Metal

Un metal é un material distinguido pola súa habilidade para conducir calor e electricidade. Están agrupados na táboa periódica dos elementos. Teñen de 1 a 3 electróns de valencia, sendo os seus átomos pouco electronegativos e tendo unha baixa enerxía de ionización.

Os metais teñen certas propiedades físicas características: poden ser brillantes, ter alta densidade, ser dúctiles e maleables, ter un punto de fusión alto, ser duros, e ser bos condutores da calor e da electricidade.

Estas propiedades débense ó feito de que os electróns exteriores están ligados só lixeiramente ós átomos, formando unha especie de mar que os baña a todos (ver semicondutor), que se coñece como Enlace metálico.

Os metais poden formar aliaxes entre si e clasifícanse segundo a súa densidade en:

  • Ultralixeiros: Densidade en g/cm³ inferior a 2. Os máis comúns deste tipo son o magnesio e o berilio.
  • Lixeiros: Densidade en g/cm³ inferior a 4,5. Os máis comúns deste tipo son o aluminio e o titanio.
  • Pesados: Densidade en g/cm³ superior a 4,5. Son a maioría dos metais.
Metal cube tin
Cubo metálico de estaño.

Historia

Copper adze
Ferramentas de cobre datadas contra o 3000 a.C. no antigo Exipto

Metais como o ouro, a prata e o cobre xa se empregaron dende a prehistoria. Ao principio usáronse só os que se atopaban facilmente en estado puro, mais paulatinamente foise desenvolvendo a tecnoloxía necesaria para obter novos metais a partir das súas menas, quecéndoos nun forno mediante carbón vexetal.

O primeiro grande avance produciuse co descubrimento do bronce, frotio da utilización de mineral de cobre con incursións de estaño, entre o 3500 e o 2000 a.C., en diferentes rexións do planeta, xurdindo a Idade de Bronce que sucedeu á Idade da Pedra. Outro feito importante na historia foi a utilización do ferro contra o 1400 a.C. Foron os hititas un dos primeiros pobos en empregalo para elaborar armas, como espadas.

Non obstante, na antigüidade non se sabía acadar a temperatura necesaria para fundir o ferro, polo que se obtiña un metal impuro que había de ser moldeado con golpes de martelo. Contra o 1400 comezaron a empregarse os fornos provistos de foles,[1] que permiten alcanzar a temperatura de fusión do ferro, uns 1535 °C. Henry Bessemer descubriu un modo de producir aceiro en grandes cantidades cun custo razoable. Tras numerosos intentos fracasados, deu cun novo deseño de forno (o convertidor Thomas-Bessemer) e, a partir de entón, mellorou a construción de estruturas en edificios e pontes, pasando o ferro a un segundo plan.

Pouco despois empregouse o aluminio e o magnesio, que permitiron desenvolver aliaxes moito máis lixeiras e resistentes, moi empregadas en aviación, transporte terrestre e ferramentas portátiles. O titanio, é o último dos metais abundantes e estables cos que se está a traballar e espérase que, en pouco tempo, o uso da tecnoloxía do titanio se xeneralice.

Propiedades dos metais

Vicaria acabado
A gran resistencia do metal xunto coa facilidade do seu traballo fano un material excelente para calquera construción, como a ponte de La Vicaria, construído en aceiro corten.

Os metais posúen propiedades características, entre elas que son condutores da electricidade. A maioría deles son de cor agrisada, mais outros presentan cores distintas: o bismuto (Bi) é rosado, o cobre (Cu) avermellado e o ouro (Au) amarelo. Noutros metais aparece máis dunha cor; este fenómeno denomínase policromismo.

Otras propiedades serían:

  • Maleabilidade: capacidade dos metais de facerse láminas ao seren sometidos a esforzos de compresión.
  • Ductilidade: propiedade dos metais de moldeárense en arames e fíos ao seren sometidos a esforzos de tracción.
  • Tenacidade: resistencia que presentan os metais ao rompérense ou recibiren forzas bruscas (golpes etc.)
  • Resistencia mecánica: capacidade para resistir esforzo de tracción, compresión, torsión e flexión sen deformárense nin romperen.

