Megalitismo en Galicia

Para comprender mellor os caracteres xerais deste fenómeno tan estendido, consulte o artigo megalitismo.

Galiza, o norte de Portugal até o río Douro, Asturias e o occidente das provincias de León e Zamora formaban parte dunha mesma zona megalítica, con arquitecturas, enxovais, unha organización social e un sistema de crenzas que hoxe estimamos relativamente homoxéneos. O megalitismo atlántico peninsular caracterízase pola abundancia de sitios arqueolóxicos, máis de cinco mil só en Galiza, e revela a existencia dunha poboación numerosa e moi espallada. O fenómeno tumulario galego dátase entre o VI milenio antes de Cristo e o 2000 a. C.

O megalitismo corresponde ás primeiras sociedades campesiñas, que habitaban un territorio dominado polo bosque caducifolio (carballos, piñeiros e bidueiros). O período climático é o que se coñece coma período atlántico e parte do subboreal, isto é, un clima cálido cunha temperatura media superior á actual, mais bastante chuvioso. Abundaban tamén os prados. Detéctase unha menor porcentaxe de arboredo no contorno dos sitios arqueolóxicos, probabelmente debido á deforestación co obxecto de aproveitar a leña.

Suponse que os lugares habitados non estarían lonxe de onde se atopan os túmulos, mais son poucos os que se teñen atopado. De aí a famosa frase de Alonso del Real: "Os habitantes do mundo megalítico morrían, pero non vivían".

Historia de Galicia
Descripcion Reyno de Galizia de Ojea

Este artigo é parte da
Categoría:Historia de Galicia

Prehistoria
O megalitismo
Idade de Bronce
Idade de Ferro
Cultura castrexa
Idade Antiga
Galaicos
Romanización
Cultura galaico-romana
Cristianización
Antigüidade tardía
Monarquía sueva
Chegada dos bretóns
Monarquía visigoda
Idade Media
Período altomedieval
Era Compostelá
Período feudal
Idade Moderna
Antigo Réxime
Ilustración en Galicia
Idade Contempóranea
A Restauración borbónica
Segunda República
Guerra civil española
Ditadura franquista
Período autonómico
Véxase tamén
Historia da lingua galega
Reino de Galicia
Galicia
Cronoloxía do Reino de Galicia

Estruturas arquitectónicas

Dolmen axeitos
Dolmen de Axeitos

A construción característica do megalitismo son os grandes monumentos construídos con grandes pedras. Os máis abundantes e típicos son as antas ou dolmens, que son estruturas funerarias sobre as que se constrúe un túmulo ou mámoa. Contan cunha cámara principal e ás veces un corredor, construídas con varias laxes fincadas e cubertas por outra ou outras. No interior da cámara acostuman aparecer gravuras ou pinturas de función simbólica.

Túmulos

Artigo principal: Mámoa.

As antas estaban parcial ou totalmente cubertas de terra, formando unha mámoa. Coñécense tamén coma medorras ou medoñas. As mámoas teñen planta circular ou ovalada, vense na paisaxe coma montes de terra suaves parecidos a mamas (de onde collen o nome) e son, polo xeral, visíbeis a longa distancia. A función destes túmulos é a de enterramento colectivo, xa que os mortos ían acompañados dun enxoval funerario consistente en alimentos, armas, útiles, adornos e ídolos. Non se ten conservado ningún esqueleto debido á acidez do solo.

Estes túmulos distribúense uniformemente por todo o territorio e aparecen tanto a escasos metros da costa coma nas altas montañas orientais. Son máis frecuentes na metade occidental e especialmente nos cumios das serras de superficies chas (coma na Serra do Barbanza) e en chairas situadas a media altura, nunca en pendentes escarpadas. As mámoas adoitan aparecer en conxuntos, formando necrópoles tumularias.

O diámetro oscila entre os 8 metros e os 40. Os máis grandes son o da Mouta Grande (Verea) e o da Madorra da Granxa (Castro de Rei), que chegan aos 70 m. A altura oscila entre os 50 cm e os 4 m, malia que a maioría non supera os 2 m. Habitualmente existe un anel periférico de pedra e unha coiraza. Dado que os túmulos foron usados durante longos períodos de tempo, as estruturas varían, dándose casos de túmulos que incorporan túmulos preexistentes.

