso, onde o rei Estrofio se fixo cargo del.

No seu vixésimo aniversario o oráculo de Delfos ordenoulle volver ó seu fogar e vingar a morte do seu pai. Orestes regresou a casa xunto co seu amigo Pílades, fillo de Estrofio. Segundo Esquilo, Orestes atopouse coa súa irmá Electra ante a tumba de Agamenón, onde ambos os dous foran a rendir honras ao defunto; recoñecéronse e planearon o modo en que Orestes levaría a cabo a vinganza. A mesma historia básica é narrada de formas diferentes por Sófocles e Eurípides nas súas respectivas obras tituladas Electra.

Nas Euménides de Esquilo, trala vinganza (ás veces coa axuda de Electra) Orestes tolea e é perseguido polas Erinias (que non fan o mesmo con Electra), cuxo deber é castigar calquera violación dos nós de piedade familiar. Orestes refúxiase no templo de Delfos, pero, malia que Apolo lle ordenara levar a cabo a vinganza, non é quen de protexer a Orestes das súas consecuencias. Finalmente, Atenea recíbeo na acrópole de Atenas e organiza un xuízo formal do caso ante o Areópago, un tribunal formado por doce xuíces áticos. As Erinias esixen a súa vítima, Orestes alega que recibira as ordes de Apolo, e os votos dos xuíces quedan divididos equitativamente e Atenea o declara inocente co seu voto decisivo. As Erinias son pacificadas cun novo ritual no que son adoradas como Euménides e Orestes dedica un altar a Atenea Areia.

Con Esquilo o castigo termina aquí, pero, segundo Eurípides, para poder escapar da persecución das Erinias, Apolo ordenou a Orestes ir a Tauro (actual Crimea), apoderarse da estatua de Artemisa Tauropola, que caera do ceo, e levala a Atenas. Orestes marchou a Tauro con Pílades e os dous foron encarcerados polos habitantes da rexión, os tauri, que tiñan por costume sacrificar todos os estraños a Artemisa. A sacerdotisa de Artemisa encargada de realizar o sacrificio era a súa irmá Ifixenia, quen ofrece liberar a Orestes (sen saber que era seu irmán) se este leva consigo unha carta até Grecia. Orestes rexeita facelo, pero ofrece a Pílades levar a carta mentres el queda para ser sacrificado. Tras un conflito de mutuo afecto, Pílades termina por acceder, pero a carta fai que Orestes e Ifixenia se recoñezan e os tres escapan xuntos, levando con eles a imaxe de Artemisa.

Tralo seu retorno a Grecia, Orestes toma posesión do reino do seu pai, Micenas (matando o fillo de Egisto, Aletes), e anexiona Argos e Laconia.

Morre pola mordedura dunha serpe en Arcadia, e o seu corpo é levado a Esparta (onde é soterrado e se converte en obxecto de culto) ou, segundo unha lenda italiana, a Aricia, de onde é trasladado a Roma (Servio, Sobre a Eneida, ii.116).

Antes da Guerra de Troia, Orestes estivera prometido á súa curmá Hermíone, filla de Menelao. Tras ela, Menelao quixo que a súa filla casase con Neoptólemo. Orestes e Neoptólemo loitaron, e este último morreu. Ao casar con Hermíone e facerse con Argos e Arcadia despois de que os seus tronos quedaran vacantes, Orestes chegou a ser o gobernante de todo o Peloponeso. O seu fillo, Tisámeno, foi máis tarde asasinado polos heráclidas.

Nunha versión da historia de Télefo, Orestes foi apresado por este, quen esixía que Aquiles o sandase.

Segundo algunhas fontes, Orestes foi pai de Pentilo coa súa medio-irmá Erígone.

Perseo

Perseo Περσεύς, o lendario fundador de Micenas e da dinastía micénica dos Aqueos, foi o primeiro dos heroes da mitoloxía grega cuxas fazañas na derrota de varios monstros deron pé á creación dos mitos dos deuses olímpicos. Perseo decapitou a gorgona Medusa, e salvou a Andrómeda do monstro mariño Ceto.

