Mel de Galicia

O Mel de Galicia é unha Indicación Xeográfica Protexida baixo a cal preténdese destacar a excelencia do mel producido en Galicia que, reunindo as características definidas no seu regulamento, cumpre os requisitos de produción, procesado e envasado.

Este mel prodúcese en colmeas de cadros móbiles, por decantación ou centrifugación. Preséntase en estado líquido, cristalizado ou cremoso, podendo conter ademais, no primeiro dos casos, froitos secos. Tamén pode presentar en panais ou seccións.[1]

Dende 1997, a entón Consellería de Agricultura recoñece a denominación específica Mel de Galicia, rexistrada como indicación xeográfica protexida europea en 2007[2].

A denominación de orixe amparaba en 2008 a 405 apicultores (con 31.784 colmeas) e 37 envasadores, cunha produción total certificada de 620 toneladas (169 toneladas no ano 2000).[3]

Descrición

O senlleiro clima xunto as diferentes tipoloxías do solo e da vexetación do país achegan diferentes sabores e características ás meles producidas en Galicia. Así, o Consello Regulador da IXP Mel de Galicia estableceu unha serie de parámetros que os produtores de mel baixo a marca Mel de Galicia deben cumprir.[4]

Os distintos requirimentos esixidos son:

  • Unha humidade máxima do 18,5%.
  • Unha actividade diastásica superior a 9 na escala de Schade, agas naqueles meles con baixo contido encimático, nos que deberá ser superior a 4 (sempre que o hidroximetilfurfural non exceda os 10 mg/kg.)
  • Un máximo de 28 mg/kg. de hidroximetilfurfural.
  • Un espectro polínico que debe corresponder na súa totalidade ao propio de Galicia en función dos poles maioritarios e á porcentaxe mínima esixida para a monofloralidade.
  • Unhas calidades organolépticas que se correspondan coa súa orixe botánica polo que respecta á cor, ao arume e mailo sabor.

Zona xeográfica

A zona de produción, elaboración e envasado da IXP Mel de Galicia abrangue todo o territorio galego. A sede da Indicación Xeográfica Protexida atópase no Pazo de Quián, en Quián (Sergude, Boqueixón).

Tipos

CastañodePumbariños
Castiñeiro centenario no Souto de Rozavales.
Calluna vulgaris 1
Queiroga (Calluna vulgaris).
Bee pollinating Blackberry
Abella polinizando as flores dunha silveira.

Malia ser o Mel de Galicia unha denominación única, atópanse no seu seo distintos sabores e texturas, conferidos segundo as flores que lle dean a súa orixe. A meirande parte do mel galego é de milflores, é dicir, na súa elaboración non predomina unha orixe concreta, procedendo de diversas flores. Porén, prodúcense en Galicia outtros tipos de mel monofloral.

Castiñeiro

O mel producido a partir do castiñeiro ten nos soutos do interior do país os seus principais produtores. A zona norte da provincia da Coruña e as comarcas fronteirizas coa provincia de Lugo son as máis axeitadas para a produción deste mel. Destacan nas provincias de Lugo e Ourense as comarcas da Fonsagrada, A Ulloa, Os Ancares, Quiroga (O Courel), o Macizo central ourensán (serra de Queixa, serra de San Mamede, serra do Fial das Corzas e os Montes do Invernadeiro) o Val do Sil, o Bolo, Valdeorras e a raia ourensá. Na provincia de Pontevedra destacan as comarcas do Deza e Terra de Montes. Este mel é escuro, de sabor intenso e fortes recendos á flor.

Queiroga

A queiroga é unha planta abondosa nos montes galegos cubertos por matogueiras. A queiroga é precisamente a planta deste tipo de vexetación que permite unha maior produción de mel monofloral. Elaborado nas zonas de montaña, o mel de queiroga caracterízase pola súa coloración escura con tons vermellos e o seu sabor duradeiro e lixeiramente amargo. Entre as zonas de maior produción deste tipo de mel destacan A Fonsagrada e O Courel (Lugo), a serra da Capelada e a Comarca do Eume, no leste da provincia da Coruña, e as comarcas orientais da provincia de Ourense.