Dolmens

Artigo principal: Dolmen.

As estruturas interiores das mámoas constitúen a cámara funeraria, que adoita ser de planta poligonal. Están construídos con pedras de gran tamaño (aínda que, en poucas ocasións, sexa simplemente cachotería). Os ortóstatos están fincados verticalmente e inclinados cara ao interior. Féchanse por riba con pedras de grande tamaño. Paviméntanse con terra batida ou mesmo lousas. En Galiza son de tamaño pequeno.

Os dolmens simples son os máis antigos. Durante o período de maior desenvolvemento da cultura megalítica apareceron os dolmens de corredor, nos que estes corredores, de tamaño pequeno, se unen á cámara e se van ampliando cara ao exterior. Parece que os corredores tiveron importancia ritual, xa que neles teñen aparecido elementos simbólicos, coma estelas.

Os enxovais son pouco abondosos hoxe en día, en parte debido ao espolio secular ao que foron sometidas as mámoas.

Cistas

CasotaFrean.jpeg
"Casota de Freán", en Berdoias, Vimianzo - posíbel cista

No último período do megalitismo os enterramentos fanse máis pequenos e consisten en túmulos secundarios en masas tumularias, túmulos sen cámara diferenciada e cistas sen túmulo.

Menhires

Os menhires parece que non están relacionadas cos ritos funerarios. Existen poucos se se compara con outras áreas coma Gran Bretaña ou Bretaña. O máis coñecido é a Lapa de Gargantáns (Moraña), que mide 2,35 m de altura. Presenta un escote, coma a dos ídolos dos dolmens con corredor, algunhas gravuras e decoración de cazoletas en todas as súas caras. O menhir de Cristal (Ribeira) mide 2,50 m, ten nove cazoletas nunha das caras e unha noutra. Coñécense outros menhires (tamén denominados pedrafitas), coma o de Pedra Chantada (Vilalba), o da Pedra Alta de Cortegada e outros dous en Guntín.

Os menhires galegos rematan en punta, teñen os lados asimétricos e están decorados con cazoletas.

Crómlech e círculos líticos

O consenso existente entre investigadores actuáis, destacan a escasa presenza de crómlech e círculos líticos en Galicia, fronte a numerosa cantidade de túmulos e dólmenes conservados no territorio.

O feito de que non se coñeza en galego ningún nome popular específico para designar este tipo de estructuras circulares, pode darnos una idea de que non son moi frecuentes (Vilaseco, 2009[1]).

A maioría dos supostos círculos de pedras (crómlech) desapareceron. Coñécense os da Eira das Meigas no monte Neme, na illa da Estrela (Corme), no Areoso (illa de Arousa), no monte Corzán (Negreira) e na chaira da Mourela (As Pontes).

Primeiras investigacións

Na definición de fenómenos megalíticos, La Tour d´Auvergne introduciu termos inspirados no bretón como "dolmen" ou "menhir", ós que atriuiu erróneamente un orixe celta. Con posterioridade ó longo do século XIX e principios do XX, xorde un movemento entusiasmado polo celtismo, que trata de documentar estes fenómenos realizando búsquedas por todo o territorio galego.

Os primeiros estudos da época falarán principalmente de castros e menhires, sen definir os círculos líticos ata a escritura de Historia de Galicia de Manuel Murguía en 1875. A pesar dos primeiros nomeamentos, non se aportou documentación gráfica ou xeográfica específica, polo que actualmente resultan imposibles de identificar (Vilaseco, 2009)

En 1867, publícase Estudios sobre la época céltica en Galicia por Leandro de Saralegui y Medina, no que se citan sen chegar a definilos, <<grandes agrupacións de menhires estendidos por un espazo máis ou menos extenso, sen orde simétrica, formando, cando menos na apariencia, inmensos carneillous>>

Evolución

Nunha primeira fase ou "fase inicial" as antas máis antigas eran poligonais simples e as cámaras eran de pequeno tamaño (12 m de diámetro por 1 m de altura) e sen corredor. Os enxovais típicos consisten en cerámica lisa ou con decoración impresa e instrumental lítico como micrólitos, lamelas, doas de variscita e machadas pulidas.