A ciencia de materiais define un metal como un material no que existe un solapamente entre a banda de valencia e a banda de condución na súa estrutura electrónica (enlace metálico). Isto dáslle a capacidade de conducir de xeito doado calor e electricidade, e xeralmente a capacidade de reflectir a luz, o cal lles dá o seu brillo.

Obtención

GoldNuggetUSGOV
Un fragmento de ouro nativo.

Algúns metais atópanse en forma de elementos nativos, como o ouro, a prata e o cobre, aínda que non é o estado máis usual.

Moitos metais atópanse en forma de óxidos. O oxíxeno, ao estar presente en grandes cantidades na atmosfera, combínase moi facilmente cos metais, que son elementos redutores, formando compostos como o corindón (Al2O3) e a hematita (Fe2O3).

Os sulfuros constitúen o tipo de mena metálica máis frecuente. Neste grupo destacan o sulfuro de cobre (I), Cu2S, o sulfuro de mercurio (II), HgS, o sulfuro de chumbo, PbS e o sulfuro de bismuto (III), Bi2S3.

Os metais alcalinos, ademais do berilio e do magnesio, adoitan extraerse a partir dos cloruros depositados debido á evaporación de mares e lagos, aínda que tamén se extraen da auga do mar. O exemplo máis característico é o cloruro sódico ou sal común, NaCl.

Algúns metais alcalinotérreos, o calcio, o estroncio e o bario, obtéñense a partir dos carbonatos insolubles en que están inseridos.

Por último, os lantánidos e os actínidos adoitan obterse a partir dos fosfatos, que son uns sales en que poden estar incluídos.

Usos na industria

Algúns metais que están destinados a un uso especial, son o antimonio, o cadmio ou o litio.

Os pigmentos amarelos e laranxas do cadmio son moi buscados pola súa grande estabilidade, como protección contra a corrosión, para as soldaduras e as aliaxe correspondentes e na fabricación de baterías de níquel e cadmio, consideradas excelentes pola seguridade do seu funcionamiento. Tamén se emprega como estabilizador nos materiais plásticos (PVC) e como aliaxe para mellorar as características mecánicas do arame de cobre.[2] A súa produción lévase a cabo no momento da refinación de zinc, co que está ligado, e trátase dun perigoso contamiante.

O litio, metal lixeiro, emprégase na cerámica e nos cristais, como catalizador de polimerización e como lubricante, así como para a obtención do aluminio mediante electrólise. Tamén se emprega para soldar, nas pilas e nas baterías para reloxos, en medicina e en química.

O níquel, a causa da súa elevada resistencia á corrosión, serve para niquelar os obxectos metálicos, coa fin de protexelos da oxidación e de darlles un brillo inalterable na intemperie.

O denominado «ferro branco» é, en realidade, unha lámina de aceiro doce que recibe un baño de cloruro de zinc fundido, e á que se dá despois un revestimento especial de estaño.

Aliaxes

Cuscuzeiro de alumínio e barro.
Exemplo de aliaxe lixeira

Os metais poden formar aliaxe entre si e clasifícanse en:

  • Ultralixeiras: Densidade en g/cm³ inferior a 2. Os máis comúns deste tipo son o magnesio e o berilio.
  • Lixeiras: Densidade en g/cm³ inferior a 4,5. Os máis comúns deste tipo son o aluminio e o titanio.
  • Pesadas: Densidade en g/cm³ superior a 4,5. Son a maioría dos metais.

Notas

  1. Los Detectores de Metales en Áreas Históricas: The Metal Detectors in ... en Google libros
  2. Vademécum de electricidad, pag 29, en Google libros

Véxase tamén

Ligazóns externas

Aluminio

O aluminio é o elemento químico, de símbolo Al e número atómico 13. Co 8,13 % é o elemento metálico máis abundante na codia terrestre. O aluminio é demasiado reactivo quimicamente como para que apareza só, polo que se atopa combinado na natureza cuns 270 minerais distintos.