Eucalipto

O eucalipto, como resultado das intensivas repoboacións practicadas, marca decisivamente a produción de mel da costa galega. O mel de eucalipto é de cor ámbar, sabor suave e recendos céreos. A zona de produción deste mel espállase ao longo das Rías Baixas, a comarca da Coruña, Ferrolterra e a Mariña de Lugo.

Silva

A abondosa aparición de matogueira mixta de plantas rosáceas, entre as que sobresaen pola súa presenza as silvas, permite a produción de meles monoflorais. O mel de silva adquire en Galicia cores escuras, sabores fortes e doces, e arrecendos frutais. As principais zonas de produción son o sur da provincia de Lugo (comarcas de Lemos e Sarria), o centro-sur da provincia de Ourense e ocasionalmente algúns lugares da provincia da Coruña.

Milflores

As abellas liban o néctar dun amplo abano de especies para produciren un mel de seu. Entre estas flores atópanse aquelas que teñen capacidade para a produción de meles monoflorais, ás que se lle suman outras moitas que melloran e arredondan o produto. Por iso mesmo, non todo o mel de milflores ten a mesma textura ou o mesmo padal. O mel das zonas costeiras procede da flor do eucalipto e doutras especies coma o salgueiro, ou plantas da familia das boraxináceas, das compostas (dente de león, leitaruga, cardos...), das crucíferas, das leguminosas e das rosáceas. Nas zonas do interior, ademais do castiñeiro, a silva e as queirogas, plantas leguminosas e campanuláceas e, en menor medida, labiadas e crucíferas, condicionan a produción dun mel netamente diferente ó da franxa costeira.

Consello regulador

O Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia é o organismo encargado de controlar, amparar e certificar o Mel de Galicia, identificando esta certificación coa contraetiqueta correspondente, que é o aval de que esta mel cumpre con todos e cada un dos requisitos de calidade reflectidos no Regulamento. A zona de produción, elaboración e envasado dos meles amparados abarca todo o territorio galego.

Notas

  1. Mel de Galicia: Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño
  2. Orde do 1 de outubro de 1997, da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, pola que se recoñece a denominación específica Mel de Galicia; Regulamento (CE) 868/2007 da Comisión, do 23 de xullo de 2007, pola que se inclúe no rexistro de indicacións xeográficas protexidas (DOUE 24.07.2007).
  3. [1] - Mel de Galicia: Datos técnicos
  4. RD 1049/2003, 1 de agosto Norma de Calidade relativa o mel (BOE nº186 do 5-08-2003)

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Denominación de Orixe Monterrei

A Denominación de Orixe Monterrei é unha das cinco cinco zonas con denominación de orixe para os seus viños existentes en Galiza.

Esténdese polo val do río Támega, ocupando algo menos de 500 hectáreas dos concellos de Castrelo do Val, Monterrei, Oímbra e Verín; outras 13.000 tamén están dedicadas a viñedos, mais fora da denominación de orixe. As 24 adegas e 380 viticultores producen dous millóns de litros anuais de viño cualificado.Uva branca: verdello, dona branca, verdello louro

Uva tinta: mencía, bastardo, araúxa

Denominación de Orixe Ribeira Sacra

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra é unha das cinco cinco zonas con denominación de orixe para os seus viños existentes en Galiza. Os viñedos, cultivados en socalcos nas pendentes ladeiras dos ríos Miño e Sil, constitúen xa elas soas un atractivo turístico.

A D.O. Ribeira Sacra está dividida en 5 subzonas: Amandi, Chantada, Quiroga-Bibei, Ribeiras do Sil-Ourense e Ribeiras do Miño. As variedades de uva usadas son:

Brancas preferentes: Albariño, Loureira, Treixadura, Godello, Dona Branca e Torrontés.

Tintas preferentes: Mencía, Brancellao, Merenzao, Tempranillo, Sousón e Caíño tinto.

Tintas autorizadas: Garnacha Tintorera e Mouratón.Os viñedos ocupan 1.242 hectáreas. As 95 adegas, que ocupan algo menos de 3.000 traballadores, producen máis de 2 millóns de litros anuais.