Durante a segunda fase ou "fase de apoxeo", desde comezos do IV milenio, apareceu o corredor de entrada, as cámaras fixéronse algo maiores e comezaron a gravarse ou pintarse as lousas. Prodúcese o espallamento deste fenómeno pola meirande parte do territorio galaico. Os enxovais inclúen os materiais da fase anterior, mais aumentan os instrumentos pulidos, predominando a punta de frecha de base triangular. Éntrase no Neolítico final e o calcolítico inicial.

As mámoas do último período ou "fase final" (2200-2000 a.C.) son de tamaño reducido (entre 6 a 12 m de diámetro e menos de 1 m de altura). Son sartegos de forma cadrada ou rectangular e cunha única tampa como cuberta que salientan menos na paisaxe. Parece coma se se abandonasen os enterramentos colectivos e se xeneralizasen os individuais. Os enxovais son distintos dos anteriores: dobres machadas, dobres aixolas, mazas, ciceis e aixadas grandes. A presenza de obxectos perforados tense interpretado como proba da existencia de contactos coas rexións atlánticas de Francia e da Bretaña e o sur da Península Ibérica. Este período antecede á aparición da cultura do vaso campaniforme.

Economía

A economía era mixta, baseada na agricultura (leguminosas e cereais) e na gandaría (caprinos e ovinos, xunto con súidos e gando vacún). Ademais, estas actividades completaríanse coa recolección de froitos, a caza e a pesca.

O megalitismo galaico mantén contactos comerciais (algúns estudos e investigadores sinalan a presenza dunha rede de intercambio a máis longa distancia, relacionándoo con outros focos da fachada atlántica europea: Bretaña francesa, Illas británicas e Irlanda) e recibe a influencia doutras comunidades megalíticas da área portuguesa e probablemente do occidente asturiano.

Arte

As manifestacións artísticas da cultura megalítica galaica son fundamentalmente a pintura, o gravado e a escultura.

No caso da pintura consérvanse poucas representacións por mor da humidade ambiental. Aparece máis ca nada nos monumentos de corredor, cun predominio da figuración xeométrica. Algunhas construcións con pinturas son o Dolmen de Dombate, Pena Cuberta ou o Forno dos Mouros, entre outros.

No tocante ó gravado os motivos seguen a ser xeométricos predominantemente (zigzags, círculos, motivos en O, ondulacións, motivos radiais, báculos, cruzamentos, figuras antropomorfas esquemáticas e a enigmática "A Cousa"). "A Cousa" é unha figura da que non se coñece con exactitude o seu significado, que segundo algunhas interpretacións podería ser unha machada.

Pola súa banda as esculturas aparecen situadas nos monumentos, entre o anel periférico e a entrada do corredor. Son dunha representación moi sinxela e esquemática, aínda que de tipoloxía variada.

Teorías

Durante a década de 1920 apareceu a teoría "orientalista", segundo a cal os construtores de megálitos proviñan do leste mediterráneo. Posteriormente, Bosch Gimpera postulou a teoría "occidentalista", segundo a cal os primeiros construtores serían pastores descendentes dos grupos mesolíticos asentados no noroeste da Península Ibérica, de onde se difundiría cara ao sur. Actualmente pénsase que esta cultura puido ter a súa orixe no Alto Alentexo, onde se teñen atopado sepulcros sen corredor, coñecidos coma "protodolmens". Destes xurdirían os dolmens de corredor con enterramentos colectivos que se expandirían cara ao norte. A teoría dos contactos e relacións marítimas con Bretaña e Irlanda está practicamente desbotada para as etapas iniciais deste período.