A súa lixeireza, condutividade eléctrica, resistencia á corrosión e baixo punto fusión convérteno nun material idóneo para multitude de aplicacións, especialmente en aeronáutica. Así a todo, a elevada cantidade de enerxía necesaria para a súa obtención dificulta a súa maior utilización; dificultade que pode compensarse polo seu baixo custo de reciclado, a súa dilatada vida útil e a estabilidade do seu prezo.

Calcio

O calcio é un elemento químico, símbolo Ca, de número atómico 20 (20 protóns e 20 electróns) e masa atómica 40 u.

É un metal do grupo dos alcalino-terrosos, pertencente ao grupo 2 da clasificación periódica dos elementos químicos.

É un elemento sólido na temperatura ambiente, maleábel, dúctil que reacciona violentamente coa auga.

É un elemento químico esencial ao ser humano. Unha persoa ten entre 1,5 e 2% de calcio en peso, do cal o 99% encóntrase nos ósos , dentes, no restante dos tecidos, e en fluídos corporais intervindo no metabolismo celular. É rico no leite, algúns vexetais, e en espiñas de peixes. Tamén, en cunchas e estalactitas.

O calcio encóntrase abundantemente na natureza, sempre na forma de minerais. Foi descuberto en 1808 por Humphry Davy, mediante a electrólise dunha amálgama de mercurio e cal.

Cinc

O cinc ou zinc (do alemán Zink) é un elemento químico de símbolo Zn, número atómico 30 (30 protóns e 30 electróns) con masa atómica 65,4 uma. A temperatura ambiente, o cinc encóntrase en estado sólido. Está situado no grupo 12 (2 B) da clasificación periódica dos elementos.

As aliaxes de cinc teñen sido utilizadas durante séculos (pezas de latón datadas de 1400-1000 a.C. foron encontradas en Palestina), e outros obxectos con até 87% de cinc foron achados na antiga rexión da Transilvania.

A principal aplicación do cinc (cerca de 50% do consumo anual) é na galvanización do aceiro ou ferro para protexelos da corrosión, isto é, o cinc é utilizado como ánodo de sacrificio. Tamén pode ser usado en protectores solares, en forma de óxido, pois ten a capacidade de parar a radiación solar.

O cinc é un elemento químico esencial para as persoas: intervén no metabolismo de proteínas e ácidos nucleicos, estimula a actividade de máis de 100 enzimas, colabora no bo funcionamento do sistema inmunolóxico, é necesario para a cicatrización das feridas, intervén na percepción do sabor e do olfacto e na síntese do ADN.

Foi descuberto en 1746 polo alemán Marggraf.

Ferro

O ferro (do latín ferrum) é un elemento químico, símbolo Fe, de número atómico 26 (26 protóns e 26 electróns ) e masa atómica 56 u. A temperatura ambiente, o ferro atópase en estado sólido.

É extraído da natureza baixo a forma de mineral de ferro que, despois de distintos procesos de transformación, é usado na forma de lingotes. Se se engade carbono dáse orixe a varias formas de aceiro.

Este metal de transición atópase no grupo 8B da Clasificación Periódica dos Elementos. É o cuarto elemento máis abundante da codia terrestre (aproximadamente 5%) e, entre os metais, soamente o aluminio é máis abundante. Tamén é un dos elementos máis abundantes do Universo. O núcleo da Terra está formado principalmente por ferro e níquel (NiFe), xerando un campo magnético.O ferro foi historicamente importante, e un período da historia recibiu o nome de Idade de Ferro.

Actualmente é utilizado para a fabricación de ferramentas, máquinas, vehículos de transporte (automóbeis, navios etc.), como elemento estrutural de pontes, edificios, e infinidade doutras aplicacións.