O amparo dos ríos achega un microclima á zona, que coa orientación sur das pronunciadas ladeiras favorecen a correcta maduración que as uvas necesitan para a elaboración duns caldos que en xa en época dos romanos eran descritos como Ouro líquido do Sil.

Denominación de Orixe Ribeiro

A Denominación de Orixe Ribeiro é unha das cinco cinco zonas con denominación de orixe para os seus viños existentes en Galiza. O viño que produce a zona coñécese internacionalmente como ribeiro.

Denominación de Orixe Rías Baixas

A Denominación de Orixe Rías Baixas é unha das cinco zonas con denominación de orixe para os seus viños existentes en Galiza. Creouse en 1980, e foi recoñecida como Denominación de Orixe en 1988.

Denominación de Orixe Valdeorras

A Denominación de Orixe Valdeorras está situada no nordeste da provincia de Ourense, pertencendo a unha das cinco Denominacións de Orixe de viño de Galicia. Abarca as superficies vitícolas dos municipios de A Rúa, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín e Vilamartín de Valdeorras.

Denominacións de Orixe de Galicia

As denominacións de orixe de Galicia abranguen diversos produtos representativos da gastronomía de Galicia, clasificados como denominación de orixe protexida. Na actualidade existen 27 produtos galegos con este distintivo, que van dende os queixos aos mexillóns, pasando polos viños os licores, a carne, o pan e ata os grelos.

Eucalipto

Eucalipto é a denominación dada ás especies vexetais do xénero Eucalyptus (do grego eu (εὖ), ben, e kalyptos (καλυπτός), cuberto; en alusión ás súas flores: ben cubertas, ben protexidas polo opérculo). O xénero inclúe máis de 600 especies autóctonas de Australia que forman parte da flora característica do continente australiano, existindo apenas un pequeno número de especies propias dos territorios veciños da Nova Guinea e Indonesia. De feito, ningún continente está tan marcadamente caracterizado por un só xénero de árbore como acontece na Oceanía cos eucaliptos.

A especie do xénero eucalipto máis espallada ao longo do país é o eucalipto azul (Eucalyptus globulus Labill.). A FAO, nunha reclasificación da sistemática desta especie, utiliza a forma E. globulus Labill. subsp. globulus. J. S. Labillardiere foi quen identificou esta especie, en 1792, a partir de mostras recollidas en Tasmania.

Faba de Lourenzá

A faba de Lourenzá é unha variedade de feixón con Indicación Xeográfica Protexida da zona de Lourenzá.

Indicación Xeográfica Protexida

A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) é un nome empregado para designar un produto agrícola, alimenticio ou doutro tipo, que posúe unha orixe xeográfica determinada e cuxa calidade ou reputación débese ao devandito lugar de orixe. Habitualmente, consiste no nome da localidade, rexión ou país de orixe de tales produtos.

Debido a que as calidades do produto proveñen do medio xeográfico no que se elaboran, a indicación xeográfica supón un viorto entre o produto e o lugar de orixe.

Mel

O mel é un líquido viscoso e azucrado producido polas abellas a partir do néctar recollido de flores e procesado polos enzimas dixestivos deses insectos, sendo almacenado en favos (ou panais) nas súas colmeas para servirlles de alimento durante o inverno.

É importante salientar que, a pesar de que o mel utilizado actualmente en maior escala na alimentación humana provén da produción das abellas melíferas, existen outros insectos que tamén o producen en menor cantidade e non son explotados economicamente.

Xuntamente co mel, as abellas producen outros importantes produtos: a cera, a xelea real, o própole e o pole.

Pan de Cea

O pan de Cea é un tipo de pan con Indicación Xeográfica Protexida que se fai en panadarías do concello de San Cristovo de Cea, na provincia de Ourense. A característica deste pan é a fariña, elaborada con trigo da terra. Tamén é moi importante a súa elaboración artesanal. A festa deste pan celébrase no mes de xullo.