Historia posterior

En xeral, tódolos túmulos e monumentos megalíticos teñen unha importante historia posterior ó seu momento de construción e uso principal, por seren precisamente monumentos construídos coa intención de ser visibles na paisaxe e destacar sobre o seu entorno. Desta maneira, chamaron a atención de múltiples culturas posteriores no tempo e puideron ser reempregados de moi diversas maneiras. Por exemplo, en época romana puideron ser empregados como postos de vixiancia no entorno do campamento da Cidadela (Sobrado)[2]. Bastantes deles foron destruídos en época recente co obxecto de atopar supostos tesouros de ouro (deixando o chamado cono de violación) ou como consecuencia das actividades agrícolas (labradíos, repoboacións forestais), apertura de estradas, establecemento de industrias etc. De moitos fica xa só a lembranza na toponimia.

Notas

  1. Vilaseco Vázquez, Xosé Ignacio (2009). "O círculo que foi. A Mourela no seu contexto histórico". Círculo de engaños: excavación del cromlech de A Mourela (As Pontes de García Rodríguez, A Coruña).: 37.
  2. Costa García, José Manuel (2013). "Las primeras intervenciones arqueológicas en A Cidadela (Sobrado dos Monxes, A Coruña)" (PDF). Gallaecia 32: 109–127. ISSN 0211-8653.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Bonilla Rodríguez, Andrés e Fábregas Valcarce, Ramón (eds.) (2009). Círculo de engaños: Excavación del cromlech de A Mourela (As Pontes de García Rodríguez, A Coruña). Andavira. ISBN 978-84-8408-543-0.
  • Caamaño Gesto, José Manuel (2007). A gran historia de Galicia. Prehistoria de Galicia. T. 1. V. 1: O Paleolítico e o Epipaleolítico. O neolítico e o Megalitismo.
  • Rodríguez Casal, Antón A. (edición) (1997). O neolítico atlántico e as orixes do megalitismo. Actas do Coloquio Internacional. Santiago de Compostela. USC. ISBN 84-8121-649-6.

Outros artigos

Ligazóns externas

Arquitectura prehistórica de Galicia

A arquitectura prehistórica de Galicia abrangue aquelas formas de construción empregadas polos habitantes de Galicia dende hai 2 millóns de anos (Prehistoria) ata a chegada dos romanos e a conseguinte romanización de Galicia.

Berdoias, Vimianzo

San Pedro de Berdoias é unha parroquia que se localiza no suroeste do concello coruñés de Vimianzo na comarca da Terra de Soneira. Segundo o IGE en 2013 tiña 247 habitantes (125 mulleres e 122 homes) distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 332 habitantes.

Castro de Armeá

O castro de Armeá (ás veces castro de Augas Santas) é un castro situado no lugar de Armeá, na parroquia de Augas Santas, pertencente ó concello ourensán de Allariz. A cronoloxía de ocupación do Castro é entre o século IV-III a.C e o século IV da nosa era.

Castro de Castromao, Celanova

O castro de Castromao é un castro situado no actual concello de Celanova, no sueste da provincia de Ourense. Suponse que foi habitado polo pobo dos coelernos. En 2018 foi declarado Ben de Interese Cultural.

Castro de Fazouro

O Castro de Fazouro é un antigo castro que se atopa no concello de Foz, na provincia de Lugo. É o único que se conserva como museo en toda a costa cantábrica galega[Cómpre referencia].

Castro de Santa María de Cervantes

O castro de Santa María de Cervantes é un poboado castrexo situado na ribeira dos Ancares, na parroquia do Castro, a 12 km da capital do concello de Cervantes, na provincia de Lugo.

Castro de Troña

O castro de Troña é un castro galaico pertencente á cultura castrexa, situado na parroquia de Pías (Ponteareas), é un bo exemplo de "castro cristianizado" coa construción dunha capela na súa croa. É un Ben de Interese Cultural (BIC) con categoría de monumento dende o ano 2009.

Castro de Zoñán

O Castro de Zoñán ou A Croa de Zoñán é un castro situado na parroquia dos Remedios, no concello de Mondoñedo, na provincia de Lugo.