Período micénico

O Período micénico da historia de Grecia abarca desde o 1600 a.C. ao 1100 a.C., cando Micenas era un dos maiores centros de civilización e unha potencia militar que dominaba a maior parte do sur da Grecia. O período micénico constitúe a derradeira fase da Idade de Bronce na Grecia Antiga e é o escenario das narrativas épicas de Homero e de boa parte da mitoloxía grega. Rematou coa invasión dos dorios, aínda que hoxe se dubida de se existiu tal invasión.

Os descendentes dos invasores que remataran coa Creta minoica foron incorporando elementos de civilización preexistente e arredor de 1600 a. C. tiñan unhas monarquías cuxa sede estaba en palacios moi sinxelos, pero que conservaban trazos do seu pasado tribal, xa que o rei tiña mero carácter simbólico e as decisións tomábanse en asemblea de notables.

O Bronce medio vense a converter na plena adaptación ao medio mediterráneo, dedicados o cultivo da vide, oliveira e algúns frutais como a figueira. Practicaban tamén a artesanía do bronce e a cerámica con torno de olería por vez primeira. Non tardaron en establecer contactos comerciais e esta nova realidade económica impulsou as necesidades defensivas, coa construción de fortificacións novas e máis eficaces. Tamén a monarquía foi deixando detrás o seu aspecto tribal, esvaeceuse a importancia da asemblea en favor dunha monarquía autocrática, moi semellante aos despotismos orientais. O rei estaba asistido por un primeiro ministro (lawagetas) con funcións civís e militares e un corpo de funcionarios moi estruturado e eficaz. Existía un clero moi poderoso e a súa relixión, de carácter sincrético con divindades xerarquizadas e cuxo deus supremo tiña como símbolo o raio. Nos palacios atopáronse arquivos de tabelas na escrita lineal B, con censos, inventarios etc, que controlaban as actividades no ámbito do rei.

O nome de micénicos procede de Micenas a cidade fortificada máis importante. Os palacios nesta época deixaron de ser meros caseróns para se converter en construcións luxosas e con servizos. A súa principal actividade económica aínda era a explotación da terra. As labouras do campo levábanas a cabo comunidades campesiñas, controladas pola burocracia. Outras labouras controladas dende o palacio eran a gandería e a metalurxia. Hai probas da existencia de comercio con Creta, Asia Menor, Chipre, Exipto, Siria, as costas do Mar Negro, Libia Sicilia, e os sur de Italia.

Aínda que Micenas era o reino máis importante (polo menos palacios atopados) houbo outros repartidos pola Grecia continental e as illas do mar Exeo. Os principais achados destes reinos están no Peloponeso, Tirinto, e Pilos. Ao norte do istmo de Corinto destacan os de Atenas, Orcómeno, Tebas e Gla (estas tres últimas na Beocia)

O aumento de poder económico e a militarización levaron por razóns defensivas a unha fase imperialista, alentada polo descubrimento e explotación de novas rotas comerciais, materias primas e mantemento de provedores e mercados. Conquistouse Creta e penetrouse na illa até poñer fin á cultura minoica. Tamén se conquistou Rodas e hai achados de presenza aquea en Chipre. Xa cara o final do período micénico, produciuse un feito dunha grande repercusión literaria, a guerra de Troia (Ilión) que quedou destruída. A partir do 1200 a. C. as fortalezas quedaron destruídas, caeron as monarquías asentadas nelas debido sobre de todo á invasión dos dorios, até entón establecidos ao norte de Grecia (Tracia), aínda que algúns autores ven nesta caída sinais de desordes internos ou unha efervescencia étnica que provocou a caída do Imperio Hitita. Neste tempo se produciu unha migración masiva dos gregos ás costas occidentais de Asia Menor e Chipre. Sexa como for, ás poboacións anteriores, que con criterio lingüístico se clasifican como aqueos e xonios, vense a engadir os dorios, no que quedou formada a familia definitiva dos que se coñece como gregos. Coincidindo máis o menos con estes trastornos étnicos, introdúcese en Grecia a metalurxia do ferro, a cerámica con decoración xeométrica e certas formas relixiosas, cun desprazamento das divindades femininas por unhas masculinas e coa adopción do rito funerario da incineración en lugar da inhumación.