Pemento de Arnoia

O pemento de Arnoia é unha variedade de pemento (Capsicum annuum L.) con Indicación Xeográfica Protexida, orixinaria do concello ourensán da Arnoia e cultivada principalmente ao longo da comarca do Ribeiro. Unha cooperativa comezou a comercializalos no ano 1969, e aproveitando a concentración da oferta, celébrase dende entón a festa do pemento da Arnoia, declarada de interese turístico, a primeiro fin de semana (de xoves a domingo) do mes de agosto.

Pemento do Couto

O pemento do Couto é unha variedade de pemento (Capsicum annuum L.) con Indicación Xeográfica Protexida, orixinaria da comarca coruñesa de Ferrolterra. Toman o seu nome do mosteiro do Couto (Narón), lugar onde os monxes comezaron a selección e cultivo destes pementos.O derradeiro domingo do mes xullo, celébrase no concello de Narón a Festa do Pemento do Couto.

Queixo de Arzúa-Ulloa

O queixo de Arzúa ou queixo de Ulloa é un queixo DO galego, de leite de vaca, que se acolle protexido pola denominación de orixe Arzúa-Ulloa. Tamén se lle pode chamar queixo de Lugo, queixo de Chantada ou queixo de Curtis nas diversas localidades da súa ampla zona de fabricación.

Queixo de Tetilla

Este artigo trata sobre un tipo de queixo, para o xénero de plantas véxase Tetilla (xénero).O queixo Tetilla é un queixo DO elaborado en Galiza con leite de vaca. Tamén é coñecido como queixo de Illana, por celebrarse a feira máis importante no lugar da Illana (Fisteus, Curtis). En 2010 chegouse a producir 2,8 millóns de queixos.

Queixo do Cebreiro

O Queixo do Cebreiro é un queixo DO galego producido nos concellos de Baralla, Becerreá, Folgoso do Courel, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Triacastela e Pedrafita do Cebreiro.

Elabórase basicamente con leite de vaca ó que se lle pode engadir leite de cabra en cantidades non superiores a un 40%. É un queixo graxo cunha consistencia que depende do grao de maduración. A pasta é graúda e a codia fina.

É de cor branca ou amarela, segundo a maduración. Ten un sabor lixeiramente ácido e picante. A súa forma lembra un gorro de cociñeiro ou a un fungo. Os peregrinos que percorrían o camiño encargáronse desde vello de dalo a coñecer e hai documentación que acredita a súa existencia desde o século XVIII. A produción está limitada a unhas 20-28 toneladas anuais porque as explotacións da zona son poucas e de pequeno tamaño: en 2009 eran sete os gandeiros rexistrados, con dúas queixerías. Nese ano a produción total foi de 24.206 kg.

Quián, Sergude, Boqueixón

Quián é un lugar da parroquia de Sergude no concello coruñés de Boqueixón, na comarca de Santiago. Segundo o padrón municipal (INE) en 2013 tiña 29 habitantes (15 homes e 14 mulleres).

O pazo de Quián pertenceu á familia dos Campuzano. O edificio ten torre ameada cunha capela anexa, e no recinto hai un cruceiro de plataforma octogonal con pedestal, cruz e remates floreados. O pazo, pertencente á Xunta de Galicia, acolle a sede da Asociación pura raza do cabalo galego, as denominacións de orixe do queixo de tetilla, mel de Galicia e augardente de Galicia, así como o Centro de Formación e Experimentación Agro-Forestal de Sergude.

Ribeiro (viño)

Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Ribeiro.

Co nome xenérico de ribeiro coñécese a distintos tipos de viños, cultivados historicamente na comarca do Ribeiro. Na actualidade, o viño ten a súa propia denominación de orixe, que delimita zonas, tipos de uva e que promove a produción e a exportación da bebida.

Torta de Santiago

A torta de Santiago (nome oficial "Tarta de Santiago") é unha sobremesa tradicional e Indicación Xeográfica Protexida da cociña galega (orixinaria da capital, Santiago de Compostela) que pode atoparse en case todo o territorio español. Os ingredientes principais desta torta son a améndoa e os ovos.

Bebidas espirituosas
Carnes
Queixos e manteigas
Embutidos
Froitas
Hortalizas
Legumes
Mel
Peixes, moluscos e crustáceos
Panadería, pastelería, repostería
Viños

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.