Fósforo (elemento)

O fósforo (P) é o elemento número 15 da táboa periódica; isto é, ten 15 protóns no seu núcleo, e, en estado neutro, outros tantos electróns. É un non metal multivalente pertencente ao grupo do nitróxeno, que se atopa na natureza combinado en fosfatos inorgánicos i en organismos vivos, pero nunca en estado nativo. É moi reactivo e oxídase espontáneamente en contacto có osíxeno atmosférico emitindo luz, dando nome ao fenómeno da fosforescencia.

Hard rock

O hard rock ou rock duro é un xénero musical derivado do rock and roll con influencias de guitarras blueseras relacionado en principio co heavy metal.

Heavy metal

O heavy metal (/ˈhɛvɪˈmɛtl/) é un xénero musical derivado do rock a finais dos anos 1960 e comezos dos 1970, principalmente nos Estados Unidos de América e no Reino Unido. Partindo do blues e o rock psicodélico, os grupos pioneiros do heavy metal desenvolveron un son máis marcado e profundo caracterizado por unha distorsión amplificada, solos de guitarra e ritmos enerxéticos. As letras e actuacións dos grupos de heavy metal adoitan asociarse coa masculinidade e agresividade.Os primeiros grupos considerados dentro do heavy metal, como Led Zeppelin, Black Sabbath e Deep Purple, atraeron grandes audiencias malia ser criticados habitualmente nos medios de comunicación, e a mediados dos anos 1970 Judas Priest supuxo un estímulo na evolución do xénero ao descartar gran parte da influencia do blues. Outros grupos como Motörhead introduciron características do punk rock incrementando a énfase na velocidade e a finais da década de 1970 os grupos da Nova Onda do Heavy Metal Británico como Iron Maiden e Saxon continuaron con esta evolución.

Na década de 1980 o glam metal tivo grande éxito comercial con grupos como Mötley Crüe e Poison, mentres que nos ámbitos underground comezaron a desenvolverse unha serie de estilos máis agresivos. O thrash metal fíxose popular grazas a grupos como Metallica, Megadeth, Slayer e Anthrax, aínda que outros subxéneros máis extremos como o death metal e o black metal seguiron unha evolución máis separada das correntes principais. Dende mediados dos anos 1990 comezaron a popularizarse diversos subxéneros que expandiron a definición do xénero. Algúns destes son o groove metal (exemplificados no grupo Pantera), influenciado polo metal extremo e o hardcore punk, e o nu metal (con grupos como Slipknot, Korn ou Linkin Park), que adoita incorporar elementos do grunge e do hip hop.

Magnesio

O magnesio é o elemento químico de símbolo Mg e número atómico 12. É o sétimo elemento en abundancia constituíndo da orde do 2% da cortiza terrestre e o terceiro máis abundante disolto na auga de mar. Emprégase primordialmente como elemento de aliaxe.

Manganeso

O manganeso é un elemento químico de número atómico 25 e símbolo Mn. Está situado no grupo 7 da táboa periódica dos elementos e pertence ó grupo dos metais de transición.

Mercurio (elemento)

O mercurio (chamado popularmente azougue, amais da forma literaria hidrarxirio) é un elemento metal líquido a temperatura ambiente de número atómico 80, moi denso, de cor branca prateada. Algunhas das fontes de emisión á atmosfera ou ó ambiente en xeral máis importantes deste contaminante tóxico e bioacumulable son a incineración de residuos ou determinados procesos industriais.

O mercurio aparece en depósitos en todo o mundo, principalmente como cinabrio (sulfuro de mercurio). O pigmento vermello denominado vermellón obtense triturando cinabrio natural ou sulfuro de mercurio obtido por síntese.

O envelenamento por mercurio pode resultar da exposición ás formas solubles en auga do mercurio (como o cloruro mercúrico ou o metilmercurio), pola inhalación de vapor de mercurio, ou pola inxestión de calquera das súas formas.

Metal alternativo

Metal alternativo é un subxénero do heavy metal que gañou popularidade a principios dos anos 90. As bandas deste xénero destacan polos seus pesados riffs de guitarra que tenden cara a experimentación, teñen letras pouco convencionais, tempos impares con máis contratempos que o metal normal, usa técnicas máis inusuais, afástase dos convencionalismos do heavy metal e incorpora un amplo rango de influencias fóra da escena musical do metal.