As datas de ocupación do mesmo, segundo a cultura material atopada, móvense entre os séculos II e IV d. C., pero segundo os resultados das análises de carbono-14 os inicios do mesmo situaríanse en datas antes de Cristo.

Lévase escavando dende o ano 2002 e téñense recuperado diversas vivendas e restos de cultura material. No ano 2004 colocáronse dúas mesas interpretativas para poder facer unha visita libre ao castro. No ano 2007 o Concello de Mondoñedo editou o libro O Castro de Zoñán (Mondoñedo, Lugo) Campañas 2002-2004, que recolle os traballos e conclusións das tres primeiras campañas: 2002, 2003 e 2004.

Castro dos Prados

O Castro dos Prados ou Castro de Punta dos Prados é un poboado pertencente á Cultura castrexa, un castro dos coñecidos como costeiros.

Castros de Galicia

Para unha relación non exhaustiva de castros existen as seguintes listaxes de castros de Galicia, ordenados por provincias:

Castros da provincia da Coruña

Castros da provincia de Lugo

Castros da provincia de Ourense

Castros da provincia de Pontevedra

Centro Arqueolóxico do Barbanza

O Centro Arqueolóxico do Barbanza é un centro de interpretación da prehistoria da Península do Barbanza. Foi creado en 2002, e está situado no istmo de Punta Neixón, en Nine (Cespón, Boiro), a carón dos castros grande e pequeno de Neixón.

No seu interior, que está estruturado en tres andares, móstranse reproducións das principais evidencias das ocupacións prehistóricas que transformaron a paisaxe desde o Neolítico até a Idade de Ferro: unha vivenda castrexa, petróglifos e copias dalgúns dos restos atopados durante as escavacións. Tamén organiza conferencias, proxeccións e rotas arqueolóxicas, históricas, ambientais e etnográficas.

Cono de violación

Un cono de violación é o buraco que presentan moitas mámoas na súa parte superior. Este buraco é froito do espolio e dunha escavación ilegal na procura de tesouros ou para o aproveitamento das pedras. Atópanse mámoas en moitos lugares onde houbo cultura megalítica.

Dolmen

Un dolmen, pala ou anta é un monumento megalítico tumulario colectivo, datado desde o fin do V milenio a.C. ata o fin do III milenio a.C. en Europa, e ata o I milenio no Extremo Oriente. Está constituído por unha cámara formada por unha gran laxe pousada horizontalmente sobre pedras verticais que a sustentan (ortóstatos).

Galería de imaxes de castros galegos

Galería de imaxes de castros galegos.

Megalitismo

O megalitismo é un período da prehistoria caracterizado pola construción de monumentos e arquitecturas a base de grandes pedras sen labrar chamados megálitos. Estes monumentos inclúen os dolmens ou antas e os menhires ou pedrafitas (pedras fincadas soas, aliñadas ou en círculo).

Menhir

Un menhir é un monumento prehistórico, megalítico, que se limita a unha gran pedra ergueita plantada no chan.

Mámoa

As mámoas ou medoñas son túmulos funerarios característicos do Neolítico do noroeste da Península Ibérica.

Ortóstato

En arqueoloxía, un ortóstato é unha pedra fincada verticalmente que serve de soporte ou de elemento de fechamento nos monumentos megalíticos. Popularmente coñécese como esteo ou chanta.

En arquitectura, un ortóstato é unha placa monolítica con relevos que decora as partes baixas dun muro. Pode ser de diversos materiais, da madeira á pedra dura (por exemplo o basalto. Esta forma de decoración estaba especialmente difundida no Próximo Oriente durante a Idade de Ferro. As decoracións podían ser en relevo ou, máis raramente, en incisións. Oponse ao diátono, que se coloca co lado máis curto á vista.

Petróglifos de Mogor

Os Petróglifos de Mogor, entre os que destaca o Labirinto de Mogor, son unha estación rupestre situada no lugar de Monte, na parroquia de Mogor, no concello de Marín, provincia de Pontevedra.

Cronoloxía
Megálitos
Petróglifos de Galicia
Castros de Galicia
Institucionalización

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.