Tirinto

Tirinto ou Tirinte (en grego antigo Τίρυνς e en moderno Τίρυνθα) é un emprazamento arqueolóxico micénico no nomos grego da Argólida na península do Peloponeso, algúns quilómetros ao norte de Nauplia.

Tivo asentamentos desde o Neolítico e alcanzou o seu cénit entre o -1400 e o -1200 Os seus elementos máis notábeis foron o seu palacio, os seus túneles ou pasadizos e dous aneis de murallas ciclópeas, sobre todo estas últimas, posto que lle outorgaron á cidade o epíteto homérico de Tirinto, a de grandes murallas. A súa acrópole recibía o nome de Licimna.

Ártemis

Para a planta chamada artemisa véxase o artigo:Herba de Nosa Señora.

Na mitoloxía grega, Ártemis éra a deusa da caza e das bestas salvaxes. É a irmá xemelga de Apolo e filla de Leto e Zeus. Posteriormente, chegouse a identificar con Hécate, a deusa dos mortos, que recibe como sacrificio humano a Ifixenia, filla de Agamenón. Este, antes de partir a Troia, ten que ofrecer á súa propia filla en sacrificio á deusa para que os ventos que lle impiden saír da cidade de Micenas cesen. Isto comportará o odio da súa esposa Clitemnestra que, á volta da guerra, dará morte ó seu marido coa axuda do seu amante Existo. Do mesmo xeito, tamén se asimilou a Selene, deusa da Lúa, que bica pola noite ó pastor Endimión, castigado por Xuno a durmir trinta anos. O templo máis importante da deusa estaba na cidade xonia de Éfeso, considerado unha das sete marabillas da Antigüidade, foi construído no ano 356 a.C. cun impoñente tamaño e unha profusa decoración helenística. Asemade, foi destruído no ano 262 d.C. polos godos. As lendas máis importantes nas que participa de forma activa a deusa son as seguintes:

O castigo de Níobe. Níobe era filla de Tántalo e tivo seis fillos e seis fillas, mentres que Leto tivera tan só dous: Apolo e Ártemis. Entón a mortal comezouse a mofar da "escasa" fertilidade da deusa e, ante este ultraxe, os dous xemelgos responderon cunha cruel matanza, acabando Apolo cos seis fillos e Ártemis coas seis fillas, aínda que fontes máis tardías aseguran que a deusa salvou a unha das rapazas de Níobe converténdoa en sacerdotisa para o seu templo.

O príncipe Acteón. Certo día, a deusa Ártemis estaba a se bañar nun río totalmente espida. Entón, Acteón, que estaba cazando e se achegara ó escoitar uns ruídos, apartou as pólas que cubrían á deusa, véndoa espida. Ela, moi anoxada, rociouno con auga e converteuno nun cervo que, de seguido, foi perseguido e morto polos seus propios cans de caza. Deste episodio, danos boa conta Ovidio nas Metamorfoses.

A deusa adóitase representar armada con alxaba, arco e frechas, que comparte co seu irmán Apolo. Considérase a fundadora e deusa principal para a lendaria tribo das Amazonas que, como a deusa, dedicábanse á caza e á loita.

Tamén é protectora da virxindade e castidade femininas, as cales protexeu contra o cazador Orión do que a deusa se namorou mandándolle un escorpión para que o matara unha vez que este a intentara violar. Como deusa, pode chamar a atención a súa falta de piedade que, nun primeiro momento, salta á vista. Pero esta falta de bondade ou piedade non é tan evidente en realidade, pois tamén proporcionaba unha doce morte ás mulleres no parto cando as cousas se complicaban.

En Roma, asimilouse a Diana, coa que compartía multitude de semellanzas e, unha vez inserida nesta civilización, tamén se lle atribúen novos mitos, destacando a súa participación na obra cumio de Virxilio, a Eneida, onde en todo momento axuda e defende á amazona Camila, a cal, unha vez morta por Arrunte, é vingada pola deusa. En Roma, construíuselle un templo no Aventino e a súa festa celebrábase nos idos de agosto, isto é, o día trece.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.