Música rock

Rock ou música rock é un xénero musical popular que se desenvolveu durante e despois da década de 1950. As súas raíces atópanse no rock and roll e máis no rockabilly que emerxeu e se definiu nos Estados Unidos de América ao final dos anos corenta e inicio dos cincuenta. Evolucionou a partir do blues, da música country e do rhythm and blues, entre outras influencias musicais que mesmo inclúen o folk, o jazz e a música clásica. Todas estas influencias combinadas nunha estrutura musical bailábel e de composición sinxela.

Os sons do rock adoitan xirar sobre a guitarra eléctrica ou acústica, e ten unha forte sección rítmica formada polo baixo, a batería, e instrumentos de teclado coma órgano, piano ou, dende os anos 70, os sintetizadores. Xunto coa guitarra ou os teclados, ás veces tamén son usados como instrumentos solistas o saxofón ou a harmónica cun estilo blues.

A finais dos 60 e principios dos 70 desenvolvéronse diferentes estilos dentro do rock. Cando foi mesturado coa música folk apareceu o folk rock, uníuse ao blues para crear o blues-rock e co jazz na jazz-rock fussion. Nos anos 70 o rock incorporou influencias do soul, o funk e a música latina. Tamén nesa época desenvolvéronse numerosos subxéneros, coma o soft rock, glam rock, heavy metal, hard rock, rock progresivo e punk rock. Os subxéneros que xurdiron nos anos 80 inclúen o New Wave, o hardcore punk e o rock alternativo. Nos anos 90 apareceron o grunge, o britpop, o indie rock e o nu metal.

Níquel

O níquel é un elemento químico de número atómico 28 e símbolo Ni situado no grupo 10 da táboa periódica dos elementos.

Ouro

O ouro é un elemento químico de número atómico 79 situado no grupo 11 da táboa periódica. O seu símbolo é Au (do latín aurum). O ouro é un metal de transición brando, brillante, amarelo, pesado, maleable, dúctil (trivalente e univalente) que non reacciona coa maioría de produtos químicos, pero é sensible ao cloro e á auga rexia. O metal atópase normalmente en estado puro e en forma de pebidas e depósitos aluviais e é un dos metais tradicionalmente empregados para cuñar moedas. O ouro utilízase na ourivaría, a industria e a electrónica.

Potasio

O potasio é un elemento químico da táboa periódica cuxo símbolo é K (do latín Kalium) e cuxo número atómico é 19. É un metal alcalino, branco-prateado que abunda na natureza, nos elementos relacionados coa auga salgada e outros minerais. Oxídase rapidamente no aire, é moi reactivo, especialmente en auga, e parécese quimicamente ao sodio. É un elemento químico esencial.

Prata

A prata é un elemento químico de número atómico 47 situado no grupo 11 da táboa periódica dos elementos. O seu símbolo é Ag. É un metal de transición branco e brillante, e posúe unha alta ductilidade e maleabilidade.

Presenta as maiores condutividades térmica e eléctrica de tódolos metais, e atópase formando parte de distintos minerais (xeralmente en forma de sulfuro) ou como prata libre.

Punto de fusión

O punto de fusión é a temperatura do momento no cal unha substancia pasa do estado sólido ao estado líquido. Nas substancias puras, o proceso de fusión ocorre nun momento determinado. Este punto non depende da presión.

O material co punto de fusión máis alto é o grafito, cun punto de fusión de 3.948 K. O metal puro co punto de fusión máis elevado é o volframio: 3683-3687-3695 K.

Sodio

O sodio é un elemento químico de símbolo Na e número atómico 11, pertencente ao grupo dos metais alcalinos.

Trombón

O trombón é un instrumento de vento metal cun tubo de sección cilíndrica, boquilla de copa e mecanismo de corredeira. O seu antecedente é a bucina romana.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.